Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro Míguez, nado en Celanova o 4 de xaneiro[1] de 1912 e finado en Vigo o 31 de agosto de 1979, foi un escritor e político galeguista.[2] Máximo expoñente da poesía social en lingua galega, a súa obra Longa noite de pedra é un dos libros chave para entender a literatura galega contemporánea e unha referencia obrigada de toda unha xeración de autores e lectores.[3] Foille adicado o Día das Letras Galegas de 1989.

Celso Emilio Ferreiro Míguez
Sculpture of the Celso Emilio Ferreiro head in Celanova, Ourense, Galicia
Busto de Celso Emilio Ferreiro en Celanova.
Nacemento6 de xaneiro de 1912
 Celanova
Falecemento31 de agosto de 1979
 Vigo
NacionalidadeEspaña
CónxuxeMoraima
XénerosPoesía
Sinatura Celso Emilio Ferreiro
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1989.

Traxectoria

Infancia e xuventude

De familia acomodada, dedicada ao comercio e á agricultura, e galeguista, Celso Emilio foi o máis novo dos sete fillos do matrimonio composto por Venancio Ferreiro Reinoso (membro das Irmandades da Fala) e Obdulia Míguez Buxán. Celso Emilio sempre amou profundamente a súa vila natal, identificándoa coa súa infancia. Súas son estas verbas nunha entrevista a Víctor Freixanes[4]:

Adiante 5 de xaneiro de 1933
En Adiante, que dirixiu, asinou como Emilio Ferreiro Míguez.

Estudou en Celanova no colexio dos escolapios. Aos 20 anos, en 1932, organizou con Xosé Velo Mosquera, entre outros, as Mocedades Galeguistas de Celanova e participou na constitución da Federación de Mocedades Galeguistas, dependente do Partido Galeguista, en 1934, da que habería ser, no 1936, o derradeiro Secretario de Organización. Pouco despois foi procesado por un artigo publicado en Guieiro:Outavoz patriótico da F.M.G., revista que el mesmo dirixía.

Guerra civil

Mobilizado para a guerra civil española polas tropas franquistas, é enviado á fronte de Asturias. Mentres as columnas galegas participan na toma de Oviedo el consegue un destino como radiotelegrafista, o que o mantén afastado da liña de combate. Aínda así sofre feridas leves durante a evacuación do hospital da cidade ovetense.

No 1937, durante un permiso en Celanova, detéñeno por facer un comentario político (presuntamente criticando os crimes perpetrados polos fascistas) en público. Péchano nunha cela do mosteiro da vila, toda de pedra, durante tres días. A mediación de parentes e amigos perante o Gobernador de Ourense evita a súa execución. Este suceso inspiraría, 25 anos despois, a súa obra principal: Longa noite de pedra.

Un día de setembro do mesmo ano, exercendo o seu labor como radiotelegrafista, erra o número que debía marcar, entrando así en contacto con Moraima, quen sería logo a súa muller e fonte inesgotable da inspiración do poeta, en especial, en Onde o mundo se chama Celanova.

En Pontevedra

Despois da guerra continuou os estudos de Dereito que iniciara en Oviedo, que abandonou, e iniciou os de Maxisterio, que si concluíu, malia que non chegou a exercer nunca. No 1941 foi destinado como funcionario a Pontevedra, concretamente como secretario da Fiscalía de Taxas, onde estivo ás ordes de Ramón Rivero de Aguilar dende 1945. Botou nove anos na cidade do Lérez, participando intensamente na vida cultural da mesma e entrando en contacto con escritores coma Aquilino Iglesia Alvariño e Manuel Cuña Novás. Foi redactor xefe da revista Finisterre e publicou algúns poemas en Ciudad. Tamén coñeceu a Emilio Álvarez Negreira, con quen colaborou na colección de poesía Benito Soto, fundada no 1948 polo propio Álvarez Negreira e máis por Sabino Torres e que foi a primeira empresa editorial que publicou libros galegos en Galiza tras a guerra.

