Cetáceos

Os cetáceos (Cetacea) son unha orde de mamíferos completamente adaptados á vida acuática. O nome destes animais procede do latín cetus (balea, grande animal mariño), e este do grego antigo κήτος kétos (peixe grande)[1].

En 1988, Rice recoñecía 83 especies e 42 subespecies. Posteriormente houbo un consenso ao considerar tres, e non unha, especies de balea franca, pasando a ser consideradas un total de 85 especies, reducíndose o número de subespecies a 41[2]:5. Case todas as especies son animais mariños, que inclúen baleas, cachalotes, candorcas, golfiños, arroaces, toniñas etc., agás 7 especies de golfiños de auga doce[2]:8, se ben un destes últimos, o baiji, está declarado formalmente extinto[3]. Todas estas especies agrúpanse en dúas subordes, o dos misticetos e o dos odontocetos. Unha terceira suborde extinta, os arqueocetos, son os antepasados das modernas baleas.

Entre os misticetos están os animais vulgarmente chamados baleas, os máis grandes do mundo. Aínda que o termo balea debe reservarse ós integrantes da familia Balaenidae, úsase tamén para referirse a outras especies non pertencentes á familia dos balénidos e incluso tamén para cetáceos con dentes, como é o caso da denominación de balea asasina para a candorca (que nin é balea nin é asasina), de balea de esperma para o cachalote ou de balea piloto para o caldeirón.

Na suborde dos odontocetos están os golfiños e as candorcas, con frecuencia criados en catividade e adestrados para serviren de espectáculo, práctica non exenta de polémica que moita xente reclama sexa erradicada, como se fixo en Francia[4].

Morfoloxicamente, presentan un corpo fusiforme, semellante ós dos peixes, que os fai máis hidrodinámicos. As patas anteriores transformáronse en aletas, mentres que as posteriores desapareceron como tales, aínda que quedan algúns ósos vestixiais non unidos á pelve e ocultos dentro do corpo. A aleta caudal é horizontal e divídese en dous lóbulos. Xeralmente carecen de pelo e teñen unha capa de tecido adiposo debaixo da pel para manter a calor corporal en augas frías. O tamaño dos cetáceo vai desde 1 m e 50 kg do golfiño de Maui aos 29,9 m e 173 toneladas da balea azul[5], que é o animal máis grande que xamais existiu na Terra, mesmo maior cos renomeados dinosaurios. Algunhas especies mostran dimorfismo sexual. Aínda que non son tan flexibles ou áxiles coma as focas, os cetáceos poden nadar moi rápido, así a candorca é capaz de trasladarse a 35 km/h en períodos curtos de tempo, e o rorcual común pode manter unha velocidade de 30 km/h. Os golfiños poden facer xiros moi axustados mentres nadan a gran velocidade[6]. Os misticetos teñen vibrisas na súa boca, a diferenza das baleas dentadas. Os cetáceos teñen uns sentidos moi desenvolvidos: a vista e o oído están adaptados tanto para a auga como para o aire, e as baleas teñen un sistema táctil nas súas vibrisas. Algunhas especies están ben adaptadas para mergullarse a grandes profundidades.

Os grandes cetáceos foron obxecto da caza comercial durante séculos, como un recurso mariño máis, ata poñelos en perigo de extinción. Aínda hoxe algúns países coma o Xapón, Noruega ou Islandia seguen cazando baleas para comer a súa carne, escudándose no argumento da caza científica. Puntualmente tamén se cazaron os golfiños, tanto para aproveitar a carne como por consideralos inimigos dos pescadores e aínda hoxe o fan no Xapón, os inuit (esquimós) do Canadá ou nas illas Feroe en Dinamarca.

A rama da bioloxía que estuda estes animais é a cetoloxía.

Cetáceos
Cetacea

Rango fósil: eoceno - holoceno (presente)
Xibardo

Xibardo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Brisson, 1762
Subordes

Características

Cetacea
Oito especies de cetáceos debuxados a tamaño proporcional: 1. Balea vasca; 2. Candorca; 3. Balea de Groenlandia; 4. Cachalote; 5. Narval; 6. Balea azul; 7. Rorcual común; 8. Beluga.

Externamente posúen un corpo pisciforme, adaptado á vida acuática, con amplas variacións no tocante ó tamaño (desde as toniñas de ó redor dun metro de lonxitude ata a balea azul, de ata 30 metros e 180 toneladas, o animal máis grande coñecido), a forma da cabeza e o tamaño das aletas.

Os cetáceos, coma tódolos demais mamíferos, son animais de sangue quente (endotérmicos), respiración pulmonar e reprodución vivípara (paren e aleitan as súas crías). A presenza de pelo sobre a pel é vestixial e só se observa, moi ralo, nos fetos. As extremidades anteriores transformáronse en aletas pectorais (sen función locomotriz) e as posteriores atrofiáronse case totalmente, quedando unicamente un pequeño óso pélvico no abdome.

