Colectivismo

O colectivismo é o desenvolvemento en grupo dunha teóría ou práctica. Adoita usarse este termo en oposición ao individualismo. Algúns psicólogos definen o colectivismo como unha síndrome de actitudes e comportamentos baseados na crenza de que a unidade básica de supervivencia recae nun grupo, non no individuo. O colectivismo abarca unha ampla categoría de filosofías non individualistas. O colectivismo é considerado por moitos diametralmente oposto ao individualismo. Con todo, ambos os dous, o colectivismo e máis o individualismo, poden interpretarse de distinto xeito por diferentes persoas.

Algúns tipos de colectivismo sinalan que o ben do grupo é máis importante que o ben individual, outras alegan mentres que calquera grupo está finalmente feito de individuos, o individuo incidentalmente serve ao seu propio interese ao servir aos intereses do grupo (noutras palabras, en tanto o grupo prospera, todos os membros do grupo prosperan). Os detractores desta última posición alegan que é difícil, se non imposible, imaxinar que o beneficioso para un grupo, é sempre beneficioso para cada individuo que o integra. O colectivismo pode tamén estar asociado con altruísmo, xa que o que é bo para o grupo pode concebiblemente requirir o sacrificio de, polo menos, algún interese individual.

Política

Algúns políticos colectivistas sosteñen que diferentes grupos teñen intereses competitivos, e que os intereses e características individuais están, de feito, vinculados aos intereses e características do seu grupo. Nesta liña de pensamento, considérase que as diferenzas entre grupos son máis significativas que as diferenzas individuais dentro dos grupos. Outros políticos colectivistas salientan a noción de igualdade e solidariedade, e ven a todos os seres humanos como parte dun mesmo grupo con intereses similares. Manteñen que a competencia e rivalidade, entre individuos ou pequenos grupos, é ante todo contra-produtiva ou prexudicial, e deberá entón substituírse por algunha forma de cooperación.

As críticas políticas ao colectivismo sosteñen que este salienta o grupo suprimindo os dereitos individuais, por exemplo, segundo os críticos do colectivismo, a democracia pode ser vista como unha forma de colectivismo cando a maioría do grupo é capaz de diminuír a liberdade de individuos en minoría, simplemente porque constitúen a maioría. Así, os opoñentes ao colectivismo argumentan que unicamente os individuos poden lexitimamente ter dereitos, non os grupos, e avogan pola protección constitucional dos dereitos individuais ante o mandato da maioría.

Economía

O colectivismo, en xeral, é un campo da economía que sostén que as cousas deben ser propiedade dun grupo (e supostamente usarse no beneficio de todos) máis que propiedade de individuos (propiedade privada). O socialismo adoita asociarse con esta concepción filosófica, aínda que é de notar que non é aplicable a todas as visións existentes do socialismo. O concepto de propiedade colectiva resulta central neste punto de vista favorable ao grupo, en oposición á propiedade privada. Algúns aplican isto só a bens de capital e terra, mentres outros colectivistas argumentan que todos os bens de consumo deben observarse como bens públicos, e son difíciles de, ou non deberían privatizarse; é o caso de bens naturais, de defensa nacional, de xustiza e de información.

Os comunistas cren que non soamente os medios de produción, senón o produto do traballo debería colectivizarse e os salarios abolirse. A conferencia de Florencia da Federación da Internacional, ao mostrar os principios anarcocomunistas, sinalou: "A Federación Italiana da Internacional considera propiedade colectiva aos produtos do traballo e como complemento necesario do programa colectivista…'"

os colectivistas consideran que confiar na elección individual para contribuír aos bens públicos leva a fallos do mercado e a un problema de parasitismo. Vese entón que a acción colectiva, o cumprimento das autoridades e a presión ou coerción social, son o único xeito confiable de asegurar o abastecemento de bens ou servizos públicos.

Sociedades colectivistas

Existen moitos exemplos de sociedades ao redor do mundo que se caracterizaron a elas mesmas ou externamente como "colectivistas".

Por unha banda, existen estados socialistas, que colectivizaron a maioría dos sectores económicos. Doutra banda, existen os kibutzim de Israel (comunas voluntarias, onde as persoas viven e cultivan xuntos, e onde a propiedade é colectiva), e comunidades como Freetown Christiania en Dinamarca (un pequeno experimento político autónomo centrado ao redor dunha instalación militar abandonada en Copenhague) onde se vive un estilo de vida colectivista.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Activismo

O activismo e a actividade a favor dunha doutrina ou organización que implique un cambio social ou político.