O 15 de xullo de 1943 casou con María Luisa Moraima Loredo en Xixón, no Ateneo Jovellanos. O primeiro dos catro fillos da parella, Luís, naceu o 18 de setembro de 1945. Nacerían tamén en Pontevedra Xose María e a única filla da parella, Isabel, nada o 21 de novembro de 1949.[5]

En Vigo

Placa en Vigo, na casa na que viviu. Placa en Vigo, na casa na que viviu.
Placa en Vigo, na casa na que viviu.

Tras obter o título de Procurador dos Tribunais trasladouse a exercer a profesión a Vigo, onde viviu ata o 1966. Aquí nacería o último fillo da parella, Xavier, o 23 de decembro de 1950.[5]

Ademais, tamén traballou nunha oficina de seguros que fundou cun socio e que sobreviviu ata o 1955 e dirixiu un obradoiro de fotogravado.

A súa estancia na cidade olívica coincide coa súa consolidación como poeta e literato. Mergullouse na vida cultural e intelectual, trabando amizade cos irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Laxeiro ou Francisco Fernández del Riego. Colaborou asiduamente en diversas publicacións, coma o xornal Faro de Vigo, o periódico pontevedrés Litoral, Vieiros e, especialmente, a revista de poesía Alba, dirixida por Ramón González-Alegre, na que publica poemas entre os que figuran a serie de composicións do seu libro O soño sulagado. No 1954 publicou unha biografía do seu paisano Curros Enríquez.

No 1964, dous anos despois da publicación de Longa noite de pedra, participou na fundación da Unión do Pobo Galego (UPG) xunto con Méndez Ferrín, Reimundo Patiño e Lois Soto, organización de orientación nacionalista e marxista.

Na emigración

Insua dos Poetas - texto Celso Emilio Ferreiro
Poema "Irmaus", de Longa noite de pedra, na Insua dos Poetas.
Insua dos Poetas - Celso Emilio Ferreiro
Escultura en homenaxe a Elso Emilio Ferreiro na Insua dos Poetas.

En 1966 emigrou a Venezuela, proceso que el mesmo explicou así:[6]

Porén, algúns autores apuntan como causas da súa decisión certas dificultades económicas, a presión á que estaba sometido como consecuencia da súa actividade política e a esperanza de atopar na emigración suramericana a Galiza nacionalista e antifranquista que non existía no territorio propio.[7]

Antes da súa marcha, o 15 de maio de 1966 fíxoselle unha homenaxe de despedida en Ourense, que acabou converténdose en todo un acto de desafío ao réxime franquista e de apoio da intelectualidade galega aos labregos de Castrelo de Miño que se mobilizaran polas expropiacións efectuadas para a construción dun encoro.

Xa en Venezuela, colaborou coa Hermandad Gallega, fundou o Patronato da Cultura Galega, e traballou no gabinete do Presidente Rafael Caldera. Mais axiña aniña a decepción en Celso Emilio. No 1968, tras un proceso fraudulento, accede á dirección da Hermandade un grupo reaccionario proclive ao franquismo, que decide expulsalo a el e máis ao seu fillo. O poeta responde así á misiva na que lles comunicaron as súas expulsións:[8]

O encontro con estes sectores mercantilistas e reaccionarios, cando el esperaba atopar unha Galiza viva e combatente, inspiroulle o libro Viaxe ao país dos ananos.

Grazas á súa iniciativa grávase e edítase en Caracas en 1970 o primeiro disco LP en galego Galicia canta onde ademais de ser o autor de varias das letras e da presentación do disco co heterónimo de Arístides Silveira, el mesmo interactúa con Xulio Formoso tocando o pandeiro.

Últimos anos

Ao volver da emigración, no ano 1973, instalouse en Madrid, onde traballou de corrector de estilo para a revista Tribuna Médica, na que era presidente do Consello de Administración o galeguista Álvaro Gil Varela. Dirixe a aula de cultura do Ateneo, colabora na prensa e participa nas tertulias do Café Gijón, visitando Galiza nos veráns. Afíliase ao Partido Socialista Galego e preséntase como candidato ao senado pola coalición Candidatura Democrática Galega nas eleccións lexislativas do 1977. Previamente, no 1974, rachara coa UPG, con quen xa viña mantendo importantes diferenzas desde a emigración. Ao pouco tempo, volve mudar de partido afiliándose ao PSOE, coa esperanza de intervir no proceso de galeguización do partido.

