Categoría gramatical

Categoría gramatical é o termo empregado para a clasificación das palabras segundo o seu tipo. Dito vocábulo foi introducido por Antonio de Nebrija. Modernamente o termo categoría gramatical refírese a unha variable lingüística que pode tomar diferentes valores que condicionan a forma morfolóxica concreta dunha palabra moito máis xeral có uso tradicional do termo.

Categorías na gramática tradicional

En gramática tradicional a clasificación segundo categorías é de tipo semántica e non-funcional. O concepto tal como se introduciu a gramática tradicional considérase superado e foi substituído por unha análise máis moderna, así a todo, o seu uso segue sendo común na gramática escolar e tradicional.

As categorías que recoñece e a clasificación que propón a gramática tradicional son morfolóxicas e non se deben confundir coa función sintáctica que desempeña a palabra ou grupo de palabras (locucións).

A gramática tradicional distingue nove partes da oración (as oito de Nebrija mailo artigo):

  1. Artigo
  2. Substantivo
  3. Pronome
  4. Verbo
  5. Adxectivo
  6. Adverbio
  7. Preposición
  8. Conxunción
  9. Interxección

As cinco primeiras (artigo, nome, pronome, verbo e adxectivo) son as chamadas partes variables da oración, pois as palabras que pertencen a estes tipos poden variar en xénero e número, sen deixar de se-la mesma palabra. Unha excepción constitúea o verbo, que non varía en xénero, pero si en número, persoa, tempo, modo, voz e aspecto.

Obviamente esta clasificación da gramática tradicional non é aplicable a linguas como o chinés, o turco ou moitas linguas amerindias, ben por carecer de flexión ou ben por carecer de preposicións, ou ben porque verbos e adxectivos forman unha clase única.

As categorías na gramática moderna

En teoría lingüística moderna, o termo categoría gramatical inclúe moitos máis aspectos có termo tradicional, que en xeral só se refire a clases semánticas de palabras. En termos xerais unha categoría gramatical é unha variable morfolóxica que pode tomar diversos valores para unha clase de palabras á que se aplica, por exemplo, a clase dos verbos presentan variacións ou realizacións diferentes segundo o seu tempo, modo, persoa etc. e cada unha destas variables pode tomar diferentes valores, por exemplo en español a variable "tempo" pode toma-los valores de pasado, presente ou futuro. Normalmente as categorías gramaticais están suxeitas a restricións de concordancia gramatical. Algunhas das categorías gramaticais máis frecuentes entre as linguas de mundo son:

Criterios e procedementos para delimitar categorías gramaticais

A Gramática tradicional usou sobre todo criterios lóxicos, de aí a pouca fiabilidade das súas nas súas caracterizacións dos accidentes. Posto que a aproximación a estas unidades se encauza nunha óptica estrutural, intralingüística, os criterios empregados han de ser estritamente lingüísticos.

Así pois, mediante técnicas de segmentación e conmutación delimitaremos as categorías gramaticais como unidades formais que contrastarán sintagmaticamente e que se oporán paradigmaticamente.

Como formas lingüísticas as categorías gramaticais pertencen ó grupo dos signos e inclúense, polo tanto, no primeiro modo de articulación: son signos mínimos, ou o que é o mesmo, morfemas flexivos.

Problemas na delimitación

Se os mecanismos de expresión deixasen de ser variados de xeito que en tódolos casos os significantes tivesen un modo de expresión particular e único, e se cada contido se asociase cun único significante, entón non existirían problemas para a descrición das categorías gramaticais. Porén, as linguas son demasiado ricas e complexas na súa configuración interna como para que na súa presentación externa teñan un mínimo de elementos. Esta circunstancia provoca que nos achemos ante as seguintes dificultades:

  • Alomorfia: Acontece cando diferentes expresións substanciais o son dun único significante. As diferentes variacións combinatorias dun morfema denomínanse alomorfos
  • Homonimia:Cando unha única expresión substancial éo de significantes de diferentes morfemas. (andamos pode representa-lo Pres. Ind. ou o Perfecto). Morfemas homónimos
  • Amálgama:Cando nunha única e indivisible expresión substancial se encontran manifestados varios significantes de varios morfemas (-mos manifesta primeira persoa e mais número plural.
Afixo

Os afixos son partículas que se antepoñen (prefixos) ou pospoñen (sufixos) aos elementos básicos das palabras para modificar o seu significado, ben gramatical (afixos flexivos), ben léxico (afixos derivativos). Estes permítennos aumentar o número de palabras cun esforzo mínimo.

