Cereal

Este artigo trata sobre as plantas gramíneas, para o alimento industrial que se toma de mañá, véxase o artigo Cereal para o almorzo.
Various grains
Avea, orxo e produtos derivados.

Os cereais[1](da deusa romana da agricultura; Ceres) son plantas que se aproveitan principalmente polos seus grans, que botánicamente denomínase cariópside, o cal ten o endosperma con amidón que se pode transformar en fariña e que se presta a varias preparacións alimentarias (pan, pasta, bicas, etc.), e que tamén son a materia prima para a fabricación de bebidas alcohólicas (cervexa, whisky, sake). Ademais do seu uso dietético e en alimentación animal, sácase aceite deles, especialmente do millo.

En sentido estrito só son cereais algunhas gramíneas pero tamén se adoita a considerar como cereais os grans dalgunhas outras familias cultivadas para consumo humano ou animal. Seguindo esta interpretación estrita hai que considerar só seis cereais: o trigo, o millo, o arroz, a cebada, a avea e o centeo; nun sentido máis amplo, téndese a considerar como cereais o millo miúdo, o sorgo e mesmo o alforfón.[2]

Actualmente os cereais abastecen a maior parte (45%) das calorías alimentarias da humanidade.[3]

En termos botánicos os cereais pertencen ás familia poáceas (ou gramíneas). Algúns grans doutras familias botánicas asimílanse ás veces cos cereais: o gran de alforfón (polygonaceae), a quinoa (quenopodiaceae) e o sésamo (pedaliaceae).[4]

Historia antiga

Véxase tamén: Revolución neolítica.
Trilla del trigo en el Antiguo Egipto
Trillado de gran no Antigo Exipto.
Roman harvester, Trier
Máquina de cultivo romana.

A agricultura permitiu dar soporte a unha poboación aumentada, levando a sociedades máis grandes e finalmente ó desenvolvemento de cidades. Tamén creou a necesidade dunha organización política máis grande (e a creación da estratificación social), xa que as decisións tiveron que realizarse considerando o traballo, a asignación da colleita e os dereitos de acceso á auga e á terra. Agricultura levou ó sedentarismo, cando as poboacións se asentaron durante longos períodos de tempo, o cal levou á acumulación de bens materiais.[5]

A primeiras aldeas do Neolítico mostran evidencias do desenvolvemento do procesado do gran. O Levante é o berce dos antepasados do trigo, a cebada e os chícharos, en que moitas destas aldeas estiveron baseadas. Hai evidencia do cultivo de figos no val do Xordán hai 11.300 anos, e produción de cereal (gran) en Siria aproximadamente hai 9.000 anos. Durante o mesmo período, os campesiños en China empezaron para cultivar arroz e paínzo, utilizando inundacións provocadas polo home e queimas como parte do seu sistema de cultivo.[6] Os cultivos de fibra foron domesticados ó mesmo tempo que os cultivos alimentarios, con China domesticando cáñamo, algodón sendo desenvolvido independentemente en África e América do sur, e Asia Occidental domesticando liño.[7] O uso de emendas, incluíndo esterco, peixe, compost e cinzas de madeira, parece que comezou cedo, e desenvolveuse de forma independente en varias áreas do mundo, incluíndo Mesopotamia, o Val do Nilo e Asia Oriental.[8]

Os primeiros grans de cereal foron domesticados por humanos primitivos temperáns.[9] Aproximadamente hai 8.000 anos, foron domesticados por comunidades agrícolas antigas na rexión do Crecente Fértil. Triticum dicoccum, Triticum monococcum, e cebada eran tres dos chamados cultivos fundadores do Neolítico no desenvolvemento da agricultura. Ao mesmo tempo, os paínzos e os arroces comezaban a ser domesticados en Asia Oriental. O sorgo e os paínzos tamén eran domesticados na África subsahariana.

A revolución verde

Artigo principal: Revolución verde.

Durante a segunda metade do século XX houbo un incremento espectacular na produción de cultivos con alta colleita de cereais por todo o mundo, especialmente trigo e arroz, debido a unha iniciativa coñecida como a Revolución verde.[10] As estratexias desenvolvidas na Revolución verde concentráronse en eliminar a fame negra e foi moi exitosa en crear grandes campos monocultivo de cereais, pero aparentemente non deu relevancia abondo á cualidade nutricional.[11] Estas modernas plantacións de alta colleita teñen baixa cualidade de proteínas, con deficiencias de aminoácidos esenciais, teñen alta cantidade de carbohidratos, pero falta de ácidos graxos esenciais, vitaminas, minerais e outros factores de cualidade.[11]

Estrutura dun cereal

  • Xerme ou embrión: atópase no centro ou núcleo da semente, a partir do cal pódese desenvolver unha nova planta.
  • Endosperma: estrutura fariñenta ou feculenta que envolve ao embrión e que lle achega os nutrientes necesarios para o seu desenvolvemento.
  • Testa: capa exterior laminar que recobre o gran e lle achega nutrientes e vitaminas.
  • Casca: (farelo) capa máis exterior de todas e de certa dureza xa que protexe á semente. Está formada por fibras vexetais.

Composición dos cereais

Os cereais conteñen amidón que é o compoñente principal dos alimentos humanos. O xerme da semente contén lípidos en proporción variable que permite a extracción de aceite vexetal de certos cereais. A semente está envolta por unha casca formada sobre todo pola celulosa, compoñente fundamental da fibra dietética. Algúns cereais conteñen unha proteína, o glute, indispensable para que se forme o pan. As proteínas dos cereais son escasas en aminoácidos esenciais como a lisina.

O procesamiento dos cereais afecta á composición química e ao valor nutricional dos produtos preparados con cereais. Os nutrientes están distribuídos de modo heteroxéneo nos distintos compoñentes do gran (xerme, endospermo, revestimento da semente e distintas capas que o recobren). Non existe un patrón uniforme para os distintos tipos de cereais. Os efectos máis importantes do procesamento sobre o valor nutricional dos cereais están relacionados con:

  • A separación e extracción de partes do gran, deixando só unha fracción deste para o produto. Calquera perda no volume orixina unha perda de nutrientes.
  • As partes do gran que se refugan poden conter unha concentración de certos nutrientes (aumentando, entre outros aspectos, a proporción de nutrientes por peso).
  • O procesamento en si mesmo pode traer consigo cambios nos nutrientes (a xerminación, a fermentación, o sancochado).
  • A separación das capas exteriores do gran, a pesar de que causa a perda dalgúns nutrientes, pode resultar proveitosa. Por exemplo, a tanina concéntrase nas capas exteriores do sorgo, polo que a súa eliminación é esencial desde o punto de vista nutricional. Ao converter o arroz integral en arroz branco obtense un produto máis fácil de preparar.