Un derramo cerebral acabou coa súa vida mentres pasaba as súas vacacións en Vigo, na súa casa da Avenida de Castrelos, o 31 de agosto do 1979. Foi enterrado en Celanova

Foille dedicado o Día das Letras Galegas en 1989.

Obra

Ollada xeral

Plaza Maior Celanova Panorama
Praza maior de Celanova, vila natal do poeta.

Celso Emilio Ferreiro consagra a recuperación do realismo social na poesía galega[9]. Esta vertente social da súa obra garda estreita relación cos poetas españois dos anos 50 (Blas de Otero, Gabriel Celaya, José Hierro), integrantes da expansión da poesía social acontecida en todo o territorio estatal por aquela altura, cos que comparte visións ideolóxicas, mecanismos de expresión e, mesmo nalgúns casos, relacións de amizade, como ocorre con Gabriel Celaya, a quen dedica un poema en Longa noite de pedra.

Seguindo a Ramiro Fonte[10], pódense albiscar tres vertentes na poesía do celanovés.

Vertente social

É, como vimos insistindo, a principal. O propio Celso Emilio manifesta o compromiso ideolóxico da súa actividade poética deste xeito polo ano 1955[11]:

Do mesmo xeito que os poetas en lingua castelá antes citados, Ferreiro tenta abrirlle os ollos á cidadanía das contradicións que padecen, enmarcándoa no contexto sociopolítico do momento e exercendo de poeta opositor ao réxime franquista. As referencias á guerra civil e á represión posterior, a solidariedade co proletariado e a vontade de loita son temas frecuentes nas súas composicións.

Pero hai nesta dirección social outro tipo de temática que non existe nos seus colegas peninsulares, un tema de Galiza que, sendo de xestación independente, ben pode contrapoñerse ao famoso tema de España dos poetas sociais en castelán e que, ademais, enlaza coa dirección crítica da poesía galega anterior de autores como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Ramón Cabanillas. Trátase da defensa da identidade e da lingua galegas, que alcanza o seu punto culminante no poema Deitado frente ao mar publicado en Longa noite de pedra.

Vertente intimista

A soidade do individuo perante o devalar da historia, en clara conexión co pesimismo existencialista, así como a nostalxia da infancia e da propia patria evocada desde Venezuela, son temas frecuentes na lírica máis íntima de Ferreiro. Moitas veces, este intimismo aparece mesturado coa problemática social, xa que quen a sofre é o home concreto, estando moitas veces obrigados a lela en clave autobiográfica máis que histórica; é o home individual quen se ten que enfrontar á dura realidade, quen debe lamber as feridas dunha época. Ese tránsito entre o eu persoal e o nós colectivo é de especial complexidade na obra do celanovés.

Mención especial merecen os seus poemas de amor, dirixidos a un ti apelativo, cómplice e persoal. Non representa, pois, un obxecto de desexo senón como un ti no cal o poeta debruza todos os sinais da súa existencia, un ti no que confiar e perante o que ispe os seus sentimentos e emocións máis profundos. E ese ti, como non podía ser doutro xeito, está encarnado na figura da súa muller, Moraima, quen lle inspira un apartado especial en Onde o mundo se chama Celanova titulado Moraima: diario de a bordo.

Vertente satírica

Parque nacional de Canaima, Venezuela
Parque nacional de Canaima en Venezuela, país no que Celso Emilio viviu sete anos.

Fronte ao neotrobadorismo paisaxista a súa poesía ten moito de continuación do xénero burlesco das cantigas de escarnio e maldicir. A sátira e a retranca aparecen en todos os seus libros, sevíndolles tanto como armas denunciadoras das contradicións sociais e políticas como para ridiculizar persoas concretas, seguindo para isto último os mesmos métodos que empregaron os nosos poetas medievais.

