Civilización cicládica

A civilización cicládica (tamén coñecida como cultura cicládica ou período cicládico) é unha cultura arqueolóxica da Idade do Cobre e do Bronce nas Cícladas, no mar Exeo, abarcando aproximadamente o período do -3000 ao -2000 En metade do Exeo, entre as Espóradas e Creta, entre a península helénica e Anatolia, áchase o arquipélago das Cícladas. Estas illas deben o nome á súa disposición aproximadamente circular (κύκλος kyklos en grego significa círculo) en torno a Delos, a illa sagrada que viu nacer a Apolo. Son Míconos, Paros, Milo ou Milos, Sifnos, Amorgos, Tinos, Serifos ou Serfanto e Santorini. Nestas illas do Exeo floreceu unha civilización anterior en case 2.000 anos á grega, que deixou tras de si centos de figuriñas de mármore, a maioría figuras femininas.

Historia de Grecia
Acropolis-panorama-night
Grecia prehelénica
Prehistoria de Grecia
-3200 Civilización cicládica
-2700 Civilización minoica
 -1550 Civilización micénica
Grecia antiga
 -1200 Idade escura
 -800 Época arcaica
 -510 Época clásica
 -323 Época helenística
 -146 Grecia romana
Grecia medieval
 330 Imperio bizantino
 1202 Cuarta cruzada
 1453 Grecia otomana
Grecia contemporánea
  1799 República das sete illas
  1822 Guerra de independencia
 1832 Reino de Grecia
 1936 Réxime do 4 de agosto
 1941 Ocupación
 1946 Guerra civil
 1967 Ditadura dos coroneis
 1974 República helénica

Historia

Pregnant Cycladic figurine Staatliche Antikensammlungen
Figuriña de muller embarazada (terceiro milenio).

A significativa cultura cicládica da época Neolítica final e Idade do Cobre é mellor coñecida polos ídolos femininos lisos tallados, fóra das illas, en mármore branco puro, séculos antes da gran "cultura minoica" da Idade de Bronce Medio xurdida en Creta, ao sur. Ditas figuras foron saqueadas dos enterramentos para satisfacer o crecente mercado de antigüidades cicládicas desde inicios do século XX.

Unha característica cultural neolítica que amálgama elementos anatolios e do continente grego no Exeo occidental antes do -4000, baseada no trigo e cebada silvestre, ovellas e cabras, porcos, e atúns que foron arponeados desde pequenos barcos (Rutter). Sitios escavados como Saliagos e Cefala (en Ceos), que mostran signos de traballo do cobre. Cada unha das pequenas illas Cícladas manteñen non máis duns poucos miles de habitantes, aínda que os modelos de barcos do cicládico final mostran que cincuenta remeiros puideron ser reunidos de comunidades dispersas (Rutter).

Sabemos que, pola súa posición xeográfica que as sitúa como unha especie de ponte entre Europa e Asia, pola riqueza do subsolo e pola relativa suavidade do seu clima, as Cícladas foron berce dunha notábel civilización.

Cónstanos que no período Calcolítico, aproximadamente entre o -3000 e o -2000, aquela civilización expresouse con notábel orixinalidade. E iso malia que a facilidade de comunicación coas zonas ribeiregas do Mediterráneo ofrecía aos habitantes destas illas a posibilidade de absorber toda clase de influxos culturais foráneos.

Sabemos que a civilización cicládica se mantivo durante varios séculos despois do 2000 Aínda que, cando a altamente organizada cultura palacial de Creta xorde, as illas declinan, coa excepción de Delos, que conservou a súa arcaica reputación como santuario durante o período da civilización clásica grega (ver liga de Delos). E máis tarde cae baixo a cada vez máis predominante influencia política e artística do continente grego.

A cronoloxía da civilización cicládica divídese en tres principais secuencias: cicládico inicial, medio e final. Ao período inicial (ca. 3000) seguiulle o arqueoloxicamente escuro cicládico medio (ca. -2500). A finais do cicládico final (ca. -2000) houbo unha converxencia esencial entre o cicládico e a civilización minoica.

Pero o cicládico afunde as súas raíces en tempos aínda máis remotos. Quizais no -7000 Proba diso é a difusión da obsidiana de Milo. Desta illa proveñen numerosos obxectos cortantes de obsidiana atopados en diferentes asentamentos prehistóricos do Mediterráneo oriental, especialmente na costa turca e en Tesalia (Grecia). Ben é certo, que isto só demostra unha frecuentación da zona, que non supón necesariamente a existencia nela dunha base ben definida de civilización. De feito, os primeiros indicios de comunidades organizadas nas Cícladas non van máis aló do -5000 E aínda no Neolítico final, é dicir, na segunda metade do cuarto milenio a. C., o grado de desenvolvemento destas comunidades cicládicas parece limitado, sobre todo se o comparamos co dos centros do Oriente máis inmediato: Anatolia, Siria, Canaán. Trataríase, segundo os datos que temos, de pequenas aldeas de pescadores ou de agricultores moi pobres.

Ao comezar a Idade do Cobre, todo empeza a cobrar relevo nas Cícladas. O desenvolvemento das actividades mariñeiras e o cultivo da vide son o resorte que dispara a transformación das estruturas económicas, sociais e culturais dos das illas. Os seus produtos chegan a Grecia e a diversas rexións do Mediterráneo oriental. Trátase dunha verdadeira engalaxe económica, que orixina diferenzas sociais. E todo isto en paz, pois os asentamentos, situados maioritariamente nas costas, non están fortificados. Estarano máis tarde, cando as Cícladas caian na órbita de Creta, máis poderosa e organizada. Isto é, entón, cara ao final do bronce Antigo, é dicir, en torno ao ano 2000

Hai certa tensión entre os sistemas de datación usados para a civilización cicládica, un "cultural" e outro "cronolóxico." Os intentos de axuntalos conducen a varias combinacións; a máis común é resumida abaixo.

Head figurine Spedos Louvre Ma2709
Figuriña cicládica de mármore da cultura Keros.
Cronoloxía cicládica[1]
Fase Data Cultura Cultura
Contemporánea
do continente
Cicládico inicial I Grotta-Pelos
Cicládico inicial II Keros-Siros
Cicládico inicial III Kastri
Cicládico medio I (CMI). Filacopí
Cicládico medio II (CMII).
Cicládico medio III (MCIII).
Cicládico final I
Cicládico final II
Cicládico final II

Arqueoloxía

TheraLateCyccladicIbex06655
Escultura de íbice de ouro (século -XVII)

Hai que advertir, de entrada, que aínda quedan moitos puntos escuros, moitos datos por codificar, moitas hipóteses non probadas.

