Castro das Barreiras

O Castro das Barreiras é un castro de chaira situado no lugar de Ogas (Vimianzo), a escasa distancia da capital municipal e ao pé da estrada AC-552. A súa propiedade é pública e pode ser visitado.[1]

No castro das Barreiras, aprécianse claramente vestixios do foxo e unha potente muralla que nalgún punto supera os 8 metros de altura. Estas defensas non son habituais nos xacementos castrexos e demostran que este castro foi, no seu día, un poboado importante e que era, probablemente, aínda máis extenso do que se aprecia na actualidade.

Está localizado en pleno val de Vimianzo para poder aproveitar as terras de cultivo e o dominio da zona. Para que os seus moradores o puideran defender tivo que se fortalecer coas súas enormes barreiras. A croa conta cunha superficie duns 4.000 metros cadrados. O eixe maior do recinto ovalado ten 110 metros e se orienta de norte a sur, mentres o seu eixe menor é de 65 metros e vai de leste a oeste. Pertence á coñecida como II Idade de Ferro, entre os séculos II e I a.C.

Despois de sucesivas limpezas, no ano 2010 fíxose a primeira prospección arqueolóxica cuns bos resultados. Descubríronse restos de tres construcións circulares, en moi bo estado de conservación, o que fai pensar que é do mesmo estilo có Castro da Cidá de Borneiro, no concello veciño de Cabana de Bergantiños. Tamén se cre que o xacemento está cheo de vivendas da época. Ademais das construcións, na escavación atopáronse máis de 500 anacos de cerámica e pezas de ferro.

Este castro está considerado polos expertos unha xoia dentro do noroeste peninsular. Está pendente a escavación total do xacemento. Arredor deste castro creáronse multitude de lendas ao longo dos anos, e unha das máis populares falaba da existencia dun túnel que conectaba o xacemento co castelo.[2]

Coordenadas: 43°05′55.8″N 9°02′32.4″O / 43.098833, -9.042333

Castro das Barreiras
ParroquiaCambeda
ConcelloVimianzo
ProvinciaA Coruña
Comunidade autónomaGalicia
Cronoloxía
Períodos de escavación2010-2011
Estado actualConservado
Extensión estimada0.4 ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

Notas

  1. "Castro das Barreiras". Consultado o 2016-07-21.
  2. "Concello de Vimianzo. Roteiro turístico. Castro das Barreiras". vimianzo.es. Consultado o 21-07-2016.

Véxase tamén

Bibliografía

  • LEMA SUÁREZ, Xª Mª e MOUZO LAVANDEIRA, R (1998) O castelo de Vimianzo e os Moscoso de Altamira, Deputación da Coruña, A Coruña.

Outros artigos

Castro do Sino

O castro do Sino, tamén coñecido como castro de Lavandeira, Citania de Vilaseco ou da Igrexa Vella é un castro que se ergue a case 300 metros de altura sobre un monte preto do lugar de Lavandeira, no concello de Vimianzo.

Este castro aproveitou a súa localización estratéxica, no alto dun outeiro e cun gran desnivel cara o regato de Lavandeira que o envolve pola parte noroeste. Conserva as murallas de defensa da súa parte leste e sur, e tamén os cimentos de varias vivendas circulares.

En outubro de 2002 perigou a súa existencia cando o dono do terreo, por descoñecemento do que alí tiña, intentou explanar as murallas para plantar eucaliptos. Pronto se paralizou a obra e non afectou demasiado á estrutura. Si á muralla exterior e a parte dun montículo interior. Logo da agresión, un técnico de patrimonio, Tomás Rodríguez, fixo unha inspección visual do lugar e axiña atopou fragmentos de tella e cerámica.

En Patrimonio está catalogado como Citania de Vilaseco ou Igrexa Vella. Este último topónimo vén de que a igrexa de San Martiño de Castrelo estaba ó pé deste castro. No 1714 foi trasladada á súa localización actual en Castrelo. O campanario estaría situado nunha zona alta do castro, de aí o nome do Sino, do son da campá.

Dado o seu difícil acceso nunca foi moi coñecido, malia ser un dos máis importantes de Vimianzo e figurar xa desde antes de 1986 como único exemplo, xunto co castro das Barreiras, coñecido até daquela da cultura castrexa no concello.

Costa da Morte

A Costa da Morte é a franxa costeira galega que gañou ese nome polos numerosos naufraxios acontecidos no século xix e comezos do século xx e que se popularizaron a través da literatura galega e inglesa. Un dos naufraxios de máis repercusión nos medios foi o dos mariñeiros do Serpent, que naufragaron en 1890 e se enterraron en Cabo Vilán.Algunhas veces a Costa da Morte foi delimitada como a costa que vai desde o cabo Fisterra ata as illas Sisargas, en Malpica, e outras mesmo desde Muros ata A Coruña.Os actuais proxectos gobernamentais,das agrupacións locais e europeos adoitan incluír dentro da Costa da Morte as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra e parte de Xallas ,Muros e A Coruña ; incluíndo os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Arteixo,Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.Agás as vilas costeiras, o litoral e o espazo marítimo están catalogados como espazos naturais LIC e ZEC por ser unha área de importancia para as aves acuáticas que hibernan alí, un refuxio de fauna e pola vexetación dos seus cantís e polas peculiaridades xeolóxicas da costa.

Ogas, Cambeda, Vimianzo

Ogas é un lugar da parroquia do Cambeda no concello coruñés de Vimianzo na comarca da Terra de Soneira. Tiña 181 habitantes no ano 2010 segundo datos do Instituto Nacional de Estadística dos cales eran 76 homes e 105 mulleres o que supón unha diminución en relación ao ano 2009 cando tiña 190 habitantes.

Neste lugar atopase o castro das Barreiras no que se fixeron escavacións recentemente polo arqueólogo Tito Concheiro.

Vimianzo

Vimianzo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Soneira e integrado no partido xudicial de Corcubión. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «vimiancés». É un dos concellos máis extensos da provincia (187,4 km²) que, segundo o IGE, tiña 7.565 habitantes en 2015 (8.128 no 2010, 8.402 no 2006, 8.466 no 2005, 8.517 no 2004, 8.653 en 2003), cunha baixa densidade de poboación (40,37 hab./km²). Sitúase practicamente equidistante das cidades da Coruña e Santiago de Compostela; pese a ter apenas uns metros de liña costeira está considerado tamén un dos concellos que forman parte da Costa da Morte.

Ángel Concheiro Coello

Ángel Concheiro Coello, coñecido como Tito Concheiro, nado en Ordes en 1964, é un arqueólogo galego.

Cronoloxía
Megálitos
Petróglifos de Galicia
Castros de Galicia
Institucionalización

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.