Civilización minoica

A civilización minoica desenvolveuse na illa de Creta (actual Grecia) ó longo da primeira metade do segundo milenio antes de Cristo. Os minoicos eran unha cultura prehelénica anterior ás culturas heládica ou micénica. Sorprende polas súas realizacións en case tódolos aspectos, a pesar de a illa dispor de recursos escasos.

A importante artesanía cretense contribuíu ó incremento da riqueza e do comercio con Exipto. O goberno -forte e centralizado- convértese no centro da vida cretense. Os palacios son residencia de gobernantes e funcionarios, centros relixiosos de culto e ata centros de distribucións de mercadorías.

Ata o de agora atopáronse catro palacios na illa: Cnosos, Festos, Malia e Kato Zakro. As comodidades e os luxos que reflicten as escavacións arqueolóxicas revelan unha forma de vida refinada e de alto nivel, entregada ó ocio e ás diversións, o que nos indica que o conxunto da estrutura social funcionaba de bo xeito.

Historia de Grecia
Acropolis-panorama-night
Grecia prehelénica
Prehistoria de Grecia
-3200 Civilización cicládica
-2700 Civilización minoica
 -1550 Civilización micénica
Grecia antiga
 -1200 Idade escura
 -800 Época arcaica
 -510 Época clásica
 -323 Época helenística
 -146 Grecia romana
Grecia medieval
 330 Imperio bizantino
 1202 Cuarta cruzada
 1453 Grecia otomana
Grecia contemporánea
  1799 República das sete illas
  1822 Guerra de independencia
 1832 Reino de Grecia
 1936 Réxime do 4 de agosto
 1941 Ocupación
 1946 Guerra civil
 1967 Ditadura dos coroneis
 1974 República helénica
Map Minoan Crete-en
A creta minoica cos principais palacios, pazos e poboados.

Historia

Creta foi a primeira potencia en xurdir no Exeo, sen que se poidan esclarecer as súas causas últimas; en todo caso, houbo unha evolución local do Neolítico final e experimentáronse influencias a través da navegación e o comercio de outras illas exeas, o Próximo Oriente e Exipto.

Cara o ano 2000 a.C., xurdiu unha civilización urbana na que destaca o nacemento dunha arquitectura palacial, non ben coñecida na primeira etapa (polas destrucións e reconstrucións de 1000 anos). No plano arquitectónico coñécense o Minoico medio e o final. Consta, porén, a existencia de aglomeracións de poboación que deixaron de ser aldeas e conformáronse en comunidades con especialización artesá: deuse o paso a unha cultura complexa organizada a partir dunha serie de palacios, centros políticos das diversas rexións e onde, como hipótese, existía unha monarquía, moi vinculada á relixión, dado que os palacios incorporan zonas de culto. O palacio inclúe unha parte importante de dependencias de tipo económico vinculados á administración (almacéns ou depósitos). Monopolizaba o controlo da produción económica, nun modelo afín ao Próximo Oriente aínda que non na arquitectura.

Akrotiri dolphins
Fresco dos golfiños no palacio de Cnossos.

Os palacios, presumibelmente, son expresión de fragmentación política e, por tanto, de división territorial dos dominios que lles podían corresponder. O fenómeno da cultura palacial minoica nas orixes non xurdiu coa mesma forza en toda a illa. Sendo esta de tamaño grande (250 km de longo e entre 15 e 60 de ancho), os palacios concéntranse no centro e no oriente. A occidente, os ritmos de desenvolvemento son menores e só patentes na fase final. No segundo milenio había bosques frondosos, especialmente no centro e occidente, con hábitat disperso. Os palacios máis importantes eran os de Eda, Cnossos, Festos (centro), Leuka (occidente), Malia e Zakro (oriente).

Cnossos foi o primeiro a ser escavado sistematicamente (Arthur Evans) e forneceu a cronoloxía desde o Neolítico. Era o principal e os outros terían unha dimensión menor. A tendencia foi a que a diferenza se agrandase até que nas últimas fases Cnossos tería sido o único centro e os outros serían subsidiarios del. Esta teoría apóiase en referencias do Imperio Novo exipcio, nas que se fala do "rei de Keftiu" (século –XVI].

Fases

Esta división débeselle a Evans e está baseada na análise da cerámica.

