Chantada

Chantada é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Chantada e á Ribeira Sacra. Segundo o IGE no ano 2017 tiña 8.371 habitantes (8.897 no 2011,8.951 no 2010,9.249 no 2006, 9.366 no 2005, 9.463 no 2004, 9.650 no 2003). O seu xentilicio é (véxase no Galizionario) «chantadino»[5] ou «chantadés»[6].

Coordenadas: 42°36′27.16″N 7°46′9.2″O / 42.6075444, -7.769222

Chantada
Escudo de Chantada
Casa do concello de Chantada
Casa do concello.
Situacion Chantada
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia de Lugo
ComarcaComarca de Chantada
Poboación8.324 hab. (2018)
Área176,7 km²
Densidade47,11 hab./km²
Entidades de poboación36 parroquias
Capital do concelloChantada
Política (2019 [2])
AlcaldeManuel Lorenzo Varela Rodríguez (PPdeG[3])
Concelleiros
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 4
Outros: IG-VIVO 2
Eleccións municipais en Chantada
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes68,33%
Na rede
http://www.concellodechantada.org
info@concellodechantada.org

Xeografía

O concello de Chantada ten unha superficie de 176,7 km², e está situado no suroeste da provincia de Lugo, sendo a capital do partido xudicial que leva o seu mesmo nome. Linda ao norte con Taboada, ao sur con Carballedo, ao leste co Saviñao e Pantón, e ao oeste co concello de Rodeiro, na provincia de Pontevedra.

O seu cumio máis alto é o monte Faro (1.187 m). Outras altitudes importantes son o monte Sabadón (679 m), San Sebastián (745 m), Santa Rosa (586 m), Penedo de Riba da Zanca (750 m) e Igrexa (575 m).

A zona está atravesada polo río Miño, no que se construíu o encoro de Belesar. Outros cursos importantes son o río Asma e o río Enviande.

Poboación

Censo total 8.371 (2017)
Menores de 15 anos 876 (10.46 %)
Entre 15 e 64 anos 4.927 (58.86 %)
Maiores de 65 anos 2.568 (30.68 %)
Evolución da poboación de Chantada   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
15 003 14 694 14 467 10 358 9 463 8 951 8 897 8 783 8 649 8 553 8 493 8 431
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Toponimia

A etimoloxía do topónimo procede do latín plantatam, en alusión a unha pedra chantada no chan, ao igual ca topónimos como Chanto ou Chanteiro[7].

No ano 844 os viquingos remontaron o río Ulla, e conseguiron avanzar até a zona de Chantada. Fuxiron despois de perder un enfrontamento cos homes de Ramiro I, mais antes destruíron todo o que puideron. Daquela vitoria procede non só a toponimia da parroquia de Camporramiro, senón que o historiador Eduardo Morales Romero sinala que mesmo o propio nome de Chantada procede daqueles enfrontamentos cos viquingos, xa que a vila tería que ser plantada –reconstruída– de novo polos seus habitantes, plantando, asemade, grandes estacas, rodeándoa a modo de fortaleza.[8]

Historia

No concello hai restos dos poboados castrexos de Líncora, Centulle, San Sebastián, Nogueira e Castro Candaz. Con todo, queda a disposición defensiva dos mesmos nos lugares nos que posteriormente foron construídos o mosteiro de San Salvador de Asma, a fortaleza de Paderne, a Torre de Arcos, a Torre de Pereira, a Torre de Quinteliña, a Torre de Teixeiro, a Torre de Vilaúxe e a Torre de Merlán.

Patrimonio

No concello hai varios monumentos declarados Ben de Interese Cultural: A igrexa de Santa María de Pesqueiras (RI-51-0001222) foi recoñecida como tal o 6 de outubro de 1950. A Torre de Pacio (RI-51-0008892), a Torre de Arcos (RI-51-0008893), a Torre de Vilar de Eiriz (RI-51-0008894), a Fortaleza de Pereira (RI-51-0008895) e a Torre de Vilaúxe (RI-51-0008896) recibiron esta declaración o 17 de outubro de 1994.

