Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) é o colexio profesional oficial de arquitectos de Galicia. Forma parte do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.

Sede da delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Pontevedra
Delegación provincial en Pontevedra.

Traxectoria

COAG Vigo
Sede do COAG en Vigo, obra dos arquitectos Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera.

Esta Corporación de Dereito Público foi creada por Decreto de 2 de maio de 1973, mediante segregación do antigo Colexio de Arquitectos de León, Asturias e Galicia,[1] contando nese momento con 120 colexiados. O 16 de novembro de 1999 a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais aprobou os seus estatutos[2].

A sede central do COAG está en Santiago de Compostela, e ten delegacións na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Dende 2005 ostenta o cargo de decano-presidente Celestino García Braña e ao 19 de marzo de 2007 contaba con 3146 colexiados. Foron decanos: Andrés Fernández-Albalat Lois (1973-1977); Xosé Bar Boo (1977-1979); Juan José González-Cebrián Tello (1979-1981); Xabier Suances Pereiro (1981-1983); Miguel Silva Suárez (1983-1986); Arturo Conde Aldemira (1986-1989); José Manuel Rey Pichel (1989-2003); Teresa Táboas Veleiro (2003-2005).

No ano 2010 o Proxecto Terra, un proxecto educativo posto en marcha polo COAG, recibiu o Premio Nacional de Urbanismo.[3], e, no 2011, o premio da Crítica Galicia de Iniciativas Culturais.

Notas

  1. Ministerio de Vivenda. Decreto 1025/1973 [1], de 2 de maio, polo que se crea o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
  2. Decreto 293/1999 [2], do 28 de outubro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; modificados parcialmente pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través do Decreto 254/2008 [3], do 23 de outubro.
  3. "Documento BOE-A-2011-11158". Boletín oficial del Estado (en castelán) (153): 68879. 28 de xuño de 2011. Consultado o 16 de abril de 2019.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Andrés Fernández-Albalat Lois

Andrés Fernández-Albalat Lois, nado na Coruña o 23 de xuño de 1924, é un arquitecto galego. Recoñecido coma a figura máis representativa da modernidade na arquitectura galega do século XX.

Arco de medio punto

O arco de medio punto ou arco de volta perfecta en arquitectura, é un tipo de arco que no intradorso ten a forma dun semicírculo. É o elemento principal da arquitectura abovedada, formando as de canón. Antigamente adoitaba estar conformado por doelas de pedra, adobe ou ladrillo, hoxe pode fabricarse en formigón.

Chanzo

Este artigo trata sobre a parte da escaleira, para os distintos niveis que serven de asento para os espectadores, véxase Bancada.

Denomínase chanzo, banzo ou paso a cada unha das superficies planas de pedra, madeira ou outra materia dunha escaleira, nas que se vai pisando ao subir ou baixar. Denomínase tamén banzo a cada unha das travesas ou barras horizontais dunha escada, onde se apoian os pés.

A parte vertical denomínase tabica ou alzada. Pódense distinguir os seguintes tipos de chanzos:

Chanzo curvo. Aquel cuxos bordos describen unha curva.

Chanzo cadrado ou recto. O que ofrece igual ancho polas súas dúas caras.

Chanzo de abano. O que pasa diagonalmente no relanzo dunha escaleira.

Chanzo de ángulo. O que nas voltas ou ángulos das escaleiras serve de relanzo e é por conseguinte de maior anchura que os superiores.

Chanzo de relanzo . O que forma o rebordo dun relanzo.

Chanzo en declive. Aquel cuxa superficie superior está inclinada no canto de estar horizontal.

Chanzo en semiángulo. O que está colocado inmediatamente encima ou debaixo dos de ángulo.

Chanzo moldurado. O bordeado por unha moldura.

Chanzo con realce. O que sobrevoa a tabica.

Chanzo de arrancada. O máis baixo da escaleira.

Chanzo triangular. O que está colocado seguindo os raios dun círculo.

