Cedeira

Cedeira é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. Segundo o IGE en 2014 tiña 7.147 habitantes (7.465 no 2009, 7.443 no 2006, 7.429 no 2005, 7.477 no 2004, 7.498 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «cedeirense» ou «cedeirés».

Coordenadas: 43°39′37″N 08°03′24″O / 43.66028, -8.05667

Cedeira
Bandeira de Cedeira
---
Escudo de Cedeira
Teixido1
Situacion Cedeira
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca de Ferrol
Poboación6.794 hab. (2018)
Área85,4 km²
Densidade79,56 hab./km²
Entidades de poboación8 parroquias
Capital do concelloCedeira
Política (2019[2])
AlcaldePablo Diego Moreda Gil (PSdeG-PSOE)
ConcelleirosBNG: 2
PPdeG: 4
PSdeG-PSOE: 7
Eleccións municipais en Cedeira
Uso do galego[3] (2011)
Galegofalantes54,08%
Na rede
www.cedeira.gal
info@cedeira.org

Xeografía

O concello de Cedeira, de 84 km², limita ao norte e ao leste co océano Atlántico, ao sur con Cerdido e Valdoviño e ao oeste con Cariño e Ortigueira. O seu territorio está delimitado pola serra do Eixil e a serra da Capelada, formando os vales fluviais do río Condomiñas, que desemboca na ría de Cedeira, e do río Mestas, que forma o estuario de Esteiro antes de desembocar no océano en Vilarrube.

Está comunicado a través da estrada C-646 que vai cara a Ferrol, e da C-642, que vai cara a Ortigueira.

Poboación

Fonte: Instituto Nacional de Estadística, 1857-2011

Evolución da poboación de Cedeira   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
5.219 7.430 7.709 8.074 7.477 7.254 {{{13}}} {{{14}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Censo total 2014 7.147 habitantes
Menores de 15 anos 769 (10.76 %)
Entre 15 e 64 anos 4.381 (61.3 %)
Maiores de 65 anos 1.997 (27.94 %)

Goberno municipal

Alcaldes democráticos de Cedeira foron: Manuel Fernández Freijeiro, Leopoldo Rubido Ramonde, Xoán Xosé Rodríguez, Xosé Luis Vergara e Luís Rubido.[Cómpre referencia]

Na etapa democrática o popular Leopoldo Rubido estivo na alcaldía desde 1979 ata 1999.

Tras unha paréntese de catro anos de goberno liderado polo BNG, Rubido volveu a ser alcalde entre 2003 e 2007.

Dende xuño de 2007, o socialista José Luis Vergara foi alcalde de Cedeira tras un pacto de goberno entre PSdeG-PSOE, BNG e TEGA.

De novo no ano 2011 volveu a soster o bastón municipal Leopoldo Rubido sendo substituído por Luís Rubido.

Desde o 2015 Pablo Moreda é o alcalde de Cedeira polo PSOE co apoio do BNG e mais ANOVA.

Historia

Hai restos da Idade de Bronce, como machados de pedra pulimentada atopados en Régoa, Montoxo e Piñeiro.

Durante o período castrexo a zona estaba habitada polos lapatiancos (ou labacenos). Hai restos de poboados castrexos en zonas altas (como o castro das Croas, na península Robaleira), castros de ribeira (como o castro de Santalla de Cervo) ou sobre un esporón (como o castro das Alcaiás, en Montoxo, no que se atopou un torque de ouro).

Trala romanización deuse ao lugar o topónimo latino de Cetaria, rada costeira cara onde os pescadores dirixían os grandes animais mariños, (atúns, baleas...) para facilitar a súa captura[Cómpre referencia].