O estudo do Cicládico foi laborioso, complexo e aínda non pode darse por concluído.

O historiador grego Tucídides escribira no século -V:

Foron estas palabras as que chamaron a atención do arqueólogo Ludwig Ross, quen no segundo terzo do século XIX, aventurou a hipótese de que nas sepulturas prehistóricas visitadas por el en Paros, Naxos, Amorgos e Tera (Santorini), onde se acharon ídolos e vasos de mármore, estaba a confirmación da presenza dos carios no arquipélago: un pobo de piratas orixinario da rexión costeira da Asia Menor entre as antigas Lidia, Licia e Frixia.

Polos mesmos anos do século XIX en que Ludwig Ross, cos textos de Tucídides na man, atribuía aos carios as tumbas do Cicládico, en Filacopí, na illa de Milo, aparecían novas tumbas intactas colmadas de cerámica que logo se dispersaron polos museos de Europa. Vinte anos despois, en torno a 1850-60, o arqueólogo Papadopoulos exploraba a necrópole de Chaliandrani na illa de Siros e lanzaba a hipótese de que aquelas tumbas eran de época romana e gardaban os restos dos condenados por delitos políticos, a quen Roma expatriaba e confinaba nas illas daquel arquipélago. Non deben estrañarnos estas suposicións erróneas, posto que naquela época non había forma de cotexar criticamente os materiais que proporcionaban as escavacións.

Cara a 1860 comeza a exploración dos asentamentos prehistóricos da illa de Santorini. Pero aínda non pode falarse de investigacións científicas, susceptíbeis de configurar un cadro fiábel da civilización que os achados van delineando.

Nos últimos anos do século a actividade exploratoria é moi intensa, rica en observacións que aínda teñen validez. En gran parte lévaa a cabo Christos Tsountas, quen investigou lugares de enterramento en varias illas en 1898-99, sobre todo en Amorgos, Despoticós, Paros, Antíparos, Sifnos e Siros, e acuñou o término de "civilización cicládica".

Pero as primeiras escavacións verdadeiras son as que en 1896 dirixe a Escola Británica de Atenas, en Filacopí, na illa de Milo. As escavacións incluíron a análise estratigráfica do terreo e proporcionaron resultados fiábeis. En concreto na illa de Milo puido recoñecerse a presenza de tres cidades superpostas, precedidas por unha fase aínda máis antiga (preurbana). E sobre todo comprobouse que estas diversas fases podían ser relacionadas cos estilos de cerámica.

A partir de entón, o interese quedouse diminuíu, pero reanimouse a mediados do século XX, cando algúns coleccionistas comezaron a poxar polas tallas de corte modernista que se parecían tanto á escultura de Jean Arp ou de Constantin Brancusi. Os sitios arqueolóxicos foron saqueados e xurdiu un activo comercio de falsificacións. O contexto de moitas destas figuriñas cicládicas foi así destruído; o seu significado nunca poderá ser entendido. Outros intrigantes e misteriosos obxectos son as tixolas cicládicas. A arqueoloxía revelou as liñas xerais da cultura agrícola e mariñeira que terían inmigrado de Asia Menor c. -5000 O cicládico inicial evolucionou en tres fases, entre c. -3300 - -2000, cando foi cada vez máis invadida pola crecente influencia da Creta minoica.

A cultura de Grecia continental contemporánea da cultura cicládica é cualificada como Heládico.

Orixe dos habitantes das Cícladas

Cycladic idol large sin fondo
Ídolo cicládico conservado no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.

Outro tema de grandes debates foi o da orixe dos primeiros habitantes das Cícladas.

Ata os anos 50 do século XX, a ausencia de pegadas de asentamentos neolíticos nas illas daba pé a supoñer que estas non estaban habitadas naquel período; polo tanto, o seu poboamento situábase en torno ao 2600 Pero de onde procedían aqueles primeiros habitantes das Cícladas? Case todos os investigadores coincidían en afirmar que se trataba de grupos heteroxéneos chegados de Anatolia no curso de migracións sucesivas, e moitos sinalaban que un dos centros de procedencia, entre o -2800 e o -2300, foi Troia. En calquera caso parecía certo que, no momento de chegaren ás illas, aqueles grupos posuían xa unha civilización propia e definida, que despois evolucionou de xeito autónomo.

Era a única hipótese posíbel, dado que as demais carecían de base. Faltaban por completo as informacións históricas, e as breves noticias de Tucídides, que é necesario repetir, viviu no século -V, facían referencia a unha época máis avanzada, concretamente á expansión cretense polo arquipélago.

Segundo menciona o historiador, naquel tempo as illas estaban habitadas polos carios, cuxas armas acharon os atenienses en máis da metade das tumbas que descubriron no curso da purificación da illa de Delos.

Pero as escavacións efectuadas nos 60 forneceron novos elementos que botaron por terra gran parte das precedentes hipóteses.

Foi posible determinar que as Cícladas estaban xa habitadas, polo menos, nos últimos tempos do Neolítico Medio e no Neolítico Final; é dicir cara ao -5000 Así o demostraban os achados habidos en Saliagos, unha illa entre as illas de Paros e Antíparos, entre 1964 e 1965, así como as escavacións que en 1963 se levaron a cabo en Cefala, na illa de Ceos.

Os descubrimentos de Saliagos foron moi interesantes. Eran restos de habitacións de planta rectangular, sobre fundamentos de pedra, pechadas por un muro perimetral. Nelas apareceron cerámicas de formas xeométricas, cuxa superficie escura estaba decorada con motivos en branco opaco, rectilíneos ou curvos. Estes elementos configuraban a que, a partir de entón, se chamou cultura de Saliagos, que englobou outros achados das mesmas características en Vouni (illa de Antíparos), Agrilia (Milo) e Mavrispilia (Miconos). Os materiais foron sometidos a probas de datación mediante o carbono 14 (14C), segundo as cales, e en relación coas escavacións de Emporio X na illa de Quíos, puido determinarse que esta cultura floreceu en torno ao -4900 A ela asociáronse tamén puntas de obsidiana e pequenas figuras tanto esquemáticas como naturalistas.

