Carnívoro

Os animais carnívoros[1] son os que teñen en común o feito de que se alimentan de carne, e que se sitúan no máis alto da cadea trófica.

Estes animais predan outras especies pero non son comidos (exceptuando os ataques que poidan sufrir doutro carnívoro).

A súa principal fonte de alimento en terra provén dos herbívoros e no mar procede de peixes, mamíferos, crustáceos etc.

Ademais da denominación anterior, en función do seu réxime alimentario e que carece de valor taxonómico, co nome de carnívoros (ou Carnivora) desígnase unha orde de mamíferos.

Un caso particular é o dos animais que se alimentan de pequenos invertebrados, que adoitan recibir a cualificación de insectívoros.

Por outra parte, tamén existen algúns vexetais que se alimentan de animais, as denominadas plantas carnívoras.

Male Lion and Cub Chitwa South Africa Luca Galuzzi 2004
Leóns devorando unha presa.
Orca-Schädel
Cranio dunha candorca onde se pode observar a súa dentición, adaptada a un réxime alimenticio esencialmente carnívoro.

Características

As características dos carnívoros adoitan seren moi evidentes:

  • Teñen unha importante dentadura coa que poder arrincar a carne as súas presas.
  • Vista: ollos en posición dianteira, que lles permite captar a profundidade de campo e, polo tanto, calcular a posición exacta da presa. A súa vista tamén é moi sensible ao movemento.
  • Corpo axeitado á caza: forza, velocidade, elasticidade.
  • Sistema dixestivo adaptado á dieta propia, con capacidade para alternar grandes inxestas con días ou semanas de xexún.
  • Adoitan vivir en pequenas mandas coas que chegan a desenvolver estratexias grupais de caza, ou sós.

Notas

  1. carnívoro1 no dicionario da RAG.

Véxase tamén

Outros artigos

Can

O can (Canis lupus familiaris) é un mamífero carnívoro que pertence á familia Canidae, ao igual que os lobos, raposos e coiotes. En xeral, o termo 'can' emprégase para referirse á raza doméstica (Canis familiaris), a cal crese que descende dun antergo similar ó lobo, segundo distintos indicios, a secuencia do ADN e outros estudos xenéticos.. Con todo, algúns científicos sosteñen que o can é unha subespecie de lobo.

As probas arqueolóxicas demostran que o can estivo en convivencia próxima cos humanos desde hai polo menos 9.000 anos, pero posiblemente desde hai 14.000 anos. As probas fósiles demostran que os antepasados dos cans modernos xa estaban asociados cos humanos hai 100.000 anos.

Neste tempo o can desenvolveu diferentes razas que poden variar moito en tamaño e cor. Por exemplo, están os cans chihuahuas, que miden apenas unhas polgadas, en oposición aos grandes cans San Bernardo ou ao mastín. As cores dos cans varían de branco a negro, con vermello, café ou gris. De igual xeito que os humanos, son unha especie moi sociable e cazan en grupo.

A media de vida é de 12 anos, cada ano do can semella uns sete anos humanos, aínda que non é unha fórmula exacta.

Carnívoros

Os carnívoros (Carnivora) son unha orde dos mamíferos, caracterizados pola forma dos seus molares. Toma o seu nome do feito de que a maioría dos seus membros están adaptados á inxesta e consumo de carne; porén, varios son omnívoros.

Cánidos

Os cánidos (Canidae) son unha familia de mamíferos da orde Carnivora, de réxime carnívoro ou omnívoro. Inclúe a cans, lobos, raposos, coiotes, e chacais. Estes animais son todos dixitígrados.

Diaño de Tasmania

O diaño de Tasmania (Sarcophilus harrisii) é un marsupial carnívoro que actualmente só se atopa en estado salvaxe no estado insular australiano de Tasmania. O diaño de Tasmania é o único membro vivente do xénero Sarcophilus. Co tamaño dun can pequeno, pero robusto e musculado, o diaño de Tasmania é actualmente o meirande marsupial carnívoro do mundo, despois da extinción do tigre de Tasmania en 1936. Caracterízase pola súa pelaxe negra, o fedor que emite cando se pon nervioso e a súa ferocidade cando se alimenta. Sábese que caza presas pero que tamén que se alimenta de prea. Malia que adoita ser solitario, tamén se alimenta en grupos.