Sistema postcolleita de cereais

Os cereais pasan por diferentes etapas a través dunha complexa e longa cadea, que comeza na colleita e remata no consumo. Este proceso está formado basicamente por tres áreas distintas. A primeira cobre desde a colleita ata o almacenado do gran. A segunda -os métodos preliminares de procesamento- involucra un tratamento adicional do gran, pero os produtos aínda non se atoparán aptos para ser consumidos directamente. Antes do seu consumo, estes deberán pasar por unha terceira etapa de procesamento, por exemplo o afumado.

A malla é o proceso polo cal quítase a casca ao cereal, xa sexa trigo, cebada, arroz etc.

A maioría dos grans comestibles cultivados nos trópicos pérdese debido aos inaxeitados sistemas de manexo, almacenado e técnicas de procesamento. Estímase que estas perdas oscilan entre o 10 e o 25% da colleita. As causas máis comúns polas cales prodúcense estas perdas son:

  1. Infestación de parasitos e insectos durante o procesamento de postcolleita.
  2. Perda de produción debido á colleita temperá.
  3. Niveis incorrectos de humidade para o trillado, moído e pulverizado.
  4. Perdas físicas debido ás malas técnicas de procesamento, tanto preliminar como secundario.

O procesamento dos cereais afecta á composición química e ao valor nutricional dos produtos preparados con cereais. Os nutrientes están distribuídos de modo heteroxéneo nos distintos compoñentes do gran (xerme, endospermo, revestimento da semente e distintas capas que o recobren). Non existe un patrón uniforme para os distintos tipos de cereais. Os efectos máis importantes do procesamento sobre o valor nutricional dos cereais están relacionados con:

  • A separación e extracción de partes do gran, deixando só unha fracción deste para o produto. Calquera perda no volume orixina unha perda de nutrientes.
  • As partes do gran que se rexeitan poden conter unha concentración de certos nutrientes (aumentando, entre outros aspectos, a proporción de nutrientes por peso).
  • O procesamento en si mesmo pode traer consigo cambios nos nutrientes (a xerminación, a fermentación, etc.).
  • A separación das capas exteriores do gran, a pesar de que causa a perda dalgúns nutrientes, pode resultar proveitosa. Por exemplo, os taninos condensados concéntranse na testa do gran do sorgo, polo que a súa eliminación é esencial desde o punto de vista nutricional. Ao converter o arroz integral en arroz branco obtense un produto máis fácil de preparar.

Principais cereais

Millo

Artigo principal: Millo.
Beautyfull corn
Mazarocas de millo secando.

O millo (Zea mays ssp. mays, zea provén do grego zeo, vivir) é unha planta da familia das gramíneas. É orixinaria de Centroamérica onde foi cultivada polos pobos indíxenas en tempos prehistóricos. Os rexistros arqueolóxicos e a análise filoxenética suxiren que a domesticación do millo empezou como mínimo hai 6.000 anos.[12] Os aztecas e os maias cultivaron numerosas variedades no centro e o sur de México. Grazas a ser un dos cultivos máis avanzados, foi a base alimentaria das civilizacións precolombianas mantendo unha poboación numerosa, ademais, os excedentes orixinaron un importante comercio na rexión. Foi coñecido polos europeos no ano 1492 durante a expedición de Cristóbal Colón a América[13] e durante o século XVI foi introducido en Europa e desde aquí ó resto do mundo grazas á súa adaptabilidade a varios climas. As variedades cultivares actuais derivarían da Zea Mexicana (Zea mays ssp. mexicana) e son bastante diferentes daquelas plantas que se cultivaban á chegada dos europeos en América, moito máis pequenas e con poucos grans.[14][15]

Prolifera en clima tropical ou subtropical. En regadío é o cereal de maior rendemento e supera os 10.000 kg/Ha. En lugares demasiado frescos para ser cultivado polo gran (altitude por encima de 1200 metros ou países de verán fresco como Gran Bretaña) aprovéitase a planta enteira para ensilala.

Arroz

Thai jasmine rice uncooked periodic
Grans de arroz.
Artigo principal: Arroz.

O arroz é unha planta herbácea e semiacuática do xénero Oryza. O seu gran é un dos principais alimentos da humanidade, incluído na dieta do 70% da poboación mundial. O arroz propiamente dito ten o nome científico de Oryza sativa[16] mentres que o arroz africano é o Oryza glaberrima.

Trátase dun cereal considerado como alimento básico en moitas culturas culinarias (en especial a cociña asiática), así como nalgunhas partes de América Latina.[17] O seu gran corresponde ao segundo cereal máis producido do mundo, despois do millo.[18] Debido ao feito de que o millo é producido para moitos outros fins que o do consumo humano, pódese dicir que o arroz é o cereal máis importante para alimentación humana, e que contribúe de forma moi eficaz á achega calórica da dieta. O arroz é responsable da achega calórica dunha quinta parte das calorías consumidas no mundo polos seres humanos.[19] Desde o ano 2008 realizouse un racionamento nalgúns países debido á carestía de arroz.[20] En países como Bangladesh e Cambodia pode chegar a ser case as tres cuartas partes da alimentación da poboación.

Dedícanse moitas hectáreas de cultivo para arroz no mundo. Sábese que o 95% do cultivo deste cereal esténdese entre os paralelos 53° de latitude norte ata 35° sur.[17] A orixe do cultivo está disputada entre os investigadores, discútese a orixe entre a China e a India.

Trigo

Farm field at Blackwater National Wildlife Refuge. (8574372789)
Campo de trigo.
Artigo principal: Trigo.

Trigo é o nome dalgunhas especies de plantas do xénero Triticum.[21]

A palabra "trigo" designa tanto á planta como ás súas sementes comestibles.[22] Son plantas anuais, amplamente cultivadas en todo o mundo.[23]

Coa súa fariña mesturada con auga e fermentada a temperatura elevada faise pan. Tamén é unha das materias primas dalgunhas clases de cervexa.

