Castela

Castela[1] (en castelán: Castilla) é o nome dunha rexión histórica española que se corresponde con parte dos territorios pertencentes ao antigo Reino de Castela.

A primitiva Castela xurdiu durante as orixes da Reconquista na cabeceira do Ebro, ante o pulo de cántabros e vascóns. Dependendo dos autores e as épocas, considérase composto de territorios diferentes. A evolución histórica fai aínda máis imprecisos os seus compoñentes: o Reino de Castela foi nun primeiro momento un condado dependente do Reino de León, que finalmente se separou deste, e posteriormente formou parte, xunto a outros reinos, da Coroa de Castela.

Así, o nome de Castela empregouse na Baixa Idade Media para denominar á Coroa de Castela, o conxunto de todos os territorios dos monarcas da Coroa (por contraposición ao resto de reis hispánicos, os de Aragón, Navarra e Portugal).

Xeografía

Provincias-castellanas
Mapa das provincias castelás

Administrativamente Castela non ten recoñecemento oficial e o territorio da rexión de Castela confórmano as seguintes provincias:

Hai un certo movemento (chamado leonesismo) en varias provincias, popular e político, que di que non forman parte de Castela as tres provincias da antiga rexión leonesa: León, Salamanca e máis Zamora (as dúas últimas, segundo o momento histórico), incluso certas veces partes de Valladolid e Palencia, que na actualidade si forman parte de Castela e León. Tamén se di que a provincia de Albacete non é Castela, pois historicamente foi parte da Rexión de Murcia. Desde certos movementos políticos e culturais incluso se reclaman as comarcas de Requena e Utiel, actualmente na Comunidade Valenciana, pois historicamente foron parte da provincia de Cuenca.

  • Poboación: 9 521 132 habitantes (2003).
  • Superficie: 150.281 km².
  • Densidade de poboación: 63,4 hab/km².
  • Cidades importantes: Madrid, Valladolid, Toledo, Burgos.

Historia

Castela xurdiu como condado vasalo do reino de León. Debe o seu nome á gran cantidade de castelos na zona. No século IX independizouse de León, aínda que os dous reinos se reunificaron definitivamente no século XIII.

Durante a Idade Media, o Reino de Castela foi espallándose cara ao sur, conquistando territorio aos árabes. En 1230, os reinos de León e Castela uníronse baixo un mesmo rei e formando un mesmo reino. Dende o tempo dos Reis Católicos dividíase en dúas rexións: Castela a Vella, que correspondía á metade norte e tiña a capital en Valladolid ou Burgos, e máis Castela a Nova, no sur do Sistema Central e con capital en Madrid.

Na época moderna Castela converteuse en nación hexemónica cultural e dominadora económica da Península Ibérica. Despois da Guerra de Sucesión Española confirmouse o castelán coma lingua oficial en toda España e creouse un modelo de estado xacobino baseado no modelo castelán.

Ao creárense as autonomías, Castela a Vella perdeu as dúas provincias de fóra da Meseta, A Rioxa (territorio fronteirizo disputado polos reinos medievais de Castela e Navarra durante a Idade Media, pero que se incorporou a Castela a partir do 1076[2]) e máis Cantabria, e engadiuse a rexión de León, formando Castela e León. Castela a Nova dividiuse na Comunidade de Madrid, que abranguía soamente a provincia de Madrid, e máis Castela-A Mancha, que gañou a provincia de Albacete, cuxos dous terzos do territorio eran casteláns e só un terzo pertencía ao antigo Reino de Murcia, cando Jaime de Burgos creou a provincia e a asignou nominalmente ao Reino de Murcia[5]. Debido a este feito, cando se creou a Comunidade de Castela-A Mancha, a maioría dos representantes de Albacete preferiron incorporar Albacete á devandita Comunidade autónoma[6].

Na actualidade existen algúns partidos nacionalistas casteláns minoritarios, coma Tierra Comunera (TC), hoxe Partido Castellano, ou Izquierda Castellana (Iz-Ca), que defenden a unión de todas as comunidades autónomas castelás. Ningún destes partidos ten actualmente representación en ningún dos parlamentos autonómicos.

