Casco de Leiro

O casco de Leiro é un casco ou unha cunca de ouro, probablemente da Idade de Bronce Final. Foi atopado de xeito fortuíto por José Vicente Somoza o 7 de abril de 1976, no lugar chamado Corruncho dos Porcos, unha zona rochosa preto da praia de Leiro, Rianxo. Atopábase dentro dunha vasilla de barro, e a descuberta produciuse durante unhas obras de construción dun alboio.[1] Na actualidade consérvase no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, na Coruña.[1]

Presenta paralelismos con outros exemplares da Península Ibérica, como as cuncas de Axtroki e Villena, e do norte de Europa.

Casco de Leiro
Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, A Coruña
Material:Ouro
Peso:270 gr
Medidas:diámetro: 195 mm, altura: 150 mm, remate: 23 mm
Data da descuberta:7 de abril de 1976
Lugar:Galicia Leiro, Rianxo
Data:Idade de Bronce Final
Museo:Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón

Descrición

Casco de Leiro, Castelo San Antón (A Coruña)
O casco de Leiro.

É de forma semiesférica e remata nun pequeno tronco de cono de base estreita. O seu diámetro máximo é de 195 mm e a altura de 150 mm máis os 23 mm do remate. O seu peso é de 270 gramos.

A imaxe de pezas similares centroeuropeas poida que fose primeiro unha cunca, usada para algún tipo de ritual, e despois, engadido o remate, usado como "casco de parada", símbolo da autoridade dentro dunha xerarquía, xa que a delgadeza da lámina desbota calquera aplicación defensiva.

O casco realizouse dunha única peza. Primeiro fundiron un calote, e posteriormente mediante un traballo de batido, foi levantada a lámina de ouro (mediante a técnica chamada rising). O remate superior xa formaba parte desta peza inicial, polo que non se pode considerar que fose engadido posteriormente. Pola parte interior do obxecto pódese observar unha leve depresión efecto do fundido inicial con este remate macizo.

A peza presenta decoración en toda a súa superficie, feita mediante a técnica do repuxado. Os motivos, bolos, dispóñense en bandas horizontais separadas por grupos de tres baquetóns paralelos (ata seis bandas) que desaparecen no remate. Presenta bolos simples e bolos rodeados de catro baquetóns circulares concéntricos enmarcados entre catro boliños. En algúns depósitos europeos da Idade de Bronce Final, como por exemplo o de Generalard en Francia, consérvanse os punzóns de matriz complexa con que foron obtidos este tipo de decoracións. Estes punzóns complexos, en ocasións cunha parte en positivo e outra en negativo, están normalmente feitos en bronce pola técnica de fundición á cera perdida, polo que se considera propio da ourivaría do Bronce Final e, máis concretamente, do ámbito tecnolóxico denominado Villena-Estremoz. De momento non coñecemos obxectos deste tipo no ámbito da península Ibérica.

En toda Europa hai referentes do emprego deste tipo de obxectos, algúns que semellan sombreiros (por exemplo os conos de Avanton en Francia, ou Ezelsdorf ou Berlín en Alemaña) e outros como cuncas ou vaixelas (como Villena ou os paralelos irlandeses). En todo caso, debe ser considerado pola súa singularidade como un obxecto ritual.

Notas

  1. 1,0 1,1 Mouzo Riobó, Íñigo (28 de novembro de 2018). "Cando ofreceron un porco a cambio dun dos maiores tesouros de Galicia, o Casco de Leiro". Historiadegalicia.gal. Consultado o 28 de novembro de 2018.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Arquitectura prehistórica de Galicia

A arquitectura prehistórica de Galicia abrangue aquelas formas de construción empregadas polos habitantes de Galicia dende hai 2 millóns de anos (Prehistoria) ata a chegada dos romanos e a conseguinte romanización de Galicia.

Arte de Galicia

A arte de Galicia tivo unha evolución paralela á do resto da arte europea, seguindo de formas diversas as múltiples tendencias que se teñen producido no contexto da historia da arte occidental. A historia da arte galega mostra as manifestacións culturais e artísticas ao longo do tempo dende os primeiros asentamentos humanos até a actualidade. Dende o paleolítico á cultura contemporánea, a arte feita en Galicia ten certas características propias, alimentada polas correntes traídas por outros pobos. A arte sempre foi un dos principais medios de expresión do ser humano, a través da cal expresa as súas ideas e sentimentos, o xeito de relacionarse co mundo. A súa función pode variar dende a máis práctica ata a máis ornamental, pode ter contido relixioso ou simplemente estético, pode ser duradeira ou efémera.

Ao longo da historia, Galicia acolleu diversas culturas e civilizacións, que achegaron o seu concepto de arte e deixaron o seu legado. Cada período histórico tivo unhas características concretas e definibles, comúns a outras rexións e culturas, ou ben únicas e diferenciadas, que foron evolucionando co devir dos séculos.

