Colleita

A colleita é o conxunto dos produtos do agro, ou dun produto en particular, que se recollen ao chegar a época, normalmente unha vez ao ano. Por extensión, tamén se denomina colleita á operación e ao tempo de recolectar eses froitos, sementes ou hortalizas maduras dos campos. A colleita marca o final do crecemento dunha estación, xeira ou a fin do ciclo dun froito ou cultivo en particular. O termo colleitar no seu uso xeral inclúe tamén as accións posteriores á recolección do froito propiamente dita, tales como a limpeza, clasificación e embalado do recolectado até a súa almacenaxe na granxa (no celeiro ou hórreo), ou o seu envío ao mercado de venda a por xunto ou ao consumidor.

A sincronización de plantación e recolleita é unha decisión crítica, que depende do equilibrio entre as posíbeis condicións atmosféricas e o grao de madureza da colleita. As condicións atmosféricas como as xeadas ou períodos fríos e quentes fóra de tempada poden afectar a produción e calidade.

Colleitar cedo pode evitar as condicións prexudiciais amis dar lugar a unha produción máis pobre en cantidade e calidade. A colleita serodia pode redundar nunha maior cantidade e calidade, pola contra fai máis probábel a exposición a condicións climatolóxicas non desexadas. Atinar coa data ideal da colleita ten a súa parte de xogo de azar.

Nas granxas máis cativas onde a mecanización é mínima, na recolleita, o traballo manual é máis intenso durante a época de recolección. Nas granxas grandes e mecanizadas é nesta época cando se emprega a maquinaria máis pesada e sofisticada coma a colleitadora.

Manual harvest in Tirumayam
A colleita tense realizado a man ao longo da historia humana.
Harvest Straw Bales in Schleswig-Holstein
Fardo ou bala de feno nun campo de Schleswig-Holstein, Alemaña.

Véxase tamén

Outros artigos

Agricultura

A agricultura (do latín agri ‘campo’, e cultūra ‘cultivo’, ‘crianza’) é o conxunto de técnicas, coñecementos e saberes para cultivar a terra e a parte do sector primario que se dedica a iso. Nela englóbanse os diferentes traballos de tratamento do chan e os cultivos de vexetais. Comprende todo un conxunto de accións humanas que transforma o medio ambiente natural.

As actividades relacionadas son as que integran o chamado sector agrícola. Todas as actividades económicas que abarca devandito sector teñen o seu fundamento na explotación dos recursos que a terra orixina, favorecida pola acción do ser humano: alimentos vexetais como cereais, froitas, hortalizas, pastos cultivados e forraxes; fibras utilizadas pola industria téxtil; cultivos enerxéticos etc.

A agricultura tamén comprende unha demanda global do ramo e servizo da alimentación mundial depende en gran medida do clima e das técnicas para poder facer a terra fértil, conserva a súa orixe na propiedade privada e na explotación da terra entregada a familias para poder establecerse.

É unha actividade de gran importancia estratéxica como base fundamental para o desenvolvemento autosuficiente e riqueza das nacións.

A persoa que traballa na agricultura é o agricultor ou a agricultora, a se mesmo a ciencia que estuda a práctica da agricultura é a agronomía.

Café

Este artigo trata sobre a bebida, para a planta véxase o artigo: Cafeeira; para o establecemento onde se serve café véxase o artigo: Cafetaría.

Denominase café a unha bebida (infusión) que se elabora co gran torrado e posteriormente moído da cafeeira (Coffea) ou planta do café. A bebida é altamente estimulante, pois contén cafeína. Por extensión tamén se coñece como café o establecemento público no que se serven estas bebidas.

É orixinario do Medio Oriente, pero espallouse por outras rexións, como Suramérica (Brasil, Colombia) e algúns países de África. O café de maior recoñecemento é o café de Colombia[Cómpre referencia].

