Carbono-14

O carbono-14 (14C, masa atómica = 14,003241 uma) é un radioisótopo do carbono e foi descuberto o 27 de febreiro de 1940 por Martin Kamen e Sam Ruben. O seu núcleo contén 6 protóns e 8 neutróns. Willard Libby determinou un valor para o período de semidesintegración ou semivida deste isótopo: 5568 anos. Determinacións posteriores en Cambridge produciron un valor de 5730 anos. Debido á súa presenza en todos os materiais orgánicos, o carbono-14 emprégase na datación de espécimes orgánicos.

Carbono-14
Táboa completa
Xeral
Nome, símbolo Carbono-14, 14C
Neutróns 8
Protóns 6
Datos do Nucleido
Abundancia natural 1 parte por billón (1012)
Período de semidesintegración 5730 ± 40 a
Produto de desintegración 14N
Masa do isótopo 14.003241 u
Modo de desintegración β–
Enerxía de desintegración 0,156 MeV

Datación por radiocarbono

O método de datación por radiocarbono é a técnica baseada en isótopos máis fiable para coñecer a idade de mostras orgánicas de menos de 60.000 anos. Está baseado na lei de decaemento exponencial dos isótopos radioactivos. O isótopo carbono-14 (14C) é producido de forma continua na atmosfera como consecuencia do bombardeo de átomos de nitróxeno por neutróns cósmicos. Este isótopo creado é inestable, polo que, espontaneamente, se transmuta en nitróxeno-14 (14N). Estes procesos de xeración-degradación do 14C atópanse practicamente equilibrados, de maneira que o isótopo atópase homoxeneamente mesturado cos átomos non radioactivos no dióxido de carbono da atmosfera. O proceso de fotosíntese incorpora o átomo radioactivo nas plantas, de maneira que a proporción 14C/12C nestas é similar á atmosférica. Os animais incorporan, por inxestión, o carbono das plantas. Agora ben, tras a morte dun organismo vivo non se incorporan novos átomos de 14C aos tecidos, e a concentración do isótopo vai decrecendo conforme vai transformándose en 14N por decaemento radioactivo.

A masa en isótopo 14C de calquera espécime diminúe a un ritmo exponencial, que é coñecido: aos 5730 anos da morte dun ser vivo a cantidade de 14C nos seus restos reduciuse á metade. Así pois, ao medir a cantidade de radioactividade nunha mostra de orixe orgánica, calcúlase a cantidade de 14C que aínda queda no material. Así pode ser datado o momento da morte do organismo correspondente. É o que se coñece como "idade radiocarbónica" ou de 14C, e exprésase en anos BP (Before Present). Esta escala equivale aos anos transcorridos desde a morte do exemplar ata o ano 1950 do noso calendario. Elíxese esta data por convenio e porque na segunda metade do século XX os ensaios nucleares provocaron severas anomalías nas curvas de concentración relativa dos isótopos radioactivos na atmosfera.

Ao comparar as concentracións teóricas de 14C coas de mostras de madeiras de idades coñecidas mediante dendrocronoloxía, descubriuse que existían diferenzas cos resultados esperados. Esas diferenzas débense a que a concentración de carbono radioactivo na atmosfera tamén variou respecto ao tempo. Hoxe coñécese con suficiente precisión (unha marxe de erro de entre 1 e 10 anos) a evolución da concentración de 14C nos últimos 15.000 anos, polo que pode corrixirse esa estimación de idade comparándoo con curvas obtidas mediante interpolación de datos coñecidos. A idade así achada denomínase "idade calibrada" e exprésase en anos Cal BP.

Véxase tamén

  • Datación por radiocarbono.
A Chousa Nova

A Chousa Nova ou Chousa Nova 1 (hai dous túmulos máis na zona) é un túmulo megalítico situado na parroquia de Abades (Silleda), atopado e escavado durante as obras de construción da liña do AVE entre Ourense-Santiago. A cámara interior do dolmen non fora espoliada, estaba intacta e mantivérase co enxoval funerario. Foi o segundo dolmen atopado intacto no noroeste peninsular. As probas por Carbono-14 deron para A Chousa Nova unha datación que sitúan como un dos dolmens máis antigos de Galiza.

