Cimento

O cimento ou alicerce, termos usualmente empregados en plural, ou cimentación ou fundación, é o conxunto das estruturas utilizadas para transmitiren as cargas da construcións ao solo. Debido a que a resistencia do chan é, xeralmente, menor que os piares ou muros que soportará, a área de contacto entre o terreo e a cimentación será proporcionalmente máis grande que os elementos soportados (agás en solos rochosos moi coherentes).

Os cimentos son importantes, pois son o grupo de elementos que soportan a superestrutura, para o cal se emprega a chamada zapata de cimentación, que divide as cargas da edificación en partes iguais de xeito que ningunha exceda a outra.

Mock foundations for House and Apartment
Cimentos superficiais nunha casa e profundos nun rañaceos.

Tipos de cimentación

A elección do tipo de alicerces depende especialmente das características mecánicas do terreo, como a súa cohesión, o seu ángulo de rozamento interno, posición do nivel freático e tamén da magnitude das cargas existentes. A partir de todos estes datos calcúlase a capacidade portante, que, dependendo da homoxeneidade do terreo, úsase un ou outro tipo diferente de cimentación. Sempre que sexa posible, empréganse cimentos superficiais, xa que son menos custosos e máis simple de executar.

Cimentos superficiais

Tecnicamente, os cimentos superficiais, rasos ou directos son aqueles en que a profundidade de escavación está a pouca distancia da base do edificio, sendo máis empregadas en casos de cargas leves, como residencias, ou no caso de solo firme. A viga de cimentación (baldrame) é o tipo máis simple de cimento superficial. É unha viga, que pode ser de albanelaría, de formigón ou formigón armado construída directamente no solo, dentro dun pequeno foxo. Outro tipo de cimento superficial é a zapata, que pode ser do tipo illada, corrida ou centrada.

  • Zapatas illadas: soportan piares illados que poden ser interiores, medianeiros ou de esquina
  • Zapatas combinadas: dous piares contiguos.
  • Zapatas corridas: conxunto de tres piares ou máis ou muros.
  • Pozos de cimentación: buratos para piares illados.
  • Vigas de cimentación: integran de xeito linear varios piares ou un muro.
  • Emparrillados: vigas de cimentación, en xeral, en retícula.
  • Placas de cimentación.

Cimentos profundos

Os cimentos profundos son máis utilizadas en casos de edificios altos en que os esforzos do vento se tornan considerábeis, ou nos casos en que o solo só atinxe a resistencia desexada en grandes profundidades. Os tipos máis comúns de cimento profundo son as estacas cónicas e as estacas flotantes. As estacas, conforme o material de que son constituídas, poden ser: de madeira, metálicas, formigón armado ou premoldadas.

Academia (institución)

O termo Academia (do latín academia, e este á súa vez do grego Ἀκαδήμεια akadémeia) no sentido máis estrito refírese á Academia de Atenas fundada, na Grecia antiga, por Platón. Debe o seu nome a un heroe lendario da mitoloxía grega, Academo.

Estaba situada nos arredores de Atenas, ó nordeste, nuns terreos adquiridos por Platón ó redor do 384 a. C. No devandito lugar atopábase un oliveiral, un parque e un ximnasio. A instrución alí impartida incluía matemáticas, dialéctica e ciencias naturais. A Academia platónica existiu até o ano 529 cando o emperador bizantino Xustiniano I ordenou a súa clausura xunto coas outras escolas gregas, por ser consideradas pagás. Actualmente, os restos das instalacións da Academia forman un conxunto arqueolóxico situado no barrio de Kolonos, a media hora do centro de Atenas.

