Ciencia política

A ciencia política (menos frecuentemente chamada tamén politicoloxía) é a ciencia social que estuda empiricamente a política nas súas diversas dimensións. Polo tanto, o estudo da política é o observable, non está referido ó que debería ser a política como tipo ideal ou conduta desexada: ese papel cúmpreo a filosofía política. Tampouco é o estudo dos elementos formais da política como o son as leis, a súa formación e as súas intencións, tarefa da xurisprudencia. A ciencia política ten en conta o comportamento político efectivo e observable das persoas e as sociedades.

O termo "ciencia política" foi alcuñado en 1880 por Herbert Baxter Adams, profesor de historia da Universidade Johns Hopkins, aínda que o seu desenvolvemento como disciplina científica é posterior á segunda guerra mundial, antes de dito período asociábase ó estudo da xurisprudencia e a filosofía política.

As principais áreas de análise da ciencia política son:

  • as relacións de poder e as características do seu exercicio
  • a autoridade e a súa lexitimidade
  • as políticas públicas
  • os estudos de xénero
  • a xestión pública
  • as institucións do Estado
  • os sistemas políticos
  • os partidos políticos e sistemas electorais
  • o ordenamento da acción colectiva

Os máis importantes temas ou tópicos da ciencia política son o poder, as institucións do Estado e tamén as institucións Económicas non estatais, principalmente nun Estado de Benestar ou Neoliberal. De feito un tratado de política é pura socioloxía política.

As principais autoras e autores no desenvolvemento científico da ciencia política son:

A punta de lanza da politicoloxía galega está representada por Ramón Máiz Suárez, en menor medida por Xosé Luís Barreiro Rivas, ou a revista Tempo Exterior[1] editada polo IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).

En Galiza existe unicamente a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais na Universidade de Santiago de Compostela, onde se estuda o Grao en Ciencias Políticas e da Administración.

Santi di Tito - Niccolo Machiavelli's portrait headcrop
Maquiavelo, un dos pais da ciencia política.

Concepto de política

O termo política non deixa de ser un termo controvertido e contraditorio, caracterizado por múltiples significados, positivos e negativos.

Existen dous tipos de definición de política, Maquiavélicas, que salientan o poder e se relacionan cos aspectos negativos da política, e as Aristotélicas que se centran na lexitimidade, sendo estas as acepcións que se relacionan cos aspectos positivos da política. Todas as definicións de política parten dunha destas dúas vertentes:

Acepcións Maquiavelicas: asócianse con termos como poder e conflito. A política como unha actividade conflitiva ou incluso inmoral. O conflito predomina sobre a cooperación. Nestas acepcións vinculase política, conflito e poder. Sendo entón a ciencia política a ciencia que estuda as relación de poder.

As acepcións Aristotelicas: estas están asociadas ao ben común, “a arte de facer felices os pobos” a cooperación. A política é unha actividade que nos converte en seres humanos” porque nos leva a empregar a palabra para tratar aquilo que nos afecta.

Vallés mestura as dúas vertentes dándolle tanto o valor de poder como o da lexitimidade. Lexitimidade e forza son as dúas caras do poder, a máis lexitimidade, menos forza; a menos lexitimidade máis forza para exercer o poder.

Vallés define a política como unha actividade, unha práctica colectiva, que realizan os membros dunha comunidade para regular os conflitos entre grupos cuxo resultado é a adopción de decisións entre grupos e a adopción de decisións que obriguen (pola forza se fose necesario) aos membros.

Por tanto falaremos de política sempre e cando haxa unha organización e un conflito ao que se lle busca unha solución gobernamental que atinxa a unha comunidade humana.

As académicas falan de tres dimensións da política, a saber, a política como estrutura, política como proceso e política como resultado.

Notas

  1. Tempo Exterior
Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Activismo

O activismo e a actividade a favor dunha doutrina ou organización que implique un cambio social ou político.

O termo apareceu pola primeira vez na prensa belga en 1916 para facer referencia ó movemento nacionalista flamengo.

O activismo pode consistir en realizar múltiples tarefas como escribir cartas ós xornais, poñer mensaxes en foros de internet, participar en campañas políticas, boicots, manifestacións ou folgas e mesmo nalgúns casos tode asumir tácticas de guerrilla, o que pode levar a que sexa considerado terrorista por uns e liberador por outros.

En especial, o activismo de carácter relixioso, feminista ou ecoloxista pode tratar de convencer á xente para cambiar os seus hábitos no canto de dirixirse ós gobernos.