O rabo transformouse nunha aleta caudal que, a diferenza dos peixes, é horizontal. Esta aleta caudal é o mecanismo que utilizan para propulsarse e desprazarse. Presentan tamén unha aleta dorsal, sen base ósea, que pode ser moi destacada (como na candorca) ou inexistente (como na balea vasca ou na beluga).

O problema da respiración pulmonar nun medio acuático resolvérono mediante a transformación do cranio, alongado en horizontal, e a migración dos orificios nasais (narinas ou aventadores) á cara superior da cabeza. Os misticetos (baleas e rorcuais) posúen dous orificios nasais mentres que os odontocetos (golfiños, cachalote etc.) só presentan un. Outras transformacións fisiolóxicas permítenlles espazar extraordinariamente os movementos respiratorios e permanecer períodos prolongados de tempo baixo a auga (o cachalote, por exemplo, pode permanecer baixo a auga ata dúas horas sen necesitar saír á superficie para respirar).

Carecen de aparato auditivo externo e só teñen uns pequenos orificios detrás dos ollos e, ademais, en moitas especies estes condutos están obstruídos. Aínda así posúen un sentido do oído moi desenvolvido e son quen de determina-la orixe dos sons baixo o mar grazas ó seu sistema de ecolocalización. Tamén poden comunicarse entre si mediante un amplo repertorio de sons, que varían, segundo a especie e a familia, entre breves chasquidos a cancións prolongadas.

Evolución

A orixe dos cetáceos hai que buscala en mamíferos terrestres normais de hábitos anfibios, probablemente durante o Eoceno, hai entre 55 e 34 millóns de anos. Concretamente, evolucionaron a partir de mamíferos da orde dos artiodáctilos (mamíferos provistos de dedos articulados), hoxe representados polas vacas, cabalos, porcos, hipopótamos etc.

Os fósiles máis antigos de animais con características propias dos cetáceos pertencen ós arqueocetos (Archaeoceti). Descubríronse exemplares de diferentes tipos, entre os 2 e os 21 m de lonxitude, con corpo fusiforme, aletas anteriores con forma de remo, presenza de aleta dorsal e un pedúnculo caudal longo. Habitaban zonas pantanosas costeiras e mares pouco profundos. Extinguíronse hai uns 30 millóns de anos.

Clasificación taxonómica

A orde dos cetáceos foi descrita en 1792 polo zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson,[7] na súa obra Regnum animale in classes IX distributum sive Synopsis methodica. Haak, Paris, Leiden 1756–1762.

Os cetáceos divídense tradicionalemente en tres subordes[7] (ou superfamilias para algúns autores),[8] unha xa extinta e dúas con especies actualmente viventes:[7]

Porén, modernamente moitos autores inclúenos na nova orde dos cetartiodáctilos (Cetartiodactyla), na suborde dos cetancodontamorfos (Cetancodonta), coa categoría sistemática de infraorde.[8] (Ver Cetartiodáctilos).
Aquí seguimos a clasificación tradicional.

Orde Cetacea Brisson, 1792

Alimentación

A dieta dos cetáceos é moi variada, o que determina importantes transformacións na dentición. Atendendo ás características desta clasifícanse en dúas subordes:

  • Misticetos ou, antes, mistacocetos (Mysticeti): sen dentes pero dotados dunhas estruturas no maxilar superior, chamadas barbas ou baleas, coas que filtran a auga e reteñen os pequenos peixes ou crustáceos (krill) que constitúen o seu alimento. A boca é grande e moi ancha.
As barbas dos misticetos están constituídas de queratina (a mesma substancia que forma as nosas uñas ou o pelo). Penduran do bordo da mandíbula superior pechando a cavidade bucal. O sistema que utilizan é avanzar coa boca aberta e enchela dun gran volume de auga (no que axuda a dilatación da pel da gorxa). A seguir, pechan a boca e coa axuda da lingua expulsan a auga, que é filtrada polas barbas retendo todos os animais que viñan nela.
Delphinus delphis with calf
Golfiño común (Delphinus delphis), adulto e cría.
  • Odontocetos (Odontoceti): dotados dun número variable de dentes, segundo a especie. Son animais cazadores que se alimentan de peixes, cefalópodos ou, no caso da candorca, de aves, focas ou outros cetáceos. A boca pode describirse como fina ou aguzada.
Os odontocetos (golfiños, arroaces, candorcas etc.) posúen normalmente un elevado número de dentes (ata 160-180 no caso do golfiño común) distribuídos de forma simétrica en ambas as mandíbulas, pero hai especies que só teñen dentes na mandíbula inferior (coma o cachalote) e noutras chegan a faltar totalmente ou a perder a funcionalidade (como nos zifios ou no narval).
A dentición dos cetáceos con dentes é homodonta (todos os dentes son iguais, non diferenciados en incisivos, caninos e molares) e utilízase exclusivamente para atrapar as presas, que tragan enteiras, sen mastigar. A candorca, que caza animais de gran tamaño como focas ou outros cetáceos pequenos, arrancan porcións de carne do tamaño adecuado para engulila.