A palabra academia designaba na súa orixe un corpo de profesores, unha escola onde se profesaba un ramo de ensino, especialmente do que se chama facultade maior. Por iso ó fundar as universidades, reunindo todas ou gran parte das facultades, denomináronse academias, nome que aínda se conserva en latín. En tempo de Augusto César, líanse composicións poéticas polos propios autores en asembleas ou xuntas privadas onde só eran admitidos homes doctos capaces de censuralas. O mesmo Augusto adoitaba recitar as súas composicións en tales xuntas e escoitaba cortés e pacientemente non só ós que nelas recitaban poesías senón tamén oracións e diálogos. Estes e outros testemuños que nos conserva a historia acreditan a reunión dos homes entendidos con obxecto de cultivar as letras e as ciencias en tempo dos romanos. Carlomagno, a solicitude do seu mestre Alcuíno, promoveu unha reunión de amigos do mesmo monarca os cales cultivaban a gramática, a historia, a retórica, e as matemáticas. No século seguinte fundou Alfredo en Oxford outra sociedade ou academia que como a dos árabes en Granada e Córdoba, era máis ben unha escola, que serviu de base para a universidade erixida no mesmo punto. Pero estas sociedades non poden considerarse como academias no sentido común da palabra, segundo as noticias que chegaron até nós.No Renacemento fundouse a academia platónica florentina (1440, Cosme I de Médici, Marsilio Ficino, Pico della Mirandola etc.). A partir dela difundiuse a idea de academia como institución cultural onde, fóra do ámbito da universidade medieval, que quedara anquilosada na escolástica, posibilitábase o contacto e intercambio de ideas entre a multiplicidade de disciplinas intelectuais que englobaba o novo concepto de humanista (filólogos, poetas, artistas, científicos, condicións que moitas veces coincidían na mesma persoa). Foron esenciais para o inicio da modernidade que levou á revolución científica do século XVII: a Academia Linceana en Roma (Federico Cesi, 1601-1630), a Accademia do Cimento en Florencia (Evangelista Torricelli, Giovanni Borelli, 1657-1667 -cimento significa "experimento", e o seu lema era Probando e reprobando), a Royal Society inglesa (1660), a Academia das Ciencias francesa en París (1666) (estas dúas últimas representaban dous modelos de organización alternativos: mentres que a inglesa era un club privado cuxos membros pagaban cotas, a francesa era unha institución pública a soldo do Estado); e a Academia da Arcadia (1690) en Roma. A actividade de Leibniz promoveu a creación de academias científicas en Berlín, San Petersburgo, Dresde e Viena.Na España do Século de Ouro floreceron numerosas academias literarias, e outras científicas, como a Academia de Matemáticas de Madrid ou Academia Real Matemática (1582) e a Real Academia de Medicamento y Cirugía de Sevilla (1693) e artísticas, como a Academia de San Lucas (1603-1626). Até tal punto a fundación de academias chegou a difundirse, que Miguel de Cervantes búrlase diso cos ficticios académicos de Argamasilla que aparecen en O Quixote.

A partir da Idade Contemporánea, o termo academia, úsase, en termos xenéricos, como sinónimo de mundo intelectual, sobre todo para referirse ó universitario (que volveu a ocupar un lugar central na ciencia e a cultura). En termos específicos, designa ás sociedades científicas, literarias ou artísticas establecidas con patrocinio privado ou público. O seu rol como institución é o fomento dunha actividade cultural (literatura, lingua,música, danza) ou científica (promoción dunha ciencia ou algunha especialidade determinada). Nalgúns países, dáse o nome de academia a institucións educativas de moi distinto nivel (desde o ensino secundario até diversos ensinos técnicos, incluíndo as academias militares). O termo académico aplicado a persoas, en cambio, adoita reservarse para os membros de institucións de elite (en Francia, a Academia Francesa, en España, as Reais Academias, en Inglaterra a Royal Academy e a British Academy, na antiga URSS a Academia das Ciencias da Unión Soviética etc.).

Antonio Vivaldi

Antonio Lucio Vivaldi, nado en Venecia o 4 de marzo de 1678 e finado en Viena o 28 de xullo de 1741, foi un sacerdote e compositor véneto, coñecido como Il Prete Rosso (O Padre Roibo) por causa da súa cor de cabelo. Entre as súas obras destaca pola súa popularidade a Sinfonía nº 8, o que se coñece como as Catro estacións: Primavera, Verán, Outono e Inverno. Escribiu máis de 500 concertos (210 para violín ou violoncello só), 46 óperas, 73 sonatas.

Ara Pacis

A Ara Pacis é un monumento conmemorativo construído entre o 13 e o 9 a. C. por decisión do Senado Romano, en acción de grazas polo regreso do emperador Augusto tralas súas vitoriosas campañas en Hispania e na Galia e pola paz que este impuxo. Está dedicado á deusa da Paz e erguido, no Campo de Marte, onde cada ano debíanse sacrificar un carneiro e dous bois. O material utilizado é mármore de Carrara. Ten unha planta rectangular cunhas dimensións de 11 x 10 x 4’60 metros e non está cuberto. Presenta dúas portas: unha frontal para o sacerdote oficiante, precedida dunha escalinata, e outra posterior para as vítimas; estas portas estaban orixinalmente orientadas ó este e ó oeste. No seu interior o centro está ocupado pola ara, propiamenta dita, que se asenta sobre un pedestal escalonado.