Minoico antigo

Vai desde as fases finais neolíticas e bronce antigo. No terceiro milenio apareceron as construcións palaciais, nun proceso rápido.

Minoico medio

Foi unha fase dilatada con transformacións nos palacios que corresponden a destrucións e reconstrucións sen causas definidas (terremotos talvez?). Aqueles primeiros palacios viven un florecemento até a destrución do –1700 (Minoico Medio II). Foi esta unha destrución xeral da que xorde máis claramente o papel de Cnossos como centro palacial. Á parte dun sismo, tense barallado a hipótese volcánica, como sucedera en Thera (-1600/1550), illa que desapareceu nos seus dous terzos (pola súa forza, tentouse situar en paralelo co fin do control minoico en Cnossos ou coa destrución final do palacio). Porén, a destrución de 1500 si se atribúe a terremotos.

Minoico final

A instalación dos micénicos a partir de 1450 non está marcada por unha destrución acentuada, mais si se deu a crise definitiva dos centros palaciais secundarios, que funcionaban en dependencia desde –1700 baixo un sistema descentralizado, sen arquivos (si hai selos). A toma do poder por estas xentes vidas do continente acentúa a centralización administrativa. A súa chegada é fruto dunha expansión imperialista que funda en Creta un novo reino micénico. Esta presenza precede o momento que Arthur Evans estabeleceu como final do Minoico (-1400, cando se dá a destrución definitiva do palacio). Dentro da historia da Creta Minoica isto desatou polémicas porque:

  1. Quedaba por estabelecer a evolución de Creta entre o 1400 e finais de Micenas.
  2. Arqueoloxicamente, a data é dubidosa.

A destrución final de Cnossos débese atrasar até o 1370 a.C. Esta data non ten unha explicación facilmente deducíbel que agrupe todos os factores (terremotos, toma da vila...). Parte da documentación en Lineal B sería deste momento. Tampouco se abandonou o palacio, mais este non volvería a xogar un papel igual ao anterior, o que implica que a situación política deu un xiro. Mais non se interrompen outros aspectos e a parte occidental da illa cobra un papel protagonista descoñecido até entón (descubrimento de indicios que mostran que na vella cidade de Kydronia se usaba lineal B, indicio dun palacio e un nexo de conexión entre o palacio decaído de Cnossos e este novo centro [o mesmo escribano]). Unha hipótese é que, se ben a destrución eliminou Cnossos como centro administrativo, non supuxo o fin do poder micénico ou dalgún centro sucesor, seguindo Cnossos controlando as zonas máis prósperas (centro e, máis ao sur, Hagia Tríade). Polos datos existentes, hai un territorio controlado polo palacio que inclúe Cnossos, Armissos, Ylissos etc. Esta hipótese contribuiría para resolver a anomalía que situaba a Creta nun lugar incualificábel no mundo exeo.

A expansión micénica prolongou uns procesos de contacto que, no Minoico Medio, sobre todo desde o –1700, transmitiron ao continente e Illas Cícladas influencias artísticas, sociais, administrativas (do modelo palacial) e que ten levado a pensar que a difusión fose proba de imperialismo (influencia das lendas posteriores e a memoria dunha hipotética talasocracia prehomérica).

Evans considerou a expansión un feito seguro (aplicando modelos actuais de poder naval). Hoxe dedúcese que non se pode falar de "conquista" ou "expansión" cretense traducida en colonización e incorporación territorial. Só se recoñecen asentamentos minoicos en illas que, pola súa proximidade ao continente, oferecían unha base sólida e segura (Citera, Rodas, Cos). As influencias non representan rotura, non superando un nivel imperial.

Tampouco isto debe levar a mitificar o carácter aparentemente pacífico da cultura minoica (diferenzas con Micenas nos palacios en situación, deseño e arquitectura, pois estes son grandes fortalezas mentres que os minoicos son para vivir). De calquera xeito, si coñecían as armas, tendo que darse tensións entre os centros de poder, resoltos, suponse, co liderado de Cnossos. Mais este poder, no seu contorno, pode ter implicado un control diplomático sobre as Illas Cícladas. Naxos parece ser o límite setentrional da influencia cretense, o que debe levar a un xuízo moi modesto das relacións exteriores minoicas (aínda que algúns produtos chegaron a Exipto, Siria-Palestina e Sicilia, isto mostra unha mobilidade comercial máis centrada no mundo oriental (chipriotas, pre-fenicios), cidades que avanzan unhas tendencias que cristalizaron no século –IX.