Relacionado con esta dirección está o seu concepto da antipoesía, como negación do campo da pureza da lírica e de moitos trazos da linguaxe poética tradicional, de xeito que lle dá o dobre enfoque temático e estrutural. Ferreiro tenta achegar a lingua poética tradicional á lingua común, en consonancia con certos presupostos comunicativos da poesía social, incorporando frases estereotipadas ou frases feitas procedentes da fala popular, xogos de palabras con finalidade irónica e enumeracións caóticas.

A sátira ferreirá ten ampla representación en Viaxe ao país dos ananos, onde ridiculiza a certos sectores da emigración venezolana aos que xulgou como desertores da propia patria, desleigados e medradores.

O soño sulagado

Artigo principal: O soño sulagado.

Trátase dun conxunto de 31 poemas publicados por vez primeira en Vigo pola colección Alba no 1955. Nel están presentes xa as temáticas máis recorrentes da poesía de Ferreiro, isto é, o intimismo, a crítica social e a sátira, escrito en clave fortemente persoal e no que a amargura pola perda do soño, o asulagamento do soño, é o fío transversal. Ese soño é o idealismo, a utopía que se percibe irrealizable, tanto no plano sociopolítico, como potencia liberadora do ser humano, coma no plano íntimo ou existencial, metáfora da infancia perdida e do paso do tempo sen futuro. Todos estes puntos condénsanse fortemente nos dous primeiros versos do poema Falareivos de min:[12]

Falareivos de min, anque me doan
as escuras raíces dos meus soños.

A memoria da guerra, a denuncia do presente histórico e o amor son motivos con presenza relevante no libro.

No plano formal, Celso Emilio emprega fundamentalmente os metros hendecasílabo e o heptasílabo, encargados de lle daren ritmo a todo o poemario. Agás nalgunha ocasión, non renega aínda claramente da linguaxe poética tradicional e adoita observar as regras de versificación. No tocante ás figuras literarias usa abundantes paralelismos e anáforas, que o relacionan co neotrobadorismo, e aliteracións e onomatopeas con intención moitas veces irónica. A lingua presenta trazos característicos do galego central.

Longa noite de pedra

Artigo principal: Longa noite de pedra.
Queremos Galego. Galicia (Spain)
Manifestación de Queremos Galego! en Compostela. A defensa do idioma é o tema dun dos poemas máis célebres de Longa noite de pedra, Deitado frente ao mar.

É, sen dúbida, a obra máis senlleira do autor e deulle nome a toda unha época da historia contemporánea de Galiza, ademais de ser a que lle deu a dimensión popular. Enlaza en moitos aspectos coa obra de Curros Enríquez, outro celanovés. O poema que lle dá o título ao conxunto da obra fai referencia á prisión padecida polo autor no mosteiro de Celanova no 1937, porén, alén da dimensión anecdótica ou persoal, esta longa noite de pedra tense identificado repetidamente coa longa ditadura franquista[13][14], co que o poema cobra outra nova dimensión social e histórica.

Os núcleos temáticos do libro articúlanse en torno a dous eixos principais: o eu individual do poeta e o nós colectivo. A dor individual transcende a vertente íntima e reflíctese na dor colectiva, e viceversa. Seguindo a Gonzalo Navaza[15], pódense establecer as seguintes temáticas: primeiramente, a denuncia do presente abominable, núcleo temático fundamental para os lectores contemporáneos do libro, que abrangue as denuncias do estado policial, o terror, a miseria e a represión e, en definitiva, a inxustiza social.

A solidariedade cos que sofren é outra constante nos versos, e é o fío que conecta o eu co nós. Esta actitude solidaria é o enfoque que toma a defensa do idioma en Deitado frente ao mar, xa evidenciado no epíteto que lle outorga ao idioma galego no primeiro verso do poema:[16]

Lingua proletaria do meu pobo

Finalmente, a esperanza na liberdade e nun futuro mellor, a expresión dun rotundo antibelicismo e a evocación da infancia e da terra como realidade primitiva e maternal na que o individuo alimenta os seus sinais de identidade, son os outros núcleos temáticos que Navaza sinala como fundamentais na obra.