Reprodución

Os cetáceos son vivíparos: paren as súas crías vivas. Paren unha soa cría de cada vez aínda que se coñecen casos excepcionais de partos e xestacións dobres. As crías acabadas de nacer deben saír axiña á superficie, a respirar, acto no que son axudados pola nai ou por outras femias do mesmo grupo familiar.

En Galicia

Mistacocetos

Sociedade Galega de Historia Natural

A Sociedade Galega de Historia Natural menciona, na súa Lista padrón (provisoria) dos verberados de Galicia, publicada no Tomo I: O medio da Xeografía de Galicia de Pérez Alberti,[11] a cinco das sete especies de rorcuais, cos nomes galegos que se indican:

  • Balaenoptera physalusrorcual de Bryl [?] [12]
  • Balaenoptera borealisrorcual boreal
  • Balaenoptera acutorostratarorcual alibranco
  • Megaptera novaeangliaerorcual xibarte
  • Sibbaldus musculus (sinónimo de Balaenoptera musculus)[13]rorcual azul

Vocabulario multilingüe de Lahuerta e Vázquez

Os profesores Fernando Lahuerta e Francisco X. Vázquez recollen, no seu Vocabulario multilingüe,[14] seis especies de rorcuais (o que implica que non forzosamente todas elas teñan que frecuentar, máis ou menos esporadicamente, as costas próximas a Galicia, aínda que si poidan ter nomes galegos):

  • Balaenoptera acutorostratarorcual alibranco
  • Balaenoptera musculusrorcual azul
  • Balaenoptera edenirorcual de Bryde [15]
  • Balaenoptera physalis (sic, por physalus) — rorcual común
  • Balaenoptera borealis rorcual de pintas
  • Megaptera novaeangliaerorcual xibardo

Guía dos mamíferos de Galicia de Díaz d'a Silva e Cartelle

Pola súa parte, Díaz d'a Silva e Cartelle, na Guía dos mamíferos de Galicia,[16] consideran como presentes nas nosas costas, algunhas accidentalmente, ás mesmas cinco especies, aínda que con nomes galegos algo diferentes:

  • Balaenoptera acutorostratabalea alibranca
  • Balaenoptera borealisbalea de pintas
  • Balaenoptera musculusbalea azul
  • Balaenoptera physalusbalea común
  • Megaptera novaeangliaebalea xibardo

Odontocetos

Sociedade Galega de Historia Natural

Na lista provisoria anteriormente citada sinálanse as especies seguintes:[17]

Guía dos mamíferos de Galicia de Díaz d'a Silva e Cartelle

Na citada Guía de d'a Silva e Cartelle inclúense, como visitantes das augas galegas, as segunies especies:[22]

Nomes propostos por Lahuerta e Vázquez para as especies citadas nos apartados anteriores

Lahuerta e Várquez, no seu Vocabulario multilingüe, propoñen os seguintes nomes:

Os cetáceos na cultura popular

Refraneiro

  • A balea é un animal de moita chea.
  • A candorca leva ou trae/trai.
  • Arroaces na ría, moita sardiña.
  • Arroaces na ría, boureles tiran.
  • ¡Balea!, levanta a pata e mea.
  • Balea no mar, a pescar [23].
  • Cando as candorcas saltan, o bo tempo espanta.
  • Cando os golfiños saltan, vento traen ou a calma espantan.
  • Candorcas na ría, arroaces á costa.
  • Golfiños a choutar, acaba o calmo no mar[24].
  • Golfiños que moito saltan, vento traen e a calma espantan.
  • Os arroaces brincan no mar, forte norte van dar [25].
  • Os arroás na ría, miña nai, para a casa.
  • Tramalleiros ó mar, arroaces ó par.

