Castro de Elviña

O Castro de Elviña é un castro galaico, posteriormente romanizado pertencente á coñecida como Cultura castrexa do noroeste peninsular. Está situado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, próximo ao actual Campus de Elviña da Universidade da Coruña, nunha pequena elevación que domina as terras dos vales de Elviña e Mesoiro, no concello da Coruña.

Coordenadas: 43°19′46″N 8°24′55″O / 43.32944, -8.41528

Castro de Elviña
Castro de Elviña Vista xeral
ParroquiaElviña
ConcelloA Coruña
ProvinciaA Coruña
Comunidade autónomaGalicia
Id. catálogoGA15030003
Cronoloxía
Datas de ocupaciónSéculo III a. C. a Século II
Data da descuberta1947
Períodos de escavación1947 a 1953
1979 a 1985
2002 á actualidade
Estado actualEn escavación
Extensión estimadaMáis de 4 ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia
Elviña aceso a croa e muro
Acceso á croa
Elviña aceso a croa lado oposto
Acceso sueste á croa
Elviña Alxibe
Alxibe

Descrición

O castro está formado por varios recintos con socalcos, separados por murallas. Entre elas, destaca a muralla da croa (o recinto máis elevado e central) cunha entrada monumental flanqueada por dous torreóns defensivos semicirculares entre os que se abre unha rampla e escaleiras de acceso empedradas.[1] Nalgúns dos seus tramos, a muralla conservada ten unha anchura e altura superior aos catro metros. Na zona de socalcos, situada no sueste, pódense observar diferentes construcións, algunhas delas singulares no conxunto da cultura castrexa, como a fonte-alxibe rectangular e o templo do ídolo fálico; tamén se conservan diferentes casas, principalmente de formas cadradas, e a complexa "casa da Exedra" que daría abeiro a familias acomodadas. Ademais, no castro atopouse o famoso tesouro de Elviña (conservado no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón).[1]

Fases de ocupación

Os resultados das escavacións permiten deducir a existencia de varias fases de ocupación:

  • Unha primeira, datada a partir do século III a. C., prerromana e tipicamente castrexa. As fases máis antigas de ocupación atopáronse na croa ou acrópole, con restos relacionados como cerámica datada no século II a. C., moldes de espadas de antena ou o conxunto de xoias áureas.
  • Unha segunda, dende o século I a. C. ata o século I d. C., de progresiva romanización (presenza de cerámica de importación) pero caracterizadas pola presenza de casas circulares.
  • Unha terceira fase de ocupación que foi o momento de apoxeo da comunidade, un auxe económico que se testemuña a través de restos arqueolóxicos de mercancías froito da actividade comercial marítima. Durante esta etapa o castro sofre un proceso de transformación urbana, visible principalmente nos seus muros e portas e na construción de casas rectangulares.
  • Un cuarto período de progresivo abandono. Probablemente, o castro foi abandonado no século II d. C. e quizais a súa poboación trasladouse cara á cidade romana de Brigantium, establecida na península coruñesa, na actual zona do Parrote. Caracterízase pola reutilización e transformación de algunhas construcións preexistentes aproveitando os materias.

As construcións máis notorias son:

  • A Casa da Exedra, datada sobre o século I a. C.. É rectangular e ergueuse sobre varias casas circulares anteriores, unha das cales foi reaproveitada deixando un semicírculo (exedra) que foi abovedado. A Casa da Exedra foi posiblemente un forno. Nunha segunda etapa dividiuse en dúas partes, engadíndoselle un vestíbulo pequeno.[2]
  • O Templo do Ídolo Fálico é unha construción ovalada así denominada por Francisco Luengo, quen atopou no interior unha pedra grande coa fronte traballada representando a figura dun falo personificado.[2]
  • A fonte-alxibe, que ten 5,33 metros de fondo, permitía o abastecemento de auga. Accédese a el por dúas escalinatas abertas aos dous lados.[2] O manancial, proveniente da croa, aínda achega auga hoxe en día. É posíbel que contase cun tellado de lousa sobre madeira.
  • A Casa do Tesouro está próxima á fonte e nela atopáronse alfaias de ouro do século I.