Edificio Castromil

O edificio Castromil, coñecido previamente como café Quiqui-Bar, en Santiago de Compostela, foi un edificio de estilo modernista derrubado no ano 1975 que estaba situado na antiga praza de García Prieto, hoxe praza de Galicia.

Foi o arquitecto coruñés Rafael González Villar quen o proxectou en 1922 e Antonio Alfonso Viana quen coordinou a obra en 1926. Os seus promotores foron os socios composteláns Manuel Ramallo Gómez e Ángel Gontán Sánchez, co propósito de destinalo a café-bar e restaurante.

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia pronunciouse, pedindo que fose declarado monumento Histórico-Artístico, tras ser expropiado polo concello de Santiago para o seu derrubamento no ano 1974. Malia todo, o ano seguinte sería derrubado o edificio para construír un aparcadoiro subterráneo, impoñéndose o criterio da corporación municipal.

Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSA), tamén chamada Escola Técnica Superior de Arquitectura Pedro Barrié de la Maza (en honra do empresario Pedro Barrié de la Maza), é a escola de arquitectura da Universidade da Coruña e a única operativa en Galicia. O centro está situado no Campus da Zapateira (A Coruña). Prepara e expide o título de arquitecto, así como doutorados e diversos masters de postgrao.

Ten dous edificios, de construción contemporánea, destinados a aulario e espazo de servizos e a edificio de departamentos, respectivamente.

Extradorso

O extradorso (do latín extra, fóra, ao exterior e dorsum, dorso), é un termo arquitectónico que designa o plano superior externo convexo dun arco ou bóveda.

Tamén designa o lombo dunha doela, que adoita estar oculta por estar dentro da construción.

Contraponse coa voz intradorso.

Galería (arquitectura)

Unha galería é un elemento construtivo e de composición arquitectónica, empregado en boa parte do norte peninsular, en especial na arquitectura galega dos séculos XIX e XX. Na arquitectura burguesa residencial galega acadou o seu maior grao de desenvolvemento ao se converter nunha peza fundamental dos edificios de vivendas.

Intradorso

O intradorso (do latín intra, dentro e dorsum, dorso), é un termo arquitectónico que designa á superficie interior, cóncava e inferior dun arco, bóveda ou doela, ou a cara dunha doela que corresponde a esta superficie.

En termos de aeronaútica pode referirse á parte inferior dunha á.

Contraponse coa voz extradorso.

N-550

A N-550 é unha estrada nacional que parte da Coruña e remata en Tui. A nomenclatura desta vía, así como do resto das estradas nacionais de España, estableceuse no cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña). Orixinariamente o seu percorrido era entre A Coruña e Vigo. Despois fíxose a variante desde Redondela até Tui, que quedou como trazado definitivo.

Discorre pola depresión meridiana e vertebra os principais núcleos de poboación de Galicia. O seu trazado correspóndese en parte coa Vía XIX do itinerario de Antonino, entre Tui e Iria Flavia, por onde discorre tamén a vía portuguesa do Camiño de Santiago. Na década de 1970 construíuse a autoestrada AP-9, que vai paralela a esta estrada.

Peitoril

O peitoril ou antepeito, como elemento arquitectónico, é a parede que pecha a parte inferior dunha fiestra. Tamén adoita designar o parapeto ou muro, á altura do peito, que se coloca como protección en balcóns, terrazas, pozos, beiras das pontes etc. Sendo designada normalmente de varanda cando está formada por unha armazón de madeira, ferro, ou outro material Por extensión a repisa que forma o oco dunha ventá na parte inferior onde se apoian as persoas recibe os nomes de peitoril, antepeito ou soleira.

Ademais antepeito ou peitoril é o elemento de protección que se coloca nun lugar perigoso, normalmente por estar na beira dun desnivel, formando unha barreira que ofrece unha seguranza tanto psicolóxica como real.