Formalmente, emprega os metros e as figuras ás que xa recorrera en O soño sulagado, se ben é en Longa noite de pedra onde xa se fai patente a ruptura coa linguaxe poética tradicional e a aposta polo prosaísmo crítico, co conseguinte achegamento á fala popular e o aproveitamento de fórmulas coloquiais.

Viaxe ao país dos ananos

Artigo principal: Viaxe ao país dos ananos.

A obra satírica por excelencia de Celso Emilio, que relata a aventura dun Gulliver Ferreiro que chega a un país habitado por ananos, é unha denuncia da cativeza moral e política de certos sectores da emigración galega en Venezuela, abertamente franquistas e que, non só expulsaron ao poeta e ao seu fillo da Hermandad Gallega, senón que perseguiron a extradición del e da súa familia do país. Non obstante, cómpre sinalar que non é unha alegación contra a emigración común deses milleiros de homes e mulleres que tiveron que marchar de Galiza para sobreviviren, só contra deses emigrantes acomodados que atopa ao frente de certas institucións galegas.[17]

Onde o mundo se chama Celanova

Artigo principal: Onde o mundo se chama Celanova.

Trátase do libro máis intimista da lírica ferreirá, e ten como núcleo temático fundamental a evocación da infancia e da adolescencia. Esta época feliz está fortemente ligada á súa vila de nacemento, Celanova, o que fai que as referencias ao pobo ourensán sexan constantes, empezando xa polo propio título do volume, transfomándose en ocasións nun ser humanizado co que o poeta dialoga.

Pero Ferreiro tampouco esquece os seus principios ideolóxicos e as sátiras contra o poder e a burguesía tamén enchen varias páxinas do libro, conectando con reflexións autobiográficas nas que, por exemplo, conversa cun deus humanizado ao que lle reclama a súa indiferenza perante a inxustiza.

A obra remata cun apartado especial de quince poemas chamado Moraima: diario de a bordo, no que desenvolve a súa lírica amorosa coas características expostas anteriormente e que marca un contrapunto sentimental co resto do libro. Mentres que nos poemas evocadores da infancia o impulso emotivo é a nostalxia da idade dourada, aquí éo a aceptación serena e agradecida do presente representado no amor confidente coa súa muller. A forza de Moraima como epicentro, como referencia inevitable das vivencias do autor queda magnificamente reflectida nos versos iniciais e derradeiros do poema Xaneiro 1972, II:[18]

Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.
(...)
Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima

Significación da obra

Dios ke te crew 2008
Dios ke te crew.

Celso Emilio Ferreiro é o único poeta galego que define xa na década de 1950 unha poética social ou comprometida, se exceptuamos aos poetas do exilio Lorenzo Varela e Luis Seoane[11][19], na liña de autores foráneos coma Blas de Otero, o italiano Salvatore Quasimodo ou o brasileiro Manuel Bandeira. O seu libro Longa noite de pedra, ademais de se converter en todo un alegato antifranquista polos lectores coetáneos, serviu de fonte de inspiración a numerosos poetas galegos posteriores.[20]

Outro feito que vén confirmar a gran repercusión da obra do celanovés é a cantidade de versións musicadas que acadaron algúns dos seus poemas máis emblemáticos: "Anaina para o Che Guevara" por Suso Vaamonde[21], "Monólogo do vello traballador" por Pucho Boedo,[22] ou "Deitado frente ao mar" por Dios ke te crew[23] e Borderline79 [24] son algúns exemplos.

