Catedral de Tui

A catedral de Santa María de Tui é un templo católico situado na cidade de Tui, próxima á beira do río Miño. É sé da diocese de Tui-Vigo, convertida en sede episcopal durante o reino suevo. O edificio actual foi iniciado cara a 1120 en estilo románico, e foi finalizada cara a 1225 coa fachada xa de estilo gótico, ano no que foi consagrada polo bispo Esteban Egea[1]. En 1931 foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC)[2][3].

Catedral de Santa María de Tui
Tui Miño 060415
Catedral, na parte alta de Tui.
Datos xerais
TipoCatedral
AdvocaciónVirxe María
LocalizaciónTui, Provincia de Pontevedra Galicia
Coordenadas42°02′46″N 8°38′39″O / 42.04616555, -8.64430368Coordenadas: 42°02′46″N 8°38′39″O / 42.04616555, -8.64430368
CatalogaciónBen de Interese Cultural
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseDiocese de Tui-Vigo
Arquitectura
Construcións.XII (1142-1225) cabeceira do XV (Antigo Reino de Galiza Bandeirareinogaliza.svg)
EstiloRománico e gótico
Catedral de Tui en Galicia

Catedral de Tui
Catedral de Tui
Localización da Catedral de Tui.

Historia

Tui cathedral
Fachada occidental gótica.

Dáse por feito a existencia dun templo anterior que estaría situado no mesmo sitio que a actual sé. Dunha banda, hai datos fiables da existencia da diocese tudense como tal desde o século VI, cos bispos Anila (que figura como participante no Segundo Concilio de Braga) e Neufila. Doutra banda, consérvase algún rastro do vello edificio, como, aos pés da imaxe de Santo Epitacio, na porta norte.

A construción da actual puido iniciarse cando a diocese se viu libre das invasións normandas e sarracenas, en tempos de estabilidade e paz.

Edificio principal e claustro

A construción comezou no ano 1120, en estilo románico. Románica é a planta de cruz latina e a portada norte e tamén da época debe ser a primitiva sala capitular do século XII, que hoxe dá ao claustro. O edificio principal rematouse en estilo gótico (ou románico tardío), no que se fixeron as bóvedas e a porta principal.

Este salto de estilos e a diferenza entre os muros de carga románicos e os remates góticos, moito máis altos do que nun principio estarían pensados motivou, a longo prazo problemas estruturais que tiveron que ser compensados coa colocación dos tirantes tan característicos desta catedral. Os primeiros tirantes colocáronse xa no século XV e os últimos, onde están os órganos, a primeiros do século XVIII. Hai que facer notar que, ademais dos tirantes da nave central, que son os máis visibles, bos parte dos arcos das naves laterais teñen tamén un reforzo que crea o curioso efecto de arcos "tortos".

Xa en pleno estilo gótico cisterciense construíuse o claustro, peza case única nas catedrais de España. Ao longo do tempo sufriu diversas reformas:

  • No século XV, para reforzar o sistema defensivo, engadiuse a Torre dos Soutomaiores.
  • No século XVI, aproveitando o paso de ronda superior do claustro, construíuse o pazo e dependencias episcopais.
  • No século XX, nos anos 50, coincidindo co traslado da sé episcopal a Vigo, *arruáronse estas dependencias (excepto o lado leste), e volveron quedar visibles as construcións defensivas (ameas e torre).

Capelas e outros engadidos

No século XIV construíuse a capela de Santa Catarina, actual museo catedralicio, reformada entre finais do século XVII e principios do XVIII.

Entre 1419 e 1464 o bispo Juan Fernández de Soutomaior mandou construír a capela do Sacramento, que exteriormente é unha torre defensiva.

En 1530, o bispo Diego de Avellaneda mandou refacer o ciborio, en estilo renacentista.

A capela de san Telmo foi construída en dúas fases. O bispo Diego de Torquemada mandou construír a primeira parte en 1578, onde está o seu sartego. En 1732 mandouse construír a segunda parte, en estilo barroco e rematada por unha cúpula.

Retablos e decoración

Do século XVI é o antigo retablo maior da catedral, do que só se conservan algúns fragmentos.

