Castiñeiro de Indias

O castiñeiro de Indias, castiñeiro das bruxas, ou castiñeiro da India (Aesculus hippocastanum), é unha árbore de gran porte pertencente á familia das sapindáceas. Considérase medicinal. Identifícase comunmente co nome de falso castiñeiro por mor a que os seus froitos presentan unha gran semellanza cos do castiñeiro e outras especies do xénero Castanea da familia das fagáceas. Moi empregada en xardinaría, é común atopala nos parques, alamedas, arboredos das cidades e vilas de toda Galicia.

O seu froito emprégase como amuleto contra o mal de ollo.

Castiñeiro das bruxas
Horse-chestnut 800

Estado de conservación
Non está ameazada

Status iucn3.1 LC gl

Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Sapindales
Familia: Hippocastanaceae
Xénero: Aesculus
Especie: A. hippocastanum
Nome binomial
Aesculus hippocastanum
L. 1753

Características

Каштан цветет 1 VizuIMG 2021

A árbore acada os 30 metros de altura e difire do castiñeiro bravo en que o seu froito non é comestíbel polo seu amargor. Ten o tronco erecto e desenvolve numerosas pólas. As follas son grandes e opostas, teñen un pecíolo longo e están divididas en 5 ou 7 folíolos que dende lonxe asemellan os dedos dunha man. As flores son brancas e forman acios terminais a xeito de pirámide. A corola ten cinco pétalos e o cáliz ten forma de campá, posúe sete estames con anteras vermellas-acastañadas. O froito é a castaña agre e é unha cápsula recluída nun envoltorio espiñento. Resiste ben a polución, por iso adoita plantarse en rúas e alamedas das cidades.

Distribución xeográfica

Orixinario da India, Irán, Asia Menor e os Balcáns, aclimatouse ben nas rexións de clima temperado do globo.

Propiedades

  • Contén diversos principios activos coma saponinas e taninos.
  • Polos seus flavonoides é empregado para tratar flebite, varices, hemorroides e problemas vasculares.
  • Por vía externa protexe os cabelos e existen xampós cos seus extractos.
  • O seu extracto fluído emprégase en preparacións antisolares para protexer a pel.
  • En grandes doses chega ser tóxico, polo que cómpre non subministrarse a persoas de risco.

Principios activos: Na casca: heterósidos cumarínicos (2-3%): esculósido, fraxósido, escopoletósido. taninos catéquicos; leucoantocianósidos, flavonois: glicósidos do quercetol. Alantoína. Fitoesteroises.

No pericarpio: taninos catéquicos, saponósidos, pectina, potasio, calcio, fósforo, aceite etéreo.

Nos cotiledóns: flavonoides (esculina), saponósidos triterpénicos (escina).

Nas follas: heterósidos cumarínicos: esculósido, escopoletósido, fraxósido; flavonois derivados do quercetol, ramnetol e kenferol; taninos leucoantocianósidos. Pequenas cantidades de escina. Fitosterois: sitosterol, estigmasterol, campestrol.[1]

Acción farmacolóxica

É un tónico venoso ou vasoprotector que consegue diminuír a viscosidade do sangue, tornándoo máis líquido, reduce o tempo de sedimentación provocando unha desconxestión dos vasos sanguíneos e aumenta a resistencia capilar grazas á acción da escina e máis o esculósido. A escina, ademais ten propiedades antiinflamatorias e controla a permeabilidade dos vasos (actividade antiedematosa). En conxunto realiza unha actividade antivitamínica P.

Os saponósidos facilitan a difusión doutros principios activos cando son aplicados por vía tópica. Os taninos dan un efecto adstrinxente.

Usos medicinais

Pode aplicarse a xeito de pomada por vía externa xa que reduce o diámetro das veas diminuíndo a inflamación provocada por varices, flebite, insuficiencia venosa e outros trastornos circulatorios (como por exemplo edemas, equimose, cuperose rosácea). Por ser un potente vasoconstrictor utilízase coas hemorroides para reducir o seu volume (ao ter unha elevada turxencia) e aliviar a súa dor.

