Claro José Sendón

Claro José Sendón Lamela, nado en Louro (Muros) o 18 de abril de 1897 e finado en Nova York en novembro de 1937, foi un propagandista anarquista e anarcosindicalista galego.

Claro José Sendón
Nacemento18 de abril de 1897
 Muros
Falecementonovembro de 1937
 Nova York
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico

Traxectoria

Fillo de Pío Sendón Sieira e María Lamela García. A principios dos anos vinte emigrou a Arxentina. En Buenos Aires traballou de estibador no porto e vendendo periódicos. Despois marchou a Estados Unidos, á zona de Filadelfia e máis tarde a Nova York, onde traballou de mariñeiro e camareiro. Colaborou en Cultura Proletaria, e invitado por José Villaverde, en ¡Despertad!, as súas "Crónicas de Yanquilandia", no semanario da Confederación Regional Galaica (CRG), Solidaridad Obrera, e de cando en vez no voceiro da FAI, Tierra y Libertad. Participou nas actividades do grupo anarquista Floreal e nos actos dos centros sociais da colonia de emigrantes galegos de Brooklyn, Newark, Yonkers e New Jersey.

Coa proclamación da Segunda República Española regresou a Galicia fins de 1932. Estableceuse na Coruña e afiliouse á CNT. Membro da Federación Anarquista Ibérica (FAI), opúxose á moderación de José Villaverde Velo, pero defendeuno das calumnias lanzadas por Federico Urales. Dedicouse ao labor propagandística nas comarcas de Muros e Noia onde a súa oratoria agresiva e marcadamente anticlerical fíxose moi popular. Tamén participou en mitins e conferencias por toda a provincia da Coruña, Madrid e Barcelona. En febreiro de 1933 foi director de Solidaridad Obrera da Coruña. A partir de agosto o comité da CNT chamouno a Madrid para incorporarse á redacción do periódico CNT, ata o seu encarceramento en decembro e colaborou co Comité Pro Presos "Nacional". Tralo fracaso da folga xeral revolucionaria de 1934 regresou á Coruña, axudou á reorganización do CRG participando no Comité Galaico. En 1934 publicou en La Novela Ideal a obriña Amor que se afirma.

Trasladouse a Lousame, e entrou a traballar como peón nas minas de San Fins por mediación de Enrique Fernández Maneiro, amigo seu e dirixente do Sindicato Minero y de Profesiones Varias. Foi despedido e converteuse en mestre dos fillos dos mineiros e desenvolveu labor orgánica na Federación Comarcal de Noia. A fins de 1935 fixo unha xira propagandística por Galicia con Jaime Baella Pérez e Federica Montseny e a comezos de 1936 interviu en Vilagarcía, Barrio, Chica, Cruceiro, Escarabote, Viveiro e O Carril. En maio de 1936 marchou a Huelva para axudar ao Sindicato de Industria Pesquera. Empregouse de novo como mineiro en Riotinto e cando estalou a sublevación do 18 de xullo de 1936, loitou contra as forzas da Garda Civil ata que as tropas franquistas ocuparon Huelva a comezos de agosto.

Fuxiu nun pesqueiro a Casablanca, e de alí pasou a Orán (Alxeria). En outubro de 1936 volveu a Madrid para traballar na redacción do xornal CNT. Despois foi a Valencia para integrarse na Confederación Levantina da CNT e chegou a ser delegado da Regional Levantino no Comité Nacional da CNT, militando con Federica Montseny. Escribiu no voceiro da CNT levantina, Fragua Social, e continuou unha relación moi estreita con outros camaradas galegos refuxiados alí, como o militante do Sindicato de Transportes Luís Chamorro, ou o cariñense Manuel Pita Armada, alma da colectivización da industria conserveira do porto almeriense de Adra. A mediados de xullo de 1937 a CNT decidiu aproveitar a súa experiencia dos Estados Unidos para envialo xunto con Serafín Aliaga Lledó, Juan López Sánchez e Avelino González Mallada a unha xira de propaganda polo continente americano. Claro Sendón estivo nun acto na cidade de México no que participou tamén Lázaro Cárdenas. Nos Estados Unidos Avelino González faleceu nun accidente automobilístico e Sendón morreu en Nova York, a finais do mes de novembro, a causa da tise.

Asinou moitos artigos co pseudónimo Clarín Libertario, que apareceron en Castilla Libre, Fragua Social, Indomable, Juventud Libre, El Luchador, Solidaridad e Umbral.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Pereira, Dionisio (2006). Asociación Cultural Barbantia, ed. "Claro José Sendón, un vagabundo galego e libertario". Barbantia (2).
  • Sendón, Pepe (2014). Alvarellos, ed. Falando Claro.

Ligazóns externas

18 de abril

O 18 de abril é o 108º día do ano do calendario gregoriano (108º nos anos bisestos). Quedan 257 días para finalizar o ano.

Confederación Rexional Galaica

A Confederación Rexional Galaica é a organización territorial da CNT en Galicia. Na actualidade están adheridos a ela sete sindicatos de Oficios Varios. Constituíuse o 21 de agosto de 1922 no Salón "Ideal Cinema" de Vigo, con José Suárez Duque como o seu primeiro secretario. Nese momento confederáronse 52 sociedades de resistencia, representando a 25.256 afiliados.

Enrique Fernández Maneiro

Enrique Fernández Maneiro, nado no Carril (Vilagarcía de Arousa) en 1905 e finado na Coruña o 1 de febreiro de 1988, foi un sindicalista anarquista galego.

Federica Montseny

Federica Montseny Mañé, nada en Madrid o 12 de febreiro de 1905 e finada en Tolosa o 14 de xaneiro de 1994, foi unha política e sindicalista anarquista española, e ocupou o cargo de ministra durante a II República, devindo a primeira muller ministra da Europa Occidental.

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935 é un libro de viaxes autobiográfico de Federica Montseny, publicado en 1936 na Revista Blanca, froito da viaxe da anarquista catalá a Galiza en decembro de 1935.

Javier Posse

Javier Posse Varela, nado en Malpica de Bergantiños en 1898, foi un anarquista galego.

Manuel Amil Barcia

Manuel Amil Barcia, nado en Santiago de Compostela en 1906 e finado en Pontevedra en 1972, foi un sindicalista e político galego.

Solidaridad (A Coruña)

Solidaridad foi un semanario editado en Coruña entre 1935 e 1936.

Solidaridad Obrera (1922)

Solidaridad Obrera foi un periódico editado na Coruña entre 1922 e 1934.

Teatro Jofre

O Teatro Jofre é unha institución cultural da cidade de Ferrol, inaugurado en 1892. É unha das máis importantes obras da arquitectura teatral da España do século XIX. O seu interior, coa súa espléndida acústica e fermosa decoración, é testemuña da actividade cultural da cidade.

Teatro Rosalía Castro

O Teatro Rosalía Castro é unha institución cultural da cidade da Coruña, de titularidade municipal, xestionada polo Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) do Concello da Coruña e dirixido por Javier Sabadie Iglesias. Trátase dun centro de representación escénica situado no centro da cidade herculina, en plena Rúa Real e moi próximo á Praza de María Pita. Nas súas dependencias atópase tamén dende o 20 de maio de 1994, a Biblioteca da Deputación Provincial da Coruña.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.