Algúns autores reservan o termo afixo para os morfemas derivativos e utilizan o termo desinencia para referirse a tódolos morfemas flexivos.

Os afixos son morfemas que se usan no proceso de derivación para formar novas palabras a partir doutras primitivas e así arriquecer unha familia léxica concreta. Engádense sempre ao lexema ou raíz.

Cognado

O cognado (ás veces tamén chamado coétimo) é o termo que se utiliza para denominar unha palabra que ten a mesma orixe etimolóxica ca outra dada, tanto da mesma lingua coma doutra distinta. Habitualmente aplícase para cando as dúas palabras teñen a mesma categoría gramatical, pero esta restrición non é sempre necesaria.

Dicionario electrónico

Un dicionario electrónico é un repertorio lexicográfico (véxase dicionario) accesible mediante a internet. Segundo os criterios utilizados poden incluír maior ou menor información lingüística, existindo desde simples listaxes de palabras, a dicionarios con explicitación da categoría gramatical, inclusión da definición, repertorio fraseolóxico, organizados terminoloxicamente (como unha nomenclatura botánica ou zoolóxica como a Wikiespecies) ou con nomes propios.

Entre as utilidades coas que contan están:

Suxestión de formas semellantes á buscada (normalmente propostas cando non aparece no repertorio);

Vencellos con sinónimos, antónimos e onomasiolóxicos;

Vencellos dende as propias palabras da definición;

Flexionador (de xénero, número e caso para substantivos e adxectivos ou conxugación de tempo verbal, modo verbal, aspecto ou voz para verbos);

Con interpretación das formas flexionadas preguntadas;

Editable polos usuarios (coma o Galizionario);

Francisco Porto Rey

Francisco Porto Rey, nado na rúa do Carme do Carril (Vilagarcía de Arousa) o 16 de xaneiro de 1876 e finado en Vigo o 22 de maio de 1941, foi un xornalista e escritor galego e galeguista.

Galizionario

O Galizionario, tamén denominado Galicionario, é a versión en galego do Wiktionary, un dicionario multilingüe de contido libre que forma parte dos proxectos da Fundación Wikimedia.

Heurística

A heurística é unha forma de traballar para resolver os problemas, aprender, ou facer descubrimentos que usa métodos prácticos, que non garante unha solución ideal ou perfecta, aínda que suficiente para os obxectivos inmediatos. Deste xeito é posible obter resultados aceptables nun tempo máis curto, e neste sentido pode ser considerado como atallo simplificador. Son exemplos deste método as estimacións fundamentadas, aproximacións, opinións intuitivas, o sentido común e a categorización.

A heurística é un trazo característico do ser humano. Dende este punto de vista, pode ser descrito como a arte e a ciencia do descubrimento e a invención, ou de resolver problemas a través da creatividade e o pensamento lateral ou pensamento diverxente.

A etimoloxía de "heurística" é a mesma que a da palabra eureka!, a exclamación que é atribuída a Arquímedes nun episodio tan famoso como apócrifo. A palabra "heurística" aparece en máis dunha categoría gramatical. Cando se usa como un substantivo, que identifica a arte ou a ciencia de descubrimento e unha disciplina que pode ser investigado formalmente. Cando aparece como un adxectivo, refírese a máis cousas específicas, tales como estratexias heurísticas, regras heurísticas ou siloxismos e conclusións heurísticas. É evidente que estes dous usos están intimamente relacionados, xa que a heurística é xeralmente proposta de estratexias heurísticas que guía o descubrimento.

