Colmo

  • Este artigo trata sobre a palla, para o tipo de cuberta véxase colmado.
Thatched Roof Moss
Colmo cuberto de mofos e liques nunha cuberta vexetal.
Hórreo tipo asturiano, O Piornedo
Colmo coma cubrición dun hórreo no concello de Cervantes (Os Ancares).
Bambu-imperial-Detalhe
Detalle do talo dun bambú imperial.

O colmo (do latín culmus, palla de centeo[1]) refírese á palla escollida dalgúns cereiais coma o centeo, o trigo, o orxo ou a avea[2]. O colmo, ademais de servir coma estrume emprégase en construción coma material de recubrimento e impermeabilización de cuberta vexetais, chamadas colmados, en palleiras, alpendres, celeiros e outras construcións rústicas. Este tipo de cubertas aparecen en todos os continentes. En Europa mantéñense vivas incluso coma cuberta de vivendas na Europa atlántica, principalmente nas Illas Británicas e o noroeste da Península Ibérica: coma por exemplo nas pallozas galegas e nos teitos asturleoneses; coma últimos redutos das vivendas circulares con cubertas vexetais dos castros atlánticos prerromanos.

Nun contexto botánico, o termo colmo, designa o tipo de talo encontrado noutras gramíneas como a cana de azucre, o millo, o arroz e o bambú; talos nos que os nós e os entrenós son ben visibles, e poden ser ocos (bambú) ou cheos (cana de azucre).

Notas

  1. Dicionario da RAE co termo castelán colmo
  2. Definición en Léxico de xeografía, Universidade de Santiago de Compostela, 1996, a través do Portal das Palabras

Véxase tamén

Outros artigos

Arquitectura popular

Denomínase arquitectura vernácula, arquitectura tradicional ou arquitectura popular a todo tipo de arquitectura no que se empregan materiais e recursos da propia contorna na que a edificación é construída. Dese xeito, presenta carácter local ou rexional.

É a arquitectura das clases populares, sen arquitectos nin planos, realizada polos propios usuarios ou por artesáns con escasa instrución, que constrúen diversos tipos de edificios, basicamente as vivendas das áreas rurais, así coma diversos tipos de edificacións ou elementos auxiliares (muros, estradas, pontes, muíños, lavadoiros, fontes, hórreos, pozos, eiras, palleiras, pendellos etc.) Normalmente se relaciona co mundo rural agrícola.

Bandeiras de nosos pais

Bandeiras de nosos pais (en inglés: Flags of Our Fathers) é un filme bélico estadounidense dirixido e coproducido por Clint Eastwood, quen tamén compuxo a banda sonora. Foi escrito por William Broyles, Jr. e Paul Haggis e está baseado no libro Flags of Our Fathers escrito por James Bradley e Ron Powers sobre a batalla de Iwo Jima de 1945. Conta os eventos arredor da fotografía Erguendo a bandeira en Iwo Jima, e os efectos nas súas vidas dos protagonistas.

Cabana

Unha cabana é unha construción rudimentaria, fundamentalmente de madeira, que serve ou ben para gardar apeiros agrícolas ou como vivenda rústica e pobre, xeralmente cuberta de colmo.

Casa circular

Unha casa circular (roundhouse en inglés) é un tipo de construción, xeralmente vivenda, cunha planta circular ou arredondada, orixinalmente construídas na Europa atlántica, usando paredes feitas en pedra ou de madeira e barro, e un típico colmado cónico coma cuberta. O diámetro destas construción vai dende diámetros de menos de 5 metros até casas de máis de 15 metros. Nos últimos tempos púxose de moda nalgúns países desenvolvido a construción de eco-vivendas circualres usando técnicas con materiais ecolóxicos como colmo, arxila, madeira e palla. En Galicia as vivendas circulares foron moi abundantes nos castros, incluso trala chegada dos romanos que introduciron a planta cadrada. A herdanza deste tipo de construción mantívose nalgúns lugares até comezos do século XXI, sendo o exemplo mási claro a palloza das serras orientais. As construción prerromanas circulares foron tamén frecuentes en todo o litoral atlántico europeo, relacionándose coa cultura celta e precelta. Existen casas circulares noutras partes do mundo, como en África.

