Clasificación científica

Clasificación científica ou clasificación biolóxica é a maneira en que os biólogos agrupan e categorizan especies extinguidas ou actuais de organismos. A clasificación moderna ten as súas raíces no sistema de Carl von Linné, que agrupou as especies de acordo con características físicas compartidas. Estas agrupacións foron revisadas dende a época de Linneo para mellorar a consistencia co principio de descendencia común de Charles Darwin. A sistemática molecular, que utiliza a análise do ADN xenómico, levou a moitas revisións recentes e é probable que o continúe facendo. A clasificación científica pertence á ciencia da taxonomía ou bioloxía sistemática.

Biological classification L Pengo gl svg

Sistemas antigos

O sistema de clasificación de formas de vida que se coñece vén do filósofo grego Aristóteles, que clasificaba animais en función do seu xeito de moverse (aire, terra, ou auga).

En 1172 Ibn Rushd (Averroes), que era xuíz (Qaadi) en Sevilla, traduciu ao árabe e abreviou o libro de Aristóteles de Anima. Os seus comentarios orixinais perdéronse, pero a súa tradución ao latín por Michael Scot chegou ata os nosos días.

O seguinte avance importante no desenvolvemento da clasificación científica levouno a cabo o profesor suízo Conrad Gessner (1516–1565). O traballo de Gessner foi unha compilación fundamental da vida que daquela se coñecía.

A exploración de parte do Novo Mundo trouxo a continuación descricións e especímenes de moitas novas e descoñecidas formas de vida animal. A finais do século XVI e principios do XVII comezaron os estudos coidadosos dos animais, que, dirixidos en primeiro termo a castes familiares, foron gradualmente estendidos ata que formaron un corpo de coñecemento que serviu como unha base anatómica para a clasificación. Os avances no uso de este coñecemento para clasificar formas de vida débense á investigación de anatomistas médicos, como Fabricius (1537–1619), Petrus Severinus (1580–1656), William Harvey (1578–1657), e Edward Tyson (1649–1708). Os avances debidos ao traballo de entomólogos e os primeiro microscopistas foron posibles grazas á investigación de xente como Marcello Malpighi (1628–1694), Jan Swammerdam (1637–1680), e Robert Hooke (1635–1702).

John Ray (1627–1705) foi un naturalista inglés que publicou importantes traballos sobre plantas, animais, e teoloxía natural. A solución que adoptou para a clasificación de plantas no seu libro Historia Plantarum foi un paso importante cara a taxonomía moderna. Ray rexeitou o sistema de división vixente, e no seu lugar clasificou as plantas de acordo coas similitudes e diferenzas que se apreciaban na observación.

Taxonomía linneana

Dous anos despois da morte de John Ray naceu o sueco Carl von Linné. Durante a súa vida chegaron a publicarse doce edicións do seu magnífico traballo, o Systema Naturae (1735). Von Linné é coñecido pola súa introdución dun método para a clasificación moderna; creou a zooloxía e botánica sistemáticas na súa forma actual.

Von Linné adoptou a concepción das especies de Ray, pero fixo o concepto unha realidade práctica insistindo en que cada especie debería ter un binome único en latín, isto é, un dobre nome (a primeira metade sería o nome do xénero, común a varias especies, e a segunda metade sería unha palabra única, chamada o apelativo específico). Esta convención chámase nomenclatura binomial, e o nome formado polas dúas partes é coñecido como nome científico ou "nome sistemático" das especies. Cando unha especie subdivídese, utilízase a nomenclatura trinomial. Para escribir correctamente un nome científico, o xénero debe comezar con maiúscula, a especie debe estar en minúscula e debe engadirse unha etiqueta de autor e detalles de publicación.

