Casa

Unha casa (do latín casa) é unha construción destinada a vivenda, construída a fin de ser habitada polo seres humanos,[1] polo xeral por unha unidade familiar e/ou por un grupo de persoas vencelladas por vínculos de convivencia. A casa, formada polo teito e as paredes que pechan un recinto, serve para refuxiarse da choiva, o vento, o frío e a calor ou outras inclemencias meteorolóxicas así como de posibles intrusos humanos ou animais. Unha vivenda unifamiliar, que pode ser illada ou apegada a outras casas similares compartindo as paredes medianeiras ou formando fileiras máis ou menos longas nas rúas da maior parte das cidades e pobos. Pode organizarse nunha ou varias plantas: normalmente non superando as tres alturas. Pode tamén dispoñer dun rocho ou un semirocho, e dunha cuberta superior transitable, denominada azotea. Se dispón de terreo suficiente, pode contar tamén con patio e xardín. Algunhas poden ter terraza.

É o lugar no que historicamente se desenvolveron as actividades e relacións específicas da vida social ou familiar, desde o nacemento á morte de moitos dos seus compoñentes. Ademais é o lugar onde almacenar os aparellos e propiedades dos seus habitantes.

O paradigma máis estendido da casa urbana actual, corresponde á tipoloxía de casas apegadas que proliferan nas novas promocións inmobiliarias. Componse de dous ambientes: o de día, coa sala de estar como espazo ou habitación principal a cal, habitualmente fai as funcións de comedor constituíndo unha peza polifuncional chamada comedor-estar, onde se reúnen e fan varias actividades os diferentes membros da familia. O ámbito nocturno, ou de descanso fórmano as diferentes habitacións, a principal é a dos xefes de familia e as outras son as dos fillos, que poden compartir con outros inquilinos da casa como algún avó ou outros parentes ou amigos. Este paradigma ideal que forma a casa urbana de entre 70 a 100 metros cadrados de superficie co comedor-estar, cociña e dúas, tres ou ata catro dormitorios, un baño e outro baño pequeno (chamado lavabo ou aseo) etc., nunha casa apegada ou, con maior frecuencia, nun piso dentro dun edificio plurifamiliar atopámolo na base do urbanismo actual, como un índice estatístico fundamental para a planificación do crecemento urbano.

A casa ou a vivenda familiar é o principal produto e, xa que logo, a base da industria da construción e de todo o sector económico derivado que vai desde as fábricas de materiais de construción ata as axencias inmobiliarias ou as tendas de utensilios.

Pero por encima de todo, a casa é o lugar da vida familiar, consecuentemente, na súa organización espacial e no seu deseño reflicte as formas de vida e de organización social. A casa aglutina o conxunto de significado e significantes máis amplo da vida privada. É neste sentido que moitos autores (ver bibliografía) ven a casa como o resultado histórico dun proceso cultural, o reflexo dunha sociedade determinada, por exemplo, a Uma que ilustra este artigo, é a casa comunal tradicional do pobo mentawai de Indonesia e reflicte un esquema organizativo local propio dunha cultura moi diferente da nosa, a casa xaponesa, o Yurt dos pobos siberianos, o Tippi dos indios das pradeiras dos Estados Unidos etc., reflicten as correspondentes culturas, con matices e diferenzas ata a nivel rexional.

Tamén se denomina casa a algúns edificios destinados a servizos comunitarios, como a Casa consistorial, a casa de beneficencia, a casa de empeños, a casa de maternidade, a casa de socorro; a sedes institucionais principais, como a Casa Branca ou a Casa Rosada, ou ata ás de mala reputación, como as casas de camas, casas de citas etc.

En contraposición á casa, adóitase denominar piso (apartamento ou departamento) á vivenda unifamiliar que forma parte dunha edificación maior, normalmente de varias alturas.

Mentawai Uma
«Uma», casa comunal tradicional do pobo mentawai, Indonesia.
Sweden road sign H10

Simboloxía da casa

A casa asóciase ao fogar, a un lugar seguro, polo que pode aparecer como logotipo ou emblema de marcas comerciais que busquen transmitir valores como proximidade ou confianza. Dado que é un elemento coñecido polos nenos, úsase a miúdo como un test en psicoloxía: segundo como debuxen unha casa típica (presenza de figuras, tamaño dos elementos, fiestra, cheminea ...) pódense deducir determinadas características da súa personalidade e detectar problemas.[2] neste sentido funciona igual que outro test de debuxo convencional, como o da árbore. Cabe dicir que as casas que se debuxan teñen sempre teito a dúas augas, independentemente de onde viva o neno, por convención.

Historia da casa

A historia e evolución da casa marcha da man da historia da cidade. Non é homoxénea, nin a calidade dos edificios é ascendente para todos os habitantes, pois en todas as épocas coexisten magníficos exemplos de excelentes casas que contrastan coa inxente proliferación de miserables habitáculos.[3]

Precedentes

As chozas dos cazadores, precedente das primeiras casas, simples refuxios temporais de ramas e arbustos, foron construídas polos nosos antepasados, polo menos, fai 300.000 anos. Atopáronse restos de tendas de cazadores construídas con peles e ósos de mamut, de c. 35 a 10.000 a. C. Os campamentos de inverno en madeira para grandes grupos familiares de cazadores nómades europeos dátanse c. 12.000 a. C.[3]

Tripolye hut
Maqueta dunha cabana neolítica. Cultura de Cucuteni .

As primeiras casas: 6000 a.C.

Xorden as primeiras poboacións coñecidas c. 6000 a. C., nas fértiles marxes dos grandes ríos de Oriente Medio, vinculadas a actividades agrícolas. Nas rexións mediterráneas c. 5500 a. C. constrúense casas de adobe xunto aos campos de cultivo.

