Chocolate quente

O chocolate quente é unha bebida mesta que se fai desfacendo en leite quente chocolate de facer[1], produto obtido a partir da mestura de cacao, manteiga de cacao, azucre e fariña ou amidón. Pódeselle engadir nata batida e especias doces como canela ou cravo. O chocolate quente é unha bebida tradicional de Galicia[2].

Chocolate espeso
Cuncas de chocolate mesto, como se adoita servir en Galicia.

Historia

Véxase tamén: Chocolate.

As primeiras árbores do cacao (en singular, cacahuaquahitl) medraban de xeito natural nas zonas sombrizas dos matos tropicais das concas dos ríos Amazonas e Orinoco, hai uns 4.000 anos. Os primeiros cultivadores foron ou ben os olmecas, hai tres mil anos, que ocupaban unha área de selvas tropicais ao sur de Veracruz, no golfo de México, ou ben os maias ao norte de Guatemaa. Estes, contra o século IV a. C., varios séculos despois da desaparición dos olmecas, establecéranse nunha vasta rexión ao sur do México actual, que se estende dende a península do Iucatán en América Central ao longo da rexión de Chiapas e a costa de Guatemala no Pacífico. Os maias chamaban á árbore do cacao cacahuaquchtl. O cacao era para eles símbolo de vida e fertilidade.

Os maias crearon unha beberaxe agre feita de sementes de cacao que consumían exclusivamente os reis e os nobres e tamén usada para dar solemnidade a determinados rituais sagrados. Nos seus libros, os maias describen diversas formas de elaborar e perfumar a bebida: máis líquido ou máis mesto, con máis ou menos escuma, con aditivos como chile picante...

O chocolate usábase con fins terapéuticos. Os feiticeiros mais prescribían o consumo de cacao tanto como estimulante como polos seus efectos calmantes. Os guerreiros consumíano coma unha bebida reconstituínte, e a manteiga de cacao era usada coma ungüento para sandar feridas. Era tamén usado coma moeda. A bebida foi coñecida polos descubridores españois e foron eles os primeiros en servilo quente, adozalo con azucre de cana, tralo seu descubrimento trasladouse a España e alí tornouse moi popular (véxase: Chocolate), tralo seu ingreso en España aos pouco foise trasladando a diversos países europeos.

En Galicia sábese que o chocolate se consome dende o século XVII, cando é nomeado por vez primeira en escritos en lingua galega sobre os costumes dos aldeáns. Frei Martín Sarmiento xa escribía en 1746: ...inda que tomaron mui quente e fervendo muito chicolate...[3] Todas as casa, humildes e podentes, tiñan unha chocolateira, unha pota de barro cun asa que se apoiaba na trepia, na lareira para ferver o chocolate de facer con leite.

Lenda

Segundo a lenda, o deus Quetzalcóatl (representado polos mortais como 'a serpe emplumada') baixou dos ceos para transmitir sabedoría aos homes e tróuxolles un agasallo: a planta do cacao. Seica, os outros deuses non lle perdoaron que dese a coñecer un alimento divino e vingáronse desterrándoo: foi expulsado das súas terras polo deus Tezcatlipoca. Outra versión conta que Quetzalcóatl era un deus bondadoso que estaba enfrontado a Tezcatlipoca, o deus cruel; este puido máis ca el e condenouno ao desterro. Sexa como for a historia, o certo é que antes de se marchar prometeu volver por onde sae o sol no ano ce-acatl, segundo o calendario azteca, o que despois se asociou coa chegada de Hernán Cortés.

Usos gastronómicos

Hahndorf Hot Chocolate
Unha cunca de chocolate quente.

A bebida do chocolate quente bébese en Europa e en varias gastronomías de América Latina. En España, tamén en Galicia hoxe en día, por exemplo, é moi popular o chocolate con churros tomado na época invernal, e tamén servido para acompañar o roscón de reis. En Suíza e Francia é moi popular a cunca de cacao acompañada de doces. En moitos países latinomericanos, tómase o chocolate quente no almorzo, ou á tarde, acompañado de pan ou empanadas. No Perú, o chocolate quente forma parte dunha arraigada tradición. Este sérvese xunto co panetón no almorzo do día de Nadal malia xa ter nesa data comezado o verán no hemisferio sur. Esta tradición crese que comezou no Cuzco polo que se adoitan vender libras ou barras de chocolate desa rexión produtora de cacao.

Notas

  1. Nome do chocolate en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. As primeiras referencias son de 1697, coa forma chicolate, textos no Tesouro Informatizado da Lingua Galega, da USC.
  3. http://ilg.usc.es/TILG/?tipo_busca=lema&pescuda=chocolate&categoria=Todas&desde=1600&ate=2050 Textos no Tesouro Informatizado da Lingua Galega, da USC.]

Véxase tamén

Bibliografía

  • Coady, Chantal, Chocolate. Manual para sibaritas, Evergreen-LocTeam, Barcelona, 1998.
  • Martí Escayol, Maria Antònia, El placer de la xocolata. La Història i la cultura de la xocolata a Catalunya, Editorial Cossetània, Valls, 2004.
  • Schiaffino, Mariarosa, Chocolates y bombones, Mondibérica, Madrid, 1986.

Outros artigos

Almorzo

O almorzo é unha comida, xeralmente liviá, tomada comunmente na mañá. O nome deriva do concepto de comezar a comer, en latín admorsu. Noutros idiomas, como o alemán (frühstück) ou o xaponés (asa-gohan), o seu nome adoita significar simplemente "comida da mañá".

