Castiñeiro

O castiñeiro común[2] (Castanea sativa), tamén coñecido popularmente como castiñeiro bravo,[3] castiro,[4] uriceiro ou castieiro,[5] é unha árbore caducifolia da familia Fagaceae apreciada pola súa madeira e os seus froitos comestíbeis, as castañas. Moitos exemplares acadan unha gran lonxevidade e teñen unha longa historia que se pode remontar a varios séculos.

Orixinario do sur de Europa e de Asia Menor, a súa presenza nestas áreas xeográficas débese a que durante a última glaciación, o castiñeiro atopou zonas de refuxio nas costas cantábrica e atlántica da Península Ibérica, así como na Península Itálica e na Península de Anatolia, sendo moi común nos montes de Galicia. Contrariamente á crenza popular que di que o seu espallamento data da época romana,[6][7] é en realidad unha árbore autóctona galega, que xa estaba presente no noroeste da península hai máis de 20.000 anos.[8]

Castiñeiro
Castiñeiro.

Castiñeiro.
Estado de conservación
Non ameazado
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Fagaceae
Xénero: Castanea
Especie: C. sativa
Nome binomial
Castanea sativa
Mill.[1]
Área de distribución da especie: en cor verde, a máxima extensión natural da especie no clima actual; en cor siena, a extensión actual de cultivo da especie.

Área de distribución da especie: en cor verde, a máxima extensión natural da especie no clima actual; en cor siena, a extensión actual de cultivo da especie.

Etimoloxía

A verba galega "castiñeiro" ou a súa variante "castañeiro/a"[9] (castanheiro en portugués) vén do latín castanea, á súa vez derivado do grego kastanon. Este nome faría referencia a Kastanon, unha vila de Tesalia sonada na antigüidade pola calidade das castañas alí apañadas.[10] Castanea era o nome antigo que se lle daba ao carballo antes de chegar o castiñeiro a Roma. Sativus significa 'cultivado' en latín.[11] A castaña foi apelidada "árbore do pan" pola bondade nutritiva dos seus froitos. Estes substituíron aos cereais en moitas zonas de Europa, coma nas Cevenas, ao sur de Francia.

Descrición

Castanea sativa MHNT.BOT.2006.0.1272
Toro de Castanea sativa onde poden verse os aneis de crecemento.
Castanea sativa flores
Flores de castiñeiro. Varias inflorescencias masculinas con abondosos estames amarelos; tres flores femininas, de cor verde con estilos amarelos, no centro da imaxe.

Árbore que pode superar facilmente os 20 metros e acadar gran lonxevidade.[12] Casca é lisa de cor cincenta ou parduzca na xuventude, pasando despois a castaño-escura e agrietada lonxitudinalmente. O tronco é curto e groso nos exemplares culitivados, e máis esvelto nos silvestres.[10]

As follas son estreitas, alternas, coa beira moi dentada, peludas no envés cando son novas. Miden entre 10 e 25 cm de longo por 3-7 cm de ancho e teñen uns 20 pares de nervios paralelos e prominentes polo envés.[10] As flores son unisexuais: as masculinas reciben o nome de candeas e distribúense ao longo dun eixo; as femininas (con sete a nove estilos prominentes e un cáliz con 5-8 lóbulos) na base do amento, xeralmente en tríos dentro dunha roseta de espiñas. As plantas son monóicas, con flores masculinas e femininas sobre a mesma planta[12][10]

Os froitos preséntanse en grupos de dous ou tres e están recubertos por unha casca verde con espiñas (o ourizo) de até 4 cm de diámetro que se abre en catro valvas. Cando o ourizo contén tres castañas, a central é máis pequena e con dúas caras planas, sendo as dos extremos coa cara interna plana e a externa convexa.[12] Cada castaña (aquenio) está protexida por unha cuberta correosa de cor pardo-roxizo , lustrosa no exterior e aterciopelada por dentro, coa base de cor máis clara. Contén normalmente unha sóa semente cunha cuberta membranosa pardo-amarela (epispermo).[10]

A época da recollida das castañas é novembro, e en Galicia celébrase co magosto.