Ancient Egyptian House miniature showing windcatchers
Caseta de marfil atopada en Abu Roash, da época do rei Den (Primeira Dinastía de Exipto c. 3000 a.C.). Museo do Louvre

Casas rurales: 3000 a.C.

No Antigo Exipto os seus habitantes edifican vivendas, c. 3000 a. C., que gardan xa moita semellanza coas casas rurales de séculos posteriores, con muros de adobe e teitos de madeira de palma. Hai palafitas (casas sobre piares) no medio de lagos, en diversas partes de Centroamérica.[3]

Palacios e casas con patio: 2000 a. C.

No val do Indo, cidades como Mohenjo-Daro, Kalibangan e Harappa, posúen grandes casas con patio (c. 1800 a. C.). O palacio do rei Minos data do 1700 a. C.

No Antigo Exipto os cidadáns ricos edificaron palacetes. Na nova cidade de Amarna construíronse casas cun patio central.

Cara ao ano 1300 a. C. xurdiu a cultura olmeca. Os olmecas de Centroamérica construían casas de barro, das cales apenas quedan vestixios.[3]

Casas circulares: 1000 a.C.

Artigo principal: casa circular.

Os celtas do norte de Europa constrúen, c. 500 a.C., casas circulares de pedra, co teito de palla. Nas cidades estado gregas edifícanse casas con patio, c. 400 a.C. Estímase que Alexandría no ano 200 a.C. tería uns 300.000 habitantes.[3]

Grecia

En Grecia, as casas eran nun principio, de madeira e logo de ladrillos ou pedra, pero sempre moi pequenas e modestas; as casas estaban divididas en dúas partes:

  • unha para os homes que ocupaba o piso baixo: andronitis.
  • outra para as mulleres que ocupaba o piso alto ou ben a parte posterior do baixo: gineceo.[5]

Roma: casas de campo e bloques de pisos

No primeiro século da era cristiá, nas grandes cidades romanas construíanse bloques enteiras de edificios de vivendas, denominados ínsulas, e nos arredores "casas de campo", ou "quintas".

En Roma, a fachada dos edificios multifamiliares estaba ocupada por unha tenda ou pola loxia do escravo porteiro. O vestíbulo conducía ao atrio, vasta peza cadrada, cunha abertura no centro pola cal as augas pluviais caían nun pio. Estaba rodeada polas dependencias e servía para recibir aos forasteiros. Un remanente deste atrio é o patio andaluz. Desde alí, por unha galería (tablinum) e por dous corredores (fauces) ingresábase ao perístilo disposto como o atrio e desde o cal tíñase acceso aos cuartos (cubicula) destinados á familia. No piso alto, atopábanse os cuartos para a servidume (cenáculo).[5]

Estímase que Roma no ano 100 a.C., tería uns 450.000 habitantes.[3]

Idade Media: pedra, adobe e madeira

Na Idade Media, dependendo dos materiais de construción da rexión, as casas dos campesiños eran de adobe, pedra ou madeira e consistían dunha estancia ou habitación ampla, con cuberta de palla e cun fogar ou fogón como centro da vivenda. Era a vivenda de toda a familia e utilizábase como celeiro, e habitualmente tamén era corte. Ata o século XIII non se creou un espazo separado para os humanos e os animais no interior das casas. A mesa era o obxecto esencial do mobiliario onde toda a familia acomodábase, sentada en bancos, ao seu ao redor. Había estantes para depositar os escasos obxectos que posuían e ganchos de madeira para colgar os vestidos. Non había camas, durmíase no chan, habitualmente sobre palla, ou en xergóns recheos de palla. Con todo, ao redor do ano 700 d C, por diversos motivos, defensivos ou climáticos, moitos habitantes vivían en covas escavadas como nas comunidades do leste de Asia Central (aínda perduran), en China etc.[3]

Mentres que no ano 800 d C, os palacios de pedra, como os maias, con casas de adobe para o pobo, ou de madeira (entre os viquingos) indicaban o status, o clima ou os medios. En Europa, no século XIII, os novos ricos (comerciantes, banqueiros e nobres adiñeirados) construíron magníficas casas de pedra, mentres que o pobo continuou usando as chozas con paredes de madeira revestidas de barro e cubertas de palla.

Theux JPG06
Unha casa do século XVIII, Theux Bélxica.

Idade Moderna: O ladrillo

A partir do século XVI xeneralízase o uso de ladrillos de barro cocido para edificar casas no norte de Europa. Xorden as primeiras mansións señoriais europeas. No século XVIII, en moitas cidades europeas e americanas, erixense edificios de estilos "elegantes" para a nova burguesía.

The Red House, Bexleyheath
A Red House en Bexleyheath, Kent

O século XIX: infravivendas e chalés

A principios do século XIX as cidades están colmadas de traballadores que emigran do campo para buscar traballo nas fábricas. Habitan nos "barrios baixos", hacinados, en condicións insalubres, a maioría na total miseria. A finais do século XIX xorden os primeiros barrios residenciais, os bloques de vivendas de estilo ecléctico, os chalés e as cidades xardín para a burguesía. Algúns historiadores consideran a Red House de Philip Webb (1859) o primeiro deseño de "casa moderna".

Século XX

Durante o século XX a vivenda nas cidades densificase, e o número de casas decrece mentres aumenta o número de pisos ou vivendas en altura (rañaceos). As casas unifamiliares sitúanse nos barrios máis podentes na periferia das cidades. Tamén son frecuentes como segunda vivenda, para vacacións ou fins de semana e os conceptos de decoración externa e interna toman relevancia.

