Clasicismo

O clasicismo é unha corrente estética e intelectual que cobre todos os dominios da arte, desde a arquitectura e a música ata a pintura e a literatura. Suplantou progresivamente ao barroco, deixando espazo ao romanticismo antes de renovarse a través do neoclasicismo. Expresouse cunha volta cara ás formas clásicas (gregas e romanas) en todas as artes. É un movemento europeo que vai desde o século XVII ata o século XVIII, segundo os países e as artes.

Warszawa Teatr Wielki
Teatr Wielki, en Varsovia.

Música

O termo Clasicismo refírese ao estilo musical que domina durante a segunda metade do século XVIII. É o equivalente ao Neoclasicismo do resto das artes.

En Música adóitase coller o ano da morte de Johann Sebastian Bach (1750) para delimitar a fin do Barroco e o comezo do Clasicismo. Obviamente xa atopamos mostras do novo estilo en autores anteriores a esta data, caso de Christoph Gluck e compositores barrocos seguiron escribindo música con posterioridade, coma Händel.

Este estilo caracterízase polo equilibrio e pola proporción, fronte á ornamentación tan característica do Barroco. É a época do nacemento ou da fixación de formas clásicas coma a sonata, a sinfonía, o concerto ou o cuarteto de corda.

Os principais autores son Haydn, Mozart e Gluck. Beethoven actuará de ponte co Romanticismo.

Véxase tamén

Outros artigos

Academicismo

Chámase academicismo á corrente artística que se desenvolve principalmente en Francia ó longo do século XIX e que responde ás instrucións da Academia das Artes de Francia e ó gusto medio burgués. Non deixa así a todo de ser unha dexeneración do Clasicismo. Fóxese do realismo (isto é, dos aspectos máis desagradables da realidade), pero carece da grandeza do Clasicismo.

Empréganse os mesmos patróns unha e outra vez xa que non se busca unha beleza ideal partindo das belezas reais, o cal é propio do Clasicismo, que resulta ser un idealismo con base na realidade pola súa suma de experiencia.

O academicismo non é a fermosura ideal, pero tampouco é o feo; unicamente busca obxectos para seren consumidos. Trátase de representar idealmente a realidade a fin de manexala ou controlala.

En xeral, o poder e as institucións francesas favoreceron estas tendencias porque non xeraban problemas; esta é a causa pola que posteriores réximes políticos totalitarios impulsaron a súa recuperación.

Antigüidade clásica

A Antigüidade clásica é un termo amplo que abrangue un longo período de tempo nas áreas dominadas por Grecia e Roma; é dicir, identifícase co período grecorromano da Idade Antiga no mundo grecorromano: a Conca do Mediterráneo e o Oriente Próximo.

A Antigüidade clásica localízase no momento de plenitude das civilizacións grega e romana (século V a. C. ao século II) ou no sentido amplo, en toda a súa duración (século VIII a. C. ao século V a. C.). O termo oponse á Antigüidade tardía e remite á herdanza da civilización grecorromana. É, sobre todo, empregado pola historiografía anglosaxoa para describir a Antigüidade. Neste senso, considérase que este período comézase co poema grego de Homero (século VIII-VII a.C), o máis antigo atopado intacto até os nosos días. Este período abrangue o auxe do cristianismo e o declive do imperio romano e remata coa disolución da cultura clásica e o principio do período denominado Antigüidade tardía (300-600 d. C.) e da Alta Idade Media (500-1000 d.C).

A dimensión espacial coincide coa conca do Mediterráneo, espallada cara ao Oriente Próximo co Imperio de Alexandre Magno e o Helenismo, e cara a Europa Occidental co Imperio Romano. O emprego deste termo é unha referencia para a Europa dos séculos XVIII e XIX, fortemente influenciada polo clasicismo, ademais do neoclasicismo na súa cultura, reiventándose unha continuación dese pasado por medio dunha prolongación indirecta. A laxitude ao redor das ideas transmitidas polo Occidente cristián é, pois, evidente.

