Comercio internacional

Defínese comercio internacional ou mundial, ao intercambio de bens, produtos e servizos entre dous ou máis países ou rexións económicas.

As economías que participan do comercio exterior denomínanse economías abertas. Este proceso de apertura externa iniciouse fundamentalmente na segunda metade do século XX, e de xeito espectacular na década de 1990, ao se incorporar as economías latinoamericanas, de Europa do Leste e o oriente asiático. Cada vez existe maior relación entre o que ocorre nos mercados internacionais e o que sucede na economía dun país determinado.

Galiza exporta o 8,2% do total estatal, principalmente a outros países da Unión Europea.

Galiza

As exportacións consolídanse como a locomotora da economía galega. Malia diminuír un chico en 2012, en 2011 incrementou as súas exportacións un 15,7% a respecto do 2010, lixeiramente por riba da media estatal, o que converte a Galiza na comunidade autónoma española cun mellor saldo comercial (diferenza entre o que se vende e o que se compra fóra), un superávit de 3.502 millóns de euros, máis do dobre que o acadado un ano antes (2010).

A marca histórica acadouse en 2011, exportándose mercadorías por valor de 17.532 millóns de euros, unha marca que supera o máximo acadado en 2007 (16.699 millóns), antes de que a crise afectase a Galiza.

Galiza exporta logo o 8,2% das vendas totais de España fóra das súas fronteiras, que en 2011 ascendeu a 214.485 millóns de euros, mais tamén importa o 5,4% do total estatal, o que sitúa ao país galego en sexto lugar, tamén en importacións, con 14.029 millóns de euros[1].

O que máis exporta Galiza (datos de 2011-2012) son bens relacionados cos automóbiles (21,9%), téxtiles (21,84%), pesca (10,4%), produtos enerxéticos (4,3%), materias primas animais e vexetais (3,89%), e material de transporte. O que máis importa son produtos enerxéticos (30%), equipamento (8,37%), e téxtiles (11%). O 77,18% expórtase a outros países europeos, supondo a Unión Europea o 72%, especialmente Francia (27%), Portugal (14%), Italia (8%), Alemaña (4,9%) e Reino Unido (4,2%). Outros países son Marrocos (2,9%), Alxeria (2,6%), Estados Unidos (2,5%), Países Baixos (2,10%) e Turquía (1,81%).

Á súa vez Galiza importa principalmente de Francia (17%), Portugal (12%), Alemaña (5%), Rusia (4,89%), México (4,49%), Estados Unidos (4,44%), Libia (3,91%), China (3,71%), Italia ou Nixeria[2].

Modelos do comercio internacional

As diferentes teorías que explican o proceso de funcionamento do comercio internacional, tratan de atopar cales son as causas deste comercio, por que comercian os países e estudan os efectos do comercio internacional sobre a produción e o consumo dos países.[3]

Teorías tradicionais

Modelo da vantaxe absoluta de Adam Smith

A teoría clásica do comercio internacional ten as súas raíces na obra de Adam Smith, este pensaba que as mercadorías produciríanse no país onde o custo de produción (que no marco da súa teoría do valor-traballo se valora en traballo) fora máis baixo e dende alí exportaríanse ao resto de países. Defendía un comercio libre e sen trabas para acadar e dinamizar o proceso de crecemento, era partidario do comercio baseado na vantaxe absoluta e cría na mobilidade internacional dos factores produtivos. Segundo as súas teorías, a vantaxe absoluta téñena aqueles países que son quen de producir un ben utilizando menos factores produtivos ca outros, e polo tanto, cun custo de produción inferior.

Modelo de David Ricardo. Teoría da vantaxe comparativa

Artigos principais: Vantaxe comparativa e Economía ricardiana.

Esta teoría supón unha evolución a respecto da teoría de Adam Smith; para David Ricardo, o decisivo non son os custos absolutos de produción, senón os custos relativos, resultado da comparación cos outros países. De acordo con esta teoría un país sempre obtería vantaxes do comercio internacional, aínda cando os seus custos de produción fosen máis elevados para todo tipo de produtos fabricado, porque este país tenderá a se especializar naquela produción na que comparativamente fose máis eficiente.

Modelo Heckscher-Ohlin

Artigo principal: Modelo Heckscher-Ohlin.

