Carlos III de España

Carlos III (Carlos Sebastián de Borbón y Farnesio), nado en Madrid o 20 de xaneiro de 1716 e finado o 14 de decembro de 1788, foi rei de Nápoles e Sicilia entre 1734 e 1759 e de España entre 1759 e 1788, pertencente á Casa de Borbón.

Era o terceiro fillo home de Felipe V, o primeiro que tivo coa súa segunda muller, Isabel de Farnesio, polo que foi o seu irmán paterno Fernando VI quen sucedeu ao seu pai no trono español. Carlos serviu á política familiar como unha peza na loita por recuperar a influencia española en Italia: herdou inicialmente da súa nai os ducados de Parma, Piacenza e Toscana (1731); pero máis tarde, ao conquistar Filipe V o Reino de Nápoles e Sicilia no curso da Guerra de Sucesión de Polonia (1733-1735), pasou a ser rei daqueles territorios co nome de Carlos VII. Contraeu matrimonio en 1729 con María Amalia de Saxonia, filla do Rei de Polonia.

Carlos III de España
Charles III of Spain high resolution
Nacemento20 de xaneiro de 1716
 Madrid
Falecemento14 de decembro de 1788
 Madrid
SoterradoCripta Real do Mosteiro do Escorial
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupacióngobernante
PaiFilipe V de España
NaiIsabel de Farnesio
CónxuxeMaría Amalia de Saxonia
FillosMaria Josefa de Espanha, Maria Luísa da Espanha, Infante Felipe, Duque de Calábria, Carlos IV de España, Fernando I das Dúas Sicilias, Gabriel de Borbón, Antonio Pascual de Borbón e Francisco Xavier de Espanha
IrmánsMariana Vitória de Bourbon, Maria Rafaela Teresa de Espanha, Maria Antonieta de Bourbon, Fernando VI de España, Luís I de España, Filipe I de Parma, Luis Antonio de Borbón y Farnesio e Filipe Pedro de Espanha
PremiosCabaleiro da orden do Espírito Santo, Cabaleiro da Orden de San Miguel e Cabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro
Autograph Charles III of Spain

Rei de Nápoles e Sicilia

Durante o seu reinado en Nápoles e Sicilia, soubo gobernar, reformar e modernizar o reino, unificándoo, conquistando o amor dos cidadáns xunto coa súa amada esposa María Amalia de Saxonia, continuou as súas guerras contra Austria e participou xunto con Francia e España nos chamados "Pactos de Familia"

Logo da modernización do estado, dedicouse a explorar as artes, protexeu os pensadores científicos, comezou as escavacións das ruínas de Pompeia. A morte sen descendencia de Fernando VI de España, fixo recaer en Carlos a Coroa de España, que pasou a ocupar en 1759, deixando con gran tristeza tanto dos reis como do pobo, a coroa do Reino de Nápoles e Sicilia ao seu terceiro fillo, Fernando I.

Rei de España

Tralos falecementos de Luís I e de Fernando VI sen descendencia, o trono de España pasou a Carlos III, fillo maior de Filipe V e Isabel de Farnesio, con grande experiencia de goberno como rei de Nápoles.

Política exterior

O primeiro asunto que o Rei tivo que tratar foi a Guerra dos Sete Anos. O monarca español viuse obrigado a tomar parte na guerra trala ocupación británica de Honduras e a perda da colonia francesa de Quebec, o que requiriu a intervención española no conflito para frear o expansionismo británico por América.

En 1761 asinarase o Terceiro Pacto de Familia e España entrou no conflito bélico. A guerra terminou coa Paz de París de 1763. España cedeu a Gran Bretaña a Florida e territorios de golfo de México, a cambio da Habana e Manila, conquistadas polos británicos, e a Luisiana francesa. Portugal, aliado británico, recuperou Colonia de Sacramento.