Escavacións arqueolóxicas

As primeiras escavacións datan de finais dos anos 1940. O Concello da Coruña subvencionou as escavacións con 10.000 pesetas[3]. Podéndose establecer distintas etapas no seu estudo:

  1. Etapa (1947 - 1953), na que se realizan escavacións dirixidas por José María Luengo e Luis Monteagudo. Ditas escavacións leváronse a cabo fóra da muralla, ao sueste da croa. Saen á luz casas (entre elas a casa da exedra e a casa do tesouro), o alxibe, a muralla e os cubos da entrada sueste da croa.
  2. Etapa (1979 - 1985), anos nos que se realizaron escavacións dirixidas por Felipe Senén López. Fixéronse traballos de recuperación das zonas anteriormente escavadas, e sondaxes no interior do recinto amurallado.
  3. Etapa (2002 - actualidade), na que se levan a cabo escavacións dirixidas por Xosé María Bello enmarcadas dentro do Proxecto Artabria de posta en valor do sitio.

É de salientar que o actual director das escavacións e os seus predecesores, exerce e exerceron o mesmo cargo no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón.

Situación actual

O Castro de Elviña foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1962, o que non impediu que Fenosa instalase unha torreta de tendido eléctrico no medio da croa, que foi tirada o 12 de marzo de 2015.[4]

Estanse a facer novas escavacións e traballos de consolidación incluídos no Proxecto Artabria, do Concello da Coruña e apoiado pola Xunta de Galicia. Dito proxecto ten como finalidade a creación dun parque arqueolóxico dunhas 65 hectáreas dedicado non só á interpretación do sitio, senón tamén á súa contorna rural pouco alterada pola proximidade da cidade.

Como primeiro paso procedeuse á expropiación dunha superficie de 13 hectáreas centrada na croa. Ao proceder á limpeza da vexetación observáronse irregularidades no terreo que con anterioridade non foran advertidas. Nelas leváronse a cabo sondaxes que confirmaron que baixo delas ocultábanse novas murallas castrexas que ampliaban notablemente a superficie coñecida do castro, por riba das catro hectáreas[5]. Advertíronse tamén novos restos de construcións na ladeira norte da acrópole, indicando que o poboado tiña unha continuidade aínda por delimitar fóra da muralla. Estes novos descubrimentos fano ser considerado un dos castros máis grandes do norte de Galicia.[1]

Atopouse tamén unha nova entrada á croa polo suroeste nun punto no que a muralla ten catro metros e medio de grosor e uns tres de altura conservados, con restos de torres e camiño empedrado, así como unha construción de grandes dimensións no socalco exterior ao muro. Nesa zona, no interior da croa escaváronse algunhas pequenas casas ao redor dunha pequena rúa cun sistema de desaugadoiro datadas no séculos II a I antes de Cristo.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes do Castro de Elviña.
Castro actual

Vista do castro en 2015.

Castro de Elviña, 2014. PNOA cedido por © Instituto Geográfico Nacional

Vista aérea.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Páxina na web de turismo da Coruña
  2. 2,0 2,1 2,2 Ficha en Patrimonio.net
  3. Unas raíces que se hunden en 1947, La Voz de Galicia
  4. Así se cae la torreta del Castro de Elviña, La Opinión Coruña
  5. Castrenor. Guía de Castros de Galicia e norte de Portugal. Xunta de Galicia, páxina 14.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Arco Ártabro

O Arco Ártabro ou Golfo Ártabro é a denominación que o xeógrafo Otero Pedrayo deu ao litoral formado polas rías de Ferrol, ría de Betanzos-Ares e do Burgo, correspondéndose co que os xeógrafos grecorromanos Estrabón, Pomponio Mela e Plinio designaron como Portus Magnus Artabrorum. Ten un ancho máximo de 5.800 m. e intérnase uns 5.600 m. cara á desembocadura do río Mero na praia de Santa Cristina (Perillo, Oleiros) e forma parte das chamadas Rías Altas (ou Rías Medias, segundo autores).

Castro (poboado)

Un castro (do latín: castrum) é un tipo de poboado fortificado que se espallou principalmente por Europa entre a Idade de Bronce e a de Ferro, que subsistiu ata a Idade Media. Concretamente na Península Ibérica destaca este tipo de asentamento no noroeste, onde pola súa concentración é un elemento definitorio da cultura prerromana coñecéndose co nome de Cultura castrexa, aínda que os castros seguiron a ser habitados ata ben entrada a Idade Media. Existen, porén, castros (hillforts) en toda a Europa atlántica, dende Finlandia ao Norte de Portugal pasando polas Illas Británicas.

Citania e cividade son sinónimos de castro, aínda que en Portugal designan especialmente castros de maiores dimensións e cun grao de desenvolvemento urbanístico maior, en gran parte polo influxo da romanización.