Castro (poboado)

Un castro (do latín: castrum) é un tipo de poboado fortificado que se espallou principalmente por Europa entre a Idade de Bronce e a de Ferro, que subsistiu ata a Idade Media. Concretamente na Península Ibérica destaca este tipo de asentamento no noroeste, onde pola súa concentración é un elemento definitorio da cultura prerromana coñecéndose co nome de Cultura castrexa, aínda que os castros seguiron a ser habitados ata ben entrada a Idade Media. Existen, porén, castros (hillforts) en toda a Europa atlántica, dende Finlandia ao Norte de Portugal pasando polas Illas Británicas.

Citania e cividade son sinónimos de castro, aínda que en Portugal designan especialmente castros de maiores dimensións e cun grao de desenvolvemento urbanístico maior, en gran parte polo influxo da romanización.

Non se sabe con exactitude o número de castros que houbo en Galiza pero pode estimarse nun mínimo de 3.000, aínda que non todos estaban ocupados á vez e quizais houbo arredor de 1.500 na época de maior vitalidade, pero tan só hai uns 50 castros escavados arqueoloxicamente.

Cebada

A cebada ou orxo (Hordeum vulgare) é unha gramínea cerealífera de grande importancia tanto para humanos como para animais, e representa a quinta maior colleita do mundo. Pertence á familia das gramíneas e a área cultivada no mundo chega a 530.000 km². O seu período de xerminación é de 1 a 3 días. As súas flores dispóñense en espigas, na extremidade do colmo, e os froitos, amarelados e ovoides, fornecen unha fariña alimenticia. A xerminación dos grans (malte) da especie (Hordeum distichum) utilízase na fabricación da cervexa, e os grans torrados e moídos son usados na fabricación dunha bebida sen cafeína de aspecto semellante ao café.

Centeo

O centeo (Secale cereale (L.) M.Bieb.) é unha gramínea que se cultiva polo seu gran e como planta forraxeira. É un membro da familia do trigo e relaciónase estreitamente co orxo.

O gran do centeo utilízase para facer fariña (fariña centea) e na industria da alimentación. É altamente tolerante á acidez do solo. O primeiro uso posible do centeo doméstico remóntase a Abu Hureyra ao norte de Siria, no val do Éufrates no Paleolítico tardío. É un cultivo común en Galiza, sendo a fariña centea unha das máis empregadas noutrora para facer pan.

Cheminea

Unha cheminea ou fumeira é un sistema usado para ventilar gases quentes e fume de caldeiras, quentadores, estufas, fornos, fogóns ou lareiras á atmosfera. Atópanse en vivendas, locomotoras, factorías, barcos etc. A altura do conduto xoga un papel especial para faciliar a saída dos fumes.

Colmado

O colmado (de colmo: palla escollida de centeo ou de trigo usada para cubertas, este do latín culmus, palla de centeo) ou cuberta vexetal é unha cuberta feita de palla de centeo ou trigo que se usa nos palleiros e en certas construcións rústicas. Tamén recibe os nomes de colma, colmazo e colmo.

Constrúense artesanalmente realizando unha cuberta con vexetación seca de diferentes especies vexetais dependendo o tipo, dispoñibilidade ou lugar do mundo, como colmo, palla, carrizas, xuncas, xuncos ou queiroas e colocándoas en camadas, de xeito que a auga se elimine lonxe da cuberta interna. Probabelmente sexa este o material máis antigo que se ten empregado nas cubrición das cubertas, usándose tanto en climas tropicais coma temperados. Algúns construtores de países en vías de desenvolvemento aínda empregan cubertas vexetais, construíndoas normalmente con vexetación da zona e de baixo custo. Pola contra, nalgúns países desenvolvidos (Alemaña, Reino Unido) existe unha demanda deste tipo de cuberta, por parte de cidadáns acomodados que queren dar ao seu fogar un ar rústico.

En Galicia aínda existen mostras de colmados en vivendas das montañas, o caso máis coñecido é o das pallozas, porén as cubertas vexetais foron habituais, especialmente en construcións auxiliares (cabazos, hórreos, alpendres etc) até hai poucos anos. Outra mostra galega do uso de colmados deuse nas vivendas circulares dos castros antes da introdución da tella (tellados) polos romanos. As vivendas circulares (coñecidas en inglés coma roundhouses) déronse en toda a europa atlántica, posibelmente de orixe celta.