Antes de Linné utilizábanse longos nomes de moitas palabras, ás veces cun adxectivo adicional, ás veces con outro, e, consecuentemente, en realidade non se fixaban e aceptaban nomes. O sistema de Carl von Linné fixo doado identificar sen ambigüidade calquera especie de planta ou animal. Foi máis alá, e introduciu no seu sistema unha serie de grupos: xénero, orde, clase.

O sistema de von Linné sitúa cada organismo nunha xerarquía de grupos dispostos en capas. Cada grupo nunha determinada capa componse dun conxunto de grupos da capa inmediatamente inferior. Co simple coñecemento do nome científico composto de dúas partes, é posible determinar as outras seis capas.

Os agrupamentos (taxón) da taxonomía, de máis xeral a máis específico, son:

Poden crearse rangos intermedios engadindo prefixos, por exemplo:

  • Clase
  • Subclase
  • Superorde
  • Orde
  • Suborde
  • Infraorde
  • etc.

Adicionalmente, as especies subdivídense a miúdo en subespecies e outras categorías inferiores (ver subespecies, variedade, subvariedade e forma). En determinadas circunstancias, necesítanse prefixos alén de sub. Amais, algunhas veces engádense algúns outros rangos. Por exemplo, poden existir dominios ou imperios sobre o nivel de reino, tribos entre os niveis de familia e xénero, e seccións e series entre o xénero e a especie.

Desenvolvementos modernos

A solución xeral que Linneo adoptou para clasificar especies e moitos dos seus grupos taxonómicos permaneceron estándar en bioloxía por cando menos dous séculos. Hoxe en día acéptase amplamente que tal clasificación debería reflectir o principio darwiniano da descendencia común, de tal xeito que o taxon inclúa unha única sección da árbore evolutiva. Estes grupos chámanse grupos monofiléticos (ver tamén parafilético e polifilético).

Dende os anos 60 do século XX, unha tendencia chamada taxonomía cladística ou cladismo xurdiu como rival para a máis tradicional clasificación filoxenética. Neste esquema, os taxons identifícanse con clados, e só poden ser monofiléticos. Frecuentemente, os sistemas de rangos da taxonomía linneana non se utilizan. Está en desenvolvemento[cando?] un novo código formal de nomenclatura, pero moitas das súas regras entran en conflito cos códigos de nomenclatura establecidos (tanto para plantas como para animais), e non está claro como van coexistir os diferentes códigos.

Exemplos

A continuación amósanse as clasificacións habituais de tres especies: a mosca da froita (Drosophila melanogaster), os humanos, e a Magnolia Sweetbay.

Mosca da froita (Drosophila melanogaster)

Dominio Eukarya
Reino Animalia
Filo Arthropoda
Clase Insecta
Orde Diptera
Familia Drosophilidae
Xénero Drosophila
Species D. melanogaster

Humano (Homo sapiens)

Dominio Eukarya
Reino Animalia
Filo Chordata
Subfilo Vertebrata
Clase Mammalia
Subclase Theria
Infraclase Eutheria
Orde Primates
Suborde Haplorrhini
Familia Hominidae
Xénero Homo
Especie H. sapiens

Fento común (Pteridium aquilinum)

Dominio Eukarya
Reino Plantae
División Pteridophyta (nome común: fentos ou fieitos)
Clase Pteridopsida
Orde Pteridales
Familia Dennstaedtiaceae
Xénero Pteridium
Especie P. aquilinum

Sufixos de grupo

Os taxons por riba do nivel de xénero son frecuentemente nomes derivados do tipo xénero. Os sufixos utilizados para formar estes nomes dependen do reino, e algunhas veces do filo e da clase, como se establece na táboa seguinte.

Taxon Plantas Algae Fungi Animais
División/Filo -phyta -phyta -mycota  
Subdivisión/Subfilo -phytina -phytina -mycotina -data
Clase -opsida -phyceae -mycetes -lia
Subclase -idae -phycidae -mycetidae -ia
Superorde -anae -orpha
Orde -ales -formes
Suborde -ineae -morpha
Infraorde -aria -formia
Superfamilia -acea -oidea
Familia -aceae -idae
Subfamilia -oideae -inae
Tribo -eae -ini
Subtribo -inae -ina

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Actinopterixios

Os actinopterixios (Actinopterygii) son unha clase de peixes óseos (Osteichthyes).