O extracto seco prepárase a xeito de cápsulas que se insiren por vía oral en casos de febleza capilar, epistaxe, metrorraxia, dismenorreas etc.[1]

Usos homeopáticos

Emprégase tamén para tratar problemas circulatorios (varices, flebite, crises hemorroidais etc ...) realizando unha función de drenaxe e normalmente se administra a xeito de gotas e asociada con outras plantas.

Taxonomía

Aesculus hippocastanum foi descrita por Linneo e publicado en Species Plantarum 1: 344, no ano 1753.[2]

Etimoloxía

O nome científico dá pistas sobre a árbore. Aesculus é o nome que en latín se lle dá á unha aciñeira, mentres que hippocastanum significa castaña das bestas ou dos cabalos, xa que na antigüidade o seu froito se empregaba para alimentar o gando. En inglés coñécese como horse-chestnut (castiñeiro de cabalo).

Sinonimia
  • Aesculus asplenifolia Loudon
  • Aesculus castanea Gilib.
  • Aesculus hippocastanum var. argenteovariegata Loudon
  • Aesculus hippocastanum var. aureovariegata Loudon
  • Aesculus hippocastanum var. beaumanii C.K.Schneid.
  • Aesculus hippocastanum f. beaumanii (C.K.Schneid.) Dole
  • Aesculus hippocastanum var. flore-pleno Loudon
  • Aesculus hippocastanum var. incisa Booth ex Loudon
  • Aesculus hippocastanum var. pendula Puvill.
  • Aesculus hippocastanum f. pendula (Puvill.) Rehder
  • Aesculus hippocastanum var. variegata Loudon
  • Aesculus memmingeri K.Koch
  • Aesculus procera Salisb.
  • Aesculus septenata Stokes
  • Hippocastanum aesculus Cav.
  • Hippocastanum vulgare Gaertn.
  • Pawia hippocastanum Kuntze[3][4]

Notas

  1. 1,0 1,1 Dr. Berdonces I Serra. Gran Enciclopecia de las Plantas Medicinales. Tikal ediciones. pp. 287 – 288. ISBN 84-305-8496-X.
  2. Castiñeiro de Indias en Trópicos
  3. Sinónimos en Tela Botánica Arquivado 28 de maio de 2009 en Wayback Machine.
  4. Castiñeiro de Indias en PlantList

Véxase tamén

Bibliografía

  • Flora of China Editorial Committee. 2007. Fl. China 12: 1–534. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
  • "Plantas Medicinales, bayas, verduras silvestres. Guias de Naturaleza Blume" Ed. Blume 1ª Edición (1985)
  • "Enciclopedia de las Plantas Medicinales" Dr. Pamplona Roger Biblioteca Educación y Salud Vol. 2 1ª Edición (1995)
  • "Plantas Medicinales. El Dioscórides Renovado" Pio Font Quer Ed Labor 7ª Edición (1981)
  • "Guía Práctica de las plantas medicinales y la salud" Vol. 4 Crédito Bibliotecario 2ª Edición (1991)
  • "Vademecum de prescripción de plantas medicinales" Ed.Masson 3ª edición (1998)
A castaña na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada da castaña e do castiñeiro na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Tamén, por similitude, se inclúe algunha información sobre o castiñeiro de Indias (Aesculus hippocastanum).

O castiñeiro recibe en Galicia os nomes de castañeira, castañeiro, castiñeira, castiro e restre; existen castiñeiros bravos, que se denominan rebolos, bravádegos ou castiñeiróns. A denominación abundancial máis común é a de souto, pero tamén temos castañal, castañar, castañeira, castañeiro, castiñeiral, soutelo e tropezal.

A castaña ten tamén os nomes de cagoxa e croca; cando caen de seu ó chan xa maduras, denomínanse degaros, restelas ou restrelos (tamén castañas degaradas, degraídas, de restelo ou de restrelo). Algunhas castañas quedan abortadas ou malogradas dentro do ourizo: son as bolercas, castañas bolercas ou croucos; estas destínanse á ceba do porco.

