Coníferas

As coníferas (do latín cōnum < grego κῶνος "cono, piña" e fer- "levar") son as plantas ximnospermas da división Coniferophyta (ou Pinophyta), na súa maior parte árbores, mais tamén arbustos escandentes, presentes nas rexións tropicais e temperadas do planeta, onde son a principal compoñente da flora alpina. Son os vexetais capaces de vivir máis tempo: entre os piñeiro de California, hai exemplares con máis de 4.600 anos. No Hemisferio Norte, as coníferas forman extensos bosques en zonas de clima rigoroso que non poden poboarse por outras especies de árbores.

Exemplos de coníferas son as árbores do xénero Pinus, como os piñeiros de Europa (P. pinaster, P. pinea, P. sylvestris etc.), os abetos, as sequoias, os lárices, as piceas, os cedros, os alciprestes, as araucarias etc. As sequoias de California considéranse xigantes pola súa altura e robustez, unha vez que chegan a medir máis de 100 m de altura e poden vivir máis de 3.000 anos.

Coníferas
Piñeiro rubio (Pinus sylvestris)

Piñeiro rubio (Pinus sylvestris)
Clasificación científica
Reino: Plantae
Superdivisión: Tracheobionta
División: Spermatophyta
Clase: Gymnospermae
Subclase: Pinidae
ordes

Números de familia segundo Christenhusz et al. (2011).[1] Segundo os estudos filoxenéticos máis completos, cómpre incluir ás gnetales:[2]

  • Orde Gnetales
    • Familia 4. Welwitschiaceae
    • Familia 5. Gnetaceae
    • Familia 6. Ephedraceae

Morfoloxía

As follas da maior parte das coníferas son acículas longas e finas, mais as Cupressaceae e algunhas Podocarpaceae teñen follas en forma de escama. Os estomas encóntranse en liñas ou manchas nas follas e poden fecharse cando o tempo está demasiado seco ou frío. As follas son xeralmente verde escuras, o que axuda a absorber o máximo de enerxía do fraco calor solar das altas latitudes ou por baixo das copas dun bosque. Na maior parte dos xéneros, as follas son persistentes, xeralmente conservándose por varios anos antes de caeren.

A casca das sequoias pode ter unha espesura de ata 50 cm.

Reprodución

Thuja-orientalis2
Conos femininos de tuia (Platycladus orientalis).

A maior parte das coníferas son monoicas, mais algunhas son subdioicas ou mesmo dioicas. No entanto, en xeral os órganos masculinos e femininos encóntranse en estruturas separadas, chamadas estróbilos (tamén chamados conos ou piñas, no caso dos piñeiros).

Nas Pinaceae, Araucariaceae, Sciadopityaceae e na maioría das Cupressaceae, os conos son leñosos e, cando madurecen, as escamas xeralmente abren para liberar as sementes, que poden dispersarse polo vento ou por animais. Noutras especies, como os abetos, os conos poden desintegrarse e, aínda noutras, os conos son carnudos e comidos polos animais, que liberan as sementes coas súas feces. Os conos maduros poden permanecer na planta durante longos períodos como, por exemplo, en certas especies de piñeiros que están adaptados a fogos regulares. Nestas árbores as sementes poden ficar dentro dos conos fechados até 60-80 anos, sendo liberadas apenas cando un fogo mata a árbore.

O arilo é un cono extremamente modificado de moitas especies das familias Podocarpaceae, Cephalotaxaceae, Taxaceae e dunha especie de Cupresaceae (Juniperus), que evolucionou no sentido da dispersión das sementes polos animais.

Os conos masculinos teñen estruturas chamadas microsporanxios que producen un pole amarelado, que é xeralmente levado polo vento até os conos femininos. Os grans de pole das coníferas actuais producen tubos polínicos como a maioría das anxiospermas, onde se dá a meiose para a fertilización do gametófito feminino. O cigoto desenvólvese nun embrión que, en conxunto co seu tegumento, transfórmase nunha semente.

Os esporanxios femininos localízanse en órganos de forma cónica, chamados piñas, frecuentemente cubertos por escamas endurecidas (carpelos). As escamas encaixan perfectamente unhas nas outras e só se abren despois da fecundación, para liberar a semente. As piñas son as flores femininas e por veces pode haber outras estruturas, diferentes de piñas, como gálbulas, entre outras menos comúns.

