Castela e León

Castela e León[1] (en castelán: Castilla y León, en leonés: Castiella y Llión) é unha comunidade autónoma constituída en 1983, cuxo territorio se sitúa na parte centro-norte do territorio español. Limita ó oeste con Galicia e Portugal; ó norte con Asturias, Cantabria, País Vasco e A Rioxa; ó leste con Aragón; e ó sur con Estremadura, Comunidade de Madrid e Castela-A Mancha.

Forman esta comunidade nove provincias: Ávila, Burgos, León, Palencia, Salamanca, Segovia, Soria, Valladolid e Zamora; sendo a comunidade autónoma española con máis provincias. É a rexión máis extensa de Europa.[2]

Castela e León
Castilla y León
Bandeira de Castela e León
Escudo de Castela e León
BandeiraEscudo
Castilla y Leon in Spain (plus Canarias)
EstadoEspaña España
CapitalValladolid
 • Poboación318 461 (2008)
Cidade máis poboadaValladolid
Lingua oficialCastelán1
Forma de gobernoXunta
Juan Vicente Herrera (PP)
Estatuto30 de novembro de 2007
SuperficiePosto 1º
 • Total94.223 km²
Costas0 km
PoboaciónPosto 6º
 • Total2 553 301 (2008) hab.
 • Densidade26,58 hab./km²
Xentiliciocastelán-leonés /
castelá-leonesa
Fuso horarioUTC+1
 • Horario de veránUTC+2
Dominio de Internet.es
Código ISOES-CL
1 O galego e o leonés non son linguas oficiais mais gozan de certa protección.
Sitio web oficial

Xeografía

A comunidade autónoma esténdese basicamente sobre a meseta norte, sendo asucada polo Douro, o cal forma a conca homónima, a maior de España. Polo tanto, os seus límites veñen configurados por cordilleiras ou outros accidentes xeográficos: ó norte coa Cordilleira Cantábrica, os Montes de León ó noroeste, co Sistema Central ó sur e coa Cordilleira Ibérica ó leste.

A superficie existente entre estes accidentes xeográficos é basicamente unha extensa meseta de moi elevada altura (700-900 metros sobre o nivel do mar). Estas altas chairas mostran na súa degradada vexetación a ocupación humana que contribuíu á perda forestal.

Os maiores ríos que asucan esta comunidade autónoma son o Douro e o Ebro. Os demais veñen sendo afluentes destes ou doutros ríos. Por tanto, o territorio de Castela e León está entre as tres vertentes españolas (cantábrica, mediterránea e atlántica). As maiores concas hidrográficas que hai en Castela e León son:

Clima

Castela e León ten un clima mediterráneo continentalizado, con invernos longos e fríos, con temperaturas medias de entre 4 e 7 °C en xaneiro e veráns curtos e calorosos (medias de 19 a 22 °C), pero cos tres ou catro meses de aridez estival característicos do clima mediterráneo. As precipitacións, cunha media de 450–500 mm anuais, son escasas, acentuándose nas terras máis baixas.

Debido á barreira montañosa de Castela e León, os ventos marítimos quedan freados, detendo dese modo as precipitacións. Debido a iso, as choivas caen dun xeito moi desigual no territorio castelán e leonés. Mentres que no centro da conca do Douro rexístrase unha media anual de 450 mm, nas comarcas occidentais dos montes de León e a Cordilleira Cantábrica as precipitacións chegan aos 1.500 mm ao ano.

A elevada altitude da Meseta e as súas montañas acentúa o contraste entre as temperaturas do inverno e o verán, así como as do día e a noite.

Historia

Véxase tamén: Reino de Castela e Reino de León.

Castela e León é teoricamente o resultado da unión do territorio que comprendía os antigos reinos de León e Castela. Porén, as fronteiras non cadran, na súa unión, coas dos ditos reinos. Na práctica, é a unión das antigas rexións de León e de Castela a Vella, sen contar coa Rioxa nin Cantabria.

En 1978, Castela e León obtén un réxime preautonómico, e finalmente, en 1983, obtén a autonomía, por medio do seu Estatuto de autonomía.