O máis destacado é a decoración escultórica que recobre o edificio. No interior o friso esta ocupado por grilandas e bucráneos. No interior os zócolos recóbrense de follas de acanto. Os frisos exteriores teñen distinta decoración segundo a súa localización: flanqueando as portas catro alegorías, e nos muros laterais dúas procesións. As alegorías están relacionadas coa mítica fundación de Roma. Dos catro orixinais só dous conserváronse case completos; un destes representa a Eneas e o outro (o mellor conservado) á Terra, como unha muller con dous nenos, flanqueada polos xenios fertilizantes do Aire sobre un cisne e da Auga sobre un monstro mariño; todo iso acompañado de froitos e animais que fan alusión á prosperidade proporcionada pola Paz de Augusto.

A procesión dos frisos laterais representa a Augusto, a súa familia, amigos, maxistrados e senadores, compoñendo un magnífico conxunto de retratos que, non obstante, deixa entrever unha forte influencia das Panateneas do Partenón, se ben os personaxes desfilan en dúas ringleiras con máis orde e disciplina que no templo ático. Combínanse altorrelevos con medio e baixorelevos, que contribúen a crear sensación de profundidade.

Encontrámonos ante unha obra que combina os elementos de orixe grego e helenístico (a influencia de de Fidias, as alegorías e elementos decorativos helenísticos) co realismo e a sobriedade características da tradición romana do retrato, e representando pola súa calidade o punto máis alto xamais alcanzado na arte dos relevos.

Os seus restos foron reutilizados no cimento do palacio de Humberto I. En 1903 realizáronse as primeiras escavacións sistemáticas completadas entre 1937 e 1938, coa reconstrución do edificio.

O altar estaba localizado orixinalmente no Campo de Marte. Benito Mussolini construíulle un edificio protector coa intención de crear un parque dedicado a Roma como exemplo do Fascismo Italiano.

Richard Meier, arquitecto americano modernista, deseñou hai uns meses un novo edifcio que substitúe ó de Mussolini. Esta nova construción provocou unha gran polémica e foi moi criticada.

As catro estacións

As catro estacións (en italiano: Le quattro Stagioni) é un conxunto de 4 concertos para violín do compositor barroco Antonio Vivaldi. Compúxoas en 1723, e é a obra máis coñecida de Vivaldi e, tamén, unha das máis popularizadas de toda a música clásica.

Os concertos publicáronse en 1725 formando parte dun conxunto de doce concertos, op. 8, co título Il Cimento dell'armonia e dell'inventione. Os primeiros catro concertos chamáronse Le quattro stagioni e fan referencia a cada unha das estacións do ano. Cada concerto segue a estrutura de tres movementos, cun movemento lento central (lento, adagio, largo), no medio de dous movementos rápidos (allegro, presto, etc.).

Azores

Os Azores, oficialmente Rexión Autónoma dos Azores (en portugués Açores ou Região Autónoma dos Açores) , son un territorio da República Portuguesa, sito no Atlántico nordés, dotado de autonomía política e administrativa a través do Estatuto Político-Administrativo da Rexión Autónoma dos Azores. Os Azores integran a Unión Europea co estatuto de rexión ultraperiférica do territorio da Unión, conforme o establecido no artigo 299.º-2 do Tratado da Unión Europea.

Ciclo Kalina

O ciclo Kalina é un ciclo termodinámico para a conversión de enerxía térmica en forza mecánica, optimizado para uso con fontes térmicas que estean nunha temperatura relativamente baixa en comparación coa temperatura do disipador de calor (ou o ambiente). O ciclo utiliza un fluído de traballo con polo menos dous compoñentes (xeralmente auga e amoníaco) e unha relación entre eses compoñentes é variábel en diferentes partes do sistema para aumentar a reversibilidade termodinámica e, polo tanto, o aumento global da eficiencia termodinámica. Existen diversas variantes dos sistemas de ciclo Kalina especificamente aplicábeis para diferentes tipos de fontes de calor. Téñense construído varias centrais eléctricas experimentais usando o concepto de ciclo Kalina, incluíndo sistemas de coxeración xunto a unidades de produción de determinados materiais, como por exemplo, a produción de cemento.