Notas

  1. Ranneft, D. M.; Eaker, H.; Davis, R. W. (2001). "A guide to the pronunciation and meaning of cetacean taxonomic names" (PDF). Aquatic Mammals (en inglés) 27 (2): 185. Consultado o 17 de outubro de 2018.
  2. 2,0 2,1 Reeves, Randall R.; Smith, Brian D.; Crespo, Enrique A.; di Sciara, Giuseppe Notarbartolo (2003). IUCN/SSC Cetacean Specialist Group, ed. 2002–2010 Conservation Action Plan for the World’s Cetaceans. Dolphins, Whales and Porpoises (PDF) (en inglés). ISBN 2-8317-0656-4. Consultado o 17 de outubro de 2018.
  3. BBC Mundo, ed. (13/12/2006). "Declaran "extinto" al delfín chino" (en castelán). Consultado o 17 de outubro de 2018.
  4. Sergio Ferrer (10/05/2018). "Por qué España debe prohibir los delfinarios como ha hecho Francia". El Confidencial (en castelán). Consultado o 17 de outubro de 2018.
  5. Committee on the Status of Endangered Wildlife in Canada, ed. (2002). "Assessment and Update Status Report on the Blue Whale Balaenoptera musculus" (PDF) (en inglés). Consultado o 19 de abril de 2007.
  6. Fish, Frank E. (2002). "Balancing Requirements for Stability and Maneuverability in Cetaceans". Integrative and Comparative Biology (en inglés) 42 (1): 85–93. PMID 21708697. doi:10.1093/icb/42.1.85.
  7. 7,0 7,1 7,2 Cetacea en MSW.
  8. 8,0 8,1 Cetacea no WoRMS.
  9. Mysticeti Flower, 1864 no WoRMS.
  10. Odontoceti Flower, 1867 no WoRMS.
  11. Pérez Alberti, A. (dir.) (1982), p. 210.
  12. Talvez rorcual de Bryde?
  13. Natural History Museum do Reino Unido
  14. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 309.
  15. Véxase máis arriba a Nota taxonómica sobre o rorcual de Bryde.
  16. Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), pp. 130-134.
  17. Pérez Alberti, A. (dir.) (1982), p. 209.
  18. 18,0 18,1 Hoxe clasificada como Globicephala melas
  19. Erro por Phocoena phocoena
  20. A SGHN inclúe esta especie na familia dos fisetéridos.
  21. Erro por Ziphius cavirostris
  22. Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), pp. 112-133.
  23. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 2.
  24. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 5.
  25. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 7. Outras variantes rematan en vai dar ou vai entrar.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Carwardine, M. (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-1037-3.
  • Díaz d'a Silva, J. I. e Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96893-20-7.
  • Duguy, R. e Robineau, D. (1987): Guía de los mamíferos marinos de Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0811-5.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 978-84-453-2913-8.
  • Pérez Alberti, A. (dir.) (1982): Xeografía de Galicia. Tomo I. O medio. A Coruña: Edicións Sálvora. ISBN 978-84-85779-12-6.
  • Perrin, William F., Bernd Wursig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
  • Schokkenbroek, Joost C. A. (2008): Trying-out: An Anatomy of Dutch Whaling and Sealing in the Nineteenth Century, 1815-1885. Amsterdam: Aksant Academic Publishers. ISBN 978-90-5260-283-7.
  • Tönnesen, J. N. & Arne Odd Johnsen (1982): The history of modern Whaling. London: C. Hurst & Co. ISBN 978-0-905838-23-6; Canberra: Australian National University Press. ISBN 978-0-7081-0749-2; Berkeley, California, USA: University of California Press. ISBN 978-0-520-03973-4.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-4.

Outros artigos

Ligazóns externas

  • Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) [1]
  • Sociedad Española de Cetáceos (SEC) [2]
  • FAO-OMS (1993): Marine mammals of the world [3]
  • Taxonomía ilustrada dos cetáceos [4] (en inglés)
Aleta

Denomínase aleta a cada un dos membros ou apéndices externos que posúen os peixes e, por extensión, os mamíferos mariños, aínda que nestes últimos as aletas posúen unha orixe e estrutura moi diferentes. As aletas cumpren unha función locomotora e estabilizadora, se ben nalgúns casos sofren notables modificacións para adaptarse a funcións particulares dalgunhas especies.

Artiodáctilos

Os artiodáctilos (Artiodactyla) son unha clásica orde de mamíferos ungulados caracterizados porque as súas extremidades rematan en catro dedos, e o peso do seu corpo recae nos dedos terceiro e cuarto (dos cales, polo menos apoian dous no chan) en contaste cos outros ungulados, os perisodáctilos, nos que o peso do corpo recae no terceiro dedo, na maior parte deles, ou totalmente neste, como nos équidos.

Unha das características máis distintiva do grupo é a forma do astrágalo, un óso do tornecelo, que ten unha estrutura de dupla polea, o que lle dá unha maior flexibilidade aos pés. Os aridodácilos habitan en todos os continentes, excepto na Antártida, aínda que os que se encontran en Australia foron introducidos polo ser humano.

Os artiodáctilos actuais (sen contar os taxons fósiles) inclúen 10 familias con ao redor dunhas 235 especies, moitas delas de grande importancia alimenticia, económica e cultural para os seres humanos, entre as que destacan camelos, llamas, porcos, hipopótamos, vacas, antílopes, cervos, xirafas, cabras etc.

O grupo, tal como se condidera aquí, exclúe aos cetáceos, aínda que recentes datos sobre as secuencias de ADN indican que comparten un antepasdado común con eles, polo que resulta que sería un grupo parafilético. Segundo moitos autores o grupo filoxeneticamente correcto sería o dos Cetartiodactyla (de Cetacea + Artiodactyla).