Autogoberno

Para outros usos deste termo, véxase Autonomía.O autogoberno é a autonomía dunha xurisdición que se rexe a si mesma, en que ningún poder externo ten autoridade sobre esta. O autogoberno constitúe unha forma de soberanía. En Dereito, o autogoberno pode referirse a nacións, cidades e outras entidades no dereito público e a asociacións no dereito privado.

En filosofía política, cando o termo autogoberno é usado para referirse a unha nación ou democracia adoita intercambiarse co de autodeterminación ou soberanía nacional. En cambio, cando o termo se refire ao proxecto político do anarquismo fai mención da orde legal voluntaria, dunha sociedade sen Estado, baseado na soberanía individual.

Bicameralismo

A bicameralidade é a práctica de ter dous cámaras lexislativas. Nese senso, un parlamento bicameral é un parlamento ou congreso que posúe dous cámaras: unha Cámara baixa, xeralmente denominada Cámara dos Deputados, e unha Cámara alta, habitualmente chamada Senado.

Guerra

Unha guerra no seu sentido estritamente técnico, é aquel conflito social en que dous o máis grupos humanos relativamente masivos, principalmente tribos, sociedades ou nacións, se enfrontan de maneira violenta mediante o uso de armas de todo tipo, en moitas ocasións con resultado de morte (individual ou colectiva) e danos materiais dunha entidade considerable.A guerra é a forma de conflito socio-político máis grave. É quizais a máis antiga das relacións internacionais e xa no comezo das civilizacións se constata o enfrontamento organizado de grupos humanos co propósito de controlar recursos naturais ou humanos (conflitos entre cazadores nómades e recolectores sedentarios que desenvolveron o concepto de propiedade), esixir un desarme ou impor algún tipo de tributo, ideoloxía ou relixión, sometendo, despoxando e no seu caso destruíndo o inimigo, no que se podía chegar ao xenocidio. Este tipo de conduta gregaria é extensible á maior parte dos homínidos e atópase estreitamente relacionado co concepto etolóxico de territorialidade.

As guerras prodúcense por múltiples causas, entre as que adoitan estar o mantemento ou o cambio de relacións de poder, dirimir disputas económicas, ideolóxicas, territoriais etc. En ciencia política e relacións internacionais, a guerra é un instrumento político, ao servizo dun estado ou outra organización con fins eminentemente políticos, xa que en caso contrario constituiría unha forma máis desorganizada aínda que igualmente violenta: o bandoleirismo por terra ou a pirataría por mar.

Segundo Richard Holmes, a guerra é unha experiencia universal que comparten todos os países e todas as culturas. Segundo Sun Tzu, «a guerra é o maior conflito de estado, a base da vida e a morte, o Tao da supervivencia e a extinción. Polo tanto, é imperativo estudala profundamente». Segundo Karl von Clausewitz, a guerra é «a continuación da política por outros medios».As regras da guerra, e a existencia mesma destas, variaron moito ao longo da historia. O concepto de quen son os combatentes tamén varía co grao de organización das sociedades enfrontadas. As dúas posibilidades máis frecuentes son civís sacados da poboación xeral, xeralmente varóns novos, en caso de conflito, ou soldados profesionais formando exércitos permanentes. Tamén pode haber voluntarios e mercenarios. A combinacións de varios ou de todos estes tipos de militares son así mesmo frecuentes.

As formas de facer unha guerra dependen dos propósitos dos combatentes. Por exemplo, nas guerras romanas, que tiñan como obxectivo expandir o imperio, o obxectivo militar principal eran os combatentes da nación que se ía conquistar, para incorporar o pobo unha vez conquistado ao imperio.

En ocasións faise distinción entre conflitos armados e guerras. De acordo con este punto de vista, un conflito só sería unha guerra se os belixerantes fixeron unha declaración formal da mesma. Nunha concepción da doutrina militar dos Estados Unidos non se fai distinción ningunha, referíndose aos conflitos armados como guerras de cuarta xeración.

Entre o final da segunda guerra mundial e o ano 2010 houbo 246 enfrontamentos armados en 151 lugares do mundo.

Humanismo renacentista

O Humanismo é unha manifestación ideolóxica e artística do Renacemento.

Os homes do Renacemento traballaron arreo no estudo das obras da antigüidade, explorando ruínas, salvando da destrución importantes manuscritos e relendo os exemplares que chegaron a Italia dende Constantinopla trala súa caída. Estes estudosos recibiron a protección de príncipes e Pontífices que estimularon as súas investigacións.

