Carlos Velo

Carlos Velo Cobelas, nado nos Pereiros (Cartelle) o 15 de novembro de 1909 e morto en México, onde viviu exiliado, o 1 de marzo de 1988[1], foi un cineasta galego e figura clave do cinema mexicano.

Carlos Velo
Carlos Velo
Caricatura de Carlos Velo
Nome completoCarlos Velo Cobelas
Nacemento15 de novembro de 1909
LugarPereiros (Cartelle)
Falecemento1 de marzo de 1988
LugarCidade de México
NacionalidadeMéxico e España
ProfesiónDirector de cine, produtor, guionista

Biografía

Casa familiar Carlos Jose Velo Cobelas, parroquia Cartelle, concello Cartelle
Casa familiar na parroquia de Cobelas, Cartelle.

Primeiros anos

Naceu nunha pequena aldea, onde o seu pai exercía de médico. De rapaz, trasládase á cidade de Ourense a estudar o bacharelato e despois Maxisterio. Nesta época coñece a Vicente Risco e da súa man embébese de galeguismo. Agroma tamén nestes anos a súa dobre vocación pola bioloxía e polo cinema.

Universidade

Por decisión familiar trasládase a Madrid para realizar a carreira de medicina, pero Velo decántase pola bioloxía.

Acada a licenciatura en 1932 e iníciase na investigación baixo a dirección de Cándido Bolívar Pieltain, quen tamén terminaría os seus días exiliado en México. Imparte na Universidade Central de Madrid as materias de entomoloxía e ciencias naturais. Curiosamente, dende a súa especialización como biólogo entrará en contacto co mundo profesional do cine, pois será Velo o encargado de subministrarlle a Luis Buñuel as formigas vermellas que precisaba na filmación de Un chien andalou[2].

Velo coñece a través das sesións de cinema da Residencia de Estudiantes a obra de Robert Flaherty, Eisenstein, Pudovkin, Vertov e Alexandre Dovxenko. Entusiasmado cos seus descubrimentos funda en 1933, e dirixe, o cineclub da FUE. De aí viña o seu coñecemento persoal de Federico García Lorca. A repetida visión e estudo d' O acoirazado Potemkin marcou para sempre a súa vocación polo cine, adentrándose na técnica cinematográfica da man de Fernando Gutiérrez Mantilla. Experimenta coa fotografía utilizando unha pequena cámara Leica. Froito da colaboración co Mantilla foi a estrea en Madrid o 27 de marzo de 1934 de La ciudad y el campo[3]. Tamén en 1934 realiza o documental, Almadrabas, ao que ía seguir Infinitos en 1935 con música de Rodolfo Halfter. Realiza Felipe II y el Escorial e axiña, durante unhas vacacións na terra, Galicia[4]. Cando este último documental se exhibiu na Exposición Internacional de París recibiu o primeiro premio e mais o diploma dun xurado que presidía Buñuel. Até o ano 2010 conservábanse só 8 minutos da cinta, pero nese ano unha copia de 20 minutos foi atopada en Moscova polo profesor Vladimir Magidov[5].

Guerra civil

Ao inicio da guerra civil atopábase en Segovia preparando as oposicións á cátedra de Ciencias Naturais. Marcha para Cartelle pensando en fuxir coa súa muller Marylin Santullano a Portugal; desiste do plan e remata en Marrocos filmando, por espazo de seis meses, Yerbala.

En febreiro do 39 cun salvoconduto do exército republicano pasa a Francia como refuxiado, para o campo de concentración de Saint Cyprien-Josafat.

Xunto coa muller, grazas aos irmáns Fernando e Susana Gamboa, embarca rumbo a México no vapor Flandre. Na capital mexicana, reúnese na casa do pintor David Alfaro Siqueiros canda outros intelectuais españois. Dá clases de Bioloxía Xeral no Instituto Politécnico Nacional, recentemente inaugurado polo presidente Lázaro Cárdenas e nacionalízase mexicano.

