Chozos do Suído

Os chozos do Suído[1] son unhas construcións tradicionais senlleiras que se atopan na Serra do Suído e nas serras achegadas coma a Serra do Faro de Avión e que consisten nunha especie de pequenos e sólidos cabaneis de pedra de gneis que usaban os pastores coma vivenda na alta montaña nos meses de estío dende a Idade Media até o século pasado. Seica teñen a súa orixe no século XII[2] e constitúen en conxunto unha unidade de explotación gandeira de montaña.

Chozo de Barcia Covelo
Chozo de Barcia, en Covelo.

Arquitectura

Os chozos son pequenos alpendres dunha peza, de planta xeralmente cadrada (uns 20 m²), sen sollado, e con muros e cuberta en fábrica de cachotaría de gneis (semellante ao granito). O espesor dos muros é considerábel (de 0,6 a 0,8 metros) por mor da grande carga que soportan. Malia seren construcións vernáculas erguéronse nos séculos do románico, e teñen unha clara e singular influencia da arquitectura culta reflectida no uso de rústicos arcos de medio punto (poden ser dende un até tres) para soster unha pesada cuberta a dúas augas arranxada con grandes laxes de gneis recuberta dunha camada de terra e brións para asegurar un illamento no habitáculo. O arco adoita formarse de sete doelas (únicos elementos algo traballados). O saimel fica integrado na parede e arrinca a uns 60 centímetros do chan. As máis das veces os grosos muros de granito teñen contrafortes exteriores para aturar as fortes cargas que xeran os arcos co peso do teito. A porta de entrada é un pequeno oco no muro pinche, e debido ao pesado da construción os vans adoitan reducirse. Non existe referencia da existencia de portas de madeira ou outro elemento que pechara o chozo, aínda que sería o lóxico para manter a calor no interior e protexerse dos posíbeis ataques de lobos. Tamén existe normalmente nos muros laterais unha pequena bufarda que serve de tiro do fume da lareira e deixa entrar as primeiras raiolas de sol ao abrente. No interior é común atopar unha lareira, un forno e fornelas e lacenas. Atópanse a uns 900 metros sobre o nivel do mar, nos lugares máis abeirados das montañas, aproveitando as abas nas vertentes sur para se gorecer dos ventos fríos e húmidos do norte. Arredor dos chozos existen os cortellos (hoxe medio derruídos), cerrumes feitos con valados de pedra para gardar os becerros de cadansúa familia. Preto dos chozos existía tamén un curro ou sobeira non moi grande, feito de cachotería, lousas e grandes bloques pétreos. Xa que están construídos coa pedra do lugar e cunha cuberta vexetal, están totalmente integrados na paisaxe da serra.

Uso

Os chozos do Suído construíronos e eran usados polos pastores dos concellos de Avión, Beariz, A Lama, Fornelos de Montes, Ribadavia e Covelo de xuño a setembro cando se subía o gado para o aproveitamento dos pasteiros (sesteiros) de alta montaña durante o estío. O pastoreo foi nesta zona unha das técnicas de supervivencia máis empregadas. Segundo a época cumpría procurar bos pastos, mais a escaseza de vías de comunicación e as grandes distancias que os pastores percorrían facían que pasaran longas tempadas lonxe do fogar. Cada aldea tiña a súa coutada para o pasto. Os chozos servían de acubillo para facer noite no monte, abeiraban das neves, as treboadas e a choivas; tiñan ademais todo tipo de instalacións como lavadoiros, fontenlas e lareiras formando un grupo humano de varios moradores cunha grande actividade. Na lareira facíase lume para se quentaren e para facer o xantar, tiñan ademais bancos corridos, lacenas e fornelas onde gardar a roupa. O leito arranxábase no chan feito con xestas, toxos e fentos. A temperatura no interior é fresca e agradábel polo illamento das grosas paredes de cachotes e a cuberta de lousas recuberta de carrizas e mofos. Nas lousas exteriores ou nos bloques do interior adoita haber inscricións cos nomes dos pastores que facían gardas no verán.

Chozos existentes en Avión

  • Chozo de San Xusto, o da Fenteira;
  • Chozo de Cernadas, con paredes mestras divisorias;
  • Chozo de San Vicente, un dos maiores;
  • Chozo de Oroso;
  • Chozo de Abelenda, un dos maiores, con tres arcos;
  • Chozo de Mangüeiro ;
  • Chozo de Amiudal;
  • Chozo de Beresmo;
  • Chozo de Campo Larogo.

Recuperación e turismo

Gran parte dos chozos está hoxe en día abandonados, porén algúns foron restaurados polo concello de Avión. Existen diversas rutas de sendeirismo de diferentes dificultades pola serra do Suído para poder contemplar estas construcións, ademais un camiño liga todos os chozos existentes e varios camiños (algúns de laxes de pedra) que leva ás vilas achegadas, onde salienta o camiño comercial medieval do viño, o Camiño do Arrieiro, ruta que ia de Ribadavia a Santiago de Compostela.