Elementos dunha casa

Desde un punto de vista construtivo as casas están constituídas polos seguintes elementos:

Estrutura

A estrutura é a armazón resistente que soporta o edificio e o fixa ao terreo. Pode estar feita de tapia, adobe, ladrillo, pedra, madeira, aceiro ou formigón armado, aínda que moi excepcionalmente poden empregarse outros materiais. A estrutura consta de "cimentación" e "estrutura portante":

  • Cimentacións: a parte da estrutura sobre a que se apoia toda a casa; está baixo terra e transmite ao terreo o peso da vivenda e as tensións ás que está sometida. Unha casa pode ter diferentes tipos de cimentos: zapatas, zapatas corridas, placas, estacas etcétera. Cando a resistencia do terreo é baixa para soportar as cargas (usualmente menor de 0,1 N/mm²), faise necesario utilizar placas continuas ou estacas. Se a vivenda ten estancias subterráneas, tales como adegas ou garaxes, dispón de muros de contención, que poden considerarse como parte da cimentación ou como parte da estrutura portante.
  • Por encima do terreo elévase a estrutura portante, composta por uns soportes verticais, que poden ser puntuales (alicerces) ou lineais (muros de carga), sobre os que se apoian os elementos horizontais que conforman os chans e os teitos, e que á súa vez poden ser unidireccionais (sistemas de vigas e viguetas), ou bidireccionais (laxes e placas).
Kaufman House Palm Springs
Richard Neutra: Kaufman House, Palm Springs, California.

Cerramentos exteriores

Superficies que encerran e protexen o volume interior do edificio. Habitualmente constan dun tellado superior, muros de cerramento, e no plano horizontal inferior unha soleira ou un forxado sanitario.

Os cerramentos cumpren varias funcións, sendo as principais a función impermeabilizante (protexer da auga), así como illante, tanto do ruído como dos cambios de temperatura. Para cumprir estas funcións, os cerramentos utilizan sistemas construtivos que permitan conseguir estas características simultáneamente, sendo habitual que estean constituídos por varias capas especializadas (capa impermeabilizante, capa illante etc.). Debido á enorme variedade de necesidades e materiais presentes nos distintos climas e culturas do mundo, os cerramentos poden adoptar multitude de formas, desde os sistemas máis primitivos e simples (peles animais, vexetación ou téxtiles), ata os complexos sistemas multicapa actuais.

Os cerramentos vense interrompidos polas carpinterías, compostas por fiestras e portas, que permiten o acceso ao interior, así como a ventilación e a iluminación natural da casa, aínda que en infravivendas poida suceder que unha casa non teña ningunha fiestra.[6]

Compartimentaciós interiores

Son os elementos que dividen o espazo interior da casa, compartimentándoo en distintas estancias. A súa función principal é illar visual e acusticamente as distintas zonas da vivenda (aseos, cociña, dormitorios e estar). Xeralmente adoitan ser tabiques de ladrillo, placas de cartón xeso ou madeira.

Revestimentos

Son os materiais que recobren chans, paredes e teitos, e forman o acabado e a parte visible da vivenda. Nos chans é habitual o uso de madeiras, cerámica ou materiais pétreos, mentres que nas paredes e teitos adóitase utilizar o xeso e a escaiola, que posteriormente reciben unha man de pintura. Nas zonas húmidas das casas (cociña, aseos) é frecuente o azulexado, para facilitar a limpeza e previr humidades.

A elección dos materiais e a iluminación interior é a disciplina específica do interiorismo, e en casas de luxo non é infrecuente recorrer á figura do decorador.

Epenwöhrden schwangeres haus
Casa dotada con paneis de enerxía solar, Alemaña.

Instalacións

Son o conxunto de redes e aparellos que abastecen de servizos á vivenda. As instalacións e redes máis comúns son: de auga potable, electricidade, iluminación, calefacción, saneamento, e telecomunicacións, complementadas ás veces con gas natural, enerxía solar, aire acondicionado, domótica, sistemas contra incendios e sistemas de seguridade.

Urbanización

Urbanización denomínase ao conxunto de elementos que se instalan ao redor da casa, como a pavimentación exterior, alumado externo, valado, axardinamento, rede de rega, sumidoiro etc.

Prefabricated house construction
Construción dunha casa prefabricada modular.

A casa moderna

A casa actual, a que se constrúe actualmente nos barrios e polígonos das vilas e cidades occidentais, en forma de pisos ou apartamentos en edificios de vivendas plurifamiliares, constitúe unha tipoloxía relativamente recente, derivada das innovacións aportadas polo movemento da arquitectura moderna, a partir da crítica formulada xa no século XIX, das condicións das vivendas do proletariado urbano nas cidades de Europa, onde se acumulaban na máis absoluta promiscuidade, varias familias que convivían en habitacións insanas, sen cuarto de baño nin ventilación. Estas condicións foron denunciadas, no último terzo do século XIX, por diversos movementos de carácter político e social (socialismo utópico, primeira e segunda Internacional etc.), así como por escritores como Charles Dickens ou institucións como a RIBA e outros.

A casa moderna representa a ruptura con aquel estado de cousas, cando a casa do proletariado industrial non era outra cousa que unha casa burguesa adaptada á función de vivenda para familias obreiras unha vez dividida en cuartos cada vez máis pequenos. Os arquitectos do movemento moderno opuxeron un tipo de vivenda mínima con deseño hixiénico e funcional. A casa moderna debía ser unha por familia a fin de evitar a promiscuidade, debía estar dotada de ventilación en todas as estancias, con cociña, auga corrente e cámara hixiénica, debía orientarse ao sol e abrirse as dúas fachadas opostas para garantir a ventilación cruzada e combater a tuberculose. A casa moderna debe ser construída con materiais illantes, para facilitar as mellores condicións ambientais co mínimo custo enerxético posible. O debate actual sobre a sustentabilidade é recorrente respecto ao debate sobre a vivenda hixiénica que tivo lugar no primeiro terzo do século XX. O barrio de Karl Marx Hof de Viena é o fito exemplar máis destacada deste urbanismo que propón un novo tipo de casa para as clases populares.