No número 6 da revista España Peregrina, de xullo de 1940, publica Galicia, paisaje de sangre. Realiza varias colaboracións sobre temas de cinema para a revista Romance. En 1942 colabora na fundación da revista Saudade, xunto a Florencio Delgado Gurriarán, Xosé Caridad Mateo e Ramiro Isla Couto. É membro da Unión de Profesores Universitarios Españoles que dirixe en México dende 1943 o científico Ignacio Bolívar y Urrutia (da que tamén son membros os galegos Bibiano Fernández Osorio-Tafall e Lois Tobío Fernández). Prosegue coa docencia en distintos centros ata que en 1944 decide abandonar o traballo afectado dunha forte depresión que lle causa a súpeta morte da muller.

Recupera azos mergullándose no cinema. Ocúpase dende 1946 ata 1953 da dirección do Noticiero Mexicano EMA e realiza os documentais México eterno, México incógnito e Historia de México. Coñece en 1952 ao produtor iucateco Manuel Barbachano Ponce co que realiza a curtametraxe Tele-revista. Cando ao ano seguinte os irmáns Barbachano fundan Teleproducciones, Velo pasará a ocupar o cargo de director técnico. Desenvolve para Barbachano o proxecto Cine Verdad e poñen en marcha o proxecto Raíces[7] da autoría de Velo, pero que por problemas sindicais asinará Benito Alazraki. Con Raíces obtivo o Premio da Crítica no Festival Internacional de Cannes en 1955. Para Fernando Gamboa realiza un gran documental sobre a pintura mural mexicana (Pintura mural mexicana. Retrato de un pintor, sobre Diego Rivera e Arte público, dedicado a David A. Siqueiros).

Actividades no exilio

Participa en diversas actividades alentadas polos exiliados. É, en 1949, un dos socios fundadores do Ateneo Español de México, ao igual ca outros galegos como José Almoina, Caridad Mateos, Manuel Porteiro Viñas e Arturo Souto. Identificado coa causa galeguista, será un dos fundadores en 1953 do Padroado da Cultura Galega (no cal se sumará á liña máis radical representada por Luís Soto) e, en 1958 alentará, sendo presidente do Padroado, a aparición da revista Vieiros que integra tamén a Florencio Delgado Gurriarán, Luís Soto e Elixio Rodríguez. Antes, en 1956 enviara ao Primeiro Congreso da Emigración de Buenos Aires a súa proposta para a creación dun Centro Cinematográfico Galego[8]. Realiza tamén un documental sobre a pintura do seu amigo Arturo Souto. É de salientar que o primeiro número de Vieiros codirixido por Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán e Luís Soto sae en 1959. Un segundo número, codirixido polos mesmos, sae en 1962. No terceiro, de 1965, Florencio Delgado é substitiuído por Xosé Caridad Mateo. O último número de Vieiros saíu na primavera de 1968[9].

En 1956 dirixe para a produtora de Barbachano a súa primeira longametraxe, Torero, trasunto cinematográfico da biografía de Luís Procuna, coa que recibe unha Mención do Xurado na 17 edición da Mostra de Venecia[10] e unha preselección na categoría Mellor Documental para o premio Óscar[11] de 1957. Dende o seu posto en Teleproducciones colabora de maneira decisiva en Nazarín (1958) de Buñuel e en Sonatas (1959) de Juan Antonio Bardem. A petición de Alfredo Guevara participa na creación do Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfica (ICAIC). En 1960, tamén con Barbachano, asume o desafío de levar ao cine Pedro Páramo[12], a novela do seu amigo Juan Rulfo. Carlos Fuentes colabora no guión, axudándolle a recrear a atmosfera do universo rulfiano. O mesmo Rulfo colabora na localización de paisaxes nos estados de México e Hidalgo. A película estréase en 1966 sen que Velo se considere satisfeito do resultado a pesar de que a crítica loa o coidado técnico e a fotografía en branco e negro. A polémica que arrodeou a presentación do filme lévao a un cine máis comercial. En 1967 a película presentouse ao Festival de Cannes[13].