O trigo é un dos tres grans máis amplamente producidos no mundo, xunto ao millo e o arroz,[24] e o máis amplamente consumido polo home da civilización occidental desde a antigüidade; foi a base alimentaria dos pobos do Oriente Próximo e Europa. O gran do trigo é utilizado para facer fariña, fariña integral, sémola, cervexa e unha gran variedade de produtos alimentarios.[25]

O seu cultivo esténdese desde climas subtropicals como o de Exipto (cultivo de estación fría), onde se cultiva durante o mes de abril, ata os tépedos-fríos como Siberia, onde se cultiva en setembro.

As necesidades de auga do cultivo de trigo son relativamente baixas (500 litros por unha tonelada de materia seca) e pódese cultivar con precipitacións anuais de entre 300 e 800 litros, pero ten un período crítico, un mes antes de espigar, en que non pode carecer de auga.

Os lugares de verán cálido e seco son aptos para as variedades de gran duro Triticum durum. En lugares de inverno moi frío como Rusia, ou o norte dos Estados Unidos e Canadá, seméntanse en primavera variedades de gran brando.

Espelta

Spelt
Espelta.
Artigo principal: Espelta.

A espelta (Triticum aestivum subp. spelta) é considerada como unha subespecie de trigo (Triticum aestivium) ou ben se considera unha especie separada pero do mesmo xénero, Triticum que o trigo, denominada cientificamente Triticum spelta. É unha especie hexaploide con 42 cromosomas. É considerada un híbrido do Triticum dicoccoides e do Triticum boeoticum que se orixinou no Oriente Medio, onde foi cultivada polo menos hai 3000 anos. Ata a Idade Media cultivábase en Asturias, Suíza, Tirol e Alemaña.

A espelta e a espelta pequena (T. monococcum), foron as primeiras especies domesticadas de cereais. O seu cultivo é moi antigo, pero caeu practicamente en desuso e só se conservou en lugares de clima ou terras pouco adecuadas para o trigo normal, como certas zonas do centro de Europa. Ten un rendemento por ha. menor que o trigo.

É unha planta moi resistente ao frío e ás enfermidades que non experimentou as alteracións xenéticas das plantas cultivadas intensivamente.

Cebada

Gerstenkorrels Hordeum vulgare
Grans de cebada.
Artigo principal: Cebada.

A cebada (Hordeum vulgare) é unha planta herbácea anual da familia das gramíneas que se caracteriza por espigas con longas arestas. É un cereal de grande importancia tanto para os animais como para os humanos. Na clasificación de 2007 de cultivos de cereais no mundo, a cebada foi o cuarto, tanto en termos de cantidade producida (136 millóns de toneladas) como de área de cultivo[3]

O cultivo está bastante estendido (566.000 km² en 2007)[3] e, dadas as súas características, o cultivo en Europa chega aos 70° de latitude norte (en Rusia aos 66°), e en América aos 64°. En canto á altitude, chega ata os 1.800 m en Suíza e aos 3.000 m en Perú, e é o cereal que mellor se adapta ás latitudes máis elevadas.[26] En canto á temperatura, a cebada xermina a unha temperatura mínima de 6 °C. Florece aos 16 °C e madura aos 20 °C. Tolera moi ben as baixas temperaturas e chega a soportar os dez graos baixo cero.[26]

Os beduínos dos desertos e semidesertos adoitaban sementar cebada despois dunha choiva importante e facían unha pequena colleita tres meses despois aínda que non volvese chover.

No Tíbet é o cereal principal, e en forma de fariña mesturada con manteiga de iac é a base da alimentación tradicional.

Normalmente seméntase a final do outono ou comezo do inverno, e a colleita adoita ser a final de xuño ou comezo de xullo.

Unha vez batido, a palla é moi apreciada para alimentar o gando.

Avea

Oat groats
Grans de avea.
Artigo principal: Avea.

A avea (Avena sativa) é orixinaria do sueste asiático e naturalizada nos Balcáns. Utilízase como alimento para as persoas e para os animais. As variedades máis cultivadas son a Avena sativa e a Avena byzantina.

O seu cultivo estendeuse en todo o mundo pero os lugares onde a atopamos maioritariamente hoxe en día son o centro de Europa (ata 60 ° N) e en Norteamérica. O cultivo da avea parece que tivo orixe no centro e, especialmente, no oeste de Europa, onde o clima húmido e frío da zona tépeda o favorece.[27] Segundo o lugar seméntase en outono ou en primavera, posto que non resiste tanto os fríos do inverno como o trigo ou a cebada.

Centeo

Cozuelos Centeno
Grans de centeo.
Artigo principal: Centeo.

O centeo (Secale cereale) é unha planta herbácea anual, monocotiledónea da familia das gramíneas de 60 a 200 cm de altura, de follas anchamente lineais e planas, de espiga longa, densa e un pouco comprimida, e de espículos con dúas flores aristadas.

A diferenza da cebada e o trigo, que foron domesticados, o centeo aparece, nun principio, como maleza dos cultivos anteriores. En lugar de eliminala, os pobos adoptárona como cultivo. A planta é orixinaria do suroeste asiático, na rexión do Mar Caspio. No ano 3000 aC coñécese xa en detalle e o seu cultivo esténdese por Europa durante o seguinte milenio.[28]

O centeo pode xerminar ata -1 °C e madurar a unha temperatura inferior aos 12 °C, atributos que lle permitirían ser cultivado naqueles lugares onde o trigo non o podía ser, por exemplo o norte de Europa. Ademais, o feito de presentar unha raíz longa, de ata dous metros, converteríao nun cultivo apto para lugares secos, especialmente de montaña.[29] É un cereal que se cultiva para extraer o gran, como planta forraxeira e para aproveitar un fungo que o parasita, o cornizó.

Sorgo

Sorghum almum seeds
Grans de sorgo.
Artigo principal: Sorgo.

O sorgo é un xénero de gramíneas, con algunhas especies cultivadas como cereais e que tamén inclúe algunhas malas herbas. O xénero comprende unhas trinta especies dentro da familia das gamíneas (subfamilia das andropogoneae).[30]

O sorgo cultivado para gran ocupa a quinta posición na produción de gran no mundo cunhas 44.000.000 hectáreas cultivadas.