Polas mesmas datas, o arqueólogo Caskey achou en Cefala unha necrópole con tumbas redondas, ovaladas e rectangulares. En xeral estaban realizadas con pequenos muros de pedra inclinados cara ao centro, aínda que algunhas se escavaran parcialmente na rocha; habíaas individuais e múltiples. Entre os escombros saíron á luz numerosas cerámicas de cor escura, algunhas avermelladas e outras de cor vermella brillante. Había xerras de pescozo longo e fino, cuncas, unha especie de cazo de extravagante forma, unha estatuíña obscena de terracota etc. Dado que estes obxectos, e especialmente a cerámica escura, mostraban características afíns á doutros achados producidos na Ática e nas Cícladas noroccidentais, asignouse a esta cultura a denominación de Ática-Cefala. Sabemos que se desenvolveu cara ao -3500

Todos estes descubrimentos foron importantísimos, porque obrigaron a revisar as conclusións de quen atribuían unha orixe exclusivamente anatólica á civilización cicládica. Un dos principais argumentos en que se apoiaban era a presenza de tumbas de cista, pero o feito de que este tipo de tumbas apareza xa na necrópole de Cefala suxire unha continuidade local. Sen dúbida hai certas analoxías entre a civilización cicládica e a anatólica, pero iso non demostra que sexa Anatolia o fogar orixinario daquela. Algunhas das súas formas parecen de orixe local; outras poderían estar ligadas ao continente grego.

Considerando os coñecementos que proporcionan as escavacións, resulta máis sinxelo pensar nunha evolución paralela de culturas análogas, sen que con isto preténdase rexeitar a existencia de contactos máis ou menos ocasionais entre elas.

As cidades dos vivos

Cycladic three figurines group
Grupo de tres figuras cicládicas.

Dispoñemos de datos procedentes de escavacións de asentamentos e vivendas illadas, pero non sempre son do todo fiábeis polas dificultades que entraña a datación.

As escavacións que realizou Tsountas en Paros en 1898, sacaron á luz casas de planta rectangular, divididas en dúas habitacións comunicadas e a máis interior rematada en ábsida. O detalle do ábsida parece suxerir un recordo da cabana redonda que, no Neolítico, se difundiu por gran parte do área mediterránea.

Respecto de Filacopí son singularmente xenerosos os datos ofrecidos:

Artigo principal: Filacopí.

Tamén Santorini e Tirasia proporcionaron datos útiles sobre as casas das Cícladas. O xeólogo Fouqué estudou as situadas sobre a escolleira setentrional de Tirasia. Son de planta rectangular, con muros de pedra de lava, irregulares, unidas por argamasa. Atopáronse outros muros que seguramente se fixeron mediante unha armazón de madeira. Sistema de construción que achamos a miúdo en case todas as poboacións do Exeo.

Os seus muros angulares compóñense de perpiaños perfectamente tallados e case sempre de grandes dimensións, superpostos en fileiras horizontais.

Os muros defensivos

Hai fortificacións en Chalandriani (Siros), Panormos (Naxos), Agios Andreas (Sifnos) e Filacopí. Son fortificacións que se remontan ao momento da influencia cretense e parecen confirmar o que escribiu Tucídides achega da súa construción despois de que a armada de Minos expulsase aos piratas carios.

En Filacopí II hai unha dobre muralla. Os muros que a forman están a unha distancia de tres metros o un do outro. A parte baixa da muralla interior é unha masa de terra e pedras pequenas, sobre a que se apoian grandes bloques ciclópeos. A exterior, moito máis débil, é de terra, reforzada con algunhas filas de pedra. A intervalos máis ou menos regulares, as dúas murallas uníronse mediante pequenos muros transversais, e os espazos baleiros reenchéronse con grava. O conxunto ten un ancho de aproximadamente seis metros. O sector máis curioso da fortificación é aquel en que se practicou unha porta secreta, defendida por un muro. Desta forma os cercadores tiñan que percorrer un longo treito xunto aos bastións e, polo mesmo, a poñerse a tiro dos que defendían a cidade.

En Chalandriani trátase propiamente dunha acrópole, tres de cuxos lados están defendidos por un precipicio. Bastou con fortificar o cuarto lado mediante unha muralla dobre, semielíptica, de preto de 60 m. Do muro externo, o máis débil, quedan un par de fileiras de pedras. No seu centro ábrese unha porta disposta oblicuamente respecto ao muro. A muralla interior, de perpiaños pequenos, está reforzada por cinco torres. Os accesos eran dous, situados xunto á segunda torre e entre a terceira e a cuarta, e obrigaban tamén aos agresores a un longo percorrido ao descuberto.

Agios Andrea, en Sifnos, presenta asombrosas analoxías con Chalandriani, cunha técnica de construción perfeccionada.

As cidades dos mortos

Cista
Reconstrución dunha tumba de cista.

Coa excepción da illa de Siros, as tumbas cicládicas son do tipo de cista. Escávanse a pouca profundidade nas pendentes dos outeiros, ás veces ata a beira do mar e teñen forma trapezoidal, cos lados revestidos de pedras planas. A cobertura é tamén de pedras sen tallar, mentres que o piso é de pedra, croios ou sinxelamente terra apisoada. As súas dimensións son reducidas. Non máis 1,20 m de lonxitude.

Outra característica é que abundan as tumbas múltiples, probabelmente de membros dunha mesma familia, nas que se superpoñen as sepulturas.

As tumbas de Siros son moi diferentes. Trátase de pequenas tumbas con cámara, con paredes de pedra en seco cuxas fileiras van aproximándose cara ao interior ata formar unha falsa bóveda, que na súa parte superior se pecha cunha gran lastra cuxo peso dá solidez ao conxunto. Como detalle curioso hai que observar que estas tumbas teñen unha abertura que comunica co exterior e cuxa función apenas podemos imaxinar. As súas dimensións non permiten o paso dun corpo. Posibelmente destinábase a certos ritos funerarios.

A propósito de tales ritos recordemos que nas tumbas de cista o corpo do defunto, ou os corpos cando eran varios, dispoñíase recostados sobre o lado dereito, os xeonllos dobrados cara ao peito e o antebrazo levado cara á cabeza. De aí as reducidas dimensións do enterramento.

