Catedral de Burgos

A Catedral de Santa María de Burgos é un templo católico dedicado á Virxe María situado na cidade española de Burgos. O seu nome oficial é Santa Igrexa Catedral Basílica Metropolitana de Santa María de Burgos. Polo seu tamaño, é a terceira catedral de España despois da de Sevilla e da de Toledo. Foi declarada Monumento Nacional o 8 de abril de 1885[1] e é a única catedral española que ten a denominación de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, recoñecido o 31 de outubro de 1984.[2]

Catedral de Burgos
Burgos Cathedral 01
Fachada da catedral.
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísEspaña España
LocalizaciónBurgos
42°20′24.72″N 3°42′14.436″O / 42.3402000, -3.70401000
TipoCultural
CriteriosII, IV, VI
Inscrición1984 (8ª sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador316

Características

O impulsor da construción foi o bispo Mauricio que nunha misión diplomática a Alemaña, observou as novas construcións que se estaban a levar alí mais en Francia. A súa construción comezou en 1221,[3] seguindo patróns góticos franceses e, como se adoitaba, a primeira pedra colocouse preto da cabeceira do altar maior.[4] Cando o bispo morreu en 1238, foi soterrado en medio do presbiterio.[4][5] Non se consagrou até 1260.

Tivo importantes modificacións nos séculos XV e XVI: as agullas da fachada principal, a Capela do Condestable e o ciborio do cruceiro, elementos do gótico avanzado que dotan ao templo do seu perfil inconfundible. As últimas obras de importancia (a Sancristía ou a Capela de Santa Trega) pertencen xa ao século XVIII, século no que tamén se modificaron as portadas góticas da fachada principal. O estilo da catedral é o gótico, aínda que posúe, no seu interior, varios elementos decorativos renacentistas e barrocos. A construción e as remodelacións realizáronse con pedra calcaria extraída das canteiras da próxima localidade burgalesa de Hontoria de la Cantera.

Fachada principal

O deseño da fachada principal está relacionada co máis puro estilo gótico francés das grandes catedrais de París e Reims, mentres que o alzado interior toma como referencia á Catedral de Bourges.[3] Consta de tres corpos rematados por dúas torres laterais de planta cadrada. As agullas de influencia xermánica engadíronse no século XV e son obra de Juan de Colonia. No exterior son sobresaíntes tamén as portadas do Sarmental e a Coronería, góticas do século XIII, e a portada da Pellejería, con influencias renacentistas-platerescas do século XVI.

Interior

Numerosos son os tesouros arquitectónicos, escultóricos e pictóricos do seu interior. Destacan:

  • O ciborio gótico-plateresco, alzado primeiro por Juan de Colonia no século XV e reconstruído por Juan de Vallejo no XVI.
  • A Capela do Condestable, de estilo gótico isabelino, na que traballaron a familia Colonia, Diego de Siloé e Felipe Bigarny. Agregada en 1482 por Simón de Colonia, consiste nun octógono regular que remata na parte superior nunha bóveda estrelada con trazarías abertas.[3]
  • O retablo gótico hispano-flamengo de Gil de Siloé para a Capela de Santa Ana.
  • O cadeirado do coro, obra renacentista plateresca de Vigarny.
  • Os relevos tardogóticos do deambulatorio, de Vigarny.
  • Os numerosos sepulcros góticos e renacentistas.
  • A renacentista Escaleira Dourada, de Diego de Siloé.
  • O Santísimo Cristo de Burgos, imaxe de gran tradición devocional.
  • A tumba do Cid e a súa esposa Jimena Díaz, a súa carta de arras e o seu cofre.
  • O Papamoscas, estatua articulada que abre a boca ao dar as badaladas das horas.

Na catedral consérvanse obras de artistas extraordinarios, como os arquitectos e escultores da familia Colonia (Juan, Simón e Francisco), o arquitecto Juan de Vallejo, os escultores Gil de Siloé, Felipe Vigarny, Rodrigo de la Haya, Martín de la Haya, Juan de Ancheta e Juan Pascual de Mena, o escultor e arquitecto Diego de Siloé, o reixeiro Cristóbal de Andino, o vidreiro Arnao de Flandes ou os pintores Alonso de Sedano, Mateo Cerezo, Sebastiano del Piombo ou Juan Ricci, entre outros moitos.