Nos países máis desenvolvidos hanse ir desenvolvendo criterios e normas propias para a construción de vivendas novas, para dar criterios construtivos que garantan a estabilidade, solidez, seguridade e confort aos usuarios, e normas específicas que regulan a fabricación, compoñentes e montaxe dos materiais de construción .

Na actualidade, cada territorio establece os criterios propios para que unha casa sexa considerada vivenda, consisten nuns mínimos de dimensións e pezas, evitando criterios puramente hixienistas.

Orixe e evolución da casa moderna

Craftsmanhouse
Bungalow co estilo Craftsman en San Diego (Estados Unidos).

O urbanismo de carácter hixienista primeiro, cos traballos de destacados urbanistas como Frederick Law Olmsted ou Ildefons Cerdà e as achegas do movemento «Arts and Crafts», son os antecedentes das formulacións teóricas sobre a casa moderna que se sintetizaron na segunda exposición do «Werkbund» alemán de 1927 en Stuttgart e nos edificios que se construíron en Holanda durante o período da arquitectura neoplásica, como as casetas en ringleira do barrio mariñeiro de Hoeck van Holland proxectadas en 1924 polo arquitecto JJP Oud. Durante os anos 20, os estudos teóricos da «Bauhaus» ou dos arquitectos do movemento moderno como Walter Gropius, Le Corbusier, o xa citado Oud e outros, culminaron no segundo Congreso Internacional de Arquitectura Moderna (CIAM) celebrado en Frankfurt en 1929, dedicado ao tema da vivenda mínima.

O urbanismo e a arquitectura moderna foron adoptados universalmente logo da segunda guerra mundial, cando as tarefas de reconstrución de Europa esixían novos instrumentos teóricos e novas propostas que o academicismo burgués, dado o fracaso do modelo social dominante entre guerras, xa non estaba en condicións de dar. En Cataluña nos anos 50, o Grupo R reintroducio a arquitectura do movemento moderno en España, e con el, as propostas innovadoras respecto da casa e da cidade. Na orixe do Grupo R houbo un concurso convocado pola «Dirección Xeral de Arquitectura» para buscar solucións ao problema da vivenda, concurso que foi gañado polos arquitectos que logo impulsarían o movemento. Os postulados teóricos do movemento moderno aplicáronse na construción do polígono de Montbau en Barcelona, así como as vivendas da SEAT na Zona Franca entre outros..

Técnicas de construción

57 The Close, Salisbury
Unha casa típica da burguesía, en Inglaterra.
Novosibirsk picturesque-traditional-house
Unha casa tradicional de Siberia, en Novosibirsk, Rusia.

As técnicas construtivas empregadas na súa realización poden ser tan diversas como permita a súa localización xeográfica, e sempre adaptadas ás condicións que lle impón o medio no que se ergue. En Galicia as técnicas máis empregadas son as derivadas do uso dos aglomerados a base de cemento, dos materiais cerámicos ladrillo ou da pedra.

A casa como unidade habitacional diferénciase da vivenda colectiva en que esta adoita desenvolverse en varios andares, en número variable, mentres que raramente se considera casa aquela construción con máis de catro alturas. En Galicia, a tipoloxía da casa é a predominante no medio rural, mentres que no medio urbano predominan os edificios de vivenda colectiva distribuídos en áreas urbanizadas de media ou alta densidade (a lexislación vixente prevé un máximo de 75 vivendas/Ha, con excepcións até as 100 vivendas/Ha). Noutros países hai unha enorme presenza de casas en ámbitos urbanos de baixa densidade (20-25 vivendas/Ha). Este modelo de asentamento poboacional xera un hábitat urbano particular, no que se dan unhas relacións sociais diferentes e un sistema de redes e servizos distinto. O modelo de colonización do territorio que é propio e tradicional de Galicia está baseado nunha estrutura densa de pequenos asentamentos rurais formados básicamente por agregación de unidades habitacionais do tipo da casa, unha serie de cabeceiras de bisbarra con algunhas funcións administrativas e de terciario, e uns poucos centros urbanos de mediado tamaño. Este modelo tradicional ven sufrindo dende finais do século XIX ou principios do XX, segúndo zonas, unha metamorfose cara un novo modelo que os estudosos locais do urbanismo deron en chamar Cidade Difusa, e que é común a Galicia (sobre todo no sector atlántico) e o norte de Portugal, abranguendo unha poboación duns seis millóns de persoas.

As casas normalmente considéranse como primeira vivenda se están habitadas continuamente ou segunda vivenda seo están temporalmente (fenómeno crecente no rural galego), e poden estar en propiedade ou en réxime de aluguer. Existen outros elementos construídos que poden acompañar á casa (vivenda), as construcións adxectivas ou anexas. Poden citarse coma exemplos o pozo, o alpendre ou pendello, o hórreo, ou o garaxe. Algúns destes elementos poden estar integrados ou embutidos na propia casa. A vivenda tradicional galega é habitual que conte con faiado (rocho), despensa, patín, lareira etc. A casa complétase con construcións adxectivas: cortes e cortellos, o palleiro, o alpendre ou cuberto, a adega, o celeiro (hórreo) etc. segundo a tipoloxía predominante na zona ou a extracción social do seu propietario.