Constitúen o grupo dominante entre os vertebrados, con máis de 27 000 especies actuais que desenvolveron estratexias adaptativas que lles permitiron colonizar toda clase de ambientes acuáticos, tanto mariños como dulciacuícolas.

Os peixes máis coñecidos pertencen a este grupo: troitas, salmóns, sardiñas, percas, arenques, atúns, linguados, carpas, anguías etc.

Asteridae

As astéridas (Asteridae) constitúen unha subclase dentro da clase Magnoliopsida (as dicotiledóneas), e son parte por tanto da división ou fío Magnoliophyta (as anxiospermas). Representan o clado máis apotípico (máis apartado do tipo orixinal, ou como se di indebidamente, 'máis evolucionado') das anxiospermas. O grupo orixinouse con toda probabilidade iniciado o Cenozoico, fará talvez uns 50 millóns de anos, e o seu éxito relaciónase coa coadaptación a insectos polinizadores. Presentan en xeral flores cigomorfas (de simetría bilateral), de corola soldada con lóbulos desiguais, estames epipétalos, e xineceo formado por dous carpelos soldados. As flores organízanse a miúdo en inflorescencias apertadas, como as espigas das Lamiaceae e as Plantaginaceae ou os capítulos das Compostas.

A composición das anxiospermas está sometida a vaivéns, polos rápidos avances actuais na investigación das relacións evolutivas. A comparación de certos xenes levou a incluír no grupo algunhas ordes morfoloxicamente menos avanzados, que se clasificaban antes na subclase Rosidae. Xeralmente acéptase que a subclase está formada por 11 ordes que inclúen unhas 60.000 especies, das cales 20.000 son membros da familia compostas.

Basidiomicetos

Os basidiomicetos (Basidiomycota) son unha división do reino Fungi que inclúe os fungos que producen basidios con basidiosporas. Contén os clásicos cogomelos e fungos con chapeu.

Camarón común

O camarón común ou camarón (Palaemon serratus, Pennant 1777) é unha especie de crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos e familia dos palemónidos que se encontra nas costas do Atlántico oriental, desde Dinamarca até Mauritania, e nos mares Mediterráneo e Negro. É o camarón máis abundante, e máis apreciado, nas rías galegas.

A especie foi descrita por Thomas Pennant en 1777, como Astacus seratus. O xénero Palaemon foi fundado por Friedrich Weber en 1795, e este camarón recibiu ao longo dos anos numerosos sinónimos (véxase sinonimia no cadro da clasificación científica, á dereita).

Carnívoros

Os carnívoros (Carnivora) son unha orde dos mamíferos, caracterizados pola forma dos seus molares. Toma o seu nome do feito de que a maioría dos seus membros están adaptados á inxesta e consumo de carne; porén, varios son omnívoros.

Decápodos

A dos decápodos (Decapoda, do grego δέκα déka, "dez" e πούς, ποδός poús, podós, "pé") é unha orde de crustáceos dentro da clase dos malacostráceos (Malacostraca), que comprende moitos grupos, como cangrexos, nécoras e centolas (braquiúros), lagostas, camaróns etc.

Eukaryota

Os eucariontes son os organismos con células que conteñen un núcleo e outros orgánulos rodeados de membranas. Os eucariontes pertencen ao dominio Eukarya ou Eukaryota. A característica que os distingue dos procariotas (as bacterias e as arqueas) é a posibilidade de que teñan orgánulos rodeados de membrana, especialmente un núcleo celular e que contén o material xenético rodeado dunha membrana nuclear. Estes organismos constan dunha ou máis células eucariotas, abranguendo dende organismos unicelulares ata verdadeiros pluricelulares nos cales as diferentes células especialízanse en diferentes tarefas e que, en xeral, non poden sobrevivir de forma illada.