As sepulturas antropomorfas de Fornas están na parroquia de San Cristovo de Fornas, na parte superior dunha gran peneda. Teñen 2 m de longo e entre 1 e 0,6 de ancho. Arredor das sepulturas hai un canto labrado, moi desgastado, para colocar unha tapa. Xa aparecen mencionadas no documento de fundación da capela de Santa Xertrude, de 1607, construída onde está a actual igrexa parroquial de Fornas.

O castro de Centulle está na parroquia de San Xurxo de Asma, e atópase en mal estado de conservación. Nel construíuse o santuario da Nosa Señora de Fátima, e o territorio anexo está destinado a uso agrícola. Pénsase que tiña unha configuración do modelo espiral, con dous corpos posuíndo tramos de tres. No recinto atopáronse restos de vaixela e de muíños de man. Diversas hipóteses defenden que aquí estaba a fortaleza dos Circa, arrasada polos normandos e máis tarde pertencente á casa de Altamira.

O castro San Amaro está na parroquia de San Xián de Mato, e está en mal estado de conservación. Nel foi construída unha capela, que lle deu o nome no pasado (actualmente dedicada a San Lucas).

O castro de Abeleda está na aba da serra do Faro, preto xa do concello de Carballedo, xunto á lugar de Abeleda (A Grade). Nel atopouse un torque de ouro, conservado no Museo de Pontevedra. Nun lugar próximo apareceu un poboado romano, do que apareceron varias paredes e un cofre con moedas romanas.

No castro de San Pedro de Líncora aprécianse restos de dous poboados anexos, pero con diferenzas estruturais. Un estaba pegado á antiga igrexa parroquial, trasladada a comezos do século XIX. O outro era máis pequeno.

Castro Candaz

Conxunto Castro Candaz
O Castro Candaz, quedou o descuberto no 2011 por unhas obras no encoro de Belesar.
Artigo principal: Castro Candaz.

O castro Candaz atópase xeralmente anegado polo río Miño trala construción do encoro de Belesar. Non se atopa en bo estado de conservación por este factor e porque os terreos foron ocupados para o cultivo da vide.

Está situado nun lugar estratéxico do paso do río, con pouca visibilidade e lonxe de núcleos de poboación, nun outeiro xunto á desembocadura do río da Lama e do río Enviande. No acceso ao recinto hai tres chairas que fan de defensa natural. O recinto estaba amurallado.

Castro de San Sebastián

Está situado na parroquia de San Salvador de Asma, nun outeiro a 745 m de altitude. Na idade media foi construída no lugar unha ermida (que dá nome ao recinto), da que quedan algúns restos. Na actualidade o lugar está cuberto por vexetación baixa.

Foi estudado por Manuel Formoso Lamas a comezos do século XX, quen defendía a posibilidade de que este castro fose a residencia dos xefes brigancios, acollendo tamén a un gran número de habitantes[9].

O poboado estaba rodeado por unha muralla duns 4 m de grosor, de forma irregular pero similar a unha circunferencia. Na zona sur e oeste había un foxo de 6 m de profundidade e uns 8,5 de ancho, e un contrafoxo de 5 m de lonxitude. Na zona leste había outra muralla de 2,2 m de alto e 3,3 m de ancho. No castro atopáronse dous muíños de man, varios anacos de escoura de ferro e dúas láminas de cobre.

Administración local

Artigo principal: Eleccións municipais en Chantada.