Este modelo parte da teoría de David Ricardo da vantaxe comparativa e afirma que os países se especializan na exportación dos bens que requiren grandes cantidades dos factores de produción nos que son comparativamente máis abundantes; e que tende a importar aqueles bens que utilizan factores de produción nos que son máis escasos....

A nova teoría do comercio internacional e a política comercial estratéxica

Véxase tamén: Paradoxo de Leontief e Modelo Brander–Spencer.

O sustento básico das teorías antes expostas era a existencia de competencia perfecta, que permitía, pola vía do libre comercio, aumentar o benestar dos países. A finais dos anos 1970 e principios da década de 1980, xurdiron algúns economistas como Paul Krugman, Avinash Dixit, James Brander e Barbara J. Spencer que esbozaron unhas novas elaboracións teóricas fundadas na existencia de fallos de mercado que puñan en cuestión, non en todos os casos, a teoría clásica do comercio internacional de que os intercambios internacionais se fundamentan exclusivamente na teoría da vantaxe comparativa e que a defensa baixo calquera circunstancia do libre comercio e, da non intervención estatal nesta área económica puidese non ser a práctica óptima. En palabras de Krugman: a reconsideración da base analítica da política comercial é unha resposta ao cambio real ocorrido no ambiente e ao progreso intelectual logrado no eido da economía.

Estas novas teorías utilizan as ferramentas da teoría económica e mais da formalización matemática e supoñen unha crítica de maior profundidade ás teorías neoclásicas que as provenientes doutros eidos da economía como a socioloxía ou a estrutura económica. Así mesmo, tratan de responder a dúas cuestións: a primeira é por que se comercia e a segunda, como debe ser a política segundo estas novas explicacións.[4]

A base argumental desta teoría radica en cando non é posíbel acadar un óptimo de Pareto a nivel mundial por mor de fallos de mercado, hai que optar por elixir situacións denominada second best ou segundo óptimo. Entre as infinitas situacións de segundo óptimo, os Estados poden preferir unhas a outras e tomar as medidas que leven a se colocar nun segundo óptimo distinto do establecido. Os fallos de mercado que xustifican a política comercial estratéxica son basicamente a existencia de beneficios extraordinarios nun sector económico e a existencia de externalidades tecnolóxicas de carácter positivo.

Restricións ao comercio internacional

  • Librecambismo
  • Proteccionismo: estuda as barreiras establecidas contra o libre comercio internacional.
    • Taxa alfandegueira (aranceis)
    • Política arancelaria
    • Continxente
    • Dumping
    • Guerra comercial
    • Barreiras non arancelarias
    • Salvagarda económica
    • Argumento da industria nacente
    • Beggar my neighbour

Estudos económicos

Para promover as exportacións, moitos organismos gobernamentais publican os estudos de mercado por sector industrial e país. Listaxe dos organismos gobernamentais por estado:

  • Estados Unidos: USCS, dependente do US Department of Commerce e USDA (Department of Agriculture) nos sectores da agricultura e a agroalimentación.
  • España /Galiza: Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), ten como misión promover a internacionalización das empresas españolas.
  • Canadá: Export Development Canadá (EDC) e Agriculture and Agri-Food Canadá que publica estudos internacionais no seu sector.
  • Francia: Ubifrance (promoción das exportacións)

AFII (implantación de empresas foráneas)

  • Reino Unido: UK Trade & Investment encárgase tanto da promoción das súas exportacións como da implantación no Reino Unido de empresas forasteiras.
  • Hong Kong: Hong Kong Trade Development Council (HKTDC).
  • Xapón: JETRO
  • Australia: Austrade

Regulación do comercio internacional

Tradicionalmente, o comercio era regulado mediante acordos bilaterais entre dous países. Baixo a crenza no mercantilismo, durante moitos séculos os países impuñan altos aranceis e outras restricións severas ao comercio internacional. No século XIX, especialmente na Gran Bretaña, a crenza no libre comercio tomou forza, e esta perspectiva veu dominando o cálculo político entre os países occidentais até hoxe en día. Dende o final da segunda Guerra Mundial, varios tratados multilaterais intentaron crear unha estrutura global de regulación comercial.

A maior parte dos países comunistas e socialistas cren na autarquía, a cal supón a ausencia completa de comercio internacional e a satisfacción das necesidades económicas mediante a autosuficiencia. Malia a existencia destas crenzas, todos os países involucráronse nalgún tipo de comercio internacional, xa que é moi difícil para un só país satisfacer todas as súas necesidades económicas.