Distribución

Esta árbore ten unha ampla presenza nas tres penínsulas meridionais de Europa, limitada pola seca propia do verán (menor a tres meses) e cun mínimo de 600–700 mm de choivas anuais. Na zona sur da Península Ibérica o castiñeiro íllase en zonas frescas de montaña e, polo xeral, emprégase como recurso secundario a rega para manter a produción dos outeiros. En Galicia, as maiores securas atópanse no Sil —chegando aos 2,5 meses— e relaciónanse cos danos causados polo cancro nos soutos desta área. O límite da área setentrional está marcado por unha temperatura mínima duns 9 °C para a frutificación e polas destrucións dos brotes novos, propias das xeadas primaverais con valores inferiores ao -1 °C (fenómeno pouco usual xa que adoitan brotar entre finais de marzo e finais de abril)[13].

A boa produción de castaña depende das condicións climáticas durante o verán, no tempo de polinización e fecundación, así como algunha que outra choiva no mes de setembro. A polinización, que ten lugar durante os últimos días de xuño até comezos de agosto, precisa de tempo seco e temperaturas altas. Os soutos máis activos teñen un período de secura dun mes e medio e temperaturas máximas do mes máis caloroso superiores aos 26 °C. A humidade elevada ambiental durante o período estival pode ocasionar o desenvolvemento de fungos portadores da antracnose das follas do castiñeiro, doenza á que son moi sensíbeis certas variedades de castiñeiros e que causa a perda de crecemento e das producións de castaña[13].

Brotación

As datas de brotación do castiñeiro divídense en: moi temperá, temperá, media, seriodia e moi serodia; e transcorrendo normalmente dende mediados de marzo a mediados de maio. As datas exactas de inicio da brotación varían segundo as condicións climáticas do ano, fundamentalmente do amoreamento de frío no inverno anterior e do amoreamento de calor dende o final do inverno e durante a primavera, de xeito que pode haber diferenzas de máis de dúas semanas entre anos. Os híbridos tipo Castanea crenata x Castanea sativa adoitan seren de brotación moi temperá ou temperá, mentres que as variedades de Castanea sativa son principalmente de brotación media a serodia, aínda que as hai tamén de brotación temperá e moi serodia[14].

Lonxevidade

O castiñeiro é a arbore máis lonxeva de Europa e chega a ser milenario, so sendo superada no resto do munto por Pinus aristata e Sequoiadendron giganteum. Son exemplares destacados pola súa lonxevidade o Castiñeiro dos cen cabalos, localizado en Catania, cunha idade estimada de máis de 3000 anos e o castiñeiro de Rozabales, no concello de Manzaneda (Ourense), con 13,85 metros de circunferencia e unha idade aproximada de máis de 1000 anos.[15]

Aproveitamento

Lalín, 01-33b Catasós
Sección do toro dun castiñeiro dunha idade estimada de 270 anos, na Fraga de Catasós (Lalín). Naceu baixo o reinado de Filipe V e fou derrubado polo ciclón Hortensia en 1984.

O principal uso do castiñeiro é a obtención da súa madeira, moi valorada para fabricar mobles, entarimados de chans, instrumentos etc. Para isto era común demoucar as árbores dos soutos. Xa en tempos romanos, introduciuse nas rexións máis ao norte e máis tarde tamén se cultivou nos xardíns dos mosteiros polos monxes. Hoxe en día, os espécimes centenarios pódense atopar en Europa occidental, central e meridional.