O termo apareceu pola primeira vez na prensa belga en 1916 para facer referencia ó movemento nacionalista flamengo.

O activismo pode consistir en realizar múltiples tarefas como escribir cartas ós xornais, poñer mensaxes en foros de internet, participar en campañas políticas, boicots, manifestacións ou folgas e mesmo nalgúns casos tode asumir tácticas de guerrilla, o que pode levar a que sexa considerado terrorista por uns e liberador por outros.

En especial, o activismo de carácter relixioso, feminista ou ecoloxista pode tratar de convencer á xente para cambiar os seus hábitos no canto de dirixirse ós gobernos.

Anarquía

A anarquía é unha doutrina política que se opón a calquera clase de xerarquía ou poder político que goberne á sociedade, tanto como se se consolidou de forma democrática ou se se estableceu de forma ditatorial.

Os anarquistas cren que o maior logro da humanidade é a liberdade do individuo para poder expresarse e actuar sen que llo impida ningunha forma de poder, sexa terreal ou sobrenatural, polo que o seu principal principio é o de abolir calquera tipo de goberno e loitar contra todo tipo de relixións ou seitas xa que isto representa un desprezo pola autonomía dos homes (e mulleres) e a escravitude económica.

Anticapitalismo

O anticapitalista refírese á oposición, total ou parcialmente, ó capitalismo. O termo abrangue unha extensa colección de ideoloxías. En xeral, algúns anticapitalistas poden estar a favor dalgún tipo de colectivismo ou comunitarismo económico ou social, mais non todos e non necesariamente (existen anticapitalistas que defenden diferentes niveis de propiedade privada).

Comunismo

O comunismo é un sistema social, así como tamén un modo de organización socioeconómica, caracterizado pola propiedade en común dos medios de produción, a ausencia de propiedade privada nos medios de produción e a inexistencia de clases sociais e dun Estado.O comunismo como proxecto de socialización dos medios de produción xurdiu no século XVI baixo a forma de diversas utopías baseadas no colectivismo agrario. As máis coñecidas foron a obra Utopía de Tomás Moro e a ideoloxía revolucionaria babuvina que derivou do movemento xacobino da Revolución francesa. O ideario comunista converteuse a comezos do século XIX nun complexo proxecto económico industrial grazas ás diferentes correntes do chamado socialismo utópico, do anarcocomunismo e as ramas obreiras do comunismo cristián. O actualmente máis coñecido destes movementos foi o que adoptou a escola do denominado socialismo científico dos pensadores alemáns Karl Marx e Friedrich Engels, baixo a cal sería rebautizado como Liga dos Comunistas. Pola influencia da súa obra, o movemento comunista adoptou unha interpretación revolucionaria da historia e a forma de partido político, converténdose logo nunha organización internacional unificada baixo a doutrina marxista.

Segundo o marxismo, a historia é entendida como un permanente conflito polo excedente material, cuxo inicio se debe á aparición da propiedade. As diferentes formas de propiedade poñen fin ao comunismo primitivo e estratifican á sociedade en clases de acordo ás súas relacións de produción. As diferentes relacións de produción que vinculan aos homes e mulleres requiren da explotación, e estas relacións xeran co tempo as condicións para ser substituídas por outras formas de explotación superiores, nunha secuencia revolucionaria de modos de produción. En cada un destes modos desenvólvese unha loita de clases interna entre os diferentes tipos de traballadores e explotadores que os integran, e que se resolve co xurdimento de novas clases dominantes. Con todo, a sociedade capitalista xera unha serie crecente de crises internas e cíclicas que só poden ser resoltas polos seus traballadores asalariados nunha revolución proletaria, que require á súa vez da construción do comunismo. Para chegar a este fin debe organizarse un partido comunista que conquiste o poder político liderando unha fase de transición na que o Estado funcione como unha ditadura do proletariado. Este período termina cando desaparecen as clases sociais, o cal leva a que o Estado, de acordo á súa concepción como ferramenta de dominación dunha clase sobre a outra, deba extinguirse. A esta transición séguenlle inmediatamente dous períodos no desenvolvemento do comunismo: unha primeira fase e unha fase superior. Existen discrepancias cruciais entre as diferentes correntes do marxismo sobre cal debería ser a natureza de cada unha destas tres fases.