Balea

As baleas son un diverso grupo de mamíferos mariños placentarios. Son un grupo informal dentro da infraorde dos cetáceos, usualmente excluíndo ós golfiños e focénidos. As baleas, golfiños e focénidos pertencen á orde dos artiodáctilos e os seus parentes máis achegados son os Hippopotamidae, diverxendo hai 40 millóns de anos. Crese que as dúas subordes de baleas, os misticetos e os odontocetos, se separaron hai 34 millóns de anos. As baleas abranguen oito familias existentes: Balaenopteridae (os rorcuais), Balaenidae (baleas verdadeiras), Cetotheriidae (balea pigmea), Eschrichtiidae (balea gris), Monodontidae (belugas e narvais), Physeteridae (o cachalote), Kogiidae (balea anana) e Ziphiidae (zifios).

As baleas son criaturas de mar aberto, onde realizan tódalas fases do seu ciclo biolóxico. A súa adaptación á vida baixo a auga é tan extrema que non son quen de sobrevivir en terra. O seu tamaño varía dende os 2,6 m e 135 kg dun cachalote anano até os 29,9 m e 190 toneladas da balea azul, que é a meirande criatura que xamais existiu. O cachalote é o meirande depredador dentado da terra. Varias especies amosa dimorfismo sexual, no que as femias son meirandes que os machos. Os misticetos non teñen dentes, e no seu canto teñen barbas, unhas estruturas como pelos que expelen a auga e reteñen o krill e o plancto do que se alimentan. Empregan os pregues da gorxa para expandir a boca e botar un gran grolo de auga. Os balénidos teñen testas que poden representar até o 40% da súa masa corporal para tomar auga. Por outra banda, os odontocetos, teñen dentes cónicos deseñados para capturar peixes ou téutidos. Os misticetos teñen un desenvolvido sentido do "olfacto", mentres que os odontocetos teñen un ben desenvolvido sistema de audición. O seu oído, que está adaptado tanto para a auga como o aire, está tan ben desenvolvido que poden sobrevivir mesmo se son cegos. Algunhas especies, como os cachalotes, están moi adaptados a vivir a grandes profundidades e capturar luras, as súas presas favoritas.

Cachalote

O cachalote, Physeter macrocephalus, Linnaeus 1758, é un cetáceo odontoceto da superfamilia dos fiseteroideos, e o único integrante da familia dos fisetéridos. Trátase do máis grande dos cetáceos con dentes.Ríos Panisse só atopou a denominación cachalote na enquisa que realizou en toda a costa galega, sedo este nome recollido por ela en Panxón, Bouzas, Cangas, Portonovo, Cambados, Escarabote, Malpica, Mugardos, Espasante, Bares, Viveiro, Foz, Ribadeo, Noia, Sardiñeiro, Lira, Abelleira, Rianxo, Carril, Portosín, As Figueiras, Ézaro, Muxía, Camariñas, Corme, Caión, Mera, Pontedeume, Mogor, Rinlo, Miño, Sada, Laxe, Muros, Ribeira, Vilanova de Arousa, A Guardia, Bueu, San Ciprián e Cedeira.A única sinonimia, en galego, que se coñece é o nome de cabrote, que cita Penas Patiño, pero sen localizar.

O dicionario etimolóxico de Corominas afirma que se trata dunha palabra de orixe incerta, e suxire que vén do latín vulgar cappula, plural de cappulum, empuñadura de espada. Outra hipótese é que derive do francés arcaico dente, similar a cachau en gascón; Fernández Casado propón a orixe no vasco cachau, grandes dentes. Non se pode deixar de observar a relación con cachola, termo coloquial usado para designar a cabeza . O nome en inglés, sperm whale, é unha contracción de spermaceti whale (balea de esperma). Esta substancia que se extraía da cabeza do animal foi chamada esperma pola súa semellanza co líquido seminal e, de feito, críase que se trataba realmente do esperma do cachalote.

O nome científico é descritivo. Procede do grego φυσάω physáō, "soprar", termo utilizado por Aristóteles para designar as vías respiratorias dos cetáceos, e o nome específico, macrocephalus, alude ó desproporcionado tamaño da cabeza. Canto ó sinónimo catodon, este vén do grego κατά katá, "abaixo", e οδούσ, οδόντοσ odoús, odóntos, "dente", e indica a presenza de dentes só na mandíbula inferior.

Caza de baleas

A caza de baleas (tamén chamada ás veces pesca de baleas) consiste na obtención de recursos a partir de cetáceos, principalmente misticetos. O termo "balea" en sentido amplo e popularmente emprégase para referirse a calquera cetáceo de gran tamaño, incluso a odontocetos como o cachalote e mesmo ás veces a candorca, pero cómpre recordar que, en sentido estrito, resérvase aos misticetos non pertencentes ao xénero Balaenoptera (os rorcuais) e, moi especialmente, aos integrantes da familia dos balénidos.

Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao 3000 a.C. Varias comunidades costeiras desde hai moito tempo cazaron e recolleron baleas varadas para a súa subsistencia. A caza industrial das baleas comezou no século XVII. A principios do século XX o uso da tecnoloxía e o aumento da demanda de recursos superaron o límite de sustentabilidade das poboacións de baleas, causando un drástico descenso destas. Na década de 1930 matábanse máis de 50.000 baleas ao ano.En 1986 a Comisión Baleeira Internacional (CBI) prohibiu a caza comercial de baleas co fin de permitir que as poboacións de cetáceos puideran recuperarse. Porén, permíteselle a certas comunidades continuar coa cacería de subsistencia, como parte da súa cultura. Por outra parte, o artigo VIII da Convención que regulamenta a caza de baleas permite a cacería con fins científicos.

Cetartiodáctilos

Os cetartiodáctilos (Cetartiodactyla) son un clado de mamíferos placentarios que reúne as antigas ordes dos cetáceos (Cetacea) e dos artiodáctilos (Artiodactyla).

Os cetáceos son os golfiños, baleas e semellantes. Os artiodáctilos identifícanse cos animais ungulados de pezuños fendidos, como os camelos, as vacas, os cervos, o porcos e os hipopótamos, entre outros.

Delfinoideos

A dos delfinoideos (Delphinoidea) é unha superfamilia de cetáceos que constitúe o grupo máis grande dos odontocetos, con 66 xéneros distribuídos en 6 familias.

A superfamilia foi instituída en 1865 por William Henry Flower, e foi considerada como monofilética por Geisler et al. en 2011.E aínda que non é recoñecida como tal superfamilia por todos os cetólogos, si foi admitida, entre outros, por de Muizon (1988), Dawson (1996), Fordyce e de Muizon (2001), Kazar et al. (2004), Uhen et al. (2008), Geisler et al. (2011), e Bianucci et al. (2011).Comprende a todos os cetáceos denominados golfiños latu sensu, é dicir, ademais dos golfiños propiamente ditos, outras especies semellantes como os arroaces, as toniñas, os caldeiróns ou a candorca.

Esta última é o membro máis grande existente da superfamilia, que pode alcanzar até 9,5 m de lonxitude (os machos) e pesar até 6 t (as femias son menores), e que ten a maior aleta dorsal do Reino animal (pode medir até 1,8 m de altura), mentres que Cephalorhynchus commersonii, coñecido na bibliografía internacional como golfiño de Commerson, que vive no mar austral suramericano, cos seu 145 cm de lonxitude e entre os 40–50 kg de peso, é non só o golfiño, senón o cetáceo máis pequeno existente no mudo.

Delfínidos

Delfínidos (Delphinidade) é unha familia de mamíferos cetáceos odontocetos que inclúe aos golfiños ou delfíns, canda outras especies como os arroaces, as toniñas, os caldeiróns ou a candorca.

Na bibliografía internacional coñécense como golfiños oceánicos, para distinguilos dos golfiños de auga doce, que pertencen a outras familias (aínda que algúns delfínidos tamén poden vivir en estuarios e ríos).

De entre 2 e 9 m de lonxitude, o seu corpo é fusiforme, coa cabeza grande, cun fociño alongado, e só posúen un espiráculo (como todos os odontocetos).

Están entre as especies máis intelixentes que habitan o planeta. Como outros cetáceos, os golfiños utilizan os sons, a danza e o salto para comunicárense entre eles, para orientárense e para conseguiren as súas presas (aínda que para esta última función válense sobre todo do seu sistema de ecolocalización.

Son carnívoros estritos, e cada día consomen unha cantidade de alimento equivalente a un terzo do seu pesp. Aliméntanse basicamente de peixes e luras e outros cefalópodos, que atrapan cos seus dentes cónicos. Tamén comen crustáceos como camaróns, gambas e cangrexos.

Moitas especies vistan as costas e frecuentemente interactúan cos seres humanos. Hoxe en día as principais ameazas ás que están expostos son de natureza antrópica.

Eoceno

O Eoceno, unha división da escala temporal xeolóxica, é unha época xeolóxica da historia da Terra, a segunda do período paleóxeno na era cenozoica.

Comprende o tempo entre o final do paleoceno (hai 55,8 ± 0,2 millóns de anos) e o principio do oligoceno (hai 33,9 ± 0,1 millóns de anos).Durante esta época formáronse algunhas das cordilleiras máis importantes do mundo, como os Alpes ou o Himalaia, e aconteceron varios cambios climáticos importantes como o máximo térmico do Paleoceno-Eoceno, que aumentou a temperatura do planeta e delimita o inicio desta época xeolóxica, o evento Azolla, un arrefriamento global que daría paso ás primeiras glaciacións, ou eventos de extinción masiva como a Grande Coupure, que marca o final do eoceno.