Recóllense vareando os castiñeiros cuns paus longos ou lanzando contra as pólas uns paus pequenos (rebolos), de forma que os ourizos caen ó chan, de onde se recollen e se amorean ou se poñen a secar nas ouriceiras. Cando os ourizos secan e abren, extráense as castañas (operación que se chama a bulla ou petela).

As castañas cocidas con casca denomínanse mamotas ou zonchos. Acostuman cocerse con sal e unhas herbas, normalmente fiúncho e nébeda, para seren máis dixestíbeis.

Outra forma de comer as castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo , que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas

Calendario republicano francés

O calendario republicano francés (en francés: Calendrier républicain) é un calendario proposto durante a Revolución francesa e adoptado pola Convención Nacional, que o empregou entre 1792 e 1806. O deseño intentaba adaptar o calendario ao sistema decimal e eliminar as referencias relixiosas; o ano comezaba o 22 de setembro, coincidindo co equinoccio de outono no Hemisferio Norte.O calendario republicano foi deseñado polo matemático Charles-Gilbert Romme, membro da Convención, coa axuda dos astrónomos Joseph Jerôme de Lalande, Jean-Baptiste Joseph Delambre e Pierre-Simon Laplace, aínda que se lle adoita atribuír notable participación ao actor e dramaturgo Fabre d'Églantine, quen lles deu os nomes aos meses e aos días.Naceu así por decreto da Convención Nacional Francesa do 5 de outubro de 1793, e o calendario foi adoptado pola Convención Nacional controlada polos xacobinos o 24 de outubro de 1793. Fixouse o seu inicio o 22 de setembro de 1792, coincidindo coa proclamación da República no Jeu de Paume. Dese xeito, o calendario comezou un ano antes de ser finalmente adoptado, o día do inicio da nova era de Francia, e o período de setembro de 1792 a setembro de 1793 foi denominado "Ano 1 da Revolución".

O calendario foi de aplicación civil en Francia e nas súas colonias americanas e africanas ata que Napoleón aboliu o seu uso oficial o 1 de xaneiro de 1806 (de feito este día correspondeu á media noite do 10 de nivoso do ano XIV, é dicir, o 31 de decembro de 1805, pouco máis de 12 anos despois de ser introducido) como un xeito oportuno de eliminar os signos de democracia republicana.

Napoleón autoproclamárase Emperador dos franceses en decembro de 1804 e creara a nova nobreza imperial durante o ano 1805, ambos os conceptos incompatibles coa natureza deste calendario, así como para reconciliarse cos católicos e co papado, dos que conseguiu unha certa tolerancia ao devolver as festividades civís e relixiosas da Igrexa católica co novo calendario, ademais de cuestións prácticas como as vantaxes de utilizar o calendario gregoriano que case todo o resto de Europa empregaba daquela.

Este calendario volveuse implantar brevemente tras o derrocamento de Napoleón en 1814, e foi usado tamén pola efémera Comuna de París de 1871.

Conkers

Conkers é un xogo tradicional infantil propio de Gran Bretaña e Irlanda. Xógase cunha castaña, normalmente do castiñeiro de Indias (Aesculus hippocastaneum); de aí o seu nome: conker aplícase tanto á semente como á propia ábore. No xogo participan dúas persoas, cada unha cun conker enroscado nun anaco de corda. Turnánse golpeandose un o outro ata que un dos conkers rompe.