O termo clásico significa 'digno de imitación', e derívase da admiración pola arte, a literatura e a cultura en xeral de Grecia e Roma que se redescubre no Renacemento tras unha Idade Media cuxos valores se desprestixiaron. O mesmo aconteceu co Neoclasicismo, movemento intelectual e artístico que segue ao descubrimento das ruínas de Pompeia a mediados do século XVIII.

Tal mostra ampla de historia e territorio cobre moitos períodos e culturas dispares. Por iso, a "Antigüidade clásica" refírese máis que nada a unha visión idealizada posterior sobre o que era esa época. A civilización dos antigos gregos foi inmensamente influente na lingua, política, sistema educativo, filosofía, ciencia, arte e arquitectura no mundo moderno, volvendo durante o Renacemento na Europa occidental e rexurdindo novamente durante varios movementos neoclásicos no século XVIII e XIX.

Arquitectura do Barroco

A arquitectura do Barroco, tamén coñecida como arquitectura barroca, é un período da historia da arquitectura que veu precedida do Renacemento e do Manierismo; xerouse en Roma durante o século XVII e estendeuse até mediados do século XVIII polos Estados absolutistas europeos.

O termo Barroco, derivado do portugués "barru", "perla de forma diferente ou irregular", utilizouse nun primeiro momento de forma despectiva para indicar a falta de regularidade e orde do novo estilo. A característica principal da arquitectura barroca foi a utilización de composicións baseadas en puntos,curvas, elipses e espirais, así como figuras policéntricas complexas compostas de motivos que se intercalaban uns con outros. A arquitectura valeuse da pintura, a escultura e os estucados para crear conxuntos artísticos teatrais e exuberantes que servisen para enxalzar aos monarcas que os encargaron.

Nalgúns países europeos como Francia e Inglaterra e noutras rexións da Europa setentrional produciuse un movemento máis racionalista derivado directamente do Renacemento que se denominou Clasicismo barroco. Ao longo do século XVIII foise desenvolvendo en Francia un movemento derivado do Barroco que multiplicaba o seu exuberancia e baseábase fundamentalmente nas artes decorativas que se denominou Rococó e acabouse exportando a boa parte de Europa.

Contrariamente ás teorías segundo as cales o movemento barroco xurdiu a partir do Manierismo, foi o Renacemento tardío o movemento que acabou desencadeando en último termo o Barroco. De feito, a arquitectura manierista non foi suficientemente revolucionaria para evolucionar radicalmente, nun sentido espacial e non só superficial, a partir dos estilos da antigüidade aos novos fins populares e retóricos da época do contrarreformismo.

Xa no século XVI, Miguel Anxo Buonarroti anunciara o Barroco dunha forma colosal e masiva na cúpula da Basílica de San Pedro de Roma, así como as alteracións nas proporcións e as tensións das ordes clásicas expresados na escaleira de acceso á Biblioteca Laurenciana de Florencia, do mesmo autor, e a enorme cornixa engadida ao Palacio Farnese. Estas intervencións suscitaran diversos comentarios na súa época pola súa brusca alteración das proporcións clásicas canónicas. Non obstante, noutras obras Miguel Anxo cedera á influencia manierista, polo que foi só tras o fin do Manierismo cando redescubriuse a Miguel Anxo como o pai do Barroco.

O novo estilo desenvolveuse en Roma, e alcanzou o seu momento álxido entre 1630 e 1670; a partir de entón o Barroco estendeuse polo resto de Italia e de Europa, mentres que no século XVIII Roma volveu de novo ao Clasicismo seguindo o exemplo de París.

A influencia do Barroco non se limitou ao século XVII; a principios do século XVIII desenvolveuse o estilo denominado Rococó, que non sendo unha pura continuación do primeiro podería ser considerado como a última fase do Barroco.

