Coalición Galega

Coalición Galega é un partido político galego nacionalista e de centro[1] que dende o 4 de novembro de 2005 formou parte de Terra Galega ata 2010. Nas eleccións xerais de 2015 concorreu na coalición Nós - Candidatura Galega.[2]

Coalición Galega
Partido político de Galicia
Dirixentes e organización
LíderFernando Alonso Lorenzo
Historia
Fundación1983
Posicións políticas
IdeoloxíaGaleguista
Centrismo
Representación
Representaciónsen representación parlamentaria
Outros datos
SedeAvda. Havana, 57 entresollado, 32003 Ourense
Páxina webhttp://coaliciongalega.webnode.es/

Coalición

Naceu como coalición electoral para as eleccións municipais de 1983, presentouse o 18 de febreiro de 1983. Nela incorporáronse boa parte dos dirixentes (en especial Eulogio Gómez Franqueira) e partidos galegos, Partido Galego Independente, Centristas de Ourense, Converxencia de Independentes de Galicia, procedentes da descomposición da UCD logo da súa desfeita nas eleccións xerais de 1982. Uníronse tamén sectores galeguistas, en especial o Partido Galeguista. O resultado das eleccións municipais de 1983, colocárona como a terceira forza política de Galicia a escasa distancia en número de concelleiros do PSOE. En efecto, se o PSOE obtiña 926, Coalición Galega obtiña 858. As preto de 50 alcaldías e os máis de 125.000 votos, supuñan un arranque prometedor.[3] A cuarta forza política, o BNG aparecía a moita distancia con 118 concelleiros.

Como consecuencia destes resultados, Coalición Galega facíase coa Deputación de Ourense. O seu Presidente ía ser Victorino Núñez.

Fundación do partido e escisión

Os bos resultados das eleccións (125.000 votos) propiciaron que en 1984 se transformase nun partido político, de carácter nacionalista moderado nun congreso constituínte que se celebrou o 26 e 27 de maio e que elixiu presidente a Antonio Díaz Fuentes e secretario xeral a Xosé Henrique Rodríguez Peña[4]; CG mantiña unha estrutura clientelar nas zonas rurais das provincias de Ourense e Lugo, herdada da UCD[Cómpre referencia]. Boa parte desta estrutura escindiríase coa marcha de Victorino Núñez. Tras a grave enfermidade de Franqueira, Victorino Núñez fundaba outro partido, Centristas de Galicia, tamén nacionalista moderado pero disposto a entenderse con Manuel Fraga Iribarne e o seu refundado Partido Popular. A escisión progatonizada por Victorino Núñez, privaba a Coalición Galega da Deputación de Ourense que quedaba en mans de Centristas de Galicia.

Eleccións autonómicas do 85 e xerais do 86

Con varios deputados da extinta UCD, formouse un Grupo Parlamentario no Parlamento de Galicia co nome de Coalición Galega, onde comezou a despuntar Pablo González Mariñas, procedente do Partido Galego Independente. Coa enfermidade de Franqueira ofreceuse a candidatura ao daquela subdirector xeral do Banco de España Víctor Moro. Este pronunciou o seu primeiro discurso ante unha entusiasta militancia o 31 de marzo de 1985. Con todo, pronto agromaron discrepancias cos pesos pesados do partido e finalmente o candidato sería Pablo González Mariñas. Tería que procurar que no mesmo espazo político un ascendente CDS de Adolfo Suárez non lle comera terreo e que o Partido Galeguista, onde ficaron os que non quixeron integrarse, non lle contrarrestase o voto nacionalista moderado. Así mesmo, tiña que neutralizar o xiro autonomista que AP protagonizara en Galicia da man de Xosé Luís Barreiro Rivas e o antigo galeguista do Partido Popular Galego, Xerardo Fernández Albor, presidente da Xunta de Galicia e candidato a bater.

Nas eleccións autonómicas de 1985, baixo o liderado de Pablo González Mariñas, e o apoio activo de CIU, obtivo 163.425 votos (13%) e 11 escanos. A Coalición Popular de Fraga Iribarne non acadara a maioría absoluta polo que para a reelección do seu candidato, Xerardo Fernández Albor, necesitaría o apoio de Coalición Galega, que daquela se convertía en chave da gobernabilidade. Non tardarían en sentirse as presións.