Esta cronoloxía, combinada coa do arqueólogo grego Nicolas Platon, baseada na evolución das construcións palaciais, resultaría como segue:

  Cronoloxía minoica
-3650 - -3000 MI I Prepalacial
-2900 - -2300 MI II
-2300 - -2160 MI III
-2160 - -1900 MM IA
-1900 - -1800 MM IB Protopalacial
(Período Palacial Antigo)
-1800 - -1700 MM II
-1700 - -1640 MM IIIA Neopalacial
(Período dos Novos Palacios)
-1640 - -1600 MM IIIB
-1600 - -1480 MF IA
-1480 - -1425 MF IB
-1425 - -1390 MF II Pospalacial
(En Cnossos, Período Final do Palacio)
-1390 - -1370 MF IIIA1
-1370 - -1340 MF IIIA2
-1340 - -1190 MF IIIB
-1190 - -1170 MF IIIC
-1100 Subminoica
Akrotiri, Santorini

Akrotiri é un sitio arqueolóxico da civilización minoica da Idade de Bronce na illa grega de Santorini (antigamente illa de Thera) a uns 100 km ó norte de Creta. Esta illa forma parte do arquipélago das Cíclades.

O lugar correspóndese cun asentamento que, tendo en conta os estilos das olas de barro e das pinturas murais atopadas nas escavacións, descubriuse que se remonta á civilización minoica. O sitio arqueolóxico debe ó seu nome á vila grega que se atopa nun outeiro achegado, mentres que o nome orixinal é descoñecido. As descubertas durante as escavacións, comezadas no ano 1967 por Spyridon Marinatos, chegaron á conclusión de que as pinturas murais dos seus edificios reflectían a vida real da poboación.O formidábel estado de conservación do lugar —semellante ó das ruínas romanas de Pompeia— débese ó feito de que foi cuberta polo piroclasto dunha erupción volcánica (a erupción minoica) ocorrida a metade do segundo milenio aC.

Arte clásica

Arte e cultura clásicas son conceptos que inclúen a literatura clásica ou grecorromana: as distintas formas da literatura grega e a literatura latina (como a poesía, o teatro, a historia -historiografía clásica- e a filosofía -filosofía grega, filosofía helenística-); e no eido da arte non só as denominadas belas artes, senón tamén todas as artes menores (estendéndose ás veces a toda a cultura material).

Tamén forman parte da civilización clásica ou civilización grecorromana os demais trazos da súa cultura, crenzas (mitoloxía clásica -mitoloxía grega, mitoloxía romana-) e mesmo da súa vida cotiá (costumes da Antiga Grecia, costumes da Antiga Roma), así como a súa economía, sociedade e organización política, militar e relixiosa (relixión grega, relixión romana), especialmente as institucións gregas e as institucións romanas.

Os seus límites temporais son tan imprecisos como os da idade que lle corresponde: do século -VIII ao século V; ou ben terminando no século III d. C. (pois desde o século IV d. C. comezaría a hexemonía cultural do cristianismo); ou ben comezando no -III milenio (incluíndo así a civilización minoica e a civilización micénica). Personalizando en dous autores, a cultura clásica incluiría dende Homero até Apuleio; en dúas obras, dende o palacio de Cnosos até a Columna Traxana.

En Grecia, resérvase o nome de período clásico ao que se coñece como século de Pericles (de mediados do século -V a mediados do século -IV, mentres que para Roma faise o propio desde os últimos séculos da República Romana (século -II) até os primeiros séculos do Imperio Romano, cos Antoninos (século II d. C.).

Na periodización da Arte antiga, especificamente para a arte occidental, adóitase identificar o período preclásico (civilizacións do Antigo Oriente Próximo), o período clásico (arte grega e romana) e o período posclásico (arte da Antigüidade Tardía: arte tardorromana, paleocristiá e bizantina).

