Celtismo

O celtismo é un movemento social e cultural que trata de pór en valor a identidade céltiga coma trazo salientábel dentro dun determinado territorio[1] baseándose en estudos científicos e etnografía comparada[2].

Banniel Keltia
Bandeira pancéltica creada por Robert Berthelier nos anos 1950.

Historia

O celtismo comeza a tomar forma a mediados do século XVII co nacemento dun movemento literario coñecido coma Rexurdimento celta que se estendeu por boa parte de Europa. Este movemento cultural foi mudando co decorrer do tempo e as situacións sociopolíticas de Europa e pervive en maior ou menor grao ata os días de hoxe[Cómpre referencia].

O Rexurdimento Celta, a semente do celtismo

Artigo principal: Rexurdimento celta.

No ano 1746 prodúcese a derrota dos xacobitas na Batalla de Culloden. Este é o punto de inflexión para o nacemento do que se deu en coñecer como Rexurdimento celta.

No ano 1762 James Macpherson publica Fragments of Ancient Poetry Collected in the Highlands of Scotland, and Translated from the Gaelic or Erse Language (Fragmentos de poesía antiga recollidos nas Terras Altas de Escocia, e traducidas do gaélico ou Erse). En 1762 sae do prelo Fingal e en 1763 Temora. Estas dúas obras foron invencións de supostas traducións dos poemas épicos en gaélico dun poeta chamado Ossian.

Non tardan en sumarse poetas doutras zonas da Europa atlántica. Un claro exemplo son as obras de poesía galesa publicadas por Ieuan Brydydd en 1764; tamén cultiva este xénero literario o inglés Thomas Gray en obras como Elexía sobre un cemiterio de aldea e O bardo.

O celtismo do século XIX e os seus primeiros pasos

Coa chegada do século XIX o que viña sendo un movemento literario convértese nun movemento político, social e cultural; tinguido todo el do carácter romántico que se estendía dende Alemaña ao resto da Europa occidental.

Publicáronse moitas traducións de obras das literaturas celtas, especialmente, os Mabinogion (Charlotte Guest, 1838-1849), o Barzaz Breiz e Os Bardos bretóns do século VI (Hersart de la Villemarqué, 1839-1850). En 1854 Ernest Renan publicou A Poesía das razas celtas, un estudo moi influente e en 1865 e 1866 Mathew Arnold pronunciou unha serie de conferencias sobre a literatura celta en Oxford que vinculaba todas as literaturas celtas e contribuíu a promover a creación da cátedra de Celta nesta universidade en 1877.

Durante o s.XIX moitos escritores ingleses empregaron a temática celta, como Thomas Love Peacock, Tennyson e Gerard Manley Hopkins. En Escocia destacaron William Black e William Sharp (este co pseudónimo de Fiona Macleod). O rexurdimento foi especialmente vigoroso en Irlanda, con autores como W.B. Yeats, "AE" (pseudónimo de George William Russell), Oliver St John Gogarty, Sean O'Casey e James Stephens. En Irlanda recibiu o nome de "Lusco-fusco celta"[Cómpre referencia].

Na Galiza

Na Galiza coñeceuse como "celtismo" e o seu maior representante foi Eduardo Pondal.

Na súa orixe na Galiza está o historiador ilustrado José Verea y Aguiar. É mito fundador de Galiza para Vicetto, Murguía, Castelao e a Xeración Nós e dentro da Xeración Nós, na arqueoloxía, Florentino López Cuevillas. Na década dos 70 do século XX desenvólvese unha crítica desde a academia, rexurdindo nos 90 un neoceltismo na investigación.[3]

Notas

  1. Diccionario Xerais da Lingua.
  2. A Galicia Celta de Antonio Balboa Salgado. Ed. Lóstrego, páxs. 17-20.
  3. Barros, Carlos. "Por unha síntese celto-castrexa da Gallaecia antiga". Sermos Galiza. Consultado o 10 de xullo de 2019.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Florentino López Cuevillas, A Civilización céltica de Galicia, 1953.

Outros artigos

Atlántico Diario

Atlántico Diario é un xornal rexional da área metropolitana de Vigo.

Beltane

Beltane ou Bealtaine (en irlandés bo lume) é un antigo día festivo irlandés celebrado o 1 de maio. Historicamente esta festividade celebrábase en Irlanda, Escocia e na Illa de Man. Nos outros países celtas coma Gales, Galicia, Bretaña e Cornualles había festividades parecidas o mesmo día. A festividade sobrevive con prácticas folclóricas nas nacións celtas e a diáspora e experimenta un grao de renacemento nas décadas recentes.

Congreso celta

O Congreso Internacional Celta é unha organización cultural cuxo obxectivo é promocionar as linguas célticas faladas nas nacións de Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles e na Illa de Man. Non se trata dunha organización política, senón cultural, xa que o seu propósito é "... perpetuar a cultura, os ideais e a lingua dos pobos celtas, e manter un contacto intelectual e forte cooperación entre as respectivas comunidades celtas". O Congreso celta non debe ser confundido con outra organización semellante, a Liga Céltica, que trata asuntos políticos.