O cultivo do café atópase amplamente difundido nos países tropicais e subtropicais. Chama particularmente a atención o caso de Brasil, porque concentra pouco máis dun terzo da produción mundial (véxase máis adiante). Os grans do café son un dos principais produtos de orixe agrícola que se comercializan nos mercados internacionais e a miúdo supón unha gran contribución aos títulos de exportación das rexións produtoras. O cultivo do café está culturalmente ligado á historia e ao progreso de moitos países que o produciron por máis dun século.

Estados Unidos é o maior mercado mundial importador de café, seguido por Alemaña, segundo estatísticas de 2016. Finlandia é o país que consome máis café por número de habitantes[Cómpre referencia].

En España, Portugal e Río da Prata é frecuente o consumo de café torrado ou torrefacto (torrado en presenza de azucre). Adoita tomarse como almorzo ou na sobremesa logo das comidas, e é unha das bebidas sen alcohol máis socializadoras en moitos países. Existen case tantas formas de preparar esta bebida como consumidores pero a máis popular, separadamente de tomalo só, é a que leva leite, aínda que tamén se lle adoita engadir crema ou nata, leite condensado, chocolate ou algún licor. Sérvese habitualmente quente, pero tamén se pode tomar frío ou con xeo.

A industria do café move hoxe en día 70.000 millóns de dólares ao ano, cifra superada unicamente polo petróleo no que se refire a exportacións a escala mundial, segundo a revista Investigación e Ciencia.Hoxe en día, máis de vinte e cinco millóns de leiras familiares nuns oitenta países cultivan ao redor de quince mil millóns de cafeeiras, cuxa produción termina nos 2 250 millóns de cuncas de café que se consomen a diario.Historicamente son lugares de encontro social, de conversas literarias e intercambios culturais como os coñecidos Café Gijón, en Madrid ou o Café Tortoni de Buenos Aires.

Calendario xermánico

Os calendarios xermánicos eran os calendarios rexionais utilizados polos primitivos pobos xermánicos, antes de que adoptaran o calendario xuliano na baixa Idade Media.

Os pobos xermánicos tiñan as súas propias designacións para os meses, as cales variaban segundo a rexión e o dialecto, estas denominacións foron posteriormente substituídas por adaptacións locais dos nomes dos meses romanos. Os rexistros existentes dos nomes dos meses en inglés antigo e alemán antigo remóntanse ós séculos VIII e IX, respectivamente. Os rexistros máis antigos dos nomes dos meses en antigo nórdico remóntanse ó século XIII. Ó igual que a maioría dos calendarios premodernos, a asociación utilizada na cultura xermánica primitiva posiblemente foi lunisolar. O calendario rúnico desenvolvido en Suecia é lunisolar, fixando o comezo do ano coa primeira lúa chea logo do solsticio de inverno.

Os nomes dos meses non coinciden, polo que non é posible postular nomes dunha etapa en xermánico común, excepto posiblemente o nome do mes da primavera e do inverno, *austr- e *jehul-. Os nomes das estacións son tamén xermánico común, *sumaraz, *harbistoz, *wentrus, e talvez *wēr- "primavera". As denominacións en xermánico común de "día", "mes" e "ano" eran *dagaz, *mēnō-þ- "Lúa" e *jǣrom. As dúas últimas proveñen de raíces protoindoeuropeas *me(n)ses-, *iero- mentres que *dagaz é unha innovación xermánica dunha raíz que significa "que se atopa quente, que queima".

Tácito na súa obra Xermania (cap. 11) dá algúns datos sobre como os pobos xermánicos do século I identificaban os días. En contraste co uso romano, eles consideraban que o día comenzaba co solpor, un sistema que na Idade Media foi coñecido baixo o nome de "asociación florentina". Este mesmo sistema era utilizado polos galos segundo se describe nas Commentarii de Bello Gallico de Cesar.