Crise dos mísiles de Cuba

A crise dos mísiles en Cuba é como se denomina ao conflito entre a Unión Soviética e os Estados Unidos a finais de 1962, e é unha das maiores crises entre ambas as potencias durante a guerra fría.

Domiciano

Titus Flavius Domitianus (24 de outubro de 51 - 18 de setembro de 96) foi un emperador romano.

A desaparición prematura de Tito deu o poder ao seu irmán menor Domiciano, quen non tardou en rebelarse contra aquel. Como gobernante e administrador mostrouse moi capaz, pero no persoal caracterizouse pola súa desmesurada ambición e por un autoritarismo extremo.

Sucumbiu á tentación de instaurar unha monarquía absoluta, relegando o Senado, utilizando a súa condición de censor perpetuo para mantelo afastado e controlado estreitamente, en beneficio dun consello imperial que manexaba ao seu antollo. Esixiu a súa proclamación divina e que se lle rendesen os honores correspondentes.

Estes e outros aspectos negativos da excesiva concentración do poder, como as confiscacións arbitrarias e a lixeireza como se ditaban as condenas a morte, tiveron a súa contrapartida na mellora da xestión gobernamental.

Domiciano foi un déspota, pero non se deu os excesos de Calígula ou Nerón, senón que gastou as súas enerxías na acción política. Gañou en eficacia administrativa e medrou a presenza dos ecuestres no aparello burocrático, promoveu o retorno ás tradicións romanas, opoñéndose aos cultos de orixe oriental que estaban a invadir Roma. Puxo especial empeño no reforzamento das fronteiras. A xustiza fíxose máis efectiva e a fiscalización dos gobernadores provinciais fíxose cun maior rigor. Avanzou na romanización e ampliouse o dereito de cidadanía.

Cos problemas fronteirizos, en xeral, prevaleceron as armas romanas. Afianzouse o poder en Britania, levándose a cabo unha notable penetración en Escocia. Castigouse duramente aos catos, pobo xermánico, empurrándoos mais aló do Rin. Reorganizouse a Xermania, dividíndoa en Superior e Inferior a efectos administrativos e militares. Afianzou a presenza romana nos Campos Decumates, mellorando as comunicacións e fortificacións. Derrotou aos dacios, un pobo danubiano, que baixo o seu xefe Decébalo, previamente desfixera un exército romano, e logo concluíu con eles unha paz de circunstancias, debido á presión que exercían os marcomanos.

Pese ao rigor co que gobernou, Domiciano non tivo que facer fronte a rebelións, exceptuada a do gobernador da Xermania Superior, Lucio Antonio Saturnino, rapidamente sufocada. En troques, foi vítima das endémicas conxuras familiares, e na que lle custou a vida interviu a súa propia esposa.

Con el extínguese a dinastía Flavia, cuxos emperadores proporcionaron prosperidade, eficacia administrativa e fortaleza militar, pero cuxa actuación foi creando as condicións para transformar o principado nunha monarquía absoluta. Sexa como for, a obra dos Flavios supuxo un sólido cimento para a fecunda Pax Romana, que se había prolongar cos seguintes emperadores durante case un século.

Economía de Omán

A economía de Omán mellorou significativamente dende 1999 co aumento do prezo do petróleo. Con todo, debido á disminución das reservas, o país desenvolveu plans que buscan diversificar a súa economía, atraer industrias e privatizar actividades, con vistas a diminuír a súa dependencia do petróleo a só 9% do PIB o ano 2020. O turismo e as industrias alimentadas polo gas natural son os compoñentes principais da estratexia de diversificación do goberno. Ao adoptar técnicas de aumento da produtividade na extración, o país conseguiu aumentar a súa produción en 2009, gañando máis tempo para as súas estratexias de diversificación. O goberno prosegue coas privatizacións de servizos públicos e coa creación de leis comerciais que faciliten o investimento externo e organizen o orzamento do país.

Economía de Uganda

Uganda ten importantes recursos naturais, que inclúen terras férteis, chuvias regulares e depósitos minerais de cobre e cobalto. A agricultura é o principal sector da economía e emprega uns 80% da forza de traballo. O café é o principal produto agrícola exportado.