Organización territorial

Provincias de Castilla y León
Provincias de Castela e León

Consta de nove provincias: Ávila, Burgos, León, Palencia, Salamanca, Segovia, Soria, Valladolid e Zamora. As capitais provinciais recaen nas cidades homónimas ás súas provincias correspondentes.

Recoñécese a concorrencia dunhas características xeográficas, sociais, históricas e económicas do Bierzo, no oeste da provincia de León, creándose a Comarca do Bierzo,[3] administrada polo Consello Comarcal do Bierzo.

Demografía

A poboación de Castela e León é de aproximadamente 2 millóns e medio de habitantes. Tendo en conta a súa extensión (94.224 km²), ten unha moi baixa densidade de poboación (27 habitantes por km²), moi inferior á media nacional (78 hab/km²).

Esta poboación, está, ademais, moi irregularmente distribuída. Existen catro cidades de máis de 100.000 habitantes (Valladolid, Burgos, Salamanca e León, ordenadas segundo a poboación). En 2005, 1 287 607 de persoas vivían en cidades con máis de 20.000 habitantes, nas cidades anteriormente citadas e Palencia, Ponferrada, Zamora, Segovia, Ávila, Miranda de Ebro, Soria, Aranda de Duero, San Andrés del Rabanedo, Laguna de Duero e Medina del Campo. Polo tanto, aproximadamente a metade da poboación vive en cidades maiores a 20.000 habitantes e a outra metade en menores a 20.000 habitantes. Isto da lugar a un inxente número de vilas pequenas.

A sangría demográfica é moi grande: entre 1950 e 1981 baixou nun 10 %. A esta perda de poboación contribúe o avellentamento xeral da comunidade autónoma, pero especialmente das zonas rurais, enormemente elevado. Tamén baixou a súa poboación se a comparamos con España: mentres que en 1960 o 9,3 % dos españois vivía nas provincias que actualmente forman esta comunidade, en 1981 só era o 7 %, e esta cifra segue baixando.

Cidades máis poboadas

Listaxe Cidade Provincia Pob. Listaxe Cidade Provincia Pob.
ValladolidAyto 20-4-03

Valladolid
Burgos - Arco de Santa Maria 10

Burgos
Catedral Salamanca noche

Salamanca
1 Valladolid Valladolid 301.876 11 Soria Soria 39.171
2 Burgos Burgos 176.608 12 Aranda de Duero Burgos 32.621
3 Salamanca Salamanca 144.949 13 San Andrés del Rabanedo León 31.470
4 León León 126.192 14 Laguna de Duero Valladolid 22.696
5 Palencia Palencia 79.137 15 Medina del Campo Valladolid 20.774
6 Ponferrada León 66.447 16 Benavente Zamora 18.315
7 Zamora Zamora 63.217 17 Villaquilambre León 18.583
8 Segovia Segovia 52.257 18 Béjar Salamanca 13.403
9 Ávila Ávila 58.083 19 Santa Marta de Tormes Salamanca 14.939
10 Miranda de Ebro Burgos 35.922 20 Ciudad Rodrigo Salamanca 12.896
Censo 2016[4]

Economía

Nuevo Riaño. Agosto 2005
Nuevo Riaño, área turística

Os campos de Castela e León son extremadamente áridos e secos, e polo tanto predomina o cultivo de secaño. Con todo, o regadío foi gañando importancia nas zonas dos vales do Douro, o Pisuerga e o Tormes. Destacan as novas tecnoloxías sobre todo en áreas como a Provincia de Valladolid ou a Provincia de Burgos onde a produción por hectárea é das máis elevadas de España. A área máis fértil castelán-leonesa coincide co val do Esla, en León, nos campos de Valladolid, xa Tierra de Campos, unha comarca que se estende entre Zamora, Valladolid, Palencia e León.

A industria de Castela e León ocupaba o 18% da poboación activa e achegaba o 25% do PIB en 2000. Tanto en Burgos como en Valladolid, onde hai unha importante industria do automóbil, papeleira e química, concéntrase a maioría da actividade industrial do territorio castelán-leonés. Outras industrias son a industria téxtil en Béjar, as industrias de tellas e os ladrillos en Palencia, a industria azucreira en León, Toro e Benavente, a industria farmacéutica en León e a metalúrxica e siderúrxica en Ponferrada.

