Climatoloxía

A climatoloxía é a rama da xeografía que se ocupa do estudo do clima e do tempo meteorolóxico. Esta disciplina foi desenvolvida polos xeógrafos dende os seus comezos da xeografía, incluso o pai da Xeografía, Eratostenes de Cyrene, no seu libro "geographia" dedica un terzo deste á variación global dos climas. Das condiciones atmosféricas dependen moitas actividades humanas, dende a agricultura ata un simple paseo polo campo. Por iso fíxose un esforzo inxente por predicir o tempo tanto a curto como a medio prazo.

Cando unha comarca, cidade, ladeira etc., ten un clima diferenciado do clima zonal dicimos que é un topoclima, este caracterízase por estar maiormente afectado polo estado local do resto dos factores xeográficos (xeomorfoloxía, hidrografía etc.). Amais, chamamos microclima ó que non ten divisións inferiores, como o que hai nunha habitación, debaixo dunha árbore ou nunha determinada esquina dunha rúa.

O clima tende a ser regular en períodos de tempo moi longos, incluso xeolóxicos, determinando de gran maneira a evolución do ciclo xeográfico dunha rexión, o que permite o desenvolvemento dunha determinada vexetación e un solo perfectamente equilibrado, solos climáticos. Pero, en períodos de tempo xeolóxicos, o clima tamén cambia de forma natural, os tipos de tempo modificanse e pásase dun clima a outro na mesma zona.

Para estudar un clima é necesaria a observación durante un lapso de tempo longo (mínimo quince anos). As observacións de temperatura, precipitacións, humidade e tipo de tempo recóllense nas estacións meteorolóxicas. Con estes datos se elaboran táboas que se expresan en climogramas.

A Merca

A Merca é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o IGE a súa poboación en 2018 era de 1.911 persoas (2.373 en 2003).

Albedo

Albedo é unha medida da reflectividade difusa ou poder reflectante dun corpo ou dunha superficie. É a razón entre a radiación electromagnética reflectida e a cantidade incidente.

Esta fracción acostúmase a presentar como unha porcentaxe, entre 0% e 100%, e é un importante concepto da astronomía e mais da climatoloxía. A proporción depende da frecuencia da radiación considerada: se non se especifica, refírese a unha media ao longo do espectro da luz visible. Tamén depende do ángulo de incidencia da radiación.

En astronomía, o albedo dos satélites e asteroides pódese utilizar para inferir acerca da composición da superficie, especialmente sobre a cantidade de xeo. En astronomía ofrece un medio indirecto de pescudar a natureza dun astro mediante a comparación do seu albedo co de materias coñecidas: o máis alto corresponde ó do planeta Venus, o máis baixo a algúns asteroides carbonáceos e así como ós satélites marcianos Fobos e Deimos.

En física nuclear, o albedo é a capacidade, por parte dunha substancia, de reflectir neutróns. Mídese polo cociente entre o número de neutróns reflectidos e o número total de neutróns emitidos.

Baleira

Baleira é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Fonsagrada. Segundo o IGE no 2015 tiña 1380 habitantes (1584 no 2009, 1684 no 2006, 1729 no 2005, 1778 no 2004, 1800 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é baleirés.

Caldas de Reis

Caldas de Reis é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o IGE no ano 2015 tiña 9.834 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é caldense.

Castro de Rei

Castro de Rei é un concello da provincia de Lugo, pertence á comarca da Terra Chá. Segundo o IGE en 2016 tiña 5057 habitantes, e o seu xentilicio é «castrexo».

Clima continental

O clima continental é un clima rigoroso no cal as diferenzas de temperaturas entre inverno e verán, día e a noite, son enormes. Os veráns son quentes e os invernos moi fríos con xeadas acotío (por atinxir temperaturas baixo 0 °C) e chuvias escasas. Estas características prodúcense por localizarse no interior dos continentes ou por rexións illadas por cadeas montañas que impiden a influencia marítima.

Aínda que por clima continental entendemos aquel que con características específicas, se dá en territorios de latitude media, outros climas poden presentar influencia da continentalidade (escaso atemperamento das temperaturas por influencia do mar); así nas zonas interiores ecuatoriais de Brasil e o centro de África o clima tropical está continentalizado, pois son as maiores amplitudes térmicas diarias. Os desertos extensos como o Sáhara tamén poderían presentar un "clima con influencia continental" onde o mar non atempera. Agora ben, estritamente falando é "clima continental" unicamente o que se acha na zona de latitude media do planeta.

Clima mediterráneo

As rexións de clima mediterráneo combinan veráns quentes e secos con invernos fríos e pouco chuvosos. Como o propio nome indica, este tipo de clima é o típico da zona do mar Mediterráneo.

O clima mediterráneo é quente e seco no verán e é moderado e húmido no inverno. As precipitacións ocorren sobre todo durante 2 a 4 meses, no inverno, sendo raras no resto do ano.

Nas rexións situadas a rentes do mar Mediterráneo os veráns son menos secos que os das outras rexións deste clima.