No século XII as terras pertencían ao conde de Traba. No século seguinte Fernando III confirmou varias doazóns de terras ao mosteiro de Oseira. No século XIV pasou a ser propiedade do conde de Lemos, que por concesión de Henrique II nomeaba os alcaldes e xuíces da zona. Até 1811, en que se suprimiron os señoríos, as terras seguiron pertencendo aos Lemos, que no século XVI se xuntaran cos Andrade. A zona pertencía á provincia de Betanzos do reino de Galicia, até que en 1834 se fixo a distribución provincial actual.

No século XVIII construíuse nun outeiro a carón do porto o castelo da Concepción, do que se conservan as murallas, levantado para a defensa naval. Na actualidade é museo comarcal e mirador turístico.

Fronte a el sitúase a ermida de Santo Antón de Corveiro, do século XVII.

O casco histórico de Cedeira, situado á beira dereita do río Condomiñas, estivo amurallado no medievo. Nalgunhas das casas consérvanse os escudos nobiliarios dos antigos propietarios, como os Andrade, Montenegro, Pardo ou Pieiro.

Entre 1883 e 1886 editouse en Cedeira o periódico El Horizonte. Xa no século XX apareceron Nueva Cedeira (1924-1936) e La Antorcha (1930-1931).

Lugares de interese

Neste concello está o santuario de Santo André de Teixido e os cantís máis altos da Europa continental, a Vixía Herbeira.

As murallas que rodeaban a antiga vila desapareceron na súa maior parte, aínda que se conserva algún resto dela. Aínda así manteuse o seu pasado medieval, que se pode ver no paseo polas súas estreitas e empinadas rúas. Nalgunha das súas construcións aparecen escudos de armas das familias que habitaron as súas casas. Entre as antigas construcións podemos ver algunha casa con galerías, xa pertencentes aos séculos XVIII e XIX. Arredor do río Condomiñas medrou a nova Cedeira. Na zona intermedia do paseo marítimo atópase, sobre unha rocha, o monumento á muller do pescador. O porto é un dos máis importantes das Rías Altas galegas, grazas ás capturas de especies como a pescada, o rapante, a lagosta ou os percebes.[Cómpre referencia]