Cada ano celébrase un Congreso Internacional Celta nunha das nacións celtas, cuxa localización decídese en quendas previamente acordadas. O congreso do ano 2014 celebrouse na cidade galesa de Cardiff.

Cultura castrexa

A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur.

Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce. A esta compoñente precastrexa sumáronselle influencias culturais centroeuropeas, atlánticas e mediterráneas; as primeiras serían consideradas tradicionalmente celtas e de aí a identificación tanto culta como popular e mítica que deu raíz ao celtismo. No lento período formativo, que duraría ata o século V a.C. os castros fóronse estendendo de sur a norte e da costa cara ao interior. Esta cultura desenvolveuse a continuación durante dous séculos e comezou a ser influenciada pola cultura romana no século II a.C. e continuou na forma de Cultura Galaico-romana despois da invasión romana e ata os séculos III ou mesmo o IV d.C.

Galacia

A antiga Galacia (grego Γαλατία) foi unha área das terras altas da península de Anatolia, na moderna Turquía. Galacia recibe o nome dos invasores galos chegados dende Tracia, que se estableceron alí e se converteron na caste dominante no século -III, seguindo a invasión celta dos Balcáns no -279. Tamén foi chamada a "Galia" do leste, xa que os historiadores romanos chamaron ós seus habitantes Galli (Galo ou Celta). Os termo gálatas é un exónimo, e o termo co que se denominaban a si mesmos é descoñecido.

Galia romana

A Galia romana consistiu nunha área do goberno provincial no Imperio romano, no que hoxe son Francia, Bélxica, Luxemburgo, Suíza e o oeste de Alemaña. O control romano da área durou máis de cincocentos anos.

Gŵyl Fair y Canhwyllau

Gŵyl Fair y Canhwyllau (en galés, "Festa das candeas de Mary") é o nome dunha festividade galesa celebrada o 2 de febreiro. É o equivalente galés da festividade goidélica do Imbolc. É unha variación da cerimonia pre-protestante das candeas levadas nunha procesión. A cerimonia cristiá está inspirada nos festivais pagáns da chegada da primavera, e algúns dos vellos ritos que continuaron en partes de Gales suxiren un ritual mesmo máis antigo.

Imbolc

Imbolc é unha das catro principais festas do calendario celta, asociado co ritual da fertilidade, que foi modificado, ocupado e convertido[Cómpre referencia] polo cristianismo no día de Santa Bríxida. Historicamente a festa é tamén se coñecida en Escocia coma Latha Fhèill Brìghde, en Irlanda coma Lá Fhéile Bríde e en Gales coma Gwyl Ffraed. O Imbolc asóciase co 1 de febreiro aínda que o festival celta comeza o 31 de xaneiro.

Liga Céltica

A Liga Céltica é unha organización non gobernamental que promove o dereito de autodeterminación e a identidade e cultura celta en Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles e a Illa de Man, as coñecidas como nacións celtas. Tamén fai bastante fincapé na promoción das linguas célticas propias. Está recoñecida polas Nacións Unidas como unha organización non gobernamental con "status consultivo" e é parte do "Consello económico e social".

Lingua nórica

A lingua nórica era unha das linguas célticas continentais. Suponse que se falaba na rexión do que posteriormente constituíu a provincia romana de Noricum. Só está testemuñada por dúas inscricións fragmentarias que non ofrecen suficiente información para tirar delas demasiadas conclusións sobre a natureza e características desta lingua.

Lughnasadh

Lughnasadh é unha festa celta celebrada o 1 de agosto, durante a tempada de maduración da colleita local de froitas, ou durante o plenilunio preto do punto medio entre o solsticio de verán e o equinoccio de outono.

Mitoloxía celta

A mitoloxía celta é unha serie de relatos da aparente relixión dos celtas na idade de ferro. Ó igual que outras culturas indoeuropeas neste período, os primeiros celtas mantiveron unha mitoloxía politeísta e unha estrutura relixiosa. Entre o pobo celta en estreito contacto con Roma, como os galos e os celtiberos, esta mitoloxía non sobreviviu ó imperio romano, debido á súa conversión ó cristianismo e á perda dos seus idiomas orixinais, aínda que ironicamente foi a través de fontes romanas e cristiás, contemporáneas, que coñecemos detalles sobre as súas crenzas.

En contraste, a comunidade celta que mantivo as súas identidades políticas ou lingüísticas (tales coma as tribos de escotos e bretóns das Illas Británicas) transmitiu xeralmente vestixios remanentes das mitoloxías da idade de ferro, as cales foron rexistradas a miúdo de forma escrita na Idade Media.

Mitoloxía galesa

A mitoloxía galesa son os mitos e lendas propias do pobo galés. Componse en parte das tradicións folclóricas desenvolvidas en Gales, e por polas tradicións britanas anteriores ó final do primeiro milenio. Moitos dos contidos pertencen ó período pre-cristián, que sobreviviron nunha forma alterada a través de manuscritos medievais galeses como o Libro Vermello de Hergest, o Libro Branco de Rhydderch, o Libro de Aneirin e o Libro de Taliesin.