Canción

Orixinariamente a palabra canción designa calquera texto, xeralmente en verso, cantable, polo que se pode dicir que canción é unha composición musical que contén, como mínimo, unha parte de voz ou melodía vocal, é dicir, con texto, cantado. Normalmente é de curta duración, polo menos se nos atemos ao texto musical, dado que no caso concreto das cancións de xesta e outros tipos de cancións narrativas pode chegar a haber un gran número de estrofas aplicadas a unha mesma música. No caso -que é o máis frecuente- que esta parte vocal soe simultaneamente con outras partes instrumentais, a vocal é a principal, de maneira que, como xénero musical, a canción queda tipificada como música vocal, e as partes instrumentais fan un acompañamento. A canción, pois, é música vocal que pode ter ou non un acompañamento instrumental. Noutros casos, os menos, o acompañamento fano outras voces, neste caso é unha canción a cappella e polifónica.

O texto da canción normalmente chámase a letra. A letra dunha canción habitualmente é un texto poético cunha estrutura métrica de gran regularidade e cunha rima clara. De todos os xeitos, tamén hai exemplos de cancións relixiosas con letra en prosa extraída da Biblia.

Normalmente, as cancións son pensadas pera ser interpretadas por un cantante solista, aínda que tamén as hai -especialmente na denominada canción artística- para dúo, ou trío ou ata para máis voces, nese caso fálase de canción polifónica, o canon é un caso concreto e paradigmático. Tamén é común, no terreo da música clásica, que haxa cancións interpretadas por corais, de modo que a melodía principal a realiza un grupo de voces, habitualmente as sopranos. De igual xeito, é habitual que as cancións polifónicas sexan interpretadas por coros, non a razón dunha persoa e voz por cada parte, senón a razón dun grupo por parte.

Especialmente na música tradicional, a canción adoita ter unha estrutura estrófica -xa sexa con ou sen retorno- de maneira que unha mesma música é cantada sobre unha serie de textos que manteñen similitudes importantes en canto a métrica e rima. Na canción de arte e na canción popular abundan tamén as elaboracións a partir da estrutura estrófica.

A canción, polas súas características, ten un papel esencial na educación musical nas escolas e nas escolas de música, e é a base das numerosísimas asociacións corais que existen en todas as sociedades occidentais.

Na linguaxe coloquial, canción ás veces é unha palabra do todo xenérico para referirse a calquera tipo de composición musical, incluídas as instrumentais e, xa que logo, sen texto.

Composición musical

A composición musical é o proceso de creación dunha obra musical, tanto na tradición occidental da música clásica, como tamén na música de cinema, de videoxogos ou calquera outra.

Eugène Delacroix

Ferdinand Victor Eugène Delacroix, nado o 26 de abril 1798 e morto o 13 de agosto de 1863, foi un pintor francés, o máis importante dos pintores románticos.

Fagot

O fagot é un instrumento de vento madeira de lingüeta dobre que apareceu a mediados do século XVII e adquiriu rapidamente popularidade como instrumento orquestral durante o período barroco. Usábase principalmente para apoiar a liña baixa das cordas graves, pero a súa gama excepcionalmente ampla fixo que tamén puidese interpretar pasaxes solistas (sobre todo no rexistro tenor). O son do fagot fúndese especialmente ben cos cornos.

Na música do clasicismo e principios do romanticismo a miúdo empregábase unha parella de fagots xunto con outra de cornos para crearen unha textura homoxénea a catro voces.

Fidias

Fidias, en grego Φειδίας / Pheidias (Atenas, 490 a. C. – Olimpia, 430 a. C.), foi un escultor da Antiga Grecia, pintor e arquitecto, pertencente ao primeiro clasicismo grego.

Deseñou as xigantescas estatuas da deusa Atenea no Partenón de Atenas e a colosal Estatua de Zeus en Olimpia, no décimo V a.C.. Parece ser que parte das súas obras foron executadas en tempo de Pericles, que exerceu o goberno en solitario despois do ano 447 a.C..