Patrimonio da Humanidade

A catedral burgalesa foi declarada Monumento Nacional o 8 de abril de 1885 e Patrimonio da Humanidade pola Unesco o 31 de outubro de 1984. É a única catedral española que ten esta distinción da Unesco de forma independente, sen estar unida ao centro histórico dunha cidade (como ocorre nos casos de Salamanca, Santiago de Compostela, Ávila, Córdoba, Toledo ou Cuenca) ou en compañía doutros edificios, como en Sevilla. É ademais o templo católico de maior rango en Castela e León ao tratarse do único templo que sendo catedral metropolitana é á vez unha basílica.

Galería de imaxes

Burgos Cathedral 2005-05-30

Fonte e fachada

Burgos - Catedral 173

Parte meridional

Burgos - Catedral 002

Fachada de Santa María

Burgos - Catedral 007 - Puerta del Sarmental

Porta do Sarmental

Burgos - Catedral 118 - Puerta de la Coroneria

Porta da Coronería

Burgos - Catedral 076 - Capilla Mayor

Capela maior

Burgos - Catedral 162 - Papamoscas

O papamoscas

Burgos Kathedrale Innen

Ciborio do cruceiro

Burgos - Catedral 164 - cimborrio

Exterior do ciborio

Burgos - Catedral 046 - Escalera Dorada

Escaleira dourada

Notas

  1. "Expediente sobre la declaración de Monumento Nacional de la Catedral de Burgos por Real Orden del 8 de abril de 1885". cervantesvirtual.com. Consultado o 30-01-2019.
  2. "Bienes declarados Patrimonio Mundial. Catedral de Burgos". culturaydeporte.gob.es. Arquivado dende o orixinal o 23-01-2019. Consultado o 30-01-2019.
  3. 3,0 3,1 3,2 Rodríguez Llera (2017), p. 83
  4. 4,0 4,1 Aznar (1985)
  5. Serrano (2001), p. 120

Véxase tamén

Bibliografía

  • Aznar, Fernando (1985). La catedral de Burgos. Serie Monumentos declarados de interés mundial por UNESCO. Madrid: Ministerio de Cultura. ISBN 84-369-1187-3.
  • Andrés Ordax, Salvador (1991). Guía de Burgos. León: Ediciones Lancia. ISBN 84-86205-50-6.
  • Ramos Merino, Juan Luis (2012). Iglesia y notariado en la Castilla bajomedieval: La Catedral de Burgos (1315-1492). Madrid: La Ergástula. ISBN 978-84-938490-2-3.
  • Rodríguez Llera, Ramón (2017). Historia de la arquitectura. Madrid: Libsa. ISBN 978-84-662-3291-3.
  • Serrano, Luciano (2001). D. Mauricio, obispo de Burgos: y fundador de su catedral. (Edición orixinal 1922). Valladolid: Maxtor. ISBN 84-95636-21-2.

Outros artigos

Ligazóns externas

Arquitectura gótica

A arquitectura gótica é o estilo arquitectónico propio da arte gótica, o estilo artístico, comprendido entre o románico e o renacemento, que se desenvolveu na Europa Occidental na Baixa Idade Media, dende finais do século XII até o século XV, aínda que máis aló de Italia continuou até os comezos do século XVI.

O vocábulo «gótico» é o adxectivo correspondente a godo. Foi empregado neste contexto por primeira vez polo tratadista florentino Giorgio Vasari, quen na súa famosa obra de biografías de pintores toscanos, inclúe varios capítulos sobre a arte na Idade Media. Vasari usou este termo en sentido pexorativo para denominar a arquitectura anterior ao Renacemento, propia dos bárbaros ou godos, cuxos compoñentes lle parecían confusos, desordenados e pouco dignos, por contraste á perfección da arte clásica. Na súa época adoitábase denominar como opus francigenum (estilo francés), por referencia á orixe da innovación.

Arte gótica

A arte gótica é un estilo que se desenvolveu na Europa occidental durante os derradeiros séculos da Idade Media, dende mediados do século XII até a implantación do Renacemento (século XV para Italia, e ben entrado o século XVI nos lugares onde o gótico perviviu máis tempo). Trátase dun amplo período artístico, que xurdiu na rexión francesa de Illa de Francia e espallouse ao longo de Occidente. Segundo os países e as rexións desenvólvese en momentos cronolóxicos diversos, ofrecendo no seu amplo desenvolvemento fondas diferenciacións: máis puro en Francia (sendo ben distinto o de París e o da Provenza), máis horizontal e preto da tradición clásica en Italia (aínda que ao norte acóllese un dos exemplos máis paradigmáticos, como a catedral de Milán), con peculiaridades locais en Flandres, Alemaña, Inglaterra, Castela e Aragón.

