Concilio de Lugo

O Concilio de Lugo (a. 569) foi un sínodo católico da Gallaecia convocado, segundo afirman os textos onde se conservou a noticia, polo rei suevo Teodomiro o 1 de xaneiro do ano 569 (era DCVIIª) "para confirmar a fe católica e por outras causas da Igrexa".

LOAISA (1593) - Concilium apud Lucum
O Concilio de Lugo na edición de Loaísa (1593)

Historia

Así, finalizado o concilio canónico pasaríase á lectura dunha carta do rei na que, para a mellor administración do reino, convidaba aos padres conciliados en Lugo a ergueren novos bispados, e a elixiren, debido á grande extensión do país, unha outra sé metropolitana; escolleran entón os bispos a sé de Lugo para que fose metropolitana "así como Braga", e repartiran a cada catedral as dioceses e parroquias que lles correspondían, "para que non ocorrese entre os bispos contenda ningunha"[1].

É de notar que, perante a falta de actas deste sínodo (o documento só contén, ademais da noticia introdutoria, unha lista coas dioceses do reino dos suevos), algúns historiadores, con Henrique Flórez á cabeza, concluíron que a celebración do concilio de Lugo era moi dubidosa, e que eran falsos ou serodios os documentos onde ela se contén[2]. Pierre David, pola contra, estabeleceu a autenticidade básica (Parochiale sueuum) do repartimento diocesano que figura no texto dos documentos coñecidos como Concilio de Lugo, aínda que fixou a súa redacción entre os anos 572 e 582 (quer dicir, despois do segundo Concilio de Braga e so o reinado de Miro, sucesor de Teodomiro), e entendía que o limiar coa nova do Concilio e a lectura da carta do rei era unha confusa adición do século VII[3].

Loaísa editou en latín a primeira versión impresa do Concilio de Lugo, a partir dunha copia do texto tirada dun códice lucense do século XII, hoxe perdido[4]. Lucas de Tui[5], Brito[6], Contador de Argote[7] e M. Risco[8] publicaron outras versións do documento achadas por eles en diferentes manuscritos; da súa parte, Sáenz de Aguirre[9], o citado Flórez[10] e Mansi[11] reproducen a versión impresa por Loaísa, a mesma verquida despois por Huerta y Vega ao español[12]. Finalmente, a edición crítica do texto latino foi obra de David[13], e del pasou ao Corpus christianorum[14].

Notas

  1. BRITO (1609: 194v); CONTADOR DE ARGOTE (1734: 806).
  2. FLÓREZ (1749: 130-176).
  3. DAVID (1947: 64-68).
  4. LOAÍSA (1593: 128-129).
  5. TUDENSIS (1608: 55-56).
  6. BRITO (1609: 194v-196).
  7. CONTADOR DE ARGOTE (1734: 849-852).
  8. RISCO (1796: 341-343).
  9. SÁENZ DE AGUIRRE (1694: 300).
  10. FLÓREZ (1749: 131-133).
  11. MANSI (1763: col. 815-816).
  12. HUERTA Y VEGA (1733: 398-401).
  13. DAVID (1947: 30-44).
  14. Cch (1965: 411-420).

Véxase tamén

Bibliografía

  • BRITO, Bernardo de (1609): Monarchia Lusytana, II, Lisboa, lib. VI, 194v-196 [edição fac-similada com introdução de A. da SILVA REGO e notas de A. A. BANHA DE ANDRADE e M. dos SANTOS ALVES (2004): Monarquia lusitana, Imprensa Nacional—Casa da Moeda, Lisboa].
  • Corpus christianorum (ed. 1965): “Parochiale sueuum (seu Diuisio Theodemiri seu Concilium Lucense a. 569)”, Series Latina, CLXXV: Itineraria et alia geographica, Brepols, Turnhout.
  • CONTADOR DE ARGOTE, Jeronymo (1734): Memorias para a historia ecclesiastica do arcebispado de Braga, primaz das Hespanhas, II, Lisboa, 849-852 (trad. port. 853-856).
  • DAVID, Pierre (1947): Études históriques sur le Galice et le Portugal du VIe au XIIe siècles, L’Institut Français au Portugal, Lisboa-Paris.
  • FLÓREZ, Henrique (1749): España sagrada, IV, Madrid.
  • HUERTA Y VEGA, Fco. Xavier de la (1733): Anales de el Reyno de Galicia, I, Santiago de Compostela.
  • LOAÍSA, Garsia de (ed. 1593): Collectio conciliorum Hispaniæ, Madriti.
  • MANSI, Joannes Dominicus (ed. 1763): Sacrorum conciliorum noua et amplissima collectio, IX (a. 536-590), Florentiae.
  • RISCO, Manuel (1796): España sagrada, XL, ap. V, Madrid.
  • SÁENZ DE AGUIRRE, Joseph (ed. 1694): Collectio maxima conciliorum omnium Hispaniæ et Noui Orbis, II, Roma.
  • TVDENSIS, Lucae (1608): Chronicon mundi, lib. III, in Hispaniae Ilustratae, IV, I, Francofurti.
Catedral de Ourense

A catedral de Ourense, baixo a advocación de san Martiño, é un templo católico situado na cidade de Ourense, sede da diocese do mesmo nome. É de estilo románico de transición con influencias cistercienses nalgúns aspectos arquitectónicos e mateanos no eido escultural, pero no que se realizaron numerosas modificacións posteriores.