Arte minoica

A arte minoica ou arte da antiga civilización minoica desenvolveuse entre o 3 000 e o 1 100 a.C. tanto na illa de Creta, como en diversas rexións do Exeo e o Mediterráneo, lougares onde a influencia minoica foi forte por mor do comercio intenso con potencias e pobos dos arredores.

Creta

Creta pode referirse a:

Creta, illa grega do mar Mediterráneo;

a Civilización minoica;

Creta, unha rocha sedimentaria;

Cuarto

Un cuarto, peza ou estancia, do latín quartus, -a, -um, en arquitectura, é cada un dos espazos dunha vivenda situados entre tabiques e destinados a durmir, comer etc.

Cícladas

As Cícladas ou Cíclades, do grego Κυκλάδες, que significa "circular", é un arquipélago no sur do mar Exeo. O seu nome indica as illas que forman un círculo arredor da illa sagrada de Delos, (patria dos deuses Apolo e Ártemis), en contraposición ao resto das illas do Exeo ás que chamaron Espóradas (do grego: Σποράδες, dispersas).

Deusa das cobras

Chámase deusa das cobras a varias estatuas de louza vidriada atopadas en Cnosos. A máis famosa delas mide 29,5 centímetros de altura e supostamente representa unha deusa da civilización minoica, aínda que tamén se sinalou que en realidade podería representar a unha sacerdotisa. Foron datadas aproximadamente contra o 1600 a. C. Foron atopadas por un equipo de arqueólogos dirixidos por Arthur Evans en 1903, nunha estancia da á oeste do palacio de Cnosos chamada tesouraría sacra, e no presente áchanse no Museo Arqueolóxico de Heraclión (Creta).

A estatua máis coñecida é unha figura feminina ataviada cun vestido longo, de estreita cintura e cun corpiño que deixa o peito ó descuberto. En ambas as mans sostén senllas cobras e ten enriba da cabeza un felino.

Esta estatua nun principio era denominada Adoradora sen cabeza, por ser de menor tamaño que outra estatua tamén de louza vidriada á que denominaron Deusa das cobras. A estatua fora achada sen a cabeza e sen o brazo esquerdo e foi reconstruída polo equipo de Evans tomando como referencia estoutra estatua maior. A estatua maior ten tres serpes enroscadas na cintura e nas mans.

Erupción minoica

A erupción minoica de Thera, tamén coñecida como a erupción de Thera ou erupción de Santorini, foi unha importante e catastrófica erupción volcánica cun Índice de Explosividade Volcánica (IEV) de 6 ou 7 e unha Densidade Lítica Equivalente (DLE) de 60 km³, que se calcula que se produciu a mediados do II milenio a. C.. A erupción foi un dos máis grandes eventos volcánicos da Terra rexistrados na historia. A erupción devastou a illa de Thera (tamén chamada Santorini), incluíndo o asentamento Minoico en Akrotiri, así como as comunidades e áreas agrícolas nas illas próximas e na costa de Creta.

Non hai rexistros antigos claros da erupción, que parece inspirar a algúns mitos gregos, puido causar disturbios en Exipto.

Fresco

En pintura, fresco aplícase á pintura realizada sobre un muro con revoque de cal húmida e coas cores disoltas en auga de cal.

O termo provén do italiano buon fresco ("moi fresco"), en contraposición a in secco ("sobre seco"). Para crear un fresco auténtico, ou buon fresco, prepárase o muro cun revoque de cal húmida ou escaiola e píntase inmediatamente. Como a intensidade das cores diminúe rapidamente a medida que se absorbe a cal, é preciso aplicar novas capas para obter tons vivos. Ao secar, fórmase unha película de carbonato de calcio que une indisolubelmente as cores á parede. Isto fai que a obra sexa moi duradeira; se se destrúe a parede non resulta difícil reconstruíla debido ás dimensións dos anacos.

A pintura in secco é a que usa a témpera. Con frecuencia resulta necesario retocar os frescos desta maneira. Algunhas veces tamén se lle chama buon fresco á pintura que non foi retocada despois e fresco seco á que si foi retocada.

A pintura ao fresco require unha planificación coidadosa, xa que esta técnica non permite experimentacións ou modificacións sobre a marcha. Ten a dificultade engadida de que se traballa en circunstancias de luz que non son as do estudio, co que as cores non se perciben igual; por outra parte, a iluminación que recibirá a obra será a mesma sempre, ao contrario doutras técnicas en que a obra pintada non se expón coa mesma luz coa que foi creada.