Hai moitos tipos de casas, clasificábeis seguindo diferentes criterios, como poden ser segundo a distribución xeográfica. O hábitat e a sociedade inflúe fortemente na configuración da casa tradicional, e coma exemplo pódense comparar as seguintes: o pazo, a palloza, o iglú, a masía, o cortijo, a palafita, o palacio, o castelo, o castro, a barraca ou o casarío.

Casas prefabricadas

As casas prefabricadas son un produto industrializado, que permite construír edificios ensamblando elementos modulares previamente fabricados, sen ter en conta o chan no que vai asentarse, polo que hai que construír antes unha lousa de formigón armado ou un sistema de soportes que sirva de cimentación, apoio e ancoraxe do conxunto.

Estes sistemas aplicados ás casas son propios da construción masiva e repetitiva. Na época soviética de Rusia utilizáronse profusamente os elementos prefabricados na edificación.

Casas móbiles

Unha alternativa á casa ancorada ao terreo son as vivendas sobre rodas, ou caravanas, con forte arraigo en países anglosaxoes, que polo seu baixo custo e mobilidade empregan como vivenda habitual, chegando a constituír auténticos poboados nas proximidades dalgunhas cidades.

ParkwayHousesSeacroft
Casas sociais en Seacroft, Leeds, Reino Unido.

Expresións relacionadas

Ao longo da historia, o término casa empregouse para designar diferentes tipos de edificacións:

Polo seu uso
Santiago concello GDFL050914 040
O Pazo de Raxoi é a casa do concello de Santiago de Compostela, capital de Galicia.
  • Casa consistorial ou do concello. Casa da vila ou cidade, onde concorren os capitulares do seu concello a celebrar as xuntas.
  • Casa de apousento. Servizo que a vila de Madrid facía ao rei dando unha parte de todas as casas para o apousento da corte.
  • Casa de beneficencia. Asilo oficial onde se recollía e sustentaba aos desvalidos e menesterosos.
  • Casa de cabo de armería. En Navarra, casa solariega de calquera nobre que é parente maior e cabeza do seu liñaxe.
  • Casa de camas. Mancebía, ou casa de «malas mulleres».
  • Casa de caridade. Asilo onde se educaba e mantiña e a nenos pobres, expósitos ou orfos; ou para atender peregrinos e pobres.
  • Casa de corrección. Establecemento público en que se recluía temporalmente a mulleres de "mala conduta" ou a delincuentes mozos.
  • Casa de Deus. Igrexa ou templo de oración.
  • Casa de devoción. Templo ou santuario onde se venera algunha imaxe á que se ten especial devoción.
  • Casa de durmir. Aquela en que se dá hospedaxe só para pasar a noite.
  • Casa de empeños. Establecemento onde se presta diñeiro mediante o empeño de alfaias ou roupas.
  • Casa de hóspedes. Aquela en que, mediante certo pago, dáse estancia e comida ou só aloxamento a algunhas persoas.
  • Casa de familia. A que os reis ou os grandes destinaban aos seus criados.
  • Casa de garda. A que habitaban os encargados de vixiar un campo, unha vía férrea etc.
  • Casa de historia. Museo de historia. Exemplo: Casa da Historia Europea.
  • Casa de xogo. A destinada clandestinamente a xogos prohibidos.
  • Casa de labor ou de labranza. Aquela en que habitan os labradores e onde teñen os seus gandos e aperos.
  • Casa de tolos. A destinada para recoller e curar aos que padecen tolemia.
  • Casa de maternidade. Hospital destinado á asistencia de parturientas.
  • Casa de postas. Parada onde tomaban cabalos de recambio os correos ou os que viaxan en posta.
  • Casa de socorro. Establecemento benéfico onde se prestan os primeiros auxilios facultativos ou feridos ou atacados de calquera accidente.
  • Casa de tenda. Establecemento onde se ofrece un ben ou un servizo.
  • Casa decimera ou escusada. A do veciño hacendado que se elixía para percibir os décimos de todos os froitos e gandos dela.
  • Casa mortuoria. Casa onde recientemente morreu algunha persoa.
  • Casa pelgar ou das perreras. Aquela en que son maltratados os criados.
  • Casa portazgo. A que nos camiños servía para os encargados de cobrar os dereitos de portazgo.
Polas súas características
  • Casa á malicia. A edificada antiguamente na corte, só con planta baixa, para librarse da carga de apousento.
  • Casa de catro augas. Aquela cuxo tellado se compón de catro planos triangulares.
  • Casa de medianería. A que está contigua a outras laterales.
  • Casa de veciñanza. A que contén moitos cuartos reducidos polo común, con acceso a patios e corredores en que viven distintas familias pouco acomodadas.
  • Casa principal. A que é grande respecto de as demais do pobo.
  • Casa solariega. A máis antiga e nobre dunha familia.
Outros casos
Casa reitoral da Igrexa de San Antón de Vilariño
Casa reitoral ao carón da capela de Santo Antón de Vilariño, en estado de abandono.

Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de edificios de Galicia por localización
Casa en Iria Flavia, Padrón, Galicia

Casa en Iria Flavia, concello de Padrón

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para casa.
  2. Buck, John N. M. (1964). Western Psychological Services, ed. The house-tree-person (HTP) manual supplement: administration and interpretation of the HTP test (en inglés).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Watkin, David (2005 (4a edició)). Western Psychological Services, ed. A history of Western architecture (en inglés). ISBN 1-85669-459-3.
  4. Deulofeu i Torres, Alexandre Les cultures irano-sumèria-caldea, hitita i egípcia. Figueres, Ed. Amics de l'Albera i Cap de Creus, Centre Excursionista Empordanès, edición pòstuma 2005 (volume IX en catalán de La matemàtica de la història).
  5. 5,0 5,1 Diccionario enciclopédico popular ilustrado Salvat (1906-1914)
  6. O escritor francés Victor Hugo explica na súa novela Os miserables (capítulo 4º da primeira parte do primeiro libro) que para esquivar o "imposto ás portas e fiestras", en Francia había:
    1 320 000 casas de campesiños con apenas tres aberturas;
    1 817 000 con apenas dous aberturas e
    346.000 cabanas cunha soa abertura (a porta)

Véxase tamén

Bibliografía

  • Rapoport, Amos. Englewood Cliffs«House Form and Culture» (Morfología de Vivienda y Cultura)., N.J.: Prentice-Hall, 1969. Existe una edición en castelán : «Vivienda y cultura», traduïda por Conchita Diez de Espada. Editorial Gustavo Gili, S.A. Barcelona 1972.
  • Professor Leonardo BenevoloHistoria de la Arquitectura Moderna;. © Casa Editrice, Laterza & Figli, Bari.
Tradución ó castelán por Mariuccia Galfetti e Juan Díaz de Atauri. Con textos do arquitecto Carlos Flores relativos ó Plan Cerdà, o Modernismo catalán e a Arquitectura española entre 1930-1940 e posterior a 1945. Editorial Gustavo Gili. Barcelona 2002.

Outros artigos

A Coruña

A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia e bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.850 habitantes (2018); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².

A Coruña é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.A cidade érguese sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da zona urbana espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, no que presenta dúas fachadas marítimas distintas: a portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas de Riazor e o Orzán.

Unha das características máis notables que identifican A Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.

Abegondo

Abegondo é un concello da provincia e comarca da Coruña. Está no partido xudicial de Betanzos e forma parte do consorcio das Mariñas e da área metropolitana da Coruña. Limita con Cambre, Bergondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Mesía, Ordes e Carral. Abegondo ocupa 87,9 km2 de terreo, que se reparte en 19 parroquias.

En 2017 tiña unha poboación de 5467 persoas. O norte do concello é o máis poboado.

A metade norte do concello delimítano o río Barcés e o Mero. Vai subindo de altitude cara o sur, pasando dos 100 aos 400 metros de altitude en Vizoño. Boa parte das augas do encoro de Cecebre están nas súas parroquias do norte: Orto e Crendes. O encoro e as ribeiras do ríos Barcés e Mero están declarados como espazo natural ZEC encoro de Abegondo-Cecebre. Un punto de ancoraxe na AP-9 en Folgoso foi declarado de interese xeolóxico polo perfil estratigráfico da serie de Ordes que mostra. Abegondo forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo.

Entre o patrimonio destacan os castros e mámoas e o posible paso da calzada romana Vía XX per loca marítima por Vizoño, as minarías de ouro no Barcés, a Torre Figueroa e as Torres de Peito Bordel do século XII, o pazo de Quiroga do XVII ou os Cruceiros Bonitos. Dúas variantes do Camiño Inglés, seguen os Camiños Reais e pasan por Abegondo desde A Coruña e Ferrol. Os abegondeses Antonio de Parga e Juan Armada foron ministros nos reinados de Fernando VII e Afonso XIII.

En Mabegondo están o Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo e a cidade deportiva do Deportivo da Coruña.

O xentilicio local é «abegondés»/«abegondesa»

Alcalde

Non confundir con alcaide.

Alcalde, termo derivado do árabe قاضي, qāḍī, que significa "xuíz", é un funcionario público que se atopa á fronte da administración local básica dun país ou forma parte dela.

Nos distintos países existe unha ampla variedade de regulacións legais ou consuetudinarias, tanto no relativo ás competencias e responsabilidades do alcalde como na forma en que é elixido.

Historicamente, en partes de Castela o alcalde tamén exercía tamén as funcións de xuíz. Os poboados que ostentaban ese privilexio tiñan o título de vila (ou de cidade). A administración municipal das outras poboacións estaba nas mans dun corrixidor. Por esta razón, as vilas tiñan dereito a erixir un rollo, lugar de axustizamento. Existiu ademais, no Reino de Castela, o cargo de Alcalde de Casa e Corte da súa Maxestade, funcionario xudicial que impartía xustiza na Sala de Alcaldes de Casa e Corte.

O cargo de alcalde ten unha duración normalmente de 4 a 6 anos e pode ser reelixido na maioría dos países. Habitualmente está ao cargo de velar polos intereses dos seus concidadáns, representándoos ante a autoridade xerárquica maior, ademais de impulsar políticas locais para mellorar a súa calidade de vida, como programas de saúde ou deporte, e combater contra a delincuencia, entre outras tarefas.

Barcelona

Barcelona (en catalán pronúnciase [bərsəˈɫonə]) é unha cidade situada no nordés da Península Ibérica, capital de Cataluña, da provincia homónima e da comarca do Barcelonès, así como a meirande cidade dos Países Cataláns. Situada ás beiras do mar Mediterráneo, atópase a uns 120 km ao sur da cadea montañosa dos Pireneos e da fronteira con Francia, nunha chaira limitada polo mar ao leste, a serra de Collserola ao oeste, o río Llobregat ao sur e o río Besòs ao norte. É coñecida co alcume da "Cidade Condal" (Ciutat Comtal), por ser a capital do antigo Condado de Barcelona.