Eumetazoos

Os eumetazoos (ou eumetazoa) son os animais que presentan tecidos propiamente ditos; comprenden a totalidade dos metazoa, coa única excepción dos Parazoa (as esponxas, nas que en lugar de tecidos existe unha organización similar a unha colonia), os extintos Archaeocyatha, os Phagocytellozoa ou Placozoos, e os Mesozoos.

Millo

O millo ou maínzo (Zea mays) é unha planta gramínea anual e na mesma planta (monoica) atópanse as súas inflorescencias masculinas (nos extremos terminais) e femininas (nas vaíñas axilares). Ten un crecemento rápido, chegando aos 2,5 metros de altura nun ano, que é a súa quenda de colleita. As follas teñen forma alongada saíndo do talo cun lixeiro ángulo e coa punta caída cara abaixo. As mazarocas están cubertas por filas de grans.

A especie forma parte do xénero Zea, que non ten conxéneres achegados. As flores masculinas e femininas aparecen en inflorescencias separadas pero dentro do mesmo pé. Esta característica permite a obtención do millo híbrido, hoxe en día tan estendido. É tal a variabilidade do gran verbo da forma e cor, na mazaroca ou na mesma planta, que aínda non se acadou a clasificación científica de tódalas súas variedades. Ademais da híbrida, as variedades máis importantes son "dente marelo", "Krug" e "dentalla marela de Reid" [Cómpre referencia].

Neopterixios

Os neopterixios (Neopterygii) son unha subclases da clase Actinopterixios (Actinopterygii) de peixes óseos. O termo significa "alas novas", e fai referencia á forma evolucionada das aletas.

Os exemplares actuais mostran moi poucos cambios respecto dos actinopterixios máis primitivos. O grupo apareceu no Permiano tardío e a partir de entón dominaron os mares con notable éxito porque podían moverse a maior velocidade cós seus antecesores.

Nomenclatura binominal

En bioloxía, a nomenclatura binominal (tamén chamada nomenclatura binaria) é un convenio estándar empregado para denominar as diferentes especies de organismos (vivos ou xa extintos). Ás veces faise referencia á nomenclatura binominal como Sistema de Clasificación binominal.

Como suxire a palabra «binominal», o nome científico asignado a unha especie está formado pola combinación de dúas palabras (nomes en latín ou de raíz grecolatina): o nome do xénero e o epíteto ou nome específico. O conxunto de ambos os dous é o nome científico que permite identificar cada especie coma se tivese "nome e apelido".

A nomenclatura binominal é a norma puntual que se aplica á denominación dos taxóns específicos, mais representa só un dos estándares da nomenclatura biolóxica, que se ocupa tamén da denominación formal (científica) de taxóns doutras categorías.

Placentarios

Os placentarios (Placentalia) ou euterios (Eutheria) son unha infraclase dos mamíferos.

Pleuronectoideos

A dos pleuronectoideos (Pleuronectoidei) é unha suborde de peixes teleósteos acantopterixios da orde dos pleuronectiformes.

Comprende numerosas especies de interese pesqueiro, entre outras, o rodaballo, o o linguado e a solla.

Rosidae

A subclase das rosídeas é un amplo grupo (taxon), que constitúe un terzo das dicotiledóneas, e comprende unhas 58.000 especies distribuídas entre 108 familias.

Sapo

Os verdadeiros sapos, e os máis coñecidos polo común da xente, son os membros da familia dos bufónidos (Bufonidae) da clase dos anfibios, orde dos anuros (Anura), de distribución cosmopolita, con dúas especies ibéricas presentes en Galicia, e caracterizadas por teren o corpo repoludo, a pel moi verrugosa, a pupila horizontal e grandes glándulas parótides.Así e todo, un número de especies pertencentes a outras familias tamén son comunmente denominados sapos. Isto é así porque as características que popularmente se utilizan para distinguir as ras dos sapos non son as mesmas que se utilizan na clasificación científica.