Para a produtora da súa segunda muller, Angélica Ortiz, realiza Don Juan 67, Cinco de chocolate y uno de fresa, Alguien nos quiere matar e El medio pelo. En 1971 dirixe o Centro de Producción de Cortometraje dende o que impulsa unha fonda renovación do cine mexicano. En 1975 pasa a dirixir o Centro de Capacitación Cinematográfica, aceptándose a súa proposta de nomear a Buñuel Presidente honorario do mesmo. Segue a realizar documentais como Universidad comprometida, no cal inclúe o discurso de Salvador Allende aos estudantes da Universidade de Guadalaxara en decembro de 1972; esta curtametraxe foi premiada en 1976 co Colón de Oro do Público no II Festival de Cine Iberoamericano de Huelva[14]. Filma tamén Homenaje a León Felipe e Cartas de Japón.

Recoñecementos

Dende España, se ben moi tarde, comezan a chegarlle os recoñecementos. En 1976 a Filmoteca Española tribútalle unha homenaxe. En 1977 as V Xornadas de Cine de Ourense promoven unha primeira homenaxe galega, á que asiste o propio Velo. Pero, antes do recoñecemento pleno a un e outro lado do Atlántico, Velo habería de pasar serias dificultades. No sexenio do presidente José López Portillo foi inxustamente acusado, como logo se demostrou, de fraude na xestión de fondos públicos[15]. Os catro meses pasados no cárcere minguaron a súa saúde. Velo é reivindicado publicamente no sexenio de goberno do presidente Miguel de la Madrid, que en 1984 o nomea subdirector de medios audiovisuais no Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología.

Comezada a década dos oitenta, o Ministerio de Cultura do goberno español, presidido por Felipe González, encárgalle unha serie de curtametraxes, finalmente editadas en vídeo, sobre os republicanos exiliados en México. Velo realiza Tres pintores e Pintura e poesía. En 1983 recibe da Xunta de Galicia o premio "Mestre Mateo"[16] e en 1985 fíxoselle unha retrospectiva-homenaxe no Festival do Carballiño. Despois da súa morte en México, na súa memoria a Consellería de Cultura constituíu en 1989 o Premio de Guións "Carlos Velo". En 2009 recibiu a título póstumo o Premio Chano Piñeiro[17] xunto con Xosé Luis Cabo, María Bouzas e Xavier Villaverde.

Filmografía (incompleta)

Curtametraxes documentais

  • La ciudad y el campo (1934), B/N, 9 min. 31 s.[18], director e guionista
  • Almadrabas (1934), B/N, 21 min.[19], codirector e guionista
  • En un lugar de Castilla (1934), director e guionista
  • Felipe II y El Escorial (1935), B/N, 17 min. 20 s.[20], codirector e guionista
  • Infinitos (1935), B/N, codirector e guionista
  • Castillos en Castilla (1935), B/N, codirector e guionista
  • Galicia y Compostela (1935), codirector e guionista
  • Tarraco Augusta (1935), codirector e guionista
  • Saudade (1936), codirector e guionista
  • Yebala (1937), director
  • Galicia[21] (1937), director
  • Terra do chicle (Tierra de chicle)[22], (1952), 14 min. V.O. subtitulada en galego, director
  • Los que sí y los que no (1972), director, produtor e guionista
  • El rumbo que hemos elegido (1972), director, produtor e guionista
  • Cartas a Japón (1973), director, produtor e guionista
  • A la mitad del camino (1973), director, produtor e guionista
  • Baja California: Último paraíso (1973), director, produtor e guionista
  • Baja California: Paralelo 28 (1973), director, produtor e guionista (Carlos Velo foi candidato a XVI Premio Ariel na categoría Mellor Curtametraxe Documental por este filme[23])
  • Forum de Roma (1974), director, produtor e guionista
  • Homenaje a León Felipe[24] (1974), 13 min., director
  • Laberinto (1975), director, produtor e guionista
  • El pueblo maya (1983), director, produtor e guionista

Longametraxes documentais

  • Romancero marroquí (Der Stern von Tetuan) (1939), codirector
  • Toureiro (Torero!, 1956), B/N, 80 min., director e guionista (Mención do Xurado na 17 edición da Mostra de Venecia (1956); candidata ao Mellor Documental no premio Óscar (edición 30 de 1957); escollida como un dos Mellores Filmes Estranxeiros (Top Foreign Films) polo National Board of Review of Motion Pictures en 1957[25] canda Ordet, Gervaise, The Red Baloon e A Man Escaped)