Acuífero do arenito nubio

O acuífero do arenito nubio tamén chamado sistema de acuíferos do Arenito Nubio (SAAN, ou, en inglés, NSAS, por Nubian Sandstone Aquifer System) ou sistema de acuíferos Nubio é o sistema de acuíferos de auga fósil máis grande do mundo. Está localizado no subsolo de toda a parte leste do deserto do Sáhara estendéndose por unha área de dous millóns de km2 pertencente aos seguintes catro países: Sudán (parte noroeste), Chad (nordeste), Libia (sueste), e Exipto (a maior parte). Estímase que contén 150.000 km3 de augas subterráneas. O Centro Medioambiental de Desenvolvemento para a Rexión Árabe e Europa (CEDARE) considera que este sistema de acuífero é de gran importancia como recurso hídrico para os programas de desenvolvemento futuro nos países da rexión. Na década de 1990 construíse en Libia o chamado proxecto do Gran río artificial que empezou extraendo cantidades substanciais de auga deste acuífero, retirando uns 2,37 km3 de auga ao ano. Este sistema utilizouse principalmente para subministrar auga á zona do oasis de Kufra, pero tamén ás cidades de Trípoli, Bengasi e Sirte, entre outras.

A auga do acuífero procede principalmente de auga de precipitacións que se infiltraron hai miles de anos cando o clima era máis húmido na rexión, polo que a recarga actual do acuífero é moi baixa ou nula, e considérase unha auga fósil (o que se demostra polos estudos dos isótopos de deuterio, oxixeno-18 e carbono-14 que contén), pero tamén pode haber infiltracións de augas do Nilo nalgunhas zonas (por exemplo entre Wadi Halfa e Quena ou entre Khartum e Karma) ou unha feble infiltración por precipitacións actuais noutras partes.

Arqueoloxía

A arqueoloxía é a ciencia que estuda as artes, monumentos e obxectos da antigüidade, especialmente a través dos seus restos. O nome ven do grego ἀρχαιολογία (transliteración: archaios), "vello" ou "antigo", e logos, "ciencia", "saber".

A arqueoloxía é unha disciplina dedicada ó estudo de culturas humanas pasadas. A maioría dos primeiros arqueólogos, que aplicaron a orixe da súa disciplina ós estudos dos anticuarios, definiron a arqueoloxía como o "estudo sistemático dos restos materiais da vida humana xa desaparecida"; outros arqueólogos fixeron énfase en aspectos psicolóxico-condutistas e definiron a arqueoloxía como "a reconstrución da vida dos pobos antigos".

Nalgúns países a arqueoloxía ten sido considerada sempre como unha disciplina pertencente á antropoloxía; mentres que esta se centraba no estudo das culturas humanas, a arqueoloxía dedicábase ó estudo das manifestacións materiais destas. Deste xeito, en tanto que as antigas xeracións de arqueólogos estudaban un antigo instrumento de cerámica como un elemento cronolóxico que axudaría a poñerlle unha data á cultura que era obxecto de estudo, ou sinxelamente como un obxecto cun certo valor estético, os antropólogos verían o mesmo obxecto como un instrumento que lles serviría para comprender o pensamento, os valores e a cultura de quen o fabricou.

A investigación arqueolóxica estivo relacionada fundamentalmente á idade de pedra e á antigüidade; non obstante, durante as últimas décadas a metodoloxía arqueolóxica aplicouse a etapas máis recentes, como a Idade Media ou ó período industrial. Na actualidade, os arqueólogos dedican ocasionalmente a súa atención a materiais actuais, investigan residuos urbanos, o que se coñece como arqueoloxía industrial.

Sendo a un tempo tanto humanística como científica, a arqueoloxía é unha disciplina académica realmente interdisciplinar. Entre as técnicas analíticas empregadas destacan aquelas que buscan datar os restos do pasado, como a datación por Carbono-14 ou a datación por termoluminiscencia.