O diaño de Tasmania foi extirpado do continente australiano uns 400 anos antes da colonización europea en 1788. Como eran vistos como unha ameaza para o gando, foron cazados até 1941, cando foron protexidos oficialmente. Dende finais da década de 1990, o cancro facial do diaño de Tasmania reduciu a poboación de diaños significativamente e, actualmente, ameaza a supervivencia da especie, que en maio de 2009 foi declarada ameazada. O goberno de Tasmania emprendeu programas para reducir o impacto da enfermidade.

Foca común

A foca común, Phoca vitulina, é unha especie de mamífero carnívoro pinnípede da familia dos fócidos que habita ao longo do litoral dos mares temperados e fríos do hemisferio norte.

Áchase nas augas costeiras do norte do Atlántico e do Pacífico, como tamén no mar Báltico e mais no mar do Norte, chegando, polo sur, até as costas de Portugal, o que a converte na especie máis amplamente distribuída da superfamila dos pinnípedes.

A poboación mundial estímase que está entre os 400 000 e os 500 000 individuos, estando ameazadas algunhas das súas subespecies en certos hábitats.A caza de focas, unha práctica común no pasado, é agora considerada ilegal en moitos países con poboacións de foca común dentro dos seus territorios, pero nalgúns deles aínda se continúa practicando.

Furón bravo

O tourón ou furón bravo (Mustela putorius) é un pequeno carnívoro da familia dos mustélidos, espallado por gran parte de Europa, o norte de África e Asia occidental. O tourón foi domesticado en tempos antigos co fin de que cazase coellos para o home, dando como resultado ao furón (Mustela putorius furo).

Golfiño

O golfiño, tamén chamado delfín ou arroaz, é un mamífero acuático da orde dos cetáceos, que tamén inclúe as baleas e marsopas. É carnívoro, excelente nadador, notable polas súas facultades psíquicas, que vive en mares temperados e quentes.

As especies máis comúns son 12, aínda que a máis coñecida é a que da o golfiño común. Este animal pode nadar a 63 km/h, sen causar turbulencia, ir ata 7 m de altura fóra da auga, mergullarse axiña e por bastante tempo, e ten unha calidade única entre os animais, unha verdadeira lingua de son e ultrasóns de 400 "palabras". Está dotado dun cerebro comparativamente tan desenvolvido como o ser humano. Expresa unha gran sensibilidade con respecto á dor e o pracer, demostrada coas súas relacións cos homes. Existe unha ciencia dedicada ó seu estudo.

Por golfiños enténdese os dous grupos de odontocetos con semellanzas físicas pero sen afinidade taxonómica:

Delfínidos, tamén coñecido como golfiños e focas.

Platanistoidea de agua doce nos ríos indios como o Indo e o Ganxes.

Insectívoro

Denomínase insectívoro ou tamén entomófago a calquera animal predador de insectos ou as súas larvas, aínda que habitualmente comen tamén outros tipos de invertebrados.

Moitas pragas de insectos teñen un impacto económico negativo sobre as colleitas, polo que se poden incluír entre as medidas de loita aquelas que favorezan a presenza ou difusión de diversos animais insectívoros para controlarlas.