As aves predominaban sobre os demais seres, e os primeiros cetáceos comezaron o seu desenvolvemento. Ademais, a especie de serpente máis grande que existiu data do eoceno. Nesta época xeolóxica produciuse tamén unha grande expansión e diversificación das formigas. A Antártida comezou a época rodeada de bosques tropicais, e o finalizou coa aparición dos primeiros casquetes polares. Existen multitude de xacementos paleontolóxicos en diversos lugares do mundo que confirman estes feitos, como o sitio fosilífero de Messel, en Alemaña, ou a Formación Green River, en Norteamérica.

Espiráculo

O espiráculo (do latín spiraculum, "respiradeiro"), é o orificio respiratorio que moitos animais, terrestres e especialmente acuáticos, teñen como contacto do aire (ou a auga) e o seu sistema respiratorio interno.

Golfiño

O golfiño, tamén chamado delfín ou arroaz, é un mamífero acuático da orde dos cetáceos, que tamén inclúe as baleas e marsopas. É carnívoro, excelente nadador, notable polas súas facultades psíquicas, que vive en mares temperados e quentes.

As especies máis comúns son 12, aínda que a máis coñecida é a que da o golfiño común. Este animal pode nadar a 63 km/h, sen causar turbulencia, ir ata 7 m de altura fóra da auga, mergullarse axiña e por bastante tempo, e ten unha calidade única entre os animais, unha verdadeira lingua de son e ultrasóns de 400 "palabras". Está dotado dun cerebro comparativamente tan desenvolvido como o ser humano. Expresa unha gran sensibilidade con respecto á dor e o pracer, demostrada coas súas relacións cos homes. Existe unha ciencia dedicada ó seu estudo.

Por golfiños enténdese os dous grupos de odontocetos con semellanzas físicas pero sen afinidade taxonómica:

Delfínidos, tamén coñecido como golfiños e focas.

Platanistoidea de agua doce nos ríos indios como o Indo e o Ganxes.

Mamíferos

Os mamíferos (Mammalia) son unha clase de amniotas que se caracterizan pola súa homeotermia. Distínguénse doutros amniotas, como o son os réptiles e as aves, pola mandíbula inferior formada por un único óso, o maxilar inferior (tamén chamado dentario), por presentaren tres ósos medios na cadea de ósos do oído, por teren os dentes moi especializados, pola presenza dun padal secundario, pola de pelaxe, un olfacto moi desenvolvido, polo seu neocórtex e pola produción de leite das femias para alimentar as súas crías. O cerebro dos mamíferos regula a temperatura corporal e o sistema circulatorio, incluído o corazón. Os mamíferos abranguen os animais máis grandes do planeta, as baleas rorcuais, así como os máis intelixentes ou con maior capacidade cognitiva; como son os elefantes, algúns primates e cetáceos. Anatomicamente, o corpo é de catro patas adaptadas aos medios terrestres, mais algúns mamíferos están adaptados á vida mariña, arbórea, no aire ou sobre dúas pernas. O grupo máis grande de mamíferos, os placentarios teñen placenta e alimentan as crias despois do remate do empreñe. O tamaño dos mamíferos vai de tan só 30 ou 40 milímetros a 33 metros de longo.

A ciencia que estuda os mamíferos denomínase terioloxía.

Os mamíferos apareceron a finais do Triásico, hai uns 210 millóns de anos. Abranguen aproximadamente 5 400 especies, entre as que está o ser humano.

Misticetos

Os misticetos (Mysticeti), coñecidos comunmente como cetáceos con barbas ou como baleas, son unha suborde da orde dos cetáceos que se caracterizan pola presenza de barbas na boca, en lugar de dentes, como ocorre na outra suborde de cetáceos, a dos odontocetos.

As baleas adoitan seren de gran tamaño (de 7 a 30 metros) e viven exclusivamente no mar.

O termo balea debe reservarse para as especies dos misticetos. E segundo os cetólogos, máis concretamente para os integrantes da familia dos Balaenidae (con algunha excepción, como os das familias monoespecíficas dos Eschrichtiidae e dos Neobalaenidae, que son moi semellantes).

Outros cetáceos algo menos semellantes, os integrantes da familia máis abundante en especies, a dos Balaenopteridae, denomínanse tecnicamente rorcuais, pero tamén resulta habitual denominalos como baleas.

Así mesmo, na literatura de divulgación (e mesmo nalgúns casos na científica) en distintos idiomas tamén está implantado o uso de balea para designar a algunhas especies de cetáceos con dentes (odontocetos), como é o caso de balea asasina para designar á candorca (que nin é balea nin é asasina), de balea de esperma para o cachalote, ou de balea piloto para o caldeirón.