Hórreo

Un hórreo é unha construción destinada a gardar e conservar os alimentos afastados da humidade e dos animais para mantelos nun estado óptimo para o seu consumo. Caracterízase por manterse sobreelevado sobre pés, co fin de evitar a entrada de humidade e animais dende o chan e por permitir a ventilación a través de rañuras nas paredes perimétricas.

O antropólogo polaco Eugeniusz Frankowsky, en 1918, rexistra o uso de celeiros aéreos na Península Ibérica, rexión dos Alpes, península escandinava, área dos Balcáns, África subsahariana, Persia, sueste asiático, Xapón, península de Kamchatka e área do estreito de Bering, empregados para a conservación do cereal. A especificidade do hórreo como tipoloxía reside na súa ligazón co cultivo do millo e á súa maduración e secado en zonas de clima atlántico. O uso do hórreo está estendido por boa parte do norte da Península Ibérica, con especial abundancia na rexión costeira noroeste, en áreas nas que a pronta chegada dun inverno longo, frío e húmido obriga a facer colleitas temperás.

Hórreo de corres

Un hórreo de corres é un tipo de hórreo empregado en Galicia e norte de Portugal, menos elaborado que o hórreo galego ou que o asturiano. Comprende pequenos celeiros portátiles lixeiros, feitos de materiais vexetais.

Malla

A malla é a operación de bater nun cereal coa finalidade de separar a semente ou grans da palla. Aínda que no pasado era unha operación manual na que se facía uso dun sinxelo aparello denominado mallo e mais dun solo preparado para a malla, chamado aira ou eira, esta tarefa é realizada na actualidade por máquinas que reciben o nome xenérico de malladoras.

A malla é un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans. Malia que a malla serve para separar a puxa ou gluma do gran, non serve para desprendela doutra envoltura, o farelo, que se efectúa despois da muiñaxe, peneirando a muiñada.

Palla

A palla é a cana ou talo seco de cereais como o trigo, a avea, o centeo ou a cebada despois de o separar do gran ou semente na trilladura.

Palloza

Unha palloza é unha construción tradicional da serra dos Ancares de planta circular ou oval, aínda que tamén existen de planta rectangular ou de bocoi.

As súas medidas poden variar moito, dependendo das necesidades da familia, van dos dez os trinta metros de diámetro. O muro é de pedra con varias portas e fiestras ou con fachinelos sinxelos. Interiormente divídense nunha parte dedicada á vivenda e outra a corte dos animais. O teito é cónico (colmado), feito dunha escolma palla de centeo chamado colmo que illa termicamente a vivenda de condicións climáticas extremas coma a neve ou o excesivo calor estival. O colmo vai atado a unha unha estrutura desmontábel de vigas de madeira.

Peste negra

A peste negra foi unha epidemia concreta de peste que chegou a Europa, a China, o Medio Oriente e outras rexións do Mundo durante o século XIV (1347-1350), matando un terzo da poboación da Europa e proporcións probabelmente semellantes noutras rexións.

A peste non só decimou a poboación senón que destruíu a brillante civilización europea da baixa Idade Media, da construción das catedrais e do Feudalismo e Mercantilismo, que foi substituída pola bastante diferente civilización dos Descubrimentos e do Renacemento, logo que a poboación volveu medrar.

Durante o período de revolución que causou, cuestionáronse institucións como a Igrexa católica, prosperaron novas formas de relixión místicas e de pensar e minorías inocentes como os leprosos e os xudeus foron perseguidas e acusadas de seren a causa da peste.

Real Oviedo

O Real Oviedo é un equipo de fútbol da cidade de Oviedo (Asturias), fundado no 26 de marzo de 1926 da fusión de dous clubs que mantiveran pugna durante anos na cidade: o Real Stadium Club Ovetense e o Real Club Deportivo de Oviedo. É Sociedade anónima deportiva dende 1992 e o seu primeiro e máis emblemático presidente foi Carlos Tartiere.

Xogou durante 38 tempadas na Primeira División e 32 en Segunda División, e as súas cotas máximas foron tres terceiras posicións en Primeira División, unha Copa da Liga de Segunda División en 1985 e xogar a Copa da UEFA en 1991. Ademais, foi o primeiro equipo asturiano en xogar en Primeira, en 1933.