Ettore Majorana

Ettore Majorana, nado en Catania, Sicilia, o 5 de agosto de 1906, e presumiblemente finado despois de 1959, foi un físico italiano coñecido sobre todo polos seus traballos en física de partículas e en particular, nas aplicacións da teoría do neutrino. A súa repentina e misteriosa desaparición na primavera de 1938 deu lugar a moitas especulacións sobre un posible suicidio no mar Tirreno ou sobre unha desaparición voluntaria.

Hecatompedón

O Hecatompedón, Antigo Partenón o Pre-Partenón (grego antigo: ἑκατόμπεδος, do ἑκατόν, "centos" e πούς, "pous" (unidade de lonxitude da Grecia antiga), tamén coñecido como Ur-Parthenon e H-Architektur, foi un antigo templo grego na Acrópole de Atenas, constitúe o primeiro intento por edificar un santuario para Atenea Parthenos no lugar onde se atopa o actual Partenón (Atenas, Grecia).

Lusofonía

Enténdese por lusofonía o intersistema cultural que agrupa as comunidades que comparten como norma sistémica a lingua portuguesa, así como aquelas que se identifican como pertencentes (ou que aspiran a pertencer) a ese conxunto. Así, na lusofonía converxen territorios e comunidades unidos por lazos históricos e por canles de identidade que teñen un vínculo forte e común, a lingua portuguesa, coas súas diversas posibilidades de realización e de actualización.

Mato Groso do Sur

Mato Groso do Sur (en portugués, Mato Grosso do Sul) é un estado brasileiro localizado ó sur da rexión Centro-Oeste. Ten como límites: Mato Groso ó norte, Goiás ó nordeste, Minas Xerais e São Paulo ó leste, Paraná ó sueste, o Paraguai ó sur e suroeste, e Bolivia ao oeste. Ocupa unha superficie de 358.158,7 km². A capital é a cidade de Campo Grande. Outras cidades importantes son: Dourados, Corumbá e Três Lagoas.

O ecosistema do Pantanal ocupa o extremo oeste do Estado; as planicies ocupan o noroeste; e as mesetas con escarpados das Serra da Bodoquena, o este. Os ríos Paraguai, río Paraná, Paranaíba, Miranda, Aquidauana, Taquiri, Negro, Apa e Correntes son os ríos principais.

Muro de contención

Chámaselle muro de contención a un tipo estrutura de contención ríxida destinada a reter algún material, xeralmente terras. Son en xeral elementos autoestables, que non se unen a unha estrutura nin colaboran nin reciben colaboración. Están calculados para que resistan por si mesmos as solicitacións ás que van ser sometidos.

Nikola Tesla

Nikola Tesla (en cirílico serbio: Никола Тесла), nado en Smiljan Imperio austrohúngaro (hoxe en día Croacia) o 10 de xullo de 1856 e finado en Nova York o 17 de xaneiro de 1943, foi un físico, matemático, inventor, e enxeñeiro eléctrico serbio estadounidense e o promotor máis importante do nacemento da electricidade comercial. Coñécese, sobre todo, polas súas numerosas e revolucionarias invencións no campo do electromagnetismo, desenvolvidas a finais do século XIX e principios do século XX. As patentes de Tesla e o seu traballo teórico formaron as bases dos sistemas modernos de potencia eléctrica por corrente alterna (CA), incluíndo o sistema polifásico de distribución eléctrica hoxe en día chamado sistema trifásico e o motor de corrente alterna, que tanto contribuíron ao nacemento da Segunda revolución industrial.

Tesla era etnicamente serbio xa que naceu na vila de Smiljan (hoxe en día en Croacia), no entón Imperio austrohúngaro (aínda que algúns académicos romaneses afirman que era istroromanés).