España continuou a alianza francesa. Así, na guerra de independencia dos Estados Unidos, interveu xunto a Francia contra Gran Bretaña en apoio á emancipación das trece colonias británicas. O Tratado de Versalles de 1783 puxo fin á guerra. España recuperou Florida, os territorios do golfo de México, aínda que non puido facer o mesmo con Xibraltar. España, desta forma, contribuíu á independencia dos Estados Unidos, feito que creou un precedente para a emancipación das colonias españolas no século XIX.

O monarca interveu no norte de África co dobre obxectivo de conseguir liberar o mar de piratas berberiscos e obter concesións económicas.

Política interior

En política interior, o intento de modernizar a sociedade utilizando o poder absoluto do monarca baixo un programa Ilustrado denominouse despotismo ilustrado.

Despotismo Ilustrado

Carlos III Real Jardín Botánico de Madrid
Carlos III de España estatua do Real Xardín Botánico de Madrid.

Na liña do despotismo ilustrado propio da súa época, Carlos III realizou importantes reformas -sen crebar a orde social, política e económica básica- con axuda dun equipo de ministros e colaboradores ilustrados como Esquilache, Aranda, Campomanes, Floridablanca, Wall e Grimaldi.

En 1783 Carlos III promulga a pragmática que recolle os seguintes aspectos:

  1. Os xitanos son cidadáns españois.
  2. Debe deixarse de dicir xitano xa que tódolos cidadáns son iguais.
  3. Os nenos deben ir á escola a partir dos 4 anos.
  4. Os xitanos son libres de fixar a súa residencia.
  5. Os xitanos poden empregarse ou traballar en calquera actividade.
  6. Os xitanos teñen dereito a asilo e atención aos seus enfermos.
  7. Os gremios que impidan a entrada ou se opoñan á residencia dos xitanos serán penalizados.
  8. Impóñense penas a quen obstaculice a integración dos xitanos.

Así a todo, para que o xitano poida gozar destas igualdades, debe de cumprir unhas condicións:

  • Abandonar a súa forma de vestir.
  • Non usar a súa lingua (o caló) en público.
  • Asentarse e abandonar a vida errante.

O monarca nomeou a marqués de Esquilache Secretario de Facenda. Este incorporou señoríos á Coroa, controlou aos sectores eclesiásticos e reorganizou as Forzas Armadas. O seu programa de reformas e a intervención española na guerra dos Sete Anos provocaron que se necesitasen máis ingresos, que se conseguiron cun aumento da presión fiscal e novas fórmulas, como a creación da Lotería Nacional. Ao mesmo tempo liberalizou o comercio dos cereais, o que orixinou unha subida dos prezos dos produtos de primeira necesidade por mor das especulacións dos acaparadores e das malas colleitas dos últimos anos.

En marzo de 1766 produciuse o Motín de Esquilache. O seu detonante foi a orde de cambiar a capa longa e o chapeu de á ancha dos madrileños pola capa curta e o chapeu de tres picos. A manipulación realizada por sectores nobiliarios e eclesiásticos converteuno nun ataque directo á política reformista levada a cabo por ministros estranxeiros do goberno do Rei. De Madrid, trasladouse ás provincias afectando a cidades como Cuenca, Zaragoza, A Coruña, Oviedo, Santander, Bilbao, Barcelona, Cádiz e Cartaxena entre outras moitas. O aglutinador común foi a protesta pola escaseza e o alza dos prezos dos alimentos ocasionados pola liberalización do comercial.

Os amotinados esixiron a redución do prezo dos alimentos e a supresión da Xunta de Abastos, a derrogación da orde sobre a vestimenta, o cesamento de ministros estranxeiros de Carlos III e a súa substitución por españois e un perdón xeral. O monarca desterrou a Esquilache e nomeou no seu lugar ao conde de Aranda.