Ao longo da década de 1990 creceu a afluencia turística en Castela e León, propiciada sobre todo polo valor histórico e cultural das súas cidades, e tamén polo atractivo natural e paisaxístico das súas diferentes comarcas. En 2001, Castela e León recibiu uns 315.000 visitantes, 42.000 dos cales eran estranxeiros.

O comercio interior de Castela e León concéntrase no sector da alimentación, a automoción, o tecido e o calzado. Para o comercio exterior, segundo a rexión, expórtanse principalmente vehículos e chasis de automóbiles en Ávila, Palencia e Valladolid, pneumáticos en Burgos e Valladolid, barras de aceiro e manufacturas de lousa en León, carne de vacún en Salamanca, porcos en Segovia, manufacturas de caucho en Soria e carne de cabra e ovella, xunto con viño, en Zamora. Castela e León tamén exporta moito veu sendo a provincia de Valladolid a que máis botellas vende no estranxeiro. En canto á importación, van á cabeza os vehículos e os seus accesorios, como os motores ou os pneumáticos.

Política

Valladolid cortes castilla leon 04 lou
Sede das Cortes, na Avenida de Salamanca de Valladolid.

O partido que goberna en Castela e León é o Partido Popular, que conseguiu maioría simple nas eleccións autonómicas de 2015. O presidente da Xunta de Castela e León é Juan Vicente Herrera.

Flag of Castile and León.svg   Progresión de deputados ás Cortes de Castela e León

Partido 1983 1987 1991 1995 1999 2003 2007 2011 2015
Partido Popular (PP) 39a 32b 43 50 48 48 48 53 42
Partido Socialista Obrero Español (PSOE) 42 32 35 27 30 32 33 29 25
Podemos 10
Ciudadanos - Partido de la Ciudadanía (C's) 5
Unión del Pueblo Leonés (UPL) 2 3 2 2c 1 1
Izquierda Unida (IU) 1 5 1 1 1
Terra Comuneira-Partido Nacionalista Castelán (TC-PNC) 1
Centro Democrático e Social (CDS) 2 18 5
Partido Demócrata Liberal (PDL) 1
Partido Demócrata Popular (PDP) a 1
Solución Independente (SI) 1

Notas
aAP-PDP-PL; bFederación de Partidos de Alianza Popular (AP); cA mediados de 2008, UPL suspendeu aos seus dous diputados, aínda que non abandonaron o seu escano.

Medios de comunicación

Castela e León posúe unha cadea de televisión propia, Castilla y León Televisión, así como unha emisora de radio. En prensa escrita ademais de diarios locais e provinciais destaca o El Norte de Castilla, primeiro xornal de Castela e León.

Transporte

Por esta rexión pasan as principais vías de comunicación que unen as rexións do norte de España coa capital, Madrid e o sur peninsular, así como as redes que aseguran unha rápida circulación entre a Europa continental e o continente africano. Doutra banda, a vía de transporte máis curta, rápida e cómoda que enlaza Portugal con Europa é a que atravesa esta rexión. En consecuencia, Castela e León atópase no centro no que se conectan os fluxos comerciais entre o norte e o sur da Península e entre Portugal e o resto de Europa. Ademais, a súa proximidade a Madrid é outro factor adicional que impulsa o tráfico que transcorre polas terras castelás e leonesas.

Aero Burgos
Terminal de Burgos-Villafría.

Os principais eixos viarios do tráfico de mercancías e viaxeiros son as estradas radiais A-1, autovía do Norte e A-6, autovía do Noroeste. Tamén ten importancia destacada a A-62, autovía de Castela, que enlaza as cidades de Salamanca, Valladolid, Palencia e Burgos. Nestas tres vías insérense localidades tan importantes como Medina del Campo, Aranda de Duero e Miranda de Ebro.