Burgos

Burgos é unha cidade española de Castela e León, capital da provincia de Burgos. Conta cunha poboación de 179.097 habitantes, segundo os datos demográficos de 2013, repartidos nunha superficie de 107,08 km², converténdose na 37ª cidade máis poboada de España, e a segunda da comunidade.

Aínda que hai probas de asentamentos neolíticos e da Idade de Ferro, a cidade como tal fundouna o conde castelán Diego Porcelos no ano 884 para frear o avance musulmán. No ano 930 converteuse en capital do condado de Castela primeiro dependente do reino de León e independente despois por actuación do conde Fernán González. Foi a capital do reino de Castela, e de xeito intermitente da Coroa de Castela, desde 1230 ata o reinado dos Reis Católicos. Estes ditaron na cidade, en 1512, as Leis de Burgos; as primeiras leis que a Monarquía Hispánica aplicou en América para organizar a súa conquista. Posteriormente foi a capital da antiga rexión histórica de Castela a Vella, e primeira capital provisional da comunidade autónoma de Castela e León.

Conta cun anel verde e un amplo conxunto monumental entre os cales destacan a catedral de Santa María, expoñente da arquitectura gótica declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, o mosteiro de Santa María la Real de las Huelgas e a cartuxa de Miraflores. Ademais, a cidade é atravesada polo Camiño de Santiago, outro Patrimonio da Humanidade e atópase a menos de 15 km de Atapuerca, tamén baixo a protección da UNESCO desde o ano 2000. O día 13 de xullo de 2010, abriu as súas portas o Museo da Evolución Humana.

Chapitel

Un chapitel ou agulla é un elemento arquitectónico que se sitúa na parte superior dunha torre, campanario ou igrexa a modo de remate. Por veces o termo tamén é empregado como sinónimo de capitel, elemento de remate superior da columna ou da pilastra.

A forma dos chapiteis pode variar en función dos diferentes estilos arquitectónicos: poden ser de forma piramidal, cónica ou bulbosa e terminar en forma de frecha aguda. Destaca o seu uso no gótico, no que se converten na culminación visual do templo e símbolo de achegamento a Deus.

Condestable de Castela

Condestable de Castela foi un título de condestable creado polo rei Xoán I de Castela para substituír ao de Alférez maior do Reino. Nel recaía o mando supremo do exército e tiña o dereito de levar pendón, mazas e rei de armas. O condestable era o máximo representante do Rei en ausencia do mesmo.

O 6 de xullo de 1382 Xoán I concedeu o título a Alfonso de Aragón e Foix, tendo carácter vitalicio pero non hereditario. Este tipo de transmisión levaríase a cabo ata 1473, cando Henrique IV nomea condestable a Pedro Fernández de Velasco, a partir do cal o título faríase hereditario. José Fernández de Velasco y Tovar foi o último condestable de Castela, con motivo da Guerra de Sucesión Española.O condestable Pedro Fernández de Velasco mandou a construción da Casa do Cordón de Burgos e a chamada Capela do Condestable na Catedral de Burgos, onde está sepulto.

Década de 1220

A década de 1220 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1220 e remata o 31 de decembro de 1229.

Década de 1250

A década de 1250 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1250 e remata o 31 de decembro de 1259.

España

España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.

España atópase no suroeste do continente europeo, e comparte fronteiras terrestres con Francia e co principado de Andorra ao norte, con Portugal ao oeste e co territorio británico de Xibraltar ao sur. Nos seus territorios africanos, comparte fronteiras terrestres e marítimas con Marrocos. Comparte con Francia a soberanía sobre a illa dos Faisáns na desembocadura do río Bidasoa e cinco facerías pirenaicas.

Ten unha extensión de 504.645 km², sendo o cuarto país cunha maior extensión do continente, despois de Rusia, Ucraína e Francia. Cunha altitude media de 650 metros sobre o nivel do mar, é un dos países máis montañosos de Europa. A súa poboación é de 47 190 493 habitantes, segundo datos do padrón municipal de 2011.

De acordo a Constitución Española, o castelán ou español é a lingua oficial do Estado. Outras linguas son recoñecidas como cooficiais nas súas respectivas comunidades autónomas conforme os seus Estatutos de autonomía. As modalidades lingüísticas de España son un dos seus patrimonios culturais, obxecto de especial respecto e protección.

A economía española é a 14ª economía mundial en términos de PIB, por diante de Indonesia e de Turquía, e segundo Eurostat, o PIB per cápita español situouse, en 2011, no 99% da media da Unión Europea, por diante de Chipre.Ademais, segundo o informe de 2010 da ONU, ten un índice de desenvolvemento humano de 0.878, o 23º maior do mundo, por diante doutros grandes países europeos, como Grecia, Italia ou Reino Unido.