Utilizáronse varios instrumentos para manipular o comercio internacional. Estes inclúen a taxa alfandegueira, as salvagardas, as cotas de exportación e importación e as barreiras non arancelarias. Un compoñente esencial do comercio internacional é o transporte internacional de mercadorías. As condicións e termos do mesmo están regulados polos Incoterms.

Termos internacionais do comercio (Incoterms)

Artigo principal: Incoterms.

A Comisión de Prácticas Comerciais da Cámara de Comercio Internacional desenvolveu o que se chamou Incoterms, acrónimo procedente da expresión inglesa International Commercial Terms. Pretendíase con isto que, con independencia da nacionalidade das partes ou do lugar xeográfico do seu uso, os implicados puidesen en todo momento saber cales eran cadanseus dereitos e obrigas nun contrato determinado.

Os Incoterms carecen de toda forza normativa ou legal, e obteñen o seu recoñecemento do seu cotián e constante uso a nivel mundial, polo que, para que sexan de aplicación a un contrato determinado, este deberá especificalo así.

Os Incoterms conteñen un total de trece posicións, ou tipos de cláusulas diferentes, que poden logo, mediante o uso de determinadas adicións, modificarse parcialmente. Ademais, ao longo da súa existencia teñen sufrido sucesivos cambios e modificacións, para os axeitar aos cambios nos usos comerciais, técnicas, avances tecnolóxicos etc. A última edición corresponde ao ano 2010, que aínda se atopa en vigor:

  • EXW (en fábrica): Ex Works
  • FCA (francotransportista): Free Carrier
  • FAS (franco ao costado do buque): Free Alongside Ship
  • FOB (franco a bordo): Free On Board
  • CFR (custo e frete): Cost and Freight
  • CIF (custo, seguro e frete): Cost, Insurance and Freight
  • CPT (transporte pagado até): Carriage Paid To
  • CIP (transporte e seguro pagado até): Carriage And Insurance Paid to
  • DAF (entrega na fronteira): Deliver At Frontier
  • DES (entrega sobre buque): Delivered Ex Ship
  • DEQ (entregada en peirao): Delivered Ex Quay
  • DDU (entrega dereitos non pagados): Delivered Duty Unpaid
  • DDP (entrega dereitos pagados): Delivered Duty Paid

Comercio internacional e novas tecnoloxías

As novas tecnoloxías están a facilitar en gran medida a operativa do comercio exterior. Os sistemas informáticos e de xestión permiten facer seguimento dos envíos, acceder a todos os datos relevantes dun contedor ou grupaxe en destino e partillar e administrar a documentación necesaria de xeito doado. Existen plataformas informáticas que permiten facer todos os trámites de xestión por parte dos exportadores, importadores e organismos públicos. Un bo exemplo desta integración de sistemas é o SISCOMEX do Brasil, centrado na xestión das exportacións.

O comercio internacional estase tamén vendo fomentado pola maior facilidade de atopar clientes no exterior, grazas ao maior alcance dos portais corporativos na Internet. Tamén axuda a maior difusión da información na Internet coa consolidación e crecemento de buscadores de Internet e directorios especializados.

A Internet está a ser un elemento dinamizador na internacionalización das empresas. Tamén axuda na elaboración de análises de mercados, non só polo acceso á información editada relevante, senón polas posibilidades que brinda de estudo directo do mercado a través de novas plataformas como as redes sociais. Portais coma o Facebook ou o Orkut teñen millóns de usuarios, e comezan a estudar o xeito de utilizar estatisticamente toda a información que os usuarios engaden aos seus portais e taboleiros. Esta información fala moito de variábeis sociolóxicas, pois se teñen datos estatísticos normais e opinións e mensaxes directas, así como interpelacións entre usuarios. As posibilidades que brinda toda esta información son moi interesantes dende o punto de vista estatístico, de intención de compra e econométrico.

A balanza de pagamentos

Artigo principal: balanza de pagamentos.

A balanza de pagamentos é o instrumento contábel que informa das transaccións exteriores dun país. Defínese coma o documento contábel que rexistra sistematicamente o importe, de todas as operacións comerciais e financeiras que teñen lugar durante un certo período de tempo entre os residentes do país e os do resto do mundo. Cando na balanza de pagamentos os ingresos superan os gastos dise que está en excedente. Cando na balanza de pagamentos os ingresos son menores ca os gastos dise que é deficitaria.