Castela e León conta con catro aeroportos abertos ao uso civil: o Aeroporto de Valladolid, na localidade de Villanubla, próxima a Valladolid, que rexistra o maior volume de tráfico aéreo da Comunidade e é de uso mixto civil e militar; o Aeroporto de León, na localidade de La Virgen del Camino, no alfoz leonés, tamén de uso mixto civil-militar; o Aeroporto de Salamanca, en Matacán, anteriormente exclusivo para voos chárter e hoxe xa con voos regulares, e o Aeroporto de Burgos, na localidade de Villafría, o de máis recente apertura (2008).

Ademais a rede de ferrocarril é moi ampla e as súas principais liñas van desde Madrid ata a cornixa cantábrica e Galicia, con paradas en Astorga, Burgos, León, Miranda de Ebro, Palencia, Ponferrada e Valladolid todas elas importantes nós ferroviarios. Tamén está a liña entre Irún e a fronteira portuguesa (Fuentes de Oñoro, en Salamanca) que é parte da liña París-Lisboa.

Gastronomía

Gastronomia cerrateña
Un prato de lechazo asado de Castela e León

A Gastronomía de Castela e León é amplamente coñecida pola calidade dos seus viños e carnes. Algunhas das súas marcas de calidade son mundialmente coñecidas: os seus viños, con 9 denominacións, entre as que destacan D.O. Ribera del Duero, D.O. Toro ou D.O. Rueda. Embutidos e carnes curadas ou frescas, con 16 Indicacións Xeográficas Protexidas e marcas de calidade, entre as que destacan Xamón de Guijuelo, Lechazo de Castela e León, Cochinillo de Segovia, Chacina de León ou Chourizo de Cantimpalos.

Algúns dos seus pratos típicos son: o lechazo asado, o cochinillo asado, a sopa de allo, os judeones de segovia, a galiña en pepitoria, ou as variedades da morcilla de Burgos, como a morcilla de Aranda. Tamén son típicos varios doces e sobremesas de repostería, como as Xemas de Santa Teresa.

Galería de imaxes

Palacio episcopal Astorga2

Palacio Episcopal de Astorga, de Gaudí

Catedral Zamora

Catedral de Zamora

Fachada de la Catedral de León

Catedral de León

Bovedas nave central

Catedral de Palencia

Ala oriental

Igrexa de San Pedro, Soria.

Alcázar de Segovia 1-7-07

Alcázar de Segovia

Notas

  1. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 101. ISBN 84-8158-266-2.
  2. Susana Gutiérrez (21-7-2017). "Herrera reivindica a Castilla y León, una región «europea grande de verdad»". El Norte de Castilla (en castelán). Consultado o 24-3-2018.
  3. Lei 1/1991 de 14 de marzo, pola que se crea e regula a comarca do Bierzo. Data do B.O.C.Y.L.: 20-03-1991 Nº Boletín: 55 / 1991
  4. INE 2016.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Arganza

Arganza é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 39,99 km², na que vivían 850 habitantes no ano 2012, cunha densidade de poboación de 21,26 h/km².

Benuza

Benuza é un concello da comarca tradicional da Cabreira pertencente á comarca administrativa do Bierzo (provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León) que cobre unha superficie de 172,90 km², e no que vivían 549 habitantes no ano 2012, cunha densidade de poboación de 3,18 h/km².

A lingua galega segue viva neste concello nos núcleos de Pombrego e Soutelo da Cabreira, aínda que con fortes influencias leonesas.

Campazas

Campazas é un concello español da provincia de León (Castela e León). A súa poboación é de 146 habitantes (INE 2011).

Camponaraia

Camponaraia (en castelán e oficialmente: Camponaraya) é un concello da comarca do Bierzo (provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León) que cobre unha superficie de 29,13 km², na que vivían 4.230 habitantes no ano 2010, cunha densidade de poboación de 145,21 h/km². Está composto de cinco aldeas: Camponaraia, Erbededo, Magaz de Abaixo, Naraiola e A Válgoma. Por este concello pasa o río Naraia, o cal permite deducir que o topónimo debe dividirse en dous (Campo+Naraia) e non en tres (Campo+na+raia). Esta dedución ven avalada pola ortografía e pola existencia do topónimo Naraiola, diminutivo do hidrónimo.