Clima oceánico

O clima atlántico ou oceánico é propio das zonas temperadas con gran dinamismo de correntes mariñas e ventos.

Caracterízase por unhas temperaturas suaves e abundantes chuvias por mor da proximidade ao Océano, nas costas occidentais dos continentes. Os invernos son suaves e os veráns frescos cunha oscilación térmica anual pequena (10 °C de media). As precipitacións son abundantes e están ben distribuídas aínda que cun máximo hibernal.

Clima subtropical

O Clima subtropical é característico das áreas xeográficas polas que pasa o Trópico de Capricornio, con temperaturas medias abaixo dos 20 °C. Hai tamén alternancia anual entre 9 °C e 13 °C.

En áreas máis elevadas, o inverno é intenso, con nevadas esporádicas], e o verán é suave. A precipitación de choivas é intensa, acadando unha media de ata 2.000 mm/ano, de forma ben distribuída ao longo das estacións.

A vexetación nas áreas de clima subtropical é diferente conforme a altitude do lugar. Nas partes máis altas, presenta piñeirais e araucarias. En planicies, hai predominancia de gramíneas.

Clima temperado

Unha rexión que posúe un clima temperado ten unha temperatura que varía regularmente ao longo do ano, cunha media por riba dos 10 °C, nos meses máis quentes e entre -3º e 18 °C, nos meses fríos. Posúen catro estacións ben definidas: un verán relativamente quente, un outono con temperaturas gradualmente máis baixas co pasar dos días, un inverno frío, e unha primavera con temperaturas gradualmente máis altas co pasar dos días. A humidade depende da localización e condicións xeográficas dunha rexión dada.

Nas rexións dos océanos localizadas en rexións de climas temperados, dise que posúen augas temperadas.

Clima tropical

Os climas tropicais están caracterizados por temperaturas elevadas, con temperaturas medias de 18 °C ou superiores durante todos os meses do ano. Estes climas poden subdividirse da seguinte maneira:

Tropical de foresta: en todos os doce meses hai precipitación de polo menos 60 mm. Estes climas son típicos de rexións próximas ao ecuador, e non teñen estacións do ano. Algúns exemplos: Singapur, Amazonas. Nalgúns lugares ese clima ten a mesma humidade durante todo o ano, como acontece en Colombia, mais na maior parte dos casos pode haber variación de choivas.

Tropical de monzóns: ese clima, máis común no sur da Asia e oeste da África resulta dos ventos de monzóns que mudan de dirección de acordo coas estacións. Este clima ten un mes máis seco, con menos de 60 mm de choiva.

Clima tropical húmido e seco ou de sabana (Aw): ese clima ten unha estación seca intensa, co mes máis seco tendo precipitacións menores que 60 mm.Exemplos

Bangalore, India

Veracruz, México

Townsville, Australia.A maioría dos lugares que teñen ese clima atópanse nas marxes externas das zonas tropicais, mais ocasionalmente poden ter unha localización intratropical (ex.: San Marcos, Colombia).

Algunhas veces o As é usado no lugar de Aw se a estación seca ocorre durante os días de sol máis alto e máis longos. Ese é o caso de partes do Hawai (Honolulu), África Oriental (Mombasa, Quenia) e Sri Lanka (Trincomalee), por exemplo. Na maioría dos lugares que teñen clima tropical húmido e seco, con todo, a estación seca ocorre durante a época de sol máis baixo e días máis curtos.

Comarca da Terra Chá

A comarca da Terra Chá é unha comarca galega situada na zona norte e interior da provincia de Lugo. É a comarca máis extensa de Galicia con 1822,75 km². No ano 2014 tiña 42.336 habitantes. A paisaxe desta chaira combina frecuentes outeiros coroados na súa maioría por castros —cómpre citar o castro de Viladonga— con agros e pasteiros chans, importantes lagoas como a de Cospeito ou Caque e máis dun cento de ríos e regatos que percorren a comarca.

Pertencen a ela os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade, sendo a súa capital Vilalba.

A Terra Chá pódese definir como unha comarca rural cunha economía de clara vocación agrícola e gandeira. A climatoloxía e os solos permiten que haxa unha importante extensión de parcelas dedicadas a pastos onde se alimentan un gran número de vacas destinadas especialmente á produción láctea contando para iso con modernas explotacións que son, na súa maioría, de carácter familiar pero altamente competitivas. Naqueles lugares da comarca onde a topografía é máis montañosa cobra auxe a gandaría extensiva, dedicada á produción cárnica e predominando a raza autóctona rubia galega. A flora da comarca da Terra Cha é moi variada incluíndo importantes áreas de carballeiras, soutos e fragas; domina o carballo acompañado por bidueiros, salgueiros, ameneiros, castiñeiros e piñeiros do país.

Efecto invernadoiro

Denomínase efecto invernadoiro á absorción, por parte da atmosfera, de emisións infravermellas impedindo que escapen ó espazo exterior aumentando polo tanto as temperaturas medias do planeta.