O tempo que tarda en secar unha sección varía entre dúas e doce horas e coñécese como giornata, durante a que o artista aplica os pigmentos en po que vai disolvendo na auga de cal. Esta faise con cal (óxido de calcio) e un agregado de mármore ou area (para dar textura e forza, e homoxeneizar o secado). Aplícanse varias camadas durante varios días, cada vez con menos agregado.

O deseño trazábase antigamente sobre a parede fresca; na Italia renacentista introducíronse os cartóns, desde os que o deseño se transfería á parede mediante punzóns ou, estando o cartón perforado, usando carbón; actualmente úsanse tamén proxectores de diapositivas.

A técnica do fresco coñécese desde a primeira metade do II Milenio a.C., durante a Idade de Bronce, en que se usou nos palacios da civilización minoica. Os etruscos e romanos utilizárono tamén, como na Vila dos Misterios, en Pompeia. Tamén se coñecen frescos na India a mediados do I Milenio a.C. e na China da dinastía Han (século I). O fresco foi moi popular durante a Idade Media e rexurdiu con forza no Renacemento italiano, con artistas como Cimabue, Giotto, Fra Angelico,...

III milenio a. C.

O terceiro milenio antes de Cristo comezou o 1 de xaneiro do 3000 a. C. e terminou o 31 de decembro do 2001 a. C.

II milenio a. C.

O segundo milenio antes de Cristo comezou o 1 de xaneiro do 2000 a. C. e terminou o 31 de decembro do 1001 a. C.

Idade Antiga

A Idade Antiga é a época histórica que coincide co xurdimento e desenvolvemento das primeiras civilizacións ou civilizacións antigas.

O concepto máis tradicional de historia antiga presta atención ao descubrimento da escrita, que convencionalmente a historiografía considerou o fito que permite marcar o final da Prehistoria é o comezo da Historia, dada a primacía que outorgan ás fontes escritas fronte á cultura material, que estuda co seu propio método a arqueoloxía. Outras orientacións procuran atender ao sistema social ou o nivel técnico. Recentemente, os estudos de xenética de poboacións baseados en distintas técnicas de análises comparativos de ADN e os estudos de antropoloxía lingüística están chegando a reconstruír dun xeito cada vez máis preciso as migracións antigas e a súa herdanza nas poboacións actuais.Sexa cal for o criterio empregado, coincide que en tempo e lugar uns e outros procesos cristalizaron no comezo da vida urbana (cidades moi superiores en tamaño e diferentes en función ás aldea neolíticas), a aparición do poder político (palacios, reis), das relixións organizadas (templos, sacerdotes), unha complexa estratificación social, esforzos colectivos de grande envergadura que esixen prestacións de traballo obrigatorio e impostos, e o comercio de longa distancia (todo o que se veu en chamar Revolución urbana); nivel de desenvolvemento social que por primeira vez se acadou na Sumeria do IV milenio a. C., espazo propicio para a constitución das primeiras cidades-estado competitivas a partir do substrato neolítico que levaba xa catro milenios desenvolvéndose no crecente fértil. A partir delas, e de sucesivos contactos (tanto pacíficos como invasións) de pobos veciños (culturas sedentario-agrícolas ou nómade-gandeiras que se nomean tradicionalmente con termos de validez cuestionada, máis propios de familias lingüísticas que de razas humanas: semitas, camitas, indoeuropeos etc.), fóronse conformando os primeiros estados de grande extensión territorial, ata acadar o tamaño de imperios multinacionais.

Procesos semellantes tiveron lugar en diversos momentos segundo a área xeográfica (sucesivamente Mesopotamia, o val do Nilo, o subcontinente indio, China, a conca do Mediterráneo, a América precolombiana e o resto de Europa, Asia e África); nalgunhas zonas especialmente illadas, algúns pobos cazadores-recolectores actuais aínda non abandonarían a prehistoria mentres que outros entraron violentamente na idade moderna ou contemporánea da man das colonizacións do século XVI ao XIX.