O estudo dunha cultura xurdida con antelación e á marxe da Igrexa fixo que no pensamento renacentista deixara de xirar en torno a Deus, como pasaba na Idade Media, para centrarse no Home e estima-los valores humanos: literatura, arte, ciencia, política. De aí o seu nome: Humanismo.

A exaltación destes valores e os descubrimentos xeográficos (España e Portugal) e técnicos crearon o orgullo e individualismo do home renacentista.

O Humanismo tivo, sobre todo, un carácter literario.

Independencia

A independencia, termos políticos, é a situación dun país que detenta e goza, ademais do dereito de autodeterminación, o de soberanía.

Instituto de Estudos Políticos de París

O Instituto de Estudos Políticos de París (en francés Institut d'études politiques de Paris) tamén coñecido polo nome de Sciences Po Paris, é unha escola de negocios con vocación internacional, con campus propios en París.

Esta institución, fundada en 1872, é famoso polos seus graos en ciencia política, administración, economía, xeopolítica, ciencias sociais e humanas.

François Hollande, presidente da República Francesa gradouse nesta institución. En canto aos docentes de sona, cabe destacar a Pierre George, xeógrafo.

Partido político

Un partido político é unha organización política que ten unha ideoloxía determinada ou persegue un fin determinado. Os partidos políticos forman unidades organizativas e nunha democracia recoñéceselles o dereito a participar nos comicios electorais por medio da presentación de candidatos.

Política

Política (do latín politĭcus, e este do grego antigo πολιτικός politikós, masculino de πολιτική politikḗ, que significa «de, para o relacionado cos cidadáns») é a teoría, arte ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade, o cal implica un proceso ou actividade de toma de decisións que se aplican a todos os membros dun grupo para a consecución duns obxectivos orientados ao ben común. A ciencia política constitúe unha rama das ciencias sociais que se ocupa da actividade dunha sociedade, composta por cidadáns libres, para resolver os problemas que lle plantea a súa convivencia colectiva

Protectorado

Denomínase protectorado á soberanía parcial que un Estado exerce, especialmente no referido ás relacións exteriores, nun territorio que non foi incorporado plenamente ao da súa nación e no cal existen autoridades autóctonas propias.

Como exemplo, podemos citar o protectorado que no seu día exerceron España e Francia sobre Marrocos, onde a autoridade sobre a poboación nativa era exercida polo Sultán, existindo forzas militares e policiais autóctonas, pero tuteladas polos exércitos dos países protectores.

Os gobernos destes países estaban representados, no caso da zona controlada por España, polo Alto Comisario, normalmente un xeneral, e no da zona francesa polo Residente Xeral.

Provincia

Unha provincia é un tipo de división administrativa, que confire certas funcións, a nivel administrativo, ó territorio que representa. Tamén se chama provincia ao territorio limitado pola división administrativa antedita.

Este termo utilizase con características diferentes seguindo os países e as épocas históricas. Polo tanto unha provincia abarca realidades de organización territorial diversas.

República

Unha república (do latín: res publica = cousa pública) é unha forma de goberno no que o poder reside no pobo, e o goberno está gobernado por líderes electos en sufraxio universal por un tempo determinado conforme á lei, en lugar de ser herdado ou nomeado (por exemplo, mediante a herdanza ou mandato divino). Nos tempos modernos a definición de república tamén se limita normalmente a un goberno que non ten un monarca ou calquera outra forma hereditaria de xefatura. A miúdo, as monarquías e as repúblicas descríbense como conceptos mutuamente exclusivos. Neste sentido as monarquías constitucionais, aínda que con sistemas electorais democráticos non son repúblicas, dado que o máximo soberano executivo, aínda que con poderes limitados ou soamente cerimoniais, non é elixido democraticamente polo pobo. Ás veces as ditaduras fanse chamar "repúblicas" só para designar que o poder non recae sobre un monarca. Na actualidade, 135 estados dos 206 estados soberanos do mundo utilizan a palabra "república" como parte dos seus nomes oficiais.

Dúas son as diferenzas entre república e monarquía:

Mudanza periódica da xefatura do estado, a través da escolla popular na república, que se contrapón á Monarquía na que o exercicio da xefatura é por tempo indeterminado (ata o falecemento do xefe de Estado ou ata que renuncie).

Escolla directa do xefe de Estado, xa que na monarquía o rei herda a xefatura por liña sucesoria ou por elección pontificia (no caso do Vaticano).O sistema de goberno nunha república pode ser:

Parlamentarismo, cando a xefatura do goberno é exercida por un primeiro ministro. Así, o xefe de Estado ten, moitas das veces, só unha función cerimonial, a de disolver o Parlamento e convocar novas eleccións lexislativas cando hai crises.