As prácticas relixiosas

A escaseza de achados arqueolóxicos fai que saibamos moi pouco das prácticas relixiosas dos pobos cicládicos. Mentres que en Creta atopáronse numerosos lugares de culto, nas Cícladas tan só coñecemos un. No porto de Minoa, na illa de Amorgos, baixo unha gran pena, acháronse fragmentos de cerámica e algúns vasos enteiros. Parece que en tempos remotos existiu alí un gruta ou freita. Preto, noutra freita, acháronse tamén moitos restos cerámicos. As escavacións dirixidas por Tsountas nesta mesma zona revelaron a existencia de fosas semellantes repletas de cachos de cerámica. Nunha delas o mesmo arqueólogo descubriu, ademais, certo número de vasos máis ou menos completos, algunha peza en forma de fuso e anacos de obsidiana. Moitos vasos contiñan achas de óso, a miúdo ennegrecidas e calcinadas, dentes de ovella, cabra ou boi.

O descubrimento destes depósitos de vasos baixo as rocas ou en anfractuosidades do terreo, por unha banda, e a completa ausencia de necrópoles nos arredores, por outro, suxiren que nos achamos ante un lugar sagrado ao aire libre. Talvez se trate dun daqueles lugares sagrados, nos que durante as cerimonias de ofrenda se acendían grandes fogueiras. Tras unha invocación máxica arroxábanse a elas os animais inmolados, se cadra vivos aínda. E logo cando o lume comezaba a languidecer, lanzábanse obxectos votivos. As cinzas, mesturadas cos ósos e os exvotos, eran depositados finalmente na freita de modo que quedasen en estreito contacto coa rocha, a que á súa vez non era senón unha parte do corpo da Deusa Gran Nai, a divindade máis importante dos pobos cicládicos

Expertos navegantes

Phylakopi flying fish
Peixe voador, cultura de Filacopí.

Do feito de que a maior parte de obxectos proveñan dun número reducido de tumbas, en tanto que na maioría destas só aparezan un ou dous máis ou menos, cómpre deducir que o pobo cicládico pasara xa da sociedade diferenciada, no que destacaban determinados grupos e persoas. Había "ricos" ou "notábeis" que se podían permitir un enxoval funerario acorde co seu rango, en tanto que os "pobres" debían contentarse cun ídolo, unha vasilla ou un sinxelo adorno. Esta hipótese vén corroborada por outro indicio, como é o da aparición nas tumbas de obxectos xa usados: vasillas con evidentes pegadas de composturas, píxides con tapadeiras que non lles corresponden etc. Diso deduciron algúns estudosos que as familias pobres compraban para os seus defuntos un enxoval literalmente de "segunda man".

Isto é, en suma, o que revelan as necesidades sobre a estrutura social daquelas xentes. Algúns outros achados refírense á vida económica. É posíbel afirmar que se trataba dun pobo de agricultores, pastores e artesáns, pero así mesmo que tiña a mirada posta no mar: na pesca e na navegación. Que practicaban a primeira próbano tanto o descubrimento dalgúns anzois de bronce, como a decoración de certos vasos de terracota en que aparecen homes portando un peixe en cada man.

E en canto á navegación, baste citar outras decoracións cerámicas nas que vemos representadas naves de altura, capaces de servir para as máis audaces exploracións. De feito, parece que os mariños das Cícladas non se limitaron a comerciar coa veciña Creta, o Peloponeso e Anatolia, senón que chegaron ata a costa dálmata, Sardeña e polo menos durante o Bronce Medio, a partir do 2000, ata as Baleares e o sur de Francia, xa que en todos estes lugares apareceron obxectos de elaboración cicládica.

Por desgraza aquel pobo que posuía nocións de numeración non deixou documentos escritos que permitan caracterizalo con maior precisión.

Notas

  1. Cronoloxía e Terminoloxía de The Prehistoric Archaeology of the Aegean acceso 23 de maio de 2006

Véxase tamén

Bibliografía

  • VV.AA. (1988). Los grandes descubrimientos de la arqueología (en castelán). Barcelona: Planeta-De Agostini.

Outros artigos

  • Arte cicládica
  • Cerámica cicládica
  • Civilización exea

Ligazóns externas

Civilización minoica

A civilización minoica desenvolveuse na illa de Creta (actual Grecia) ó longo da primeira metade do segundo milenio antes de Cristo. Os minoicos eran unha cultura prehelénica anterior ás culturas heládica ou micénica. Sorprende polas súas realizacións en case tódolos aspectos, a pesar de a illa dispor de recursos escasos.

A importante artesanía cretense contribuíu ó incremento da riqueza e do comercio con Exipto. O goberno -forte e centralizado- convértese no centro da vida cretense. Os palacios son residencia de gobernantes e funcionarios, centros relixiosos de culto e ata centros de distribucións de mercadorías.

Ata o de agora atopáronse catro palacios na illa: Cnosos, Festos, Malia e Kato Zakro. As comodidades e os luxos que reflicten as escavacións arqueolóxicas revelan unha forma de vida refinada e de alto nivel, entregada ó ocio e ás diversións, o que nos indica que o conxunto da estrutura social funcionaba de bo xeito.

Cícladas

As Cícladas ou Cíclades, do grego Κυκλάδες, que significa "circular", é un arquipélago no sur do mar Exeo. O seu nome indica as illas que forman un círculo arredor da illa sagrada de Delos, (patria dos deuses Apolo e Ártemis), en contraposición ao resto das illas do Exeo ás que chamaron Espóradas (do grego: Σποράδες, dispersas).

Grecia

Grecia ( pronunciación ) (en grego: Ελλάδα/Elláda, [eˈlaða] (AFI), escoitar ou Ελλάς/Ellás), oficialmente República Helénica ( pronunciación ) (en grego: Ελληνική Δημοκρατία/Elinikí Dimokratía, [eliniˈci ðimokraˈti.a] (AFI)) é un país do sueste meridional europeo, situado ao sur da Península Balcánica. Fai fronteira con Albania, Macedonia do Norte e Bulgaria polo norte e con Turquía polo leste. O Mar Exeo atópase no leste e sur da Grecia continental, mentres o Mar Xónico se atopa no leste, a través do cal ten ligazóns con Italia, e con Albania. Tanto no seu leste coma no seu oeste, Grecia posúe unha gran cantidade de illas, sendo a maior a Illa de Creta.