Pódense ver os chozos subindo por unha estrada que se atopa en Neva, ou por outra que hai no lugar de Mangüeiro ou indo do Espiñeiro, na parroquia da Amiudal cara á Hedreira. Existen tamén no lugar foxos de lobo. O nacemento do río Avia está á altura dos chozos de Cernadas e San Xusto. Existe unha área de descanso á altura dos Chozos de Carixa e Rodeiro e unha gran fonte de pedra na Chan do Valdohome.

Notas

  1. "Nome empregado polos concello onde se atopan: O chozo é unha construcción en pedra de neis que daba acobillo aos pastores da Serra do Suído". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2015. Consultado o 09 de setembro de 2014.
  2. "Web do Concello de Avión: Dado o seu estilo arquitectónico podería sinalarse a súa orixe nos séculos de difusión do románico (séculos XII e XIII)". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2015. Consultado o 09 de setembro de 2014.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas

Avión

Avión é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Ribeiro. Segundo o IGE a súa poboación no ano 2016 era de 1910 habitantes (1962 en 2015, 2730 no 2006, 2780 no 2005, 2804 no 2004, 2881 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é avionés.

Brandas

Brandas son zonas dos montes altos, onde o gado atopa pastos frescos polo verán. O veceiro (pastor que tiña a quenda) levaba o gado ao monte durante os meses de xuño a setembro. É un termo empregado nas montamas de Ourense (Serra do Xurés) e na parte Portuguesa (Serra do Gerês e Serra do Soajo).

O mesmo que ocorre cos chozos do Suído galegos, nestas zonas os pastores necesitan de construcións de acubillo para o gado e para eles mesmos, polo que no norte de Portugal, especialmente das Serra do Gerês chámanlle brandas aos núcleos habitados temporarais de verán, cuxa orixe se insire nun proceso de transhumancia no que as poboacións se trasladan das súas aldeas de inverno para as zonas máis altas da serra, onde abundan pastos fértiles para alimentar o gado. As brandas son típicas do complexo sistema antigo da transhumanciada das Serras do Soajo e da Peneda-Gerês (e da serra do Xurés ourensá), hoxe integrado no Parque Nacional de Peneda-Gerês.

A aldea onde a familia pasa o inverno chámase inverneira, localizada nun val, en zonas máis baixas. No fin do verán ou principio do outono, as persoas deixan as brandas e baixan á inverneira, onde permanecen até marzo, cando volven subir para as brandas para faceren as sementeiras do centeo e deixar o gado a pastar. Hoxe en día, nas poucas aldeas que manteñen a tradición, as persoas só levan os animais e algúns haberes, ao contrario de antigamente, cando levabam até a moblaxe.

As brandas están formadas polos pastos, valados, curros, cortellos para gado e algunha choza de paredes e cuberta de cachotaría de granito (normalmente con sollado), para as persoas.

Colmado

O colmado (de colmo: palla escollida de centeo ou de trigo usada para cubertas, este do latín culmus, palla de centeo) ou cuberta vexetal é unha cuberta feita de palla de centeo ou trigo que se usa nos palleiros e en certas construcións rústicas. Tamén recibe os nomes de colma, colmazo e colmo.

Constrúense artesanalmente realizando unha cuberta con vexetación seca de diferentes especies vexetais dependendo o tipo, dispoñibilidade ou lugar do mundo, como colmo, palla, carrizas, xuncas, xuncos ou queiroas e colocándoas en camadas, de xeito que a auga se elimine lonxe da cuberta interna. Probabelmente sexa este o material máis antigo que se ten empregado nas cubrición das cubertas, usándose tanto en climas tropicais coma temperados. Algúns construtores de países en vías de desenvolvemento aínda empregan cubertas vexetais, construíndoas normalmente con vexetación da zona e de baixo custo. Pola contra, nalgúns países desenvolvidos (Alemaña, Reino Unido) existe unha demanda deste tipo de cuberta, por parte de cidadáns acomodados que queren dar ao seu fogar un ar rústico.

En Galicia aínda existen mostras de colmados en vivendas das montañas, o caso máis coñecido é o das pallozas, porén as cubertas vexetais foron habituais, especialmente en construcións auxiliares (cabazos, hórreos, alpendres etc) até hai poucos anos. Outra mostra galega do uso de colmados deuse nas vivendas circulares dos castros antes da introdución da tella (tellados) polos romanos. As vivendas circulares (coñecidas en inglés coma roundhouses) déronse en toda a europa atlántica, posibelmente de orixe celta.

Serra do Suído

A serra do Suído é un sistema montañoso galego, que fai de fronteira entre as provincias de Pontevedra e Ourense. Nesta provincia sitúase nos concellos de Avión e Beariz, e nela nace o río Avia, na de Pontevedra espállase polos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.