Coímbra

Coímbra[1] (en portugués Coimbra) é unha cidade portuguesa, capital do Distrito de Coímbra, situada na rexión Centro e subrexión do Baixo Mondego, con preto de 106 800 habitantes. A pouco máis de 200 km de Lisboa e a 100 km do Porto, está bañada polo río Mondego. Foi capital nacional da cultura en 2003.

É sede dun municipio con 316,83 km² de área e 148 474 habitantes (2001), subdividido en 31 freguesías. O municipio é limitado a norte polo municipio de Mealhada, a leste por Penacova, Vila Nova de Poiares e Miranda do Corvo, a sur por Condeixa-a-Nova, a oeste por Montemor-o-Velho e a noroeste por Cantanhede.

Coordenadas: 40°15′00″N 08°27′00″O / 40.25000, -8.45000

Coímbra
Coimbra
Pt-cbr1
CBR
Almedina-CCBY
Coímbra vista do Mondego.
Localización
LocalCoimbra
PaísPortugal
RexiónCentro
SubrexiónBaixo Mondego
DistritoCoímbra
Xeografía
Superficie316,83 km²
Demografía
Poboación148.443 hab. (2006)
Densidade7.233 hab/km²
XentilicioCoimbrán/coimbrá
Outros datos
Código postal3000 Coimbra
AlcaldeCarlos Encarnação
www.cm-coimbra.pt

Historia

Cidade de rúas estreitas, patios, escadiñas e arcos medievais, Coímbra foi berce de seis reis de Portugal e da Dinastía de Borgoña, así como da primeira Universidade portuguesa, unha das máis antigas da Europa.

Os romanos chamaron á cidade, que se erguía no outeiro sobre o río Mondego, Aeminium. Máis tarde, co aumento da súa importancia pasou a ser sede de Diocese, substituíndo a cidade romana de Conímbriga, de onde derivou o seu novo nome. Durante o dominio mouro, Coímbra tórnase nun importante posto comercial entre o norte cristián e o sur árabe, cunha forte comunidade mozárabe. En 1064 a cidade é definitivamente reconquistada por Fernando Magno de León.

Coímbra renace e tórnase a cidade máis importante por baixo do río Douro, capital dun vasto condado gobernado polo mozárabe Sesnando. Co Condado Portucalense, o conde D. Henrique e a raíña D. Teresa fan dela a súa residencia, e foi alí onde nace o primeiro rei de Portugal, D. Afonso Henriques, que fai dela a capital do condado, substituíndo Guimarães (ademais esta mudanza da capital para os campos do Mondego virase a revelar vital para facer viábel a independencia do novo país, a todos os niveis: económico, político e social). Capitalidade que Coímbra conservará ata 1255, cando a capital pasa a ser Lisboa.

No século XII, Coímbra presentaba xa unha estrutura urbana, dividida entre a cidade alta, designada por Alta ou Almedina, onde vivían os aristócratas, os cregos e, máis tarde, os estudantes, e a Baixa, do comercio, do artesanado e dos barrios ribeiráns.

Desde mediados do século XVI, a historia da cidade pasa a xirar en torno á historia da Universidade de Coímbra, sendo no século XIX cando a cidade se comeza a se expandir alén do seu casco amurallado, que chega mesmo a desaparecer coa reformas levadas a cabo polo Marqués de Pombal.

A primeira metade do século XIX trae tempos difíciles para Coímbra, coa ocupación da cidade polas tropas de Junot e Masséna, durante a invasión francesa e, posteriormente, a extinción das ordes relixiosas. Porén, na segunda metade do século XIX, a cidade viría a recuperar o esplendor perdido – en 1856 xorde o primeiro telégrafo eléctrico na cidade e a iluminación a gas, en 1864 é inaugurado o ferrocarril e 11 anos despois nace a ponte férrea sobre as augas do río Mondego.