A arte galega é froito da diversa amálgama social e cultural achegada polos diversos pobos que habitaron o seu territorio: os primeiros poboadores prehistóricos deron paso á cultura castrexa xurdida na idade dos metais, estes convivirían máis tarde cos colonizadores romanos procedentes do Mediterráneo, que converterían a Gallaecia nun territorio máis do seu imperio; tras a caída deste, en Galicia os suevos fundaron o primeiro reino medieval europeo, que despois caeu baixo a dominación do reino visigodo. Na Idade Media, durante a invasión islámica da península ibérica (que apenas deixou pegada no territorio galego), xorde a cultura galego-portuguesa como entidade propia e definida, cunha lingua propia herdeira do latín e a consolidación do Reino de Galicia. Foi esta unha época de esplendor da arte galega, sendo o románico un período moi frutífero para o desenvolvemento artístico do territorio. Durante a Idade Moderna, baixo o poder da coroa española e a sucesión de crises económicas e culturais, a arte entra en certa decadencia, polo que o renacemento non é un período destacable na historia da arte galega. Todo o contrario sucede co barroco, que tivo en Compostela un desenvolvemento orixinal e xenuíno. Dende o século XIX, coa revitalización cultural que supuxo o Rexurdimento, Galicia é influída polos movementos artísticos e culturais que marcaron Europa, como o modernismo. Finalmente, xa no século XX houbo unha xeración de artistas que crean unha escola galega que conecta coas correntes internacionais, con nomes como os de Francisco Asorey, Carlos Maside, Luís Seoane, Maruxa Mallo ou Isaac Díaz Pardo.

Casco

O termo casco pode referirse a:

Casco, parte da indumentaria destinada a cubrir e protexer a cabeza;

Casco de Leiro, peza de ouro da idade de bronce, atopada en Leiro;

Casco Coolus, casco militar empregado no Imperio Romano;

Casco de Montefortino, casco militar empregado na Imperio Romano;

Casco, unlla do terceiro dedo nos équidos ou as dúas uñas da última falanxe do terceiro e cuarto dedo de ungulados coma o boi;

Casco, corpo dunha embarcación formado pola quilla e os costados.Amais, como topónimo pode referirse a:

En Galicia

Casco, lugar da parroquia de Toutón, no concello de Mondariz;

O Casco, lugar da parroquia de Fornelos, no concello de Salvaterra de Miño;

O Casco, lugar da parroquia de Leirado, no concello de Salvaterra de Miño.Nos Estados Unidos de América

Casco, vila do condado de Cumberland, no estado de Maine;

Casco, vila no condado de Kewaunee, no estado de Wisconsin;

Casco, concello do condado de Allegan, no estado de Míchigan;

Casco, concello do condado de St. Clair, no estado de Míchigan.

Castelo de Santo Antón

O castelo de Santo Antón é un castelo construído no século XVI que formaba parte, xunto co castelo de Santa Cruz (en Liáns) e o castelo de San Diego (en Oza, hoxe desaparecido), dunha rede estratéxica de castelos e baterías para a defensa da cidade da Coruña. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1949 e desde o ano 1994 pasou a ter a consideración de Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento. Dende a súa inauguración no ano 1968 alberga o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.

Galería de imaxes de Galicia

Galería de imaxes de Galicia.

Galicia no tempo

Galicia no tempo foi unha exposición realizada en 1991 sobre a arte galega no Mosteiro de San Martiño Pinario. Organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Generalitat de Cataluña cun orzamento de 600 millóns de pesetas, e con Xosé Manuel García Iglesias como comisario, presentaba arredor de 250 pezas de escultura e ourivaría de entre o século XVI e a idade moderna.

A exposición derivou tamén nunha serie de televisión presentada por Eva Veiga e dirixida por Miguel Piñeiro, a primeira documental da CRTVG, e nun disco homónimo de música ambiental interpretado polo grupo Milladoiro.

Historia

Historia (provén da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais . Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade.

Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica). Pola contra, o propósito da ciencia histórica é a fixación fiel dos feitos e interpretalos aténdose a criterios de obxectividade; aínda que a posibilidade de cumprimento de tales propósitos e o grao en que sexa posible son en si mesmos obxectos de debate.

En medicina utilízase o concepto de historia clínica para o rexistro de datos sanitarios significativos dun paciente, que se remontan ata o seu nacemento ou ata a súa herdanza xenética.

