Castro de Altamira, Taboexa

O castro de Altamira (tamén chamado habitualmente castro de Taboexa) é un asentamento castrexo situado xunto ó lugar de Altamira, parroquia de Taboexa, no concello das Neves.

Coordenadas: 42°07′29.3″N 8°25′43″O / 42.124806, -8.42861

Castro de Altamira, Taboexa
Petróglifo no Castro de Taboexa, As Neves, Pontevedra
ParroquiaTaboexa
ConcelloAs Neves
ProvinciaPontevedra
Comunidade autónomaGaliza
Cronoloxía
Datas de ocupaciónen estudo
Data da descuberta1924
Períodos de escavación1929, 1976
Estado actualen mal estado de conservación
Véxase tamén
Castros de Galiza

Características

O castro non ten un tamaño excesivamente grande e está moi alterado por canteiras e destrucións recentes relacionadas co uso forestal. Porén, os restos mobles aparecidos no mesmo teñen unha especial relevancia. As primeiras intervencións arqueolóxicas realízanse nos anos 20 do século pasado, aparecendo xa unha grande cantidade de elementos metálicos. Posteriormente téñense realizado diversas intervencións científicas de escaso calado, ó mesmo tempo que aparecían achados casuais e se producían expolios intencionados. A intervención arqueolóxica máis importante e mellor documentada é a realizada en 1976 por Alfredo García Alén e P. Acuña Fernández. Dende entón teñen aparecido outros restos, moitos deles en superficie.

Pese a tratarse dun sitio arqueolóxico excepcional na provincia de Pontevedra, continúa sen unha xestión cultural adecuada, exposto á erosión, masa forestal incontrolada, incendios, expolios etc. Non obstante, entra dentro dos plans da Deputación de Pontevedra para unha actuación de conservación e posta en valor en varios castros da provincia [1].

Achados

O máis importante entre os achados mobles do castro é a colección de obxectos metálicos en bronce depositados e expostos nas vitrinas do Museo de Pontevedra: unha figuriña de Mercurio, varias figuras togadas, un pé, unha lucerna, un fragmento de sítula... A cantidade e calidade dos restos fan pensar ós investigadores na existencia dun taller de fundición de bastante importancia.

Ademais, o castro presenta nos afloramentos rochosos da súa croa varios gravados rupestres. Este conxunto foi declarado monumento histórico-artístico no ano 1974 (e, consecuentemente, hoxe é considerado legalmente Ben de Interese Cultural). O conxunto recibe o nome xenérico de "Gravado Rupestre Citania de Altamira"[2].

Notas

  1. Nova de prensa sobre o proxecto de recuperación de castros da Deputación de Pontevedra(en castelán)
  2. Documento no que se detallan os BIC da Galiza Arquivado 31 de outubro de 2013 en Wayback Machine., do 1 de outubro de 2012: referencia na páxina 20.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.