Millo miúdo

Millet
Grans de millo miúdo.
Artigo principal: Millo miúdo..

O millo miúdo (Panicum miliaceum), é unha planta da familia das gramíneas. É unha gramínea de 40 a 100 cm de altura . Ten unhas inflorescencias (en panícula) densas e colgantes.

É orixinaria da India pero moi cultivada na antiga Unión Soviética, China e África occidental, onde forma parte da dieta básica. Noutros lugares só se aproveita para alimentación animal, pero igual que o alforfón revitalizouse o consumo na moderna dietética, posto que é un cereal sen glute.

Resiste moi ben a seca, é de fácil conservación e de ciclo moi curto, cousa que permite aproveitar unha curta tempada chuviosa.

Pseudocereais

Baixo a denominación de pseudocereais agrúpanse aquelas plantas non gramíneas que son explotadas de forma igual aos cereais.[31]

Trigo mouro

Fagopyrum гречка
Grans de trigo mouro.
Artigo principal: Trigo mouro.

O trigo mouro, (Fagopyrum esculentum), é unha planta da familia das polygonaceae. Non se trata desde o punto botánico dun auténtico cereal (non é unha gramínea nin ten glute), pero faise o mesmo uso del. Tradicionalmente era empregado para penso para animais, pero a partir dos anos 80 do século XX o cultivo rexurdiu polo incremento da nutrición equilibrada e natural. Contén as proteínas de máis alto valor biolóxico do reino vexetal, cousa que o fai popular entre algúns vexetarianos e como non ten nada de glute, úsase en alimentos para celíacos.

Quinoa

Quinoa-gepufft
Grans de quinoa.
Artigo principal: Quinoa.

A quinoa (Chenopodium quinoa) é unha planta do xénero Chenopodium, da familia das Amaranthaceae cultivada principalmente pola súa semente comestible. Orixinaria da rexión andina de América, onde era unha especie cultivada moi importante xunto á pataca e o millo durante 6.000 anos. Pódese cultivar nos Andes e no altiplano andino ata unha altura de 4.000 metros. O alto contido en saponina da cuberta da semente fai que os paxaros non ataquen o cultivo.

Actualmente a quinoa está moi revalorizada e as Nacións Unidas considérao un supercultivo polo alto contido en proteína que ten (12-18%). Ademais, contén todos os aminoácidos esenciais de maneira equilibrada (trigo e arroz, en cambio, son baixos en lisina. É rica en fibra dietética, fósforo, magnesio e ferro. Ademais non ten glute e é fácil de dixerir.

Sésamo

Food grain sesame 1
Grans de sésamo.
Artigo principal: Sésamo.

O sésamo (Sesamum indicum) é unha especie da familia das Pedaliaceae. Parece orixinaria da África, non se atopa en estado espontáneo. Cultívase en rexións tropicais e subtropicals polas súas sementes oleaxinosas (aceite de sésamo). É un dos cultivos máis antigos da humanidade e xa os sumerios cultivábana e exportaban o aceite en grandes cantidades. Co sésamo faise aceite e tahina, unha pasta moi utilizada na cociña árabe. Outros usos do sésamo son a decoración de pans, o sal de sésamo ou como ingrediente do "sushi" e outras preparacións da cociña xaponesa. As propiedades nutritivas das sementes de sésamo inclúen as de ser anticolesterólico e anticanceroso.

Utilización

Na alimentación humana

Na alimentación humana son o trigo, o arroz e logo o millo os que principalmente se utilizan hoxe en día. A cebada utilízase principalmente na fabricación da cervexa para facer a malte.

Algúns cereais secundarios volveron a utilizarse a finais do século XX coa volta a unha agricultura orgánica como a espelta, o centeo ou a avea.

Outras plantas como a quinoa, que se cultiva tradicionalmente en América do Sur, teñen un mercado en crecemento, especialmente no ámbito da agricultura ecolóxica. Cabe aclarar que a quinoa é un pseudocereal, pertencente á subfamilia Chenopodioideae das amarantáceas.

  • Principais formas de consumo de cereais:
    • en grans: arroz, millo, trigo (a miúdo precocido), cebada, avea, quinoa;
    • fariña: trigo, centeo, espelta, para a pastelaría (pan, pastas) e tortas, millo, arroz;
    • sémola: trigo duro (cuscús pasta), millo (polenta), Digitaria exilis;
    • papas: avea (papas: alimento inglés tomado no almorzo);
    • copos: avea; millo
    • pasta: trigo duro, centeo, espelta, arroz, millo.

Alimentación animal

Céréales aplaties
Cereais molturados utilizados como alimento para gando.

Unha gran parte da produción mundial destínase á alimentación animal do gando: nos países desenvolvidos, o 56 por cento do consumo de cereais prodúcese na alimentación do gando, o 23 por cento nos países en desenvolvemento.[32] A nivel mundial, o 37 por cento da produción de cereais destínase a alimentar aos animais de granxa.[33]

En alimentación animal utilízanse practicamente todos os cereais, incluso o trigo, tradicionalmente reservado aos homes, baixo diversas formas:

  • en gran enteiro;
  • en gran triturado e incorporado aos pensos
  • plantas enteiras, cultivadas antes da súa madurez, en forma de ensilado: millo e sorgo.

Ademais do gran, algúns cereais tamén proporcionan forraxes e palla.

Usos industriais

Algúns dos usos dos cereais na industria son os seguintes:

  • Produción de alcol etílico e bebidas alcohólicas por fermentación e destilación: aquavit, cervexa, xenebra, sake, vodka, whisky, etc.
  • O glute é moi demandado en todo o mundo, principalmente pola industria alimentaria pero tamén doutros tipos, debido ao seu baixo custo económico e as súas propiedades viscoelásticas e adhesivas únicas.[34] Ademais de estar presente na gran maioría dos alimentos procesados que se comercializan actualmente (como espesante ou aglutinante, ou en forma de contaminación cruzada ou mesmo por adulteración),[35] tamén se emprega na fabricación de produtos farmacéuticos (incluíndo medicamentos con receita e de venda libre, gargarismos e colutorios, suplementos vitamínicos e minerais, produtos a base de plantas medicinais, suplementos dietéticos, vendas adhesivas, esparadrapos e tiras adhesivas sanitarias), todo tipo de produtos cosméticos e de coidado persoal (barras de beizos, bálsamos e brillos labiais, pasta de dentes, enxuagues bucais, produtos para o coidado da pel e o cabelo, etc.), pensos e alimentos para animais de granxa e mascotas, champús para cans e pasta de modelar para nenos.[34][36][37]
  • Derivados do amidón, xaropes, dextrosa, dextrina, poliois, principalmente do millo, e utilizados na elaboración de alimentos, papel, produtos farmacéuticos e nos diferentes sectores industriais.
  • A palla, a miúdo enterrada despois da colleita ou utilizada como cama para o gando, e as mazarocas de millo (sen grans), pódese procesar para producir etanol, utilizado como biocombustible.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cereal. Consultado o 21-09-2017.
  2. «cereal». L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.
  3. 3,0 3,1 3,2 Food and Agriculture Organization of the United Nations (ed.). "FAOSTAT" (en inglés). Consultado o 18 maio 2009.
  4. Barnola, J. M. S. J. (1908). Manual del botánico herborizador (en castelán). Barcelona: Editorial Manuel Marín.
  5. DK Jordan (24 de novembro de 2012). "Living the Revolution". The Neolithic. Universidade de California – San Diego. Consultado o 22 de abril de 2013.
  6. "The Development of Agriculture". National Geographic. Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2016. Consultado o 22 de abril de 2013.
  7. Hancock, James F. (2012). Plant evolution and the origin of crop species (3ª ed.). CABI. p. 119. ISBN 1-84593-801-1.
  8. UN Industrial Development Organization, International Fertilizer Development Center (1998). The Fertilizer Manual (3rd ed.). Springer. p. 46. ISBN 0-7923-5032-4.
  9. Serna-Saldivar, Sergio (2010). Cereal Grains: Properties, Processing, and Nutritional Attributes. p. 535. Consultado o 22 de xuño de 2015.
  10. "Lessons from the green revolution: towards a new green revolution". FAO. Consultado o 5 de xuño de 2017. The green revolution was a technology package comprising material components of improved high-yielding varieties (HYVs) of two staple cereals (rice and wheat), irrigation or controlled water supply and improved moisture utilization, fertilizers and pesticides and associated management skills.
  11. 11,0 11,1 Sands DC, Morris CE, Dratz EA, Pilgeram A (2009). "Elevating optimal human nutrition to a central goal of plant breeding and production of plant-based foods.". Plant Sci (Review) 177 (5): 377–89. PMC 2866137. PMID 20467463. doi:10.1016/j.plantsci.2009.07.011.
  12. The Biology of Zea mays L. ssp mays (maize or corn), Office of the Gene Technology Regulator, Department of Health and Ageing, Goberno de Australia. 2008.
  13. Hipp, Andrew (2004). Corn inside and out (en inglés) (Primeira ed. ed.). Nova York: The Rosen Publishing Group Inc. p. 4. ISBN 0-8239-4205-8. Consultado o 12 de outubro da 2010.
  14. Wayne Smith,, C.; Betrán, Javier; Runge, Edward C. A. (2004). Corn: origin, history, technology, and production. Hooboken, NJ: John Wiley and Sons. ISBN 9780471411840.
  15. Staller, John E. (2010). Maize Cobs and Cultures: History of Zea Mays L. Hooboken, NJ: Springer. ISBN 9783642045059.
  16. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para arroz. Consultado o 22-09-2017.
  17. 17,0 17,1 Kiple, Kenneth F; Kriemhild, Conee Ornelas (2000). Cambridge World Encyclopaedia of Food, Volume E, Animal, Marine and Vegetable Oils. Cambridge University Press:, Cambridge (Inglaterra). pp. 375–379.
  18. "ProdSTAT". FAOSTAT. Consultado o 07-04-2009.
  19. Smith, Bruce D. (1998). The Emergence of Agriculture (en inglés) (1a ed.). Nova York: W H Freeman & Co. ISBN 0716750554.
  20. BBC World Service - News - Global rice shortage
  21. Belderok, Bob; Mesdag, J.; Donner, Dingena A. (2000). Bread-making quality of wheat: a century of breeding in Europe (en inglés). Nova York, NY: Springer. ISBN 9780792363835.
  22. Salvat Editores (1985) Diccionario enciclopédico Salvat básico. Salvat, Barcelona.
  23. Cendrero, Orestes (1938). Nociones de historia natural. Séptima edición, París. pp.243.
  24. FAO (Food and agriculture organization of the United Nations), 2006
  25. Kent, Norman Leslie (1983). Technology of Cereals: An introduction for students of food science and agriculture (en inglés). Oxford: Oxford: Pergamon Press Ltd. ISBN 9780080408347.
  26. 26,0 26,1 Infoagro Systems, S.L. (ed.). "EL CULTIVO DE LA CEBADA" (en castelán). Consultado o 4 marzo 2012.
  27. Enciclopèdia Catalana, SAU (ed.). "Civada". L'Enciclopèdia. Consultado o 12 de decembro de 2009.
  28. Universidade de Lleida e Universidade Politécnica de Catalunya (ed.). "Secale cereale". botánica agrícola e forestal. Consultado o 4 decembro de 2009.
  29. Enciclopèdia Catalana, SAU (ed.). "Sègol". Gran Enciclopèdia Catalana (en catalán). Consultado o 5 de agosto de 2009.
  30. National Germplasm Resources Laboratory (ed.). "National Genetic Resources Program." (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2015. Consultado o 4 marzo 2012.
  31. University of Arkansas Division of Agriculture (ed.). "Glossary of Agricultural Production, Programs and Policy" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2007. Consultado o 2 de marzo de 2012.
  32. World Resources Institute, Earth trends, Agriculture & food, Table data base , consultado 17 de xuño de 2008 [1] ou [2]
  33. Lester Brown, Le plan B, pour un pacte écologique. Capítulo 9. Dispoñible en liña en inglés
  34. 34,0 34,1 Day L, Augustin MA, Batey IL, Wrigley CW (2006). "Wheat-gluten uses and industry needs". Trends in Food Science & Technology (Revisión) 17 (2): 82– 90. doi:10.1016/j.tifs.2005.10.003.
  35. Comino, I; Real, A; Moreno, ML; Cebolla, A; Sousa, C (2013). "Detección de la fracción inmunotóxica del gluten: aplicaciones en seguridad alimentaria y en la monitorización de pacientes celíacos". Enfermedad celíaca y sensibilidad al gluten no celíaca: 433-445. doi:10.3926/oms.24.
  36. National Institutes of Health (Estados Unidos) (xuño de 2016). "Treatment for Celiac Disease". Consultado o 9 de xuño de 2017.
  37. Flamez B, Clark AA, Sheperis CJ (2014). "Celiac Disease. Psychological Developmental and Family Counseling Issues". The Family Journal 22 (2): 226–30. doi:10.1177/1066480713515407.