Desaparecidos os ministros estranxeiros, o Rei apoiouse nos reformistas españois como Pedro Rodríguez de Campomanes, o conde de Aranda ou o conde de Floridablanca. Campomanes, nomeado fiscal do Consello de Castela tratou de demostrar que os verdadeiros indutores do motín de Esquilache foran os xesuítas. Nomeouse unha comisión de investigación e as súas principais acusacións foron:

  • As súas grandes riquezas.
  • O control dos nomeamentos e da política eclesiástica.
  • O seu apoio ao Papa.
  • A súa lealdade ao marqués da Ensenada.
  • A súa participación nos asuntos de Paraguai
  • A súa intervención no devandito motín.

Sectores da nobreza e diversas ordes relixiosas estiveron claramente en contra. Por todo iso, mediante o decreto real do 27 de febreiro de 1767, foron expulsados de España e tódolos seus dominios e posesións foron confiscadas.

A expulsión dos xesuítas quíxose aproveitar para realizar unha reforma do ensino que debía fundamentarse nas disciplinas científicas e na investigación. Someteu as universidades ao padroado real e creou en Madrid os Estudos de San Isidro (1770) como centro moderno de ensino medio destinado a servir de modelo e tamén as Escolas de Artes e Oficios, que perduraron ata o século XX (cando pasaron a chamarse Escolas de Formación Profesional, EFP). As propiedades dos xesuítas foron utilizadas para a creación de novos centros de ensino e residencias universitarias. As súas riquezas, para beneficiar aos sectores máis necesitados, dedicáronse á creación de hospitais e hospicios.

O impulso cara á reforma da agricultura durante o reinado de Carlos III veu de man das Sociedades Económicas de Amigos do País e a súa aparición. Campomanes, influído pola fisiocracia centrou a atención nos problemas da agricultura. No seu Tratado da Regalía da Amortización, defendeu a importancia desta para conseguir o benestar do Estado e dos cidadáns e a necesidade dunha máis equitativa distribución da terra.

En 1787, Campomanes elaborou un proxectou de repoboación das zonas deshabitadas das terras de reguengo de Serra Morena e do val medio do Guadalquivir. Para iso, e supervisado por Pablo de Olavide, intendente real de Andalucía, trouxéronse inmigrantes centroeuropeos. Tratábase principalmente de católicos alemáns e flamengos, para fomentar a agricultura e a industria nunha zona despoboada e ameazada polo bandoleirismo. O proxecto foi financiado polo Estado. Fundáronse así novos asentamentos como A Carolina, A Carlota ou A Luisiana, nas actuais provincias de Xaén, Córdoba e Sevilla.

Reorganizouse o exército, ao que dotou dunhas Ordenanzas en 1768 destinadas a perdurar ata o século XX e impulsouse o comercio colonial: formando compañías como a de Filipinas e liberalizando o comercio con América en 1778. Tamén destaca o Decreto de libre comercio de grans de 1765.

Entre as formulacións teóricas para o desenvolvemento da industria destacou o Discurso sobre o fomento da industria popular de Campomanes, para complementar con ela a economía das zonas rurais e facer posible o seu autofornecemento. As Sociedades Económicas de Amigos do País encargáronse da industria e a súa teoría nesta época.

Outras medidas reformistas do reinado foron a creación do Banco de San Carlos, en 1782 e a construción de obras públicas, como a Canle Imperial de Aragón e un plan de camiños reais de carácter radial, con orixe en Madrid e destino Valencia, Andalucía, Cataluña e Galicia.