Outro dos aproveitamentos desta especie é a utilización do seu froito: empregouse tradicionalmente como fonte enerxética para a poboación en xeral, e mesmo como alimento para os animais (fundamentalmente porcos), mais perdeu o seu lugar de importancia na dieta cando chegou a pataca das Américas. Esta substitución e o papel alimenticio que tiña foron tan importantes que aínda hai hoxe lugares de Galicia onde lles chaman castañas ás patacas (igual que en francés se lles chama pommes-de-terre 'mazás da terra'). A castaña cómese cocida ou asada, e en menor medida crúa. En Galicia é común comer as castañas nos magostos do outono. O marron glacé é un doce con receita francesa que aumenta enormemente o valor engadido. En Galicia só hai unha fábrica deste produto, localizada en Ourense.

A árbore foi unha elección popular para axardinar en Inglaterra, particularmente nos séculos XVIII e XIX. O castiñeiro introduciuse probabelmente na rexión durante a ocupación romana, rexistrándose moitos exemplos antigos[16]. Máis recentemente, a árbore sementouse nas rúas de Inglaterra, puidéndose ver exemplos no borough londinense de Islington.

Outros produtos tradicionais, como a augardente de castaña ou a crema de castañas, ou outros usos, como o reaproveitamento de biomasa, non conseguen frear a caída de produción e consumo desta especie que acompaña aos galegos desde hai dous milenios.

Ameazas

Hoxe en día moitos dos soutos están a ser arrasados polos madeireiros. Outra ameaza que sofre o castiñeiro é a "tinta", unha enfermidade de orixe chinesa causada por un protista oomiceto (Phytophtora cinnamomi) semellante a un fungo. Ataca ás árbores pouco a pouco manchándolles a madeira e diminuíndo o seu valor comercial. En Galicia, a enfermidade entrou pola localidade leonesa de Bembibre, a través de camións que traían madeira contaminada. O Centro de Investigación Forestais de Lourizán investiga dende hai anos na creación dun híbrido resistente á enfermidade, para a súa implantación nas zonas de maior importancia industrial (sur de Lugo e oriente de Ourense).

Enfermidade da tinta

O clima galego caracterízase polas abondosas e frecuentes precipitacións, amais dos escasos períodos de seca prolongada e as temperaturas mornas. O solo é superficial e pedrento, con pH acedos e gran cantidade de materia orgánica. Todas estas calidades cumpren coas condicións de desenvolvemento axeitado do fungo chamado Phytophthora cinnamomi, que orixina a «enfermidade da tinta» nos sistemas radicais do castiñeiro. O fungo fica inactivo cando a temperatura se mantén por debaixo de 0 °C durante un espazo determinado de tempo, sendo este para a inactivación máis curta canto menor sexa a temperatura acadada. O risco de danos por este fungo incrementa coa temperatura, e polo tanto a probabilidade de prexuízos por este patóxeno mingua dende a costa ata a montaña oriental.

Cancro do castiñeiro

Artigo principal: Cancro do castiñeiro.

É unha doenza provocada polo fungo Cryphonectria parasitica. Inicialmente identificada en 1906 como Diaporthe parasitica, posteriormente pasou a chamarse Endothia parasitica entre 1912 e 1978, ano en que adoptóu o nome actual. E orixinaria de Asia, desde onde se espallou por América do Norte e Europa. Foi a responsable da práctica destrución do castiñeiro americano (Castanea dentata) na primeira metade do século XX. Foi identificada por primeira vez nos Estados Unidos en 1904 e en Europa en 1938 na zona de Xénova, pasando a España (1947), Francia (1956), Grecia e Turquía (1967), Portugal (1989) e moitos outros países.[17]

Avespa do castiñeiro

Artigo principal: Dryocosmus kuriphilus.
Dryocosmus kuriphilus
Dryocosmus kuriphilus

O himenóptero Dryocosmus kuriphilus ataca as xemas formando un bugallo que altera o crecemento do tallo suprimindo a elongación e reducindo a fructificación. En certos casos pode provocar a morte da árbore. Orixinaria de Asia, atópase na actualidade amplamente espallada por América do Norte e Europa.[18] A presenza de bugallos desta especie tamén incrementa a probabilidade de que a árbore sexa infectada polo cancro.