Véxase tamén

Outros artigos

Avea

Para obter información da especie normalmente cultivada ver o artigo Avea común

As aveas son plantas pertencentes ao xénero Avena da familia das poáceas, utilizadas como alimento e coma forraxe para o gado. As especies máis cultivadas a nivel mundial son a Avena sativa e mais a Avena byzantina nesta orde. En Galicia, malia terse cultivado dende a antigüidade, non foi dos cereais máis sonados. No país medran especies espontáneas, algunhas daniñas; ademais da avea común (Avena sativa), medra brava a avea bouba, louca ou balloca (Avena fatua).

Malia non ter a importancia no pasado doutros cereais coma o trigo, o orxo ou o millo en Galicia, en Asia Central cultivábase en boa cantidade. As investigacións arqueolóxicas proban o uso da avea na Europa Central xa na Idade de Bronce. Tamén foron atopados grans deste cereal en escavacións exipcias, aínda que o seu cultivo non foi demostrado.

Burgelu

Burgelu (en éuscaro: Burgelu ou Burgu, en castelán: Elburgo, oficialmente Elburgo/Burgelu) é un concello de Áraba, no País Vasco. Pertence á cuadrilla de Agurain e tiña en 2014 unha poboación de 624 habitantes.

O municipio está formado por seis localidades que forman concejos: Añua, Arbulo/Arbulu, Argomaiz, Elburgo/Burgelu (capital), Gazeta e Hijona/Ixona. Ademais tamén forma parte do municipio o pequeno núcleo de Azua.

Parte da poboación traballa na próxima Vitoria, situada a 12 km, e o resto dedícase á actividade agropecuaria, destacando o cultivo de cereal. Nos últimos anos xurdiu tamén un pequeno núcleo de profesionais que teñen a base da súa actividade no municipio.

Por Burgelu pasaba a calzada romana que ía de Bordeos a Astorga, e logo foi aproveitada polos peregrinos como variante do Camiño de Santiago. O rei castelán Afonso X o Sabio construíu varios camiños reais (antigas estradas) aproveitando tramos da calzada, co fin de unir Castela cos portos do Cantábrico. Os peregrinos xacobeos aproveitaron tamén parte destes camiños reais para dirixirse a Compostela. Daquel entón consérvanse no municipio varias igrexas e ermidas.

Castaña

Este artigo trata sobre a castaña europea (xénero "Castanea"), para a castaña brasileira véxase o artigo castiñeiro de Pará.

A castaña é o froito do castiñeiro, árbore da familia das fagaceae, nativa de climas cálidos do hemisferio norte. Preséntase nunha cápsula espiñenta que ten entre 5 e 11 centímetros de diámetro que contén de 2 a 7 castañas.

As castañas son unha importante fonte de alimentación no sur de Europa, no suroeste e no leste de Asia e tamén no leste de Norteamérica, antes da praga da castaña. Durante a Idade Media, no sur de Europa as comunidades que habitaban cerca de soutos e que tiñan escaseza de acceso á fariña cereal, utilizaban as castañas como a súa principal fonte de carbohidratos.

As castañas pódense comer crúas, fervidas, asadas ou doces. En Galicia ademais de asadas (ver magosto), adoitan comerse cocidas con sal e herbas, coma fiúncho e nébeda, para seren máis dixeríbeis. En Francia a miúdo véndese o doce de castaña coñecido como marron glacé, así como a crema de castañas. Un xeito sinxelo de asalas é cortar unha pequena fenda en cada castaña e quentalas nun contedor metálico a 400ª durante 10 ou 15 minutos. O obxecto da fenda é evitar que estouren mentres se asan.

Outro importante uso das castañas é a fariña, coa que se pode preparar pan, pasteis e pasta.

As receitas gastronómicas de castañas están xurdindo ultimamente coa recuperación de receitas tradicionais, especialmente en Italia.

As castañas para se conservaren teñen que estar completamente secas antes de retirar a cápsula espiñenta que as contén e deixalas nunha caixa ou barril cobertas de area fina. Pódese consumir fresca, seca, cocida e asada, a castaña constituíu unha importante contribución calórica para o home e tamén se utilizou na alimentación dos animais domésticos, xa que son ricos en graxas, proteínas, minerais e en vitamina C.

Cebada

A cebada ou orxo (Hordeum vulgare) é unha gramínea cerealífera de grande importancia tanto para humanos como para animais, e representa a quinta maior colleita do mundo. Pertence á familia das gramíneas e a área cultivada no mundo chega a 530.000 km². O seu período de xerminación é de 1 a 3 días. As súas flores dispóñense en espigas, na extremidade do colmo, e os froitos, amarelados e ovoides, fornecen unha fariña alimenticia. A xerminación dos grans (malte) da especie (Hordeum distichum) utilízase na fabricación da cervexa, e os grans torrados e moídos son usados na fabricación dunha bebida sen cafeína de aspecto semellante ao café.

Celeiro (construción)

Un celeiro é unha construción no rural onde os agricultores almacenan o gran, os produtos da colleita e o alimento para os animais.

Ás veces por extensión chámase celeiro a calquera edificio agrícola utilizado para almacenamento, corte, equipamentos agrícolas, vehículos e como lugar de traballo cuberto (alpendre ou alboio). Tamén ten a acepción de hucha, caixa onde se garda o cereal (arca, tulla, barra).

Nos celeiros primitivos, a olaría era o xeito máis común de almacenaxe nestas construcións. Moitas veces os celeiros constrúense a certa altura do chan para manter a colleita lonxe de roedores ou da humidade en zonas chuviosas. O hórreo é un tipo de celeiro en altura. En Galicia (tamén chamado canastro) e no norte de Portugal (chamado espigueiro), acostuma ser o celeiro-secadoiro por excelencia. O hórreo asturiano só serve, porén, para almacenaxe.