"Xuntábanse, agás en caso de emerxencia imprevista, en certos días fixos, coa lúa nova ou a lúa chea; xa que eles consideraban a estes os días máis auspicios para realizar transaccións comerciais. No canto de guiarse polos días coma nós, eles referíanse ás noites, deste xeito eles fixaban tanto os seus compromisos ordinarios como tamén os legais. Eles consideran a noite como a orixe do día."Por outra parte, o concepto de semana foi adoptado polos romanos cara o século I, as distintas linguas xermánicas adoptaron o sistema grecorromano de nomear os días da semana segundo os planetas clásicos, enxertando calcos semánticos para os nomes dos planetas, substituíndo os nomes dos deuses xermánicos nun proceso denominado interpretatio germanica.

Cana de azucre

Para ver outros vexetais con este nome ver: cana (vexetal).

A cana de azucre (Saccharum officinarum), é unha das seis especies do xénero Saccharum, gramíneas altas que proveñen do sueste asiático. É un vexetal co cal se fabrican azucre e alcol.

Hai uns 13 millóns de hectáreas de cultivo de cana de azucre no mundo, espallados por uns 100 países. Os principais produtores mundiais son o Brasil, a India e a República Popular da China.

Cebada

A cebada ou orxo (Hordeum vulgare) é unha gramínea cerealífera de grande importancia tanto para humanos como para animais, e representa a quinta maior colleita do mundo. Pertence á familia das gramíneas e a área cultivada no mundo chega a 530.000 km². O seu período de xerminación é de 1 a 3 días. As súas flores dispóñense en espigas, na extremidade do colmo, e os froitos, amarelados e ovoides, fornecen unha fariña alimenticia. A xerminación dos grans (malte) da especie (Hordeum distichum) utilízase na fabricación da cervexa, e os grans torrados e moídos son usados na fabricación dunha bebida sen cafeína de aspecto semellante ao café.

Celeiro (construción)

Un celeiro é unha construción no rural onde os agricultores almacenan o gran, os produtos da colleita e o alimento para os animais.

Ás veces por extensión chámase celeiro a calquera edificio agrícola utilizado para almacenamento, corte, equipamentos agrícolas, vehículos e como lugar de traballo cuberto (alpendre ou alboio). Tamén ten a acepción de hucha, caixa onde se garda o cereal (arca, tulla, barra).

Nos celeiros primitivos, a olaría era o xeito máis común de almacenaxe nestas construcións. Moitas veces os celeiros constrúense a certa altura do chan para manter a colleita lonxe de roedores ou da humidade en zonas chuviosas. O hórreo é un tipo de celeiro en altura. En Galicia (tamén chamado canastro) e no norte de Portugal (chamado espigueiro), acostuma ser o celeiro-secadoiro por excelencia. O hórreo asturiano só serve, porén, para almacenaxe.

Cereal

Este artigo trata sobre as plantas gramíneas, para o alimento industrial que se toma de mañá, véxase o artigo Cereal para o almorzo.

Os cereais(da deusa romana da agricultura; Ceres) son plantas que se aproveitan principalmente polos seus grans, que botánicamente denomínase cariópside, o cal ten o endosperma con amidón que se pode transformar en fariña e que se presta a varias preparacións alimentarias (pan, pasta, bicas, etc.), e que tamén son a materia prima para a fabricación de bebidas alcohólicas (cervexa, whisky, sake). Ademais do seu uso dietético e en alimentación animal, sácase aceite deles, especialmente do millo.

En sentido estrito só son cereais algunhas gramíneas pero tamén se adoita a considerar como cereais os grans dalgunhas outras familias cultivadas para consumo humano ou animal. Seguindo esta interpretación estrita hai que considerar só seis cereais: o trigo, o millo, o arroz, a cebada, a avea e o centeo; nun sentido máis amplo, téndese a considerar como cereais o millo miúdo, o sorgo e mesmo o alforfón.Actualmente os cereais abastecen a maior parte (45%) das calorías alimentarias da humanidade.En termos botánicos os cereais pertencen ás familia poáceas (ou gramíneas). Algúns grans doutras familias botánicas asimílanse ás veces cos cereais: o gran de alforfón (polygonaceae), a quinoa (quenopodiaceae) e o sésamo (pedaliaceae).