Castro de Borneiro

O castro de Borneiro ou da Cibdá é un castro galaico datado a finais da Idade de Bronce, pertencente á coñecida como Cultura castrexa, tamén coñecido como. Sitúase na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños), a 500 metros da estrada LC-430 de Ponteceso a Baio. A poucos quilómetros está o famoso dolmen de Dombate. O poboado castrexo ten sido obxecto de escavacións arqueolóxicas e traballos de consolidación que permiten a súa visita. Foi catalogado como Ben de Interese Cultural en 2011

Castro de Zoñán

O Castro de Zoñán ou A Croa de Zoñán é un castro situado na parroquia dos Remedios, no concello de Mondoñedo, na provincia de Lugo.

As datas de ocupación do mesmo, segundo a cultura material atopada, móvense entre os séculos II e IV d. C., pero segundo os resultados das análises de carbono-14 os inicios do mesmo situaríanse en datas antes de Cristo.

Lévase escavando dende o ano 2002 e téñense recuperado diversas vivendas e restos de cultura material. No ano 2004 colocáronse dúas mesas interpretativas para poder facer unha visita libre ao castro. No ano 2007 o Concello de Mondoñedo editou o libro O Castro de Zoñán (Mondoñedo, Lugo) Campañas 2002-2004, que recolle os traballos e conclusións das tres primeiras campañas: 2002, 2003 e 2004.

Cultura San Agustín

Co nome de San Agustín coñécese en Colombia unha importante rexión arqueolóxica, na que se acharon varios centenares de esculturas monolíticas, que indican que alí floreceu dende remotos tempos unha cultura, que hoxe é obxecto de estudo por parte de misións científicas para estabelecer as orixes e os trazos peculiares deste pobo. Esta cultura iniciouse a partir do século XXXIII a. C., e no século VII a. C. xa é unha cultura que presenta un considerable desenvolvemento, segundo as datas de carbono 14 de mostras orgánicas obtidas recentemente asociadas á agricultura, a cerámica, a ourivaría e a arte escultórica.

As diferenzas marcadas entre obxectos, indumentaria, vestiario e traballo lítico, observadas nas esculturas, fai supor que a necrópole de San Agustín foi unha rexión onde varias etnias suramericanas, dende lugares distantes, traían os seus mortos principais a sepultar; da que forman parte o Parque Arqueolóxico Nacional de Tierradentro e o Parque Arqueolóxico de San Agustín.

Idade de Pedra

A Idade de Pedra é o período da Prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a elaborar ferramentas e trebellos de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. Tamén se utilizaron a madeira, os ósos e mais outros materiais coma corno, coiro, cordas, ou cestos, mais a pedra (en particular diversas rochas de rotura concoide coma o pedernal, o cuarzo, a cuarcita, ou a obsidiana) foi utilizada para fabricar ferramentas e armas, de corte ou de percusión.

Non obstante, esta é unha circunstancia necesaria, pero insuficiente para a definición deste período, xa que tiveron lugar nel fenómenos fundamentais para o que sería o futuro da humanidade: a evolución humana, as grandes adquisicións tecnolóxicas (o lume, as ferramentas ou a vestimenta), a evolución social, os cambios climáticos, a diáspora do ser humano por todo o mundo habitable (ecúmene) dende o seu berce africano, e a revolución económica dende un sistema cazador-colector, ata un sistema parcialmente produtor, entre outras cousas. O rango de tempo que abrangue este período é ambiguo, discutido e variable segundo a rexión da que se trate. Aínda que é posible falar deste período en concreto para o conxunto da humanidade, non hai que esquecer que algúns grupos humanos nunca desenvolveron a tecnoloxía da fundición de metais e por tanto quedaron sumidos nunha idade de pedra ata que se atoparon con culturas tecnoloxicamente máis desenvolvidas. Non obstante, en xeral, considérase que este período comezou en África hai 2,8 millóns de anos, coa aparición da primeira ferramenta humana, ou quizais pre-humana.

A este período seguiulle o Calcolítico ou Idade de Cobre e, sobre todo, a Idade de Bronce, durante a que as ferramentas desta aliaxe chegaron a ser comúns; esta transición aconteceu entre o 6000 a.C. e 2500 a.C. Tradicionalmente divídese a Idade de Pedra en Paleolítico, cun sistema económico de caza-recolección e Neolítico, no que se produce a revolución cara ao sistema económico produtivo agropecuario, a suma da agricultura e maila gandaría.