As historias en prosa dos libros Branco e Vermello son coñecidas como Mabinogion, un título dado polo seu primeiro tradutor, Lady Charlotte Guest, e tamén usado polos tradutores posteriores. Poemas como Cad Goddeu (A batalla das árbores) e listas de textos mnemotécnicos como as Tríades da Illa de Bretaña e os Trece Tesouros da Illa de Bretaña, tamén conteñen material mitolóxico. Estes textos tamén inclúen partes da Materia de Bretaña e a historia tradicional da Bretaña romana.

Outras fontes son a compilación histórica en latín do século IX Historia Britonum (A historia dos bretóns) e a crónica do século XII de Geoffrey de Monmouth Historia Regum Britanniae (A historia dos Reis de Bretaña), así como folclore posterior como The Welsh Fairy Book de W. Jenkyn Thomas 1908.

A historia galesa, antes da invasión romana, era transmitida oralmente polos druídas ós seus aprendices. Debido ás invasións por parte dos romanos e saxóns, a historia e a mitoloxía confúndense por falta de fontes escritas.

Música celta

Música celta é un termo popular que fai referencia á música tradicional dos pobos do Atlántico Europeo: Irlanda (Éire), Escocia (Alba), Gales (Cymru), Cornualles (Kernow), Illa de Mann, Bretaña (Breizh), Asturias e Galiza; mesturada en ocasións con patróns de música medieval.

Os instrumentos musicais que a caracterizan son o acordeón, a concertina a arpa, a guitarra acústica, o bouzouki irlandés a frauta traveseira irlandesa o violino, o bodhrán os whistles a bombarda bretoa e especialmente a sempre protagonista gaita de fol.

Existen diversos sub-tipos de "música celta".

O termo "música celta" pode referirse ás composicións musicais baseadas en patróns medievais dos pobos da fachada atlántica europea (dentro da música folk galega destacaría neste sub-tipo o gaiteiro Carlos Núñez ou Luar na Lubre), tamén pode referirse á música popular e aos cánticos populares deses pobos (no caso galego a mellor representante é Mercedes Peón), ou pode referirse a música espiritual (a irlandesa Enya é a representante deste estilo que goza do máis recoñecemento internacional).

Nacións celtas

O termo nacións celtas fai referencia a uns territorios (nacións a maior parte das veces sen estado propio) do oeste da Europa Occidental que comparten o uso de linguas celtas e/ou trazos culturais atribuibles á devandita cultura. Neste contexto, o termo "nacións" cobra significado entendendo este como un colectivo étnico de persoas asociado historicamente a un territorio raíz e que comparten unha identidade común propia, manifestada ben na lingua, ben na cultura ou na mentalidade propia común.

Oito

O oito (8) é o cardinal posterior ao sete e anterior ao nove. É o quinto número par, sendo o anterior o seis e o seguinte o dez. Trátase do primeiro número cúbico.

Ossian

Ossian ou Oisin foi un guerreiro e poeta gaélico lendario, que se supón que viviu no século III.

En 1762 James Macpherson publicou Fragmentos de poesía antiga recollidos nas Terras Altas de Escocia, e traducidas da lingua gaélico ou erse (Fragments of Ancient Poetry Collected in the Highlands of Scotland, and Translated from the Gaelic or Erse Language). En 1762 sacou do prelo Fingal e en 1763 Temora. Estes dous pretendían ser traducións de poemas épicos en gaélico dun poeta chamado Ossian. Na verdade (e só se soubo após a súa morte), eran unha fabulación de baladas gaélicas mesturadas con produción propia de Macpherson. Porén, a súa evocación dun pasado remoto, que presentaba un lusco-fusco gaélico de mito e lenda, tivo unha influencia considerábel en escritores de Europa e afectou ao desenvolvemento do Romanticismo. Interesáronse nestes poemas autores do talle de Goethe, Herder e Schiller. Traducíronse a moitos idiomas e contribuíron ao nacemento do celtismo.

Na literatura galega tiveron especial influencia en Eduardo Pondal.

Rexurdimento celta

Coñécese como Rexurdimento celta o revivir do interese pola cultura, os mitos, lendas e a literatura dos "pobos celtas" que se produciu en Europa na segunda metade do século XVIII e continuou durante o Romanticismo e parte do século XX.

Rock celta

O rock celta é un xénero do folk rock e unha forma de fusión que incorpora elementos da música celta, como instrumentación e melodías, no contexto da música rock. Foi un xénero prolífico dende os anos 1970 e foi a peza chave do desenvolvemento de exitosas bandas celtas e de intérpretes de música popular, así como na creación de importantes derivados a través de fusións posteriores. Tivo un papel importante no mantemento e definición das identidades nacionais célticas e da promoción do celtismo. Tamén serviu para comunicar esas culturas a audiencias externas.

Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas
Relixións maiores
Relixións menores
Sistemas ideolóxicos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.