Un país pode ter unha balanza comercial negativa, mais unha balanza de pagamentos positiva coma ocorre en España, na que a súa balanza comercial é deficitaria, porén a súa balanza de pagamentos é positiva grazas ás divisas que fornece o turismo.

Notas

  1. http://www.laopinioncoruna.es/economia/2012/02/22/galicia-bate-record-exportaciones-cierra-2011-mayor-superavit-espana/582833.html
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2013. Consultado o 02 de maio de 2013.
  3. González Blanco, Raquel (2011). "Diferentes teorías del comercio internacional" (PDF). Información Comercial Española, Revista de economía (en castelán) (Secretaría de Estado de Comercio Exterior, Gobierno de España) (858): 103–117.
  4. Steimberg, F. (2004) La nueva teoría del comercio internacional y la política comercial estratégica.

Véxase tamén

Outros artigos

Airbus A350

O Airbus A350 é un bimotor de pasaxeiros de fuselaxe ancha e longo alcance desenvolvido polo fabricante europeo Airbus. Concebíuse orixinalmente en 2004 como unha versión revisada do A330-200, prevista para aumentar o alcance e para reducir os gastos de explotación. No ano 2006 Airbus redeseñou o avión en resposta ás críticas dalgúns dos seus posibles principais clientes e bautizouno como A350 XWB (extra wide body).

Cando Boeing anunciou o seu proxecto do 7E7 Dreamliner (agora coñecido como 787), os inferiores gastos de operación convertíano nunha seria ameaza para o A330 de Airbus.

O 16 de setembro do 2004 o entón presidente de Airbus Noel Forgeard confirmou que un novo proxecto estaba baixo consideración, pero non o nomeou, e non indicou se sería enteiramente novo ou unha modificación dun produto existente. Forgeard indicou que Airbus concluiría o proxecto antes do fin dese ano, comezaría a consultalo con liñas aéreas a principios de 2005, e lanzaría o programa de desenvolvemento a finais dese ano. O 10 de decembro as xuntas de accionistas de EADS e de BAE Systems, os accionistas de Airbus, aprobaron o lanzamento do proxecto, e formalmente o nomearon A350.

O lanzamento do proxecto A350 non está exento de controversia, xa que está no centro dun conflito comercial entre Estados Unidos e a Unión Europea sobre as axudas gobernamentais prestadas a ditas empresas. Estados Unidos afirma que os préstamos dados a Airbus baixo condicións favorables polos gobernos europeos violan as leis de comercio internacional, e por iso presentaron unha queixa ante a OMC. A Unión Europea respondeu presentando a súa propia queixa polos subsidios recibidos por Boeing para o desenvolvemento do 787. O programa foi suspendido en abril do ano 2005 agardando á resolución do conflito e retomouse posteriormente.

Airbus recibiu o seu primeiro pedido para o A350 en decembro do 2004 por parte de Air Europa, que tiña previsto recibir o seu primeiro avión dun lote de 10 A350-800s no 2010. Porén, esta compañía cancelou o pedido catro anos máis tarde por atrasos, solicitando unha indemnización a Airbus por incumprimento de contrato.

Antuerpen

Antuerpen, ou Anveres, (en neerlandés: Antwerpen, en francés: Anvers) é a segunda maior cidade da Bélxica, e a maior da rexión de Flandres. É un dos maiores portos do mundo, nas marxes do río Escalda. Antuerpen é coñecida internacionalmente por ser o centro mundial do diamante e polo seu porto. A cidade ten unha poboación de 501 000 habitantes.

O feito de ser considerado o Centro Mundial do Diamante reside en que na cidade prodúcense o 80 % dos diamantes brutos e o 50 % dos diamantes lapidados do mundo. De acordo cos datos divulgados polo Alto Consello para o Diamante (HRD) no 2004 o sector do diamante en Antuerpen moveu arredor de 34 mil millóns de dólares, e representou preto do 7 % das exportacións da Bélxica.

Banco Mundial

O Banco Mundial é unha institución financeira internacional que proporciona préstamos aos países en vías de desenvolvemento para os programas de capital. Componse de dúas institucións: o Banco Internacional para a Reconstrución e o Desenvolvemento (BIRD) e a Asociación Internacional para o Desenvolvemento (AID). O Banco Mundial é un compoñente do Grupo do Banco Mundial, e membro do Grupo para o Desenvolvemento das Nacións Unidas.