Euzko Gaztedi Indarra

Euzko Gaztedi Indarra-EGI (en éuscaro Forza Xuventude Vasca é o órgao xuvenil do Partido Nacionalista Vasco (PNV). Segundo os seus estatutos defínese como unha organización vasca, democrática, plural, participativa, independentista e humanista. Declárase de vocación europeísta e humanista. O seu ámbito de actuación é o da xuventude e, seguindo a ideoloxía do seu partido matriz, ten como obxectivo a soberanía do País Vasco desexando lograr un marco de respecto á identidade dos pobos e ós dereitos humanos.

Fernando III de Castela

Fernando III de Castela, alcumado o Santo, nado en Peleas de Arriba (provincia de Zamora) en 1199 ou o 24 de xuño de 1201 e finado en Sevilla o 30 de maio de 1252, foi rei de Castela e Toledo desde 1217, rei de Galiza e de León desde 1230, e Conde de Aumale por casamento desde 1235, até a súa morte.

Uniu definitivamente os reinos de León e Castela e consolidou a Reconquista, deixando por conquistar apenas o reino tributario de Granada. Foi canonizado en 1671, sendo coñecido tamén como San Fernando.

Mateo o Evanxelista

San Mateo Evanxelista, tamén designado como Mateo Leví, Leví de Alfeo e Mateo apóstolo, foi un dos doce apóstolos de Xesús e tamén un dos catro evanxelistas. Represéntase cun libro na man, signo do seu evanxeo, e ás veces cunha pluma.

O nome procede do hebreo Matithyah, que significa don de Iavé, ou presente, regalo de Deus. De aí adaptouse ó grego Maththaios e ó latín Matthaeus, de onde vén o nome Mateo nas linguas romances.

Dáselle o tratamento de santo por tódalas confesións cristiás que admiten esta distinción. A Igrexa Católica celebra a súa festa o 21 de setembro, pero a igrexa ortodoxa faino o 16 de novembro.

Pantocrátor

Na iconografía relixiosa cristiá, o termo pantocrátor aplícase para referirse a Deus pai omnipotente ou tamén a Cristo, como xuíz no Xuízo Final. O termo vén do grego pantokrátor -átoros, formado de pâs pantós, todo, e dun derivado de krátos, forza, poder, de onde o seu significado de todopoderoso. Na mitoloxía grega era un atributo de Zeus.

Representouse principalmente na arte bizantina e románica, na forma de Deus bendecindo ó espectador coa man dereita levantada; na man esquerda sostén o Libro dos Sete Selos (segundo a Apocalipse, cap. 5), cuxa apertura simboliza o comezo do Xuízo. Pode aparece-la figura completa, sentada no trono, ou só o busto. Cando representa a figura de Deus pai adoita mostra-lo fillo, Xesus, no colo.

Sexa como for, a figura inscríbese case sempre nun cerco oval en forma de améndoa, denominado mandorla, coas figuras dos catro evanxelistas ó redor formando o tetramorfo: Mateo (home), Marcos (león), Lucas (boi) e Xoán (aguia).

Nas igrexas cristiás pode aparecer esculpido no tímpano da portada ou pintado na bóveda da ábsida.

Provincia de Burgos

A provincia de Burgos é unha das provincias de Castela e León, está situada ao nordés desta comunidade. A súa capital é a cidade homónima de Burgos. Ocupa unha superficie de 14.300 km² e a súa poboación en 2006 era de 363.874 habitantes. Moitos dos 370 concellos da provincia (131 en 2006) teñen menos de 100 habitantes.

Burgos posúe un enclave no interior da provincia de Áraba: o enclave de Treviño.

Pórtico do Paraíso

Non confundir coa Fachada do Paraíso da catedral de Santiago de Compostela.O Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense é o conxunto escultórico que dá acceso, pola portada principal ó templo. Foi construído na primeira metade do século XIII, en tempos do bispo Lourenzo (1218-1248), que foi quen rematou as obras da catedral, e en calquera caso despois de 1230. Cómpre destacar a policromía que conserva, do século XVIII, e que foi restaurada en 2013, pero hai que advertir que a contraportada carece de cor.

Ignórase quen foi o autor ou autores do pórtico. Ángel del Castillo atribúeo a un mestre chamado Juan Evangelista:

En realidade, esta inscrición, "Juan Evangelista fecit", figura nun anxo trompeteiro hoxe conservado no museo da catedral e que nada ten que ver co pórtico, tal como acreditan expertos como Serafín Moralejo, Ramón Yzquierdo Perrín, Xosé Carlos Valle Pérez e Eduardo Carrero Santamaría, polo que xa ninguén apoia esa atribución.