Isótopo

Os isótopos, (do grego: ἴσος, isos = mesmo; τόπος, tópos = lugar) son tódolos tipos de átomos dun mesmo elemento, que se atopan no mesmo sitio da táboa periódica pero teñen distinto número másico. Os átomos que son isótopos entre si son os que teñen igual número atómico (número de protóns no núcleo) pero diferente número másico (suma do número de neutróns e de protóns no núcleo), polo que son distintos no seu número de neutróns. A maioría dos elementos químicos posúen máis dun isótopo. Soamente 21 elementos (coma o berilio ou o sodio por exemplo) posúen un só isótopo natural.

Os isótopos denotanse polo nome do elemento correspondente seguido polo número másico, separados habitualmente por un guión (carbono-12, carbono-14, uranio-238 etc.). En forma simbólica, o número de nucleóns engádese coma superíndice á esquerda do símbolo químico: 3H (hidróxeno-3). Algúns isótopos posúen nomes concretos, coma o hidróxeno-2, chamado deuterio, e o hidróxeno-3, coñecido coma tricio.

Lanosterol

O lanosterol é un esteroide do grupo dos esterois (tamén se pode considerar un triterpenoide tetracíclico), do cal derivan todos os esteroides nos animais . Nas plantas derivan do esteroide cicloartenol . O lanosterol foi atopado por primeira vez na lanolina da la do ovella, e o seu papel biosintético non se descubriu ata máis tarde. Atópase en grandes cantidades na lanolina, xunto con outros triterpenoides.

Melvin Calvin

Melvin Calvin, nado o 8 de abril de 1911 en Saint Paul (Estados Unidos) e finado o 8 de xaneiro de 1997 en Berkeley (California, Estados Unidos), foi un químico e profesor universitario estadounidense galardoado co Premio Nobel de Química do ano 1961.

Momia

Unha momia é un corpo dunha persoa ou dun animal, que non esta en estado de descomposición, cuxa pel e órganos foron preservados intencionadamente (por embalsamamento) ou accidentalmente (pola exposición a produtos químicos, frío extremo (momias de xeo), humidade moi baixa etc.)

Actualmente, o cadáver humano máis antigo momificado de forma natural foi encontrado no ano 1936. Trátase dunha cabeza decapitada, datada cuns 6.000 anos de antigüidade. Máis dun millón de momias de animais atopáronse en Exipto, moitas das cales son gatos.As momias máis famosas son as exipcias, destacando as dos faraóns, Tutankhamon, Seti I e Ramsés II, aínda que a primeira momia exipcia coñecida é a chamada de "Ginger" e remóntase ao ano 3300 a.C.

Ademais das momias coñecidas do Antigo Exipto, a momificación intencionada era unha característica de varias culturas antigas nas zonas de América do Sur e Asia, que teñen climas moi secos. A momia máis antiga coñecida dunha momificación intencionada é a dun neno, esta é unha das momias da cultura Chinchorro que se atopa no Val de Camarones, Chile, e data de ao redor de 5050 aC.Atopáronse momias humanas e doutros animais en todo o mundo, tanto como resultado da preservación natural a través de circunstancias pouco comúns, como polo uso de artefactos culturais para preservar os mortos; por exemplo, hai máis de 1.000 momias preservadas polo clima seco en Xinjiang na China, e máis dun millón de momias de animais foron encontradas no Exipto, moitas das cales son de gatos.

Mínimo de Maunder

O mínimo de Maunder é o nome dado ó período de 1645 a 1715, cando as manchas solares desapareceron da superficie do Sol, tal como observaron os astrónomos da época. Recibe o nome do astrónomo solar E.W. Maunder quen descubriu a carencia de manchas solares durante ese período estudando os arquivos deses anos. Durante un período de 30 anos dentro do Mínimo Maunder, os astrónomos observaron aproximadamente 50 manchas solares, mentres que o típico sería observar entre unhas 40.000 e 50.000 manchas.

Olaría

A olaría é o traballo con arxila cocida co obxecto de elaborar utensilios tal que potas, pratos, vasos, porróns e moitas outra pezas.