Fachada-santa-maria-do-mar-cedeira
Fachada e torre da igrexa parroquial.
  • Igrexa parroquial de Santa María do Mar. Atópase na parte alta da do casco histórico. É de estilo gótico mariñeiro con planta basilical orixinal e ábsida rectangular. A súa construción data do século XV. Consta de tres corpos con cuberta de madeira e unha capela maior. Diversas reformas posteriores á súa construción engadíronlle dous corpos laterais, que lle deron aspecto cruciforme. A fachada é sinxela, cun arco de medio punto. A torre lateral foi engadida en 1839. No interior, está o sepulcro xacente do cabaleiro Alonso de Pyñeiro, con data de 1450. Tamén son de interese as imaxes da Virxe do Parto (século XVI) e a Velilla (século XVII), renacentista unha e barroca a outra. A imaxe da Virxe do Mar, patroa da vila, é obra do escultor José Rivas en 1917.
  • Priorato de Regoa.
  • Igrexa de Piñeiro.
  • Igrexa de Esteiro.
  • Capela de Reboredo.
  • Castelo da Concepción. Na zona final do porto, sobre un cantil, atópase o castelo da Concepción, construído no século XVIII para protexer a costa de incursións marítimas, que destruíran as antigas fortificacións de defensa. Con axuda da poboación, construíuse o actual, que chegou a ter trinta homes ao coidado doutros tantos canóns. O edificio é de planta hexagonal, cunha gran vista panorámica da entrada da ría de Cedeira e das praias da Magdalena e de Pantín, xa no veciño concello de Valdoviño. No edificio pódense visitar as antigas dependencias e almacéns para a vida dos soldados.
Capela de San Antón de Corveiro, Cervo, Cedeira
Ermida e cruceiro de San Antonio de Corveiro.
  • Capela de Santo Antón de Corveiro. A ermida de Santo Antón de Corveiro comezouse a construír en 1661. Está situada nunha contorna dende a que se contempla unha panorámica da entrada da ría. No interior, destaca o retablo barroco, procedente da igrexa parroquial. No campo que arrodea á ermida atópase un cruceiro de pedra sepentina, que foi levado alí dende o antigo cemiterio de Cedeira.
  • Garita da Herbeira. Con 620 m sobre o nivel do mar son os acantilados máis altos de Europa.
  • Restos da antiga muralla. Cedeira estaba rodeada por unha muralla que xa está desaparecida case na súa totalidade. Aínda queda unha parte pequena que pode ser visitada e que pode dar idea do que era a Cedeira medieval.
  • Campo do Castro. Aquí podemos ver un antigo castro que está situado sobre uns acantilados defensivos. Apréciase moi ben o antigo foxo. Tamén hai unhas antigas baterías que facían un conxunto coa fortaleza da Magdalena. Ate hai pouco aínda se podía ver un canón. A atalaia é un miradoiro natural da ria de Cedeira.
  • Arquitectura mariñeira. Aínda poden atoparse edificios de tipoloxía mariñeira, como unha casa con soportal no empezo da rúa Fernando Lago/Praza da Reitoral e dúas casas con balconada, Arriba da Ponte.
  • Casas con galería. A vila de Cedeira foise estirando en liña coa beiramar e o río Condomiñas ata formar un paseo de casas con galería no dique do porto, que antes da construción do porto pesqueiro servía para o atraque de trincados e para a realización de traballos pesqueiros e a estiba de mercadorías.
  • Escolas Indianas. Nas parroquias de Piñeiro e Esteiro a emigración transoceánica cedeirense en Cuba creou asociacións benéfico-asistenciais que financiaron no primeiro terzo do século XX tres escolas. Estas fundacións naceron da convicción de que a educación servía para a mellora económica e social e para a rexeneración da vida política.
  • Praza do Peixe. Hoxe convertida en aparcadoiro. Sitio de venda do peixe ó lado do dique do porto. Lugar onde tamén se celebraba a festa da Padroa ata que foi trasladada á parroquia veciña de Piñeiro no medio dunha gran contestación social dos veciños da vila ó berro de "Queremos a festa na Praza do Peixe".[Cómpre referencia]
  • Fonte da Pixana. Cunha estatua alegórica do verán.
  • Fonte de Fernando Lago.
  • Praza da Vila. Nesta praza encontrábase o tinglado e mais a casa reitoral coa súa fonte pública. Nos anos sesenta a praza e maila reitoral foron destruídas para construír un mercado que posteriormente tamén foi derruído.[Cómpre referencia]

Economía

A economía de Cedeira está ligada ao mar a á transformación e comercialización de servizos. Ten importancia na zona o sector forestal na explotación madereira de eucaliptos. En 2008 iniciouse a construción do Parque empresarial A Trabe.

Festas

Cedeira celebra as seguintes festas:[Cómpre referencia]

  • Maio: Romaría e Festa de San Isidro.
  • Xuño : Romaria de Santo Antón de Corveiro patrón da Ribeira.
  • Xullo: Curro da Capelada e Festa do Percebe. Carme de Regoa. San Fiz de Esteiro.
  • Agosto: A Patroa, festa maior de Cedeira na honra da Virxe do Mar. San Roque de Reboredo. Lugnasad.
  • Setembro. Festa en San Román. Festas de Santo André de Teixido.
  • Novembro: Todos os Santos.

Cedeira na literatura popular

  • Meu señor San Andresiño/ póñano-lo vento en popa/ que somo-los de Cariño,/ traémo-la vela rota [4].
  • Para peixe fresco Vigo,/ para chocos, Redondela, / para camaróns Moaña,/ para marisco Cedeira.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Cedeira.
Santoandrésdeteixido2

Entrada ao Santuario de Santo André de Teixido.

Santoandrésdeteixido

Igrexa de Santo André de Teixido.