Monumentos

  • Sé Velha de Coimbra.
  • Sé Nova de Coimbra.
  • Mosteiro de Santa Cruz.
  • Mosteiro de Santa Clara-a-Velha.
  • Universidade e Torre.
  • Portugal dos Pequenitos.
  • Igrexa de Santa Cruz.

Porta e Torre de Almedina

Como o propio nome indica, era a porta da Medina, entrada principal da cidade (Coímbra) intramuros.

Sita na parte máis baixa da muralla constituía o aceso de maior importancia militar e civil e o que tiña maior movemento. Foi, orixinariamente, unha porta entre dous cubos avanzados que, máis tarde, foron ligados por medio dun arco fundo e levantado o forte torreón. A Torre é probabelmente unha das torres máis defensivas de maior imponencia no perímetro da muralla, debido á vulnerabilidade do lugar.

Xardíns

Choupal,Parque da Cidade,Jardin de Santa Cruz,Jardin Botanico,Penedo da Saudade.

Freguesías do Concello

Coimbra04

As freguesías de Coímbra son as seguintes:

  • Almalaguês.
  • Almedina (Coímbra).
  • Ameal.
  • Antanhol.
  • Antuzede (Coímbra).
  • Arzila.
  • Assafarge (Coímbra).
  • Botão.
  • Brasfemes.
  • Castelo Viegas (Coímbra).
  • Ceira (Coímbra).
  • Cernache.
  • Eiras (Coímbra).
  • Lamarosa.
  • Ribeira de Frades.
  • Santa Clara.
  • Santa Cruz.
  • Santo António dos Olivais (Coímbra).
  • São Bartolomeu (Coímbra).
  • São João do Campo.
  • São Martinho de Árvore.
  • São Martinho do Bispo (Coímbra).
  • São Paulo de Frades (Coímbra).
  • São Silvestre.
  • Sé Nova (Coímbra).
  • Souselas.
  • Taveiro.
  • Torre de Vilela.
  • Torres do Mondego (Coímbra).
  • Trouxemil.
  • Vil de Matos.
Ponte nova coimbra2
Ponte da Raíña Santa Isabel

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para coimbrán.
Académica de Coimbra

O Associação Académica de Coimbra – Organismo Autónomo de Futebol, coñecido comunmente como Académica de Coimbra ou simplemente Académica, é un club de fútbol portugués de Coímbra. Fundouse en 1876 e compite na Segunda Liga. Xoga os seus partidos no Estádio Cidade de Coimbra, con capacidade para 29 222 espectadores.

Afonso III de Portugal

Afonso III de Portugal, nado en Coimbra o 5 de maio de 1210 e finado en Lisboa o 16 de febreiro de 1279, alcumado O Boloñés por ter sido casado coa condesa Matilde II de Boloña e ter vivido naquela rexión, foi o quinto rei de Portugal. Afonso III era o segundo fillo do rei Afonso II e da súa muller Urraca de Castela, e sucedeu ao seu irmán Sancho II en 1248.

Afonso II de Portugal

Afonso II de Portugal, nado en Coimbra o 23 de abril de 1185 e finado na mesma vila o 25 de marzo de 1223, alcumado "O Gordo", "O Craso" ou "O Gafo", en virtude da enfermidade que o tería afectado, foi o terceiro rei de Portugal. Afonso II era fillo do rei Sancho I de Portugal e da súa muller, Dulce de Berenguer, máis coñecida como Dulce de Barcelona, infanta de Aragón. Afonso sucedeu ao seu pai en 1211.

Afonso V de Portugal

Afonso V, nado en Sintra o 15 de xaneiro de 1432 e finado na mesma vila a 28 de agosto de 1481, foi o décimo segundo Rei de Portugal (terceiro da dinastía de Avis). Alcumado o Africano polas conquistas que fixo no norte de África, era fillo do rei Duarte de Portugal e da súa muller, a princesa Leonor de Aragón. Afonso V sucedeu a seu pai en 1438, con apenas seis anos.