León

O león (Panthera leo) é un mamífero carnívoro da familia dos félidos e unha das 5 especies do xénero Panthera. Algúns machos, excepcionalmente grandes, chegan a pesar ata 250 kg, o que os converte no segundo félido vivente máis grande despois do tigre. Os leóns salvaxes viven na África subsahariana e Asia, cunha poboación en perigo crítico ao noroeste da India, tendo desaparecido do norte de África, de Oriente Próximo e do oeste de Asia en tempos históricos. Ata finais do Plistoceno, hai aproximadamente 10 000 anos, o león era o máis estendido dos grandes mamíferos terrestres, tralos seres humanos. A súa distribución cubría a maior parte de África, gran parte de Eurasia, desde o oeste de Europa ata a India, e en América, desde o río Yukón ata o sur de México.Se sobreviven ás dificultades da infancia, as leoas que viven nun hábitat seguro, por exemplo no Parque Nacional Kruger, a miúdo poden chegar á idade de 12-14 anos, mentres que os leóns raramente viven máis de oito anos. Con todo, coñécense casos de leoas que viviron ata vinte anos en estado salvaxe. En cativerio, tanto os machos como as femias poden vivir máis de vinte anos. Adoitan vivir en sabanas e pradarías, aínda cando poden entrar en zonas arbustivas e boscosas. Os leóns son animais especialmente sociais en comparación con outros félidos. Unha manda de leóns componse de femias que teñen unha relación familiar, as súas crías e un número reducido de machos adultos. Os grupos de leoas adoitan cazar xuntas, atacando principalmente a grandes ungulados. O león é un superdepredador e unha especie chave, pese a que pode ter un comportamento preeiro se ten a oportunidade. Aínda cando os leóns, normalmente, non cazan humanos de xeito selectivo, algúns deles poden converterse en antropófagos e buscar presas humanas.

O león é unha especie vulnerable e, no seu ámbito de distribución africano, ao longo das dúas últimas décadas sufriu un declive das poboacións, posiblemente irreversible, de entre un 30% e un 50%; as poboacións non son viables fóra das reservas delimitadas e os parques nacionais. Aínda que a causa deste declive non é do todo comprendida, a perda do hábitat e os conflitos con humanos son hoxe en día os motivos de preocupación máis importantes. Tivéronse leóns en catividade desde os tempos da Antiga Roma e desde finais do século XVIII foron unha especie moi buscada e exhibida en zoolóxicos por todo o mundo. Os propios zoolóxicos están colaborando en programas de reprodución para protexer a ameazada subespecie asiática.

Os machos son moi fáciles de distinguir grazas á súa melena, que fai da súa cabeza un dos símbolos animais máis amplamente coñecidos da cultura humana. Aparece moi a miúdo na literatura, a escultura, a pintura, en bandeiras nacionais e en películas e literatura contemporáneas.

Lourinhanosaurus

O Lourinhanosaurus (lagarto de Lourinhã) é un xénero de dinosauro terópodo carnívoro que viviu durante o Xurásico Superior. Os seus primeiros rexistros atopáronse en Peralta, próximo a Lourinhã (Portugal) en 1982, mais non foi descrito ata 1998, polo paleontólogo português Octávio Mateus.

O xénero ten unha única especie descrita ata o momento, o Lourinhanosaurus antunesi, nomeado en honor do paleontólogo português Miguel Telles Antunes.

O Lourinhanosaurus é un terópodo carnívoro, e non debe confundirse co saurópodo herbívoro Lourinhasaurus, de nome moi parecido e atopado tamén en Portugal.

Marta

A marta (Martes martes) é unha especie de mustélido carnívoro europeo duns 25 centímetros de altura e 50 dende a cabeza ata o arranque da cola, que ten preto de 30 cm.

Necrófago (bioloxía)

Un necrófago ou preeiro é un animal carnívoro que se alimenta parcial ou totalmente de cadáveres matados por outros animais, normalmente depredadores.

Etimoloxicamente, a palabra necrófago provén do grego νεκροφάγος nekrophágos, onde nekro significa "morto" e phagos "comer". No caso de nutrirse tamén de plantas mortas denomínase saprófito. Se o cadáver é da súa mesma especie, chámase caníbal.

Ornitorrinco

O ornitorrinco (Ornithorhynchus anatinus), do grego: ornitho, ave + rhynchus, bico; e do latín: anati, pato + inus, semellante a: "con bico de ave, semellante a pato") é un mamífero semi-acuático endémico da parte leste de Australia e a illa de Tasmania.

É o único representante vivo da familia dos ornitorrínquidos e a única especie do xénero Ornithorhynchus.