Presidencialismo, cando o presidente da república acumula tamén as funcións de xefe de goberno, é dicir, sanciona leis e nomea os demais ministros.A orixe da República está na Roma clásica, cando xurdiron institucións como o Senado. Pasou a ser máis difundida a partir do século XVIII, despois da independencia dos Estados Unidos, que adoptaron a forma republicana de goberno, modelo seguido despois polas novas nacións xurdidas, no século XIX, da independencia da América española (México, Arxentina, Perú etc). En Europa, a difusión do modelo republicano iniciouse coa Revolución Francesa en 1789, en oposición ao absolutismo monárquico da maioría dos países da época. Como exemplo de países europeos que substituíran a monarquía pola república, temos Francia, Portugal, Italia, Austria, Polonia... No século XX, a maioría das antigas colonias europeas que se tornaron países independentes en Asia, África e América adoptaron a república, converténdoa a forma de goberno máis común actualmente.

España tamén tentou adoptar a república, a primeira vez foi en 1873, a segunda e última, na década de 1930. Pero os moitos conflitos ideolóxicos entre os propios partidarios da mesma, tamén cos anarquistas, e entre republicanos, anarquistas e monarquistas, deron como resultado a guerra civil española. (ver texto específico). O saldo do conflito foi o mantemento da monarquía como forma de goberno en España.

Rexencia

A rexencia (do latín regentia) é un período transitorio durante o cal unha personalidade (xeralmente da familia real) exerce o poder en nome do monarca titular xa sexa porque este é demasiado novo ou vello, por ausencia do mesmo, ou pola súa incapacidade para gobernar por si mesmo.

A rexencia cesa cando desaparece a causa que a motivou. A rexencia pode ser individual ou colectiva. Xeralmente exercen a rexencia persoas achegadas á Coroa como o pai ou a nai do rei, tamén o príncipe herdeiro no suposto caso de ausencia ou incapacidade do rei.

Secesión (política)

Unha secesión, do latín secessĭo, -ōnis, 'separación', 'afastamento', é o acto de retirarse dunha organización, unión ou entidade política. Tipicamente hai un forte factor diferencial que motiva a retirada.A secesión pode ser un feito ou un dereito. Como dereito o fenómeno político da secesión require a previa existencia dun Estado Federal ou Confederal, do que forme parte o Estado que manifesta a súa vontade de separarse da unión.

A secesión, como feito, adoita confundirse coa independencia. Pero non é igual. Nas guerras de secesión (como a Guerra de Secesión de Estados Unidos), o decisivo é a vontade que ten un Estado preexistente de separarse da unión con outros Estados, mentres que nas guerras de independencia trátase do nacemento dun novo Estado.

Secretario xeral

O termo secretario xeral ou primeiro secretario é designación utilizada para identificar ao principal xefe ou líder de certas organizacións sindicais, partidos, asociacións nacionais e internacionais ou empresas. Utilízase normalmente para designar o cargo máis importante dentro dunha organización internacional multilateral.

Tamén, pode ser utilizado para denominar ao cargo inmediatamente inferior ao presidente dunha organización.

Soberanía nacional

A soberanía nacional é un concepto ideolóxico que xurdiu da teoría política liberal, que pode remontarse a Locke e Montesquieu (finais do século XVII en Inglaterra, século XVIII en Francia). Fai pertencer a soberanía á nación, unha entidade abstracta e única, vinculada normalmente a un espazo físico (a terra patria o patria), á que pertencen tanto a cidadanía presente como a pasada e futura, e defínese como superior aos individuos que a compoñen.

Traizón

En Dereito, a traizón refírese a un conxunto de crimes que engloban os actos máis extremos en contra do país de cada un.

Familiarmente, a traizón consiste en defraudar a familia, amigos, grupo étnico, relixión, ou outro grupo ao cal poida pertencerse, facendo o contrario ao que os outros esperan. A miúdo, cando se acusa de traidor, tales acusacións son controvertidas e disputadas, cando a persoa non pode identificarse co grupo do cal é membro, ou do contrario está en desacordo cos líderes do grupo que fan o cargo.

Unicameralidade

A Unicameralidade é a práctica de ter un parlamento ou congreso composto dunha soa cámara. Usualmente os países con asembleas unicamerais son pequenos e homoxéneos e consideran unha Cámara alta como innecesaria.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.