Longametraxes de ficción

  • Entre hermanos (1944), coguionista (Carlos Velo, xunto con Emilio Fernández e Mauricio Magdaleno, foi candidato a I Premio Ariel na categoría Mellor Guión Adaptado por este filme[26])
  • Raíces (1953), B/N, 103 min., guionista
  • Chistelandia (1958), codirector
  • Nueva Chistelandia (1958), codirector
  • ¡Vuelve Chistelandia! (1958), codirector
  • Nazarín (1958), B/N, 93 min., conselleiro de produción
  • Sonatas (Aventuras del marqués de Bradomín) (1959), produtor
  • Don Xoán 67 (Don Juan 67, 1966), director e guionista
  • Pedro Páramo (1969), director
  • Secreto eterno (1966)
  • Cinco de chocolate e un de amorodo (Cinco de chocolate y uno de fresa, 1967) director e guionista
  • El medio pelo (1970) director e guionista
  • Alguien nos quiere matar (1977) director e guionista

Literatura

Relatos

Documentos

  • Informe. O Centro Cinematográfico Galego: Un manifesto de intencións. Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires en 1956[8].
  • O Centro de Imaxe de Galicia. Axencia Audiovisual Galega.[28]

Notas

  1. Manuel Gónzalez Álvarez (1992). CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe). Dirección Xeral de Cultura. Consellería de Cultura e Xuventude. Xunta de Galicia., ed. Documentos para a Historia do Cine en Galicia 1970/1990. pp. Bio–filmografía de Carlos Velo páx. 472. ISBN 84-453-0343-0. (en galego)
  2. 2,0 2,1 2,2 Entrevista de Maribel Outeiriño a Carlos Velo en La Región, Ourense (17 de outubro de 1976). "Carlos Velo: A defensa da lingoa e da nacionalidade a través do cine é importantísima". Entregas de Comunicación Cultural (Imaxe. Número Extra 01.08.1985): páx. 6 e 7. (en galego)
  3. Francisco Aranda (1953). "Curtametraxes. O binomio Velo-Mantilla. Cine da Vanguarda en España". Entregas de Comunicación Cultural (Imaxe. Número Extra 01.08.1985): páx. 44 e 45. (en galego)
  4. Pepe Coira (2005). Editorial Biblos vía Axencia Audiovisual Galega, ed. "No verán de 1940. Crónica da película O carro e o home" (PDF) (en en galego). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2007. Consultado o 3 de novembro de 2009. Naquela casa (—a avoa materna de Xocas tiña casa nunha aldea de Lobeira, en Facós.—) se refuxiara o cineasta Carlos Velo buscando fuxir da represión franquista ó inicio da guerra e antes, en ocasión máis propicia, a visitara para rodar algunhas secuencias do seu documental Galicia, filmado en 1935. “Velo coñecía Lobeira por min. Fora pasar uns días alí comigo. E, claro, aproveitou. Viña facer ese documental sobre Galicia e aproveitou a ocasión para facer cousas de Lobeira”.
  5. "Galicia, la histórica película de Carlos Velo, hallada en Moscú tras 70 años perdida", artigo de Daniel Salgado en El País, 16 de decembro de 2010 (en castelán).
  6. Luis Álvarez Pousa (26 de maio - 2 de xuño de 1977). "Teima Nº 24". Entregas de Comunicación Cultural (Imaxe. Número Extra 01.08.1985): páx. 10 a 13.
  7. (...) quizá haya que atribuirle más que a Benito Alazraki, que la firmó, la realización de Raíces. Georges Sadoul. Fonte: Georges Sadoul (1977). Colección Fundamentos. Ediones Istmo, ed. Diciconario del Cine. Dictionnarie des Cineastes. Editions du Seuil. París. pp. Bio–filmografía de Carlos Velo páx. 457. ISBN 84-7090-083-8. (en castelán)
    Aínda que Sadoul e outros investigadores cinematográficos consideran que o meu traballo nela foi moito, en realidade unicamente fun o montador, o supervisor e o que rematou a película; por iso atribuíseme máis do debido. Carlos Velo. Fonte: Augusto Martínez Torres, Manuel Pérez Estremera (Xullo de 1967). "O Cine: Entrevista con Carlos Velo. Revista Nuestro Cine Nº 63". Entregas de Comunicación Cultural (Imaxe. Número Extra 01.08.1985): páx. 25 a 31.
