Centro penitenciario

Centro penitenciario, cárcere, prisión ou presidio é un lugar de internamento para os presos ou prisioneiros que a través do sistema xurídico están sentenciados a unha pena de privación de liberdade, temporal ou permanente. A diferenza cun campo de reagrupamento, campo de internamento, campo de prisioneiros, campo de retención, campo de concentración ou campo de exterminio é que conta con construcións pechadas comúns (calabozos, barracóns), e nestes obríganse ademais normalmente a realizar traballos forzados.

Centro penitenciario da Lama
C. P. da Lama.

Prisións en Galicia

Centro de Inserción Social Carmen Avendaño Otero
C.I.S. Carmen Avendaño Otero.

Actualmente en Galicia existen cinco centros penitenciarios que funcionan como tal: o CP da Lama, o CP de Bonxe (Outeiro de Rei), CP de Monterroso, o CP de Pereiro de Aguiar (Pereiro de Aguiar), e o CP de Teixeiro (Curtis). Amais, existen dous centros de inserción social: o CSI da Coruña, que leva o nome de Carmela Arias y Díaz de Rábago, e o CIS de Vigo, que leva o nome de Carmen Avendaño.

Antigo cárcere da illa
Antigo cárcere de San Simón.

Antigamente era frecuente que cada vila tivese un pequeno cárcere, e en tempos de guerra habilitábanse outros lugares como prisións. Cárceres galegos de sona foron o da Illa de San Simón, o Castelo de San Antón (actual Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña)[1], a prisión de Vigo (actual Museo de Arte Contemporánea de Vigo)[2], ou o cárcere da Parda (Pontevedra).

Outras prisións coñecidas

As prisións na cultura

En ocasións, os centros penitenciarios forman parte da ambientación de obras literarias ou cinematográficas, ben de forma secundaria, ou ben como eixo central. Así, películas como Cela 211, A grande evasión ou The Rock, e series como Prison Break ou La fuga céntranse en prisións. Aparece reflectida de forma transversal no libro O lapis do carpinteiro.

Algúns autores de sona teñen parte da súa obra relacionado co mundo das prisións. Así, Celso Emilio Ferreiro compuxo no cárcere a obra Longa noite de pedra, ao igual que fixera o Marqués de Sade coa obra Les Cent Vingt Journées de Sodome. O poeta andaluz Miguel Hernández finou na prisión de Alacant en 1942. Tamén tivo unha longa estancia en prisión o político surafricano Nelson Mandela.

Concepción Arenal coñeceu de primeira man o mundo das prisións, e falou da importancia da pedagoxía para evitar a conflitividade. Xerardo Díaz Fernández tratou sobre as prisións durante o Franquismo.

O Dilema do Prisioneiro é un problema filosófico formulado a partir dunha teórica fuga ou estancia en prisión.

Notas

  1. Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón en Proxecto ARGA.
  2. Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) en Proxecto ARGA.

Véxase tamén

Ligazóns externas

A Lama

A Lama é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. Segundo o IGE en 2016 tiña 2587 habitantes. Padrón municipal de 2003: 2957 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é lamense.

Alcaide

Non confundir con alcalde.Un alcaide, castelán ou casteleiro era, na Idade Media, o gobernador ou o máximo xefe militar e oficial xurisdicional dun alcázar, castelo ou fortaleza. As súas facultades eran de diferente orde e estendíanse tanto á xurisdición civil, como a criminal, e tanto ao goberno militar, como ao político.

Posteriormente o título estendeuse a outras actividades de dirección de diferentes tipos de establecementos como, por exemplo, o funcionario que nun centro penitenciario tiña ao seu cargo a custodia e a seguridade dos presos e a organización do réxime do establecemento.

Aranjuez

Aranjuez é un municipio español da Comunidade de Madrid, cabeceira de partido xudicial. É o termo municipal máis meridional da comunidade e está atravesado polos ríos Texo e Jarama.

É un dos Reais Sitios da monarquía española desde que Filipe II o nomeou en 1560, e posúe ademais o título de vila desde 1899, motivo polo que o municipio é coñecido como Real Sitio y Villa de Aranjuez.É famoso polo seu Palacio Real, os seus Xardíns e polo trazado cuadricular das súas rúas, polas súas hortas de amorodos e espárragos e por servir de inspiración ao compositor Joaquín Rodrigo para o seu Concierto de Aranjuez, así como polo Motín de Aranjuez, que tivo lugar nesta localidade en 1808 e que tivo como consecuencia a abdicación do rei Carlos IV no seu fillo Fernando VII. A Paisaxe cultural de Aranjuez foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 2001.

Bonxe, Outeiro de Rei

San Mamede de Bonxe é unha parroquia do concello de Outeiro de Rei na comarca de Lugo, na provincia de Lugo. No ano 2007 tiña 448 habitantes, deles 314 eran homes e 134 eran mulleres, o que supón un incremento de 182 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.

Campos del Río

Campos del Río é un concello español da Rexión de Murcia, situado na comarca do Río Mula. Tiña unha poboación de 2.100 habitantes en 2014.

Campos del Río independizouse do municipio de Mula cara ao 1845. Ata a década de 1910, o municipio chamábase oficialmente Campos.

Limita ao norte con Ricote, ao leste con Ojós, Villanueva del Segura, Alguazas e Las Torres de Cotillas, ao oeste con Albudeite e Mula e ao sur con Murcia.

A súa economía está baseada principalmente na industria conserveira. Hai que destacar tamén a gandería caprina, sector actualmente en auxe. Campos del Río é sede dun novo centro penitenciario, o segundo en activo da Rexión de Murcia.