No partido perfílanse dous sectores, un partidario de pactar coa esquerda, (PSOE e Esquerda Galega) un denominado "Goberno de Progreso" e outro que avogaba por dar ao seu apoio á dereita. Houbo unha sesión de investidura o 17 de decembro con dúas votacións negativas. Finalmente acordouse permitir a elección de Xerardo Fernández Albor como Presidente da Xunta pero sen entrar no Goberno tal como inicialmente lle fora ofrecido. Albor será finalmente investido o 21 de febreiro de 1986, o seu vicepresidente será Barreiro Rivas. Coalición Galega seguía unida, porén no Parlamento os dous sectores cada volta distáncianse máis.

Nas eleccións xerais de 1986 obtén só un deputado (Senén Bernárdez Álvarez), o primeiro deputado nacionalista nas Cortes españolas logo da fin da II República. Se as autonómicas foran entendidas como un éxito esperanzador, as xerais foron concibidas como un fracaso tanto maior canto que na campaña se arelaba, sobre a base dos resultados anteriores, acadar Grupo Parlamentario.

División

As diferenzas entre os dous sectores agudízanse a fins de 1986, mesmo votando no Parlamento por separado os orzamentos, o 16 de setembro Coalición Galega quedou con 6 escanos ao pasar os outros 5 deputados ao grupo mixto. En xaneiro de 1987, eses deputados que representaban os sectores máis nacionalistas e progresistas de Coalición Galega, dirixidos por Pablo González Mariñas e Xosé Henrique Rodríguez Peña, forman o Partido Nacionalista Galego. Neste novo partido confluirá o que quedaba do PG e dará lugar ao PNG-PG.[5].

Para concorrer ás eleccións municipais de 1987 CG forma a Coalición Progresista Galega xunto ao Partido Demócrata Popular de Enrique Marfany e o Partido Liberal de José María Pardo Montero, conseguindo o 11.07% dos votos e 607 concelleiros. Coalición Progresista Galega resultaba ser a terceira forza política de Galicia, moi por riba dos seus inmediatos seguidores: O CDS con 274 concelleiros e o BNG con 143.

Tripartito: a experiencia de Goberno

Trala marcha de Xosé Luís Barreiro do Partido Popular de Galicia en setembro de 1987 e a súa integración con outros catro deputados por AP, en Coalición Galega, esta entrou no goberno tripartito (PSOE, CG e PNG) dirixido por Fernando González Laxe, froito dunha moción de censura a Albor acordada no chamado "Pacto dos Tilos". Barreiro era novamente o vicepresidente da Xunta e facíase co control de Coalición Galega. As Consellarías de Sanidade (Pablo Padín), Educación (Suárez Vence) e Industria (Santos Oujo) eran tamén para Coalición Galega.[6] Notables desta formación como Fernando García Agudín abandonaban o proxecto.

Froito desa experiencia de Goberno foi a creación das Universidades de Vigo e A Coruña.

Os ex-compañeiros de AP de Barreiro presentan unha denuncia por prevaricación e suborno contra Barreiro por uns feitos acontecidos cando este era membro do Goberno popular. O líder de Coalición Galega, acusado de "felonía" polos seus antigos compañeiros e coa espada de Damocles dun proceso xudicial penal, dimite un 28 de xullo de 1988.

Nas eleccións europeas de xuño de 1989, a pesar dos malos resultados en Galicia, e grazas a un pacto co PNV, Agrupaciones Independientes de Canarias e outros partidos, Coalición Galega poderá ter un eurodipudado, ao exercer a quenda que lle correspondía na candidatura conxunta de Coalición Nacionalista. De aí que José Domingo Posada ocupase posto de eurodiputado do 15 de xullo de 1993 ao 18 de xullo de 1994, integrado no grupo Arcoiris, sendo o primeiro eurodiputado nacionalista presente nese parlamento, e o primeiro en falar o idioma propio.[7]

Nas eleccións xerais de 1989, pasa a ser xa a quinta forza política de Galicia con 45.821 votos, fica sen escano e é superada polo BNG.

Declive

Nas eleccións autonómicas de 1989 sofre un forte retroceso electoral ao obter 48.208 votos (3'6%) e 2 escanos. Barreiro Rivas, o número un por Pontevedra, quedaba sen escano.

Nas eleccións autonómicas de 1993 Coalición Galega queda sen representación parlamentaria ao obter 6.098 votos (0'42%).

José Posada foi o presidente de Coalición Galega ata o seu falecemento e Fernando Alonso Lorenzo o seu secretario xeral. CG tivo 3.587 votos (0,21%) e 12 concelleiros nas eleccións municipais de 2003 e 2.235 votos (0,12%) nas eleccións xerais de 2004.