  8. 8,0 8,1 Carlos Velo (Xullo de 1956). Distribuído por culturagalega.org, ed. "Ponencia "Proposta de creación do Centro Cinematográfico Galego"" (PDF) (en en galego e en castelán). Consultado o 3 de novembro de 2009.
  9. Padroado da Cultura Galega do México vía hemeroteca da Deputación de Pontevedra (ed.). "Sumarios dos números: 1 (1959), 2 (1962), 3 (1965) e 4 (1968) de VIEIROS. Revista do Padroado da Cultura Galega do México". Consultado o 5 de novembro de 2009.
  10. La Biennale di Venezia (ed.). "TORERO. Segnalazione della Giuria. 17. Mostra Internazionale d'Arte Cinematografica (1956)" (Inclúe un ficheiro en formato WMV, 1,97 MB, cuns segundos do filme.) (en italiano). Consultado o 3 de novembro de 2009..
  11. Datos procedentes da base de datos (The Official Academy Awards® Database Arquivado 08 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.) da páxina oficial dos premios Óscar (edición 30 de 1957): Albert Schweitzer, Jerome Hill, produtor (gañador); On the Bowery, Lionel Rogosin, produtor; Torero!, Manuel Barbachano Ponce, produtor. (en inglés)
  12. Augusto Martínez Torres, Manuel Pérez Estremera (Xullo de 1967). "O Cine: Entrevista con Carlos Velo. Revista Nuestro Cine Nº 63". Entregas de Comunicación Cultural (Imaxe. Número Extra 01.08.1985): páx. 25 a 31.
  13. "Pedro Páramo no arquivo do Festival de Cannes.". Festival de Cannes (ed.). "Ficha de Pedro Páramo" (en en francés). Consultado o 3 de novembro de 2009.. (en inglés)
  14. Festival de Cine Iberoamericano de Huelva (ed.). "Colón de Oro do Público á Mellor Curtametraxe ‘Universidad comprometida’, de Carlos Velo (México)" (en en castelán). Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2010. Consultado o 4 de novembro de 2009.
  15. Mireya Cuellar (México D.F. 18 de febreiro de 2004). La Jornada, ed. "Corrupción, frivolidad y despilfarro, ejes del sexenio lopezportillista" (en en castelán). Consultado o 6 de novembro de 2009. Los desplantes de una de las hermanas, Margarita -a quien el presidente llamaba mi piel; si la tocan, me hieren...!-, eran motivo de tantos comentarios como la esposa. A Magui la hizo directora de Radio, Televisión y Cinematografía (RTC). (...) mandó encarcelar, injustamente, como se supo más tarde, a los cineastas Carlos Velo y Bosco Arochi (...)
    Entre las tropelías cometidas por "Macartita" López Portillo para el desmantelamiento del cine nacional, anota las de "destinar los recursos nacionales a financiar la producción extranjera, promover el retorno y las convenciones del pasado, borrar la cultura cinematográfica", y también la de "enviar a la cárcel a algunos de los responsables de la política anterior, como el veterano cineasta de origen español Carlos Velo".
    Fonte: Miguel Anxo Fernández, na pax. 217 de Las imágenes de Carlos Velo (versión en castelán de As imaxes de Carlos Velo) cita a Paulo Antonio Paranaguá (autor de Cine documental en América Latina). Consultado o 6 de novembro de 2009

    Ricardo Ibarra (19 de xuño de 2006). La Gaceta, ed. "Neoliberalismo y cine en México" (PDF) (en en castelán). Consultado o 6 de novembro de 2009. Pero al arribo de López Portillo, en 1977, reinició el proceso de privatización. Su administración terminó de eliminar el Banco Nacional Cinematográfico, creó un fraude en la industria fílmica y comenzó a cortar algunas cabezas. Una de ellas fue la de Carlos Velo, funcionario del cine que fue encarcelado por la supuesta estafa. El Universal, ed. (19 de febreiro de 2004). "Censura total" (en en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2012. Consultado o 6 de novembro de 2009. Para 1979, Margarita López acusó de un fraude de 4 mil 500 millones de pesos a varios funcionarios del cine, los envió a la cárcel, pero nunca se comprobó el fraude. Entre los encarcelados figuraban Fernando Macotela, Carlos Velo y Bosco Arochi.