A época que domina na decoración interior é o barroco, séculos XVII e XVIII:

  • O coro, e o mobiliario da sancristía, de 1699.
  • O retablo da Expectación, de 1722, pero coa imaxe principal do 1600.
  • De 1755, é o retablo chamado do Monumento.
  • O curioso e orixinal retablo-relicario de San Telmo é tamén de mediados do século XVIII.
  • O retablo das Ánimas da Capela de San Pedro, de 1713.
  • Os órganos, tal como se conservan, de 1714.
  • En 1766, o retablo rococó da capela do Sacramento.

Arquitectura

A catedral é o máximo expoñente do patrimonio artístico de Tui. Sitúase na parte máis alta da localidade, na croa do antigo castro Tide que debeu existir antes do inicio da nosa era. Ten planta de cruz latina, máis os engadidos, e tres naves.

Da época do románico consérvase a planta, a portada norte e a iconografía dos capiteis. Tamén contén elementos de estilo gótico na última parte construída, na fachada principal, datada aproximadamente no ano 1225. Este dato ten importancia, xa que foi a primeira construción de estilo gótico de toda a Península Ibérica.

A súa situación, nun punto elevado da fronteira con Portugal, determina o seu uso. Ademais das propias dun templo católico, a catedral desempeñaba un papel central como fortaleza na defensa da cidade, como proban a torre da homenaxe ou dos Soutomaior e as ameas que arrodean o claustro. Esta dobre función tamén aparece en edificios como a catedral de Almería.

Exterior

Portada norte

Tui, catedral, S. Epitacio, portada setentrional románica
Porta norte.

De estilo románico, cun engadido superior gótico. A porta, de arco de medio punto ten arquivoltas con decoracións xeométricas (a última con axadrezado) e un tímpano liso sostido por canzorros de cabezas animais, que semellan un carneiro e un lobo. Sobre a porta está a imaxe de Santo Epitacio, segundo a tradición, primeiro bispo de Tui.

Pórtico Real

Portada Catedral Tui, Pontevedra (5195186460)
Portada gótica, coas figuras das columnas e o tímpano en dous niveis.
Artigo principal: Pórtico real da Catedral de Tui.

Situado na fachada oeste, con iconografía de mediados do século XIII. Ten oito pares de columnas con estatuas que representan, de esquerda a dereita, Moisés, Isaías, san Pedro e san Xoán Bautista, do outro lado, o profeta Daniel, Xeremías e Berenguela ou Urraca de Portugal e Afonso IX ou Fernando II, reis e raíñas que favoreceron a construción da catedral.

No tímpano desta fachada, dividido en dous niveis, aparecen as seguintes escenas:

  • Escena da Natividade, no plano inferior: coa anunciación aos pastores á esquerda, a Virxe co Neno no centro, nunha cama con dosel, ao seu carón, un algo apartado, San Xosé, e á dereita o que podería ser o anuncio á profetisa Ana. Resulta moi orixinal a escena central da Virxe: dunha banda, aparece nunha cama con dosel, o que estaría moi lonxe do relato evanxélico, porén, tras ela está o Neno Xesús nun berce ou pesebre e asomando as cabezas, a mula e mailo boi, tal como o relatan os evanxeos apócrifos.
  • Escenas dos Magos: á esquerda, os Magos visitan a Herodes, no centro, Adoración ao Neno Xesús. Como na escena anterior, á dereita, en segundo plano está san Xosé. Sobre as escenas, unha representación da Xerusalén celeste. Na pedra do fondo, aínda se poden ver restos da policromía orixinal.

As arquivoltas, de arco apuntado, que pechan o conxunto da porta, están decoradas con motivos florais.

Interior

Catedral de Santa Maria de Tui
Tirantes e un dos órganos.

A catedral, con planta de cruz latina, está dividida en tres naves. Da súa arquitectura destacan os tirantes que van de columna a columna e que axudan a manter firme a estrutura da fábrica e os reforzos, non tan visibles, que teñen algúns dos arcos das naves laterais. Os tirantes son necesarios posto que a estrutura da catedral está lixeiramente inclinada e afundiría sen eses reforzos. A causa deste problema estrutural está, para uns, no terremoto de Lisboa de 1755, para outros en problemas de alicerces que a catedral ten desde a súa construción. No interior destaca:

  • Retablo da expectación. Popularmente coñecido como ‘’Altar da preñada’’. É un retablo barroco, situado no brazo sur do cruceiro da catedral, cuxa figura central á a Virxe preñada de Xesús, todo o resto do retablo, no que destacan as figuras de Adán e Eva, fai un repaso das promesas mesiánicas contidas no Antigo Testamento. Desde o punto de vista artístico, é a peza máis salientable de todo a catedral. Ademais é centro dunha vizosa piedade popular.
  • Retablo do Monumento. Situado sobre a porta do cruceiro norte. É un curioso retablo que conta cunha escaleira monumental desmontable que se garda dentro do propio retablo. Durante o ano a escaleira queda desmontada e o retablo está presidido por unha imaxe procesional de san Telmo. Para a Semana Santa, retírase a imaxe e móntase a escaleira para usar o retablo como “Monumento” na celebración do Xoves Santo.
  • Coro e órganos: o coro foi realizado en 1699 polo leonés Castro Canseco, excepto a cadeira prelacial (no centro do nivel superior, policromada) coa imaxe de San Telmo e baldaquino, que é obra do, tal vez, tudense Xoán Davila. Conta con cadeiras en dous niveis, orixinalmente o superior estaba reservado aos cóengos do Cabido e o inferior quedaba para os beneficiados, membros do Cabido de rango menor. Destacan a decoración dos respaldos das cadeiras, con relevos de imaxes de santos e unha franxa central con escenas tamén en relevo da vida de San Telmo, patrón da cidade.

Orixinalmente e como sucedía en tódalas catedrais –aínda pode verse en algunhas como Lugo ou Toledo– o coro, en forma de U, ocupaba o centro da nave central, co lado aberto apuntando á porta principal e pechado por un retablo. Despois da reforma litúrxica do Concilio Vaticano II trasladouse ao altar maior, excepto unhas poucas cadeiras que quedaron no sitio, baixo os órganos.

Os órganos son do século XVIII e foron restaurados e postos en funcionamento nos anos 90 do século XX.

  • Sala capitular: agora integrada no arquivo histórico diocesano, conserva frescos do século XV.

Capelas

  • Capela de Santa Catarina, hoxe Museo Catedralicio. Cunha gran colección de arte sacra entre a que destacan unha Virxe co Neno do século XIV e unha Imaxe da Virxe Preñada, ou pezas como:
  • Maior
  • Do Sacramento
  • De San Telmo, no lado sur da cabeceira. Foi construída no século XVI e ampliada no XVIII, e conserva no seu interior os sepulcros de diversos bispos ademais do relicario coa cabeza de San Telmo
Catedral noche
Nocturna. En primeiro plano, menos iluminado, as ameas do claustro e a torre dos Soutomaior.

Claustro

O claustro, é o único gótico conservado orixinalmente en todas as catedrais de Galicia. Construído no século XIV en estilo gótico cisterciense con arcadas oxivais sostida por duplas columnas e bóveda de cruzaría. O espazo ofrece unha interesante mostra de pezas arqueolóxicas atopadas na zona do Baixo Miño: sartegos visigodos, escudos nobiliarios, restos castrexos...

Dentro do claustro consérvanse tamén:

  • Torre dos Soutomaior, tamén chamada torre da homenaxe: consonte coa súa dupla función relixioso-defensiva, o claustro ten, no seu piso superior, un camiño de ronda, protexido por ameas que, na súa esquina sur, conta cunha torre de homenaxe propia dun castelo. Unha escaleira une claustro, paso de ronda e alto da torre dos Soutomaiores. Co escudo da familia no alto da parte exterior.
  • No lado que dá ao Miño atopamos, defendida por dous leóns de pedra, a entrada ao antigo palacio episcopal, ao que se accede por unha escalinata de pedra. É unha construción sinxela, con reformas e engadidos de distintas épocas. Destaca a galería coas vistas sobre a cidade vella, o Miño, Valença e o val do río Louro.
  • Ao seu carón e nun plano máis baixo que o claustro, está a vella sala capitular, do século XII, con arcos de medio punto e banco corrido.
Interiod de la catedral de Tuy
Tirantes. Apréciase que son de distintos estilo e épocas.

Lendas relacionadas coa catedral

A catedral de Tui ten as súas propias lendas que, dunha forma ou doutra, axudan a situala no seu contexto histórico e sociolóxico.

A orixe dos tirantes

Os tirantes da catedral foron colocados entre os séculos XV e XVIII debido aos problemas estruturais da fábrica do edificio, seguramente causados pola diferenza de altura entre a prevista fábrica románica, máis baixa, e a gótica que efectivamente se realizou.