  • A nobreza: Descendeu en número, debido á desaparición dos fidalgos nos censos polas medidas restritivas cara a este grupo polo Rei. Representaba o 4% do total da poboación. O seu poder económico acrecentouse grazas aos matrimonio entre familias da alta nobreza, que propiciaron unha progresiva acumulación de bens patrimoniais. O Rei mediante un decreto en 1783 aprobou o traballo manual e recoñeceuno, favorecendo aos nobres. A partir dese momento os nobres podían traballar, cousa que antes non podían facer, unicamente podían vivir das súas riquezas. Os títulos nobiliarios aumentaron coas concesións feitas por Felipe V e Carlos III. Creáronse a Orde Militar de Carlos III e a das Reais Mestranzas con estatutos nobiliarios. En contrapartida puxéronse numerosas restricións aos morgados e aos señoríos, aínda que nunca chegaron a desaparecer durante o reinado.
  • O clero: Integrou a un 2% da poboación. A Igrexa posuía cuantiosas riquezas. Segundo o Catastro de Ensenada era propietaria da sétima parte das terras de labor de Castela e da décima parte do gando lanar. Aos bens inmobles engadíanse o cobramento dos décimos, aos que se descontaban as terzas reais, e outros ingresos como rendas hipotecarias ou alugamentos. A diocese máis rica era a de Toledo, cunha renda anual de 3 500 000 reais.
  • O estado raso: Era o grupo máis numeroso. Nel atopábanse o campesiñado, que gozaban de certa estabilidade económica. Os xornaleiros sufrían situacións de miseria. De acordo co Catastro de Ensenada, os artesáns representaban o 15% do total dos asalariados e tiñan mellores retribucións cós campesiños. A burguesía comezou a despuntar timidamente en España. Localizada na periferia peninsular, identificouse cos propósitos reformistas e os ideais ilustrados do século. Foi especialmente importante en Cádiz, polo monopolio comercial americano, Barcelona e Madrid.

A herdanza: unha Nación

Monumento a Carlos III (Madrid) 01
Estatua ecuestre de Carlos III en Madrid.

Cando o rei morreu en 1788 terminou a historia do reformismo ilustrado en España, pois o estoupido case inmediato da Revolución Francesa ao ano seguinte provocou unha reacción de terror que converteu o reinado do seu fillo e sucesor, Carlos IV, nun período moito máis conservador. Axiña, a invasión francesa arrastraría ao país a un ciclo de revolución e reacción que marcaría o século seguinte, sen deixar espazo para continuar un reformismo sereno como o que desenvolvera Carlos III.

Entre os aspectos máis duradeiros da súa herdanza quizabes haxa que destacar o avance cara á configuración de España como nación, á que dotou dalgúns símbolos de identidade (como o himno e a bandeira) e ata dunha capital digna de tal nome, pois se esforzou por modernizar Madrid (coa construción de paseos e traballos de saneamento e iluminación pública) e engrandecela con monumentos (da súa época datan a Porta de Alcalá, o Museo do Prado -concibido como Gabinete de Historia Natural- ou a inauguración do novo Xardín Botánico, en substitución do antigo de Migas Quentes) e con edificios representativos destinados a albergar os servizos da crecente administración pública. O impulso aos transportes e comunicacións interiores (coa organización do Correo como servizo público e a construción dunha rede radial de estradas que cubrían todo o territorio español converxendo sobre a capital) foi, sen dúbida, outro factor político que actuou no mesmo sentido, acrecentando a cohesión das diversas rexións españolas.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Domínguez Ortiz, Antonio (2005). Carlos III y la España de la Ilustración. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-5970-3.
  • Ferrer del Río, Antonio (1856). Historia del reinado de Carlos III en España. Madrid: Imprenta de los señores Matute y Compagni.
  • Lynch, John (1991). El siglo XVIII. Barcelona: Ed. Crítica. ISBN 9788474234961
14 de decembro

O 14 de decembro é o 348º día do ano do calendario gregoriano e o 349º nos anos bisestos. Quedan 17 días para finalizar o ano.

20 de xaneiro

O 20 de xaneiro é o 20º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 345 días para finalizar o ano, 346 nos anos bisestos.

Anverso

Anverso (do latín anteversus, composto de ante, diante, e versus, volto) é a cara ou face que se considera principal nas moedas e medallas por levar o busto ou efixie do rei, príncipe, persoa, divisa ou alegoría. É o contrario de reverso.

Por extensión, tamén se chama anverso á cara principal de por exemplo un sobre ou un papel notarial numerado, etc.