O Banco Mundial traballa con outra entidade, o Fondo Monetario Internacional (FMI), o cal dá financiamento para alixeirar os problemas na balanza dos pagos da débeda. Ambos son coñecidos como "Institucións de Bretton Woods", posto que a conferencia internacional que levou á creación destas institucións e onde se asinaron os Acordos de Bretton Woods levouse a cabo no pobo homónimo, Bretton Woods, parte do municipio de Carroll, no estado de Nova Hampshire (Estados Unidos de América), do 1 ao 22 de xullo de 1944.

O obxectivo oficial do Banco Mundial é a redución da pobreza. De acordo co seu Convenio constitutivo, todas as súas decisións teñen que ser guiadas por un compromiso coa promoción da investimento estranxeiro e o comercio internacional e a facilitación do investimento de capital.

Bermudas

As illas Bermudas (en inglés: Bermuda) son un arquipélago de América do Norte no océano Atlántico que forman parte do Territorio Británico de Ultramar.

A capital é Hamilton. Na colonia circula a libra das Bermudas en paridade co dólar americano. O arquipélago é un paraíso fiscal, nos últimos anos está a crece-lo sector turístico.

Bertil Ohlin

Bertil Ohlin, nado en Klippan, Kristianstad, Suecia o 23 de abril de 1899 e finado en Estocolmo, Suecia o 3 de agosto de 1979, foi un economista sueco. Gañador do Premio Nobel de Economía en 1977 polas súas achegas teóricas ao comercio e as finanzas internacionais. O seu nome asóciase ao modelo de comercio internacional coñecido como modelo Heckscher-Ohlin.

Foi profesor da universidade de Copenhague e da de Estocolmo. Tamén foi dirixente do Partido Liberal e ministro de Comercio do Goberno sueco en 1944-45. No seu libro "Interregional and international trade" ("Comercio interrexional e internacional"), reelaborou un teorema de Hescksher, que era unha modificación da teoría dos custos comparativos, no que afirmaba que cada nación se especializa na exportación dos bens nos que está mellor dotada desde o punto de vista dos factores de produción utilizados.

CITES

O Convenio CITES (Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres) é un acordo internacional concertado entre os gobernos para asegurar que o comercio internacional de espécimes de animais e plantas salvaxes non ameace a súa supervivencia no seu medio natural. Foi asinado en Washington o 3 de marzo de 1973 por 21 países e entrou en vigor o 1 de xullo de 1975. Actualmente están adheridos 172 países, denominados Partes. A adhesión de España ao Convenio CITES efectuouse mediante o Instrumento de ratificación de 16 de maio de 1986.

Hoxe en día, o CITES ofrece diversos graos de protección a máis de 33.000 especies de animais e plantas.

Cairo (dente)

Un cairo ou cabeiro é un dente excepcionalmente longo de certos mamíferos que sobresae cando a boca está pechada. Usados para defenderse máis que para atacar, os cabeiros, que unha vez foron dentes normais, desenvolvéronse a través de procesos adaptativos-evolutivos, converténdose nun sinal de identidade para os animais que os posúen.

Algúns exemplos de mamíferos viventes con cabeiros son o elefante, o xabaril, o hipopótamo, a morsa e o narval, e entre os mamíferos extintos atópanse o mamut e o tigre dentes de sabre.

Os dentes que co tempo se converteron en cabeiros non son os mesmos en todas as especies de animais: no elefante trátase de dous incisivos superiores, no xabaril son os caninos inferiores, que son máis desenvolvidos nos machos adultos, no hipopótamo, por último, son os caninos superiores.

Os cabeiros empréganse para producir marfil, que se usa en decoración e en xoiaría, e antigamente utilizábanse tamén para elaborar outros artigos, como teclas de piano. Posto que os animais con cabeiros están en perigo de extinción (especialmente o elefante africano), o comercio co marfil está totalmente prohibido pola Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES) das Nacións Unidas.