Conde Cid supón a participación de dous grupos de escultores no proceso de construción do tímpano. Fundamentalmente, un primeiro taller, ata 1230, que sería quen comezaría as obras e esculpiu a parte inferior (bases, columnas e os profetas e apóstolos); e un segundo taller desde 1230, responsable da parte dos arcos. Dentro dese primeiro taller distingue catro mans diferentes, a xulgar polo traballo dos pregues dos vestidos e a sensación de movemento que se consegue: unha esculpiría os profetas Oseas e Malaquías e os tres apóstolos descoñecidos; outro escultor sería o autor das estatuas de Ezequiel, Habacuc, Xonás e Isaías e, probablemente, dos apóstolos Xoán e André; un terceiro esculpiría os profetas Daniel e Xeremías e os apóstolos Santiago e Mateo; e un último escultor sería o responsable das figuras do profeta descoñecido e dos apóstolos Pedro e Paulo.Os especialistas concordan en que é moi probable que estes escultores pertenceran ó taller do Mestre Mateo ou, polo menos, estaban influídos por el, pois reproduciron a disposición de apóstolos e profetas que este dispuxo en Compostela e a técnica utilizada nas estatuas-columna e na ornamentación do arco menor é tamén similar, pero aínda así e a pesar do feito de que o pórtico de Ourense sexa posterior ó de Santiago, a realidade é que o estilo do Pórtico do Paraíso é máis románico có da Gloria.

Outros autores ven, tamén, a influencia dos talleres de Amiens e París, que chegaron ata aquí a través da catedral de Burgos.

Rosetón

Un rosetón é unha fiestra circular calada, dotada de vidreiras, cuxa trazaría disponse xeralmente de forma radial.

O rosetón utilizouse na arquitectura románica e con maior profusión na gótica. Inicialmente adoitaban ser de pequeno diámetro e dispúñase a modo de óculo nos laterais das naves. Pero a partir do século XIII os rosetóns foron aumentando en tamaño e en complexidade de decoración, ata chegar a incribles graos de filigrana pétrea. Pasaron a situarse nas fachadas, por encima das portadas, e en cada un das frontes do transepto. As vidreiras decorábanse normalmente con escenas bíblicas en vivas cores.

Ao rosetón atribuíuselle un dobre simbolismo: un mariano, pola aparencia que ten da estrutura dunha rosa; outro que suxire a Cristo, como remedo dos raios do sol.

A súa misión tamén é dobre: por unha banda, a máis simple de iluminar o interior dos templos; por outro, o conseguir un ambiente misterioso ao incidir no altar os raios filtrados polas multicolores vidreiras cando os rosetones ábrense no imafronte da nave central.

Como un dos exemplos máis representativos dun rosetón adóitase citar a parella que adorna o transepto de Notre Dáme de París. En España existen magníficas e variadas mostras, por exemplo o maior do mundo, coñecido popularmente como o ollo do gótico na Catedral de Santa María de Palma de Mallorca ou tamén o da Catedral de Burgos entre tantos outros.

Triforio

O triforio (palabra que provén de triforium, en latín medieval) é un elemento arquitectónico característico da arquitectura gótica. Está situado enriba das arcadas das naves laterais dunha igrexa ou dunha catedral e consiste nun paso estreito que mira cara á nave central mediante unha liña de vans, normalmente xeminados, abertos no groso dos muros. O conxunto deses vans ou aberturas leva o nome de triforio.

Non debe confundirse coa tribuna, que é un corredor cuxa anchura coincide coa da nave lateral sobre a que está construída e pretende ampliar a capacidade da igrexa; mentres que o triforio é estreito e, orixinalmente, non tiña unha función clara, pero ao ser un paso estreito que permite a circulación dunha persoa, facilita que se poida usar para facer o mantemento das partes elevadas da construción. Co tempo, a función principal dos triforios foi a de facilitar a entrada de luz á nave central, aínda que tamén os había cegos. Cando coinciden tribuna e triforio, aquela constitúe o segundo piso, sendo o triforio o terceiro.

Nas catedrais situadas en rutas de peregrinación como o Camiño de Santiago, adoitaban ter a función de ser os lugares onde albergar aos peregrinos.

Xoán I de Galiza e León

Xoán I de Galiza e León, nado en Sevilla cara a 1262 e finado en Pinos Puente (reino de Granada) o 25 de xuño de 1319, foi un fillo de Afonso X o Sabio e da raíña Violante de Aragón e Hungría.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.