Os alimentos presentados no almorzo varían en cada cultura. En Occidente son populares os almorzos doces, con café ou cereais (xeralmente con leite).

Astorga

Astorga (en leonés, Estorga) é unha cidade da provincia de León, sita na comunidade autónoma de Castela e León, (España), atópase a 48 quilómetros ao suroeste da capital provincial de León, é cabeza da comarca da Maragatería. A súa poboación é de 11.897 habitantes (INE 2011).

Corresponde á antiga Asturica Augusta - topónimo do cal o actual é unha derivación -, capital dun dos conventos xurídicos da antiga Gallaecia. É tamén sé do bispado homónimo.

Caneca

Unha caneca é unha variedade de recipiente semellante a un vaso, mais cun saliente chamado "asa". Ao contrario da cunca, que ten a base inferior máis pequena que a abertura superior, a caneca ten xeralmente forma cilíndrica. Diferéncianse das xerras principalmente polo seu menor tamaño e a ausencia de bico.

Chocolate

O chocolate (náhuatl xocolatl) é o alimento que se obtén mesturando azucre con dous produtos derivados da manipulación das sementes do cacao: unha materia sólida (a pasta de cacao) e unha materia graxa (a manteiga de cacao). A partir desta combinación básica, elabóranse os distintos tipos de chocolate, que dependen da proporción entre estes elementos e da súa mestura ou non con outros produtos tales como leite e froitos secos. O chocolate atópase en moitas sobremesas así como na repostaría, galletas, bolos, sorbetes, tortas, bebidas.

Churro

Este artigo trata sobre un doce, para a raza ovella véxase: Ovella churra.

Un churro é unha masa frixida, xeralmente de forma cilíndrica e estriada, elaborada con fariña e auga, que adoita servirse cuberta de azucre. É un alimento de orixe ibérica, moi popular tamén nos países latinoamericanos.

As persoas que elaboran e/ou venden churros chámanse de churreiros ou churreiras.

Kifli

O kifli ou kipferl é un bolo ou pan tradicional de Europa do Leste. É habitual na gastronomía autríaca, húngara, checa (rohlík), eslovaca (rožok) e serbia (kifla). Ten forma de media lúa e pode ser salgado ou doce, incluíndo neste caso leite.

Lista de episodios de O detective Conan

Esta é unha lista dos episodios de O detective Conan emitidos ata o de agora na Televisión de Galicia. No Xapón xa se produciron máis de 800 capítulos.

A serie emitiuse na TVG durante os anos 2006 e 2008, que estreou novos episodios diarios con certos paróns de descanso e chegou ata os 300 dobrados. Reemitíronse durante os anos 2009 ó 2011 na tvG2. Malia estréarense novos capítulos semanalmente no Xapón, non hai novas relacionadas coa estrea dos capítulos alén do 301 na Televisión de Galicia.

A serie O detective Conan narra a historia de Shinichi Kudo, un detective de instituto de 17 anos que é encollido por mor dunha droga experimental que lle dá unha organización formada por uns misteriosos Homes de Negro ao ser descuberto en canto os estaba a espreitar no momento en que realizaban un sospeitoso intercambio.

Os confiados Homes de Negro, Gin e Vodka, ao crer que o veleno acabaría por matar a Shinichi, déixano agonizando na escuridade da noite pero, lonxe de morrer, Shinichi convértese nun rapaz de 7 anos.

Merenda

A merenda é a comida que se toma antes da cea, a media tarde. Adoita tomarse un bocadillo, ou peza de pan con embutido, pastas ou bolería, acompañado dalgunha bebida, fría ou quente, como café, batido, zume, chocolate quente ou leite, entre outros.

En España é moi usual, sobre todo entre nenos. Tamén pode dicirse que a merenda é unha comida lixeira que se toma pola tarde.

Nata batida

A nata batida ou crema batida é unha crema de leite que se bate enerxicamente até adquirir unha consistencia semisólida ou á que se lle engade ar ou gases inocuos. Diferénciase da crema chantillí en que esta sempre leva azucre e acostuma ir aromatizada, mentres que a nata batida non ten porque ser adozada. Contodo moitos autores considéranas sinónimos.

Se a nata ten un 30% ou máis de graxa pode ser mesturada con ar, de xeito que as burbullas de ar son capturadas nunha rede de pinguiñas de graxa e o coloide resultante adquire aproximadamente o dobre de volume da nata orixinal; porén, se o proceso de batido continúa as pingas de graxa péganse entre si destruíndo o coloide e formando manteiga e o líquido restante é soro de manteiga (cando dicimos que a nata se cortou). Ás veces engádeselle azucre glas ao coloide, co fin de endurecer a mestura e reducir o risco de exceso de batido.

Panettone

O panettone (en milanés panetùn ou panetton), tamén chamado panetón ou pan doce, é un bolo feito cunha masa do tipo brioche, pasas e froitas confeitadas ou cristalizadas. Ten forma de cúpula (coma unha madalena xigante) e a masa elabórase con fariña, lévedo, ovos, manteiga e azucre. É unha sobremesa tradicional de Nadal en Milán (Italia).

Dada a súa popularidade internacional, véñense realizando esforzos para obter unha Indicación Xeográfica e unha Denominación de Orixe Controlada para este produto. Estas iniciativas cobraron maior importancia nos últimos anos dada a crecente competencia en diversas partes do mundo, onde o panettone está moi presente nas festas de Nadal e de Aninovo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.