Filosofía

A filosofía (do grego - φιλοσοφία philos / sophia, "amor á sabedoría") é o estudo das cuestións xerais e fundamentais relacionadas coa natureza da existencia humana; do coñecemento; da verdade; valores morais e estéticos; da mente; tanto da lingua como do universo no seu conxunto en suma pódese dicir que é a procura do coñecemento puro sen deixarse corromper por sistemas preestabelecidos.

A filosofía' busca cuestionar a verdade e os seus problemas. Neste senso é máis crítica que dogmática. Ata o século XVIII-XIX, facía referencia ó conxunto de saberes desinteresados e racionais, que tiñan por obxecto a comprensión xeral do home e do mundo, buscando conclusións sobre as súas causas últimas e bases máis profundas, polo que se diferenza da ciencia, que estuda de xeito único as materias que entran no seu propio campo, dende o punto de vista da súa descrición e explicación. Este foi o carácter polo que a filosofía se diferenza e deixa de ser ciencia a partir do século XIX. As súas disciplinas son a lóxica e a teoría do coñecemento, a metafísica, a estética e a ética. A psicoloxía, o mesmo que as demais ciencias, desenvolveuse a partir da filosofía.

Friedrich Schiller

Johann Christoph Friedrich von Schiller, nado en Marbach am Neckar o 10 de novembro de 1759 e morto en Weimar o 9 de maio de 1805, foi un poeta, dramaturgo, filósofo e historiador alemán. É considerado un dos autores teatrais máis importantes en lingua alemá. Como poeta tivo tamén unha influencia enorme, e as súas Balladas están entre os poemas máis coñecidos no ámbito de lingua alemá.

É, con Goethe, Wieland e Herder, un dos representantes senlleiros do clasicismo de Weimar.

Johann Wolfgang von Goethe

Johann Wolfgang von Goethe ( [ˈjoːhan ˈvɔlfɡaŋ fɔn ˈɡøːtə] ), nado en Frankfurt o 28 de agosto de 1749 e finado o 22 de marzo de 1832, foi un novelista, dramaturgo, poeta, científico, filósofo humanista e, durante dez anos, funcionario do Estado de Weimar. A súa obra Fausto ten sido chamado o mellor poema longo da literatura moderna europea. O súa obra inclúe poesía épica e lírica, escrita en diversas métricas e estilos, prosa e dramas en verso, memorias, unha autobiografía, críticas literarias e estéticas, tratados de botánica, anatomía, e cor, e catro novelas. Ademais, consérvanse numerosos fragmentos literarios e científicos, máis de 10.000 cartas, e preto de 3.000 debuxos.

Unha celebridade literaria á idade de 25 anos, Goethe foi ennobrecido polo Duque de Saxonia-Weimar, Carl August en 1782 despois de tomar a súa residencia alí en novembro de 1775 tralo éxito da súa primeira novela, As mágoas do mozo Werther. Foi participante no movemento literario Sturm und Drang. Durante os seus primeiros dez anos en Weimar, Goethe serviu como membro do consello privado do duque, polo que tomou parte nas comisións de guerra, supervisou a apertura das minas de prata nos arredores de Ilmenau, e implantou unha serie de reformas administrativas na Universidade de Jena. Tamén contribuíu na creación do parque botánico de Weimar e na reconstrución do palacio ducal, que en 1998 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.Despois de volver dunha xira por Italia en 1788, publicou o seu mellor traballo científico, a Metamorfose das plantas. En 1791 converteuse en director do teatro de Weimar, e en 1794 comezou a amizade co dramaturgo, historiador e filósofo Friedrich Schiller, cuxas obras estreou ata a morte de Schiller en 1805. Durante este período, Goethe publicou a súa segunda novela, Os anos de aprendizaxe de Wilhelm Meister, o verso épico Hermann e Dorothea, e en 1808, a primeira parte do seu celebrado drama, Fausto. As súas conversas e empresas comúns durante a década de 1790 con Schiller, Johann Gottlieb Fichte, Johann Gottfried Herder, Alexander von Humboldt, Wilhelm von Humboldt, August e Friedrich Schlegel teñen sido denominados colectivamente Clasicismo de Weimar.