Centeo

O centeo (Secale cereale (L.) M.Bieb.) é unha gramínea que se cultiva polo seu gran e como planta forraxeira. É un membro da familia do trigo e relaciónase estreitamente co orxo.

O gran do centeo utilízase para facer fariña (fariña centea) e na industria da alimentación. É altamente tolerante á acidez do solo. O primeiro uso posible do centeo doméstico remóntase a Abu Hureyra ao norte de Siria, no val do Éufrates no Paleolítico tardío. É un cultivo común en Galiza, sendo a fariña centea unha das máis empregadas noutrora para facer pan.

Culler

Unha culler ou cullar é un utensilio de cociña que consiste nunha pequena cabeza cóncava no extremo dun mango, usada principalmente para servir ou comer un alimento líquido ou semilíquido, e algúns alimentos sólidos como arroz e cereal que non poden ser doadamente erguidos cun garfo. As culleres tamén son utilizadas na preparación de alimentos para medir e mesturar ingredientes. Xeralmente están feitas de metal, madeira, porcelana ou plástico.

Hórreo

Un hórreo é unha construción destinada a gardar e conservar os alimentos afastados da humidade e dos animais para mantelos nun estado óptimo para o seu consumo. Caracterízase por manterse sobreelevado sobre pés, co fin de evitar a entrada de humidade e animais dende o chan e por permitir a ventilación a través de rañuras nas paredes perimétricas.

O antropólogo polaco Eugeniusz Frankowsky, en 1918, rexistra o uso de celeiros aéreos na Península Ibérica, rexión dos Alpes, península escandinava, área dos Balcáns, África subsahariana, Persia, sueste asiático, Xapón, península de Kamchatka e área do estreito de Bering, empregados para a conservación do cereal. A especificidade do hórreo como tipoloxía reside na súa ligazón co cultivo do millo e á súa maduración e secado en zonas de clima atlántico. O uso do hórreo está estendido por boa parte do norte da Península Ibérica, con especial abundancia na rexión costeira noroeste, en áreas nas que a pronta chegada dun inverno longo, frío e húmido obriga a facer colleitas temperás.

Illa Norte

A Illa Norte[Cómpre referencia] ou Illa do Norte ('North Island' en Inglés, ou 'Te Ika ā Maui', 'O Peixe de Maui', en Maori) é unha das dúas illas principais de Nova Zelandia, separada da Illa Sur, polo Estreito de Cook.

A illa ten unha rexión montañosa (máis baixa que a da Illa Sur), que consta de montes boscosos, unha meseta central volcánica e outeiros.

Os vales de Rotorua e Taupo, situados preto da Baía de Plenty, teñen algúns dos mananciais termais máis grandes de Nova Zelandia. Prodúcense cando a auga subterránea sobrecalentada xorde á superficie a través das rocas. O lago Taupo, situado no centro da illa, é o maior de Nova Zelandia e ocupa o cráter dun volcán extinto.

Cara ao suroeste da illa atópase un volcán extinto, o monte Taranaki, de 2518 metros.

O clima e a topografía da illa son máis favorables para a agricultura. Ovinos e bovinos poden alimentarse no verán e inverno nos ricos pastos que rodean Auckland e Christchurch. Unha ampla gama de cultivos, que inclúen hortalizas, cereal e froitas como a uva e o kiwi, prodúcense na parte norte de Nova Zelandia. As ricas zonas pesquerías do Océano Pacífico teñen unha crecente importancia económica.

Les Borges Blanques

Les Borges Blanques é un municipio da provincia de Lleida, en España. É a capital da comarca das Garrigues. Sitúase entre a zona regada polo canle de Urgell e as zonas da depresión central. O cultivo de oliveiras, almendros, cereal e árbores froiteiras é a ocupación principal das xentes deste municipio, así como a industria e os servizos.

Malla

A malla é a operación de bater nun cereal coa finalidade de separar a semente ou grans da palla. Aínda que no pasado era unha operación manual na que se facía uso dun sinxelo aparello denominado mallo e mais dun solo preparado para a malla, chamado aira ou eira, esta tarefa é realizada na actualidade por máquinas que reciben o nome xenérico de malladoras.

A malla é un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans. Malia que a malla serve para separar a puxa ou gluma do gran, non serve para desprendela doutra envoltura, o farelo, que se efectúa despois da muiñaxe, peneirando a muiñada.

Mollo de soia

O mollo de soia ou salsa de soia (醤油 shōyu en xaponés, 醤油 jiàng yóu en chinés) é un mollo fabricado a partir dunha mestura de grans de soia fermentados polos microrganismos Aspergillus oryzae e Aspergillus soyae, un cereal torrado, auga e sal mariño.

É común na gastronomía oriental, especialmente para acompañar o suxi.

Montemayor

Montemayor é un municipio español da provincia de Córdoba, Andalucía, emprazada en plena campiña cordobesa. A súa situación sobre o monte de maior elevación da contorna dálle á vila o seu nome propio, así como o sobrenome de Mirador de la Campiña. Conta cun miradoiro con excelentes vistas situado ao pé do seu castelo. No ano 2005 tiña 3.890 habitantes. A súa extensión superficial é de 58 km² e ten unha densidade de 67,1 hab/km². As súas coordenadas xeográficas son 37º 39' N, 4º 42' O. Atópase situada a unha altitude de 413 metros e a 32 quilómetros da capital de provincia, Córdoba. A súa economía baséase no sector primario, sendo as súas principais producións o cereal, o viño e o aceite.

O millo na cultura popular galega

O millo (Zea mays), malia ser orixinario das Américas, é unha gramínea fundamental na cultura galega pois xogou un papel fundamental na alimentación do pobo nos últimos séculos. O principal pan do país facíase con millo, a paisaxe enchouse de leiras de millo, os hórreos foron agrandados e mellorados, e en xeral a poboación de Galicia aumentou coa chegada deste cereal. A primeira referencia do seu cultivo en Galiza data de 1610, na zona do Barbanza. Refraneiros e cántigas deixan pegada da súa importancia.

