Centro Ramón Piñeiro

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (ou CIRP, da antiga denominación: Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro) é un organismo investigador dependente da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria no que se desenvolven diferentes proxectos a prol da lingua e a cultura galegas.

Foi fundado en 1993 [1] baixo o nome de Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, designación que foi modificada en 1997 [2] pola que detenta na actualidade.

Entre os proxectos que desenvolve cómpre destacar:

  • Proxecto Termigal: centro terminolóxico do galego onde se investiga a terminoloxía de certos campos e os interesados poden tamén facer consultas:[3]
  • Proxecto Base de datos do ALiR (Atlas Lingüístico Románico), dirixido por Manuel González González
  • Proxecto de Fraseoloxía: o equipo dirixido por Xesús Ferro Ruibal ata 2015 e por Isabel González Rey desde esa data, pon en marcha os monográficos e a revista Cadernos de Fraseoloxía Galega (18 números ata 2016);
  • Proxecto CORGA (Corpus de Referencia do Galego Actual);
  • Proxecto Dicionario de literatura;
  • Proxecto Dicionario de termos literarios;
  • Proxecto de Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos;
  • Proxecto de Dimensións da identidade colectiva en Galicia;
  • Proxecto de Informes anuais de literatura;
  • Proxecto de Cantigas de Santa María;
  • Proxecto de Investigación e estudo do galego exterior;

O centro naceu na estrada de Santiago de Compostela a Noia, na Barcia - Lamas de Laraño, Santiago de Compostela, pero en xaneiro de 2014 trasladouse ó Hospitaliño de San Roque, na rúa de San Roque (Santiago).

Centro Ramón Piñeiro 01-06
O CRPIH cando estaba na Barcia (Laraño).

Notas

  1. Decreto 25/1993, de 11 de febreiro.
  2. Decreto 330/1997, de 13 de novembro.
  3. A dirección da páxina web da base de datos Tergal é: http://www.cirp.gal/tergal

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Anxo Tarrío

Anxo Tarrío Varela, nado en Santiago de Compostela o 11 de marzo de 1945, é un filólogo e profesor galego. Foi catedrático de filoloxía galega e portuguesa, na especialidade de literatura galega, na Universidade de Santiago de Compostela.

Armando Requeixo

Armando Requeixo Cuba, nado en Mondoñedo o 14 de xuño de 1971, é un investigador, profesor e crítico literario galego.

Ben falado!

Ben falado! é un microespazo divulgativo de cinco minutos diarios dedicados á lingua galega patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, dirixido e presentado polo académico e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal. Emítese na Televisión de Galicia. A primeira entrega constou de 250 programas durante 2008-2009 e despois emitiunos Correo TV, e a segunda entrega consta de 230 programas que comezaron a emitirse o 7 de xuño de 2010. Tamén se editou un DVD con 82 capítulos da primeira entrega.

CORGA

O Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) é unha colección de documentos que se almacenan en formato electrónico na que están representados os diferentes tipos de textos da lingua galega actual (xornalísticos, literarios etc.). Cronoloxicamente comprende textos publicados dende 1975 ata a actualidade.

A amplitude de documentos dos que consta, así como os criterios empregados na súa selección, permite considerar este corpus representativo do uso lingüístico do galego actual. O acceso é gratuíto, pero é necesario rexistrarse.

Neste momento dispón de 25 millóns de formas á que se pode acceder a través de http://corpus.cirp.es/corga.

A actual versión creouse coa finalidade de adecuar o corpus existente ás tecnoloxías actuais e posibilitar un sistema de recuperación de información máis flexible e efectivo que o existente, polo que se levou a cabo unha reestruturación da base documental seguindo o estándar XML (eXtensible Markup Language).

Cadernos Ramón Piñeiro

Os Cadernos Ramón Piñeiro constitúen unha publicación de periodicidade variable editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades como unha contribución ó estudio e á análise do pensamento do filósofo do que collen o nome. Están dirixidos por Armando Requeixo Cuba.

Co subtítulo de Cadernos galegos de pensamento e cultura, márcanse como obxectivo servir de canle de publicación de ensaios breves, investigacións e estudios encadrados dentro das Humanidades, con especial atención ó pensamento filosófico. En distintos números recolleu parte da correspondencia de Ramón Piñeiro con diferentes personalidades.