Arthur Schopenhauer citou a Wilhelm Meister's Apprenticeship como unha das catro novelas máis grandes xamais escritas, e Ralph Waldo Emerson seleccionou a Goethe, xunto con Platón, Napoleón e William Shakespeare, como un dos seis "Homes Representativos" na súa obra homónima. Os comentarios e observacións de Goethe son a base de numerosos traballos biográficos, sendo o máis notable Conversations with Goethe de Johann Peter Eckermann. Hai frecuentes referencias ós proverbios e máximas de Goethe ó longo do traballo de Friedrich Nietzsche e numerosas alusións a Goethe nas novelas de Hermann Hesse e Thomas Mann, así como nos escritos psicolóxicos de Jung. Os poemas de Goethe foron usados polos grandes compositores do século XVIII e XIX, como Wolfgang Amadeus Mozart, Ludwig van Beethoven, Franz Schubert, Robert Schumann, Johannes Brahms, Charles Gounod, Richard Wagner, Hugo Wolf e Gustav Mahler.

Johannes Brahms

Johannes Brahms, nado en Hamburgo o 7 de maio de 1833 e finado en Viena o 3 de abril de 1897, foi un pianista e compositor alemán do romanticismo. Brahms é unha figura prominente da música do século XIX, quizais o último gran compositor clásico, é considerado a antítese de Wagner e Liszt. Trátase dun dos máis importantes músicos do romanticismo e é considerado por moitos como o "sucesor" de Beethoven, ata o punto de que a súa Primeira Sinfonía foi descrita por Hans von Bülow como a décima sinfonía de Beethoven. Home ás veces difícil e intransixente, compuxo obras mestras en tódolos xéneros agás a ópera.

As expresións Os tres bes ou A santa trindade (frase acuñada por Hans von Bülow) refírense a Bach, Beethoven e Brahms como tres dos maiores compositores da historia da música. Algúns opinan, non obstante, que von Bülow incluíu a Brahms en dita "trindade" por despeito e para prexudicar a Wagner, con quen estaba enemistado dende que a súa dona o abandonou para casar co outro compositor.Brahms é frecuentemente considerado á vez tradicional e innovador. A súa música está firmemente enraizada nas estruturas e técnicas de composición dos mestres do barroco e do clasicismo. Era un mestre do contrapunto, a complexa e altamente disciplinada arte que fixo famoso a Johann Sebastian Bach, e do desenvolvemento, un ethos compositivo creado por Joseph Haydn, Wolfgang Amadeus Mozart, Ludwig van Beethoven, entre outros compositores. Brahms tivo como obxectivo honrar a "pureza" destas venerables estruturas "alemás" e avanzar nelas cara a un idioma romántico, no proceso de creación de novos enfoques para a harmonía e a melodía. Mentres que moitos contemporáneos atoparon a súa música demasiado académica, a súa contribución e artesanía teñen sido admiradas por figuras posteriores tan diversas como Arnold Schoenberg ou Edward Elgar.

Kalmar

Kalmar é unha cidade no sueste de Suecia, situada nas costa do mar Báltico. É a capital do municipio de Kalmar e do condado de Kalmar e no ano 2017 tiña 39 403 habitantes.Dende o século XIII ata o XVII Kalmar foi unha das cidades máis importantes de Suecia. Entre 1602 e 1913 foi a sede episcopal da diocese de Kalmar, e a catedral de Kalmar de 1702 é un bo exemplo da arquitectura do clasicismo. Converteuse nunha cidade fortificada, co castelo de Kalmar como centro. Despois do Tratado de Roskilde en 1658 a importancia de Kalmar disminuíu, ata que chegou a industria no século XIX. A cidade é fogar de parte da Linnéuniversitetet.