Á súa vez, chamamos historia ao pasado mesmo, e, ata, pode falarse dunha historia natural na que a humanidade non estaba presente (termo clásico xa en desuso, que se utilizaba para referirse non só á xeoloxía e a paleontoloxía senón tamén a moitas outras ciencias naturais -as fronteiras entre o campo ao que se refire este termo e o da prehistoria e a arqueoloxía son imprecisas, a través da paleoantropoloxía-, e que se pretende actualizar como "gran historia" ou "historia profunda").Ese uso do termo historia faino equivalente a cambio no tempo. Nese sentido contraponse ao concepto de filosofía, equivalente a esencia ou permanencia (o que permite falar dunha filosofía natural en textos clásicos e na actualidade, sobre todo en medios académicos anglosaxóns, como equivalente á física). Para calquera campo do coñecemento, pódese ter unha perspectiva histórica -o cambio- ou ben filosófica -a súa esencia-. De feito, pode facerse iso para a historia mesma (véxase tempo histórico) e para o tempo mesmo (véxase A Brief History of Time (Unha breve historia do tempo) de Stephen Hawking, libro de divulgación sobre cosmoloxía).

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Idade de Bronce atlántica

A Idade de Bronce atlántica é un complexo cultural da Idade de Bronce que se produciu entre os anos -1300 e -700 en zonas da Europa atlántica como Portugal, Andalucía, Galicia, Armórica e as Illas Británicas.

Idade de Bronce en Galicia

Os primeiros metais e a cerámica campaniforme chegaron a Galiza procedentes de Portugal hai uns 4 000 anos, durante o Calcolítico ou Idade do Cobre.

Na Idade de Bronce (1800-700 a.C.), a metalurxia comezou a evidenciar cambios tanto na forma coma na técnica coa aparición do bronce. A base económica foi a agricultura e a gandería e mailo aproveitamento dos recursos mariños; aínda que a metalurxia do bronce debeu xogar un importante papel, mesmo no crecemento dos intercambios destes bens coa Europa atlántica e co Mediterráneo peninsular.

Son numerosas as pezas de ourivaría que conservamos: pulseiras, diademas, brazaletes,etc., o que evidencia a xerarquización desta sociedade. Pola súa cantidade e calidade destaca o tesouro de Caldas de Reis (Caldas de Reis), hoxe no Museo Provincial de Pontevedra, así como o casco de Leiro (Leiro, Rianxo), no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, na Coruña.

A importancia da guerra para esta sociedade vén marcada polo numeroso armamento metálico atopado: puñais, machadas, punta de lanza ou espadas. Os lugares nos que apareceron os restos de maior importancia son Leiro, O Hío (Cangas) e Roufeiro (Nocelo da Pena, Sarreaus).

Da Idade de Bronce consérvase unha gran cantidade de gravados en penedos ao aire libre, denominados petróglifos. Aparece a finais desta época a Cultura castrexa.

Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón

O Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón está situado no castelo do mesmo nome, no paseo marítimo da cidade da Coruña. Foi inaugurado en outubro de 1968.O castelo de Santo Antón foi comezado en 1588 sobre a illa de Santo Antón, como elemento defensivo da cidade fronte ós ataques por mar. Posteriormente, e ata ben avanzada a ditadura franquista, foi utilizado como prisión militar e política. En 1949 foi declarado monumento histórico-artístico e, en 1960, o Ministerio de Defensa cedeu a fortaleza ó concello da Coruña, quen aprobou a conversión do edificio en museo arqueolóxico provincial en 1964, centrado na arqueoloxía e historia da cidade.

Foi o arquitecto Pons Sorolla quen realizou a consolidación e reformas necesarias para a adaptación como espazo museístico e, finalmente, abriuse ó público o 5 de outubro de 1968, baixo a dirección de José María Luengo Martínez. Con posterioridade realizáronse novas reformas baixo a dirección de Manuel Gallego Jorreto, como a reconstrución, en 1993, da Casa de Botes, destinada á recepción e biblioteca, no terreo que ocupaba antigamente o edificio que, baixo ese nome, servía de punto de chegada á illa das barcas que procedían da cidade.

Ao xa mencionado José María Luengo Martínez, primeiro director de 1968 a 1972, sucedeuno Luis Monteagudo García, que ocupou o cargo ata 1975. A dirección máis longa foi a de Felipe Senén López Gómez que ocupou o cargo de 1975 a 1996. Desde entón o director é Xosé María Bello Diéguez.

Museos de Galicia

Esta é unha lista de museos de Galicia.

Xermanismo

Xermanismo é o empréstimo lingüístico efectuado por unha lingua xermánica a calquera outra. Dado que a influencia da lingua inglesa constitúe por si mesma un caudal abundantísimo de empréstimos, resérvaselle o termo específico de anglicismo, e considéranse xermanismos os procedentes de calquera dos outros idiomas da familia, ben sexa o alemán nas súas diferentes modalidades e dialectos, ou outros como o flamengo e o holandés (que en si son variedades dialectais do baixo alemán) ou das linguas escandinavas (islandés, danés, sueco, noruegués). Estes empréstimos enténdese non só sincrónicamente, senón tamén diacronicamente e por máis que estean hoxe tan intimamente incorporados á lingua que constitúan parte do seu patrimonio histórico. Forman parte tamén, polo tanto, os empréstimos do suevo, gótico, fráncico etc.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.