Pero é fama en Tui que os problemas da catedral veñen do Terremoto de Lisboa de 1755, que afectou a toda a fachada atlántica da Península Ibérica e que, certamente, foi unhas das catástrofes naturais máis destrutivas das que se ten constancia. E que foi este terremoto o que obrigou a colocar os tirantes. Aínda máis, afirma a lenda que primeiro e por indicacións dos expertos, colocáronse uns poucos. Pero, como continuaran os problemas e o edificio seguía torcendo, estes mesmos expertos ditaminaron que a catedral non tiña remedio e estaba condenada á ruína. Remata a lenda dicindo que o pobo non aceptou esta situación e que foron os canteiros de Tui os que, en contra dos expertos, e con só o seu bo oficio reforzaron o edificio con máis tirantes e así salvaron a catedral.

Igreja do Convento de Ganfei
Igrexa do convento de Ganfei, onde chegaría o suposto túnel.

O túnel

Hai unha lenda que fala da existencia dun túnel que sae do claustro da catedral e que, en caso de asedio ou calquera perigo, permitiría a bispo e cóengos fuxir con seguridade. A partir de aquí, a lenda ten dúas versións. Segundo a máis modesta, o túnel chegaría ata a a beira do Miño, para alí coller un barco co que ir a lugar seguro. A segunda versión, máis afoutada, afirma que o túnel atravesaría baixo o río Miño e desembocaría en Portugal, concretamente na abadía de Ganfei, na veciña Valença[4].

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes da catedral de Tui.
Vista da catedral.
Vista da catedral. 
Detalle das esculturas policromadas do pórtico.
Detalle das esculturas policromadas do pórtico. 
Outra imaxe da portada.
Outra imaxe da portada. 
Fachada catedral tui
 

Notas

  1. "Páxina web da Diocese de Tui-Vigo". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2014. Consultado o 11 de xaneiro de 2015.
  2. Catedral de la Asunción. Tuysic Catálogo BIC do Ministerio de Educación (en castelán).
  3. Relación de Bens de Interese Cultural de Galicia a 1 de outubro de 2012 na web da Xunta de Galicia.
  4. "A lenda do túnel baixo o Miño" Tudensia.blogspot, 8/4/2012.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

A Virxe do Camiño, Rebordáns, Tui

A Virxe do Camiño é un lugar da parroquia de Rebordáns no concello pontevedrés de Tui na Comarca do Baixo Miño. Segundo o IGE en 2013 tiña 83 habitantes (43 homes e 40 mulleres), dez menos ca en 2010 e nove menos ca en 2004.

O lugar está situado a carón do Camiño Portugués. Recibe o seu nome pola capela da Virxe do Camiño, construída no século XVIII sobre os restos doutra anterior. No museo da Catedral de Tui consérvase unha imaxe pétrea policromada procedente desta capela. É unha peza do século XII ou XIII adicada á Virxe do O, dándolle o peito ao neno. Segundo a tradición, a talla foi agochada pola veciñanza ante o avance dos mouros, e ao ser atopada de novo decidiuse construír un templo para custodiala.

Ana, nai de María

Santa Ana (do hebreo Hannah, חַנָּה, que significa "graza"), descendente de David, foi a nai da Virxe María e avoa de Xesús Cristo segundo a tradición cristiá e islámica. O seu nome non aparece nos Evanxeos canónicos e no Corán.

Arquidiocese católica latina de Santiago de Compostela

A arquidiocese de Santiago de Compostela é a diocese ou bispado (territorio eclesiástico da Igrexa católica rexido por un bispo) cuxa sé eclesiástica é a catedral de Santiago de Compostela en Santiago de Compostela.

Arte gótica

A arte gótica é un estilo que se desenvolveu na Europa occidental durante os derradeiros séculos da Idade Media, dende mediados do século XII até a implantación do Renacemento (século XV para Italia, e ben entrado o século XVI nos lugares onde o gótico perviviu máis tempo). Trátase dun amplo período artístico, que xurdiu na rexión francesa de Illa de Francia e espallouse ao longo de Occidente. Segundo os países e as rexións desenvólvese en momentos cronolóxicos diversos, ofrecendo no seu amplo desenvolvemento fondas diferenciacións: máis puro en Francia (sendo ben distinto o de París e o da Provenza), máis horizontal e preto da tradición clásica en Italia (aínda que ao norte acóllese un dos exemplos máis paradigmáticos, como a catedral de Milán), con peculiaridades locais en Flandres, Alemaña, Inglaterra, Castela e Aragón.