É un dos catro representantes, xunto coas equidnas, da arcaica orde dos monotremas, os únicos mamíferos que poñen ovos no canto de dar á luz crías vivas, a especie é monotípica. É o animal emblema do estado de Nova Gales do Sur.O ornitorrinco ten costumes crepusculares e/ou nocturnos. Carnívoro, aliméntase de insectos, vermes e crustáceos de auga doce. Posúe diversas adaptacións para a vida en ríos e lagoa, entre elas as membrana interdixitais, máis prominentes nas patas dianteiras. É un animal ovíparo, cuxa femia pon arredor de dous ovos, que incuba durante aproximadamente dez días nun niño especialmente construído. Os monotremados recentemente eclodidos presentan un dente similar ao das aves (un carúnculo), utilizado na apertura da casca; os adultos non posúen dentes. A femia non ten mamas e o leite é directamente lambido dos poros e sulco abdominais. Os machos teñen esporóns velenosos nas patas, que son empregados principalmente para a defensa territorial e contra os depredadores.

A estraña aparencia deste mamífero desconcertou os científicos cando se descubriu (mesmo se considerou unha falsificación dun taxidermista). O ornitorrinco é un símbolo de Australia, foi a mascota de varios eventos nacionais, e aparece no reverso da moeda australiana de 20 centavos. Recentes investigacións están a secuenciar o xenoma do ornitorrinco e investigadores xa descubriron varios xenes que son compartidas tanto con réptiles como coas aves. Pero preto de 82% do seus xenes son compartidas con outras especies de mamíferos xa secuenciadas, como o can, as ratas e o home.

Ata o principio do século XX cazábase pola súa pel, pero actualmente está protexido. O seu estado de conservación é pouco preocupante. Aínda que os programas de cría en catividade tiveron un éxito limitado e o ornitorrinco é moi vulnerable á contaminación, non corre un risco inmediato.

Oso polar

O oso polar (Ursus maritimus), tamén coñecido como oso branco, é un mamífero da familia dos Úrsidos. É un oso carnívoro cuxo hábitat abrangue unha ampla rexión do Círculo Polar Ártico, no Océano Ártico, e as masas de terra que arrodean os mares. É o meirande oso, cun tamaño semellante ó do omnívoro oso de Kodiak (Ursus arctos middendorffi). Un macho adulto rolda entre os 350 e os 700 kg de peso, mentres que a femia adulta pode chegar á metade de peso. Malia que é unha especie irmá do oso pardo, evolucionou para ocupar un estreito nicho ecolóxico, e moitas das súas características corporais foron adaptacións ás baixas temperaturas, a desprazarse pola neve e o xeo, a nadar en mar aberto e a cazar focas, que son a principal fonte da súa dieta. Malia que a maioría dos osos polares nacen en terra, pasan a meirande parte da súa vida no mar conxelado. O seu nome científico significa "oso marítimo", e deriva dese feito. Os osos polares cazan a súa comida preferida, as focas, en banquisas, vivindo a miúdo das reservas de graxa cando non hai xeo mariño. Por mor da súa dependencia do xeo do mar, os osos polares están clasificados como un mamíferos mariños.Por mor da destrución de hábitat causado polo quecemento global, o oso polar está clasificado como unha especie vulnerable, e polo menos tres das dezanove sub-poboacións de oso polar están en declive. Durante décadas, a caza a grande escala supuxo unha preocupación internacional polo futuro da especie, mais as poboacións recuperáronse despois da imposición de controis.

Durante miles de anos, o oso polar foi unha figura chave na cultura material e espiritual dos pobos circumpolares, sendo aínda hoxe moi importantes nas súas culturas.

Peramelemorfos

A dos peramelemorfos (Peramelemorphia) é unha orde de mamíferos marsupiais do clado (ou magnorde, ou superorde, segundo as clasificacións) dos australidelfos.

Esta orde inclúe os bandicuts e os bilbís, que son denominados ás veces, debido aos seus hábitos alimentarios, marsupiais omnívoros, xa que, a pesar de posuíren unha dentición de tipo carnívoro (poliprotodonte), presentan, en grao variábel, unha dieta omnívora.Todos os membros da orde son endémicos de Australia e Nova Guinea, e a maioría teñen a forma característica do bandicut: un corpo rechoncho, arqueado cara a atrás, cabeza cun fociño longo, delicado e aguzado, orellas verticais moi grandes, e patas relativamente longas e finas, igual que a cola.