Centro penitenciario da Lama

O centro penitenciario da Lama é unha prisión situada no concello da Lama. En 2010 o seu director era José Antonio Gómez Novoa.

Centro penitenciario de Bonxe

O centro penitenciario de Bonxe é unha prisión situada en Bonxe, no concello da Outeiro de Rei, construída en 1981. Ocupa unha superficie de 43.022 metros cadrados e ten 283 celas máis 26 complementarias.

Centro penitenciario de Teixeiro

O centro penitenciario de Teixeiro é un cárcere situado no lugar de Paradela, preto da vila de Teixeiro, no concello de Curtis, provincia da Coruña.

Entrou en servizo en 1998 e custou 7853 millóns de pesetas. Está situado nunha parcela de 343 000 m², con 86 430 m² construídos. O centro foi construído pola UTE de Ferrovial e deseñado polo arquitecto Francisco María Martín Carrero.

Curtis

Curtis é un concello da comarca de Betanzos, na provincia da Coruña limítrofe coa provincia de Lugo. Segundo o IGE no 2014 tiña unha poboación de 4048 habitantes (4159 no 2012, 4214 no 2011, 4228 no 2010). O concello ten dous importantes núcleos de poboación separados 12 km: Teixeiro, onde está a casa do concello, e Curtis que tamén é o nome histórico do concello. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «curtense».

Foxado, Curtis

Santa María de Foxado é unha parroquia que se localiza no sur do concello coruñés de Curtis na comarca de Betanzos. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 499 habitantes (250 homes e 249 mulleres) distribuídos en 31 entidades de poboación en 38,5 km², o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 536 habitantes.

Eclesiasticamente pertence ao arciprestado de Sobrado, igual cás demais parroquias do concello.

Llanera

Llanera é un concello da Comunidade Autónoma do Principado de Asturias. Limita ao norte con Xixón e Corvera de Asturias, ao sur con Ovieu, ao leste con Xixón e Siero e ao oeste con Illas e Les Regueres. A súa capital, Posada de Llanera, está situada a 11 km de Oviedo, 20 de Avilés e 22 de Xixón.

Entre os servizos máis importantes deste concello destacan o ferrocarril de Renfe en Lugo de Llanera, Villabona e Ferroñes, o Instituto de Ensinanza Secundaria en Posada de Llanera, o seu importante sector industrial, cos polígonos de Silvota, Asipo e Parque Tecnolóxico de Asturias. Ademais do Centro Penitenciario de Asturias.

Matalobos (serie de televisión)

Matalobos é unha serie de suspense, acción e drama galega, emitida na TVG entre o 13 de abril de 2009 e o 15 de xaneiro de 2013, producida por Voz Audiovisual, que xira ao redor de varias familias relacionadas co narcotráfico, cuxa acción se desenvolve na vila ficticia de Sardiñeira. Os exteriores foron gravados na cidade da Coruña e arredores, como a parroquia de Sigrás (Cambre) ou o centro penitenciario de Teixeiro.

Monterroso

Monterroso é un concello da provincia de Lugo, capital da Comarca da Ulloa. Segundo o INE en 2015 tiña 3778 habitantes (1880 homes e 1898 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é monterrosino.

O Pereiro de Aguiar

O Pereiro de Aguiar é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Ourense e á Ribeira Sacra. Segundo o IGE en 2017 tiña 6.228 habitantes (5.326 en 2003).

Oriol Junqueras

Oriol Junqueras i Vies, nado en Barcelona o 11 de abril de 1969, é un historiador e político catalán, Vicepresidente e titular do Departamento de Economía e Facenda da Generalitat de Cataluña dende 2016 ata o seu cesamento no cargo o 21 de outubro de 2017. De acordo co goberno español, o seu cargo quedou suspendido coa aplicación do artigo 155 da Constitución.Foi alcalde de Sant Vicenç dels Horts (2011-2015), foi deputado no Parlamento de Cataluña dende 2012, e presidente de Esquerra Republicana de Catalunya dende 2011. Foi líder da oposición no Parlamento de Cataluña (2013-2016).

O 2 de novembro de 2017 foi encarcerado de maneira preventiva na prisión de Estremera acusado de sedición e rebelión. En xaneiro de 2018, o Tribunal Supremo español confirmou a súa prisión preventiva por unanimidade considerando que hai "risco relevante" de reiteración delictiva porque "non ten a intención de abandonar" a vía seguida até agora. O 4 de xullo de 2018 foi trasladado ó Centro Penitenciario Lledoners, onde estivo preso até o 1 de febreiro de 2019, cando foi trasladado ó cárcere de Soto del Real á espera do xuízo, o cal acabou nunha sentenza condenatoria de 13 anos de cárcere e 13 de inhabilitación absoluta, polos delitos de sedición e malversación.

Prisión de Neumünster

A prisión de Neumünster é un centro penitenciario situado na cidade homónima, en concreto no número 30 de Boostedter Straße. En 2018 era o máis grande do estado alemán de Schleswig-Holstein.[Cómpre referencia]

Teixeiro, Curtis, Curtis

Teixeiro é un lugar da parroquia de Santa Eulalia de Curtis e é capital do concello de Curtis. Segundo o INE en 2018 tiña 1115 habitantes (555 homes e 560 mulleres).

Trinitat Vella

Trinitat Vella (en galego, Trindade Vella) é un dos barrios que forman o distrito de Sant Andreu da cidade de Barcelona. Antes de ser un barrio barcelonés era un extremo afastado do municipio independente de Sant Andreu de Palomar coñecido como Coll de Finestrelles.

Ten unha superficie de 84 hectáreas e uns 8.000 habitantes. Os seus límites actuais son o río Besòs, a avenida Meridiana e a estrada de Ribes e o paseo de Santa Coloma.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.