Tamén reciben este nome, ás veces, algunhas especies de zifios.

Odontocetos

Os odontocetos (Odontoceti, Flower, 1867) constitúen unha suborde dos cetáceos caracterizados por posuíren dentes, a diferenza das baleas e especies similares (misticetos) que posúen unhas formacións quitinosas chamadas barbas, con función filtradora.

Pelaxe

A pelaxe é a calidadade ou características dos pelos dos animais mamíferos. O pelame é o conxunto de pelos que nacen da pel dos animais mamíferos, especialmente a daqueles que teñen unha extensa cobertura de pelos. Cando as pelaxes dos animais son procesadas na industria peleteira para convertelas en abrigos e outros complementos para vestir conservando o seu pelo denomínase xeralmente peles. As máis apreciadas son as de pelos suaves e mestos, en oposición aos pelames de pelos escasos e duros de animais como os porcos, que non se utilizan. As pelaxes poden constar de capas diferenciadas de pelos. Os mamíferos con cantidades reducidas de pelo denomínanse ás veces "espidos" ou sen pelo, como as ratas toupa espidas, os cans sen pelo, cetáceos ou en boa medida o ser humano.

Os animais con pelaxes comercialmente valiosas son importantes para a industria peleteira, polo que son cazados ou criados. Os seres humanos utilizaron as peles de animais desde a Prehistoria para abrigarse. Porén, actualmente, o uso de peles para vestir ou decorar considérase polémico por parte dun sector da poboación que está en contra da caza ou da crianza de animais para usar a súa pelaxe con ese fin, xa que considera que non é moralmente aceptable.

Peteiro

O peteiro ou bico é unha formación córnea nas aves. Está composto polo maxilar superior e o maxilar inferior ou mandíbula.

O peteiro é o único xeito que teñen as aves para consumir alimentos. As aves non teñen dentes, así que engolen o seu alimento enteiro. A forma do pico dunha ave depende da súa dieta. Por exemplo, os papagaios usan os seus peteiros agudos para cascar froitas e noces, os colibrís teñen un peteiro en forma de tubo para extraer o néctar das flores. Noutras aves os machos emprégano para atraer ás femias (como o tucano e cálao). O do pelicano é longo, agudo e recto, para penetrar con pouca resistencia na auga, e cun pregue de pel no maxilar inferior para apañar nel peixes. As aguias e outras aves rapaces posúen o peteiro afiado e en forma de gancho, co fin de desgarrar doadamente a carne dos animais dos que se alimentan.

Os peteiros non son exclusivos das aves, pois estes tamén se atopan nos monotremas (ornitorrinco e equidna), tivérono algúns terápsidos antigos (como o listrosauro) e posúeno algúns moluscos cefalópodos coma as luras. Así mesmo, tamén se lle dá o nome de bico, ao fociño alongado e afiado dalgúns cetáceos, como, por exemplo, os golfiños e os zifios.

Toniña común

A toniña (do latín científico Thunnus) común, touliña ou marsopa, Phocoena phocoena, é unha especie de cetáceo odontoceto, unha das seis que integran a familia dos focénidos.

As toniñas adoitan vivir en mares boreais, preto das zonas costeiras e nas beiras dos esteiros, sendo a especie da súa familia máis doada de ver. A míudo adoita subir os cursos dos ríos, tendo sido atopadas toniñas a quilómetros do mar.

Ungulado

Un ungulado é un mamífero que se apoia e camiña co extremo dos dedos (ou descende dun animal que o facía), que están revestidos dun pezuño, como por exemplo a cabra. Trátase do grupo de mamíferos máis diverso que existe na actualidade e encóntranse en todo o mundo agás na Antártida, e Oceanía, onde foron introducidos. Os últimos achados fósiles e xenéticos indican que os cetáceos deberían ser considerados, inda que pareza incrible, como ungulados. A partir de análises moleculares, parece ser que os cetáceos descenden de animais artiodáctilos non especificados, e non de mesoníquidos como suxerían os estudosos de fósiles.

Dentro dos ungulados pódense citar as seguintes ordes existentes na actualidade:

Artiodáctilos

Perisodáctilos

Proboscídeos

Sirenios

Hiracoideos

Tubulidentados

Cetáceos

Zifíidos

A dos zifíidos (Ziphiidae) é unha familia de mamíferos cetáceos odontocetos, a única da superfamilia dos zifioideos, que inclúe os zifios.

Trátase da familia de grandes mamíferos menos coñecida: varias das súas especies non se descubriron até as dúas últimas décadas do século XX.

Os zifios son o segundo grupo de cetáceos en canto a número de especies, despois da familia dos golfiños, e foron un dos primeiros que diverxeron da liñaxe ancestral.

Os fósiles máis antigos encontráronse en sedimentos do mioceno, de hai uns 20 millóns de anos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.