Era cidadán do imperio austríaco por nacemento e máis tarde converteuse en cidadán estadounidense. Trala súa demostración de comunicación sen fíos por medio de ondas de radio en 1894 e logo da súa vitoria na guerra das correntes, foi amplamente recoñecido como un dos máis grandes enxeñeiros eléctricos dos Estados Unidos de América. Gran parte do seu traballo inicial foi pioneiro na enxeñaría eléctrica moderna e moitos dos seus descubrimentos foron de suma importancia. Durante este período nos Estados Unidos a fama de Tesla rivalizaba coa de calquera inventor ou científico na historia ou a cultura popular, pero debido á súa personalidade excéntrica e ás súas afirmacións aparentemente incribles e algunhas veces case inverosímiles, acerca do posible desenvolvemento de innovacións científicas e tecnolóxicas, Tesla foi finalmente relegado ao ostracismo e considerado un científico tolo. Tesla nunca prestou moita atención ás súas finanzas. Dise que morreu empobrecido á idade de 86 anos.A unidade de medida do campo magnético B do Sistema Internacional de Unidades (tamén denominado densidade de fluxo magnético e indución magnética), o Tesla, foi chamado así no seu honor na Conférence Générale des Poids et Mesures (París, en 1960), como tamén o efecto Tesla de transmisión sen fíos de enerxía a dispositivos electrónicos (que Tesla demostrou a pequena escala coa lámpada incandescente en 1893), o cal pretendía usar para a transmisión intercontinental de enerxía a escala industrial no seu proxecto inconcluso, a Wardenclyffe Tower (Torre de Wardenclyffe).Separadamente do seu traballo en electromagnetismo e enxeñaría electromecánica, Tesla contribuíu en diferente medida ao desenvolvemento da robótica, o control remoto, o radar, as ciencias da computación, a balística, a física nuclear, e a física teórica. En 1943, o Tribunal Supremo dos Estados Unidos de América acreditouno como o inventor da radio. Algúns dos seus logros foron usados, non sen controversia, para xustificar varias pseudociencias, teorías sobre OVNIS e sobre antigravidade, así como o ocultismo da New age e teorías sobre a teletransportación.

Pieter van Musschenbroek

Pieter van Musschenbroek, nado o 14 de marzo de 1692 en Leiden e finado o 19 de setembro de 1761, foi un médico, astrónomo, matemático, filósofo e físico holandés coñecido pola súa contribución á invención da coñecida como botella de Leiden que se pode considerar como a precursora dos actuais condensadores.

Relatividade xeral

En física, a relatividade xeral é a xeneralización, publicada en 1915 por Albert Einstein, da Teoría da gravitación de Newton. Esta nova teoría, tendo en conta as ideas descubertas na relatividade restricta sobre o espazo e o tempo, propón a xeneralización do principio da relatividade do movemento de referenciais en movemento uniforme para a relatividade do movemento mesmo entre referenciais en movemento acelerado. Esta xeneralización ten implicacións profundas no coñecemento do espazo-tempo, levando entre outras conclusións á de que a materia (enerxía) curva o espazo e mailo tempo ao redor seu. É dicir, a gravitación é un efecto da xeometría do espazo-tempo.

Moitas previsións da relatividade xeral difiren significativamente das da física clásica, especialmente no que respecta ao paso do tempo, a xeometria do espazo, o movemento dos corpos en caída libre, e a propagación da luz. Exemplos desas diferenzas son a dilatación gravitacional do tempo, o desvío gravitacional para o vermello da luz, e o tempo de atraso gravitacional. As previsións da relatividade xeral foron confirmadas en todas as observacións e experimentos feitos até o presente. Porén a relatividade xeral non é a única teoría relativística da gravidade, pero é a máis simple das teorías que son consistentes cos datos experimentais. Mentres, hai cuestións aínda sen resposta, sendo a máis fundamental delas o explicar como a relatividade xeral pode ser conciliada coas leis da física cuántica para producir unha teoría completa e autoconsistente da gravitación cuántica.

A teoría de Einstein ten importantes implicacións astrofísicas. Apunta á existencia de buracos negros - rexións do espazo onde o espazo e o tempo son distorsionados de tal forma que nada, nin mesmo a luz, pode escapar - como un estado final para as estrelas macizas. Hai evidencias de que eses buracos negros estelares, como outras variedades macizas de buracos negros, son responsábeis da intensa radiación emitida por certos tipos de obxectos astronómicos, como núcleos activos de galáxias ou microquásares. O desvío da luz pola gravidade pode levar ao fenómeno de lente gravitacional, onde varias imáxenes do mesmo obxecto astronómico distante son visíbeis no ceo. A relatividade xeral tamén prevé a existencia de ondas gravitacionais, que xa foran medidas indirectamente; unha medida directa é o obxectivo dalgúns proxectos, como o LIGO. Alén diso, a relatividade xeral é a base dos actuais modelos cosmolóxicos dun universo sempre en expansión.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.