Tras as eleccións municipais de 2011 foi nomeado alcalde Manuel Lorenzo Varela Rodríguez candidato de INTA (Independentes Terras do Asma). En 1996 xa acadara a alcaldía como candidato do PPdG manténdose no cargo ata as eleccións de 2007

Festas e celebracións

Fonte campo da feira de Chantada
Fonte no campo da feira.
  • Festas patronais: adicadas á Virxe do Carme, adoitan durar de xoves a martes.
  • Folión dos carros: celébrase o sábado das festas patronais. Consiste na elaboración dun carro antigo para despois presentalo e poñelo en desfile por toda a vila, mostrando como se facían as tarefas antigamente.
  • Festa da empanada: celébrase xeralmente na carballeira do San Lucas o martes, último día das festas patronais, e adóitase comer empanada galega en compaña de amigos e familiares. A ela acode numerosa xente incluso procedente doutros lugares do mundo.
  • Feira do viño: normalmente celébrase a segunda semana de marzo. É a máis popular entre as feiras do Viño da zona Lugo-Sur e xunto coas festas patronais é a festa máis popular. Adoita durar 3 días e nela as distintas adegas da Ribeira Sacra amosan a súa colleita. Produce unha gran publicidade para as adegas e o viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
  • Concurso de Gando Frisón: Prémianse os mellores animais que se presentan. A ela acode gando procedente de moitos lugares, principalmente de Galiza.
  • Subida a Chantada: celébrase a mediados de xuño e é unha das carreiras automobilísticas máis importantes de Galiza. O espazo para celebrala é a Ribeira Sacra.
  • Feiras mensuais, principalmente para produtos do agro e moda: o 5 e o 21 de cada mes a xente vende o seu produto. A feira ocupa case toda a rúa Xoán XXIII ou Rúa Nova, a Praza de Santa Ana e a zona da Alameda.
  • Romaría da Nosa Señora do Faro: celébrase o 15 de agosto e o 8 de setembro. Romaría até á Igrexa do Faro, tradición moi popular.
  • Romaría do San Lucas: celébrase o 18 de novembro, que é festivo local do concello.
  • Castañazo Rock: celébrase normalmente a comezos de novembro e é unha das concentracións máis importantes da música rock galaica, na que grupos galegos e portugueses demostran a calidade do rock da zona. É un concerto multitudinario ao que acoden milleiros de persoas.
  • Entroido Ribeirao: desfile dos peliqueiros, pola aldea de Santiago de Arriba (Camporramiro).
  • Festa da Mocidade: celébrase a principios de verán desde hai poucos anos.
  • Feira das Cabras: a única feira caprina galega e unha das poucas españolas, continúa a súa tradición. Dura un día enteiro e celébrase sobre a 2º semana de setembro na aldea de Merlán, a menos de 1 quilómetro do centro urbano de Chantada. Amósanse e cátanse produtos da cabra. É celebrada xunto coas festas desta aldea, que duran 3 días (esta feira celébrase o último, domingo).
  • Festas parroquiais: Son as festas que ten cada aldea. Normalmente celébranse en verán e son festas campestres.

Chantada na literatura popular

  • Vamos xunto á Virxe/ do monte do Faro/ que nos mande o vento/ pra que chegue o barco [10].

Deporte e outras actividades

  • Escolas deportivas de Chantada (escolasdeportivas.com), coas súas instalacións no Pavillón Municipal de Deportes na praza de Luis García Arias, poñen ao servizo cada vez máis deportes, participando en competicións en case todos eles: fútbol sala, tenis, baloncesto, bailes de salón, fútbol (alevíns e infantís, empregando as instalacións do campo O Sangoñedo), atletismo, bádminton, patinaxe (de varias clases), karate, psicomotricidade, ximnasia rítmica, xadrez, hóckey-liña, tenis de mesa, golf (instalacións fóra da vila), mountain-bike, ciclismo, educación física para adultos, tai-chi, ioga, fútbol para veteranos, e tamén varios deportes para discapacitados.
  • Fútbol: SD Chantada, compite co primeiro equipo (Preferente norte galega), co segundo, o Chantada B, (segunda autonómica grupo 8), e cos equipos xuvenil (Liga Galega) e cadete (Primeira autonómica). Compiten no campo do Sangoñedo. Outra agrupación deportiva para o fútbol é o Chantada Atlético, un equipo creado hai varios anos que se atopa en primeira autonómica galega. Tamén está composto dun equipo feminino.
  • Club Baloncesto Chantada: fundado o 20 de febreiro de 1988, dende a tempada 2001/02 xoga na Liga EBA, con equipos galegos, asturianos e de Castela e León.
  • Club Ciclista Chantadino: creado en xaneiro de 2010, compite tanto en ciclismo de montaña como en ciclismo por estrada (ccchantadino.com)
  • Club de Tenis Chantada: fundado en 1995. Xogan na pista municipal de tenis, composta por tres campos e situada no Parque Eloísa Rivadulla.
  • Círculo chantadino de Xadrez: compite con tódalas idades en varias competicións a niveles autonómicos e nacional.
  • Escudería Chantada: organizadora da proba automobilística Subida a Chantada.
  • Escudería O Convento
  • Club Atletismo Ribeira Sacra de Chantada: nel fórmanse atletas en moitas disciplinas e compiten en distintos niveis. Tamén é para tódalas idades.