Notas

  1. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1442. ISBN 9788482893419.
  2. 2,0 2,1 "Historia de La Rioja". Consultado o 6 de agosto de 2008.
  3. VV.AA.: Historia de Cantabria, Santander, 2007.
  4. ECHAZARRA, J. Castellanismo (1975-2012): ¿nacionalismo imposible?. Burgos, 2012. 285 p.
  5. El nacimiento de una provincia (en castelán)
  6. La cuestión de Albacete Arquivado 04 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine. (en castelán)
Afonso VII de León

Afonso Raimúndez, o Emperador, nado en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105 e falecido en Fresneda (quizais El Viso del Marqués) o 21 de agosto de 1157, foi rei de Galiza, León e Castela, o primeiro da dinastía de Borgoña. Foi fillo de dona Urraca (filla á súa vez de Afonso VI) e do seu primeiro marido, o conde Raimundo de Borgoña.

Afonso VII integrou na monarquía leonesa aquel sector da nobreza galega rebelde que representaba a Casa de Traba. Pero tamén foi o rei que inauguraba a política de apoio á Igrexa, e polo tanto foi o primeiro que aplicou un certo criterio de centralización política.

Afonso X o Sabio

Afonso X, nado en Toledo o 23 de novembro de 1221 e finado en Sevilla o 4 de abril de 1284, foi rei de Castela e León.Á morte de seu pai, Fernando III o Santo, retomou a ofensiva contra os musulmáns, e ocupou Xerez (1253), arrasou Salé, o porto de Rabat (1260) e conquistou Cádiz (contra 1262). En 1264 tivo que facer fronte a unha importante revolta dos mudéxares de Murcia e do val do Guadalquivir.

Como fillo de Beatriz de Suabia, da casa de Hohenstaufen, aspirou á coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico, proxecto ao que dedicou máis da metade do seu reinado sen obter éxito.

Os últimos anos do seu reinado foron especialmente sombríos, debido ao conflito sucesorio provocado pola morte prematura do seu primoxénito, Fernando de la Cerda, e a minoría de idade dos outros fillos, o que desembocou na rebelión aberta do infante Sancho e de gran parte da nobreza e das cidades do reino. Afonso morreu en Sevilla durante o transcurso desta revolta, non sen antes desherdar ao seu fillo Sancho.

Levou a cabo unha activa e beneficiosa política económica, reformando a moeda e a facenda, concedendo numerosas feiras e recoñecendo en 1273 ao Honrado Consejo de la Mesta.

Tamén é recoñecido pola súa obra literaria, científica, histórica e xurídica realizada polo seu escritorio real. Afonso X patrocinou, supervisou e, moitas veces, participou coa súa propia escritura e en colaboración cun conxunto de intelectuais latinos, hebreos e islámicos coñecido como Escola de Tradutores de Toledo, na composición dunha inxente obra literaria que iniciou en boa medida a prosa en castelán. Destacan as Sete Partidas (Las Siete Partidas), unha recompilación xurídica e de principios do dereito, e algúns tratados de xadrez e de astronomía. Ademais escribiu poesía en galego-portugués, como as Cantigas de Santa María, realizando unha grande achega á lingua culta do momento na corte do reino, a lingua galego-portuguesa. Tamén escribiu poemas trobadorescos. Por todo isto foi alcumado o Sabio.

En 1935 recoñeceuse como astrónomo nomeándose no seu honor o cráter lunar "Alphonsus".

Alcalde

Non confundir con alcaide.

Alcalde, termo derivado do árabe قاضي, qāḍī, que significa "xuíz", é un funcionario público que se atopa á fronte da administración local básica dun país ou forma parte dela.

Nos distintos países existe unha ampla variedade de regulacións legais ou consuetudinarias, tanto no relativo ás competencias e responsabilidades do alcalde como na forma en que é elixido.

Historicamente, en partes de Castela o alcalde tamén exercía tamén as funcións de xuíz. Os poboados que ostentaban ese privilexio tiñan o título de vila (ou de cidade). A administración municipal das outras poboacións estaba nas mans dun corrixidor. Por esta razón, as vilas tiñan dereito a erixir un rollo, lugar de axustizamento. Existiu ademais, no Reino de Castela, o cargo de Alcalde de Casa e Corte da súa Maxestade, funcionario xudicial que impartía xustiza na Sala de Alcaldes de Casa e Corte.

O cargo de alcalde ten unha duración normalmente de 4 a 6 anos e pode ser reelixido na maioría dos países. Habitualmente está ao cargo de velar polos intereses dos seus concidadáns, representándoos ante a autoridade xerárquica maior, ademais de impulsar políticas locais para mellorar a súa calidade de vida, como programas de saúde ou deporte, e combater contra a delincuencia, entre outras tarefas.

Burgos

Burgos é unha cidade española de Castela e León, capital da provincia de Burgos. Conta cunha poboación de 179.097 habitantes, segundo os datos demográficos de 2013, repartidos nunha superficie de 107,08 km², converténdose na 37ª cidade máis poboada de España, e a segunda da comunidade.