Cunha poboación de 1.620.809 habitantes, é a segunda cidade máis poboada de España e da península tras Madrid, e a undécima da Unión Europea. A súa área metropolitana, integrada por 36 concellos, ten unha poboación de 3.161.081 habitantes e unha superficie de 633 km². Esta área é a delimitación como núcleo urbano definida oficialmente, con todo a Rexión Urbana de Barcelona, que se estendería por todo a área de influencia da cidade, chega aos 4.928.852 habitantes cunha densidade de poboación de 1.496 hab/km².Foi escenario de diversos eventos mundiais, que contribuíron a configurar a cidade e darlle proxección internacional. Os máis relevantes foron a Exposición Universal de 1888, a Exposición Internacional de 1929, os Xogos Olímpicos de verán de 1992 e o Fórum Universal das Culturas 2004. É tamén sede do secretariado da Unión polo Mediterráneo.Na actualidade, é recoñecida como Cidade global pola súa importancia cultural, financeira, comercial e turística. Posúe un dos portos máis importantes do Mediterráneo e é tamén un importante punto de comunicacións entre España e Francia, debido ás conexións por autoestrada e tren de alta velocidade. O aeroporto de Barcelona-El Prat foi utilizado por máis de 44 millóns de pasaxeiros en 2016.

Cambados

Cambados é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2015 tiña 13.895 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cambadés.

Limita cos concellos de Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meaño e co océano Atlántico.

Casa do concello

A casa do concello é unha construción da arquitectura civil destinada a sede da administración local. Este edificio alberga a alcaldía, as dependencias e servizos municipais, e nel celébranse periodicamente os plenos do concello.

Castro de Elviña

O Castro de Elviña é un castro galaico, posteriormente romanizado pertencente á coñecida como Cultura castrexa do noroeste peninsular. Está situado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, próximo ao actual Campus de Elviña da Universidade da Coruña, nunha pequena elevación que domina as terras dos vales de Elviña e Mesoiro, no concello da Coruña.

El Correo Gallego

El Correo Gallego é un xornal galego que se edita en Santiago de Compostela. Fundouno José Mariano Abizanda na cidade de Ferrol en 1878.

Galería de imaxes de Galicia

Galería de imaxes de Galicia.

ISBN

ISBN é a abreviatura do número internacional para a catalogación de libros (International Standard Book Number), código de 10 ou 13 díxitos que identifica biunivocamente calquera libro editado legalmente no mundo.

Isabel II de España

Isabel II de España ou de Borbón, nada en Madrid o 10 de outubro de 1830 e finada en París o 9 de abril de 1904, foi raíña de España dende 1833 até 1868.

Madrid

Madrid é a capital de España e da Comunidade de Madrid. Está situada no centro da Península Ibérica, ó sur da Serra de Guadarrama, no río Manzanares. Cunha poboación de 3.233.527 habitantes (INE 2012) é a cidade máis grande e poboada do país e da Península Ibérica, e a terceira da Unión Europea. A súa área metropolitana, de 6.043.031 habitantes, é a terceira área urbana máis poboada da Unión Europea, por detrás das de Londres e Berlín.

Como capital do Estado, Madrid alberga as sedes do Goberno, Cortes Xerais, Ministerios, Institucións e Organismos asociados, así como a residencia oficial dos reis de España. No plano económico, Madrid é a cuarta cidade máis rica de Europa, tras Londres, París e Moscova. É o principal centro financeiro e empresarial de España, actualmente, o 50,1% dos ingresos das 5.000 principais empresas españolas son xerados por sociedades con sede social en Madrid, as cales representan o 31,8% delas. É sede do principal mercado de valores do país, e de varias das máis grandes corporacións do mundo.

Nacida a partir do asentamento fortificado hispanomusulmán de Maǧrīţ, conquistado por Afonso VI de León e Castela en 1083, a vila foi designada en 1561 como sede da corte de Filipe II, sendo a primeira capital permanente da monarquía española. Desde entón, salvo un breve intervalo de tempo entre 1601 e 1606 no que a capitalidade pasou temporalmente a Valladolid, Madrid foi a capital de España e sede do Goberno da Nación.

Monfero

Monfero é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. Segundo o IGE en 2017 tiña 1.985 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «monferés».

A maior parte do parque natural das Fragas do Eume está en Monfero, na súa franxa norte.

Museo Británico

O Museo Británico (en inglés: British Museum) é un museo sobre a cultura e historia humana situado en de Londres (Inglaterra). A súas coleccións, constituídas por máis de 13 millóns de obxectos, atópanse entre as maiores e máis detalladas do mundo, formadas por obxectos de tódolos continentes que ilustran e documentan a historia da cultura dende a os seus comezos ata a actualidade.

O Museo Británico foi inaugurado en 1753. Nun primeiro momento, o museo estaba formado principalmente polas coleccións do físico e científico británico Sir Hans Sloane. O museo abriu por primeira vez ao público o 15 de xaneiro de 1759 na Casa Montagu (Montagu House), Bloomsbury, no mesmo emprazamento no que se atopa hoxe en día o museo. A expansión do museo ao longo do tempo deu lugar á creación de diferentes institucións relacionadas co Museo Británico como son o Museo Británico de Historia Natural (British Museum of Natural History) creado en South Kensington en 1887. Ata 1997, cando a actual edificio da Biblioteca Británica (British Library) abriu ao público, O Museo Británico era o único museo do mundo que posuía unha biblioteca e un museo nacional de antigüidades nun só edificio. Dende o 2001 o director do museo é Neil MacGregor.

Coma outros museos nacionais e galerías de arte do Reino Unido, a entrado do museo é de balde, aínda que hai que pagar por algunhas exposicións temporais.

Neda

Neda é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol, situado na ría de Ferrol. Segundo o IGE en 2014 tiña 5.327 habitantes (5.528 no 2009, 5.675 no 2006, 5.771 no 2005, 5.804 no 2004, 5.913 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «nedense».