O castiñeiro en Galicia

En Galicia, a formación de orixe humana de castiñeiros para o aproveitamento de madeira e leña coñécese coma souto, é moi común nas provincias do interior. Tamén é frecuente atopar os castiñeiros asilvestrados en carballeiras e fragas.

O castiñeiro e a castaña forman parte da cultura, gastronomía, etnografía e historia galegas. A súa madeira de calidade empregouse na fabricación de mobles e trabes. Foi un alimento moi apreciado, especialmente antes da chegada da pataca das Américas. Árbore e froito arrodéanse de lendas. O magosto é unha das principais festividades da cultura e gastronomía galegas.

Tamén é moi común nos parques e cidades galegas o castiñeiro das bruxas ou de Indias (Aesculus hippocastanum), árbore ornamental caducifolia de xénero completamente diferente ao castiñeiro bravo e froito non comestíbel. Dise na cultura popular que o froito desta última árbore ten propiedades máxicas contra o mal de ollo.

Na cultura popular galega

Artigo principal: A castaña na cultura popular galega.
  • A castaña que está no camiño é do veciño.
  • Cando vire-la candea no castiñeiro, leva a ovella ó carneiro.
  • Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas.
  • O que non sabe a maña, non come castaña.
  • Sempre un porco ruín ha topar cunha boa castaña.
  • Temperá é a castaña que por setembro regaña.

Galería de imaxes

Castanea sativa

Follas e ourizo de castiñeiro.

Castañas Galicia 040

Ourizo de castiñeiro.

Aesculus hippocastanum 23

O castiñeiro das bruxas (Aesculus hippocastanum) é unha especie completamente distinta do castiñeiro común.

Chataignier 02

Notas

  1. Miller. Gardeners Dictionary ed. 8 no. 1 (1768)
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castiñeiro.
  3. Fernández López, Josefa. CINAM Lourizán, ed. "As poboacións autóctonas de castiñeiro e a selección de materiais de reprodución" (PDF). Consultado o 27 de marzo de 2018.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castiro.
  5. "Castiñeiro (Castanea sativa Mill.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 9 de setembro de 2016.
  6. Guillén Oterino, Antonio. "Sobre la introducción del Castaño, Castanea sativa, en el Mediterráneo Occidental" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de marzo de 2018. Consultado o 27 de marzo de 2018.
  7. Strasburger, Eduard; Noll, F.; Schenck, H.; Schimper, A. F. W. (1985) [1983]. "3". Lehrbuck der Botanik, 32ª [Botánica] (en castelán) (7ª ed.). Barcelona: Marín S.A. p. 847. ISBN 84-7102-990-1. Por ello fué introducido por los romanos en las partes más templadas de la Europa media a partir de su área mediterránea
  8. García, Victoria (29 de xaneiro de 2018). "O castiñeiro é unha árbore autóctona: non a trouxeron os romanos". GCiencia. Consultado o 27 de marzo de 2018.
  9. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castañeiro.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 López González, Ginés (1988). La Guía INCAFO de los árboles y arbustos de la Península Ibérica (en castelán) (2 ed.). Madrid: Incafo S. A. pp. 437–9. ISBN 84-85389-34-4.
  11. Harrison, Lorraine (2012). RHS Latin for gardeners. Reino Unido: Mitchell Beazley. p. 224. ISBN 9781845337315.
  12. 12,0 12,1 12,2 Font i Quer, Pius (1993). Plantas medicinales, el Dioscórides renovado (en castelán). Barcelona: Península. pp. 103–5. ISBN 84-8307-242-4.
  13. 13,0 13,1 "Guía de cultivo do castiñeiro para a produción de castaña" (PDF). Consellería do Medio Rural. Consultado o 14 de setembro de 2016.
  14. Furones, P. (2009). "Morphological and phenological description of 38 sweet chestnut cultivars (Castanea sativa Miller) in a contemporary collection". Spanish Journal of Agricultural Research 7 (4): 829–843. ISSN 1695-971X. doi:10.5424/sjar/2009074-1097.
  15. Viéitez Cortizo, Ernesto (1996). "4. El árbol herido". El castaño (en castelán). León: Edilesa. pp. 31–41. ISBN 84-8012-134-3.
  16. "Sweet chestnut". Kew. Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2015. Consultado o 14 de setembro de 2016.
  17. Viéitez Cortizo, Ernesto (1996). "4. El árbol herido". El castaño (en castelán). León: Edilesa. pp. 189–200. ISBN 84-8012-134-3.
  18. Viéitez Cortizo, Ernesto (1996). "4. El árbol herido". El castaño (en castelán). León: Edilesa. p. 213. ISBN 84-8012-134-3.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Ernesto Viéitez Cortizo, Mª Luisa Vieitez Madriñán, F. Javier Vieitez Madriñán: El Castaño Ed. Edilesa, León (España) 1996, ISBN 84-8012-134-3, Depósito legal: LE-286-1996
  • M. Adua: The Sweet Chestnut throughout History from the Miocene to the third Millennium. In: G. Salesses: Proceedings of the Second International Chestnut Congress. Acta Horticulturae, Band 494, 1999, S. 29–35, ISBN 90-6605-941-9.
  • Alessandro Bottacci: Castanea sativa. In: Schütt, Weisgerber, Schuck, Lang, Stimm, Roloff: Enzyklopädie der Laubbäume. Nikol, Hamburg 2006, S. 185–193, ISBN 978-3-937872-39-1.
  • G. Bounous, D.T. Marinoni: Chestnut: Botany, Horticulture, and Utilization. Horticultural Reviews, Band 31, John Wiley & Sons 2005, S. 291–347, ISBN 0-471-66694-7.
  • Wilhelm Troll: Praktische Einführung in die Pflanzenmorphologie. Zweiter Teil: die blühende Pflanze, VEB Gustav Fischer Verlag, Jena 1957, S. 169–171.