Kalmar está ao lado da ruta principal cara a illa de Öland, a través da ponte de Öland.

Música clásica

Isto é un artigo sobre a música académica europea da época neoclásica (1750-1800)

para ir á sección da música culta europea (mal chamada "música clásica") siga a ligazón: música académica.O clasicismo musical comeza aproximadamente en 1750 (morte de Johann Sebastian Bach) e remata en 1827 aproximadamente (morte de Beethoven).

A música clásica propiamente dita coincide coa época chamada neoclasicismo (que noutras artes consiste no redescubrimento e copia dos clásicos da arte grecorromana, que era considerada tradicional ou ideal: clásica). Na música non existiu un clasicismo orixinal (xa que non quedara escrita ningunha da música da época grega ou romana).

Música do Romanticismo

A música do Romanticismo é aquela composta segundo os principios da estética do Romanticismo, predominante durante o século XIX. Na historia da música, corresponde ao período que se seguiu ao clasicismo.

Neoclasicismo

O neoclasicismo ou estilo neoclásico foi un movemento cultural, artístico e literario orixinado en Italia que se desenvolveu na Europa e nas súas colonias desde mediados do século XVIII como reacción ao estilo barroco e durou até ás primeiras décadas do século XIX, en que foi substituído polo Romanticismo. Asóciase coa recuperación da cultura clásica da Europa e as súas manifestacións máis notorias danse na arquitectura.

Pintura

A pintura é a arte da representación gráfica utilizando pigmentos mesturados con outras substancias aglutinantes orgánicas ou sintéticas, en forma líquida a unha superficie bidimensional, co fin de coloreala, atribuíndolle matices, tons e texturas. Nesta arte empréganse técnicas de pintura, coñecementos de teoría da cor e de composición pictórica, e o debuxo. Nun sentido máis específico, a práctica da arte de pintar, consiste en aplicar, nunha superficie determinada -unha folla de papel, un lenzo, un muro (pintura mural ou de frescos), unha madeira, un fragmento de tecido etc.- unha técnica determinada, para obter unha composición de formas, cor, texturas, debuxos etc. dando lugar a unha obra de arte segundo algúns principios estéticos.

O arquitecto e teórico do clasicismo André Félibien, no século XVII, nun prólogo das Conferencias da Academia francesa fixo unha xerarquía dos xéneros da pintura clásica: «a historia, o retrato, a paisaxe, os mares, as flores e os froitos».

A pintura é unha das expresións artísticas máis antigas e unha das sete Belas Artes, e está incluída como materia na maior parte das licenciaturas nesta disciplina. En estética ou teoría da arte modernos a pintura está considerada como unha categoría universal que comprende todas as creacións artísticas feitas sobre superficies. Unha categoría aplicable a calquera técnica ou tipo de soporte físico ou material, incluíndo os soportes ou as técnicas efémeras así como os soportes ou as técnicas dixitais.

A pintura é considerada por moitos como un dos soportes artísticos tradicionais máis importantes; moitas das obras de arte máis importantes do mundo, tales como a Mona Lisa, son pinturas.

Diferénciase do deseño polo uso dos pigmentos líquidos e do uso constante da cor, mentres aquel apropiase principalmente de materiais secos.

Ópera

A ópera é un xénero dramático no que a historia se canta na súa maior parte. Para a súa elaboración precísase dun compositor/a así coma dun escritor/a, que recolle a historia no libreto, polo que se chama tamén libretista. L'Orfeo (1607) de Claudio Monteverdi, está considerada coma a primeira ópera da historia.

Para a súa representación precísase de cantantes para interpretar os personaxes e dunha orquestra, así coma todo o persoal necesario para calquera produción escénica, liderado polo director/a de escena.

Adoita comezar por unha abertura e estrutúrase en arias, recitativos, coros, dúos, tríos, cuartetos, fragmentos orquestrais...

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.