Cemiterio de Adina

O cemiterio de Adina é un camposanto situado en Iria Flavia. En 1975 foi declarada Ben de Interese Cultural a igrexa de Santa María de Iria Flavia e o seu contorno, do que o cemiterio de Adina forma parte.[1][2]

Coordenadas: 42°44′44″N 8°39′19″O / 42.74556, -8.65528

Oliveiras cemiterio de Adina
Cemiterio de Adina coas oliveiras ó fondo.

Historia

II

O simiterio da Adina
n’hai duda de que é encantador,
cos seus olivos escuros
de vella recordazón;
co seu chan de herbas e frores
lindas, cal n’outras dou Dios;
cos seus canónegos vellos
que nel se sentan ó sol;
cos meniños que alí xogan
contentos e rebuldós;
cas lousas brancas que o cruben,
e cos húmedos montós
de terra, onde algunha probe
ó amañecer se enterrou.

Moito te quixen un tempo,
simiterio encantador,
cos teus olivos escuros,
máis vellos que os meus avós;
cos teus cregos venerables,
que se iban sentar ó sol,
mentras cantaban os páxaros
as matutinas cancións,
e co teu osario humilde
que tanto respeto impón
cando da luz que nel arde
ve un de noite o resprandor.
Moito te quixen, e quérote,
eso ben o sabe Dios;
mas hoxe ó pensar en ti
núbraseme o corazón:
que a terra está removida,
negra e sin frols…

Rosalía de Castro: ¡Padrón...! ¡Padrón...![3]

Encóntranse en Adina sartegos datados entre os séculos VI e X que conforman unha necrópole cristiá[4] de época romana tardía e sueva.[1][5][6]

Rosalía de Castro dispuxo ser soterrada neste cemiterio trala súa morte en 1885,[7] non obstante os seus restos foron exhumados en 1891 para ser trasladados ó Panteón de Galegos Ilustres.[8] No camposanto de Adina foi tamén soterrado o mestre e filantropo José María Vidal Cepeda.[9] No cemiterio quixo Camilo José Cela ser enterrado o pé dunha oliveira e a carón dos seus devanceiros,[10] entre os que se atopan John Trulock e Camilo Bertorini.[11]

O 23 de agosto de 1975 foi declarada Ben de Interese Cultural a igrexa de Santa María de Iria Flavia e o seu contorno, do que forman parte o cemiterio de Adina e a casa dos cóengos, ó ser un conxunto arqueolóxico, histórico e artístico singular.[1][2] As oliveiras centenarias de Adina están consideradas árbores senlleiras de Galicia.[12]

Galería de imaxes

Lápida que mostra o lugar onde estivo soterrada Rosalía.
Lápida que mostra o lugar onde estivo soterrada Rosalía. 
Lápida de Camilo José Cela ó pé dunha oliveira.
Lápida de Camilo José Cela ó pé dunha oliveira. 
Efixie no valado arredor do cemiterio.
Efixie no valado arredor do cemiterio. 
Necrópole de época romana e sueva en Adina.
Necrópole de época romana e sueva en Adina. 

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 "Decreto 2494/1975" (pdf). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 23-10-1975. Consultado o 02-04-2017. Decreto 2494/1975, do 23 de agosto, polo que se declara monumento histórico-artistico de caracter nacional a ex-colexiata de Santa María de Iria Flavia, co seu contorno, en Padrón (A Coruña)
  2. 2,0 2,1 "Ex-colegiata de Santa María de Iria Flavia, Con su Entorno". Ministerio de Educación, Cultura y Deporte (en castelán). Consultado o 02-04-2017. Código: RI-51-0004179
  3. Rosalía de Castro. ¡Padrón...! ¡Padrón...!. Consultado o 02-04-2017.
  4. "Iria Flavia". Xacopedia (en castelán). Consultado o 02-04-2017.
  5. "La ex colegiata de Santa María de Flavia, en Padrón" (pdf). Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (en castelán). Consultado o 02-04-2017.
  6. García Roldán, Alberto. "Santa María de Iria Flavia, Padrón". Galicia pueblo a pueblo (en castelán). Consultado o 02-04-2017.
  7. González Besada, A. (07-05-1916). Discursos leídos ante la Real Academia Española (pdf) (en castelán). Real Academia Española. p. 43 e notas na p. 60. Consultado o 02-04-2017.
  8. Villar Janeiro, Helena (25-2-2011). "Panteón de Galicia". El Correo Gallego. Consultado o 02-04-2017.
  9. Botrán, C. (25-04-2006). "La urna de Vidal Cepeda". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 08-04-2019.
  10. "Camilo José Cela ya descansa bajo un olivo en Iria Flavia". ABC (en castelán). 18-01-2002. Consultado o 08-04-2017.
  11. "Fondos del Museo Ferrocarrilero John Trulock". El País (en castelán). Consultado o 08-04-2017.
  12. "Árbores e formacións senlleiras de Galicia" (pdf). Xunta de Galicia. Consultado o 08-04-2017. Código 65A

Véxase tamén

Outros artigos

Camilo José Cela

Camilo José Cela Trulock, nado en Iria Flavia o 11 de maio de 1916 e finado en Madrid o 17 de xaneiro de 2002, foi un escritor galego de sona. Escribiu en castelán algunhas das obras canónicas da literatura de posguerra como La colmena, Mazurca para dos muertos ou La familia de Pascual Duarte. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1989.