Outros artigos

A castaña na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada da castaña e do castiñeiro na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Tamén, por similitude, se inclúe algunha información sobre o castiñeiro de Indias (Aesculus hippocastanum).

O castiñeiro recibe en Galicia os nomes de castañeira, castañeiro, castiñeira, castiro e restre; existen castiñeiros bravos, que se denominan rebolos, bravádegos ou castiñeiróns. A denominación abundancial máis común é a de souto, pero tamén temos castañal, castañar, castañeira, castañeiro, castiñeiral, soutelo e tropezal.

A castaña ten tamén os nomes de cagoxa e croca; cando caen de seu ó chan xa maduras, denomínanse degaros, restelas ou restrelos (tamén castañas degaradas, degraídas, de restelo ou de restrelo). Algunhas castañas quedan abortadas ou malogradas dentro do ourizo: son as bolercas, castañas bolercas ou croucos; estas destínanse á ceba do porco.

Recóllense vareando os castiñeiros cuns paus longos ou lanzando contra as pólas uns paus pequenos (rebolos), de forma que os ourizos caen ó chan, de onde se recollen e se amorean ou se poñen a secar nas ouriceiras. Cando os ourizos secan e abren, extráense as castañas (operación que se chama a bulla ou petela).

As castañas cocidas con casca denomínanse mamotas ou zonchos. Acostuman cocerse con sal e unhas herbas, normalmente fiúncho e nébeda, para seren máis dixestíbeis.

Outra forma de comer as castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo , que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas

Amento

En botánica, amento, chamado popularmente candea, é unha inflorescencia tipo acio, xeralmente pénsil, característica de certas árbores, especialmente na subclase Hamamelidae, as familias Salicaceae e Fagaceae. Tamén recibe os nomes comúns de gatiño e flor da trama.

O amento consiste nunha espiga articulada polo seu baseamento e composta de flores dun mesmo sexo, pois hai amentos masculinos, máis alongados, e amentos femininos. As flores son simples, sen pétalos nin sépalos, as masculinas fican reducidas aos estames e as femininas ao estigma.