Grecia atópase na conxuntura de Europa, Asia e África. A Grecia actual constitúese como herdeira do patrimonio da Grecia antiga, o Imperio Romano o Imperio Bizantino, e o Imperio Otomán. Así mesmo, Grecia é o berce da democracia, a filosofía occidental, os Xogos Olímpicos, a literatura occidental e historiografía, as ciencias políticas, os principios matemáticos, e o drama occidental incluíndo a traxedia e a comedia.

A Grecia actual é un país do primeiro mundo, membro da Unión Europea dende 1981, da Unión económica e monetaria dende 2001, da OTAN dende 1952, da OCDE dende 1961, e da Axencia Espacial Europea dende 2005. Atenas é a súa capital; Salónica e Patras son xunto a capital, as principais cidades do país.

Grecia antiga

Chámase Grecia antiga ao período da historia de Grecia que durou uns mil anos e rematou coa chegada do cristianismo. Considérase como o alicerce da civilización occidental. A cultura grega exerceu unha poderosa influencia sobre o Imperio Romano, que levou consigo unha versión propia a moitas partes de Europa.

A civilización dos antigos gregos tivo unha influencia enorme sobre a lingua, política, sistemas educativos, filosofía, ciencia e as artes, dando lugar ao Renacemento da Europa Occidental e rexurdiu de novo durante varios movementos "neoclásicos" durante os séculos VIII e XIX en Europa e en América.

Grecia antiga é o termo utilizado para describir os territorios de lingua grega na antigüidade clásica. Refírese non só á península xeográfica da Grecia actual senón tamén ás culturas helénicas ocupadas polos gregos desde antigo: Chipre e as Illas Exeas, o mar Exeo, a costa da Anatolia (coñecida por eles como Xonia), Sicilia e o sur de Italia (coñecidas como Magna Grecia) e as colonias gregas dispersas polas costas da Cólquida, Iliria, Tracia, Exipto, Cirenaica, o sur da Galia, o leste e nordeste da Península Ibérica e a Táurica.

Grecia clásica

Chámase Grecia clásica a un período da historia da Grecia antiga que corresponde aos séculos V e IV a.C. A este período sucedeulle o período helenístico.

Lugar de nacemento das ideas que configuraron Occidente. Inclúe territorios da actual Grecia e países limítrofes: Macedonia do Norte e sobre todo, Turquía. Moitas das cidades e lugares da literatura clásica grecolatina (Troia, Esparta, Atenas, Minos, Knosos, Creta, Chipre, Mileto etc.) son hoxe recoñecibles ao longo da xeografía deste territorio mediterráneo, e algúns mesmo son localizables e resisten o paso do tempo.

II milenio a. C.

O segundo milenio antes de Cristo comezou o 1 de xaneiro do 2000 a. C. e terminou o 31 de decembro do 1001 a. C.

Idade Antiga

A Idade Antiga é a época histórica que coincide co xurdimento e desenvolvemento das primeiras civilizacións ou civilizacións antigas.

O concepto máis tradicional de historia antiga presta atención ao descubrimento da escrita, que convencionalmente a historiografía considerou o fito que permite marcar o final da Prehistoria é o comezo da Historia, dada a primacía que outorgan ás fontes escritas fronte á cultura material, que estuda co seu propio método a arqueoloxía. Outras orientacións procuran atender ao sistema social ou o nivel técnico. Recentemente, os estudos de xenética de poboacións baseados en distintas técnicas de análises comparativos de ADN e os estudos de antropoloxía lingüística están chegando a reconstruír dun xeito cada vez máis preciso as migracións antigas e a súa herdanza nas poboacións actuais.Sexa cal for o criterio empregado, coincide que en tempo e lugar uns e outros procesos cristalizaron no comezo da vida urbana (cidades moi superiores en tamaño e diferentes en función ás aldea neolíticas), a aparición do poder político (palacios, reis), das relixións organizadas (templos, sacerdotes), unha complexa estratificación social, esforzos colectivos de grande envergadura que esixen prestacións de traballo obrigatorio e impostos, e o comercio de longa distancia (todo o que se veu en chamar Revolución urbana); nivel de desenvolvemento social que por primeira vez se acadou na Sumeria do IV milenio a. C., espazo propicio para a constitución das primeiras cidades-estado competitivas a partir do substrato neolítico que levaba xa catro milenios desenvolvéndose no crecente fértil. A partir delas, e de sucesivos contactos (tanto pacíficos como invasións) de pobos veciños (culturas sedentario-agrícolas ou nómade-gandeiras que se nomean tradicionalmente con termos de validez cuestionada, máis propios de familias lingüísticas que de razas humanas: semitas, camitas, indoeuropeos etc.), fóronse conformando os primeiros estados de grande extensión territorial, ata acadar o tamaño de imperios multinacionais.

Procesos semellantes tiveron lugar en diversos momentos segundo a área xeográfica (sucesivamente Mesopotamia, o val do Nilo, o subcontinente indio, China, a conca do Mediterráneo, a América precolombiana e o resto de Europa, Asia e África); nalgunhas zonas especialmente illadas, algúns pobos cazadores-recolectores actuais aínda non abandonarían a prehistoria mentres que outros entraron violentamente na idade moderna ou contemporánea da man das colonizacións do século XVI ao XIX.

Os pobos cronoloxicamente contemporáneos á Historia escrita do Mediterráneo oriental poden ser obxecto da Protohistoria, pois as fontes escritas por romanos, gregos, fenicios, hebreos ou exipcios, ademais das fontes arqueolóxicas, permiten facelo.

A Antigüidade clásica localízase no momento de plenitude da civilización grecorromana (século V a.C ao século II d. C.) ou en sentido amplo, en toda a súa duración (século VIII a.C ao século V d. C.). Caracterizouse pola definición de innovadores conceptos socio-políticos: os de cidadanía e de liberdade persoal, non para todos, senón para unha minoría sostida polo traballo escravo; a diferenza dos imperios fluviais do Antigo Exipto, Babilonia, India ou China, para os que se definiu a imprecisa categoría de modo de produción asiático, caracterizadas pola existencia dun poder omnímodo na cúspide do imperio e o pago de tributos polas comunidades campesiñas suxeitas a el, pero de condición social libre (pois aínda que exista a escravitude, non representa a forza de traballo principal).O final da Idade Antiga na civilización occidental coincide coa caída do Imperio romano de Occidente (no ano 476; o Imperio romano de Oriente sobreviviu toda a Idade Media ata 1453 como Imperio bizantino), aínda que tal descontinuidade non se observa noutras civilizacións. Xa que logo, as divisións posteriores (Idade Media e Idade Moderna) poden considerarse válidos só para aquela; mentres que a maior parte de Asia e África, e con moita máis claridade América, son obxecto na súa historia dunha periodización propia.

