Castro (poboado)

Un castro (do latín: castrum)[1][2][3] é un tipo de poboado fortificado que se espallou principalmente por Europa entre a Idade de Bronce e a de Ferro, que subsistiu ata a Idade Media. Concretamente na Península Ibérica destaca este tipo de asentamento no noroeste, onde pola súa concentración é un elemento definitorio da cultura prerromana coñecéndose co nome de Cultura castrexa, aínda que os castros seguiron a ser habitados ata ben entrada a Idade Media. Existen, porén, castros (hillforts) en toda a Europa atlántica, dende Finlandia ao Norte de Portugal pasando polas Illas Británicas.

Citania e cividade son sinónimos de castro, aínda que en Portugal designan especialmente castros de maiores dimensións e cun grao de desenvolvemento urbanístico maior, en gran parte polo influxo da romanización.

Non se sabe con exactitude o número de castros que houbo en Galiza pero pode estimarse nun mínimo de 3.000, aínda que non todos estaban ocupados á vez e quizais houbo arredor de 1.500 na época de maior vitalidade, pero tan só hai uns 50 castros escavados arqueoloxicamente.

Lansbricae 11
Castro de San Cibrán de Las (Lansbricae) (San Amaro-Punxín) (Ourense).

Tipoloxía dos castros

Castro de BaroNa.Galiza
Castro de Baroña (Porto do Son), exemplo de castro costeiro.

Segundo a súa localización pódense dividir en:

  • Castros de interior.

Constitúen o tipo máis frecuente e característico. Están situados en outeiros ou elevacións prominentes, pero raras veces en cumios altos. Teñen planta circular ou ovalada e contan con unha ou varias murallas. Dous exemplos son o castro de Coaña e o de Viladonga.

  • Castros de montaña.

Situados en zonas montañosas altas. Localízanse nas ladeiras e teñen forma oval, con foxos artificiais polo lado superior e murallas ou terrapleno cara ao val. Datan de época romana e están vinculados a explotacións mineiras. Dous exemplos son os de Vilar no Courel e Xegunde na Fonsagrada.

  • Castros costeiros.

Son de planta variada, adaptándose ao terreo. As defensas naturais do lado do mar vense complementadas con murallas e foxos cara ao interior. Son moi abundantes e dous exemplos son os de Baroña na Barbanza e Fazouro na Mariña.

O urbanismo dos castros

Cividade de Terroso vista geral
Resto dun castro en Póvoa do Varzim (Portugal).

Os poboados castrexos acostuman acerguerse en outeiros despexados, promontorios rochosos ou penínsulas que se adentran no mar, o que facilita a visibilidade, a defensa e o dominio do contorno. O lugar do asentamento vén dado tamén en función dos recursos naturais explotados polos moradores. Os castros contan cun recinto superior, a "croa", e unha serie de socalcos cara abaixo onde se sitúan as construcións. Cada unha destas seccións pode estar limitada por murallas, parapetos ou foxos. Ás veces hai unha especie de engadidos, os antecastros, que tamén se arrodean de murallas pero non albergan vivendas, polo que se supón que estaban destinados a animais ou hortos.

Dimensións

No actual territorio de Galicia os castros predominantes son os de tamaño pequeno e mediano, porén hai un aumento no tamaño medio entre o norte, onde os castros non adoitan superar as 2 hectáreas: con exemplos como o Castro de Baroña de 2,26 Ha ou as máis de 3 Ha do Castro de Elviña[4], e o sur, onde mesmo existen castros de 20 ha, como o de Santa Trega[5] xa pertencente ao momento final da cultura castrexa, ou o Castro de San Cibrao de Las de 9,5 Ha[6]. No norte de Portugal atópanse os castros ou citanías de maiores dimensións e dun proceso de romanización máis avanzado: a Citania de Briteiros, a de Sanfíns[7], ou Mozinho. Outros como o Castro do Vieito[8], son no entanto de tamaño medio.

Todos estes datos deben ser valorados tendo en conta que a gran maioría dos castros do noroeste peninsular non foron obxecto de estudo, e aqueles que o foron foi de xeito parcial, o que loxicamente dá resultados tamén parciais.