Os pobos cronoloxicamente contemporáneos á Historia escrita do Mediterráneo oriental poden ser obxecto da Protohistoria, pois as fontes escritas por romanos, gregos, fenicios, hebreos ou exipcios, ademais das fontes arqueolóxicas, permiten facelo.

A Antigüidade clásica localízase no momento de plenitude da civilización grecorromana (século V a.C ao século II d. C.) ou en sentido amplo, en toda a súa duración (século VIII a.C ao século V d. C.). Caracterizouse pola definición de innovadores conceptos socio-políticos: os de cidadanía e de liberdade persoal, non para todos, senón para unha minoría sostida polo traballo escravo; a diferenza dos imperios fluviais do Antigo Exipto, Babilonia, India ou China, para os que se definiu a imprecisa categoría de modo de produción asiático, caracterizadas pola existencia dun poder omnímodo na cúspide do imperio e o pago de tributos polas comunidades campesiñas suxeitas a el, pero de condición social libre (pois aínda que exista a escravitude, non representa a forza de traballo principal).O final da Idade Antiga na civilización occidental coincide coa caída do Imperio romano de Occidente (no ano 476; o Imperio romano de Oriente sobreviviu toda a Idade Media ata 1453 como Imperio bizantino), aínda que tal descontinuidade non se observa noutras civilizacións. Xa que logo, as divisións posteriores (Idade Media e Idade Moderna) poden considerarse válidos só para aquela; mentres que a maior parte de Asia e África, e con moita máis claridade América, son obxecto na súa historia dunha periodización propia.

Algúns autores culturalistas fan chegar a Antigüidade tardía europea ata os séculos VI e VII, mentres que, a escola "mutacionista" francesa esténdea ata algún momento entre os séculos IX e XI. Distintas interpretacións da historia pon o acento en cuestións económicas (transición do modo de produción escravista ao modo de produción feudal, desde a crise do século III); políticas (desaparición do imperio e instalación dos reinos xermánicos desde o século V); ou ideolóxicas, relixiosas (substitución do paganismo politeísta polos monoteísmos teocéntricos: o cristianismo -século IV- e posteriormente o islam -século VII-), filosóficas (filosofía antiga pola medieval) e artísticas (evolución desde a arte antiga -clásica- cara a arte medieval -paleocristiá e prerrománica-).As civilizacións da Antigüidade son agrupadas xeograficamente pola historiografía e a arqueoloxía en zonas en que distintos pobos e culturas estiveron especialmente vinculados entre si; aínda que as áreas de influencia de cada unha delas chegaron en moitas ocasións a mesturarse e ir moito máis lonxe, formando imperios de dimensións multicontinentais (o Imperio persa, o de Alexandre Magno e o Imperio romano), talasocracias ('goberno dos mares') ou rutas comerciais e de intercambio de produtos e ideas a longa distancia; aínda que sempre limitadas polo relativo illamento entre elas (obstáculos dos desertos e océanos), que chega a ser radical nalgúns casos (entre o Vello Mundo e o Novo Mundo). A navegación antiga, especialmente a natureza e extensión das expedicións que necesariamente tiveron que realizar as culturas primitivas de Polinesia (polo menos ata a Illa de Pascua), é un asunto aínda polémico. Nalgunhas ocasións recorreuse á arqueoloxía experimental para probar a posibilidade de contactos con América desde o Pacífico. Outros conceptos de aplicación discutida son a prioridade do difusionismo ou do desenvolvemento endóxeno para determinados fenómenos culturais (agricultura, metalurxia, escritura, alfabeto, moeda etc.) e a aplicación do evolucionismo en contextos arqueolóxicos e antropolóxicos.

Idade Escura

Denomínase Idade Escura (1100 a 750 a.C.) ao período da historia de Grecia desde o colapso da civilización micénica e a suposta invasión doria até o xurdimento das primeiras cidades-estado gregas no século IX a.C. e dos primeiros textos en alfabeto grego no século VIII a.C.. Tamén se coñece como Idade Homérica, evocando os grandes monumentos épicos ou Período Xeométrico con criterios arqueolóxicos.

Pola súa denominación dá a entender que foi un período de regresión, pero en verdade que só nunha pequena parte, xa que nela se configuran os elementos esenciais e distintivos da civilización grega nos seguintes séculos. Colonización, adopción do alfabeto, auxe das cidades (as futuras poleis ou polis) sistematización dos seus mitos e comezos da literatura e recuperación do comercio interrexional, despois dos movementos dos pobos descritos antes.

