Casa das Artes

A Casa das Artes é o centro principal de exposicións temporais programadas pola unidade de cultura do concello de Vigo. Tamén é a sede da Fundación Laxeiro, do Arquivo Fotográfico Pacheco e da colección Luís Torras. Constitúe o principal espazo destinado a albergar exposicións temporais municipais.[1]

Coordenadas: 42°14′16″N 8°43′22″O / 42.23778, -8.72278

Casa das Artes
Casa das Artes rúa Policarpo Sanz Vigo
Arquitecto Romualdo Madariaga Céspedes
PaísGalicia, España
CidadeVigo
Inauguración1939 Como Banco de España
1990 Como Casa das Artes

Historia

O actual emprazamento do museo ocupa o espazo ocupado anteriormente polo antigo Ministerio de Economía e Facenda, na rúa Policarpo Sanz 15. O edificio, deseñado na década dos trinta, albergou a sede do Banco de España en Vigo dende 1939 ata mediados da década dos oitenta, cando o Ministerio de Economía e Facenda decidiu pechar tódalas sucursais do banco emisor que non estiveran en capitais de provincia.[1]

O proxecto, asinado por Romualdo de Madariaga en setembro do 1938, e a intención da súa edificación xa partía de antes do golpe de estado do 18 de xullo do 1936. O edificio caracterízase polo seu chafrán central, que constitúe a súa principal seña de identidade, co que rompe a esquina das rúas Rúa Reconquista e Policarpo Sanz. A planta atópase aliñada coa rúa de Policarpo Sanz, dándolle unha pequena elevación sobre a rasante, que se resolve cunha curta escalinata, de xeito que o soto reciba iluminación exterior das fiestras que asoman pola rúa Reconquista.

A Casa das Artes, de senlleira arquitectura, é dende 1990 a sede principal da programación cultural da área de Cultura do concello de Vigo. Cada ano, expóñense nas súas salas exposicións de pintura, escultura, fotografía, e tamén de carácter científico e divulgativo, histórico, etnográfico e social. Destaca a exposición sobre Tamara de Lempicka que, por primeira vez en España, puido ser visitada nas salas deste centro, e que foi exposta no ano 2007.[2]

O inmoble

Na planta baixa do centro atópase o arquivo fotográfico Pacheco, colección composta por 140.000 fotografías de Vigo feitas por Jaime de Sousa Guedes Pacheco e os seus fillos Jaime e Alberto dende o ano 1879 ata 1970.[3]

No segundo andar, se encontra a Colección Torras formada por 50 cadros doados e 17 cedidos en réxime de depósito,[4] polo artista vigués Luís Torras.

No terceiro andar atópase a Fundación Laxeiro, onde se pode atopar a colección do pintor lalinense Xosé Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro, un dos máis importantes expoñentes das vangardas históricas galegas. Ademais realízanse exposicións temporais de artistas contemporáneos.

Notas

  1. 1,0 1,1 Cultura: Casa das Artes
  2. "Tamara Lempicka, a artista, a muller, a lenda". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 16 de xuño de 2008.
  3. "El Archivo Pacheco de la Casa das Artes cuenta con un total de 140.000 fotografías, de las que 38.000 han sido digitalizadas". Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2005. Consultado o 16 de xuño de 2008.
  4. vigo-virtual.com

Véxase tamén

Bibliografía

Arquivo Pacheco

O Arquivo Fotográfico Pacheco é unha colección fotográfica recompilada na súa maior parte por Jaime de Sousa Guedes Pacheco entre 1915 e 1981, e que está instalada na Casa das Artes de Vigo.

Campo de Fútbol Municipal Baltasar Pujales

O Campo de Fútbol Municipal Baltasar Pujales é un estadio de fútbol de propiedade municipal, situado en Bouzas, Vigo. Serve de localía ao Club Rápido de Bouzas. O estadio inaugurouse en marzo de 2001.

O seu terreo de xogo é de céspede artificial. A súa capacidade total rolda os 1.500 espectadores, aínda que só posúe unha bancada con capacidade para 600 persoas. O complexo deportivo conta con catro vestiarios, un local para oficinas, dous aseos para uso público e un equipo de calefacción que garante unha permanente subministración de auga quente, ademais dun peche perimetral de todo o campo. Tamén incorpora un local para servizo de cafetaría.

Leva o nome de Baltasar Pujales, quen foi presidente do Rápido de Bouzas durante máis de 30 anos, e que foi o presidente na data de inauguración do estadio. Anteriormente á construción deste campo de fútbol, o Rápido de Bouzas xogaba no campo de fútbol das Gaivotas, un campo de terra que ocupou a área onde agora se ergue o pavillón polideportivo, anexo ao campo actual.

Campo do Vao

O Campo do Vao é un campo de fútbol da parroquia de Coruxo, Vigo, situado preto da praia do mesmo nome. Serve de feudo local do Coruxo Fútbol Club e ten unha capacidade de 1.500 espectadores.

Casa Galega da Cultura

A Casa Galega da Cultura é un espazo multidisciplinar localizado en Vigo que acolle a realización de actividades artísticas e literarias, ao tempo que conta cun fondo bibliográfico e museográfico sobre Galicia.

Casa de Fernando Carreras

A Casa de Fernando Carreras é un inmoble de estilo ecléctico localizado na cidade de Vigo. A casa foi unha das primeiras grandes residencias da cidade olívica. Na súa época tivo tanta sona que moitos vigueses percorrían longas distancias para ver a casa.O edificio atópase na esquina entre a rúa da cidade do Porto coa rúa Areal, e é o único edificio que mantén unha aliñación distinta na rúa Areal, como consecuencia de cambios no proxecto inicial da edificación da rúa.