Sistemas defensivos

Castromao.jpeg
Vivendas de Castromao, en Celanova
Celtic Village St Fagans 01
Poboado celta no País de Gales (Reino Unido).

Os castros adoitan ter unha única entrada que tamén ten a función de impedir o paso. Nalgúns casos é un simple engrosamento nos remates da muralla; noutros, un entrepano da muralla supera ao outro formando un corredor estreito. Suponse que se fechaban con portas de madeira. As defensas dos castros non parecen responder a necesidades bélicas senón de prestixio e de delimitación simbólica do espazo habitado. De feito, son poucas as armas que se teñen atopado. Ademais das defensas naturais, atópanse estruturadas de diversos tipos:

  • Terraplenos: desniveis no terreo formados por terra e pedra, que poden ser naturais. Son a base das defensas e habitualmente proveñen dos entullos das obras fundacionais no interior.
  • Parapetos: elevacións artificiais do terreo nos puntos máis desprotexidos (entradas e zonas chás).
  • Foxos: gabias alongadas e profundas, xeralmente asociadas aos parapetos, que poden estar escavadas en terra ou rocha viva.
  • Murallas: defensas de cachotería de tipoloxía variada, como por exemplo dous muros paralelos de pedras cun recheo de pedra. Desde o interior subíase a eles mediante escadas de madeira, laxas encastradas, ramplas ou pedras. Poden existir torres defensivas nos accesos ás portas. Son elementos tardíos.

O máis habitual é a ausencia de organización urbanística. No século I d.C. aparecen agrupamentos de edificacións ("barrios"), formados por varias construcións arrodeadas por un muro cunha soa abertura cara á rúa. Pódese tratar de unidades familiares nas que unha construción sería a vivenda e as outras silos, cortes ou alpendres. As casas non comparten paredes medianeiras, senón que están separadas das demais, non se sabe se como reflexo da idiosincrasia desta cultura ou debido ás dificultades para o facer nas construcións circulares. Tampouco contan con xanelas.

O piso das vivendas era de barro pisado. Con anterioridade aos séculos II-III a.C. os muros construíanse maiormente de pallabarro, cun poste de madeira central; posteriormente usouse cachotería en fiadas máis ou menos horizontais (ou poligonais, nalgún caso). As cubertas facíanse de colmo reforzado con barro e suxeito por pesos ou posteriormente de tellas (tégula e ímbrice). A partir do século I d.C., sob a influencia romana, fanse máis abundantes as plantas cadradas ou rectangulares. O elemento esencial dunha vivenda é a lareira, que no cambio de Era situábase no centro e estaba feita con laxes ou barro e a finais do século I d.C. desprázase cara a un lateral e faise, nalgúns casos, con tégulas.

Sospéitase que algúns edificios grandes nos que un banco de pedra percorre o muro e nos que non se atopan restos de habitación puideran ter sido recintos de reunión. Téñense localizados tamén fornos de cerámica e alfares, preferentemente próximos ás saídas ou no exterior.

Principais castros do noroeste

Candidatura a patrimonio mundial

Os castros do Noroeste de Portugal e Galiza serán conxuntamente avaliados pola UNESCO para seren candidatos a patrimonio mundial.[Cómpre referencia]

Notas

  1. "Entrada castro en Digalego". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2018. Consultado o 30 de outubro de 2018.
  2. 2ª declinación de substantivo neutro. Segundo Lewis & Short, elemento do dicionario vinculado en ligazóns externas, xeneral, ben sexa en singular ou plural, castra cun posible significado de tendas.
  3. Campbell 2009, p. 4. Included is a discussion about the typologies of Roman fortifications.
  4. Carballo Arceo, Xulio, Arqueoloxía de Galicia - itinerarios polo pasado
  5. Carballo Arceo, Xulio, Os castros galegos.Páx 52
  6. C.Rodríguez Cao; Xusto Rodríguez, M. e Fariña busto, F. A Cidade. San Cibrán de Lás. Páx 19
  7. Seguindo a Xulio Carballo Arceo e a Francisco Calo Lourido
  8. SILVA, A. J . M.: Vivre au delá du fleuve de l'Oubli. Portrait de la communauté villageoise du Castro do Vieito, au moment de l'intégration du NO de la péninsule ibérique dans l'orbis romanum (estuaire du Rio Lima, NO du Portugal) Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine., tese de doutoramento presentada na FLUC en marzo de 2009 (en francés)

Véxase tamén

Bibliografía

  • Campbell, Duncan B. (2009). Roman Auxiliary Forts 27 BC-AD 378. Oxford: Osprey Publishing. ISBN 978-1-84603-380-3.
  • Carballo Arceo, Xulio (2000). Os castros galegos. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-95350-63-7.