Deportistas chantadinos de sona son o baloncestista Fran Vázquez (Unicaja - C.B. Málaga) e o porteiro de fútbol Roberto Fernández Alvarellos (Granada C.F.).

Á parte do deporte, a Casa da Xuventude de Chantada ofrece tamén actividades lúdicas, como son teatro, distintos obradoiros, como o de cestería e outros obradoiros artesáns, pintura ao óleo, batuka, steps, xogos populares…

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Chantada.
Mosteiro de San Salvador de Asma.
Mosteiro de San Salvador de Asma. 
Casa de Lemos (actual casa da cultura e biblioteca).
Casa de Lemos (actual casa da cultura e biblioteca). 

Lugares de Chantada

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Chantada véxase Lugares de Chantada.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2019". resultados.eleccioneslocaleseuropeas19.es. Consultado o 27 de maio de 2019.
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Chantada". www.fegamp.gal. Consultado o 14 de setembro de 2019.
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chantadino.
  6. Costas González, X.-H. (2016): Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, páx. 46. Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7
  7. Cabeza Quiles, F. (2008). Toponimia de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. p. 326. ISBN 9788498650921.
  8. Pena, H. (31 de xullo de 2019). "Os galegos que humillaron os viquingos". Sermos Galiza. Consultado o 14 de agosto de 2019.
  9. Formoso Lamas, M.: Apuntes para la Historia de Chantada (Madrid, 1905).
  10. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13. Non parece ter sentido esta referencia ó Monte Faro nunha cantiga mariñeira. Hai outro monte Faro en Domaio, pero alí non hai ningunha Virxe.

Véxase tamén

Outros artigos

  • Personalidades de Chantada
A Grade, Chantada

San Vicente da Grade é unha parroquia do concello lugués de Chantada na comarca de Chantada. Segundo o IGE en 2014 tiña 60 habitantes (27 homes e 33 mulleres), o que supón unha diminución con respecto ao ano 1999 cando tiña 79 habitantes. Segundo o INE en 2017 eran 57 habitantes, 32 mulleres e 25 homes.

Adá, Chantada

Santa Baia de Adá é unha parroquia que se localiza no concello de Chantada. Segundo o INE en 2008 tiña 122 habitantes (67 homes e 55 mulleres), distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2000 cando tiña 161 habitantes.

Desta parroquia era Paulino Fernández, quen en 1989 asasinou oito dos seus conveciños no maior crime en serie da historia de Galicia.

Arcos, Chantada

Santa María de Arcos é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Tiña 117 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 64 homes e 53 mulleres. O que supón unha diminución de 42 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 159 habitantes (82 homes e 77 mulleres).

Argozón, Chantada

San Vicente de Argozón é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Chantada, na provincia de Lugo. Tiña 182 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 84 homes e 98 mulleres repartidos en 10 entidades de poboación. O que supón unha diminución de 26 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 208 habitantes (96 homes e 112 mulleres).

Belesar, Chantada

San Bartolomeu de Belesar é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Tiña 19 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 9 homes e 10 mulleres repartidos en dous núcleos de poboación. O que supón unha diminución de 17 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 36 habitantes (13 homes e 23 mulleres).