Acantiladossantoandres

Baixando aos cantís en Santo André de Teixido.

Rúa da Cruz, Cedeira.

Rúa da Cruz en Cedeira.

Ría de Cedeira

Vista da ría de Cedeira.

Placa altimétrica de Cedeira, Coruña

Placa altimétrica da casa do concello.

Bandeira de Cedeira A Coruña

Bandeira de Cedeira, A Coruña.[5]

Lugares de Cedeira

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cedeira vexa: Lugares de Cedeira.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultados eleccións 2019
  3. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  4. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13. Santo André de Teixido é unha parroquia do concello de Cedeira, concello que linda ó leste co de Cariño.
  5. DECRETO 414/2009, do 12 de novembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Cedeira, A Coruña.
Balvís, Montoxo, Cedeira

Balvís é un lugar da parroquia de Montoxo no concello coruñés de Cedeira, na comarca de Ferrol. Tiña 2 habitantes no ano 2007 segundo datos do Instituto Galego de Estatística que eran 1 home e 1 muller, o que non supón ningún cambio con relación ao ano 1999 .

Cedeira, Cedeira

Santa María do Mar de Cedeira é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 4824 habitantes (2408 mulleres e 2416 homes), distribuídos en 14 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2007 cando tiña 4998 habitantes.

Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Cedeira, Redondela

Para o concello coruñés véxase o artigo Cedeira.

Santo André de Cedeira é unha parroquia que se localiza no concello de Redondela. Segundo o IGE en 2013 tiña 2.023 habitantes (1.050 mulleres e 973 homes), distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.159 habitantes.

Cervo, Cedeira

Santalla de Cervo é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 210 habitantes (112 mulleres e 98 homes), distribuídos en 26 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 244 habitantes.

Comarca de Ferrol

A comarca de Ferrol é unha comarca galega situada na provincia da Coruña e a súa capital é Ferrol. A ela pertencen os concellos de Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño. Limita ao norte e ao este co océano Atlántico, ao leste coa comarca do Ortegal e ao sur coa comarca do Eume. Ten unha extensión de 623,5 km² e conta cunha poboación de 159.422 habitantes no 2014, distribuídos en 11 concellos.

Comarca de Ortegal

A comarca de Ortegal é unha comarca galega situada no norte da provincia da Coruña. Abrangue os concellos de Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira. A comarca non conta con capital oficial, se ben é Ortigueira onde se sitúan determinadas estruturas administrativas (Xulgado de Instrución, Delegación de Facenda, Oficina do INSS, Notaría, Rexistro da Propiedade...), que sumado á súa posición xeográfica central e a de ser o concello máis poboado e máis extenso, lle confiren esa condición oficiosa de capital.

Limita ao norte co océano Atlántico, ao sur co concello das Pontes de García Rodríguez (comarca do Eume), ao leste coa comarca da Mariña Occidental -xa na provincia de Lugo- e ao oeste coa comarca de Ferrol, onde se integra o concello de Cedeira, tradicionalmente integrado na comarca do Ortegal por razóns históricas e xeográficas, condición que abandonou nos anos 90 ao producirse a división comarcal de Galicia, por consideralo mellor para os seus intereses.

Ervellás, Montoxo, Cedeira

Ervellás é un lugar da parroquia de Montoxo no concello coruñés de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2007 tiña oito habitantes (tres homes e cinco mulleres), tres menos ca en 1999.

Esteiro, Cedeira

San Fiz de Esteiro é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 562 habitantes (284 homes e 278 mulleres), distribuídos en 31 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 588 habitantes.

Montoxo, Cedeira

San Xiao de Montoxo é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 430 habitantes (219 mulleres e 211 homes), distribuídos en 39 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 504 habitantes.