Estes intercambios foron particularmente frutíferos e intensificáronse no seguinte período, chamado Arcaico.

En conxunto pódese afirmar que a Idade Escura é unha etapa que non racha a continuidade micénica, senón que o único que dela desaparece é a superestrutura política arredor dos pazos, é o pazo mesmo, pero as estrutura básicas mantéñense, seguido por un forte desenvolvemento comercial, a xeneralización da economía monetaria que alumaría o nacemento dunha cultura plenamente grega.

Illa de Creta

A illa de Creta (Grego Κρήτη / Kriti) é unha illa mediterránea, a maior e máis poboada das illas gregas, sendo a súa situación xeográfica o punto máis meridional de Europa.

Reincorporada á Grecia no 1913, é unha das trece periferias (rexión administrativa).

Forma unha parte importante da economía e o patrimonio cultural de Grecia, mentres que mantén o seu propios trazos culturais locais (como o seu propio dialecto, poesía e música).

Creta é o berce da civilización minoica, da cal Cnossos é o corazón e o sitio arqueolóxico máis importante.

Illas do Exeo

As illas do Exeo son un numeroso e disperso grupo dunhas 5000 illas e illotes situadas no mar Exeo e do que pouco máis de 100 están habitadas. A gran maioría destas illas pertencen a Grecia, e só unhas poucas son parte de Turquía.

Knossos

Knossos ou Cnossos ou Knosus ou Cnosus (Grego Κνωσσός) é o maior sitio arqueolóxico da Idade de Bronce en Creta.

Período micénico

O Período micénico da historia de Grecia abarca desde o 1600 a.C. ao 1100 a.C., cando Micenas era un dos maiores centros de civilización e unha potencia militar que dominaba a maior parte do sur da Grecia. O período micénico constitúe a derradeira fase da Idade de Bronce na Grecia Antiga e é o escenario das narrativas épicas de Homero e de boa parte da mitoloxía grega. Rematou coa invasión dos dorios, aínda que hoxe se dubida de se existiu tal invasión.

Os descendentes dos invasores que remataran coa Creta minoica foron incorporando elementos de civilización preexistente e arredor de 1600 a. C. tiñan unhas monarquías cuxa sede estaba en palacios moi sinxelos, pero que conservaban trazos do seu pasado tribal, xa que o rei tiña mero carácter simbólico e as decisións tomábanse en asemblea de notables.

O Bronce medio vense a converter na plena adaptación ao medio mediterráneo, dedicados o cultivo da vide, oliveira e algúns frutais como a figueira. Practicaban tamén a artesanía do bronce e a cerámica con torno de olería por vez primeira. Non tardaron en establecer contactos comerciais e esta nova realidade económica impulsou as necesidades defensivas, coa construción de fortificacións novas e máis eficaces. Tamén a monarquía foi deixando detrás o seu aspecto tribal, esvaeceuse a importancia da asemblea en favor dunha monarquía autocrática, moi semellante aos despotismos orientais. O rei estaba asistido por un primeiro ministro (lawagetas) con funcións civís e militares e un corpo de funcionarios moi estruturado e eficaz. Existía un clero moi poderoso e a súa relixión, de carácter sincrético con divindades xerarquizadas e cuxo deus supremo tiña como símbolo o raio. Nos palacios atopáronse arquivos de tabelas na escrita lineal B, con censos, inventarios etc, que controlaban as actividades no ámbito do rei.

O nome de micénicos procede de Micenas a cidade fortificada máis importante. Os palacios nesta época deixaron de ser meros caseróns para se converter en construcións luxosas e con servizos. A súa principal actividade económica aínda era a explotación da terra. As labouras do campo levábanas a cabo comunidades campesiñas, controladas pola burocracia. Outras labouras controladas dende o palacio eran a gandería e a metalurxia. Hai probas da existencia de comercio con Creta, Asia Menor, Chipre, Exipto, Siria, as costas do Mar Negro, Libia Sicilia, e os sur de Italia.