Brigos, Chantada

San Salvador de Brigos é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Segundo o IGE en 2014 tiña 114 habitantes (53 homes e 61 mulleres), o que supón unha diminución con respecto ao ano 1999 cando tiña 134 habitantes.

Camporramiro, Chantada

Santa María de Camporramiro é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Tiña 141 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 71 homes e 70 mulleres. O que supón unha diminución de 45 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 186 habitantes (93 homes e 93 mulleres).

Chantada, Chantada

Santa Mariña de Chantada é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Consta dun so núcleo de poboación: a vila de Chantada, capital do concello. Segundo o IGE en 2011 tiña 4.433 habitantes, dos que 2.111 eran homes, e 2.322 eran mulleres; o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 4.177 habitantes.

En Chantada celébrase unha feira os días 5 e 21 de cada mes.

Comarca de Chantada

A comarca de Chantada é unha comarca galega situada na provincia de Lugo cuxa capital é Chantada. Pertencen a ela os concellos de Carballedo, Chantada e Taboada.

Líncora, Chantada

San Pedro de Líncora é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. No ano 2011 tiña 174 habitantes segundo datos do INE e do IGE deles 82 eran homes e 92 eran mulleres.

Mariz, Chantada

San Martiño de Mariz é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Tiña 155 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 79 homes e 76 mulleres. O que supón unha diminución de 36 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 191 habitantes (97 homes e 94 mulleres).

En Maríz naceu o poeta labrego Paco Ledo

Merlán, Chantada

San Tomé de Merlán é unha parroquia do concello de Chantada, na provincia de Lugo. No ano 2014 tiña 165 habitantes (82 homes e 83 mulleres) segundo o padrón municipal.

Na parroquia celébrase a afamada Feira das Cabras, o terceiro domingo do mes de setembro.

O Mato, Chantada

San Xillao do Mato é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Tiña 88 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 42 homes e 46 mulleres. O que supón unha diminución de 12 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 100 habitantes (51 homes e 49 mulleres).

O Monte, Chantada

San Miguel do Monte é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Segundo o IGE en 2009 tiña 85 habitantes (45 homes e 40 mulleres), o que supón unha diminución respecto do ano 1999 cando tiña 97 habitantes.

Pedrafita, Chantada

Santa Baia de Pedrafita é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. Segundo o IGE en 2011 tiña 99 habitantes, deles 48 eran homes e 51 eran mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 129 habitantes.

Pesqueiras, Chantada

Santa María de Pesqueiras é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. No ano 2011 tiña 103 habitantes distribuídos en 3,21 km², segundo datos do INE e do IGE, deles 49 eran homes e 54 eran mulleres. Iso supón unha diminución con respecto o ano 2007 tiña 125 habitantes, deles 60 eran homes e 65 eran mulleres.

Provincia de Lugo

Lugo é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. É a meirande provincia galega e a de menor poboación relativa.

Limita ó norte co mar Cantábrico, ó oeste coa provincia da Coruña e a de Pontevedra, ó sur coa provincia de Ourense e ó leste co Principado de Asturias e a provincia de León, pertencente a Castela e León. A súa capital e a cidade máis poboada é Lugo, sendo a segunda cidade en poboación Monforte de Lemos, seguida de Viveiro, Vilalba, Sarria, Ribadeo, Foz, Burela e Chantada.

Aínda que é a maior das provincias galegas, é a terceira en número de habitantes, con 339 386 habitantes en 2015, tras A Coruña e Pontevedra.

San Fiz de Asma, Chantada

San Fiz de Asma é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. No ano 2011 tiña 209 habitantes distribuídos en 5,03 km², segundo datos do INE e do IGE, deles 98 eran homes e 111 eran mulleres. Iso supón unha diminución con respecto o ano 2007 que tiña 235 habitantes, deles 111 eran homes e 124 eran mulleres.

Vilaúxe, Chantada

San Salvador de Vilaúxe é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. No ano 2011 tiña 166 habitantes distribuídos en 7,75 km², segundo datos do INE e do IGE, deles 79 eran homes e 87 eran mulleres.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.