Pan

O pan (do latín panis) é un alimento básico que forma parte da dieta tradicional en Europa, Oriente Medio, India, América e Oceanía. Adóitase preparar mediante o enfornado dunha masa, elaborada fundamentalmente con fariña de cereais, sal e auga; en ocasións engádense outros produtos para conferirlle determinadas calidades, como especias, froitos secos, froitas confitadas, mel etc. A mestura, na maioría das ocasións, adoita conter lévedos para que fermente a masa e sexa máis esponxosa e tenra.A adición do lévedo provoca a fermentación da masa antes do enfornado, e como consecuencia, proporciónalle volume e esponxosidade debido á produción de pequenas burbullas de dióxido de carbono (CO2) que quedan inmersas entre a masa húmida da fariña. Ao pan elaborado sen o emprego de levedo chámaselle pan ácimo e, debido a esa falta de lévedo, carece da esponxosidade típica dos pans "inchados" ou "lévedos"; pode ser cocido no forno, asado nunha prancha ou mesmo frito.

É moi posible que as elaboracións máis primitivas de pan non levasen lévedo, e a fariña consistise en grans malamente moídos mesturados con auga que se deixaban secar ao sol ou que acababan entre as cinzas dun lume. Os pans aplanados, moi populares nalgunhas culturas, é moi posible que sexan os de fabricación máis antigos. Unha variante do pan con denominación propia, son as galletas e os pasteis, que posúen diferentes masas azucradas. É moi posible que xurdisen do coñecemento panadeiro como unha necesidade de facer pans "máis manexables" e nutritivos.Á masa pódenselle dar diferentes formas, debido ao emprego de diversos moldes e técnicas de amasado. Desta forma existen: as barras, os moletes, os roscóns, o pan de molde, as roscas etc.

A fariña máis habitual é a de trigo, pero tamén se elabora coa fariña doutros cereais, como o centeo, cebada ou millo (a broa) e mesmo doutros produtos, como o arroz, a pataca e a soia.

As partes principais son a codia (parte exterior, que adoita ser rexa e torrada) e mailo miolo (parte interior branda e esponxosa).

O pan foi tan importante na alimentación humana, que se considera como sinónimo de alimento en moitas culturas. Así mesmo, participa en moitos rituais relixiosos e sociais, como o matzoh, na Pascua xudía, a hostia na eucaristía cristiá, o rito de benvida dos pobos eslavos que involucra o pan e o sal etcétera.

Antigamente nas zonas rurais, o pan era elaborado nos núcleos familiares e os poucos establecementos para dispensar o pan, as panaderías, foron cobrando importancia nas zonas urbanas. Hoxe en día existen electrodomésticos específicos cos que se pode elaborar pan de forma moi sinxela, como por exemplo na máquina panificadora.

Na actualidade o pan é un dos alimentos básicos que pode atoparse en case calquera tenda de alimentación e grandes superficies. O seu valor fai que se poidan calcular índices económicos de referencia, como o índice de prezos ao consumo (IPC), empregado para determinar a evolución do custo de vida nas nacións.

Priego de Córdoba

Priego de Córdoba é un municipio do sur de España, pertencente á provincia de Córdoba. Pertence á comarca de Subbética e é chamada "a cidade da auga", polos numerosos mananciais do termo municipal. Segundo o padrón de 2009, conta con 23.513 habitantes, repartidos entre a capital, 8 aldeas e 17 diseminados.

O termo municipal de Priego de Córdoba está dedicado case na súa totalidade á agricultura do oliveiral para a elaboración do aceite, do que obtivo a denominación de orixe, en parte debido á climatoloxía e xeoloxía da contorna, cun relevo moi accidentado, non moi propicio debido ao alto índice de pendentes existentes, e un clima que propiciaron o seu desenvolvemento, aínda que tamén dedicado ao cultivo do cereal, legumes e outros cultivos.

Debido á súa historia, cun rico patrimonio histórico que data desde a época romana, e á súa localización, situado dentro do parque natural da cordilleira Subbética en pleno centro de Andalucía, estase explotando o desenvolvemento do turismo.

Sorgo

O sorgo é o nome común de calquera planta do xénero Sorghum spp. Un xénero dunhas 20 especies de gramíneas orixinarias das rexións tropicais e subtropicais de África oriental. Ten a súa orixe en África do leste e procede das variedades salvaxes en Etiopía hai 5.000 anos. Cultívanse na súa zona de orixe, Europa, América e Asia como cereal para consumo humano, animal, na produción de forraxes, e para a elaboración de bebidas alcólicas e vasoiras. A súa resistencia á seca e á calor faino un cultivo importante en rexións áridas, e é un dos cultivos alimentarios máis importantes do mundo.

É a quinta colleita de cereal no mundo, canto á súa produción (470.000 km², colleitado en 1996). O produtor máis grande é Estados Unidos.

O sorgo coñécese con varios nomes: millo grande e millo de Guinea en África occidental, kafir en África austral, duro no Sudán, mtama en África oriental, iowar na India e kaoliang na China (Purseglove, 1972).

As moitas subespecies divídense en catro grupos: sorgos do gran, sorgos da herba (para o pasto e o feo), sorgos doces (xaropes do sorgo), e millo tipo vasoira (para as vasoiras e os cepillos).

Ao se tratar dun alimento carente de glute, representa unha opción nutritiva para as persoas celíacas. Posúe propiedades antidiarreicas, ou adstrinxentes, e homeostáticas.

O sorgo común (Sorghum vulgare ou Sorghum bicolor) é a especie máis estendida, cuxas sementes se utilizan para facer fariña e a planta como forraxe.

Trigo

O trigo é o termo xeral que designa as distintas especies bravas e cultivadas do xénero Triticum spp, cereal anual que se cultiva en todo o mundo. Globalmente, é o segundo gran comestíbel máis cultivado, xunto ao millo; sendo o terceiro o arroz; e o máis consumido polo ser humano na civilización occidental dende a antigüidade. En Galiza cultívase dende hai séculos, aínda que outros cereais, como o millo, que ten máis importancia no país .

O glute do trigo dálle ao pan unha consistencia elástica á masa de fariña e auga. Por mor da intolerancia ao glute (doenza celíaca) moitas persoas non poden consumir trigo nin outros cereais (orxo, centeo).

O gran de trigo utilízase para facer fariña triga, sémola, cervexa e unha gran variedade de produtos alimentarios.

Coa fariña faise:

Pan: empanadas, pizzas etc.

Repostaría: biscoitos, madalenas, roscas etc.

Pasta: tallaríns, macarróns, canelóns etc.

Mollos: salsa bechamel

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.