Clasificación e filoxenía das ximnospermas

Pinophyta

Tradicionalmente, a división Pinophyta incluía todas as ximnospermas, mais este agrupamento sería polifilético por incluír plantas distintas como as cicadófitas e o xinkgo, que teñen unha filoxenía diferente das coníferas.

A división contén só unha clase, Pinopsida, que xa estivo dividida en dúas ordes, Pinales e Taxales, mais estudos xenéticos recentes mostraron que estes dous grupos son un clade monofilético. No entanto, están descritas outras clases e ordes de coníferas extintas, particularmente das eras Mesozoica e Paleozoica superior.

Curiosidades

  • Os seres vivos máis altos, máis corpulentos e máis vellos que existen na Terra pertencen ás pinófitas. O máis alto é unha sequoia cunha altura de 112,34 m. O máis corpulento é outra sequoia que ten un volume de 1.486,9 m3. A árbore co maior diámetro do tronco é un ciprés de Montezuma, con 11,42 m de diámetro e a máis vella é un piñeiro con 4.700 anos.[Cómpre referencia]
  • A pesar de que o número total de especies de coníferas sexa relativamente pequeno, teñen unha inmensa importancia ecolóxica, unha vez que son as plantas dominantes en vastas áreas da terra, principalmente nos bosques boreais, mais tamén en montañas con clima semellante en rexións temperadas ou tropicais.
  • Moitas coníferas producen resina para protexer a árbore da infestación por insectos ou fungos. O ámbar é resina fosilizada.
  • Moitas especies destas árbores (piñeiros, piceas, abeto de Douglas etc) teñen un gran valor económico, principalmente pola súa madeira, empregada tradicionalmente para a construción.

Notas

  1. Christenhusz, M.J.M, Reveal, J.L, Farjon, A., Gardner, M.F, Mill, R.R, y Chase, M.W. 2011. A new classification and linear sequence of extant gymnosperms. Phytotaxa 19: 55-70. (pdf)
  2. J. Gordon Burleigh & Sarah Mathews 2004. Phylogenetic signal in nucleotide data from seed plants: implications for resolving the seed plant tree of life. Arquivado 03 de abril de 2016 en Wayback Machine. Am. J. Bot. September 2004 vol. 91 no. 10 1599-1613
Abeto

Para o xénero máis común ver artigo Abies.

O abeto é o nome co que se coñece a diversas especies de árbores dos xéneros Picea e Abies da familia Pinaceae nativas de bosques temperados de Europa, Asia e América do Norte. Acostuman ser especies de montaña ou alta montaña no sur de Europa. En Galicia non aparece ningunha especie de xeito natural malia seren comúns en xardinaxe.

Algunhas especies dos xéneros Pseudotsuga e Cunninghamia tamén reciben o nome de abeto, por exemplo o abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii).

Adoitan ser especies forestais de bos crecementos e madeira de calidade. Pola súa forma cónica e o seu arume sempre verde acostuman empregarse coma ornamentais, especialmente en xardinaxe ou coma árbores de Nadal.

O bosque formado por abetos denomínase abetal.

Abies

Abies é o xénero que acolle as diferentes especies de coníferas chamadas comunmente abetos. Son árbores da familia Pinaceae, nativas de bosques temperados de Europa, Asia e América do Norte.

Medran principalmente en bosques de coníferas.

A especie máis común en Europa é a pinabeta (Abies alba). En Galicia non existen especies naturais, atopándose soamente en xardíns e arboredos coma ornamentais.

Alcipreste

Os alciprestes ou cipreses son árbores coníferas do xénero Cupressus. Téñense naturalizado en moitas rexións temperadas do Hemisferio Norte, especialmente de clima mediterráneo, coas temperaturas e solos axeitados, medrando espontaneamente e polo xeral de xeito espallado. Cultívanse comercialmente en África oriental, Suráfrica e Nova Zelandia. Moitas das especies cultívanse coma árbore ornamental en parques e xardíns de Europa. En Galicia só os atopamos en xardíns formais, sendo comúns na xardinaxe de pazos e cemiterios, especialmente a especie Cupressus sempervirens.