Non se sabe con exactitude o número de castros que houbo en Galiza pero pode estimarse nun mínimo de 3.000, aínda que non todos estaban ocupados á vez e quizais houbo arredor de 1.500 na época de maior vitalidade, pero tan só hai uns 50 castros escavados arqueoloxicamente.

Castro de Armeá

O castro de Armeá (ás veces castro de Augas Santas) é un castro situado no lugar de Armeá, na parroquia de Augas Santas, pertencente ó concello ourensán de Allariz. A cronoloxía de ocupación do Castro é entre o século IV-III a.C e o século IV da nosa era.

Castro de Nostián

O castro de Nostián é un poboado pertencente á cultura castrexa situado no lugar de Nostián, cerca da refinería da Coruña.

Castro de San Millao

O castro de San Millao é un poboado castrexo situado na parroquia de Santa María de San Millao, no concello ourensán de Cualedro. É coñecido tamén coma Cidá do Castro ou Cidá de Grou.

Castro de Troña

O castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas), é un bo exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa. É un Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento dende o ano 2009.

Castros de Galicia

Para unha relación non exhaustiva de castros existen as seguintes listaxes de castros de Galicia, ordenados por provincias:

Castros da provincia da Coruña

Castros da provincia de Lugo

Castros da provincia de Ourense

Castros da provincia de Pontevedra

Cono de violación

Un cono de violación é o buraco que presentan moitas mámoas na súa parte superior. Este buraco é froito do espolio e dunha escavación ilegal na procura de tesouros ou para o aproveitamento das pedras. Atópanse mámoas en moitos lugares onde houbo cultura megalítica.

Elviña, A Coruña

San Vicenzo de Elviña é unha parroquia que se localiza no sur do concello da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE 2014) conta cunha poboación de 15.255 habitantes (7.569 homes e 7.686 mulleres) distribuídos en 14 entidades de poboación, o que supón un aumento en 259 habitantes en relación ao ano anterior. A parroquia de Elviña pertenceu ao antigo concello de Oza ata 1912, data na que o devandito foi anexionado polo concello da Coruña.

Galería de imaxes de castros galegos

Galería de imaxes de castros galegos.

Galería de imaxes do Castro de Elviña

O Castro de Elviña é un poboado fortificado característico da cultura castrexa do noroeste peninsular. Está situado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, no concello da Coruña.

Monte da Zapateira

A Zapateira é un monte de 236 metros de altitude, no límite dos concellos da Coruña, Culleredo e Arteixo.

Mámoa

As mámoas ou medoñas son túmulos funerarios característicos do Neolítico do noroeste da Península Ibérica.

O Castro de Elviña, Elviña, A Coruña

O Castro de Elviña é un lugar da parroquia de Elviña no concello coruñés da Coruña na comarca da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE 2014) ten 421 habitantes (203 homes e 218 mulleres), o que supón un aumento en 16 habitantes en relación ao ano anterior.

O Escorial, Elviña, A Coruña

O Escorial é un lugar da parroquia de Elviña no concello coruñés da Coruña na comarca da Coruña. Atópase entre O Castro de Elviña e Penarredonda.

No ano 2003, a rúa que atravesa O Escorial recibiu oficialmente o nome de rúa de Belgrado.

O Lagar, Elviña, A Coruña

O Lagar é un lugar da parroquia de Elviña no concello coruñés da Coruña na comarca da Coruña. Atópase ao norte da localidade do Castro de Elviña.

O Souto, Elviña, A Coruña

O Souto é un lugar da parroquia de Elviña no concello coruñés da Coruña na comarca da Coruña. Atópase na localidade do Castro de Elviña, no seu estremo suroeste.

Ortóstato

En arqueoloxía, un ortóstato é unha pedra fincada verticalmente que serve de soporte ou de elemento de fechamento nos monumentos megalíticos. Popularmente coñécese como esteo ou chanta.

En arquitectura, un ortóstato é unha placa monolítica con relevos que decora as partes baixas dun muro. Pode ser de diversos materiais, da madeira á pedra dura (por exemplo o basalto. Esta forma de decoración estaba especialmente difundida no Próximo Oriente durante a Idade de Ferro. As decoracións podían ser en relevo ou, máis raramente, en incisións. Oponse ao diátono, que se coloca co lado máis curto á vista.

Lugares de interese da Coruña
Lugares senlleiros
Museos
Artes escénicas e da imaxe
Espazos naturais
Outros lugares
Cronoloxía
Megálitos
Petróglifos de Galicia
Castros de Galicia
Institucionalización

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.