Flavonoide

Co termo xenérico flavonoide (do latín flavus 'amarelo') desígnase certos metabolitos secundarios das plantas que teñen esqueleto de flavona. Sintetízanse a partir dunha molécula de fenilalanina e tres de malonil-CoA, a través da "vía biosintética dos flavonoides", cuxo produto estrutural base se cicla pola acción dun encima isomerase. A estrutura base, un esqueleto C6-C3-C6, pode sufrir posteriormente moitas modificacións e adicións de grupos funcionais, polo que os flavonoides son unha familia moi variada de compostos, pero todos os produtos finais caracterízanse por ser polifenólicos e solubles en auga. Os flavonoides que conservan o seu esqueleto poden clasificarse, segundo as isomerizacións e os grupos funcionais que lles adicionaron, en 6 clases principais: clase da chalcona, da flavona, do flavonol, do flavandiol, da antocianina, e a clase dos taninos condensados. Hai unha sétima clase, as auronas, tida en conta por algúns autores por estaren presentes en moitas plantas. Tamén o esqueleto pode sufrir modificacións, converténdose entón no esqueleto dos isoflavonoides ou o dos neoflavonoides, que, por tanto, tamén son derivados dos flavonoides.

Os flavonoides biosintetízanse en todas as plantas e nalgunhas algas Charophyta, e aínda que todas as especies comparten a vía biosintética central, hai unha gran variabilidade na composición química dos produtos finais e nos mecanismos de regulación da biosíntese, polo que a composición e concentración de flavonoides é moi variable entre especies e en resposta ao ambiente. Os flavonoides son sintetizados no citoplasma e logo migran cara ao seu destino final nos vacúolos celulares. Cumpren funcións metabólicas importantes nas plantas, algunhas funcións son comúns a todas as plantas e outras son específicas dalgúnss taxons. As funcións máis estendidas son darlle resistencia ás plantas á fotooxidación orixinada pola luz ultravioleta do Sol, interviren no transporte da hormona auxina, e crese que funcionan como defensa ante o herbivorismo. Unha función importante desempeñada en moitas especies é a atracción dos animais polinizadores, por medio da cor ou o recendo que lle dan á planta ou ás flores.

Os flavonoides teñen propiedades moi apreciadas en medicina, como antimicrobianos, anticanceríxenos, na diminución do risco de enfermidades cardíacas, entre outros efectos. Tamén son coñecidos polos cultivadores de plantas ornamentais, os cales manipulan o ambiente das plantas para aumentaren a concentración de flavonoides que dan cor a follas e flores.

Debido ás importantes funcións metabólicas que os flavonoides teñen nas plantas e nos animais, as súas vías biosintéticas e mecanismos de regulación están sendo coidadosamente estudados. A ciencia aplicada aproveitou este coñecemento en moitos traballos de enxeñaría metabólica, nos que se tratou, por exemplo, de aumentar a concentración de flavonoides beneficiosos nas plantas de consumo humano ou de uso farmacéutico, de modificar a súa concentración en flores ornamentais para cambiarlles a cor, e de inhibir a súa produción no pole para esterilizar os híbridos de interese comercial. No que respecta á súa produción, desenvolveuse con éxito un cultivo de bacterias que sintetiza flavonoides de interese humano.

Os científicos deron usos variados aos flavonoides: os xenes da biosíntese de flavonoides foron usados como ferramenta para analizar os cambios no ADN. Por exemplo, Mendel estudou a herdanza dos xenes que lle daban cor aos chícharos (que interveñen na síntese de flavonoides), ou o descubrimento dos xenes saltadores de Barbara McClintock (que ao "saltaren" cara un xene que intervén na biosíntese dun flavonoide o inutilizan e non se expresa a cor no gran de millo). A extracción e identificación de flavonoides tamén foi moi usada polos botánicos sistemáticos para estableceren parentescos entre especies de plantas.

Aínda queda moito por investigar sobre os flavonoides en canto ao seu valor medicinal, e o seu impacto na nutrición e a saúde humana e animal, e a súa estrutura, metabolismo e biodispoñibilidade.

Lista de especies de herbas aromáticas

A seguir aparece unha escolma das herbas aromáticas, especias e plantas medicinais máis comúns (as especies con nomes comúns galegos, son as que medran ou se cultivan en Galiza):

Abelia sinensis

Acacia spp. – Acacias

Acanthospermum hispidum

Achilleae millefollium – Herba dos carpinteiros, milfollas, herba da rula, herba do soldado.