Carlos IV de España

Carlos IV de Borbón, nado no Palacio Real de Portici (Reino de Nápoles) o 11 de novembro de 1748 e finado en Roma (Estados Pontificios) o 20 de xaneiro de 1819, foi rei de España desde o 14 de decembro de 1788 até o 19 de marzo de 1808 cando, como consecuencia do golpe de Estado que pasou á historia como o motín de Aranjuez, abdicou en favor do seu fillo Fernando, príncipe de Asturias.

Era fillo e sucesor de Carlos III e da súa esposa María Amalia de Saxonia.

Despotismo ilustrado

O despotismo ilustrado (tamén coñecido como absolutismo ilustrado) é un concepto político que se enmarca dentro das monarquías absolutas e que pertence ós sistemas de goberno do Antigo Réxime europeo. Porén, inclúe as ideas filosóficas da Ilustración, segundo as que as decisións do home son guiadas pola razón e a filosofía política do seu goberno descansa no dereito natural. Os monarcas desta doutrina contribuíron ó enriquecemento da cultura dos seus países e adoptaron un discurso paternalista.

Década de 1770

A década de 1770 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1770 e remata o 31 de decembro de 1779.

Década de 1780

A década de 1780 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1780 e remata o 31 de decembro de 1789.

Escalo (peixe)

O escalo (Squalius carolitertii, Doadrio 1988; antes Leuciscus carolitertii) é un peixe de augas doces propio dos ríos do noroeste de España e norte de Portugal. Pertence á familia Cyprinidae, da orde dos cipriniformes.

Recibiu o nome en honor do rei Carlos III de España.

Fernando I das Dúas Sicilias

Fernando I de Borbón-Dúas Sicilias (bautizado como Fernando Antonio Pascual Juan Nepomuceno Serafín Jenaro Benedicto), nado Nápoles o 12 de xaneiro de 1751, e finado na mesma cidade o 4 de xaneiro de 1825, foi un infante de España que ocupou os tronos de Nápoles (como Fernando IV) en tres períodos de tiempo (1759-1799, 1799-1806 e 1815-1816), Sicilia (como Fernando III) (1759-1816) e das Dúas Sicilias, Estado formado polos dous anteriores en 1816, do que foi monarca, como Fernando I, até a súa morte en 1825.

Era o terceiro fillo de Carlos III de España e María Amalia de Saxonia. Cando seu pai herdou a coroa española (o seu medio irmán Fernando morrera sen descendencia), Fernando converteuse no herdeiro do reino napolitano do seu pai, pois os acordos internacionais impedían que se reuniran ambas as coroas. Ningún dos seus irmáns ou irmás o sobreviviron, sendo ademais o fillo de Carlos III que reinou por máis tempo, concretamente en Sicilia de forma ininterrompida durante 66 anos, entre 1759 e 1825.

Fernando foi nomeado á vez Fernando III de Sicilia e Fernando IV de Nápoles.

O 23 de xaneiro de 1799, o Reino de Nápoles foi declarado abolido para ser substituído pola República Napolitana ou República Partenopea, unha República irmá, satélite da Primeira República freancesa) que soamente duraría até o 13 de xuño de 1799. Fernando foi restaurado no trono por un curto espazo de tempo, porque o 30de marzo de 1806, o emperador Napoleón I de Francia declarou a Fernando deposto e nomeou rei ao seu irmán maior Xosé Bonaparte.

Fernando foi restaurado por terceira vez pola súa vitoria na batalla de Tolentino, o 3 de maio de 1815 sobre o monarca rival Xoaquín I, que sucedera a Xosé I cando este foi nomeado rei de España por Napoleón.

Despois da caída de Napoleón, e tras o Congreso de Viena, o 8 de decembro de 1816, Fernando, por acordo das potencias do Congreso, reuniu os tronos de Sicilia e Nápoles no Reino das Dúas Sicilias e continuiu rexendo como gobernante, como Frrnando I, até a súa morte o 4 de xaneiro de 1825.