Corea do Sur

Corea do Sur, oficialmente República de Corea (coreano: Daehan Minguk listen (Hangul: 대한 민국; Hanja: 大韓民國), é un país asiático que ocupa a metade sur da Península de Corea. O nome Corea deriva do Reino de Goryeo, tamén pronunciado Koryŏ. Comparte fronteira terrestre con Corea do Norte, e a través de mar, con Xapón polo leste e con China polo oeste. Case a metade da poboación reside na área metropolitana da capital, Seúl, que é a segunda maior do mundo, con máis de 25 millóns de habitantes.

Corea estivo habitada dende o período do paleolítico inferior e a súa civilización comezou coa fundación do Gojoseon. Despois da unificación dos Tres reinos de Corea en 668, seguiu un milenio de relativa tranquilidade baixo dinastías que duraron séculos, e por un florecemento do comercio, a cultura, a literatura e a ciencia. Foi anexionada polo Imperio do Xapón en 1910, e despois da súa derrota en 1945, Corea foi dividida nas zonas de ocupación da Unión Soviética e os Estados Unidos, converténdose a última na República de Corea en 1948. Malia que as Nacións Unidas declarou nunha resolución que a República era o único goberno lexítimo de Corea,[Cómpre referencia] un réxime comunista estableceuse no Norte, que invadiu o Sur en 1950 e comportou á Guerra de Corea, que rematou de facto en 1953.

Entre 1962 e 1994, o tigre económico de Corea do Sur medrou un 10% anual, alimentado por un crecemento anual das exportacións do 20%, nun período chamado Milagre do Río Han que transformou o país nunha economía avanzada e de altos ingresos e na onceava maior do mundo en 1995. Na actualidade,[cando?] Corea do Sur é o oitavo país en comercio internacional, unha potencial rexional co décimo maior gasto en defensa militar e membro fundador do G20 e da Cooperación Económica Asia-Pacífico. Dende a caída do goberno militar en 1987, os surcoreanos desfrutan de amplas liberdades civís e dunha asentada democracia clasificada no segundo posto en Asia segundo o Índice de democracia. No 2009, Corea do Sur converteuse no primeiro país do mundo antigo receptor de axuda exterior en unirse ó Comité de Axuda ó Desenvolvemento da OCDE, sendo un dos grandes doantes. A súa cultura popular ten unha considerable influencia en Asia e está a estenderse globalmente nun proceso chamado a Onda coreana.Corea do Sur é un país desenvolvido, clasificado no posto 15 no Índice de Desenvolvemento Humano, o máis alto de Asia oriental. En termos de salario medio, ten a taxa máis alta de Asia e a décima do mundo. Posúe indicadores altos en educación, saúde, xustiza e goberno, facilidade de crear negocios, transparencia do goberno, seguridade no traballo, tolerancia e inclusión. O 64% dos surcoreanos entre 25 e 34 anos ten un título de educación terciaria, o máis alto da OCDE. Destina o 3,74% do seu PIB en investigación e desenvolvemento, o segundo máis alto do mundo. O país máis innovador do mundo segundo Bloomberg Innovation Quotient, é o sétimo exportador mundial, con multinacionais de alta como Samsung, Hyundai-Kia e LG. É o líder global de tecnoloxías avanzadas, coa máis alta velocidade de conexión a internet, no primeiro posto do Índice ICT de desenvolvemento, e-Government e penetración de 4G LTE, e o segundo con maior penetración do teléfono intelixente.

Crioxenia

A crioxenia é un ramo da fisicoquímica que estuda tecnoloxías para a produción de temperaturas moi baixas (por baixo de −150°C, de −238°F ou de 123 K), principalmente ata a temperatura de ebulición do nitróxeno líquido ou aínda máis baixo, e o comportamento dos elementos e materiais nestas temperaturas sendo que a tecnoloxía usada explora os efectos de transferencia térmica entre un axente e o medio. Ese ramo da ciencia que é constantemente asociado co seu principal sector, a criobioloxía, que é o estudo de baixas temperaturas en organismos.

Ademais das escalas de temperatura comúns, como Fahrenheit, Celsius e Kelvin, os crioxenistas usan outras escalas de temperatura, como a de Rankine.

Cando licuados, gases como o nitróxeno e o helio son ​​usados ​​en moitas aplicacións crioxénicas. O nitróxeno líquido é o elemento máis usado na crioxenia e é adquirido legalmente en todo o mundo. O helio líquido xeralmente tamén é usado e permite acadar temperaturas aínda máis baixas.