Acorus calamus - Cana de cheiro

Aesculus hippocastanum – Castiñeiro de Indias

Allium sativum - Allo

Allium schoenoprasum - Ceboliño

Alpinia officinarum - Galanga

Alpinia galanga - Pitanga

Aloysia triphylla (A. citriodora, Lippia citriodora, Verbena citriodora) – Doce lima

Alyssum maritima

Amaryllis belladonna - Beladona

Anethum graveolens – Aneto

Agerantum conyzoides Herba de San Xoán (non confundir con Hypericum perforatum),

Angelica archangelica – Anxélica

Anthriscus cerefolium – Cerefolio

Artemisia absinthium – Asente, asento, absintio

Artemisia dracunculus – Estragón

Azadirachta indica – Árbore do nim

Beaumontia grandiflora - Trompeta de arauto

Bystropogon ssp.

Buddleja davidii - Flor de mel, arbusto das bolboretas

Calendula officinalis – Maravalla

Callistemon citrinus- Vasoira de botella

Callistemon lanceolatus

Calycanthus floridus - Carocha, pementa de Xamaica

Carissa grandiflora macrocarpa - Carisa, ameixa de nadal

Ceanothus thyrsiflorus

Cestrum nocturnum – Dama da noite

Chamaecyparis lawsoniana – Alcipreste de Lawson

Chamaemelum nobile (Anthemis nobilis) – Macela dourada

Choisya ternata – Laranxeira de México

Chrysanthemum spp.- Crisantemo

Cistus spp. - Carpazas

Citrus spp.

Citrus aurantifolia – Limeira

Citrus aurantium var. amara – Laranxeira amarga

Citrus aurantium var. sinensis- Laranxeira doce

Citrus bergamia – Bergamota

Citrus deliciosa – Clementina

Citrus limon – Limoeiro

Citrus paradisi – Toronxeira

Citrus reticulata – Mandarineiro

Clematis armandii

Clerodendrum fragans

Coriandrum sativum – Coandro

Coronilla glauca

Cupressus macrocarpa – Alcipreste de California

Cupressus sempervirens – Alcipreste común

Curcubita foetidissima – Cabaza

Cymbopogon citratus- Herba limón, herba limeira, herba príncipe

Cymbopogon flexuosus – Herba limón das Indias Orientais

Cymbopogon martinii var. martinii - Palmarosa

Cymbogon martinii var. sofia'

Cymbopogon nardus - Citronela

Cymbopogon winterianus – Citronela de Xava (repelente natural)

Cytisus x praecox

Datura suaveolens, Datura x insignis

Dianthus spp. Caraveleira

Digitalis purpurea – Estraloque

Dimorphotheca ecklonis - Margarida do cabo

Eleagnus angustifolia - Cinamomo ou oliveira do Paraíso

Eriobotrya japonica –Nespereira

Eucalyptus sp – Eucalipto

Eucalyptus globulus – Eucalipto azul

Eucalyptus citriodora

Eucalyptus camaldulensis – Eucalipto vermello

Eucalyptus hybrid

Euryops pectinatus

Feijoa sellowiana – Feixoa

Foeniculum vulgare – Fiúncho

Foeniculum vulgare var. Purpureum – Fiúncho rubio

Freesia x hybrida- Fresia

Gardenia jasminoides – Gardenia

Geranium sp- Xeranio, non confundir cos xeranios ornamentais (do xénero Pelargonium)