Algúns autores culturalistas fan chegar a Antigüidade tardía europea ata os séculos VI e VII, mentres que, a escola "mutacionista" francesa esténdea ata algún momento entre os séculos IX e XI. Distintas interpretacións da historia pon o acento en cuestións económicas (transición do modo de produción escravista ao modo de produción feudal, desde a crise do século III); políticas (desaparición do imperio e instalación dos reinos xermánicos desde o século V); ou ideolóxicas, relixiosas (substitución do paganismo politeísta polos monoteísmos teocéntricos: o cristianismo -século IV- e posteriormente o islam -século VII-), filosóficas (filosofía antiga pola medieval) e artísticas (evolución desde a arte antiga -clásica- cara a arte medieval -paleocristiá e prerrománica-).As civilizacións da Antigüidade son agrupadas xeograficamente pola historiografía e a arqueoloxía en zonas en que distintos pobos e culturas estiveron especialmente vinculados entre si; aínda que as áreas de influencia de cada unha delas chegaron en moitas ocasións a mesturarse e ir moito máis lonxe, formando imperios de dimensións multicontinentais (o Imperio persa, o de Alexandre Magno e o Imperio romano), talasocracias ('goberno dos mares') ou rutas comerciais e de intercambio de produtos e ideas a longa distancia; aínda que sempre limitadas polo relativo illamento entre elas (obstáculos dos desertos e océanos), que chega a ser radical nalgúns casos (entre o Vello Mundo e o Novo Mundo). A navegación antiga, especialmente a natureza e extensión das expedicións que necesariamente tiveron que realizar as culturas primitivas de Polinesia (polo menos ata a Illa de Pascua), é un asunto aínda polémico. Nalgunhas ocasións recorreuse á arqueoloxía experimental para probar a posibilidade de contactos con América desde o Pacífico. Outros conceptos de aplicación discutida son a prioridade do difusionismo ou do desenvolvemento endóxeno para determinados fenómenos culturais (agricultura, metalurxia, escritura, alfabeto, moeda etc.) e a aplicación do evolucionismo en contextos arqueolóxicos e antropolóxicos.

Idade Escura

Denomínase Idade Escura (1100 a 750 a.C.) ao período da historia de Grecia desde o colapso da civilización micénica e a suposta invasión doria até o xurdimento das primeiras cidades-estado gregas no século IX a.C. e dos primeiros textos en alfabeto grego no século VIII a.C.. Tamén se coñece como Idade Homérica, evocando os grandes monumentos épicos ou Período Xeométrico con criterios arqueolóxicos.

Pola súa denominación dá a entender que foi un período de regresión, pero en verdade que só nunha pequena parte, xa que nela se configuran os elementos esenciais e distintivos da civilización grega nos seguintes séculos. Colonización, adopción do alfabeto, auxe das cidades (as futuras poleis ou polis) sistematización dos seus mitos e comezos da literatura e recuperación do comercio interrexional, despois dos movementos dos pobos descritos antes.

Estes intercambios foron particularmente frutíferos e intensificáronse no seguinte período, chamado Arcaico.

En conxunto pódese afirmar que a Idade Escura é unha etapa que non racha a continuidade micénica, senón que o único que dela desaparece é a superestrutura política arredor dos pazos, é o pazo mesmo, pero as estrutura básicas mantéñense, seguido por un forte desenvolvemento comercial, a xeneralización da economía monetaria que alumaría o nacemento dunha cultura plenamente grega.

Illas do Exeo

As illas do Exeo son un numeroso e disperso grupo dunhas 5000 illas e illotes situadas no mar Exeo e do que pouco máis de 100 están habitadas. A gran maioría destas illas pertencen a Grecia, e só unhas poucas son parte de Turquía.

Imperio Bizantino

O Imperio Bizantino (chamado tamén, Imperio Romano de Oriente) foi un imperio cristián medieval de cultura grega cuxa capital estaba en Constantinopla ou Bizancio (actual Istambul). Abarcaba todo o Mediterráneo oriental, pero co tempo foi sufrindo importantes reducións territoriais.

Non hai un consenso xeral en canto á data de inicio do Imperio Bizantino. Para algúns autores a data clave é a fundación de Constantinopla no ano 330, en tanto que outros estudosos consideran como acta de nacemento do Imperio Bizantino a morte de Teodosio I, en 395, cando o Imperio Romano foi definitivamente dividido en dúas metades, oriental e occidental. Outros pensan que pode falarse con propiedade de Imperio Bizantino a partir do momento en que foi deposto o último emperador romano de Occidente, Rómulo Augústulo (476).

A desaparición do Imperio Romano de Oriente produciuse coa caída de Constantinopla en poder dos turcos otománs en 1453. Con todo, a desaparición do estado bizantino non acabou cos sentimentos nacionalistas do pobo, xa que os actuais habitantes de Grecia considéranse herdeiros da tradición bizantina.

Keros

Keros (grego: Κέρος) é unha illa grega deshabitada. Pertence ao arquipélago das Cícladas, máis concretamente ás Cícladas menores, e está situada a uns 10 quilómetros ao sueste de Naxos. É unha das Cícladas menores xunto a Irakleia, Schoinoussa, Antikeros, Giaros e Kuofonisi. Administrativamente forma parte da comunidade de Koufonisia.

Trátase dunha illa montañosa, de clima seco, caloroso no verán e amornado no inverno. Ten unha superficie de 15 km² e o seu punto máis elevado é o Monte Keros, de 432 metros sobre o nivel do mar.

Na actualidade a illa atópase deshabitada, aínda que en distintas escavacións atopáronse restos da antiga civilización cicládica que floreceu sobre o ano 2500 a.C. O habitante máis soado da illa foi Athenasagoras. Keros é especialmente coñecida polas estatuas de mármore de face plana que posteriormente inspiraron a Pablo Picasso e Henry Moore. Agora está prohibido desembarcar en Keros.