Montoxo Vello, Montoxo, Cedeira

Montoxo Vello é un lugar da parroquia de Montoxo no concello coruñés de Cedeira, na comarca de Ferrol. Tiña 16 habitantes no ano 2007 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 9 homes e 7 mulleres, o que supón un aumento con relación ao ano 1999 cando tiña 15 habitantes.

O Campo do Hospital, Montoxo, Cedeira

O Campo do Hospital é un lugar da parroquia de Montoxo no concello coruñés de Cedeira, na comarca de Ferrol. Tiña 31 habitantes no ano 2007 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 16 homes e 15 mulleres, o que supón unha diminución con relación ao ano 1999 cando tiña 39 habitantes.

Piñeiro, Cedeira

San Cosme de Piñeiro é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 437 habitantes (230 mulleres e 207 homes), distribuídos en 27 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 407 habitantes.

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

Redondela

Redondela é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo. O seu xentilicio é redondelán. Ten unha superficie de 52,1 km² e, segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2018 tiña 29.194 habitantes, dos cales 14.219 eran varóns e 14.975 eran mulleres, resultando unha densidade de poboación de 560,35 hab./km². É o cuarto concello máis poboado da provincia, por detrás de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, e está situado entre as dúas primeiras, a 13 km de Vigo e a 20 km de Pontevedra.

Régoa, Cedeira

Santa María de Régoa é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 398 habitantes (201 homes e 197 mulleres), distribuídos en 25 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 442 habitantes.

San Román de Montoxo, Cedeira

San Román de Montoxo é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 447 habitantes (226 homes e 221 mulleres), distribuídos en 29 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 489 habitantes.

Serra da Capelada

A serra da Capelada é unha serra galega localizada na provincia da Coruña, concretamente nos concellos de Cedeira e Ortigueira e sobre todo na parte occidental do concello de Cariño, a rentes do océano Atlántico con elevados cantís, un dos cales é considerado o acantilado máis alto da Europa continental, con máis de 600 metros de caída. A serra remata no cabo Ortegal. Tres son os montes principais desta serra: o monte Herbeira (613 m), o monte Limo (558 m) e mais o monte Miranda.

Está considerada unha serra de enorme importancia para o estudo xeolóxico.

Teixido, Cedeira

Santo André de Teixido, coñecida popularmente como San Andrés de Lonxe, é unha parroquia situada no leste do concello de Cedeira, na Serra da Capelada, preto dos cantís sobre o mar. Segundo o padrón municipal de 2018 tiña 50 habitantes (33 homes e 17 mulleres).

Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Neste lugar atópase o santuario de Santo André de Teixido, famoso lugar de peregrinación.

Valdoviño

Valdoviño é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. Segundo o IGE no 2014 contaba con 6.796 habitantes (6.978 no 2009, 6.896 no 2006, 6.888 no 2005, 6.854 no 2004, 6.877 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valdoviñés».

O nome do concello fai pensar a algúns nunha agricultura baseada na vide, así Val do viño sería a orixe do topónimo. Tamén hai quen manexa outra hipótese: Val do Aviño, rego que atravesa o chan do municipio, se ben as últimas investigacións, indican que o nome provén do propietario dunha pequena explotación agraria, chamado Baldovino, Baldoviño ou Balduino, do que hai abondosa documentación nos textos medievais.Ocupa unha franxa costeira desde a praia de Campelo ata a entrada da ría de Cedeira.

Nesta poboación leváronse a cabo no século XVIII (1767) os primeiros cultivos de patacas traídas desde América.

As praias do término municipal de Valdoviño son moi populares polo seu paisaxe natural e entre os aficionados ao surf. Entre elas, destacan o areal da Frouxeira, duns 3,6 km de lonxitude, e a praia de Pantín, onde anualmente cada mes de setembro celebrase o Pantín Classic, campionato internacional de surf que comenzou súa andadura en 1988.

A lagoa da Frouxeira é un destacado ecosistema de gran valor ornitolóxico por ser lugar de descanso de aves migratorias e de cría dalgunhas especies de aves.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.