Hamamelis mollis - Hamamelia

Helicrysum italicum – Perpetua das areas, Sempreviva do monte, herba curri

Heliotropium peruvianum - Bálsamo de cheiro, heliotropio verdadeiro

Hermizonia fifchii

Hoya carnosa – Flor de cera

Hyacinthus orientalis - Xacinto oriental

Iris unguicularis - Lirio

Ipomoea batatas - Pataca doce

Jasminum spp. (a maioría)- Xasmíns

Juniperus sabina - cimbros: sabina e Juniperus virginiana Xenebreiro de Virxinia

Lantana camara- Camará

Laurus nobilis - Loureiro

Lavandula angustifolia

Lavandula latifolia spica

Lavandula stoechas - Cantroxo

Levisticum officinalis - Levístico

Libocedrus decurrens

Ligustrum japonicum – Alfaneiro do Xapón

Lilium spp. – Azucenas

Lonicera fragantissima

Lonicera japonica – Madreselva do Xapón

Lonicera periclyneum – Herba salgueira

Magnolia grandiflora – Magnolio

Mahonia aquifolium

Majorana hortensis – Maiorana

Malus spp. – Maceiras

Mandevilla suaveolens e Mandevilla laxa

Marrubium vulgare – Marroio ou herba dos lombos

Matricaria chamomilla (M. recutita, Chamomilla recutita) – Macela, camomila

Matthiola incana

Melissa officinalis – Melisa, herba cidreira ou herba abelleira

Mentha arvensis - Menta brava

Mentha citrata

Mentha piperita - Menta común

Mentha pulegium – Poexo

Mentha spicata

Mirabilis jalapa – Herba triste

Murraya paniculata

Myrtus communis – Mirto

Myristica fragans (M. officinalis, M. Moschata) – Mirístico, Árbore da noz moscada

Narcissus spp. – Amarelle ou narciso.

Ocimum suave

Ocimum basilicum - Alfábega, alfabaca

Ocimum canum

Ocimum kilimandscharium

Oenothera biennis - Onagra

Origanum majorana - Maiorana

Origanum vulgare - Ourego

Osmanthus heterophyllus

Parkinsonia aculeata

Passiflora quadrangularis

Pelargonium graveolens, crispum,

Petroselinum crispum (P. sativum, P. hortense) - Pirixel

Phaseolus caracalla

Philadelphus coronarius

Pimpinella anisum – Anís

Pinus spp.- Piñeiros

Pinus mugo – Piñeiro montañés

Pinus palustris – Piñeiro de folla longa ou piñeiro melis

Pinus pinaster – Piñeiro bravo

Pinus pinea – Piñeiro manso

Pinus sylvestris – Piñeiro rubio

Piper nigrum – Pementeira

Pistacia lentiscus – Lentisco

Pittosporum tobira – Pitósporo do Xapón

Polianthes tuberosa – Nardo

Prunus spp. – Abruñeiros, ameixeiras, pexegueiros, cerdeiras, amendoeiras etc

Pulicaria undulata

Quisqualis indica

Rosa spp. – Roseiras

Rosmarinus officinalis - Romeu

Ruta graveolens - Ruda

Salvia officinalis – Xarxa

Salvia sclarea – Xarxa esclarea

Sambucus nigra – Sabugueiro

Santolina chamaecyparissus – Abrótano femia, herba loba , santolina

Santolina rosmarinifolia – Macela do Casaio

Satureja hortensis – Segorella

Schinus molle - Aroeira

Solandra maxima

Spartium junceum

Stephanotis floribunda

Syringa vulgaris - Lila e Syringa microphylla

Thymus spp. - Tomentelo ou tomiño.

Tanacentum vulgare

Tilia spp. – Tileiro

Trachelospermum jasminoides

Trapaeolum majus

Thymbra spicata

Thymus serpyllum (sinón.: T. pulegioides) – Herba ursa ou serpol

Valeriana officinalis – Herba benta, valeriana, herba dos gatos

Verbena x hybrida – verxebán híbrido

Viburnum suspensum

Viburnum tinus – Lourentino , follado

Viola odorata – Violeta

Vitex agnus castus – agnocasto ou árbore da castidade

Wisteria sinensis – Glicinia chinesa

Cupressocyparis leylandii – Alcipreste híbrido de Leyland

Thuja spp. – Tuias

Zingiber chrysanthum – Xenxibre

Mal de ollo

Denomínase mal de ollo ou ollada o efecto negativo que sobre a saúde das persoas ou dos animais pode produci-la mirada de determinadas persoas ás que se cre posuidoras de certos poderes. Ese dano pode producirse voluntariamente, como consecuencia da envexa ou o simple desexo de causar mal, ou mesmo involuntariamente, e pode exercitarse sobre as persoas ou sobre os seus bens.