O seu peso varía desde os 140 g até os 2 kg, pero a maioría das especies rondan o peso dun gato pequeno: ao redor de 1 kg.

Piscívoro

Un piscívoro ou ictiófago é un animal carnívoro que come principalmete peixes. Os peixes eran a dieta dos primeiros tetrápodos (anfibios); a dieta insectívora apareceu despois, e co tempo, os réptiles engadiron a dieta herbívora.Algúns animais, como os leóns mariños e os aligátores, non son completamente piscívoros, e adoitan depredar invertebrados acuáticos ou animais terrestres ademais dos peixes, mentres que outras, como os morcegos pescadores Noctilionidae e o gavial, son máis estritamente dependentes do peixe para a súa alimentación. Os humanos poden vivir con dietas baseadas no peixe, como tamén os seus animais mascotas domesticados, como cans e gatos. Algúns animais, como os cnidarios, polbos, luras, tiburóns, cetáceos, osos grizzly, xaguares, serpes, tartarugas, e gaivotas e outras aves mariñas, poden ter os peixes como unha parte significativa ou nalgúns casos dominante das súas dietas.

Os efectos ecolóxicos dos piscívoros poden estenderse a outras cadeas tróficas. Nun estudo da troita Oncorhynchus clarkii, os investigadores encontraron que a adición deste piscívoro ao ecosistema pode ter efectos destacables sobre organismos non acuáticos, neste caso os morcegos que se alimentan de insectos que emerxen da auga pola presenza da troita.Os piscívoros poden clasificarse en primarios e secundarios. Os primairos, tamén chamados "especialistas", pasan a este hábito alimenticio nos primeiros poucos meses das súas vidas. Os piscívoros secundarios pasan a comer principalmente peixes máis tarde nas súas vidas. Hipotetízase que a dieta dos piscívoros secundarios débese a unha adaptación para manter a eficiencia no uso da enerxía cando están medrando.

Puma

O puma, Puma concolor, é un mamífero carnívoro da familia dos félidos, subfamilia dos felinos, orixinario de América.

Rádula

A rádula é un órgano propio dos moluscos (excepto os bivalvos), formado por unha cinta membranosa cuberta de dentículos quitinosos transversais, coa función de raspar o seu alimento.

A boca destes moluscos dispón dun saco radular no que se localiza a rádula. Esta móvese cara adiante e cara atrás sobre unha cartilaxe, odontóforo, que sobresae do cego farínxeo, movemento que proporcionan músculos retractores e protactores que se fixan nos extremos desa cinta membranosa. Á súa vez, o odontóforo proxéctase cara fóra movido por unha musculatura propia.

A acción mecánica dos dentes sobre o alimento e o desprazamento cara o esófago grazas ós músculos retractores, é o que permite a incestión continua de pequenas porcións de alimento.

O número (ata valores de 100.000 dentes nalgunhas especies), forma e disposición dos dentes na rádula é característica de cada especie de molusco e determinan o réxime alimenticio de cada especie: herbívoro, carnívoro, detritóvoro ou parasito. A formación de novos dentes que substitúan ós gastados ou perdidos é un proceso continuo, localizado na parte posterior da cinta radular. Nalgunhas especies poden chegar a producirse ata cinco filas de dentes nun día.

Xaguar

O xaguar (Panthera onca) é un felino carnívoro do xénero Panthera e a única das catro especies actuais deste xénero que se atopa en América. Tamén é o maior felino de América e o terceiro do mundo, despois do tigre e do león. A súa distribución actual esténdese desde o norte de México e gran parte de Centroamérica até o Perú, Paraguai e o norte da Arxentina. Exceptuando algunhas poboacións en Arizona (suroeste de Tucson), esta especie xa foi practicamente extirpada nos Estados Unidos desde principios da década de 1900.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.