Relación de obras

  • Cartafol de Poesía, Celanova, 1936
  • Al aire de tu vuelo. Poemas, 1941
  • Baladas, cantigas e donaires. Ediciones Céltiga, Pontevedra, 1947
  • Musa Alemá. Colección Benito Soto, Pontevedra, 1951.
  • Curros Enriques. Biografía. Moret, A Coruña, 1954 (1ª edición).
  • O soño sulagado. Col. Alba, Vigo 1955; Eds. Xerais, Vigo, 1991.
  • Voz y voto. (Col. Papel de Estraza. Montevideo). Vigo, 1955.
  • Longa noite de pedra. (1962) Colección Salnés, Galaxia.[25] Col. El Bardo, Barcelona, 1967; Akal, Madrid, 1978; Eds. Xerais, Vigo, 1990.
  • Viaxe ao país dos ananos (1968). Akal, Madrid, 1979; Akal bolsillo 53, Madrid, 1981; Edicións Xerais de Galicia, Col. Biblioteca das Letras Galegas, 1998.
  • Cantigas de Escarnio e maldecir. Ed. Nos. Caracas, 1968. Publicado baixo o pseudónimo de Arístides Silveira.
  • Terra de ningures. Ed. Xistral. Col. Val de Lemos. Monforte, 1969.
  • Paco Pixiñas. Historia dun lesleigado contada por il mesmo. Ed. do Castro. Sada, A Coruña, 1970.
  • Antipoemas. Col. Álamo. Salamanca, 1972.
  • Autoescolha poética. Ed. Rasso actual. Porto. 1972.
  • A fronteira infinda. Castrelos. Vigo, 1972.
  • Cimeterio privado. Edicións Roi Xordo. Xenevra, 1973.
  • Onde o mundo se chama Celanova. Editora Nacional. Madrid, 1975; Eds. Xerais, Vigo, 1991.
  • A taberna do Galo. Ed. Castrelos. Col. O moucho. Vigo, 1978.

Obras colectivas

Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Celso Emilio Ferreiro

Notas

  1. Xesús Oreiro dá como data de nacemento o 6 de xaneiro no seu libro Celso Emilio Ferreiro, o home e a obra (1995).
  2. Etapas vitais no sitio web da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
  3. Ficha do libro na web de Edicións Xerias
  4. Freixanes, V. F. (1976), Unha ducia de galegos, Editorial Galaxia, p. 138.
  5. 5,0 5,1 Celso Emilio, 1912-1979 : unha fotobiografía. Vigo: Edicíons Xerais de Galicia. [1989]. ISBN 84-7507-396-4. OCLC 25992986.
  6. Perozo, X. A. e Porteiro, M. X. (1981), Celso Emilio Ferreiro (Compañeiro do vento e das estrelas), Akal Editora, p. 94.
  7. Cáccamo, X. M. A. (1991). Introdución en Ferreiro, C. E. Onde o mundo se chama Celanova, Xerais, p. 17.
  8. Cáccamo, X. M. A. (1991). Introdución en Ferreiro, C. E. Onde o mundo se chama Celanova, Xerais, p. 18.
  9. Fernández del Riego, F. (1981), Historia da Literatura Galega, 5ª ed., Editorial Galaxia, p. 220.
  10. Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Xerais, pp. 17-23.
  11. 11,0 11,1 Fernández del Riego, F. (1955), Escolma da poesía galega. IV., Editorial Galaxia, p. 270.
  12. Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Xerais, p. 49.
  13. Méndez Ferrín, X. L. (1984), De Pondal a Novoneyra, Xerais, p. 180.
  14. Artigo do profesor Julio Prada sobre a represión franquista, que identifica cunha longa noite de pedra.
  15. Navaza, G. (1992). Introdución en Ferreiro, C. E. Longa noite de pedra, 2ª ed., Xerais, pp. 27-32
  16. Ferreiro, C. E. Longa noite de pedra, 2ª ed., Xerais, p. 152.
  17. Alonso Montero, X. (1970), Consideración, necesariamente muy general, sobre unos ataques. En Celso Emilio Ferreiro: viaxe ao país dos ananos, El Bardo, 2ª ed.
  18. Ferreiro, C. E. Onde o mundo se chama Celanova, Xerais, pp. 118-119.
  19. Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Xerais, p. 29, nota 31.
  20. Unidade didáctica sobre a poesía galega da posguerra[Ligazón morta] do IES de Brión, A Coruña.
  21. Vídeo en YouTube.
  22. Vídeo en YouTube.
  23. Vídeo en Youtube.
  24. Vídeo en YouTube.
  25. Longa noite de pedra en Google Books.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Vídeos externos
Álvarez, A. (2012): 100 % CEF.
31 de agosto

O 31 de agosto é o 243º día do ano do calendario gregoriano e o 244º nos anos bisestos. Quedan 122 días para finalizar o ano.