Aínda que hai probas de asentamentos neolíticos e da Idade de Ferro, a cidade como tal fundouna o conde castelán Diego Porcelos no ano 884 para frear o avance musulmán. No ano 930 converteuse en capital do condado de Castela primeiro dependente do reino de León e independente despois por actuación do conde Fernán González. Foi a capital do reino de Castela, e de xeito intermitente da Coroa de Castela, desde 1230 ata o reinado dos Reis Católicos. Estes ditaron na cidade, en 1512, as Leis de Burgos; as primeiras leis que a Monarquía Hispánica aplicou en América para organizar a súa conquista. Posteriormente foi a capital da antiga rexión histórica de Castela a Vella, e primeira capital provisional da comunidade autónoma de Castela e León.

Conta cun anel verde e un amplo conxunto monumental entre os cales destacan a catedral de Santa María, expoñente da arquitectura gótica declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, o mosteiro de Santa María la Real de las Huelgas e a cartuxa de Miraflores. Ademais, a cidade é atravesada polo Camiño de Santiago, outro Patrimonio da Humanidade e atópase a menos de 15 km de Atapuerca, tamén baixo a protección da UNESCO desde o ano 2000. O día 13 de xullo de 2010, abriu as súas portas o Museo da Evolución Humana.

Carlos V, Sacro Emperador Romano-Xermánico

Carlos V, Sacro Emperador Romano-Xermánico tamén coñecido como Carlos I de España e V de Alemaña, nado no palacio Prinsenhof de Gante o 24 de febreiro de 1500 e finado no mosteiro de Yuste o 21 de setembro de 1558, foi fillo de Filipe o Fermoso de Habsburgo e de Xoana, a Tola. Reinou nas Coroas de Castela e Aragón moi novo, aos 16 anos, de 1516 a 1556, e posuíu a coroa imperial alemá de 1519 a 1558.

Castela-A Mancha

Castela-A Mancha (en castelán: Castilla-La Mancha) é unha comunidade autónoma española que abrangue parte das rexións xeográficas de Castela e A Mancha, e está formada por cinco provincias: Albacete, Cidade Real, Cuenca, Guadalaxara e Toledo. A capital da comunidade autónoma é Toledo. Limita con Castela e León, Comunidade de Madrid, Aragón, Comunidade Valenciana, Rexión de Murcia, Andalucía e Estremadura.

É a herdeira da rexión histórica de Castela a Nova, exceptuando a provincia de Madrid, que se decidiu que constituíse unha comunidade autónoma uniprovincial tras a división territorial de España posterior á promulgación da Constitución de 1978, e inclúe a totalidade da comarca ou rexión natural da Mancha, ao incorporarse a provincia de Albacete, que antes formaba parte da rexión de Murcia.

Réxese mediante un Estatuto, aprobado en 1983 e reformado por última vez en 2007. O estatuto establece que o poder rexional é exercido pola Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha, presidido na actualidade por Emiliano García-Page, do Partido Socialista.

Castela e León

Castela e León (en castelán: Castilla y León, en leonés: Castiella y Llión) é unha comunidade autónoma constituída en 1983, cuxo territorio se sitúa na parte centro-norte do territorio español. Limita ó oeste con Galicia e Portugal; ó norte con Asturias, Cantabria, País Vasco e A Rioxa; ó leste con Aragón; e ó sur con Estremadura, Comunidade de Madrid e Castela-A Mancha.

Forman esta comunidade nove provincias: Ávila, Burgos, León, Palencia, Salamanca, Segovia, Soria, Valladolid e Zamora; sendo a comunidade autónoma española con máis provincias. É a rexión máis extensa de Europa.

Comunidade autónoma

Unha comunidade autónoma é unha entidade territorial que, dentro do ordenamento constitucional do Estado español, está dotada de certa autonomía lexislativa e competencias executivas, así como da facultade de administrarse mediante os seus propios representantes.

Coroa de Castela

A Coroa de Castela foi unha entidade histórica da Península Ibérica que desde o 1230 comprendía un conxunto de reinos asociados dinasticamente baixo a figura dun común monarca, que tiñan o seu centro de decisión no reino de Castela. A súa orixe remóntase ao ano 1230, cando Fernando III o Santo, rei de Castela e de Toledo desde 1217, usurpou o goberno dos reinos de Galicia e León ás súas medias-irmás e previsibles futuras raíñas Sancha e Aldonza..