  16. Luis Álvarez Pousa, Isaac Díaz Pardo, Carlos García Martínez, Pedro de Llano Cabado, María Luisa Sobrino Manzanares, Manuel Chamoso Lamas, Manuel Nuñez Rodríguez (22 de decembro de 1983). "Acta do Premio Mestre Mateo a Carlos Velo". Entregas de Comunicación Cultural (Imaxe. Número Extra 01.08.1985): páx. 62. (en galego)
  17. 2009, 4º Premio Chano Piñeiro. Acta do xurado do 14 de decembro de 2009.
  18. MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), ed. (maio – xuño de 2005). "Programa do Ciclo de Cine. Monográfico Carlos Velo. Parte integrante da exposición “DIÁSPORA. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano (1930-1970)”" (en en galego). Consultado o 5 de novembro de 2009. Segundo testemuño de Velo duraba completo pouco máis de trinta e cinco minutos.
  19. MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), ed. (maio – xuño de 2005). "Programa do Ciclo de Cine. Monográfico Carlos Velo. Parte integrante da exposición “DIÁSPORA. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano (1930-1970)”" (en en galego). Consultado o 5 de novembro de 2009. É a única curtametraxe de Velo do período republicano que se conserva completa, sen manipulacións.
  20. MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), ed. (maio – xuño de 2005). "Programa do Ciclo de Cine. Monográfico Carlos Velo. Parte integrante da exposición “DIÁSPORA. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano (1930-1970)”" (en en galego). Consultado o 5 de novembro de 2009. Copia sonorizada con posterioridade, con música de Martínez-Azagra e un comentario que desvirtúa o sentido orixinal das imaxes de Velo e Mantilla; como lembra Velo “sen relación coa imaxe. É unha agresión ao orixinal”..
  21. Daniel Salgado (09.10.2009). El País. Galicia, ed. "Os filmes perdidos de Carlos Velo" (en en galego). Consultado o 3 de novembro de 2009.
  22. Margarita Ledo Andión (2006). A Trabe de Ouro. Revista de Pensamento Crítico vía Axencia Audiovisual Galega, ed. "Na decuberta de Terra do chicle. Carlos Velo, México, 1952" (PDF) (en en galego). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de abril de 2012. Consultado o 3 de novembro de 2009.
  23. Academia Mexicana de Artes y Ciencias Cinematográficas (ed.). "XVI Premios Ariel do cine mexicano (1974)" (en en castelán). Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2014. Consultado o 4 de novembro de 2009.
  24. CGAI vía Axencia Audiovisual Galega, ed. (marzo de 2009). "Ciclo "Cine e Exilio" Centro Galego das Artes da Imaxe" (PDF) (en en galego). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de abril de 2012. Consultado o 5 de novembro de 2009.
  25. "National Board of Review of Motion Pictures Awards 1957" (en en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2007. Consultado o 5 de novembro de 2009.
  26. Academia Mexicana de Artes y Ciencias Cinematográficas (ed.). "I Premios Ariel do cine mexicano (1947)" (en en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2014. Consultado o 4 de novembro de 2009.
  27. Algunhas das ilustracións do libro: Hedy Lamarr, 1933, Bessie Love, 1921, Edwina Booth, 1930, Renée Adorée, 1924, Norma Talmadge, 1927, Lupe Vélez, 1929...
  28. Carlos Velo (Data de publicación 01.03.2007). Historia do audiovisual de Galicia. Axencia Audiovisual Galega, ed. "O Centro de Imaxe de Galicia" (PDF) (en en galego). Consultado o 3 de novembro de 2009.[Ligazón morta]

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

15 de novembro

O 15 de novembro é o 319º día do ano no Calendario Gregoriano e o 320º nos anos bisestos. Quedan 46 días para rematar o ano.

1909

1909 foi Ano Santo Xacobeo.