António de Oliveira Salazar

António de Oliveira Salazar, nado en Vimieiro, Santa Comba Dão, o 28 de abril de 1889, e finado en Lisboa o 27 de xullo de 1970, foi un ditador portugués, profesor universitario e estadista. Exerceu como primeiro ministro entre 1932 e 1968 e interinamente a Presidencia da República en 1951. Foi a cabeza e principal figura do chamado Estado Novo, que abarcou o período entre 1926 e 1974, se ben o réxime non se consolidou coma tal ata 1933.

Condado portucalense

No actual territorio de Portugal, ao longo do proceso da Reconquista, houbo dúas entidades políticas coñecidas como condados portucalenses ou condados de Portucale.

O primeiro condado foi fundado polo nobre galego Vimara Pérez (ou Vímara Peres, ou Guímara Peres), conde da Coruña, despois da toma (ou repoboación) de Portucale (Porto), en 868. Ocupaba un territorio aproximado ao do actual Entre-Douro-e-Minho. O condado foi gobernado por varios descendentes de Vimara, até que foi incorporado plenamente ao Reino de Galicia en 1071, cando o rei García tivo que sufocar a rebelión do seu titular, o conde Nuno Mendes, que sería derrotado na batalla de Pedroso, pasando o título a mans reais. Porén, durante toda a súa existencia, aínda que gozando de ampla autonomía, o condado constituíu sempre unha dependencia dos Reinos de Asturias, León e Galicia)

O segundo foi instituído contra 1095 como feudo que o rei Afonso VI de León e Castela concedeu a Henrique de Borgoña, un nobre borgoñón que viñera a auxilialo na reconquista de terras aos mouros, e que casara coa filla do rei, a infanta Tareixa de León. Este último condado era moito maior en extensión que o primeiro, xa que abarcaba tamén os territorios do antigo condado de Coímbra, suprimido en 1091, e partes de Trás-os-Montes e aínda do sur da actual Galicia (mormente da diocese de Tui).

Cómpre sinalar que Condado é un termo xenérico para designar o territorio portucalense, xa que os seus gobernantes eran denominados indistintamente Comite (conde), Dux (duque) ou Princeps (príncipe).

Algún historiadores portugueses, por razóns didácticas, refírense ao primeiro condado portucalense como condado de Portucale, e ao segundo como condado portucalense, para evitaren confusións entre ambos os dous condados.

Distrito de Coímbra

O Distrito de Coímbra é un distrito portugués, pertencente na súa maior parte á provincia tradicional da Beira Litoral, aínda que varios concellos da súa parte leste se reparten entre as provincias da Beira Alta e da Beira Baixa. Limita ao norte co Distrito de Aveiro e o Distrito de Viseu, ao leste co Distrito da Guarda e o Distrito de Castelo Branco, ao sur co Distrito de Leiria e ao oeste co Océano Atlántico. Abrangue unha área de 3947 km², sendo así o 12º maior distrito portugués. Conta cunha poboación residente de 436.056 habitantes (2006), e a súa capital é a cidade de Coimbra.

Eurocopa de Fútbol Portugal 2004

A Eurocopa da UEFA de 2004 foi a décimo segunda edición do campionato europeo de seleccións de fútbol absolutas organizado pola UEFA. A fase final do torneo tivo lugar en Portugal dende o 12 de xuño ao 4 de xullo de 2004. Foi a primeira vez que Portugal albergaba unha fase final da Eurocopa, tras ser escollida pola UEFA o 12 de outubro de 1999, por diante de España e a candidatura conxunta de Austria e Hungría. Os partidos disputáronse en 10 estadios de 8 cidades: Aveiro, Braga, Coímbra, Guimarães, Faro/Loulé, Leiria, Lisboa e Porto.