O templo foi construído como unha fortaleza defensiva, como adoitaba facerse nos edificios relixiosos da época. Pódese comprobar esta concepción na estrutura das torres orixinais e nas ameas que coroaban os muros, das que aínda queda algunha mostra se ben a maioría foron eliminadas durante as reformas posteriores.

Foi declarada Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931 e recibe os honores de basílica desde 1867, por Breve Pontificio do papa Pío IX asinado o 30 de xuño dese ano . Está rexistrada como Ben de Interese Cultural co código RI-51-0000771.

Concello de Cotobade

Cotobade foi un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. En 2016 fusionouse co concello de Cerdedo, dando orixe ao concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2014 tiña 4327 habitantes (2079 homes e 2248 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cotobadés.

Concilio

Concilio (do latín concilium) é unha reunión ou asemblea de autoridades relixiosas (bispos e outros eclesiásticos) xeralmente efectuada pola Igrexa Católica ou Ortodoxa, para deliberar ou decidir sobre as materias doutrinais e de disciplina.

Distínguense tres clases de concilios:

Os Concilios ecuménicos, xerais ou universais. Ata 1054, data en que se produciu o Gran Cisma de Oriente e Occidente, contabilizáronse oito concilios deste tipo. Convocados polo Emperador, salvo o oitavo que foi convocado conxuntamente polo Emperador bizantino e o Papa; participaban os bispos, abades e patriarcas de toda a cristiandade (Concilios Gregos).Desde 1054 este tipo de concilios só se celebraron en Occidente, onde sumaron outros doce concilios, sendo convocados en todos os casos polo Papa e participando todo o episcopado católico (Concilios Latinos).

O último Concilio Ecuménico foi o chamado "Vaticano II" xa que a súa sede foi na cidade do Vaticano (Roma, Italia) e foi o segundo nese lugar. A convocatoria realizouna Xoán XXIII en 1959 e foi clausurado polo Papa Paulo VI no ano 1965Os Concilios nacionais ou plenarios. Son convocados con autorización papal e neles só participa o episcopado dun continente, Estado ou rexión.

Os concilios provinciais. Son convocados polo bispo metropolitano da diocese provincial correspondente, celébranse periodicamente cada vinte anos, e neles participan os titulares de oficios eclesiásticos da diocese.Así temos os Concilios de Toledo, que foron Xuntas de Prelados e Magnates durante a dominación visigoda, que se celebraron en devandita cidade para tratar asuntos eclesiásticos e militares.

Diocese de Britonia

A diocese de Britonia (tamén chamada de Bretoña) foi unha antiga división episcopal da Gallaecia, e na actualidade é unha sé titular da Igrexa Católica.

Lugo

Lugo é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Mailoc

Mailoc (ou Maeloc) foi un bispo galego de orixe bretoa do século VI.

Nitixio

Nitixisio, Nitixesio ou Nitixio foi un eclesiástico suevo, bispo católico de Lugo a finais do século VI.

O Páramo

O Páramo é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Sarria. Segundo o IGE en 2014 tiña 1484 habitantes (1823 no 2006, 1858 no 2005, 1887 no 2004, 1873 no 2003).

Parochiale suevorum

O Parrochiale suevum, Parochiale suevorum (Parroquial suevo) ou Divisio Theodemiri é un importante manuscrito da segunda metade do século VI, onde se reflicte a organización administrativa e (maiormente) eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, contendo unha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dioceses: as nove tradicionais reflectidas no Concilio de Lugo, así como as catro dioceses formadas ó sur do Douro, que son as de Coimbra, Idanha, Lamego e Viseu. Ademais menciónase a diocese, non territorial senón étnica, de Britoniarum (Bretoña, norte da actual provincia de Lugo), que tamén aparece mencionada canda ó seu bispo Mailoc no Segundo Concilio de Braga). O manuscrito indica ademais a existencia de pagus (distritos) especificamente suevos. A súa importancia reside en non existir equivalente na época en ningunha outra provincia eclesiástica. Constitúe por tanto unha das referencias historiográficas máis importantes para a localización de pobos e poboacións na Gallaecia pos-romana, especialmente durante o Reino suevo.

Século VI

século V < século VI > século VII

O século VI é o período de tempo dende o 501 ata o 600 da era cristiá.

Turonio

Turonio é un topónimo galego en proceso de recuperación[Cómpre referencia]. Caeu en desuso no século XV aínda que conta con testemuños desde o século V. O seu xentilicio é turonián/turoniá.

É un topónimo bastante escuro e chega a nós por medio de fontes pouco claras. É tratado, segundo o informante, como: reguengo, condado, e de forma máis xenérica como Terra/s de Turonio. Tamén o topónimo vacila a súa forma: Toroño, Toronio, Turonio, Turonia, Torona, Torono... A utilización do feminino Turonia emprégase para referirse ao local do castelo, actual Torroña, e o masculino Turonio para o terreo máis extenso.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.