Estes gases son presos en recipientes especiais coñecidos como frascos de Dewar, ou botellas de Dewar, que teñen aproximadamente 1.8 metros de altura e 90 centímetros de diámetro, mais existen tamén os tanques xigantes en operacións comerciais máis grandes. Os frascos de Dewar foron nomeados en homenaxe ao seu inventor, James Dewar, o primeiro home a licuar o hidróxeno

Outro uso da crioxenia son os combustibles crioxénicos. Estes, principalmente compostos de osíxeno e hidróxeno, son usados ​​como combustibles para foguetes. O comercio internacional de gas natural é practicado na súa forma crioxénica, o gas natural licuado ou GNL.

Dólar de comercio

En numismática coñécese como dólar de comercio a moeda de prata emitida por diversos estados, na segunda metade do século XIX e na primeira do XX, para facilitar o comercio coa China e con todo o Oriente. Os dólares de comercio tomaban como referencia o real de oito español, que funcionaba como padrón de facto dunha moeda global para o comercio co extremo Oriente.

IUPAC

A Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (en inglés International Union of Pure and Applied Chemistry) é unha organización non gobernamental internacional fundada en 1919 que representa a química e as ciencias e tecnoloxías relacionadas con ela.

Libre comercio

O libre comercio é un concepto económico, referente á venda de produtos entre países, libre de aranceis e de calquera forma de barreira comercial.

O libre comercio supón a eliminación de barreiras artificiais (regulamentos gobernamentais) ao comercio entre individuos e empresas de diferentes países.

O comercio internacional é a miúdo restrinxido por diferentes impostos nacionais, aranceis, impostos aos bens exportados e importados, así como outras regulacións non monetarias sobre bens importados. O libre comercio oponse a todas estas restricións.

Lingua franca

Lingua franca é unha expresión latina para lingua de contacto ou lingua de relación resultante do contacto e comunicación entre grupos ou membros de grupos lingüisticamente distinguidos para o comercio internacional e outras interaccións máis extensas.

Macroeconomía

A Macroeconomía é a rama da Teoría Económica baseada no estudo das macromagnitudes económicas: inflación, PIB, renda per cápita, desemprego etc. e das interrelacións existentes entre elas.

A cuestión fundamental na macroeconomía é acadar un equilibrio entre as diferentes magnitudes, que polo xeral entran en conflito entre elas.

Un dos desenvolvementos máis salientables na macroeconomía é a curva de Philips, que relaciona inflación e desemprego.

A análise macroeconómica é de grande utilidade na elaboración e execución das políticas económicas gobernamentais, pero o seu uso vai moito máis alá, xa que ter unha previsión de cal será o comportamento global da economía nun futuro é unha necesidade para moitas empresas e particulares á hora de planificar investimentos.

No século XIX pódese considerar que é cando comeza a tratarse de cuestións macroeconómicas dende unha perspectiva científica, destacando os membros da escola clásica, iniciada por Adam Smith no século anterior. Defensores do liberalismo económico, afirman que o comercio internacional é sempre fonte de riqueza para tódolos países. Tamén neste século destacan voces contrarias a este movemento liberalizador, como por exemplo a de Karl Marx.

Será no século XX, especialmente no período de entreguerras coa crise da Gran Depresión cando esta ciencia vai acadar o seu auxe, e vai a pasar a ser considerada como unha disciplina autónoma dentro do conxunto da Teoría Económica. Economistas como Keynes e Friedman son dous dos grandes expoñentes do século XX, o primeiro dende a defensa dunha economía mixta, na que o estado interveña para resolver os desaxustes (as súas teorías tiveron un forte apoio en momentos de recesión, especialmente nos anos trinta), e o segundo dende unha perspectiva neoclásica.

Os Ánxeles

Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade maior do estado de California en canto á poboación, e a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos de América. É unha cidade global con arredor de 3,8 millóns de habitantes e 1214,9 km². A área metropolitana dos Ánxeles - Long Beach - Santa Ana é, así mesmo, fogar de aproximadamente 13 millóns de persoas. A área máis grande dos Ánxeles acolle a unha zona moito maior, que consta de cinco condados e unha poboación aproximada de 18 millóns de persoas.