Custos Messium

Custos Messium, que en latín significa "o gardián da colleita", é unha antiga constelación ideada polo astrónomo francés Joseph Lalande no 1775.

Herbicida

Os herbicidas son pesticidas empregados para matar plantas non desexadas. Os herbicidas selectivos matan determinadas plantas e deixan a colleita desexada relativamente ilesa. Para interferir no desenvolvemento das plantas, os herbicidas baséanse frecuentemente nunha hormona da planta. Moitos dos herbicidas que se botan na terra non son selectivos e matan todo o material vexetal co que entran en contacto. Algunhas plantas, como as nogueiras (xénero Julans), producen herbicidas naturais. Os herbicidas son amplamente empregados na agricultura e no mantemento de céspedes. Tamén se aplican en programas de control da vexetación nas beiras das estradas e nas vías do ferrocarril

Lammas

Lammas ou día de Lammas é unha festividade tradicional da colleita, de orixe celta, tamén conocida como Lughnasadh, que se celebra o 1 de agosto nos países anglosaxóns e en relixións de revival celta e neopagás como a wicca.

Durante a época medieval esta festa era conocida como "Gule of August", pero o significado de "gule" é descoñecido. Ronald Hutton suxire que esta palabra puido ser unha derivación inglesa de "gwyl aust", o nome galés para o 1 de agosto e que significa "festa de agosto"; e propón unha orixe pagá e pre-cristiá de Lammas entre os anglosaxóns e a súa conexión co festival gaélico de Lughnasadh ("vodas de Lug", un deus celta).

Lughnasadh

Lughnasadh é unha festa celta celebrada o 1 de agosto, durante a tempada de maduración da colleita local de froitas, ou durante o plenilunio preto do punto medio entre o solsticio de verán e o equinoccio de outono.

Malla

A malla é a operación de bater nun cereal coa finalidade de separar a semente ou grans da palla. Aínda que no pasado era unha operación manual na que se facía uso dun sinxelo aparello denominado mallo e mais dun solo preparado para a malla, chamado aira ou eira, esta tarefa é realizada na actualidade por máquinas que reciben o nome xenérico de malladoras.

A malla é un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans. Malia que a malla serve para separar a puxa ou gluma do gran, non serve para desprendela doutra envoltura, o farelo, que se efectúa despois da muiñaxe, peneirando a muiñada.

Millo

O millo ou maínzo (Zea mays) é unha planta gramínea anual e na mesma planta (monoica) atópanse as súas inflorescencias masculinas (nos extremos terminais) e femininas (nas vaíñas axilares). Ten un crecemento rápido, chegando aos 2,5 metros de altura nun ano, que é a súa quenda de colleita. As follas teñen forma alongada saíndo do talo cun lixeiro ángulo e coa punta caída cara abaixo. As mazarocas están cubertas por filas de grans.

A especie forma parte do xénero Zea, que non ten conxéneres achegados. As flores masculinas e femininas aparecen en inflorescencias separadas pero dentro do mesmo pé. Esta característica permite a obtención do millo híbrido, hoxe en día tan estendido. É tal a variabilidade do gran verbo da forma e cor, na mazaroca ou na mesma planta, que aínda non se acadou a clasificación científica de tódalas súas variedades. Ademais da híbrida, as variedades máis importantes son "dente marelo", "Krug" e "dentalla marela de Reid" [Cómpre referencia].

O cuco na cultura popular galega

Eladio Rodríguez asegura que en Galicia se di que a femia do cuco pon os seus ovos nos niños alleos porque ela non pode chocalos, debido a que o seu peito non transmite a calor necesaria. Este feito fai que se considere esta ave como o símbolo do egoísmo, e representación da infidelidade conxugal.