Notas

  1. Justo G. Beramendi, De provincia a nación. Edicións Xerais, 2007, páxina 1.113
  2. "Nós-Cándidatura Galega aspira a ter grupo propio nas Cortes". TVG. 19 de novembro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2016. Consultado o 24 de agosto de 2016.
  3. A gran historia de Galicia, XIV, volume 2, Ed. La Voz de Galicia, 2002, pax. 44.
  4. Manuel Anxo Fernández Baz A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984), Laivento, 2003, páx. 166
  5. Beramendi, J. e Núñez Seixas, Xosé Manuel, O Nacionalismo Galego, Ed. A Nosa Terra, Vigo 1995, pax. 276
  6. Xosé de Cora, Barreiro contra Barreiro, Edicións Xerais, Vigo 1990, pax. 318
  7. "Morre José Posada, o primeiro en usar o galego no Parlamento europeo", Praza Pública, 14/01/2013
Acción Galega

Acción Galega foi unha organización que actuou coma un partido político conformado por exmilitantes do BNG, do PPdG e outros independentes, ademais de cinco partidos galeguistas de centro (Partido Galeguista, o Partido Galeguista Demócrata, Coalición Galega, Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista e Terra Galega.Acción galega, e polo tanto as formacións que o integran, forma parte de Compromiso por Galicia.

Ten como principais referentes públicos ao ex-militante do PPdG Rafael Cuíña, á ex-conselleira do BNG Teresa Táboas e ao ex-senador do Bloque Nacionalista Galego Xosé Manuel Pérez Bouza e ó secretario xeral do PNG-PG Xosé Mosquera.

Centristas de Galicia

Centristas de Galicia foi un partido político galego activo na provincia de Ourense entre 1985 e 1991. Xurdiu como escisión de Coalición Galega, aglutinaba a unha boa parte dos alcaldes da provincia procedentes da antiga UCD, presentouse en coalición co Partido Popular á maioría das eleccións, partido no que acabaría integrándose. Nas eleccións municipais de 26 de maio de 1991 formou con outras forzas a Converxencia Nacionalista Galega que acadou 137 concelleiros e 52.196 votos . En referencia á preparación do Congreso extraordinario de integración no PPdG Manuel Fraga Iribarne dixo que o nacionalismo ben entendido daba un gran paso .

Victorino Núñez que chegou a ser Presidente do Parlamento de Galicia e Xosé Luís Baltar, presidente da Deputación de Ourense tras a marcha do anterior, foron os seus principais dirixentes. En 1991 desaparece e intégrase no Partido Popular. No 2004, Xosé Luís Baltar dicía que pensaba en facer renacer este partido debido ós seus problemas co goberno de Fraga.

Coalición Progresista Galega

Coalición Progresista Galega, foi unha coalición de partidos galeguistas e de centro que nas eleccións municipais de 10 de xuño de 1987, foi a terceira forza política de Galicia.

Converxencia Nacionalista Galega

Converxencia Nacionalista Galega foi un partido nacionalista de centro dereita que xurdiu en 1992 dunha escisión de Coalición Galega, dirixido por Adolfo de Abel Vilela tiña implantación, fundamentalmente, na provincia de Lugo e contaba con concelleiros en lugares como Monforte de Lemos e Castroverde. En 1999 xunto con grupos independentes deu orixe a Iniciativa Galega

Anteriormente estas siglas foron as dunha coalición electoral nucleada por Centristas de Galicia a iniciativa de Victorino Núñez que se presentou ás eleccións municipais de 1991.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 1985

As eleccións ao Parlamento de Galicia de 1985 celebráronse o 24 de novembro. Cun censo de 2 226 449 electores, os votantes foron 1 277 897 (57,4%) e 948.552 as abstencións (41,9%). Contabilizáronse 8.627 (0,7%) votos en branco. Coalición Popular gañou por maioría relativa, e conseguiu manter de presidente da Xunta de Galicia a Xerardo Fernández Albor grazas á abstención de Coalición Galega, o que provocaría unha escisión de 5 deputados neste partido encabezados por Pablo González Mariñas que pasaron ao Grupo Mixto. En setembro de 1986 ese grupo de deputados crean o Partido Nacionalista Galego. Tamén ese ano, o PDP, e en 1987 o PL, abandonan CP pero permanecen no Grupo Popular.