A fase final estivo composta por 16 equipos, nos que destacou a presenza de Letonia por primeira vez na súa historia, e tamén a de Grecia, que voltaba a unha Eurocopa 24 anos despois. Foi precisamente Grecia quen conseguiría levarse o torneo ó vencer na final ós anfitrións, a selección de Portugal, por un gol a cero, conseguindo así a primeira Eurocopa da súa historia.

Fado

O fado é un estilo musical portugués. Xeralmente é cantado por unha soa persoa (fadista) e acompañado por viola e guitarra portuguesa. Os temas máis cantados no fado son a saudade, a nostalxia, a señardade ou as pequenas historias do cotián dos bairros típicos.

A palabra fado vén do latín fatum, ou sexa, "destino". De orixe obscura, terá xurdido probablemente na primeira metade do século XIX. Hai quen sinala na súa xénese unha síntese de xéneros musicais brasileiros, na altura de grande popularidade en Lisboa, como o lundun e a modiña.

A primeira cantadeira de fado da que se ten coñecemento foi Maria Severa.

Hermenexildo Guterrez

Hermenexildo Guterrez foi un líder da nobreza galega do século IX, fillo de Guterre Aloitez e a súa muller Elvira.

Pertenceu á Curia Rexia de Afonso III e ostentou desde o ano 883 o máis alto cargo na mesma: mordomo real. Contaba con amplas posesións nas actuais Galiza e norte de Portugal. Foi conde de Tui, Porto e conquistador de Coimbra no ano 878.

Inés de Castro

Inés Pires de Castro, nada no reino de Galicia en 1320 ou 1325 na comarca da Limia e finada o 7 de xaneiro de 1355 en Coímbra,[Cómpre referencia] foi unha nobre galega amante e talvez esposa do futuro Pedro I de Portugal, sendo executada ás ordes do pai deste, Afonso IV.

Joseph-Maria Piel

Joseph-Maria Piel, quen adoitaba asinar como Joseph M. Piel, nado en Mörchingen (Lorena) o 8 de xuño de 1903 e finado en Tréveris o 28 de maio de 1992, foi un filólogo e lingüista alemán, destacado polos seus estudos romanísticos e especialmente no ámbito galego-portugués, ó que dedicou boa parte dos seus traballos a antroponimia e toponimia.

Manuel Comellas

Manuel Comellas Coímbra, nado en Ferrol o 30 de abril de 1853 e finado en Mandiá (Ferrol), o 3 de xuño de 1925, foi un escritor galego en castelán e galego.

Pedro de Portugal

Pedro de Portugal, duque de Coímbra (Lisboa 1392 - 1449) infante de Portugal e rexente (1439-1448).

Desde o seu nacemento Pedro foi un dos fillos favoritos do rei Xoán I. O seu pai dotouno dunha educación excepcional. En 1415 viaxou á beira do seu pai e os seus irmáns na expedición portuguesa contra Ceuta, e foi nomeado cabaleiro ese ano. Foi entón cando o seu pai lle concedeu o ducado de Coímbra a el e o ducado de Viseu ó seu outro irmán, Henrique o navegante.

Cando o seu irmán Duarte I de Portugal morreu o 1438, o seu fillo Afonso V ascendeu ao trono, baixo a rexencia da súa nai Leonor de Aragón. Pero a rexencia estivo marcada polo conflito debido á súa impopularidade polo feito de ser muller e estranxeira. Así o 1439, Xoán de Portugal, duque de Aveiro, solicitou a xuntanza das Cortes que designaron Pedro rexente do reino, unha opción que satisfixo o pobo e a burguesía. Pero unha parte da nobreza, a que se atopaba ao redor de Afonso de Portugal, medio irmán de Pedro e conde de Barcelos, preferiu Leonor. Comezou unha guerra de influencias e poucos anos máis tarde Afonso logrou ter ó seu sobriño Afonso V de Portugal baixo o seu dominio político, converténdose no tío preferido do rei.