Dise tamén que o cuco sabe enganar ás outras aves e que a súa chegada é o anuncio da primavera. Se, cando vén, faino voando sobre os montes, augura boa colleita, pero se o fai sobre terras sementadas, a colleita será mala .

Outra crenza relacionada co cuco é que quen escoita o seu canto en xenún terá moita sorte e vivirá moitos anos; pero que se o canto do cuco lle colle estando aínda na cama, terá preguiza durante todo o verán. Cando os rapaces van ós niños coidan de non falar nada de nada para que o cuco non o descubra e coma os ovos; igualmente, se logo falan do niño entre si non mencionan os ovos polo seu nome, senón baixo o nome de seixos, co mesmo obxectivo de que o cuco non saiba deles.

Perséfone

Na mitoloxía grega, Perséfone (do grego Περσεφόνη), tamén chamada Kore; "a doncela"), é a filla de Zeus e a deusa Deméter, e raíña do inframundo. Homero descríbea como a formidable e maxestosa raíña do inframundo, que fai efectivas as maldicións dos homes nas almas dos mortos. Perséfone foi secuestrada por Hades, o deus do inframundo. O mito do seu secuestro amosa a súa función como personificación da vexetación que aparece na primavera e desaparece despois da colleita; polo tanto, tamén se asocia coa primavera e a fertilidade da terra. Existen mitos semellantes no Oriente, nos cultos de deuses como Atis, Adonis e Osiris, e na Creta minoica.

Perséfone, como deusa da vexetación, e a súa nai Deméter eran as figuras centrais dos misterios eleusinos que precederon ós deuses olímpicos, e que prometían ós iniciados unha perspectiva máis alentadora despois da morte. Segundo a tradición órfica, Perséfone é a nai de Dioniso, Iaco ou Zagreo. A orixe da súa adoración é incerta, pero está baseada en cultos moi antigos de comunidades agrarias.

Na mitoloxía romana, é chamada Proserpina, e a súa nai Ceres.

Pexego

O pexego é o froito do pexegueiro (Prunus persica), da familia Rosaceae. Contén unha única e gran semente cuberta por unha casca dura, dentro dunha froita, de pel de veludo, que posúe unha carne que pode tirar a branco, amarelo, laranxa e incluso algo colorado; presenta un sabor doce e despide un delicado aroma.

Os pexegos, xunto coas cereixas, ameixas e albaricoques, son froitas de carabuña. Esta especie divídese en variedades cuxa carne se separa facilmente da carabuña e noutras nas que se adhire firmemente, como a variedade chamada pavía. As variedades de carne branca son tipicamente moi doces, con escaso gusto ácido e as máis populares de países como a China, o Xapón e os seus veciños asiáticos, mentres que as de carne amarela son preferidas nos países europeos e norteamericanos, posúen un fondo ácido, que se paladea xunto á dozura. A pel de ambas as variedades ten tons encarnados.

Ría de Muros e Noia

A ría de Muros e Noia forma parte das Rías Baixas, sendo a que está situada máis ó norte, entre as rías de Corcubión e Arousa. A ría foise formando na desembocadura do río Tambre.

As augas do Tambre son as que orixinan na súa confluencia co mar, un hábitat no que se desenvolverán os bivalvos, que serán o motor económico das vilas que a circundan. As ameixas e os berberechos acadan boas proporcións nos tempos da colleita, a partir do mes de setembro, nos lombos de Testal e o Freixo, grazas a esa simbiose entre as augas doces do río e a salinidade que achega o océano Atlántico.

A ría comeza a partir da punta do Castro de Baroña en Porto do Son, pola súa beira sur, e remata coa punta Carreiro en Louro (Muros), pola súa parte norte.

Entre as vilas a destacar están as que dan nome á ría: Muros, fundada detrás do monte Louro como unha vila mariñeira agochada da vista de piratas e de corsarios alá polo século XVI e XVII e Noia, vila medieval. Tamén Porto do Son, que vive fundamentalmente do turismo e do mar e Portosín, outra vila de interese pertencente ao mesmo concello.