Filipe V de España

Filipe V de España, nado no Palacio de Versalles o 19 de decembro de 1683 e finado en Madrid o 9 de xullo de 1746, alcumado o Animoso, era duque de Anjou e neto do rei de Francia Luís XIV e da raíña consorte a infanta de España María Tareixa. Foi rei de España dende o 15 de novembro de 1700 ata a súa morte; sucedeu o seu tío-avó (último monarca da Casa de Habsburgo) Carlos II. Desta maneira vai ser o primeiro monarca da Casa de Borbón.

Fossar de les Moreres

O Fossar de les Moreres (en galego: Camposanto das Moreiras) é unha praza da cidade de Barcelona onde hai un memorial de guerra polos mortos que houbo no Sitio de Barcelona, no marco da Guerra de Sucesión Española. O motivo polo que se atopa o memorial de guerra é que este lugar era, durante o asedio, a fosa común adxacente á basílica de Santa Maria del Mar, onde foron enterrados moitos dos defensores da cidade.

Cataluña, que en virtude do Pacto de Xénova aliñárase, xunto co resto de territorios que formaban a Coroa de Aragón, co arquiduque Carlos de Austria e en contra de Filipe V e Castela, acabou perdendo a guerra e, coa derrota, perdeu tamén todas as súas liberdades políticas. Os subseguintes Decretos de Nova Planta abolían todas as leis e institucións catalás, prohibían o uso da lingua catalá e sometían ao país a pesadas cargas impositivas.

Xa no século XIX, durante o ano 1821, o cemiterio das Moreres e a praza foron pavimentados, obedecendo, xa baixo o reinado do rei Fernando VII de España, o seguido de reais cédulas que o rei Carlos III de España ditara case cen anos antes, no que se ordenaba a urbanización dos cemiterios parroquiais e a construción de necrópoles extramuros, por razóns de saúde pública.

Na actualidade, a praza é un lugar onde cada 11 de setembro conmemórase o Día Nacional de Cataluña e réndese homenaxe aos defensores da cidade, mortos e enterrados neste lugar despois de que a cidade rendésese ante as tropas de Filipe V de España.

Nunha lápida no fondo da praza hai unha placa de mármore posta en 1915 polo Casal Nacionalista Martinenc i Joventut Nacionalista els Néts dels Almogàvers onde inscribiu o seguinte texto, fragmento dun poema orixinal de Frederic Soler "Pitarra", en conmemoración da heroica resistencia barcelonesa:

Al fossar de les Moreres no s'hi enterra cap traïdor, fins perdent nostres banderes serà l'urna de l'honor.

(No fossar de les Moreres non se enterra a ningún traidor, ata perdendo as nosas bandeiras será a urna da honra.)

Guerra de Sucesión Española

A guerra de Sucesión española foi un conflito que tivo lugar entre 1701 e 1713, a primeira grande guerra europea do século XVIII. A sucesión ao trono de España trala morte sen descendencia de Carlos II "o enfeitizado", era disputada por Filipe de Anjou, neto de Luís XIV de Francia, ó que Carlos II deixara as súas posesións, e o arquiduque Carlos de Austria, que logo se convertería en emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico co título de Carlos VI.

A guerra en realidade tiña unha raíz máis profunda: a do repartimento de poder en Europa. Se Filipe V de Borbón conservaba o trono, en sinerxía con Francia, a alianza entre España e Francia tería unha grande hexemonía en Europa.

Los Barrios

Los Barrios é un municipio do sur de España, pertencente á provincia de Cádiz, Andalucía. Forma parte da comarca do Campo de Xibraltar e está situado a 12 metros de altitude. Está situado a 95 km de Cádiz e a 9 km de Alxeciras. En 2009 conta cunha poboación de 22.311 habitantes segundo o INE.