Centro Arqueolóxico de Salinae

O Centro Arqueolóxico Salinae (Vigo) é a primeira salina romana de evaporación solar que foi conservada e musealizada do Imperio Romano. É un centro dependente do Museo do Mar de Galicia e da Xunta de Galicia.

Centro de Visitantes Cambón

O Centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é un centro de interpretación aberto en decembro de 2012 na cidade de Vigo, de titularidade autonómica. A temática é o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada), o único Parque Nacional en Galicia.

Complexo Deportivo das Travesas

O Complexo Deportivo das Travesas é un recinto polideportivo situado na parroquia viguesa de Freixeiro, construído en 1968 e con capacidade para 3.500 persoas.

Serve de feudo ao Real Club Celta Indepo de baloncesto e máis ao Octavio Pilotes Posada de balonmán.

Estadio Municipal de Barreiro

O Estadio Municipal de Barreiro é un estadio de fútbol situado na parroquia de Lavadores de Vigo. É propiedade do concello de Vigo.

É utilizado como feudo local polo Celta de Vigo B, que xoga na Segunda B. Ten capacidade para 4.500 espectadores. É utilizado tamén polo Gran Peña Fútbol Club.

Festival Aéreo de Vigo

O Festival Aéreo de Vigo foi un festival celebrado dende 2004 ata 2012 na cidade de Vigo. Tiña lugar nun domingo da segunda quincena dos meses de xullo.

Igrexa de Santiago de Vigo

A igrexa de Santiago de Vigo é unha igrexa decimonónica que se atopa na cidade de Vigo.

Illa de Toralla

Toralla é unha pequena illa situada na costa sur da ría de Vigo, a uns 200 metros da praia do Vao. Pertence ao concello de Vigo. Segundo o IGE, en 2013 tiña 142 habitantes (76 homes e 66 mulleres).

Monte da Guía

O monte da Guía é unha elevación situada na parroquia de Teis, no concello de Vigo, a uns 100 metros sobre o nivel do mar, a carón da ría de Vigo. É un dos parques maiores da cidade.

Desde o alto do promontorio hai unha vista bastante completa da cidade de Vigo, así como da ría, das illas Cíes, e da cara sur da península do Morrazo e da ponte de Rande. Antigamente, as mulleres dos pescadores subían a este monte para facer fogueiras e así poder orientar os seus maridos de regreso ao peirao.

Está coroada por unha pequena ermida erixida en honra da Nosa Señora das Neves: Nosa Señora da Guía, obra do arquitecto Manuel Gómez Román.

Ata o ano 2000 estivo situada na súa ladeira máis protexida, cara ao mar, a Escola de Transmisións da Armada, localización militar que tivo importante relevancia na Segunda Guerra Mundial, ó ser usada como lugar de aprovisionamento por submarinos alemáns, o que se evidencia nalgunha película bélica. Naquela época fíxose un túnel baixo o monte para que o tren chegase ás instalacións militares para levar provisións. Tempo despois, ó ser innecesario o transporte ferroviario, o túnel foi usado como almacén militar.

Na súa aba, hai pequenas praias como a da Lagoa ou a da Punta, e un paseo a través dunha senda botánica sinalada. Conta cunha carballeira e distintas especies ornamentais de interese, nas que destacan ademais dos carballos, os piñeiros.

O monte da Guía está conectado co centro da cidade a través do autobús urbano (liña 17).

Policlínico Cíes

O Policlínico Cíes foi un pequeno hospital de titularidade pública situado en Vigo. Facía parte do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Pechou en 2015.

Foi construído en 1967 segundo deseño de Xosé Bar Boo, cun deseño circular, no seu día moi innovador. No ano 2006, engadíuselle un anexo nun estilo completamente distinto.

É un edificio de seis plantas que estaba adicado a consultas externas de atención especializada e mais a cirurxía de ciclo rápido, é dicir, que normalmente non require hospitalización.

Real Club Náutico de Vigo

O Real Club Náutico de Vigo é un club náutico da cidade de Vigo. O seu club de remo compite actualmente na Liga Galega de Traiñeiras, competición que gañou no 2008.

Rúa Reconquista de Vigo

A rúa Reconquista é unha rúa da cidade olívica que debe o seu nome, dende maio de 1882, á conmemoración da expulsión do exército francés, o 28 de marzo de 1809, por parte dos vigueses. Liga a rúa Policarpo Sanz coa praza de Compostela.

Trofeo Memorial Quinocho

O Trofeo Memorial Quinocho é un torneo futbolístico de verán de carácter amigábel que se disputa anualmente no Estadio Municipal de Balaídos e que é organizado polo Celta de Vigo. Está dedicado ao antigo xerente do equipo, Joaquín Fernández Santomé 'Quinocho', asasinado tras un atraco á sede do club.Comezou a disputarse no ano 1995 e, desde entón, tan só deixou de celebrarse en 2006 e 2016 por mor do mal estado do céspede e obras, respectivamente, en Balaídos.

Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo é unha universidade pública inserida dentro do Sistema Universitario de Galicia con sede na cidade de Vigo. Conta con campus en tres cidades: Campus de Vigo, Campus de Pontevedra e Campus de Ourense. No 2010 a Universidade de Vigo converteuse no centro do campus de excelencia internacional interuniversitario Campus do Mar, no cal participan as tres universidades galegas e varias portuguesas do norte, así como centros CSIC e IEOs.Dende o 2018 Manuel Reigosa, fisíologo vexetal, ocupa o cargo de reitor.

World Fishing Exhibition

A World Fishing Exhibition (Exposición Mundial da Pesca) é unha feira empresarial do sector pesqueiro que se celebra cada seis anos na cidade de Vigo.

De interese en Vigo
Inmobles
Arte e cultura
Deporte e instalacións
Natureza
Outros artigos
Eventos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.