Coronelismo

O Coronelismo era o sistema político de Brasil baixo a Vella República, de 1889-1930. O poder local era confiado aos "coroneis", os terratenentes fideis ao goberno.

Hexemonía

Hexemonía é a supremacía que unha poboación, unha nación ou bloque de nacións pode ter, grazas ó seu maior potencial económico, militar ou político, e que exerce sobre outras poboacións, aínda que estas non a desexen. Por hexemonía mundial enténdese o dominio do mundo por parte dunha soa nación ou un grupo de nacións.

Fálase de hexemonía política ou de grupo hexemónico para referirse a aquel grupo as propostas do cal gozan dun nivel de aceptación preeminente entre as clases dirixentes, o tema da hexemonía política e cultural é a base do pensamento de Antonio Gramsci un dos pais do Partido Comunista de Italia (PCI).

Independencia

A independencia, termos políticos, é a situación dun país que detenta e goza, ademais do dereito de autodeterminación, o de soberanía.

Kibbutz

Un kibbutz (do hebreo קיבוץ, que significa "asemblea" ou "xuntos"), é unha comunidade ou vila colectivista de Israel baseada tradicionalmente na agricultura. O primeiro kibbutz foi Degania Alef, establecido no ano 1909. Hoxe en día, o traballo agrícola foi parcialmente substituído por outros sectores económicos como fábricas industriais e empresas de tecnoloxía. Os kibbutzs comezaron sendo comunidades utópicas como combinación do socialismo e o sionismo. En décadas recentes, algúns kibbutzs foron privatizados e o modo de vida comunal mudou. Un membro dun kibbutz denomínase kibbutznik en hebreo.

No ano 2010 había 270 kibbutzs en Israel, que representaban o 9 % da rede industrial do país, así como o 40 % da súa produción agrícola. No conxunto da economía, supuñan o 6 % do PIB de Israel no 2010.

Plutocracia

Unha plutocracia (πλουτοκρατία, do grego ploutos 'riqueza' e cracia 'goberno') é unha forma de estado no que existen influencias desequilibradas na toma de decisións a favor dos que ostentan as fontes de riqueza.

Poder executivo

Seguindo o esquema de Montesquieu, o poder executivo é un dos tres poderes do Estado moderno, cuxa función é executar as leis aprobadas polo poder lexislativo.

O poder executivo é desenvolvido polo goberno do Estado. Este está sometido ao control parlamentario e ao control xudicial, nun sistema de pesos e contrapesos no que cada poder controla aos demais a través de distintos mecanismos, que se estudan na teoría da separación de poderes.

Presidencialismo

O presidencialismo é un sistema de goberno no que o líder do poder executivo é escollido polo pobo para mandatos regulares acumulando a función de xefe de Estado e xefe de goberno. Este sistema de goberno foi creado polos norte-americanos no século XVIII. A monarquía inglesa actuava como xefe de Estado sobre as trece colonias. O descontento coa actuación do monarca e as influencias de autores que se opoñían ó sistema absolutista, principalmente Locke e Montesquieu, foron determinantes para que os americanos adoptasen un sistema onde houbesen mecanismos que impedisen a concentración de poder.

Xuridicamente o presidencialismo caracterízase pola separación de poderes. O presidente é o xefe de Estado, e é el quen escolle os xefes dos grandes departamentos (ministerios). O lexislativo, o xudicial e o executivo son independentes entre si.

Primeiro ministro

O primeiro ministro é un político que serve como xefe da póla executiva. É xeralmente o xefe do goberno no sistema parlamentario. Para o feminino úsase "a primeira ministra".

A míudo, un primeiro ministro traballa cun presidente ou un monarca que é o xefe do estado. O primeiro ministro é normalmente o líder do partido político que ten a maioría no parlamento. As súas principais responsabilidades inclúen coordina-lo goberno , designar ós oficiais do goberno, e á representación do goberno do seu país no mundo.

Os primeiros ministros poden recibir diferentes nomes dependendo do país no que gobernen: así o primeiro ministro de España recibe o nome de Presidente do Goberno, o de Italia, Presidente do Consello, o de Irlanda Taoiseach, e o do Perú, Premier.