A relación do dano provocado por un suposto mal de ollo e a envexa que outro poida sentir polos bens que un posúa está admitida polos antropólogos. Lévase ó extremo de que os paisanos consideran necesario aplicar algún ritual protector ante calquera eloxio dun veciño, por se tal eloxio leva agochada envexa e pode causar dano. Así, Risco recolleu a práctica profiláctica dalgúns pastores ou labregos de cuspir no gando cando alguén lle di que ten uns bos animais, que están lucidos ou unha loanza semellante, por se tal persoa tivera o poder de bota-lo mal de ollo Xosé Ramón Mariño Ferro atribúe dúas funcións sociais na crenza popular da existencia do mal de ollo: por unha banda serve para explicar feitos casuais para os que non se ten unha explicación lóxica. Unha enfermidade, un animal que morre, un accidente calquera atopan así unha causa, e deste xeito néganse os feitos inexplicables.

Por outra banda, pode servir para controla la envexa dos veciños, ou canto menos a súa manifestación externa, canto que ninguén quere ser acusado de bota-lo mal de ollo, polo que evitan exteriorizar ese sentimento.

Cómpre diferencialo do meigallo, aínda que ámbolos fenómenos presenten elementos comúns. O meigallo, feitizo ou meigueiría é a obra dunha meiga, que se introduce no corpo dunha persoa á que pode causar doenzas diversas e, sobre todo, comportamentos anormais e actitudes de rexeitamento ante a relixión ou os seus representantes.

Plastoquinona

A plastoquinona (PQ) é unha molécula do grupo das quinonas que intervén no transporte de electróns que ten lugar na fase luminosa da fotosíntese. O prefixo plasto do seu nome alude á súa localización nos plastos (fundamentalmente cloroplastos).

A plastoquinona redúcese a plastoquinol (PQH2) ao captar dous protóns (H+) procedentes do estroma do cloroplasto e recibir dous electróns (e-) procedentes do fotosistema II fotosintético. Transporta os protóns cara á luz dos tilacoides (ao reaccionar co citocromo b6f), e os electróns pasan ao seguinte transportador de electróns da cadea fotosintética, que é o complexo citocromo b6f. É unha molécula moi móbil na membrana tilacoidal.

Estruturalmente é unha 2,3-dimetil-1,4-benzoquinona cunha cadea lateral de nove unidades isoprenilo.

Quimera (xenética)

Para outros usos do termo ver Quimera.

En xenética, unha quimera é un individuo dunha especie composto por células xeneticamente distintas, xeralmente orixinado a partir da fusión de dous cigotos (aínda que hai máis posibilidades). O fenómeno que as orixina denomínase quimerismo. As quimeras animais prodúcense ao fusionárense dous ou máis células ovo fertilizadas; o resultado é un organismo con dous conxuntos de proxenitores, o que fai que teñan tecidos que son unha mestura de diferentes herdanzas xenéticas. Isto pode dar lugar por veces a ter á vez órganos xenitais masculinos ou femininos, dous tipos sanguíneos diferentes á vez, ou sutís variacións na forma. Nas quimeras de plantas, os distintos tipos de tecidos poden orixinarse do mesmo cigoto, e a diferenza débese xeralmente a mutacións que ocorreron durante a división celular corrente, polo que é un caso de mosaicismo persistente. Normalmente, o quimerismo non é visible nunha inspección superficial do individuo afectado, pero adoita detectarse cando se están a facer probas de paternidade.

Outro caso que se podería considerar en certo modo similar ao quimerismo é o orixinado por transplante de órganos en animais. Por exemplo, un transplante de medula ósea pode orixinar un cambio no grupo sanguíneo, e as células sanguíneas serán xeneticamente distintas das doutros tecidos. De todos modos, este é un caso de tecidos inseridos artificialmente cando xa o individuo está desenvolvido, polo que non é comparable co verdadeiro quimerismo natural.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.