Oza-Cesuras

Oza-Cesuras é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Betanzos creado o 6 de xuño de 2013 a partir da fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras. Segundo o IGE o 1 de xaneiro de 2018 tiña 5155 habitantes.

Salamanca

Salamanca é unha cidade española, capital da provincia homónima, na Comunidade Autónoma de Castela e León. Está situada na comarca do Campo de Salamanca, xunto ao río Tormes, e forma parte da rexión histórica do Reino de León.

Tiña unha poboación de 154.462 habitantes, e a súa área metropolitana acadaba os 213.399 (datos de 2010), sendo a segunda área máis poboada da comunidade, tras Valladolid. Un estudo demográfico realizado no 2005 dicía que era a quinta capital de provincia máis densamente poboada por km² de España.

Salamanca é famosa sobre todo por dous motivos: por posuír unha das universidades máis antigas e prestixiosas de España (de aí o refrán "O que a natureza non dá, Salamanca non presta", "Quod natura non dat, Salamantica non prestat") e polo seu espléndido patrimonio histórico-artístico, intrinsecamente ligado á cálida e áurea pedra arenita de Villamayor.

A Universidade de Salamanca, é a universidade, en activo, máis antiga de España, fundada en 1218 por Afonso IX de León, e foi a primeira de Europa que ostentou o título de Universidade polo edicto de 1253 de Afonso X o Sabio e a bula do Papa Alexandre IV en 1255.

En 1988 a cidade foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Dentro do patrimonio arquitectónico destacan as súas dúas catedrais, a Catedral Vella e a Nova, a Casa das Cunchas, a Praza Maior, o Convento de San Esteban e as Escolas Maiores. Desde o 2003, a Semana Santa en Salamanca está declarada de Interese Turístico Internacional. No 2002 foi Capital Europea da Cultura. No 2005 acolleu a celebración do XV Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno.

Pola súa parte, o sector servizos (co turismo cultural e a Universidade) é a principal fonte de ingresos da cidade. É especialmente relevante a actividade educativa durante o verán, xa que conta cunha grande afluencia de estudantes procedentes de moitos países, que na súa maioría veñen para aprender ben o castelán e asistir a diversos cursos estivais.

Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo é unha universidade pública inserida dentro do Sistema Universitario de Galicia con sede na cidade de Vigo. Conta con campus en tres cidades: Campus de Vigo, Campus de Pontevedra e Campus de Ourense. No 2010 a Universidade de Vigo converteuse no centro do campus de excelencia internacional interuniversitario Campus do Mar, no cal participan as tres universidades galegas e varias portuguesas do norte, así como centros CSIC e IEOs.Dende o 2018 Manuel Reigosa, fisíologo vexetal, ocupa o cargo de reitor.

Vigo

Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana. A cidade atópase na beira sur da ría de Vigo e no sur das Rías Baixas. Con 293.642 habitantes no 2018 é o concello máis poboado de Galicia e o décimo cuarto de España, sendo a cidade sen rango de capital de provincia con máis poboación de España.

É un municipio costeiro das Rías Baixas que limita ao norte coa ría á que dá nome (ría de Vigo), ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos do Porriño e Gondomar e ao suroeste co concello de Nigrán. Alén da ría e xusto fronte á cidade atópanse as vilas de Cangas e Moaña, a 5 e 3,6 km de distancia, respectivamente.

A cidade constitúe un dos motores económicos de Galicia. Vigo é o décimo cuarto concello de España cunha poboación de 293.642 habitantes, segundo o Padrón municipal do 2018. A súa extensión é de 109,1 km². A densidade de poboación da área sitúase en 2.718 hab/km² aínda que no casco urbano esta se incrementa notablemente.

Vilalba

Vilalba é un concello da provincia de Lugo, capital da comarca da Terra Chá. Segundo o IGE en 2015 tiña 14.645 habitantes, dos que máis dun terzo viven no núcleo urbano. O seu xentilicio é «vilalbés» ou tamén «chairego».

Vilalba é a vila principal da súa comarca e a cuarta na provincia, xusto despois de Viveiro. O concello posúe unha densidade de poboación de 38,64 hab./km², e unha superficie de 379 km², o que o converte no segundo maior dos concellos galegos en canto a superficie despois da Fonsagrada.

O concello de Vilalba atópase na metade norte da provincia de Lugo; limita polo norte cos concellos de Abadín, Muras e Xermade, polo sur, con Cospeito, Begonte e Guitiriz, polo leste, con Abadín e Cospeito e polo oeste, con Xermade e Guitiriz. A poboación de Vilalba distribúese nas 29 parroquias do concello, ademais do núcleo urbano da vila.

Vilalba (do latín Villam Albam, 'vila branca'), posúe un rico patrimonio arqueolóxico e cultural. O concello conserva un bo número de mostras de castros galaicos, entre os que destacan os castros de Gondaísque e Belesar. Dentro do seu patrimonio cultural destaca a Torre da homenaxe do desaparecido castelo de Vilalba, vencellada historicamente á casa dos Andrade, e convertida no século XX en parador de turismo.

Con respecto á industria, o concello caracterízase pola súa escasa industrialización, sendo as escasas industrias existentes derivadas do sector primario, é dicir a agroalimentaria, representada por unha empresa multinacional de produtos lácteos, e algunhas pequenas industrias de embutidos, xamóns e de elaboración do queixo D.O. de San Simón.

A gastronomía é un dos meirandes atractivos da vila na que hai que destacar o queixo de San Simón da Costa, o roscón de améndoas e os célebres capóns de Vilalba que se comercializan nunha feira anual, que ten lugar o 21 de decembro.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.