María Cristina de Habsburgo-Lorena

María Cristina de Habsburgo-Lorena (de nome completo Maria Christina Désirée Henriette Felicitas Rainiera von Habsburg-Lothringen), nada en Gross-Seelowitz, Moravia (Imperio Austríaco) o 21 de xullo de 1858 e finada en Madrid o 6 de febreiro de 1929, Exerceu de raíña consorte de España entre 1879 e 1885 polo seu casamento con Afonso XII (foi a segunda esposa). Cando este morreu converteuse na raíña rexente durante a minoría de idade do seu fillo Afonso XIII entre 1885 e 1902. Era coñecida popularmente co alcume de "dona Virtudes".Por dereito de nacemento era arquiduquesa de Austria e princesa de Hungría, Bohemia, Croacia, Dalmacia e Eslavonia. Por vía materna, gardaba parentesco coa familia real española e austríaca, posto que era tataraneta de Carlos III de España e bisneta de Leopoldo II de Austria.

Vicerreinado de Nova España

O Vicerreinado de Nova España foi unha entidade territorial integrante do Imperio español, establecida pola Coroa durante a etapa do seu dominio no Novo Mundo, entre os séculos XVI e XIX. Foi creada tras a conquista dos pobos indíxenas establecidos na zona meridional de América do Norte.

A conquista iniciouse en 1519 e propiamente non concluíu até moito despois, xa que o territorio da Nova España seguiu crecendo cara ao norte, a costa dos territorios dos pobos indíxenas do deserto, algúns dos cales nunca foron sometidos polos españois. A conquista da Nova España tivo un dos seus momentos máis importantes coa derrota de México-Tenochtitlan por parte das tropas de Hernán Cortés en 1521.

O Vicerreinado de Nova España foi creado oficialmente o 8 de marzo de 1535. O seu primeiro vicerrei foi Antonio de Mendoza y Pacheco, e a capital do vicerreinado foi a Ciudad de México establecida sobre a antiga Tenochtitlán.

Este Vicerreinado chegou a abarcar os territorios de España en Norteamérica, Centroamérica, Asia e Oceanía. A organización do territorio fíxose a partir das encomendas, que eran outorgadas preferentemente a aqueles conquistadores que participaron na conquista de México, e por iso os encomendeiros tiñan o poder absoluto e encargábanse de organizar o traballo dos seus habitantes nas súas respectivas demarcacións. Os recursos minerais achados baixo o solo da Nova España, con importantes centros mineiros como Guanajuato, San Luis Potosí e Hidalgo, constituíron unha da máis grandes fontes de riqueza para a coroa, utilizadas en Europa para financiar gastos de Estado, custos de guerras ou para cuñar moeda circulante. O vicerreinado tamén foi un dos principais puntos de occidentalización en América.

As principais actividades económicas do vicerreinado foron a minaría, a agricultura (millo, cacao e outros produtos orixinarios da antiga Mesoamérica), a gandaría (introducida polos europeos, que levaron a maior parte dos animais que se criaban) e o comercio (limitado unicamente ás posesións españolas, acto de mercantilismo). Outro elemento importante no desenvolvemento da Nova España foi o papel xogado pola Igrexa católica, que logrou un gran poder ao adquirir grandes propiedades e monopolizar a educación, os servizos de saúde e outras áreas da administración pública. O seu principal instrumento para vixiar a observancia da fe era a Inquisición española (oficialmente, o Tribunal do Santo Oficio da Inquisición), instituída en 1571.

Carlos III de España introduciu reformas na organización do vicerreinado en 1786, coñecidas como reformas borbónicas na Nova España, nas que creaba as intendencias, que permitiron limitar, en certa forma, as atribucións do vicerrei.

Desde principios do século XIX o vicerreinado caeu en crise, agravada pola Guerra da Independencia española, e a súa consecuencia directa no vicerreinado, a crise política de 1808, que acabou co goberno de José de Iturrigaray e máis adiante deu pé á Conxura de Valladolid e á conspiración de Querétaro. Esta última foi o antecedente directo da guerra de independencia mexicana, a que, ao concluír en 1821, desintegrou o vicerreinado e deu paso ao Imperio Mexicano, no que finalmente se coroaría Agustín de Iturbide.

O medio físico era variado, composto pola combinación de climas temperados (centro de México), áridos (norte) e fríos (serras Madre Oriental e Occidental).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.