A Quenlla (grupo musical)

A Quenlla é un grupo galego fundado no ano 1984 por varios músicos, entre os que se atopaban Mini e Mero, ex-compoñentes históricos do grupo Fuxan os Ventos. O proxecto da Quenlla naceu coa intención de elaborar un estilo próximo ao folk e á música tradicional galega, pero sen abandonar a temática social e reivindicativa, un aspecto que Fuxan os ventos viñera descoidando. Á formación inicial, de só tres persoas, fóronse sumando distintos músicos, até acadar a decena.

As letras da Quenlla baséanse en dúas fontes: a música tradicional e os escritores galegos, sendo moi numerosas na súa discografía as adaptacións de diferentes poemas de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Darío Xohán Cabana ou Xosé Luís Méndez Ferrín, así como a inclusión nos discos de textos recitados.

Outra característica do grupo é unha certa tendencia a facer discos temáticos, como xeito de incidir nunha determinada mensaxe. Así Európolis '88 é unha crítica feroz á Unión Europea; A casa que nunca tivemos, unha reflexión metafórica sobre Galiza e o amor á terra; e Namórate da vida, un canto contra os perigos da droga (este disco foi feito en colaboración coa Federación Galega de Asociacións de Axuda ó Drogodependente).

En 2010 publicaron Os Irmandiños.O grupo tamén ten colaborado numerosas veces poñendo banda sonora a distintos documentais e outras obras videográficas.

Ahí ven o maio

Ahí ven o maio é o primeiro álbum de estudio do cantante galego de folk Luís Emilio Batallán, publicado en 1975 baixo o selo Fonomusic.

Neste álbum musica poemas de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro.

Colección Salnés

A colección Salnés foi unha colección literaria de Editorial Galaxia dedicada a primeiras edicións de poesía contemporánea en lingua galega. Estaba dirixida por Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana (pseudónimo de Francisco Fernández del Riego).

Federación de Mocedades Galeguistas

A Federación de Mocedades Galeguistas foi a organización xuvenil do Partido Galeguista, que se constituíu en xaneiro de 1934, agrupando a diferentes mocidades galeguistas locais que se formaran dende 1932. Contaba con arredor de 1.000 afiliados, tiña como órgano de expresión Guieiro, e entre os seus dirixentes estiveron Xaime Illa Couto, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo ou Ramón Piñeiro.

Dentro da FMG o independentismo contou con moita máis aceptación que entre o PG e así na súa III Asemblea (maio de 1936) 331 membros votaron polo arredismo e 439 en contra. Tamén se decidiu nesta asemblea mudarlle o nome á organización, pasando a denominarse Federación de Mocedades Nacionalistas.

Galería de imaxes de Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro, nado en Celanova o 6 de xaneiro de 1912 e falecido en Vigo o 31 de agosto de 1979 foi un poeta galego.

Galicia canta (1970)

Galicia canta foi un recompilatorio musical realizado en Caracas, Venezuela e lanzado no ano 1970 polo selo Pobovox. É considerado o primeiro LP da música galega.

Lembranza

Lembranza é un disco recompilatorio (e décimo quinto na discografía) con éxitos do cantante de folk galego Suso Vaamonde. Foi publicado no 2000, baixo o selo Produccións Trebón.