Naceron o 22 de novembro de 2003 co gallo do décimo aniversario da fundación do Centro, e van polo número XXXVII, dedicado a Carlos Casares.

Os números están accesibles na páxina web do Centro Ramón Piñeiro.

Corpus Documentale Latinum Gallaeciae

O Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), é un corpus lingüístico dos textos latinos da antiga Galiza.

Formouse reunindo os textos dos mosteiros de Samos, Sobrado dos Monxes, Oseira (Cea), Celanova, Xuvia (Narón), Lourenzá, Carboeiro (Silleda), Caaveiro, San Paio de Antealtares, San Martiño Pinario e os das sés das catedrais de Santiago de Compostela, Mondoñedo, Lugo, Tui e Ourense.

Foi levado a cabo polo Centro Ramón Piñeiro baixo a dirección de José Eduardo López Pereira en convenio coa Universidade de Santiago de Compostela. Permite buscas segundo o tipo de documento, a data, o lugar e utilizar estratexias de busca. Para poder acceder a el, precísase rexistrarse.

Cultura Gallega

Cultura Gallega foi unha revista cultural bilingüe que se publicou na Habana do 5 de abril de 1936 a marzo de 1940.

Eco de Galicia

Eco de Galicia foi un semanario ilustrado bilingüe publicado na Habana entre 1917 e xuño de 1936.

El Noroeste (1896)

El Noroeste foi un xornal que se editou na Coruña entre 1896 e 1934.

Luís Alonso Girgado

Luís María Alonso Girgado, nado o 7 de agosto de 1946 en Ferrol, é un editor, escritor, investigador e tradutor galego.

Luís Cochón

José Luis Cochón Touriño é un escritor e profesor de lingua e literatura castelá.

Manuel González González

Manuel González González, nado en Beba (Mazaricos) o 25 de outubro de 1951, é catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Miguel Louzao Outeiro

Miguel Louzao Outeiro, nado en Orazo (A Estrada) o 24 de febreiro de 1974, é un filólogo e ensaísta galego.

Siro

Siro López Lorenzo, máis coñecido como Siro, simplemente , é un recoñecido humorista gráfico, caricaturista e ensaísta nado en Ferrol o 19 de xaneiro de 1943.

Termigal

Termigal é o organismo "encargado da coordinación xeral das actividades terminolóxicas relativas á lingua galega, de promover e levar a cabo a elaboración de recursos terminolóxicos e de garanti-la súa dispoñibilidade, e de promove-lo desenvolvemento de produtos de enxeñaría lingüística en que a terminoloxía teña unha especial incidencia" . Foi creado en 1997 mediante un convenio asinado entre a Real Academia Galega (coma autoridade académica encargada da normativización da lingua galega) e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (coma organismo competente en materia de política lingüística). Actualmente está establecido coma un proxecto do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP) e incluído coma unha sección da RAG, centrándose en definir a terminoloxía técnica en galego. Na actualidade está coordinado por Manuel González González e nel traballan tres bolseiros que xestionan os seguintes servizos:

con apoio exterior, desenvolven terminoloxía específica e sistemática para determinadas áreas de especialidade, con proxectos a longo prazo moi amplos e variados (hostalería, mundo empresarial, botánica, oficios e profesións, automoción, música);

resolución de consultas realizadas por teléfono ou mediante o correo electrónico, principalmente procedentes de tradutores, terminólogos ou servizos de normalización lingüística.

Xesús Ferro Ruibal

Xesús Ferro Ruibal, nado en Rebón (Moraña) o 28 de setembro de 1944, é un lingüista, teólogo, latinista e escritor galego.

Xoán Carlos Domínguez Alberte

Xoán Carlos Domínguez Alberte, nado en Escudeiros (Ramirás) o 24 de xullo de 1966, é un escritor galego.

Xulio Sigüenza

Xulio Sigüenza Raimúndez, nado na Coruña o 5 de xaneiro de 1898 e finado en Vigo o 15 de abril de 1965, foi un xornalista e escritor galego.

Xurxo Martínez

Xurxo Martínez González, nado en Coia (Vigo) en 1984, é un escritor e investigador galego.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.