Anxiospermas

As anxiospermas, plantas con flor ou Magnoliophyta é o grupo máis grande de plantas terrestres. Magnoliophyta é o nome dun taxón de plantas emprazado na categoría taxonómica de División, que no sistema de clasificación de Cronquist (1981) coincide na súa definición coas que noutros sistemas de clasificación son as chamadas anxiospermas (en latín Angiospermae, coma no sistema de clasificación de Engler, H. Melchior. 1964. A. Engler's Syllabus der Pflanzenfamilien (12ª edición) en inglés Angiosperms, coma no moderno sistema de clasificación APG II do 2003). As flores das anxiospermas diferéncianse das flores do resto das espermatófitas en que posúen verticilos ou espirais ordenados de sépalos, pétalos, estames e carpelos, e os carpelos cobren os óvulos e reciben o pole sobre a súa superficie estigmática en troques de recibilo directamente sobre o óvulo coma ocorre nas ximnospermas

Nalgúns sistemas de clasificación chámanas "magnoliófitas" (nome científico Magnoliophyta), xa que se pensaba até hai pouco tempo que as magnolias eran as flores máis semellantes á "anxiosperma ancestral" (a primeira planta destas características, da que terían descendido todo o resto das anxiospermas).

O termo "anxiospermas" provén de dúas verbas gregas: anxíon vaso, ánfora, e sperma, semente; así, este termo composto quere dicir "semente envasada", en referencia a que os seus óvulos (e posteriormente a súa semente) fican pechados pola folla fértil portadora dos óvulos ou carpelo. Deste xeito, o gran de pole para fecundar o óvulo ten que contactar unha superficie do carpelo preparada para isto (o "estigma") en troques de caeren directamente sobre o óvulo coma nas ximnospermas.

A estrutura particular das súas flores non é a única diferenza que posúen co resto das espermatófitas, outros caracteres morfolóxicos distintivos son a redución do gametófito feminino a só unhas poucas células, a dobre fecundación (coa formación dun tecido nutritivo característico, triploide, chamado endosperma, ó tempo que se fecunda o óvulo), e un xilema e floema distintivos, máis recentes que os do resto das traqueófitas, e máis eficientes en moitos aspectos (aínda que o xilema semella ter evolucionado xa dentro da póla, sendo as magnoliófitas máis primitivas semellantes nos seus tubos xilemáticos ás ximnospermas).

As anxiospermas son un grupo de espermatófitas recoñecido como monofilético desde hai moito tempo polos seus caracteres morfolóxicos distintivos, a súa monofilia foi sostida logo polos análises moleculares de ADN.

A diversificación que sufriu este grupo é moi rechamante. No rexistro fósil aparecen a principios do Cretáceo (hai uns 130 millóns de anos), momento a partir do cal aparecen enormes cantidades de fósiles de especies moi diversas, coma se apareceran de golpe con toda a súa diversidade, o que Darwin chamou no seu momento un "abominable misterio". Aínda hoxe preto do 90 % das plantas terrestres pertencen a este grupo. Cunhas 257.000 especies viventes (Judd et al. 2002), as magnoliófitas son as responsables da maior parte da diversidade en espermatófitas, en embriófitas e en viridófitas.

Así como posúe moitas especies, este grupo tamén se caracteriza por posuír unha enorme diversidade de hábitos, e ocupar practicamente todos os nichos ecolóxicos posibles. Hai plantas arbustivas e herbáceas, hainas terrestres e acuáticas, atópanse tanto nos desertos coma nos pantanos, no nivel do mar coma no alto dos montes. A súa diversidade de especies é moito máis alta en zonas tropicais e húmidas (ó redor do 60 % das especies son de zonas tropicais e un 75 % ten un crecemento óptimo en climas tropicais), onde dominan completamente a paisaxe, e vai diminuíndo o seu número cara ás latitudes altas, chegando a posuír unha representación baixa nas floras máis frías coma a da tundra (que aínda hoxe está dominada polas coníferas).

Os membros desta división son a fonte da maior parte dos alimentos consumidos polo ser humano, así como de moitas materias primas e produtos naturais. O groso da alimentación mundial procede de só quince especies.

