Cemiterio de San Francisco de Ourense

O Cemiterio de San Francisco é un dos tres camposantos da cidade de Ourense, xunto co de Santiago das Caldas (do antigo concello de Canedo) e o de Santa Mariña. No ano 2000 foi declarado Ben de Interese Cultural con categoría de monumento.

Coordenadas: 42°20′10″N 7°51′33″O / 42.33611, -7.85917

RI-51-0010443

Historia

Decreto 31 2000, de 11 de febrero, por el que se declara bien de interés cultural, con categoría de monumento, a favor del Cementerio de San Francisco, de Ourense.pdf&page=2
Plano no Decreto 31/2000, polo que se declara ben de interese cultural, con categoría de monumento.

Durante a Idade Media e o Antigo Réxime as persoas mortas adoitaban ser soterradas no interior das igrexas ou en camposantos arredor delas, como a Praza da Magdalena. A Real Orde do 30 de xuño de 1814 establecía, por motivos de salubridade, a construción de cemiterios fóra dos núcleos urbanos. En 1822 o convento de San Francisco de Ourense cedeu uns terreos a carón o lado do seu convento, a carón doutro mercado polo Concello no mesmo ano á marquesa viúva de Bóveda de Limia. Este terreo formaba parte dunha viña que pertencera en 1665 a Benito de Lemos Bolaño, rexedor de Ourense e dono do pazo de Piñor, herdada por José Noguerol do seu avó o escribán Diego Sánchez Cid Herrera, casado con María Feijoo, filla do primeiro matrimonio da avoa de don Benito de Lemos. Diego Sánchez Cid Herrera e María Feijoo foron soterrados na igrexa do convento de San Francisco, trasladada no século XIX a carón do parque de San Lázaro logo da desamortización.

O cemiterio foi inaugurado o 9 de maio de 1834, coa bendición do terreo por parte do bispo Dámaso Egidio Iglesias Lago. En 1887 o Concello construíu un cemiterio laico para acoller as persoas non católicas, principalmente protestantes e ateas. No século XX o espazo foi ampliado cara ao leste en dirección á zona de Montealegre.

No ano 2000 foi declarado Ben de Interese Cultural polo seu patrimonio monumental, histórico e artístico.[1][2] Existen lápidas, panteóns e mausoleos deseñados polos escultores Francisco Piñeiro Reigosa, o seu fillo Daniel Piñeiro, Manuel Malingre Parmentier, Victorio Macho, Antón Faílde Gago, Nicanor Carballo Garrido, Francisco Planás, Aniceto Justo Rodríguez, Felipe Oñate Castro ou o marmorista José Taboada González.

O cemiterio ten unha Asociación de Amigos, da que foi presidente de honra o poeta José Ángel Valente, soterrado no propio cemiterio desde o seu falecemento no ano 2000.

Persoeiros inhumados

Algúns persoeiros enterrados no camposanto:

Galería de imaxes

Sepultura de Xaquín Lorenzo
Sepultura de Xaquín Lorenzo 
Sepultura de Alberto Vilanova
Sepultura de Alberto Vilanova 
Sepultura de Asunción González
Sepultura de Asunción González 
Sepultura de Eduardo Blanco Amor
Sepultura de Eduardo Blanco Amor 
Sepultura de Ramón Otero Pedrayo
Sepultura de Ramón Otero Pedrayo 

Notas

  1. "Decreto 31/2000, do 11 de febreiro, polo que se declara ben de interese cultural, con categoría de monumento, a favor do cemiterio de San Francisco…"". DOG (37). 23/2/2000.
  2. Xunta de Galicia (13 de decembro de 2016). "Bens de Interese Cultural (BIC)" (csv). abert@s. Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2019.

Véxase tamén

Bibliografía

  • O cemiterio de San Francisco. Concello de Ourense.

Ligazóns externas

Alberto Vilanova

Alberto Vilanova Rodríguez, nado en Ourense o 5 de xullo de 1910 e finado na mesma cidade o 13 de maio de 1985, foi un ensaísta e profesor galego.

Celso Vázquez-Gulías

Celso Vázquez-Gulías Álvarez, finado en Ourense o 24 de xaneiro de 1994, foi un avogado e político galego.

Cándido Fernández Mazas

Cándido Fernández Mazas, nado en Ourense o 18 de decembro de 1902 e finado en Castro Caldelas o 15 de novembro de 1942, foi un pintor, debuxante, ilustrador e escritor galego.

Dora Vázquez

Dorinda Remedios Vázquez Iglesias, nada no barrio do Polvorín (Ourense) o 21 de agosto de 1913 e finada o 23 de setembro de 2010 na mesma cidade, foi unha escritora galega. Foi irmá da tamén escritora Pura Vázquez.