Candín

Candín é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 140,90 km², na que vivían 333 habitantes no ano 2012, cunha densidade de poboación de 2,36 hab./km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Carracedelo

Carracedelo é un concello da provincia de León, na comarca do Bierzo, que cobre unha superficie de 32,32 km², na que viven 3.680 habitantes (INE 2012), cunha densidade de poboación de 113,86 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Corullón

Corullón é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 78,5 km², na que vivían 1.151 habitantes no ano 2004, cunha densidade de poboación de 14,66 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Fabeiro, León

Fabeiro (en leonés El Fabeiru e en castelán e oficialmente: Fabero) é un concello da comarca do Bierzo (provincia de León, Castela e León que cobre unha superficie de 54,47 km², na que vivían 5106 habitantes no ano 2012, cunha densidade de poboación de 93,74 h/km².

O núcleo de Fontoira é o único do concello de fala galega, o resto do concello é de fala tradicional leonesa.

Oencia

Oencia é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 98,33 km², na que vivían 349 habitantes no ano 2012, cunha densidade de poboación de 3,55 hab./km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Provincia de Burgos

A provincia de Burgos é unha das provincias de Castela e León, está situada ao nordés desta comunidade. A súa capital é a cidade homónima de Burgos. Ocupa unha superficie de 14.300 km² e a súa poboación en 2006 era de 363.874 habitantes. Moitos dos 370 concellos da provincia (131 en 2006) teñen menos de 100 habitantes.

Burgos posúe un enclave no interior da provincia de Áraba: o enclave de Treviño.

Provincia de León

León (en leonés: Llión) é unha provincia española pertencente á comunidade autónoma de Castela e León. Está situada no Noroeste da Península Ibérica e a súa capital é a cidade homónima de León. Limita ao norte co Principado de Asturias e Cantabria, ao oeste con Galiza (coas provincias de Ourense e de Lugo), ao sur coas provincias de Zamora e de Valladolid, e ao leste coa provincia de Palencia.

Ten unha superficie de 15.581 km². Posuía unha poboación de 495.902 habitantes (INE 2005). A súa densidade era de 31,82 hab/km².

Lugar de paso entre importantes zonas da Península Ibérica, percorren a provincia leonesa dúas grandes rutas históricas: de Sur a Norte a Vía da Prata, e de Leste a Oeste o Camiño de Santiago.

Ademais do español, nalgunhas zonas de León fálanse outras linguas:

Leonés, lingua romance, derivada do latín, e unha das máis antigamente documentadas na Península Ibérica, e que está recoñecida polo estatuto castelán e leonés aínda que non goza de oficialidade e continúa a ser falada na provincia, especialmente en zonas setentrionais da provincia, con especial vividez na comarca de Laciana, no Bierzo e na Cabreira.

Galego, falado no Bierzo. Este idioma románico está recoñecido oficialmente no Estatuto de Autonomía de Castela e León pero sen status de oficialidade, en cuxo artigo 4º indícase que "gozarán de respecto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen". A pesar disto a aplicación práctica necesitou da defensa popular para facelo efectivo.

Provincia de Salamanca

Salamanca é unha provincia española, situada no suroeste da Comunidade Autónoma de Castela e León.

A súa capital é a cidade de Salamanca. Limita ao norte coa provincia de Zamora, ao nordeste coa de Valladolid, ao leste coa provincia de Ávila, ao sur coa de Cáceres e polo oeste confina con Portugal.

A súa supeficie é de 12.336 km², o que a converte na terceira provincia de Castela e León, despois de León e Burgos.

Consonte con datos do (INE 2005), a provincia conta con 352.414 habitantes, dos cales 160.331 (un 45%) vive na capital.

Provincia de Segovia

A provincia de Segovia está situada en Castela e León, a capital da mesma é a cidade homónima. Conta con 155.015 habitantes. Linda con seis provincias de Castela e León (de Este a Oeste, a saber: Soria, Burgos, Valladolid, e máis Ávila); polo sueste limita coa Comunidade de Madrid.