Bosque

Un bosque (da palabra xermánica busch: arbusto e por extensión monte de árbores), ou foresta (do latín foresta) se é de grande extensión, é unha superficie con gran densidade de árbores pero con presenza de estratos arbustivos, herbáceos e musgos máis ou menos importantes. Estas comunidades de plantas cobren grandes áreas do globo terráqueo e funcionan como hábitats dos animais, moduladores de fluxos hidrolóxicos e conservadores do solo, constituíndo un dos aspectos máis importantes da biosfera da Terra. Aínda que a miúdo consideráronse como consumidores de dióxido de carbono, os bosques maduros son practicamente neutros en canto ao carbono, e son soamente os alterados e os novos os que actúan como devanditos consumidores. De calquera xeito, os bosques maduros xogan un importante papel no ciclo global do carbono, como reservas estables de carbono e a súa eliminación comporta un incremento dos niveis de dióxido de carbono atmosférico.

Os bosques encóntranse en tódalas rexións en que é posible o seu crecemento, ata a altitude chamada "a liña das árbores" (liña tope imaxinara a partir da cal non se dá o crecemento, debido ó frío ou a escaseza de osíxeno) e excepto en zonas de baixa pluviosidade ou risco frecuente de incendios forestais. En xeral, os bosques conteñen un gran número de árbores de diferentes especies e alturas combinadas con capas de vexetación baixa, o que proporciona unha eficiente distribución da luz solar. Os bosques ás veces conteñen moitas especies de árbores dentro dunha pequena área (como a selva chuviosa tropical e o bosque temperado caducifolio), ou relativamente poucas especies en áreas grandes (por exemplo, a taiga e bosques áridos montañosos de coníferas). Un bosque, na súa forma natural, é o fogar de moitas especies animais e vexetais, e o peso da súa biomasa nun quilómetro cadrado dado é alto, comparado con outros ecosistemas. A maior parte desta biomasa áchase no subsolo nos sistemas de raíces e como detritos de plantas parcialmente descompostos. O compoñente leñoso dun bosque contén lignina, cuxa descomposición é relativamente lenta comparado con outros materiais orgánicos como a celulosa e outros carbohidratos.

A ciencia que estuda os bosques como explotación comercial denomínase silvicultura.

Cantarela

Este artigo trata sobre un cogomelo, para a peza musical, véxase cantiga.

A cantarela ou pan de cabra (Cantharellus cibarius, do latín cantharellus, diminutivo de cantharus –i ‘vasilla’) é un fungo basidiomiceto da familia Cantharellaceae. É un cogomelo moi apreciado polas súas calidades culinarias. Os cataláns denomínano rossinyol. Atópase entre as coníferas e árbores planifolias, na maior parte dos casos á sombra de aciñeiras, corticeiras e carballos. É un ingrediente moi empregado na gastronomía europea. Tamén se lle chama cantarelo ou cacafina.

Cedro

O cedro (Cedrus sp) é, estritamente, un xénero de coníferas (pináceas) orixinario de Oriente Próximo e do Himalaia. Tódalas especies de cedro son grandes árbores, de madeira olorosa e de copa cónica ou vertical.

División (botánica)

En bioloxía, chámase división nos reinos das plantas ou dos fungos ao equivalente dun filo no dos animais.

As divisións principais das plantas establécense seguindo a orde de evolución e probablemente sexa: os musgos (división Bryophyta), as herbas (división Filicophyta), os Equiseta (división Sphenophyta), o Cycad (división Cycadophyta), o Xinkgo (división Ginkgophyta), as coníferas (división Pinophyta), o Gnetophytes (división Gnetophyta), e as anxioespermas (división Anthophyta).

As anxioespermas son as plantas con flor, que dominan o mundo das plantas (o 80% de tódalas plantas vasculares son anxioespermas).

Francesiña

Este artigo fala dun cogomelo, para o sándwich típico da cociña lusa véxase: francesinha.

A francesiña (Amanita citrina) é un fungo basidiomiceto da orde Agaricales, que habita tanto en bosques de coníferas como de follosas. É unha especie termófila, que non está habituada aos climas fríos. Adóitase atopar en solos areentos, que son acedos e pobres en nutrientes. Forma asociacións micorrícicas, preferentemente con coníferas. O corpo frutífero abrolla dende finais do verán até finais do outono. O seu sabor é desagradábel, polo que non se lle considera un cogomelo comestíbel.