Thor (deus)

Thor (nórdico arcaico: Þórr, inglés arcaico: Þunor, alto alemán arcaico: Donar) é un deus de cabelos vermellos e barba, que representa a forza da natureza (trono) na Mitoloxía nórdica e tamén na Mitoloxía xermánica. Capaz de convocar treboadas, é o fillo de Odín -o deus supremo de Asgard- e Jord (Fjorgyn) -a deusa de Midgard (a Terra)-. Durante o Ragnarök, Thor matará e será morto por Jörmungandr, a gran serpe de Midgard.

El era grande aínda para ser un deus e extremadamente forte. Thor gustaba das disputas de poder e era o principal campión dos deuses contra os seus inimigos, os xigantes de xeo. A arma de Thor era un martelo de guerra máxico, chamado Mjolnir (que lanzaba raios de luz) cunha enorme cabeza e un mango curto e que nunca erraba o golpe e sempre retornaba ás súas mans. Tamén se servía dunhas luvas de ferro máxicas para suxeitar o mango do martelo branco e o cinto Megingjard que dobraba a súa forza, fóra da guerra axudaba os labregos co seu martelo e viaxaba nunha carroza tirada por carneiros. Tamén protexía os recentemente casados e daba fertilidade.

A súa esposa era Sif, a deusa da colleita, con quen tivo a filla Thrud; e da súa unión coa xiganta Jarnsaxa tivo os fillos Magni e Modi. Os antigos escritores (Saxo, Adam de Bremen, Aelfric, Snorri) identificaron a Thor coma o deus Greco-Romano Xúpiter porque ambos son fillos da Nai-Terra, comandante das choivas, dos raios e tronos, son protectores do mundo e da comunidade, cuxo símbolo era o carballo, representando ao tronco da familia. Os animais de ambos os deuses eran o carneiro, o bode e a aguia. Thor era sempre presentado co seu martelo e Xúpiter co seu cetro. Thor matou a serpente Jormungand e Xúpiter o dragón Tifon.

A Thor gustáballe a compañía de Loki, a pesar do seu talento de embusteiro para colocar a ambos en situacións difíciles. As historias das súas aventuras están entre as máis ricas da mitoloxía nórdica. No panteón nórdico, Thor era o destrutor do mal e o segundo maior expoñente dos deuses Aesir.

No Ragnarok, a tarefa de Thor era matar a cruel Jörmungandr ou Serpe Midgard (unha serpe que envolve a Terra), filla de Loki, mais el morrerá tamén no combate, debido ao veleno do seu inimigo.

Thor era un deus extremadamente popular, aparece citado frecuentemente en inscricións rúnicas e aparece nos himnos de louvanza dos poetas islandeses.

Os anglo-saxóns deron o nome de Thor ao quinto día da semana, Thursday ou sexa "Thor's day" (o día de Thor), xoves en inglés).

Vendima

A vendima é a acción de recoller a uva para colleitala coma alimento ou materia prima para o viño, así coma a época do ano na que se realiza. A época da vendima coincide co final do verán, en Galicia habitualmente a fins do mes de setembro e primeiros de outubro, pero non é igual en tódalas rexións, así nos vales interiores de Galicia (Ribeira Sacra, Valdeorras) a colleita faise máis cedo (finais de agosto) debido a que a maior calor estival do interior continental permitelle ás uvas madurecer antes. A época xeral tamén depende do clima dese ano, pois un verán de calor pode adiantar a vendima mentres que un verán chuvioso ou frío pode estragar a colleita. Certas tradicións tamén teñen en conta o cuarto da lúa para decidir a data da vendima. Fóra de Galicia existe unha variedade de viño chamada viño de xeo que se colleita de noite, cando as uvas aínda están conxeladas ou moi frías do orballo, o cal modifica a súa maduración e gradación alcólica.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.