Outros artigos

Ligazóns externas

Castro de Altamira, Brión

O castro de Altamira é un castro situado na parroquia de Brión, no concello coruñés de Brión. Este foi o lugar no que logo se construíron as Torres de Altamira.

Castro de Altamira, Taboexa

O castro de Altamira (tamén chamado habitualmente castro de Taboexa) é un asentamento castrexo situado xunto ó lugar de Altamira, parroquia de Taboexa, no concello das Neves.

Castro de Armeá

O castro de Armeá (ás veces castro de Augas Santas) é un castro situado no lugar de Armeá, na parroquia de Augas Santas, pertencente ó concello ourensán de Allariz. A cronoloxía de ocupación do Castro é entre o século IV-III a.C e o século IV da nosa era.

Castro de Bemil

O castro de Bemil é un castro situado na parroquia de Bastavales, no concello coruñés de Brión.

Castro de Casón

O castro de Casón é un castro situado na parroquia de Viveiro, no concello lugués de Viveiro.

Castro de Condomiñas

O castro de Condomiñas é un castro situado na parroquia de Santo André de Boimente, no concello lugués de Viveiro.

Castro de Forca

O castro de Forca, tamén chamado A Croa, é un castro situado na parroquia de Landrove, no concello lugués de Viveiro.

Castro de Forxán

O castro de Forxán é un castro situado na parroquia de Viceso, no concello coruñés de Brión.

Castro de Lestón

O castro de Lestón, tamén chamado Os Castros ou Agra do Castro, é un castro situado na parroquia de Lestón, no concello coruñés da Laracha.

Castro de Loureiro

O castro de Loureiro é un castro situado na parroquia de Chavín, no concello lugués de Viveiro.

Castro de Lourido (Viveiro)

O castro de Lourido é un castro situado na parroquia de Chavín, no concello lugués de Viveiro.

Castro de Santa Marta

O castro de Santa Marta é un castro situado na península de Santa Marta, na parroquia de Baiña, concello pontevedrés de Baiona.

Castro de Subiña

O castro de Subiña, tamén chamado Vixía de Subiña ou Atalaia de Subiña, é un castro situado na parroquia de Serantes, no concello coruñés de Oleiros.

Castro de Vizoño

O castro de Vizoño é un castro situado no lugar do Castro, na parroquia de Vizoño, no concello coruñés de Abegondo.

Castro de Xaz

O castro de Xaz, tamén chamado castro de Abeleiras ou Os Redondos, é un castro situado na parroquia de Dorneda, no concello coruñés de Oleiros.

Castros de Galicia

Para unha relación non exhaustiva de castros existen as seguintes listaxes de castros de Galicia, ordenados por provincias:

Castros da provincia da Coruña

Castros da provincia de Lugo

Castros da provincia de Ourense

Castros da provincia de Pontevedra

Cultura castrexa

A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur.

Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce. A esta compoñente precastrexa sumáronselle influencias culturais centroeuropeas, atlánticas e mediterráneas; as primeiras serían consideradas tradicionalmente celtas e de aí a identificación tanto culta como popular e mítica que deu raíz ao celtismo. No lento período formativo, que duraría ata o século V a.C. os castros fóronse estendendo de sur a norte e da costa cara ao interior. Esta cultura desenvolveuse a continuación durante dous séculos e comezou a ser influenciada pola cultura romana no século II a.C. e continuou na forma de Cultura Galaico-romana despois da invasión romana e ata os séculos III ou mesmo o IV d.C.

Os Castros, Viveiro

O castro dos Castros é un castro situado na parroquia de San Pedro de Viveiro, no concello lugués de Viveiro.

Cronoloxía
Megálitos
Petróglifos de Galicia
Castros de Galicia
Institucionalización

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.