Pendente (arquitectura)

Unha pendente, chamada cuncha nalgunhas fontes, é en arquitectura cada un dos elementos construtivos triangulares que resolve o encontro entre a base circular dunha cúpula e un espazo inferior cadrado. Ten unha superficie esférica triangular limitada por tres arcos de circunferencia.

Este recurso arquitectónico comezou a utilizarse en Bizancio no século VI. Un dos edificios máis destacados que utiliza este tipo de soporte para a súa cúpula é a igrexa de Santa Sofía en Constantinopla.

Pilastra

Unha pilastra é un piar ou columna achegado a un muro ou parede. A súa función pode ser estrutural, sostendo teito, tellado, entaboamento, moldura ou arquitrabe, ou simplemente decorativa. A pilastra (palabra derivada de pila) adoita estar composta dos mesmos elementos construtivos que as columnas ou piares, como son base, fuste e capitel, segundo as diferentes ordes arquitectónicas.

Pinche

Este artigo trata sobre un elemento arquitectónico, para o aprendiz véxase Pinche de cociña.

O pinche é un elemento arquitectónico de forma triangular parte superior da parede dun edificio (a fachada ou o muro penal ou lateral) encima do cal descansan as dúas augas da cuberta. Recibe en galego tamén os nomes de pinche do penal, pinchón, espigo ou pipal.

Por extensión denomínase tamén "pinche" ou "parede de pinche" a toda a fachada do edificio cando se configura de tal xeito; que nas igrexas con planta de cruz latina son tres: a dos pés (que adoita ser a portada principal) e as dúas laterais que rematan o cruceiro. A diferenza dos frontóns, que cumpren a mesma función estrutural, os pinches non delimitan o seu bordo inferior cunha cornixa horizontal, e polo tanto quedan integrados no resto da fachada (se esta presenta cornixas ou outro tipo de delimitacións horizontais, márcanse nunha liña distinta á da base do triángulo do pinche). Cómpre tamén diferenciar os pinches dos gabletes, un elemento esencialmente decorativo da arquitectura gótica, tamén de forma triangular.

Chámase pinche graduado ao que presenta as vertentes con chanzos.

Premio COAG de Arquitectura

O Premio COAG de Arquitectura é un galardón que concede o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia a proxectos arquitectónicos construídos en Galicia. Contempla varias categorías.

Pía bautismal

Unha pía bautismal ou fonte bautismal é un recipiente ou tanque no interior dunha igrexa no que se bota a auga destinada ao bautismo e na cal o candidato ao bautismo mergúllase ou móllase. Contrúense xeralmente de pedra e, raramente, de metal ou madeira. Case sempre apóianse sobre un pedestal ou columnas.

Rafael González Villar

Rafael González Villar, nado na Coruña o 6 de outubro de 1887 e finado o 11 de marzo de 1941 tamén na cidade herculina, foi un arquitecto modernista galego.

Participou activamente na vida social e cultural da súa época. No 1914 foi nomeado presidente da Asociación de Arquitectos de Galicia, predecesor do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a partir de 1927 presidiu a Academia Provincial de Bellas Artes e no 1940 foi elixido membro de número da Real Academia Galega, falecendo uns días antes de ser investido, considérase igualmente académico numerario.

Rueiro

Rueiro ou quinteiro é un conxunto de edificios que forman unha unidade dentro da estrutura dunha cidade, normalmente este conxunto está delimitado por rúas.

Dimensións (en metros) dos rueiros de ensanches de:

L'Eixample (Barcelona): 113x113.

Barrio de Salamanca (Madrid): 80x80.

Teresa Táboas

María Teresa Táboas Veleiro, nada en Cidade de México en 1961, é unha arquitecta e política galega. Foi Conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia entre 2005 e 2009.

Xosé Bar Boo

Xosé Bar Boo, nado en Vigo o 25 de setembro de 1922 e finado en Santiago de Compostela o 21 de febreiro de 1994, foi un arquitecto galego.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.