Os Ánxeles foi fundada en 1781 polo español Felipe de Neve. Formou parte de España e despois de México, cando México gañou a independencia de España en 1821, e ata 1848, cando México cedeu California aos Estados Unidos mediante un tratado ao rematar a guerra entre ámbolos dous. Non foi incorporada como cidade ata o 4 de abril de 1850, cinco meses antes de que California conseguira a condición de Estado. É a capital do condado dos Ánxeles, e o seu nome foi acurtado de "La Ciudad de Nuestra Señora la Reina de Los Ángeles de Porciúncula".

Os Ánxeles é un dos centros do mundo no referente a cultura, ciencia, tecnoloxía, comercio internacional e educación avanzada, e é a sede mundial de coñecidas institucións nun amplo campo profesional e cultural. A cidade e os seus arredores inmediatos lideran o mundo en producións de entretemento, tales como a industria cinematográfica, industria televisiva e industria discográfica, que son a base da fama internacional dos Ánxeles e do seu status global.

O nome da cidade é pronunciado /lɒs ˈændʒəˌlɪs/ polos seus residentes anglofalantes, e /los aŋheles/ polos seus hispanofalantes. Aos habitantes dos Ánxeles chámaselle ás veces "Angelenos" en inglés.

Philipsburg

Philipsburg é a cidade principal e Capital do país de Sint Maarten. A cidade está situada nunha estreita franxa de terra entre Great Bay e Great Salt Pond. Funciona como o centro comercial da illa de San Martiño, da cal, Sint Maarten abarca a metade sur. En 2011 tiña ten 1.327 habitantes.

A illa foi avistada por primeira vez por Cristovo Colón o 11 de novembro de 1493, pero xa era un asentamento arauaco antes do seu descubrimento. Philipsburg foi fundada en 1763 por John Philips, un capitán escocés na mariña holandesa; o asentamento pronto converteuse nun centro bulicioso de comercio internacional. Dous fortes históricos dan testemuño da importancia estratéxica de Philipsburg na historia de San Martiño: Fort Amsterdam e Fort Willem.A principal zona comercial, a rúa Front, está no corazón da cidade. Philipsburg tamén ten un porto que é visitado por moitos cruceiros, barcos como Celebrity Solstice ', Princesa, Disney Magic, e desde 2010, Oasis of the Seas .

Porco

O porco (tamén coñecido como cocho, marrán, chino ou quino) é un mamífero tipicamente doméstico, de nome científico Sus scrofa, aínda que algúns autores danlle o nome de Sus domesticus (ou Sus scrofa domesticus) para o diferenciar do porco bravo ou xabarín, ao cal se lle atribúe o nome de Sus scrofa.

Taxa alfandegueira

Unha taxa alfandegueira ou arancel é o imposto ou gravame que se aplica aos bens, que son obxecto de importación ou exportación. O máis estendido é o que se cobra nas importacións, mentres os aranceis sobre as exportacións son menos correntes, tamén poden existir aranceis de tránsito que gravan os produtos que entran nun país con destino a outro.

Poden ser "ad valorem" (ao valor), coma unha porcentaxe do valor dos bens, ou "específicos" coma unha cantidade determinada por unidade de peso ou volume.

Cando un buque arriba a un porto aduaneiro, un oficial alfandegueiro inspecciona o contido da carga e aplica un imposto de acordo coa taxa estipulada para a clase de produto. Por mor a que os bens non poden ser nacionalizados (incorporados á economía do territorio receptor) até que non sexa pagado o imposto, é un dos impostos máis sinxelos de recadar, e o custo da súa recadación é baixo. O contrabando é a entrada, saída e venda clandestina de mercadorías sen satisfacer as correspondentes taxas alfandegueiras.

Tráfico de persoas

O tráfico de persoas ou tráfico humano é o comercio de seres humanos, que comunmente se refire ao que se fai para fins de escravitude sexual, traballos forzados ou explotación sexual comercial, tráfico de drogas ou outros produtos, para a extracción de órganos ou tecidos, incluíndo tamén o uso de ventres de alugueiro e extracción de óvulos, ou aínda para o de cónxuxes no contexto dun casamento forzado.O tráfico humano representou un beneficio aproximado de 31,6 miles de millóns de dólares do comercio internacional por ano en 2010. e crese que é unha das actividades de maior crecemento das organizacións criminais transnacionais.O tráfico de persoas é condenado como unha violación dos dereitos humanos por convencións internacionais e está suxeito a unha Directiva da Unión Europea.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.