As candeas aparecen na primavera, xeralmente antes que as follas agroman.

Nesta clase de plantas, a polinización é anemófila, isto quere dicir que o transporte do pole, moi abundante, é realizado polo vento.

O pole dalgunhas árbores pode ser, para a especie humana, unha fonte de alerxias.

En Galiza algunhas árbores con candeas son:

Todos os carballos.

Os salgueiros.

O amieiro.

O castiñeiro.

Baroncelle, Abadín

Santiago de Baroncelle é unha parroquia pertencente ao concello de Abadín. Tiña 158 habitantes en 2015 (87 homes e 71 mulleres) segundo datos do IGE. Iso supón unha diminución da poboación respecto a 2014 cando vivían nas súas 12 entidades de poboación 165 veciños (92 homes e 73 mulleres).

Castaña

Este artigo trata sobre a castaña europea (xénero "Castanea"), para a castaña brasileira véxase o artigo castiñeiro de Pará.

A castaña é o froito do castiñeiro, árbore da familia das fagaceae, nativa de climas cálidos do hemisferio norte. Preséntase nunha cápsula espiñenta que ten entre 5 e 11 centímetros de diámetro que contén de 2 a 7 castañas.

As castañas son unha importante fonte de alimentación no sur de Europa, no suroeste e no leste de Asia e tamén no leste de Norteamérica, antes da praga da castaña. Durante a Idade Media, no sur de Europa as comunidades que habitaban cerca de soutos e que tiñan escaseza de acceso á fariña cereal, utilizaban as castañas como a súa principal fonte de carbohidratos.

As castañas pódense comer crúas, fervidas, asadas ou doces. En Galicia ademais de asadas (ver magosto), adoitan comerse cocidas con sal e herbas, coma fiúncho e nébeda, para seren máis dixeríbeis. En Francia a miúdo véndese o doce de castaña coñecido como marron glacé, así como a crema de castañas. Un xeito sinxelo de asalas é cortar unha pequena fenda en cada castaña e quentalas nun contedor metálico a 400ª durante 10 ou 15 minutos. O obxecto da fenda é evitar que estouren mentres se asan.

Outro importante uso das castañas é a fariña, coa que se pode preparar pan, pasteis e pasta.

As receitas gastronómicas de castañas están xurdindo ultimamente coa recuperación de receitas tradicionais, especialmente en Italia.

As castañas para se conservaren teñen que estar completamente secas antes de retirar a cápsula espiñenta que as contén e deixalas nunha caixa ou barril cobertas de area fina. Pódese consumir fresca, seca, cocida e asada, a castaña constituíu unha importante contribución calórica para o home e tamén se utilizou na alimentación dos animais domésticos, xa que son ricos en graxas, proteínas, minerais e en vitamina C.

Castiñeiro de Indias

O castiñeiro de Indias, castiñeiro das bruxas, ou castiñeiro da India (Aesculus hippocastanum), é unha árbore de gran porte pertencente á familia das sapindáceas. Considérase medicinal.

Identifícase comunmente co nome de falso castiñeiro por mor a que os seus froitos presentan unha gran semellanza cos do castiñeiro e outras especies do xénero Castanea da familia das fagáceas. Moi empregada en xardinaría, é común atopala nos parques, alamedas, arboredos das cidades e vilas de toda Galicia.

O seu froito emprégase como amuleto contra o mal de ollo.

Castiñeiro de Lobo, Ames, Ames

Castiñeiro de Lobo é un lugar da parroquia de Ames no concello coruñés de Ames na comarca de Santiago. Tiña 200 habitantes no ano 2009 segundo datos do Instituto Nacional de Estadística, dos cales eran 104 homes e 96 mulleres.

Manzaneda

Manzaneda é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Trives e á Ribeira Sacra. Segundo o padrón municipal (INE 2018) conta con 890 habitantes (435 homes e 455 mulleres) (1.150 en 2004).