A edición componse dun dobre compacto recompilatorio que foi presentado o 29 de novembro de 2000 en Pontevedra, con presenza da súa viúva e da súa irmá, e a continuación proxectouse un vídeo cun concerto dado por Vaamonde no Teatro Principal de Ourense. A portada componse dun debuxo realizado por Xosé Guillermo e no interior conta cunha biografía feita por Miguel Boo.Foi bastante criticado por obviar boa parte das cancións de intervención política e centrarse nos temas líricos.

Longa noite de pedra

Longa noite de pedra é unha obra poética de Celso Emilio Ferreiro, publicada en 1962 por Editorial Galaxia dentro da Colección Salnés. É a obra máis coñecida e representativa da lírica galega de posguerra, constituíndo un libro chave para entender a literatura galega contemporánea e unha referencia obrigada de toda unha xeración de autores e lectores.

Miña Galicia verde

Miña Galicia verde é o terceiro álbum de estudio da banda galega de pop Los Tamara, publicado en 1974.

Trátase dun disco no que se musican poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.

O soño sulagado

O soño sulagado é o segundo libro de poemas publicado en galego por Celso Emilio Ferreiro. Trátase dun conxunto de 31 composicións publicadas por vez primeira en Vigo pola Colección Alba no 1955.

Onde o mundo se chama Celanova

Onde o mundo se chama Celanova é un libro de poemas publicado por Celso Emilio Ferreiro en 1975. Trátase do libro máis intimista da lírica ferreirá, e ten como núcleo temático fundamental a evocación da infancia e da adolescencia, se ben tamén é de salientar o conxunto de quince poemas finais, titulados en conxunto Moraima:Diario de a bordo, no que o autor desenvolve a súa lírica amorosa.

Paronomasia

A paronomasia é unha figura retórica e estilística que consiste en aproveitar a similitude fonética entre dúas ou máis palabras, frecuentemente con intención burlesca ou conceptista.

Tamén coñecida informalmente como xogo de palabras pode consistir nunha deliberada ou non deliberada confusión de palabras similares ou frases con efecto retórico, xa sexa con fins serios ou humorísticos.

Ramón Nicolás

Ramón Nicolás Rodríguez, nado en Vigo o 9 de xuño de 1966, é un profesor, crítico literario, tradutor e escritor galego.

Santiago, mar de pedra

Santiago, mar de pedra é o décimo álbum de estudio (e décimo segundo na discografía) do cantante de folk galego Suso Vaamonde. Foi publicado en 1997 baixo o selo Produccións Trebón.

Trátase dun disco dedicado á capital de Galiza, con composicións dos poetas Avelino Abuín de Tembra, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Díaz Jácome, Xosé Antón Neira Cruz, Ramón Cabanillas, Manuel Fabeiro Gómez, Eusebio Lorenzo Baleirón e Bernardino Graña.

Suso Vaamonde

Xesús Vaamonde Polo, nado en Rego do Vargo (A Insua, Ponte Caldelas) o 20 de decembro de 1950 e finado en Vigo o 16 de febreiro de 2000, foi un cantautor galego, coñecido como Suso Vaamonde, .

Viaxe ao país dos ananos

Viaxe ao país dos ananos é un libro de poemas publicado por Celso Emilio Ferreiro no 1968. Trátase dunha obra satírica na que denuncia a acomodación e cativeza moral de certos sectores da emigración galega en Venezuela, abertamente franquistas, que, tras un proceso fraudulento, acceden á dirección da Hermandad Gallega e deciden expulsar da organización a el e mais o seu fillo.

Xeración do 36

Este artigo refírese á Xeración do 36 de poetas galegos, non confundir coa Generación del 36 de escritores en castelán.A Xeración de 1936 estivo formada por escritores nados nas décadas de 1910 e 1920 e que comezaron a publicar as súas obras na década de 1950.

Ó comezo estes escritores consideráronse herdeiros da Xeración Nós de 1925, pero máis adiante foron desenvolvendo as súas propias liñas creativas. As súas principais liñas poéticas foron o clasicismo, o intimismo, o ruralismo e o hilozoísmo. A súa maior contribución á literatura galega foi a poesía socialrealista, poesía de carácter social cuxo maior representante foi Celso Emilio Ferreiro.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.