Centro de Información Xudía de Galicia

O Centro de Información Xudía de Galicia, tamén coñecido popularmente como Museo Sefardí de Galicia, é un museo galego situado en Ribadavia (Ourense) e adicado á historia e as principais singularidades do pobo xudeu en Galiza.Situado no pazo dos Condes de Ribadavia, no número 7 da Praza Maior, o Centro de Información Xudía de Galicia ocupa o segundo andar do edificio, que comparte coa Oficina de Turismo e o Xulgado. A colección amosa algunhas pezas salientables da historia da comunidade xudía en Galiza como a menorá grabada nunha pedra da catedral de Tui, a lápida do século X-XI da Coruña, así como reproducións de obxectos ligados ao pobo e á cultura xudía.

Colexiata de Santa María de Vigo

A colexiata de Santa María de Vigo é un templo católico situado na cidade de Vigo. Desde 1959 ten a consideración de concatedral, compartindo a sede catedralicia da diocese de Tui-Vigo coa catedral de Tui. Foi construída entre 1816 e 1834, substituíndo a antiga colexiata, danada trala explosión dunha polvoreira en 1809.

O actual edificio foi deseñado por Melchor de Prado y Mariño, membro da Real Academia de San Fernando. O seu estilo principal é o neoclásico, se ben as torres son barrocas.

Diocese católica latina de Mondoñedo-Ferrol

A diocese de Mondoñedo-Ferrol (en latín: Dioecesis Mindoniensis-Ferrolensis) é unha sé territorial galega da igrexa católica latina sufragánea da Arquidiocese de Santiago de Compostela. No 2004 contaba con 286.097 bautizados sobre 288.998 habitantes.

Diocese de Britonia

A diocese de Britonia (tamén chamada de Bretoña) foi unha antiga división episcopal da Gallaecia, e na actualidade é unha sé titular da Igrexa Católica.

Diocese de Iria

A diocese de Iria (en latín: Diocesis Iriensis) foi unha sede territorial galega da Igrexa Católica, predecesora da Diocese de Santiago de Compostela e finalmente da Arquidiocese de Santiago de Compostela.

Década de 1120

A década de 1120 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1120 e remata o 31 de decembro de 1129.

Forcadela, Tomiño

Forcadela é unha parroquia do concello de Tomiño na provincia de Pontevedra. No ano 2014 tiña 713 habitantes (358 homes e 355 mulleres) segundo o IGE. Está situada á beira do río Miño. Pertence ó arciprestado da Guarda-Tebra, na diocese de Tui-Vigo.

Galería de imaxes da catedral de Tui

A catedral de Santa María de Tui sitúase na cidade de Tui, pola que pasa o río Miño. Pertence á diocese de Tui-Vigo.

Iago Seara

Iago Seara Morales, nado en Ourense o 26 de agosto de 1948, é un arquitecto galego.

José Cerviño

José Cerviño Cerviño, nado en Aldán (Cangas) o 21 de agosto de 1920 e finado en Vigo o 18 de abril de 2012, foi un bispo católico galego.

Juan Domínguez Fontenla

Juan Domínguez Fontenla, nado na Guarda o 8 de outubro de 1869 e finado en Santiago de Compostela o 11 de marzo de 1942, foi un sacerdote, arqueólogo e historiador galego.

Parroquia eclesiástica galega

Parroquia defínese no Código de Dereito Canónico como a unidade básica de delimitación territorial da Igrexa, agrupados xerarquicamente en arciprestados.

Pórtico real da Catedral de Tui

O Pórtico Real da Catedral de Tui é o conxunto escultórico que dá acceso, pola portada principal á Catedral-fortaleza de Santa María da cidade medieval fronteiriza de Tui, no Camiño Portugués de Santiago. E o máis espléndido portal gótico do século XIII existente en Galicia e un dos primeiros que na Península Ibérica se fixeron eco das novas orientacións estilísticas que xurdiran en Francia.

Tui, Tui

O Sagrario da Catedral de Tui é unha parroquia que se localiza no concello de Tui. Segundo o padrón municipal de 2012 tiña 6.098 habitantes (3.202 mulleres e 2.896 homes), nunha entidade de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 5.001 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación medrara ata os 5.967 habitantes, sendo 2.804 homes e 3.163 mulleres.

Dioceses
Relacionadas historicamente
Catedrais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.