O efecto invernadoiro evita que a calor do Sol deixe a atmosfera e volva ó espazo. Isto quenta a superficie da terra co cal se produce o efecto de invernadoiro. Existe unha certa cantidade de gases de efecto de invernadoiro na atmosfera necesaria para quentar a terra. Actividades como a queima de combustible fósil emiten gases (especialmente, dióxido de carbono, CO2) que actúan impedindo que escape a calor. Moitos científicos consideran que como consecuencia se está producindo o quentamento global. Outros gases que contribúen ó problema inclúen os clorofluorocarburos (CFC), o metano, os óxidos nitrosos e o ozono.

Glaciación

As glaciacións son fenómenos climáticos que ocorren ao longo da historia do planeta Terra. Como o propio nome suxire, é un período de frío intenso cando a temperatura media da Terra baixou, provocando o aumento das xeeiras nos polos e unha acumulación de xeo nas zonas montañosas próximo ás rexións de neves eternas (que nunca derreten).

Actualmente as xeeiras ocupan un 10% da área total do planeta e a maioría está localizada nas rexións polares como a Antártica e Groenlandia, mais non sempre foi así. Nos períodos glaciais o xeo cubría preto de 32% da terra e 30% dos océanos.

As glaciacións provocaron grandes mudanzas no relevo continental e no nivel do mar. Cando a temperatura global diminuíu, ocorreu, como consecuencia, o aumento das xeeiras, ou sexa, as baixas temperaturas provocaron o conxelamento da auga nos polos aumentando a cantidade de xeo nos cascos polares.

Outra consecuencia deste proceso foi que a formación das xeeiras non quedou restrinxida ás rexións polares. A neve e o xeo fóronse acumulando nas zonas montañosas próximas aos picos, ano tras ano, ata que o seu propio peso fixo que se desprazasen lentamente, provocando grandes alteracións de relevo no camiño por onde pasaban, formando profundos vales en forma de U e os depósitos de pedra que arrastra o glaciar (morenas). Estas masas de xeo e neve son os glaciares que foron deslizando lentamente ata alcanzar zonas máis quentes, onde se foron derretendo e formando a cabeceira dun río ou dando orixe aos lagos glaciais.

Outra consecuencia foi o rebaixamento do nivel dos mares debido á retención de auga nos polos. O mar afastouse da liña da costa, das praias, por exemplo, expondo grandes extensións de terra e unindo illas e continentes entre si, formando as chamadas pontes terrestres.

Entre os períodos glaciais hai períodos interglaciais, nos que a temperatura da Terra se eleva. O período en que vivimos non é máis que un interglacial.

Outono

O outono é unha das catro estacións do ano das zonas temperadas. Astronomicamente, comeza co equinoccio de outono (entre o 20 e o 21 de marzo no hemisferio sur e entre o 22 e o 23 de setembro no hemisferio norte), e remata co solsticio de inverno (arredor do 21 de xuño no hemisferio sur e o 21 de decembro no hemisferio norte). Aínda que ás veces é considerado como os meses enteiros de marzo, abril e maio no hemisferio sur e setembro, outubro e novembro no hemisferio norte.

Presión atmosférica

A presión atmosférica é a presión exercida polo aire en calquera punto da atmosfera. Normalmente refírese á presión atmosférica terrestre, pero o termo é extensible á atmosfera de calquera planeta ou satélite.

Provincia de Pontevedra

Pontevedra é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. Limita ao norte coa provincia da Coruña, ao leste coa provincia de Ourense e a provincia de Lugo, ao sur con Portugal e ao oeste co océano Atlántico. A súa capital é a cidade de Pontevedra, con 82.539 habitantes en 2015, sendo Vigo a súa maior cidade cunha poboación de 294.098 habitantes (2015). É provincia máis pequena e a segunda máis poboada de Galicia trala da Coruña.

Tapia

Tapia (en español e oficialmente Tapia de Casariego e en eonaviego Tapia) é un concello de Asturias. Limita ao norte co mar Cantábrico, ao leste con El Franco e ao sur e ao oeste con Castropol. O concello cobre unha superficie de 66 km² e contaba cun total 4290 habitantes no ano 2005, o que dá unha densidade de poboación de 65,01 hab./km². Este concello galegofalante é considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Verán

O verán (normalmente pronunciado v'ran ou v'rao) ou estío é unha das catro estacións do ano das zonas temperadas. Astronomicamente, comeza co solsticio de verán (arredor do 21 de decembro no hemisferio sur e o 21 de xuño no hemisferio norte), e remata co equinoccio de outono (arredor do 21 de marzo no hemisferio sur e o 21 de setembro no hemisferio norte). Aínda que ás veces é considerado como os meses enteiros de decembro, xaneiro e febreiro no hemisferio sur e xuño, xullo e agosto no hemisferio norte.

Climaticamente, caracterízase por temperaturas máis elevadas, ó incidir o Sol durante máis tempo e máis perpendicularmente á superficie terrestre.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.