Fundación Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro é unha institución cultural galega, constituída o 15 de novembro de 1947 por Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) no Hotel Compostela de Santiago de Compostela baixo o nome Patronato Rosalía de Castro que se converteu en Fundación Rosalía de Castro nun acto celebrado no Colexio de Fonseca da mesma cidade o 29 de decembro de 1995. Os seus estatutos foron legalizados pola Xunta de Galicia en decembro de 1997 e renovados en 2008 (en vigor desde 2009).

En 2015 réxese por unha Presidencia elixida polo Padroado entre os seus membros. O Padroado é o órgano de goberno, representación e administración da Fundación e está composto por quince membros institucionais e por personalidades da cultura que teñan especial vínculo coa obra de Rosalía de Castro. O Padroado designa un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e un Tesoureiro de entre os seus membros. Designará tamén unha Comisión Executiva que se compón pola Presidencia, pola Vicepresidencia, pola Secretaría, pola Tesouraría e por catro vogalías (sendo unha delas a Dirección do Centro de Estudos Rosalianos) cuxas funcións son: a xestión ordinaria dos asuntos da Fundación, a adopción de Acordos por razón de urxencia dando ulterior conta ao Padroado e as funcións que este delegue.

Nos seus 67 anos de historia contou con nove presidentes que foron —cronoloxicamente citados—: Luís Iglesias Iglesias, Juan Gil Armada, Xosé Mosquera Pérez, Octavio Sanmartín Domínguez, Agustín Sixto Seco, Carlos Amable Baliñas Fernández (en funcións tras a morte de Sixto Seco), Helena Villar Janeiro, Ana Blanco Gómez (durante dous meses tras a dimisión de Villar Janeiro) e Anxo Angueira Viturro, que a dirixe a maio de 2015.

Este organismo naceu coa vontade de restaurar a casa na que vivira Rosalía de Castro nos seus derradeiros anos e de a converter nunha casa museo (e sostela posteriormente), coidar do Panteón de Galegos Ilustres e difundir e promover a cultura galega.

Entre as súas finalidades están: fomentar o coñecemento e a conservación da memoria de Rosalía, de Manuel Murguía e dos seus fillos; a promoción do estudo, da edición e da divulgación da vida e obra de Rosalía, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior; conservar o conxunto da Casa-Museo de Rosalía, conservar e incrementar o patrimonio rosaliano (mobles, pertenzas, recordos persoais de Rosalía etc.) dispoñéndoo do mellor xeito para que poida ser contemplado e estudado, coidar do Mausoleo de Rosalía sito no Panteón de Galegos Ilustres (Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago) e máis da campa que albergou antes o seu corpo no cemiterio de Adina en Iria Flavia (Padrón, A Coruña); celebrar actos, cando menos, nas dúas datas rosalianas (24 de febreiro e 15 de xullo) ademais da celebración da Misa Votiva do 25 de xullo —acto que se viña celebrando desde 1932 e desde 1969 en lingua galega converténdose no único acto público en que se consentían o galego, as reivindicacións galeguistas e a presenza de políticos disidentes durante a ditadura franquista— e da Ofrenda Floral no Panteón de Galegos Ilustres ante a tumba da poetisa e fomentar e difundir a lingua e a cultura galegas.

No ano 2015 estaba representada no Pleno do Consello da Cultura Galega e na Ascociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE).

Ten a súa sede na Casa da Matanza (antigamente coñecida como Horta da Paz), en Padrón (A Coruña).

Galería de imaxes de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro é a máis salientable figura do Rexurdimento.

Manuel Murguía

Manuel Antonio Martínez Murguía, nado no Froxel (Oseiro, Arteixo), o 17 de maio de 1833 e finado na Coruña o 1 de febreiro de 1923, foi un historiador galego que impulsou o Rexurdimento e creou a Real Academia Galega. No ano 2000 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Oliveira

A oliveira (Olea europaea) é unha das 35 especies do xénero Olea. A oliveira silvestre está considerada dentro da subespecie sylvestris e as oliveiras cultivadas dentro da subespecie sativa. É unha árbore perennifolia, de tamaño mediano e con tronco nodoso. Encóntrase presente en toda a rexión mediterránea e Oriente Próximo, mais foi estendida a outros países ou zonas con clima semellante como Perú, Chile, Arxentina, California, Suráfrica ou Australia. É un dos cultivos tradicionais máis antigos. É unha planta orixinaria do Oriente Próximo, que desde ha máis de 5.000 anos foi introducida no oeste da conca mediterránea.

En Galicia, a oliveira está pouco espallada, aínda que se poden atopar exemplares illados practicamente por todo o país. Na zona galega con influencia do clima mediterráneo poden atoparse masas arbóreas pequenas, que se crearan basicamente para autoconsumo. Esas masas localízanse, fundamentalmente, no conca do río Sil (comarcas de Quiroga, Valdeorras, Bolo) e no val de Verín.

Panteón de Galegos Ilustres

O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que so se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A idea foi proposta inicialmente polos emigrantes galegos en Cuba.

Rosalía de Castro

Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.

Ruta rosaliana

A Ruta rosaliana é un percorrido que se fai polos lugares máis singulares na vida da poetisa de Galicia Rosalía de Castro, todos eles vinculados sentimentalmente coa escritora, manifestándose de forma patente na obra poética de Rosalía.

Avelino Abuín de Tembra, escritor que elaborou algunha das máis destacadas antoloxías sobre a obra de Rosalía de Castro, foi quen ideou a creación dun itinerario e promoveu a viaxe polos lugares máis sobranceiros na vida da poetisa.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia dende o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

Rosalía de Castro (1837-1885)
Obra
Familia
Lugares

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.