Picea

As piceas son un xénero de coníferas: Picea pertencentes á familia Pinaceae que conta cunhas 35 especies. Son árbores entre 20 e 60 metros con porte piramidal, follas illadas, planas ou tetragonais a xeito de agulla e estróbilos pendurados que non se disgregan até madurar. Entre os seus representantes máis coñecidos atopamos a Picea abies, o abeto vermello ou abeto rubio europeo, empregado comunmente en Galicia coma árbore de Nadal; ou a Picea glauca. A meirande parte das especies do xénero son árbores lonxevas e que medran amodo.

Ademais do uso ornamental, en xardinaxe, e coma árbore de Nadal, a madeira é de boa calidade (uso madeireiro e silvícola) e serve na construción, así coma para fabricar instrumentos musicais, coma violíns ou guitarras.

Pinales

A orde Pinales na división Pinophyta, clase Pinopsida comprende todas as coníferas actuais. Esta orde coñecíaee anteriormente coma Coniferales.A característica distintiva é a estrutura reprodutiva coñecida coma cono ou piña producido por todos os Pinales. Todas as coníferas actuais, coma os cedros, filocladus, alciprestes, abetos, xenebreiros, lárices, piñeiros, sequoias, piceas, e teixos inclúense aquí. Algunhas coníferas fósiles, porén, pertencen a ordes distintas dentro da división Pinophyta.

Os teixos separáranse anteriormente nunha orde propia diferente (Taxales), mais as probas xenéticas indicaron que estaban relacionados coas outras coníferas, polo que agora se inclúen en Pinales.

As familias incluídas son Araucariaceae, Cephalotaxaceae, Cupressaceae, Pinaceae, Podocarpaceae, Sciadopityaceae, e Taxaceae.

Piña (coníferas)

Unha piña ou estróbilo é unha estrutura, ás veces leñosa, en forma de cono que protexe as sementes das coníferas.

Piñeiro

Os piñeiros son árbores coníferas (raramente arbustos) perennes pertencentes ao xénero Pinus, da familia Pinaceae e da subfamilia Pinoideae, e xa que logo abrangue diversas especies, a maior parte delas nativas do hemisferio Norte. O piñeiro presenta unha ramificación frecuentemente verticilada e máis ou menos regular.

Son hoxe en día comúns na paisaxe galega, maiormente por mor das reforestacións efectuadas nos séculos XIX e XX sobre uceiras, fragas e carballeiras para o aproveitamento principalmente madeireiro. Con todo o piñeiro bravo (Pinus pinaster) pódese considerar unha especie autóctona, sendo ademais xunto co carballo e o toxo un dos símbolos botánicos do país, que incluso aparece referenciado no himno.

Planta

As plantas (tamén chamadas nalgunhas clasificacións Viridiplantae ou plantas verdes) son organismos multicelulares eucariotas do reino Plantae. Forman un clado que inclúe as plantas con flor (anxiospermas), as coníferas e outras ximnospermas, fentos, licopodios, antocerotas, hepáticas, musgos e, nas clasificacións recentes, as algas verdes. Están excluídos das Plantas as algas vermellas e pardas, os fungos, os animais, as arqueas e as bacterias.

As plantas verdes teñen paredes de celulosa e obteñen caracteristicamente a maioría da súa enerxía da luz por medio da fotosíntese, realizada en cloroplastos primarios, derivados da endosimbiose con cianobacterias. Os seus cloroplastos conteñen clorofilas a e b, o que lles dá a súa cor. Algunhas plantas parasitas perderon a súa capacidade de producir cantidades normais de clorofila ou de fotosintetizar. Son seres tipicamente autótrofos, xa que só necesitan absorber do seu medio substancias inorgánicas. As plantas tamén se caracterizan pola súa reprodución sexual, crecemento indeterminado modular, e pola alternancia de xeracións, aínda que a reprodución asexual é tamén común nelas.

O seu número preciso é difícil de determinar, pero unha estimación de 2010 falaba da existencia de entre 300.000 e 315.000 especies de plantas, das cales a grande maioría, unhas 260–290 mil, son plantas con sementes. As plantas verdes proporcionan a maior parte do oxíxeno molecular atmosférico e son a base da maioría dos ecosistemas da Terra, especialmente nos ambientes terrestres. As plantas que producen cereais, froitas e verduras constitúen o alimento básico da humanidade, e moitas especies foron domesticadas para uso agrícola durante milenios. As plantas utilízanse como ornamento e como fonte de medicinas, e as árbores proporcionaron a súa madeira, e outras plantas fibras téxtiles (algodón, liño).