Hipóstase (homónimos)

O substantivo hipóstase pode referirse a:

En filosofía hipóstase é a realidade fundamental que existe verdadeiramente.

En teoloxía hipóstase é o suposto ou persoa, especialmente persoa da Santísima Trindade.

En lingüística hipóstase é o cambio de categoría gramatical dunha palabra, sen ningún elemento transpositor, por exemplo un substantivo utilizado como adxectivo.

En medicina hipóstase é o depósito, especialmente de sangue, na parte baixa do corpo ou dun órgano.

Múltiplo

Un múltiplo é un tipo de numeral. Un múltiplo expresa multiplicación pola serie natural dos números a partir de dous: dobre, triplo etc. Por tanto, dobre equivale a multiplicado por dous, triplo a multiplicado por tres etc.

Numeral

Un numeral é unha categoría gramatical que designa cantidades exactas e contábeis. Pode ser cardinal, ordinal, múltiplo ou partitivo:

Un número cardinal indica o número de elementos dun conxunto: un/unha, dous/dúas, tres etc.

Un ordinal indica a posición de cada elemento na serie: primeiro, segundo, terceiro, cuarto etc.

Un múltiplo expresa multiplicación pola serie natural dos números: dobre, triplo, cuádruplo etc.

Un partitivo indica división dun todo: medio, terzo, cuarto etc.Para unha visión matemática, véxase número.

Número cardinal

Os números cardinais indican a cantidade de elementos dun conxunto e reflíctense nos conceptos de números naturais e de números enteiros. Por exemplo, considerando o conxunto de extremidades do corpo humano e chamándolle a este conxunto E, E = {brazo dereito, brazo esquerdo, perna dereita, perna esquerda}, o cardinal do conxunto é 4. Pódese dicir, xa que logo, que:

|E| = 4

card(E) = 4

#E = 44 é un número natural e un número enteiro positivo.

Palabra

Unha palabra é cada unha das unidades da cadea escrita, que se escriben separadamente (salvo nos casos en que se usa apóstrofo ou guión), é dicir é a unidade formada por un ou varios fonemas, illable e dotada de significado.

A ciencia que estuda a composición e estrutura interna das palabras é a morfoloxía.

As palabras poden clasificarse segundo a clase sintáctica (categoría gramatical), segundo a súa acentuación ou segundo o seu número de sílabas.

Persoal

persoal adx.

Que é propio ou pertence a unha persoa en particular. Non teño relación persoal con el.

Cadro de persoal: Conxunto de persoas que traballan nunha mesma empresa. O persoal desta fábrica é moi grande.

Persoa (morfema): En lingüística, dise das formas do verbo cando se refiren a unha persoa. En "el xoga" o verbo está en forma persoal.

Pronome persoal: En morfosintaxe, clase de palabra ou categoría gramatical

Prosodia

A prosodia é unha rama da lingüística que analiza e representa formalmente aqueles elementos da expresión oral, tales como o acento, os tons e a entoación.

Substantivo

O substantivo é unha categoría gramatical que desenvolve a función sintáctica, dentro do sintagma nominal, de núcleo. Morfoloxicamente, están compostos por un lexema e morfemas flexivos de xénero e número, admitindo tamén derivativos e alterativos (Vid. sufixo). Non admiten sufixos poderativos (-ísimo, -érrimo). Polo que respecta ó seu significado, o substantivo denota seres, entes, sentimentos, circunstancias,...

Sufixo

En morfoloxía lingüística, sufixo é o morfema derivativo ou afixo que se engade despois do lexema, raíz ou tema dunha palabra e antes dos morfemas constitutivos para engadirlle a este unha información suplementaria. A palabra nova así formada denomínase palabra derivada, e o mecanismo polo cal se fai coñécese como derivación.

Sufixo de número e persoa

O sufixo de número e persoa ou sufixo número-persoal expresa con medios morfolóxicos a persoa gramatical suxeito da acción verbal.