Marrón

Marrón ou castaño é a cor da terra. Castaño é tamén o nome usado para designar a cor da madeira do castiñeiro.

O Alto do Castiñeiro, Narón, Narón

O Alto do Castiñeiro é un barrio de Narón no concello coruñés de Narón. Está situado no sur do concello e limita ao norte co barrio de Piñeiros, ao sur co da Gándara, ao leste co do Couto, e ao oeste co concello de Ferrol e o barrio da Solaina.

Este barrio tamén é coñecido polo nome da parroquia que o conforma, sendo este o de San Xosé Obreiro. A parroquia naceu nos anos sesenta logo da segregación da parroquia matriz que era a do Couto. Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

O Castiñeiro, Baroncelle, Abadín

O Castiñeiro é un lugar da parroquia de Baroncelle, no concello lugués de Abadín, na comarca da Terra Chá. Tiña 11 habitantes en 2015 (5 homes e 6 mulleres) segundo datos do IGE. Iso supón unha diminución da poboación respecto a 2010 cando tiña 12 habitantes (5 homes e 7 mulleres).

O Castiñeiro, Lagoa, Alfoz

O Castiñeiro é un lugar da parroquia de Lagoa no concello lugués de Alfoz na comarca da Mariña Central. Segundo o IGE en 2011 tiña dous habitantes (dous homes).

O Castiñeiro, San Fiz de Monfero, Monfero

O Castiñeiro é un lugar da parroquia de San Fiz de Monfero no concello coruñés de Monfero na comarca do Eume. Tiña 22 habitantes no ano 2010 segundo datos do INE dos cales 14 eran homes e 8 eran mulleres.

O Castiñeiro, Santa María de Neda, Neda

O Castiñeiro é un lugar da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda na provincia da Coruña. Tiña 35 habitantes no ano 2015 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 19 homes e 16 mulleres.

Provincia de Ourense

Ourense é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833.

Ribadeume, As Pontes de García Rodríguez

Santa María de Ribadeume é unha parroquia que se localiza no sur do concello das Pontes de García Rodríguez. Segundo o IGE en 2014 tiña 196 habitantes (110 mulleres e 86 homes) distribuídos en 27 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 259 habitantes.

Esta parroquia segregouse do concello da Capela xunto coas de Bermui, Espiñaredo, San Pedro de Eume, A Faeira, Goente e Seoane que pasan a integrarse no concello das Pontes de García Rodríguez en xullo de 1982.

Souto de Rozavales

O Souto de Rozavales, tamén nomeado Souto de Rozabales, é un monumento natural que se atopa no lugar ourensá do Souto de Rozavales, San Martiño de Manzaneda, Manzaneda. Foi declarado monumento natural polo Decreto 78/2000, do 25 de febreiro. Tamén o castiñeiro de Pumbariños, que está aí, se incluíu no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza.

Árbore

Unha árbore é un tipo de vexetal perenne, de tronco leñoso, que se ramifica a certa altura do chan. Son árbores, por exemplo, a cerdeira, a maceira, o castiñeiro, a aciñeira, o piñeiro, a magnolia etc.

Certas especies de árbores poden superar os 100 metros de altura, e chegar a vivir durante miles de anos. As grandes árbores, coma as sequoias xigantes de California, poden pesar máis de 6.000 toneladas, o que as converte no ente vivo máis pesado que existiu sobre o planeta [Cómpre referencia].

As árbores son compoñentes importantes do medio natural así como útiles para os seres humanos como fornecedores de material de construción, transporte e mobiliario; alimento e recursos medicinais; leña para calefacción etc. Tamén xogan un importante papel na cultura, considérense as árbores de Nadal, a árbore da sabedoría, a árbore xaponesa do amor (o xinkgo) etc. A árbore por excelencia en Galicia é o carballo, o mesmo que no País Vasco, Gran Bretaña ou Alemaña.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia desde o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.