Protectorado

Denomínase protectorado á soberanía parcial que un Estado exerce, especialmente no referido ás relacións exteriores, nun territorio que non foi incorporado plenamente ao da súa nación e no cal existen autoridades autóctonas propias.

Como exemplo, podemos citar o protectorado que no seu día exerceron España e Francia sobre Marrocos, onde a autoridade sobre a poboación nativa era exercida polo Sultán, existindo forzas militares e policiais autóctonas, pero tuteladas polos exércitos dos países protectores.

Os gobernos destes países estaban representados, no caso da zona controlada por España, polo Alto Comisario, normalmente un xeneral, e no da zona francesa polo Residente Xeral.

Provincia

Unha provincia é un tipo de división administrativa, que confire certas funcións, a nivel administrativo, ó territorio que representa. Tamén se chama provincia ao territorio limitado pola división administrativa antedita.

Este termo utilizase con características diferentes seguindo os países e as épocas históricas. Polo tanto unha provincia abarca realidades de organización territorial diversas.

Represión

Represión política é a acción de conter, deter ou castigar actuacións políticas ou sociais dende o poder por parte das autoridades públicas, negando ou impedindo o exercicio dos dereitos e liberdades (expresión, reunión, manifestación, asociación, sindicación) que adoitan considerarse propias dos sistemas democráticos.

Decotea vai acompañada de violencia, tanto legal como informal. A forza do exemplo de quen sofre esa violencia fai que, por temor, o resto da sociedade se reprima a si mesma no exercicio da liberdade, que queda así anulada para todos, agás para o poder e para aqueles no beneficio dos cales se realiza a represión.

Rexencia

A rexencia (do latín regentia) é un período transitorio durante o cal unha personalidade (xeralmente da familia real) exerce o poder en nome do monarca titular xa sexa porque este é demasiado novo ou vello, por ausencia do mesmo, ou pola súa incapacidade para gobernar por si mesmo.

A rexencia cesa cando desaparece a causa que a motivou. A rexencia pode ser individual ou colectiva. Xeralmente exercen a rexencia persoas achegadas á Coroa como o pai ou a nai do rei, tamén o príncipe herdeiro no suposto caso de ausencia ou incapacidade do rei.

Ricardo Mella

Ricardo Mella Cea, nado en Vigo o 23 de abril de 1861 e finado o 7 de agosto de 1925 na mesma cidade, foi un dos primeiros escritores, intelectuais e activistas libertarios de España. Caracterizouse por ser un estudoso e crítico de variados temas, así como falante e tradutor de inglés, francés e italiano.

Foi o pai da activista feminista Urania Mella, que fora represaliada polos sublevados na Guerra civil española xunto co seu marido Humberto Solleiro, e tamén do político socialista Ricardo Mella Serrano

Socialdemocracia

A socialdemocracia é unha ideoloxía política que xurdíu a finais do século XIX e principios do XX do seo do marxismo, crían que a transición a unha sociedade socialista podería lograrse mellor mediante unha evolución dentro da democracia representativa que mitigara os efectos do capitalismo antes que por algún outro método. Os socialdemócratas pretenden reformar o capitalismo democráticamente mediante a regulación estatal e a creación de programas e organizacións patrocinados polo Estado para aliviar ou quitar as inxustizas que eles pensan son inflixidas polo sistema capitalista de mercado.

Con anterioridade, describirase aos socialdemócratas como socialistas reformistas (dado que avogaban polo desenvolvemento do socialismo a través de reformas parlamentarias graduais) en contraste cos socialistas revolucionarios, que pretendían acadar o socialismo mediante unha revolución obreira ou caso contrario por medio dunha evolución extraparlamentaria non estatal. A socialdemocracia tamén aborda os temas valóricos desde un prisma progresista. É o sector da esquerda partidista máis importante do mundo contemporáneo.

Con frecuencia, utilízanse os termos "socialismo" ou "socialista" en referencia á socialdemocracia e aos socialdemócratas, aínda que o concepto "socialismo" é máis amplo, xa que en diferentes países poden incluír a socialistas democráticos, marxistas, comunistas e anarquistas. Mentres algúns consideran á socialdemocracia unha forma moderada do socialismo, outros, definindo o socialismo no significado tradicional ou marxista, rexeitan esta designación

Sociocracia

Sociocracia, é, en suma, o goberno social. Forma de goberno teórica onde a sociedade como un todo sería detentora do poder.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.