Do estudo científico das plantas encárgase a botánica. Os nomes científicos da plantas seguen as normas do Código Internacional de Nomenclatura de algas, fungos e plantas e o Código Internacional de Nomenclatura de Plantas Cultivadas.

Taiga

A taiga (pronunciado /'taɪgə/ ou /taɪ'gə/, do ruso тайга́), tamén coñecida por bosque de coníferas, ou bosque boreal, é un bioma comumente atopado no norte de Alasca, Canadá, sur da Groenlandia, parte de Noruega, Suecia, Finlandia, Siberia e Xapón.

No Canadá, emprégase o termo bosque boreal para designar a parte meridional dese bioma, e o termo taiga é usado para designar as áreas menos arboradas ao sur da liña de vexetación arbórea do Ártico.

En Galiza, Portugal e no Brasil, o termo taiga é xeralmente empregado para designar os bosques rusos, en tanto que se usa bosque boreal ou bosque de coníferas para referirse aos bosques dos restantes países.

Teixo

O teixo (Taxus baccata L.) é unha árbore conífera do xénero Taxus, que correntemente acada entre 12 a 15 metros de altura, da familia das taxáceas. Moi lonxevo, de medra lenta, posúe unha madeira que se presta ben para entalladura. Ten partes tóxicas: o latín taxus vén do grego taxon, que significa 'frecha envelenada'. É unha especie moi escasa e ameazada no territorio galego.

Terpeno

Un terpeno ou isoprenoide é un tipo de lípido insaponificable derivado do isopreno (ou 2-metil-1,3-butadieno), un hidrocarburo de 5 átomos de carbono que se polimeriza. O nome procede da palabra inglesa turpentine (augarrás ou esencia de trementina), xa que os primeiros que se obtiveron derivaban dese produto. Cando os terpenos son modificados quimicamente, por exemplo por oxidación ou reorganización do esqueleto hidrocarbonado, adoitan denominarse terpenoides (como a vitamina A ou retinol, que contén un átomo de osíxeno).

Os terpenos son produtos principalmente vexetais, especialmente das coníferas, pero hainos en todos os grandes grupos de seres vivos.. Algúns animais como térmites ou certas bolboretas emítenos no seu osmeterio. Os terpenos máis importantes das plantas son os carotenoides, que interveñen na captación de enerxía luminosa durante a fotosíntese.

Tortullo

O tortullo (Tricholoma portentosum) é unha especie de fungo basidiomiceto pertencente á familia Tricholomataceae. O corpo frutífero abrolla polo outono e a comezos do inverno asociado a bosques de coníferas e faiais. En Galiza o apoxeo dáse en novembro e comezos de decembro.

Ten un parente achegado que é tóxico: o tortullo dos cabaleiros (Tricholoma equestre), que até hai pouco era apreciado, pero trala morte de dúas persoas por miopatía, pasou a se considerar tóxico.

Árbore

Unha árbore é un tipo de vexetal perenne, de tronco leñoso, que se ramifica a certa altura do chan. Son árbores, por exemplo, a cerdeira, a maceira, o castiñeiro, a aciñeira, o piñeiro, a magnolia etc.

Certas especies de árbores poden superar os 100 metros de altura, e chegar a vivir durante miles de anos. As grandes árbores, coma as sequoias xigantes de California, poden pesar máis de 6.000 toneladas, o que as converte no ente vivo máis pesado que existiu sobre o planeta [Cómpre referencia].

As árbores son compoñentes importantes do medio natural así como útiles para os seres humanos como fornecedores de material de construción, transporte e mobiliario; alimento e recursos medicinais; leña para calefacción etc. Tamén xogan un importante papel na cultura, considérense as árbores de Nadal, a árbore da sabedoría, a árbore xaponesa do amor (o xinkgo) etc. A árbore por excelencia en Galicia é o carballo, o mesmo que no País Vasco, Gran Bretaña ou Alemaña.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.