En outubro de 1986 Xosé Luís Barreiro é destituído como Vicepresidente da Xunta e expulsado de AP, formando xunto con outros 4 deputados desta o seu propio grupo político, Unión Democrática Galega (UDG), que en xuño de 1987 se integrou en Coalición Galega. En xullo dese ano un deputado de CG dimite e o seu substituto inscríbese no Grupo Popular.

Como resultado deste cambio de correlación de forzas, en novembro de 1987 aprobouse unha moción de censura que permitiu a investidura como presidente da Xunta a Fernando González Laxe (PSdeG-PSOE), co apoio de PSdG, CG-UDG, PNG e PSG-EG, co voto en contra de AP e a abstención do BNG.

En 1988 o PNG e o Partido Galeguista Nacionalista fusiónanse para formar o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG), e en febreiro dese mesmo ano o líder do PDP Alejandrino Fernández Barreiro pásase do Grupo Popular ao de Coalición Galega. Finalmente, entre 1988 e 1989, dous deputados do PSdG e dous do PNG-PG pásanse ao Grupo Mixto.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 1989

As eleccións ao Parlamento de Galicia de 1989 celebráronse o 17 de decembro. O PP gaña as eleccións con maioría absoluta, sendo investido Presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga. En 1991 Centristas de Galicia, que en principio se presentara en coalición co PP, intégrase nel. Ese mesmo ano Partido Socialista Galego-Esquerda Galega transfórmase en Unidade Galega.

Fernando García Agudín

Fernando García Agudín, nado na Coruña o 11 de xaneiro de 1935, é un político galego.

José Antonio Pérez Cortés

José Antonio Pérez Cortés, nado en 1945, é un político galego do PPdeG.

José Luis Gavilanes

José Luis Gavilanes Losada, nado en 1952, é un empresario e político galego do PPdeG.

José Manuel Mato Díaz

José Manuel Mato Díaz, nado en Paradela o 4 de maio de 1954, é un político galego do PPdeG.

José Posada

José Domingo Posada González, nado en Vigo o 9 de maio de 1940 e finado o 14 de xaneiro de 2013 en Ourense, foi un empresario e político galego.

Mocidades Galeguistas

Mocidades Galeguistas foi unha organización xuvenil galega fundada en 1987 coma Mocidades Nacionalistas Galegas. A súa ideoloxía era o Social liberalismo e o nacionalismo galego moderado, defendendo o encaixe de Galiza nunha España federal

Nacionalismo galego

O nacionalismo galego é unha corrente política que reivindica o recoñecemento de Galiza como nación e do dereito de autodeterminación para o pobo galego. Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego definiuno así:

É tamén un movemento social, coas súas dimensións culturais e políticas. Os historiadores recoñecen ó longo dos séculos, desde a prehistoria ata a nosa época, a formación dun pobo galego e da súa peculiar unidade. A corrente política á que se refire o nacionalismo galego nace a finais do século XIX con movementos culturais que logo foron ós poucos dando o paso a partidos políticos.

Partido Galeguista (1978)

O Partido Galeguista foi un partido galego fundado en 1978, reclamándose herdeiro histórico do Partido Galeguista da Segunda República Española.

Partido Galeguista Nacionalista

O Partido Galeguista Nacionalista foi un partido nacionalista galego.

Fundouse en 1984, trala decisión do Partido Galeguista de se integrar en Coalición Galega, un grupo de 50 militantes liderados por Ramón Martínez López e Manuel Beiras desconformes coa decisión decidiron organizar un novo partido galeguista.

Non participaron nas eleccións do Parlamento de Galicia de 1985 nin ás estatais de España de 1986; mais nas Eleccións ao Parlamento Europeo de 1987 concorreron en coalición co Partido Nacionalista Vasco, na Unión Europeísta, onde obtiveron 5.322 votos en Galiza (0,43% dos votos nacionais).

En 1988, esta forza política, únese ao PNG para formar o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista

Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista

O Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) é un partido nacionalista centrista-liberal que estivo integrado no BNG ata o 17 de marzo de 2012 para pasar a ser parte de Compromiso por Galicia

Senén Bernárdez Álvarez

Senén Bernárdez Álvarez, nado en Gomesende o 24 de maio de 1930 e finado en Ourense o 22 de xaneiro de 2013, foi un farmacéutico e político galego.

Terra Galega

Terra Galega (Tega) é un partido político de centro progresista e galeguista que se formou o 4 de novembro de 2005, aínda que está rexistrada dende maio dese ano.

Partidos políticos
Sindicatos
Organizacións armadas
Asociacións xuvenís e de estudantes
Movementos sociais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.