Ocupación de Grecia polo Eixo

A ocupación de Grecia polo Eixo durante a segunda guerra mundial (en grego: Η Κατοχή, I Katochi, que significa "A Ocupación") comezou en abril de 1941 trala invasión de Grecia por parte de alemáns e italianos, e foi levada a cabo xunto con forzas búlgaras. A Ocupación durou até a retirada alemá en outubro de 1944. Porén, nalgúns casos, como en Creta e outras illas, as guarnicións alemás seguiron controlando o terreo até maio ou incluso xuño de 1945.

O Reino de Italia invadira Grecia en outubro 1940, e logo do seu fracaso na conquista de Grecia, o Führer alemán Adolf Hitler focalizou a súa actividade militar nos Balcáns do sur. Unha rápida campaña Blitzkrieg alemá seguiu a isto en 1941, e a mediados de maio, Grecia estaba baixo a ocupación de tres poderes do Eixe: a Alemaña nazi, o Reino de Italia e o Reino de Bulgaria.

A ocupación trouxo terríbeis consecuencias para a poboación civil grega. Máis de 300,000 civís morreron de fame, milleiros máis polas represalias, e a economía do país acabou esnaquizada. Ao mesmo tempo formouse a resistencia grega, un dos movementos de resistencia máis efectivos de toda a Europa ocupada. Estes grupos comezaron unha serie de ataques de guerrilla contra os poderes de ocupación e estableceron grandes redes de espionaxe, pero a finais de 1943 comezaron a loitar entre eles. Cando chegou a liberación en outubro de 1944, Grecia estaba en crise, o que desembocou cedo no estoupido da guerra civil grega.

Período helenístico

Desígnase como período helenístico (do grego antigo ἑλληνίξειν hellēnizein, "falar en grego", "vivir como os gregos") ou período alexandrino o período histórico que decorre entre a morte de Alexandre Magno en 323 a. C. e a conquista do Antigo Exipto en 30 a. C. polos romanos. Caracterízase pola difusión da civilización grega nunha vasta área que se estendía do Mediterráneo oriental até á Asia Central. De modo xeral, o helenismo foi a concreción dun ideal de Alexandre: o de levar e difundir a cultura grega aos territorios que conquistaba. É neste período histórico que as ciencias particulares tiveron o seu primeiro e grande desenvolvemento. É o tempo de Euclides e Arquimedes. O helenismo tamén marca un período de transición para o apoxeo e dominio de Roma.

O período foi identificado como tal polos historiadores do século XIX. O termo "helenístico" foi empregado por vez primeira polo historiador alemán Johann Gustav Droysen na súa Historia do Helenismo (1836 e 1843, a partir dun criterio lingüístico e cultural: o medre espectacular das rexións nas que se falaba o grego (ἑλληνίζειν / hellênízein) e, en consecuencia, do fenómeno de expansión do helenismo. Porén, este fenómeno de helenización e de encontro entre as antigas civilizacións orientais e gregas continúa baixo o Imperio Romano, polo que os límites cronolóxicos do período son sobre todo políticos: as conquistas de Alexandre e o suicidio da última grande soberana helenística, a raíña de Exipto Cleopatra VII.

Os traballos arqueolóxicos e históricos recentes están a pór en valor este período, antes mal coñecido, e en particular dous aspectos característicos da época, a existencia e o peso dos grandes reinos dirixidos por dinastías de orixe grega ou macedónica (os láxidas, seléucidas, antigónidas, así como o papel determinante de centos de cidades cuxo papel, ao contrario do que antes se pensaba, non estaban a declinar.

Período micénico

O Período micénico da historia de Grecia abarca desde o 1600 a.C. ao 1100 a.C., cando Micenas era un dos maiores centros de civilización e unha potencia militar que dominaba a maior parte do sur da Grecia. O período micénico constitúe a derradeira fase da Idade de Bronce na Grecia Antiga e é o escenario das narrativas épicas de Homero e de boa parte da mitoloxía grega. Rematou coa invasión dos dorios, aínda que hoxe se dubida de se existiu tal invasión.

Os descendentes dos invasores que remataran coa Creta minoica foron incorporando elementos de civilización preexistente e arredor de 1600 a. C. tiñan unhas monarquías cuxa sede estaba en palacios moi sinxelos, pero que conservaban trazos do seu pasado tribal, xa que o rei tiña mero carácter simbólico e as decisións tomábanse en asemblea de notables.

O Bronce medio vense a converter na plena adaptación ao medio mediterráneo, dedicados o cultivo da vide, oliveira e algúns frutais como a figueira. Practicaban tamén a artesanía do bronce e a cerámica con torno de olería por vez primeira. Non tardaron en establecer contactos comerciais e esta nova realidade económica impulsou as necesidades defensivas, coa construción de fortificacións novas e máis eficaces. Tamén a monarquía foi deixando detrás o seu aspecto tribal, esvaeceuse a importancia da asemblea en favor dunha monarquía autocrática, moi semellante aos despotismos orientais. O rei estaba asistido por un primeiro ministro (lawagetas) con funcións civís e militares e un corpo de funcionarios moi estruturado e eficaz. Existía un clero moi poderoso e a súa relixión, de carácter sincrético con divindades xerarquizadas e cuxo deus supremo tiña como símbolo o raio. Nos palacios atopáronse arquivos de tabelas na escrita lineal B, con censos, inventarios etc, que controlaban as actividades no ámbito do rei.

O nome de micénicos procede de Micenas a cidade fortificada máis importante. Os palacios nesta época deixaron de ser meros caseróns para se converter en construcións luxosas e con servizos. A súa principal actividade económica aínda era a explotación da terra. As labouras do campo levábanas a cabo comunidades campesiñas, controladas pola burocracia. Outras labouras controladas dende o palacio eran a gandería e a metalurxia. Hai probas da existencia de comercio con Creta, Asia Menor, Chipre, Exipto, Siria, as costas do Mar Negro, Libia Sicilia, e os sur de Italia.