Fernando II de Aragón e V de Castela

Fernando "o Católico", V de Castela, II de Aragón, Valencia e Barcelona, III de Sicilia e I de Navarra, nado en Sos del Rey Católico (Zaragoza) o 10 de maio de 1452 e finado en Madrigalejo (Cáceres) o 22 de xaneiro de 1516, foi rei de Aragón, Valencia, Mallorca, Sicilia (1468-1516), Castela (1474-1504), Sardeña (1479-1516), de Nápoles (1503-1516) e Navarra (1512-1515); rexente de Castela (1507-1516); Príncipe de Xirona e Duque de Montblanc (1472-1478); Conde de Barcelona e de Ribagorza (1458-1469).

Isabel I de Castela

Isabel I de Castela, nada en Madrigal de las Altas Torres o 22 de abril de 1451 e finada en Medina del Campo o 26 de novembro de 1504. Foi raíña de Castela desde 1474 ata 1504, raíña consorte de Sicilia desde 1469 e de Aragón desde 1479, polo seu matrimonio con Fernando de Aragón. É chamada «a Católica», título que lles foi outorgado a ela e ao seu marido polo papa Alexandre VI mediante a bula Si convenit, o 19 de decembro de 1496. É polo que se coñece á parella real co nome de Reis Católicos, título que usarían en diante practicamente todos os reis de España.

Casou en 1469 co príncipe Fernando de Aragón. Polo feito de ser primos segundos necesitaban unha bula papal de dispensa que só conseguiron de Sisto IV a través do seu enviado o cardeal Rodrigo Borgia en 1472. Ela e o seu esposo Fernando conquistaron o reino de Granada e participaron nunha rede de alianzas matrimoniais que fixeron que o seu neto, Carlos, herdase as coroas de Castela e de Aragón, outros territorios europeos e convertésese en emperador do Sacro Imperio Romano.Isabel e Fernando fixéronse co trono tras unha longa loita, primeiro contra o rei Henrique IV e de 1475 a 1479 na Guerra de Sucesión castelá contra os partidarios da outra pretendente ao trono, Xoana. Isabel reorganizou o sistema de goberno e a administración, centralizando competencias que antes ostentaban os nobres; reformou o sistema de seguridade cidadá e levou a cabo unha reforma económica para reducir a débeda que o reino herdara do seu medio irmán, e predecesor no trono, Henrique IV. Tras gañar a guerra de Granada os Reis Católicos expulsaron aos xudeus dos seus reinos e, anos máis tarde, tamén aos musulmáns.

Isabel concedeu apoio a Cristovo Colón na procura dunha nova ruta cara ás Indias, o que levou ao descubrimento de América. Devandito acontecemento provocaría no futuro a conquista das terras descubertas e a creación do Imperio Español.

Isabel viviu 53 anos, dos cales gobernou 30 anos como raíña de Castela e 26 como raíña consorte de Aragón á beira de Fernando II.

Provincia de Burgos

A provincia de Burgos é unha das provincias de Castela e León, está situada ao nordés desta comunidade. A súa capital é a cidade homónima de Burgos. Ocupa unha superficie de 14.300 km² e a súa poboación en 2006 era de 363.874 habitantes. Moitos dos 370 concellos da provincia (131 en 2006) teñen menos de 100 habitantes.

Burgos posúe un enclave no interior da provincia de Áraba: o enclave de Treviño.

Provincia de León

León (en leonés: Llión) é unha provincia española pertencente á comunidade autónoma de Castela e León. Está situada no Noroeste da Península Ibérica e a súa capital é a cidade homónima de León. Limita ao norte co Principado de Asturias e Cantabria, ao oeste con Galiza (coas provincias de Ourense e de Lugo), ao sur coas provincias de Zamora e de Valladolid, e ao leste coa provincia de Palencia.

Ten unha superficie de 15.581 km². Posuía unha poboación de 495.902 habitantes (INE 2005). A súa densidade era de 31,82 hab/km².

Lugar de paso entre importantes zonas da Península Ibérica, percorren a provincia leonesa dúas grandes rutas históricas: de Sur a Norte a Vía da Prata, e de Leste a Oeste o Camiño de Santiago.

Ademais do español, nalgunhas zonas de León fálanse outras linguas:

Leonés, lingua romance, derivada do latín, e unha das máis antigamente documentadas na Península Ibérica, e que está recoñecida polo estatuto castelán e leonés aínda que non goza de oficialidade e continúa a ser falada na provincia, especialmente en zonas setentrionais da provincia, con especial vividez na comarca de Laciana, no Bierzo e na Cabreira.