En 1443, nunha postura de reconciliación, Pedro nomeou ó seu medio irmán Afonso, primeiro duque de Braganza. No 1445 Afonso oféndese pola elección dunha filla de Pedro como dona de Afonso V. Indiferente ás intrigas Pedro continuou a súa rexencia, o país prospera e concédense as primeiras axudas para a exploración do océano Atlántico feita por Henrique o navegante.

O 9 de xuño de 1448 Afonso V accedeu a maioría de idade polo que Pedro renunciou a rexencia O rei Afonso V por influencia do seu tío Afonso anula tódalas leis e editos de Pedro. Por unha falsa acusación o rei amosa inimizade co seu tío e sogro, declarándoo rebelde ao reino. Na batalla de Alfarrobeira do 20 de maio de 1449, preto de Alverca, Pedro de Portugal resultou derrotado e morto.

Penacova, Portugal

Penacova é unha vila portuguesa no distrito de Coímbra, rexión Centro e subrexión do Baixo Mondego, co cerca de 3.200 habitantes.

É sede dun municipio que abarca unha superficie de 216,73 km², e ten unha poboación de 15.251 habitantes (2011),O municipio está subdividido en 8 freguesías:

Carvalho

Figueira de Lorvão

Friúmes e Paradela da Cortiça

Oliveira do Mondego e Travanca do Mondego

Lorvão

Penacova

São Pedro de Alva e São Paio do Mondego

Sazes do Lorvão

O municipio está limitado ao norte polos municipios de Mortágua e Santa Comba Dão (Distrito de Viseu), ao leste por Tábua, ao sueste por Arganil, ao sur por Vila Nova de Poiares, ao oeste por Coímbra e ao noroeste por Mealhada (Distrito de Aveiro).

O concello conta con tres localidades con estatuto de vila: Penacova, Lorvão e São Pedro de Alva.

Penacova pertence ao bispado e distrito administrativo de Coímbra.

Os habitantes de Penacova denomínanse penacovenses.

O 17 de xullo, día do nacemento do Presidente da República António José de Almeida, é a festa local de Penacova. E a súa padroa é Nosa Señora da Asunción.

Penacova tamén é coñecida como a capital da lamprea.

Zeca Afonso

José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos, máis coñecido por Zeca Afonso, nado en Aveiro o 2 de agosto de 1929 e finado en Setúbal o 23 de febreiro de 1987, foi un cantante e compositor de música protesta portugués. Escribiu, entre outras cousas, música de crítica á ditadura fascista que rexeu Portugal dende 1933 até 1974.

Un dos máis coñecidos músicos de Portugal e que anos despois da súa morte permanece aínda cun alto número de vendas tanto no seu país como no estranxeiro. Compuxo a canción "Grândola, Vila Morena" que serviu de sinal para o inicio da Revolución dos Caraveis o 25 de abril de 1974.

Zé Castro

José Eduardo Rosa Vale e Castro, coñecido como Zé Castro, nado en Coímbra o 13 de xaneiro de 1983, é un futbolista portugués. Xoga de defensa central e o seu equipo actual é o Académica de Coimbra.

Zé Castro xogou para o principal equipo da súa cidade natal, o Académica de Coimbra, disputando a Primeira Liga portuguesa entre os anos 2003 a 2006. Previamente xogou nas divisións inferiores do mesmo club.

No conxunto da capital de España pasou con máis pena que gloria debido aos seus erros defensivos, sobre todo un clamoroso fronte ao Real Madrid da tempada 2006–07 no Estadio Vicente Calderón, que provocou a súa crucifixión por parte da bancada colchoneira. O 7 de xullo de 2008 fichou polo Deportivo da Coruña en condición de cedido con opción de compra e en abril de 2009 o club coruñés fíxose coa totalidade da súa ficha por algo máis de 2 millóns de euros.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.