Aínda que Micenas era o reino máis importante (polo menos palacios atopados) houbo outros repartidos pola Grecia continental e as illas do mar Exeo. Os principais achados destes reinos están no Peloponeso, Tirinto, e Pilos. Ao norte do istmo de Corinto destacan os de Atenas, Orcómeno, Tebas e Gla (estas tres últimas na Beocia)

O aumento de poder económico e a militarización levaron por razóns defensivas a unha fase imperialista, alentada polo descubrimento e explotación de novas rotas comerciais, materias primas e mantemento de provedores e mercados. Conquistouse Creta e penetrouse na illa até poñer fin á cultura minoica. Tamén se conquistou Rodas e hai achados de presenza aquea en Chipre. Xa cara o final do período micénico, produciuse un feito dunha grande repercusión literaria, a guerra de Troia (Ilión) que quedou destruída. A partir do 1200 a. C. as fortalezas quedaron destruídas, caeron as monarquías asentadas nelas debido sobre de todo á invasión dos dorios, até entón establecidos ao norte de Grecia (Tracia), aínda que algúns autores ven nesta caída sinais de desordes internos ou unha efervescencia étnica que provocou a caída do Imperio Hitita. Neste tempo se produciu unha migración masiva dos gregos ás costas occidentais de Asia Menor e Chipre. Sexa como for, ás poboacións anteriores, que con criterio lingüístico se clasifican como aqueos e xonios, vense a engadir os dorios, no que quedou formada a familia definitiva dos que se coñece como gregos. Coincidindo máis o menos con estes trastornos étnicos, introdúcese en Grecia a metalurxia do ferro, a cerámica con decoración xeométrica e certas formas relixiosas, cun desprazamento das divindades femininas por unhas masculinas e coa adopción do rito funerario da incineración en lugar da inhumación.

Reino de Grecia

O Reino de Grecia (en grego: Βασίλειον τῆς Ἑλλάδος, Vasíleion tīs Elládos) foi un estado establecido en 1832 na Conferencia de Londres de 1832 polos grandes poderes, (o Reino Unido, Francia e o Imperio Ruso). Foi internacionalmente recoñecido no Tratado de Constantinopla 1832, onde se declarou a súa total independencia do Imperio Otomán, marcando o nacemento do primeiro estado grego totalmente independente desde a caída do Imperio Bizantino ante os otománs, a mediados do século XV. Sucedeu a Primeira República Helénica da Guerra de Independencia Grega, e durou ata 1924, cando a monarquía foi abolida, e a Segunda República Helénica foi declarada. O reino foi restaurado en 1935 e sobreviviu ata 1974 cando a xunta militar proclamou a Terceira República Helénica.

Época arcaica

A época arcaica é unha etapa da historia da Grecia antiga, que abrangue aproximadamente entre os anos 750 e 500 ane. Nela opéranse grandes transformacións que poñen os alicerces da civilización grega. Comezan a cobrar conciencia da súa raíz común, e se dan o nome de helenos, chega ao alfabeto definitivo, aínda que as diferenzas dialectais eran moi grandes.

Este é o nome con que a historiografía distingue a etapa na que a Hélade saíu do período anterior (a Época Escura, caracterizada pola distribución do espazo helénico entre tribos indoeuropeas que falaban distintas variantes da futura lingua grega -aqueos, xonios, dorios, eolios, arcadios, superpostos sobre os prehelénicos pelásxicos-, que introduciron a Idade de Ferro no medio dunha total ausencia de fontes escritas e unha drástica ruptura cultural fronte á civilización micénica, cuxo fin segue sendo obxecto de debate) e conformáronse os trazos da civilización grega, que quedará plenamente cristalizada na posterior Época Clásica. Entre os séculos -VIII e -VI desenvolvéronse as cidades estado gregas ou poleis (en grego, singular polis -πολις- e plural poleis -πόλεις-), que mesmo se expandiron por todo o Mediterráneo mediante a colonización. A pesar da súa gran fragmentación política, os gregos foron construíndo unha identidade común fronte a outros pobos da Antigüidade, da que adquiriron unha conciencia vigorosa, evidenciada nas súas manifestacións culturais e artísticas e nunha peculiar cosmovisión que se interpretou como tensión entre o apolíneo e o dionisíaco.

Convencionalmente o inicio da época arcaica establécese na primeira Olimpíada (Ὀλυμπιάς, cómputo do tempo en períodos de catro anos que comezan coa celebración os primeiros Xogos Olímpicos, -776); mentres que o final o marca a Revolta de Xonia (-499), cando os gregos da costa de Asia Menor pediron a axuda das cidades de Grecia continental para frear a expansión do Imperio persa, o que desembocou nas Guerras Médicas (-492 - -490 e -480 - -479).

Antes da Época Arcaica os gregos habitaban en pequenas comunidades agropecuarias illadas polo accidentado do seu medio físico: callado de vales no interior, e cun litoral recortado, atestado de cabos, golfos e illas. A pesar da pobreza do chan e da aridez, déronse crecementos demográficos e progresos socioeconómicos que impulsaron ás pequenas aldeas orixinarias a se uniren en entidades de maior tamaño. Este proceso, chamado synoikismos (συνοικισμóς -"cohabitación", "compartir o oikos", a "casa"-), deu lugar ao nacemento das poles. Ao mesmo tempo, establecíanse lugares de culto relixioso, compartidos por comunidades moito máis afastadas entre si, mediante anfictionía (αμφικτιονία -"construír xuntos"-); o que foi conformando prácticas políticas para todo tipo de relacións, pacíficas e hostís, como a simmachia (συμμαχια -"loitar xuntos"-), a koinón (κοινόν -"común"-, traducido habitualmente como "liga"), a hexemonía (ἡγεμονία), o equilibrio de potencias, a política de bloques etc.

Paralelamente, a presión demográfica e a prosperidade económica mal repartida provocaron unha conflitividade social que tivo, basicamente, dúas válvulas de escape: a colonización do Mediterráneo e as reformas socio-políticas internas protagonizadas por lexisladores e tiranos.

Tras séculos de esquecemento da escritura lineal micénica, os gregos volveron ser un pobo histórico ao adoptar o alfabeto fenicio e adaptalo ao seu idioma co alfabeto grego, cuxos primeiros testemuños aparecen cara ao -740 (Copa de Néstor, Inscrición do Dipilon). A partir de poesía oral que ten as súas raíces en séculos anteriores, nesta época compuxéronse por escrito as principais creacións da literatura grega: os dous poemas homéricos, a Ilíada e a Odisea (cuxa autoría e situación temporal foron obxecto de debate dende a Antigüidade, e aínda o seguen a ser), que fixaron os mitos ancestrais dos heroes da Idade de Bronce, en textos que non se remataron de canonizar ata o século -VI (probabelmente por iniciativa de Pisístrato) e cuxa difusión foi crucial para a conformación da civilización grega no seu conxunto, e para a pervivencia desta na civilización occidental.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.