Galego, falado no Bierzo. Este idioma románico está recoñecido oficialmente no Estatuto de Autonomía de Castela e León pero sen status de oficialidade, en cuxo artigo 4º indícase que "gozarán de respecto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen". A pesar disto a aplicación práctica necesitou da defensa popular para facelo efectivo.

Provincia de Palencia

A provincia de Palencia é unha das que conforman a Comunidade Autónoma de Castela e León, e está situada ao norte da submeseta setentrional, entre Cantabria ao norte, a provincia de Burgos ao leste, a de Valladolid ao sur e León ao oeste. Ten unha extensión territorial de 8.029 Km2.

A súa poboación é de 173.409 habitantes segundo o censo de 2005, en enorme regresión, se temos en conta que en 1960 contaba con 237.426.

Provincia de Zamora

A provincia de Zamora é unha provincia española integrada actualmente na Comunidade Autónoma de Castela e León e cuxo territorio pertenceu antigamente ao Reino de León.

O territorio da provincia de Zamora abarca 10.559 km² e conta con 198.028 habitantes (2005). Trátase dunha poboación fortemente envellecida e en clara regresión demográfica. Os seus principais núcleos de poboación son Zamora (capital da provincia), Benavente e Toro. Outras localidades, cabezas de partido xudicial xunto coas anteriores, son: Villalpando, Pobra de Seabra e Alcañices.

Provincias de España

A provincia é unha división territorial de España, de acordo coa Constitución española. En España hai 50 provincias, que, xunto coas cidades autónomas de Ceuta e Melilla e algunhas posesións insulares menores -que non están suxeitas á división provincial por depender directamente da administración central-, comprenden a totalidade do territorio español.

Reino de Castela

O Reino de Castela foi un dos reinos medievais da Península Ibérica. Castela xurdiu como entidade política autónoma no século IX baixo a forma dun condado vasalo do Reino de León. Non será ata o século XI cando acade a categoría de reino. O seu nome débese á gran cantidade de castelos que había naquela zona.

Reis Católicos

Os Reis Católicos foi a denominación que recibiron os reis Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela, soberanos da Coroa de Castela (1474-1504) e da Coroa de Aragón (1479-1516).

Os Reis accederon ao trono de Castela trala Guerra de Sucesión Castelá (1475-1479) contra os partidarios da princesa Xoana a Beltranexa, filla do rei Henrique IV de Castela. En 1479 Fernando herdou o trono de Aragón ao morrer o seu pai, o rei Xoán II de Aragón. Isabel e Fernando reinaron xuntos ata a morte dela en 1504. Entón Fernando quedou unicamente como rei de Aragón, pasando Castela á súa filla Xoana, alcumada "a Tola", e ao seu marido Filipe de Austria, alcumado "o Fermoso", Arquiduque de Austria, duque de Borgoña e conde de Flandres. Con todo Fernando non renunciou a controlar Castela e, tras morrer Felipe en 1506 e ser declarada Xoana incapaz, conseguiu ser nomeado rexente do reino ata a súa morte en 1516.

A historiografía española considera o reinado dos Reis Católicos como a transición da Idade Media á Idade Moderna. Co seu enlace matrimonial uníronse provisionalmente, na dinastía dos Trastámara, dúas coroas: a Coroa de Castela e a Coroa de Aragón dando nacemento ao Imperio Español e, apoiados polas cidades e a pequena nobreza, estableceron unha monarquía forte fronte ás apetencias de poder de eclesiásticos e nobres. Coa conquista do Reino de Granada, do Reino de Navarra, de Canarias, de Melilla e doutras prazas africanas conseguiron a unión territorial baixo unha soa coroa da totalidade dos territorios que hoxe forman España –exceptuando Ceuta e Olivenza que entón pertencían a Portugal–, que se caracterizou por ser persoal, xa que se mantiveron as soberanías, normas e institucións propias de cada reino e coroa.

Os Reis estableceron unha política exterior común marcada por enlácelos matrimoniais con varias familias reais de Europa que resultaron na hexemonía dos Habsburgo durante os séculos XVI e XVII.

Por outra banda, o descubrimento de América, en 1492, modificou profundamente a historia mundial.

Valladolid

Valladolid é unha cidade española situada no cuadrante noroeste da península ibérica, no centro de Castela e León, na confluencia dos ríos Pisuerga e Esgueva. É a capital da provincia de Valladolid e sede das Cortes e da Xunta de Castela e León. Así mesmo foi sede da corte castelá e posteriormente, entre 1601 e 1606, capital do Imperio Español. Actualmente é a décimo terceira cidade máis grande de España.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.