Eduardo Blanco Amor

Eduardo Modesto Blanco Amor, nado en Ourense o 14 de setembro de 1897 e finado en Vigo o 1 de decembro de 1979, foi un escritor e xornalista galego en lingua galega e lingua castelá. Recibiu as influencias de Charles Baudelaire, Stéphane Mallarmé, Arthur Rimbaud e Gabriele d'Annunzio. Na Arxentina coñeceu a Jorge Luis Borges, Ernesto Sabato e Horacio Quiroga. Fundou Terra, voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires, dirixiu Céltiga e colaborou en Nós. De volta a España contactou coa Xeración do 27 e coñeceu a Federico García Lorca. Retornou á Arxentina. En 1972 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega e en 1993 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Eduardo Moreno López

Eduardo Moreno López, nado en Madrid o 17 de abril de 1870 e finado en Ourense o 21 de novembro de 1911, foi un xeógrafo e profesor español.

Eladia Pedrayo

María Eladia Ramona Pedrayo Ansoar, nada en Ourense o 18 febreiro de 1859 e finada en Ourense o 4 febreiro de 1957, foi un membro da burguesía ourensá da época, máis coñecida por ser a nai de Ramón Otero Pedrayo.

Florentino López Cuevillas

Florentino López Alonso-Cuevillas, nado en Ourense o 14 de novembro de 1886 e finado na mesma cidade o 30 de xullo de 1958, foi un historiador e escritor galego. En 1968 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Está considerado o pai da arqueoloxía científica galega. Pertenceu ás Irmandades da Fala, a Xeración Nós e ao Seminario de Estudos Galegos, compaxinando a actividade desempeñada nestas institucións cunha discreta participación política en pro do galeguismo, na época en que se volveu nacionalista trala fase rexionalista.

Porén, o seu labor socio-político viuse profundamente trastornado trala guerra civil española e a chegada do franquismo, se ben continuou a divulgación da cultura galega a través da Real Academia Galega, da que foi membro numerario, e do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento. Como fixeron o resto de compañeiros da súa xeración, contribuíu á maduración da prosa galega, pero realmente polo que destacou foi polo seu intenso labor dentro do ámbito científico. Catapultado pola obra do alemán Hugo Obermaier (Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia), Cuevillas acometeu a complexa tarefa de desenvolver o campo da arqueoloxía en Galicia co obxectivo de reconstruír e estudar unha parte do tempo que até aquel momento fora esquecida.

Jesús Soria

Jesús Soria González, nado en Avilés o 15 de abril de 1881 e finado en Ourense en xaneiro de 1951, foi un pintor, profesor e político galego.

José Fernández Vide

José Fernández Vide, nado en Ourense o 23 de outubro de 1893 e finado na mesma cidade o 20 de novembro de 1981, foi un organista e compositor galego.

José Ángel Valente

José Ángel Valente Docasar, nado en Ourense o 25 de abril do 1929 e finado en Xenebra (Suíza) o 18 de xullo do 2000, foi un poeta e ensaísta galego. A inmensa maioría da súa obra poética escribiuna en castelán, estando a súa produción en lingua galega restrinxida a dous libros: Sete cántigas de alén (1981) e Cántigas de alén (1989). Recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras (1988) e o Premio Nacional de Poesía de España (1993 e, a título póstumo, no 2001).

Luís Trabazo

Luís Vázquez Trabazo coñecido como Luís Trabazo, nado en Ourense en 1912 e finado na mesma cidade o 13 de novembro de 1978, foi un pintor e xornalista galego.

Manuel Martínez-Risco

Manuel Martínez-Risco Macías, nado en Ourense en 1888 e finado en París o 3 de maio de 1954, foi un científico e político galego.

Manuel Peña Rey

Manuel Peña Rey, nado en Cerdedo-Cotobade en 1899 e finado en Ourense o 30 de abril de 1957, foi un médico e político galego.

Marcelo Macías

Marcelo Macías García, nado en Astorga o 1 de xullo de 1843 e finado en Ourense o 8 de marzo de 1941, foi sacerdote, profesor e doutor en filosofía e letras, arqueólogo e numismático.

Primitivo Rodríguez Sanjurjo

Primitivo Elio Rodríguez Sanjurjo, nado en Ourense en 1880 e finado en Lugo o 20 de decembro de 1947, foi un intelectual e escritor galego.

Ramón Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituístes republicanas. Traballou na aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936. Fiel á causa galeguista durante a Guerra civil española, foi expedientado. Foi membro da Real Academia Galega e presidiu a Editorial Galaxia. Participou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. É autor dunha ampla obra narrativa, ensaística e dramática.

A Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Penzol conservan a súa biblioteca e arquivo. En 1988 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Ricardo Outeiriño

Agustín Ricardo Outeiriño Rodríguez, nado en Ourense en 1904 e finado na mesma cidade o 25 de xaneiro de 1986, foi un xornalista e editor galego.

Valentín Lamas Carvajal

Valentín Lamas Carvajal, nado en Ourense o 1 de novembro de 1849 e finado na mesma cidade o 4 de setembro de 1906, foi un autor e xornalista galego. No ano 1972 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Entre outros feitos, Lamas realizou dúas iniciativas importantes en relación co xornalismo e coa literatura en lingua galega, contando ambas con moi boa acollida: fundar o primeiro semanario en lingua galega, titulado O Tio Marcos d'a Portela, e publicar o Catecismo do labrego.

Lugares de interese de Ourense
Lugares senlleiros
Museos
Artes escénicas e da imaxe
Outros lugares

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.