Os seus principais núcleos de poboación son: Segovia, Cuéllar, San Ildefonso, San Rafael, El Espinar, Sepúlveda e Ayllón. É unha provincia moi deshabitada, cunha densidade demográfica moi baixa. A súa economía na actualidade baséase nos sectores de servizos e primario (gandaría porcina).

O seu clima é continental, con longos invernos, secos e fríos, e veráns calorosos, pero curtos. Conta con importantes recursos culturais. As súas comunicacións son aceitábeles, estando en construción actualmente a liña do AVE que unirá Madrid con Valladolid a través de Segovia.

Provincia de Zamora

A provincia de Zamora é unha provincia española integrada actualmente na Comunidade Autónoma de Castela e León e cuxo territorio pertenceu antigamente ao Reino de León.

O territorio da provincia de Zamora abarca 10.559 km² e conta con 198.028 habitantes (2005). Trátase dunha poboación fortemente envellecida e en clara regresión demográfica. Os seus principais núcleos de poboación son Zamora (capital da provincia), Benavente e Toro. Outras localidades, cabezas de partido xudicial xunto coas anteriores, son: Villalpando, Pobra de Seabra e Alcañices.

Provincia de Ávila

A provincia de Ávila forma parte da comunidade autónoma de Castela e León. A súa capital é Ávila e conta cunha poboación de 167.032 habitantes e unha superficie de 8.050 km².

Xeograficamente distínguense tres rexións diferenciadas:

A zona norte, continuación da Meseta Norte, caracterizada polas súa paisaxe chá e os seus materiais sedimentarios. É unha zona de clima continental con longos e fríos invernos e veráns curtos pero calorosos. Comprende as comarcas da Moraña e a Terra de Arévalo.

A zona central, onde se localizan as zonas de montaña (Serra de Gredos, Serra da Paramera, Serra de Ávila, Serra de Villafranca) coas súas grandes formacións de granito que alcanzan a súa maior altitude na Praza do Mouro Almanzor, que con 2.596 metros é o cume culminante da Serra de Gredos e a máis elevada de todo o Sistema Central. O seu clima de montaña caracterízase en moitas zonas por temperaturas moi baixas no período invernal e veráns curtos e pouco calorosos.

Para rematar, a zona sur que comprende o Val do Tiétar e o Val do Alberche, caracterizado pola súa baixa altitude e un clima máis benigno. Nesta parte é fácil atopar cultivos de laranxeiras e de oliveiras. As poboacións máis importantes desta zona son Areas de San Pedro e Candeleda.

Sobrado, León

Sobrado é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 36,03 km², na que vivían 363 habitantes no ano 2012, cunha densidade de poboación de 10,07 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Valboa, León

Valboa (en castelán e oficialmente Balboa) é un concello da provincia de León que cobre unha superficie de 51,04 km², na que vivían 371 habitantes no ano 2011, cunha densidade de poboación de 7,27 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira.

Vilafranca do Bierzo

Vilafranca do Bierzo (en español e oficialmente Villafranca del Bierzo) é un concello galegofalante de Castela e León, antiga capital do Bierzo (s.XIX). Está situada ao noroeste da provincia de León. Forma parte do Camiño de Santiago, formando etapa e meta ao mesmo tempo: na Igrexa dedicada ao Apóstolo, na vila, pode gañarse o xubileu. É considerado tradicionalmente como un dos 47 concellos da Galicia estremeira.

Nela conflúen os ríos Burbia e Valcarce. Ten unha altitude de algo máis de 500 m.

Xunta de Castela e León

A Xunta de Castela e León (en castelán: Junta de Castilla y León) é, segundo o Estatuto de Autonomía de Castela e León, o órgano de goberno e administración da comunidade autónoma de Castela e León e exerce a función executiva e a potestade regulamentaria.

Está formada polo presidente da Xunta, os vicepresidentes e os conselleiros. A función da Xunta é a de exercer o goberno e administración da comunidade.

A sede da Xunta de Castela e León atópase no Colexio da Asunción de Valladolid. Devandito edificio está situado na plaza de Castilla y León, 1, no barrio de Covaresa.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.