En realidade, son varias as familias de sapos que habitan en Galicia (e algunhas máis que viven noutras partes do mundo). Á parte da familia dos bufónidos, dos que temos dous representantes, o sapo común (Bufo bufo) e o sapo corredor ou corriqueiro (Bufo calamita), hai en Galicia outros dous representantes da familia dos discoglósidos (Discoglossidae), o sapo raxado ou pinto (Dioscoglossus galganoi) e o sapo parteiro (Alytes ostetricans), un da dos pelobátidos (Pelobatidae), o sapo de esporóns (Pelobates cultripes) e outro da dos pelodítidos (Pelodytidae), o sapiño patilongo ou de patas longas (Pelodytes punctatus).

Sinonimia (bioloxía)

Na nomenclatura científica, a sinonimia ocorre cando un mesmo taxon, recibiu dúas ou máis denominacións distintas, propostas por dous ou máis científico diferentes. Nesta situación, a segunda ou seguintes denominacións perde a súa validez por mor da "Lei da Prioridade", permanecendo válida a primeira; a segunda é citada coma un sinónimo do taxon válido, a non ser que se teña cambiado posteriormente, por acordo da comunidade científica correspondente botánica ou zoolóxica, o nome do taxon.

Sistema Integrado de Información Taxonómica

O Sistema Integrado de Información Taxonómica (SIIT), coñecido habitualmente pola súa sigla en inglés ITIS (Integrated Taxonomic Information System), é unha sociedade deseñada para que sexa a fonte que subministre unha información fiábel e consistente sobre a taxonomía das especies biolóxicas.

O SIIT creouse orixinalmente en 1996 como o «Sistema Interaxencias de Información Taxonómica», un grupo dentro do Goberno Federal dos Estados Unidos con implicacións de varias axencias, desde o propio Departamento de Comercio até a Smithsonian Institution. Actualmente é un organismo internacional, con axencias partícipes dos gobernos canadense e mexicano, e que colabora con outras axencias internacionais.

O ITIS axuda a elaborar unha base de datos completa e accesíbel de información taxonómica para cada unha das especies e outros taxons recoñecidos, incluíndo tanto o seu lugar no sistema xerárquico da clasificación científica como as referencias ás autoridades na materia que o situaron na súa posición taxonómica. As súas prioridades iniciais son as especies de Norteamérica, pero utiliza os resultados das investigacións internacionais. A súa base de datos pódese consultar na páxina oficial da organización na Internet.

A taxonomía biolóxica non é inamovíbel, e as opinións sobre o correcto status dun taxon a todos os niveis, e sobre a súa correcta situación, son constantemente revisadas, como resultado de novas investigacións, e moitos aspectos da clasificación permanecen sempre en cuestión. A base de datos do ITIS está posta ao día tanto como é posíbel, contando coas novas investigacións, e a información que manexa é a máis aproximada para representar un claro consenso das opinións taxonómicas máis actualizadas. Esta información non é, obviamente, definitiva, e probabelmente é máis fiábel para algúns grupos que para outros. Debe, de todos os modos, contrastarse con outras fontes dispoñíbeis, e coa literatura científica primaria en todo o posíbel.

Teleósteos

Os teleósteos (Teleostei) son unha infraclase da clase Actinopterixios (Actinopterygii) e comprenden a inmensa maioría dos peixes óseos actuais.

Terios

Os terios (Theria) constitúen unha subclase de mamíferos que se caracterizan porque o embrión dos mesmos se alimenta a través dunha placenta. Apareceron durante o Cretáceo, hai uns 120 millóns de anos.

Sistema de Clasificación biolóxica
Conceptos base
Taxons
Conceptos asociados
Normas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.