A persoa é unha categoría gramatical fundamentalmente deíctica, pois localiza o suxeito da acción verbal con respecto ó falante. A esta persoa oponse un oínte. Fronte a falante e oínte oponse a ‘non persoa’ que abrangue todo o demais, o que non é nin falante, nin oínte.

Benveniste traduce a estrutura en que se asentan as tres persoas gramaticais a dúas correlacións fundamentais: a correlación de ‘personalidade’ e a correlación de ‘subxectividade’. Pola correlación de ‘personalidade’ enfróntanse as chamadas persoas estritas (primeira e segunda persoa) á denominada non persoa (terceira persoa), sendo as primeiras o membro marcado, determinado, fronte á terceira persoa que é o membro non marcado, indeterminado. Pola relación de subxectividade enfróntase a primeira persoa, o eu subxectivo, e a segunda persoa, a non subxectiva.

Schmidely establece unha serie de distincións que matizan dun modo máis acabado a concepción de Benveniste. Así, a non persoa (terceira persoa) está organizada en dous subconxuntos, o correspondente á terceira persoa e o correspondente á persoa nula. A terceira persoa de Schmidely refírese a entidades animadas, mentres que a persoa nula a entidades non animadas.

Translación (gramática)

A translación é a relación entre dúas palabras ou secuencias de palabras de natureza diferente (clase de palabra) mais coa mesma función gramatical.

Foi Lucien Tesnière o primeiro en falar de translación. Para el, na translación unha palabra plena dunha clase gramatical pasa a outra clase gramatical. Así, azul en azul do ceo foi transferido da clase dos adxectivos á clase dos substantivos. A terminoloxía que Tesnière utiliza é a seguinte:

A translación é o cambio de categoría gramatical dunha palabra: a preposición permite que un substantivo actúe como adxectivo (de Roma = romano).

Transferendo é a palabra tal e como se presenta antes de sufrir a translación.

O marcante morfolóxico (a preposición no exemplo anterior) recibe a denominación de translativo.

A palabra unha vez sufrida xa a translación é o transferido.Dous tipos de translación:

Hai translación de primeiro grao cando o transferendo é unha palabra: de Paris e parisiense.

Hai translación de segundo grao cando o transferendo é unha frase enteira (A translación de segundo grao é recoñecida pola gramática tradicional co nome de subordinación): (O rapaz) que traballa e traballador.Os marcantes de translación de primeiro grao son as preposicións. Mentres que os translativos de segundo grao son as conxuncións de subordinación. Así pois fronte a terminoloxía tradicional, que distingue entre conxuncións e preposicións, a terminoloxía adoptada por Tesniere distingue xuntivos (conxuncións de coordinación), translativos de primeiro grao (preposicións) e translativos de segundo grao (conxuncións de subordinación).

A noción de translación debe permitir que non haxa ambigüidade, como en de París e de Pedro en O tren de París e O can de Pedro, as dúas coa preposición de. neste caso, de París e de Pedro compórtanse sintacticamente como adxectivos pois, como estes últimos, son precedidos por un substantivo.

As translacións poden ser adxectivais, verbais, substantivas ou adverbiais cando o substantivo tórnase adxectivo, verbo, substantivo ou adverbio. Son desubstantivais, deadxectivais, deadverbiais ou deverbais cando a palabra transferida deixa de ter esas funcións.

VOLG

VOLG (habitualmente pronunciado /bolga/) é o acrónimo do Vocabulario ortográfico da lingua galega. Se as NOMIG son as prescricións ortográficas e morfolóxicas da RAG e do ILG, asumidas por lei, o VOLG consiste na súa aplicación. Malia circular en copias privadas durante anos, no ano 2004 por fin apareceu publicado oficialmente en papel por estas dúas institucións baixo a coordinación de Manuel González González e de Antón Santamarina Fernández, co cal se creou a base normativa de facto (non de iure) para calquera obra lexicográfica xeral do galego.

Valencia (morfosintaxe)

Valencia é un concepto morfosintáctico creado en 1959 por Lucien Tesnière para definir o potencial sintagmático dunha unidade lingüística de relacionarse con outras unidades.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.