Aínda que Micenas era o reino máis importante (polo menos palacios atopados) houbo outros repartidos pola Grecia continental e as illas do mar Exeo. Os principais achados destes reinos están no Peloponeso, Tirinto, e Pilos. Ao norte do istmo de Corinto destacan os de Atenas, Orcómeno, Tebas e Gla (estas tres últimas na Beocia)

O aumento de poder económico e a militarización levaron por razóns defensivas a unha fase imperialista, alentada polo descubrimento e explotación de novas rotas comerciais, materias primas e mantemento de provedores e mercados. Conquistouse Creta e penetrouse na illa até poñer fin á cultura minoica. Tamén se conquistou Rodas e hai achados de presenza aquea en Chipre. Xa cara o final do período micénico, produciuse un feito dunha grande repercusión literaria, a guerra de Troia (Ilión) que quedou destruída. A partir do 1200 a. C. as fortalezas quedaron destruídas, caeron as monarquías asentadas nelas debido sobre de todo á invasión dos dorios, até entón establecidos ao norte de Grecia (Tracia), aínda que algúns autores ven nesta caída sinais de desordes internos ou unha efervescencia étnica que provocou a caída do Imperio Hitita. Neste tempo se produciu unha migración masiva dos gregos ás costas occidentais de Asia Menor e Chipre. Sexa como for, ás poboacións anteriores, que con criterio lingüístico se clasifican como aqueos e xonios, vense a engadir os dorios, no que quedou formada a familia definitiva dos que se coñece como gregos. Coincidindo máis o menos con estes trastornos étnicos, introdúcese en Grecia a metalurxia do ferro, a cerámica con decoración xeométrica e certas formas relixiosas, cun desprazamento das divindades femininas por unhas masculinas e coa adopción do rito funerario da incineración en lugar da inhumación.

Santorini

Santorini (grego Σαντορίνη), ou Santorino, é unha illa volcánica localizada no mar Exeo, preto de 200 km ao sueste da cidade de Atenas, Grecia nas coordenadas aproximadas de 36.40° N e 25.40° E. Para alén da illa principal, Santorini ten nas as súas proximidades diversos illotes, formando un grupo case circular de illas, vestixio da grande erupción que esnaquizou a illa. O grupo de illas é tamén coñecido por Thira or Thera (Θηρα). Santorini sitúase no extremo sur do grupo das Cíclades, tendo unha área total de aproximadamente 73 km². En 2001 tiña unha poboación de 13.600 habitantes. A illa debe o seu nome a Santa Irene, nome polo cal os venecianos a denominaban. Era anteriormente coñecida por Kallisti, Strongili ou Thera, nome que aínda hoxe ostenta en grego.

Santorini é o volcán máis activo do denominado Arco Exeo, estando constituído por unha gran caldeira submersa, rodeada polos restos dos seus flancos. A forma actual da illa débese en gran parte á erupción que aproximadamente 3.500 anos atrás destruíu o seu territorio. Aquela erupción, de enorme proporcións, creou a actual caldeira e produciu depósitos piroclásticos con algunhas centenas de metros de espesura que recubriron todo o que restou da illa e aínda atinxiron grandes áreas do Exeo e dos territorios veciños.

O impacto daquela erupción fíxose sentir en todo o mundo, mais con particular intensidade na bacía do mar Mediterráneo. A erupción parece estar ligada ao colapso da civilización Minoica, na illa de Creta, sita só 70 km ao sur.

Talasocracia

Unha talasocracia, do grego "thálassa", mar, e "krátos", goberno, denota ao estado cuxos dominios son principalmente marítimos, como por exemplo a rede de colonias marítimas dos fenicios, non un xenuíno imperio, senón máis ben unido por rutas mariñas e que apenas penetra no interior, mesmo no caso da metrópole, como as cidades de Tiro, Sidón e Cartago. O termo foi empregado orixinariamente para se referir ao goberno da civilización minoica, cuxo poder dependía da súa armada.

Na Idade Media e Moderna temos os exemplos de cidades-estado mariñeiras como a República de Venecia, a República de Ragusa ou Xénova, no Mediterráneo. Exemplos tamén relativamente recentes son o Imperio Portugués ou o Imperio Británico, que empezaron como emporios comerciais e máis adiante foron adquirindo vastos territorios no interior.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.