Actualmente xoga na Segunda División Española e o seu estadio, o novo Carlos Tartiere (c/ Ricardo Vázquez Prada, s/n 33013 Oviedo) con 30.500 localidades de asento, é o máis impresionante desa categoría debido a que se construíu mentres o equipo estaba en Primeira. Pese ao descenso no número de espectadores, a afección non abandonou do todo ao seu equipo, establecendo o récord de socios (12.700) e de asistentes (27.000) a un partido de Terceira División, así como o de desprazados a un partido de devandita categoría en campo alleo (máis de 4.000).

Teito (casa)

Teito ou casa de teito (tamén chamada de teitu ) é unha edificación de pedra con cuberta vexetal de xestas ou colmo de centeo típica do occidente asturiano e leonés, especialmente na zona de Somiedo en Asturias, nas comarcas leonesas dos Ancares e A Cabreira. Moi relacionadas coas pallozas de Galicia e León coas que case estreman.Teito é en realidade unha voz asturleonesa, que como en galego, designa calquera cuberta feita con material vexetal (coñecidas en galego coma colmados ou colmas). Por extensión chamouse teito ao edificio en si, sempre que a súa cuberta sexa vexetal. O teito asturiano ten moita relación coa palloza galega-leonesa dos Ancares, en canto ao colmado se refire, aínda que se diferencian na forma e estrutura do edificio habitacional que acubilla dita cuberta (planta arredondada nas pallozas e cadrada nos teitos); diferénciase tamén na súa localización xeográfica e na distribución do espazo. En Asturias e León prefírese a voz teito, mentres que en Galicia utilízase a voz palloza ou pallaza.As construcións con teito pertencen á arquitectura popular autóctona, destinadas a vivendas, palleiras, alpendres, cortes, hórreos e outros pequenos edificio auxiliares. Coma ocorreu coas construcións de colmado en Galicia, de todas estas construcións, resistiron o paso do tempo as cabanas, os hórreos, as palleiras e algún máis. As vivendas ou ben foron desaparecendo ou se modificaron ostensibelmente. Nalgúns casos mantivéronse até finais do século XX e comezos do XXI, até a morte dos seus propietarios. Algunhas destas casas mantiveron a súa vida por terse convertido en museos etnográficos ou por ter cambiado o seu uso rehabilitándoas coma cortes ou palleiras.

Teito (homónimos)

O termo teito (do latín tectu) pódese referir a:

Teito, parte superior que cobre unha casa, unha vivenda ou calquera construción ou cavidade semellante, considerada especialmente polo lado interior, por riba dos límites superiores das paredes.

Cuberta, elemento construtivo que protexe os edificios na parte superior e, por extensión, estrutura sustentante formada por trabes en pendente. Segundo o material que cobre a estrutura pode ser chamado de tellado (tellas), lousado (lousas) ou colmado (colmo).

Vivenda, casa onde se vive, lar, forgar.

Colmado, cuberta de palla de centeo ou trigo que se usa nos palleiros e en certas construcións rústicas, colma, colmazo, colmo.

Teito, (tamén chamada de teitu en asturleonés) edificación de pedra con cuberta vexetal (colmado ou de xestas) típica do occidente asturiano e leones, semellante á palloza.

Tella (construción)

A tella é un elemento construtitvo usado na cobertura de casas e outras edificacións. Adóitase facer de arxila (cerámica), mais pode ser producida nunha gran variedade de materiais, como pedra, cemento, amianto, metal, vidro, plástico, madeira, entre outros.

Como regra, son usados conxuntos de tellas que, integrándose unhas nas outras, formarán un tipo de cuberta denominada tellado, e diferenciándose dos feitos en pedra ou lousa: lousados, ou en palla ou colmo: colmados. Unha boa tella ofrece encaixes precisos, evitando a filtración de auga ou vento, e achegando resistencia á intemperie e rendimento acorde co previsto no material empregado.

A decisión do tipo e material axeitados da tella usada depende de factores como a incidencia de choivas ou neve, temperaturas medias da rexión, tipoloxía da construción, vans e, naturalmente, dispoñibilidade de materiais, man de obra local e o modo no que o material será utilizado.

En Galicia o uso da tella vén xa da época romana, comezando a se empregar nos primeiros castros romanizados, porén o uso de cubertas vexetais e de pedra mantense até hoxe.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.