1 de marzo

O 1 de marzo é o 60 día do ano do calendario gregoriano e o 61º nos anos bisestos. Quedan 305 días para finalizar o ano.

Cinema de Galicia

Considérase cinema galego o audiovisual realizado en Galicia ou producido por empresas galegas.

Fernando Redondo Neira

Fernando Redondo Neira, nado en Camporrapado, Boqueixón, é un xornalista e investigador galego.

Galería de imaxes de Galicia

Galería de imaxes de Galicia.

Ignacio Vilar

Xosé Ignacio Vilar Díaz, coñecido como Ignacio Vilar, nado en Petín en 1951, é un director galego de cinema.

Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo, nado en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1920 e finado na Coruña o 5 de xaneiro de 2012, foi un intelectual, artista e empresario galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia, acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.

Luís Soto

Luís Soto Fernández, nado en Podentes (A Bola) o 7 de decembro de 1902 e falecido en Cidade de México o 12 de novembro de 1981, foi un político e xornalista galego.

Margarita Ledo Andión

Margarita Ledo Andión, nada en Castro de Rei o 5 de febreiro de 1951, é unha xornalista, escritora e cineasta galega.

Miguel Anxo Fernández

Miguel Anxo Fernández Fernández, nado no Carballiño o 20 de setembro de 1955, é un escritor, ensaísta e investigador cinematográfico galego.

Os Pereiros, Cartelle, Cartelle

Os Pereiros é un lugar da parroquia de Cartelle, no concello ourensán de Cartelle, na comarca da Terra de Celanova.

Tiña 41 habitantes no ano 2011 segundo datos do INE e do IGE, dos cales 19 eran homes e 22 mulleres. Iso supón unha diminución da poboación respecto a 2010, cando tiña 42 habitantes (20 homes e 22 mulleres).

Segundo o IGE, no 2008 tiña 43 habitantes (20 homes e 23 mulleres), o que supón unha diminución de 7 habitantes con respecto ao ano 1999.

Nesta aldea naceu en 1909 o cineasta Carlos Velo.

Padroado da cultura galega de México

O Padroado da Cultura Galega de México foi unha asociación creada o 29 de xuño de 1953 coa finalidade de promover distintas iniciativas culturais relacionadas coa cultura galega.

Ramiro Isla Couto

Ramiro Isla Couto, nado en Arnois (A Estrada) o 8 de marzo de 1896 e falecido en Vigo o 5 de decembro de 1987, foi un empresario e dinamizador cultural da emigración galega.

Residencia de Estudiantes

A Residencia de Estudiantes, localizada en Madrid, é un centro fundado en 1910 pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, produto directo das ideas renovadoras que iniciara en España o krausista Francisco Giner de los Ríos coa fundación en 1876 da Institución Libre de Enseñanza. Desde o primeiro momento quixo ser un complemento educativo á universidade no que se formasen os fillos das clases dirixentes liberais. Por ela pasaron figuras como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Jorge Guillén, Luis Buñuel, o ourensán Carlos Velo, a viguesa de orixe rusa Lydia Kúper ou o lugués Luís Pimentel.

Vieiros

Vieiros pode referirse a:

Vieiros, lugar da parroquia da Seara, no concello de Quiroga;

Vieiros, libro de poesía de Ricardo Carvalho Calero (1931);

Vieiros, revista galega creada en México (1959-1968);

Vieiros, xornal electrónico (1996-2010);

Vieiros, documental sobre Carlos Velo dirixido por Laura Gárdos Velo (1999).

Vieiros (revista)

Vieiros, subtitulada como “Revista do Padroado de Cultura Galega de México”, é unha revista galega, cultural e literaria, creada en México en 1959 que deixou de editarse en 1968, tras publicar unicamente catro números. Tiña carácter cultural, antifascista e galeguista e o seu obxectivo era crear unha publicación galega de calidade no exilio e servir de ponte entre exiliados e galegos en España.

Xosé Peña Fraga

Xosé Peña Fraga, coñecido como Pepet, nado en Ortigueira cara 1893 e falecido nos anos setenta dese século, foi un actor de cinema galego. Sábese moi pouco da súa vida, a pesar de que interpretou como secundario máis de trinta filmes en Hollywood e outros trinta en México.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.