Prehistoria

A Prehistoria é o período de tempo que vai desde o inicio da evolución humana até os primeiros testemuños escritos. Xa que o comezo da Prehistoria está marcado pola aparición do ser humano non se pode aplicar este comezo ao mesmo tempo en todo o mundo; en África pódese datar en torno aos dous millóns seiscentos mil anos, no Medio Oriente algo menos dun millón oitocentos mil anos, en Asia e Europa arredor dun millón de anos de antigüidade, no resto do mundo estaría por baixo dos 50.000 anos.

Radioactividade

A radioactividade é un fenómeno físico natural ou artificial, polo cal algunhas substancias ou elementos químicos chamadas radioactivos, son capaces de emitir radiacións, as cales teñen a propiedade de impresionar placas fotográficas, ionizar gases (polo que ás veces adóitase chamalas 'radiacións ionizantes'), producir fluorescencia, atravesar corpos opacos á luz ordinaria etc. As principais destas radiacións son as partículas alfa (núcleos de Helio), partículas beta (electróns) e/ou raios gamma, a máis doutras como protóns ou raios X. A radioactividade prodúcese a partir de reaccións nucleares, que alteran o balance de enerxía nuclear facendo que elementos como o uranio, o radio ou o torio (elementos con isótopos inestables, que desexcitan os seus núcleos en estado excitado emitindo partículas e enerxía), emitan partículas alfa, beta, gamma ou doutro tipo. O uranio, por exemplo, ten 92 protóns, mais coa radioactividade vai variando o número deles no núcleo, ata rematar constituíndo un núcleo de chumbo, estable, con 82 protóns e sen radiación.

É aproveitada para a obtención de enerxía e usada tamén en medicina (radioterapia e radiodiagnóstico) e en aplicacións industriais (medidas de espesores e densidades, entre outras).

SMILES

O SMILES (simplified molecular-input line-entry system) é unha especificación en forma dunha liña de notación que se usa para describir a estrutura de especies químicas usando curtas cadeas de caracteres ASCII. As cadeas de caracteres SMILES poden ser importadas polos softwares da maioría de editores moleculares para a súa conversión en debuxos de modelos bidimensionais ou tridimensionais das moléculas. Por exemplo, ao composto glicosa (glicopiranosa) correspóndelle a seguinte cadea de caracteres SMILES: OC[C@@H](O1)[C@@H](O)[C@H](O)[C@@H](O)[C@@H](O)1, e coa información codificada nesta cadea pode debuxarse a estrutura desa molécula.

A especificación orixinal SMILES foi iniciada por David Weininger no USEPA Mid-Continent Ecology Division Laboratory en Duluth na década de 1980. Recibiron recoñecemento tamén pola contribución que fixeron a unha parte do desenvolvemento inicial "Gilman Veith e Rose Russo (USEPA) e Albert Leo e Corwin Hansch (Pomona College) por apoiar o traballo, e Arthur Weininger (Pomona; Daylight CIS) e Jeremy Scofield (Cedar River Software, Renton, WA) pola axuda na programación do sistema." O financiamento do proxecto inicial para o desenvolvemento de SMILES fíxoa a Axencia de Protección Ambiental de EUA .Desde entón foi modificado e ampliado por outros, principalmente por Daylight Chemical Information Systems. En 2007, desenvolveuse un estándar aberto chamado "OpenSMILES" pola comunidade química de fontes abertas Blue Obelisk. Outras anotacións "liñais" inclúen a Wiswesser Line Notation (WLN), ROSDAL e SLN (Tripos Inc).

En xullo de 2006, a IUPAC introduciu o InChI como un estándar para a representación de fórmulas. SMILES considérase xeralmente que ten a vantaxe de ser lixeiramente máis lexible para os humanos que InChI; tamén ten unha ampla base de apoio de software cunha gran base teórica (por exemplo, a teoría de gráficos, graph theory).

Tesouro de Recouso

O tesouro de Recouso é un conxunto de pezas de ourivaría do século II a. C. atopadas en 1921 no castro de Recouso por José Sánchez Costa, na parroquia de Marzoa (Oroso).

Willard Libby

Willard Frank Libby, nado en Grand Valley (Colorado) o 17 de decembro de 1908 e finado nos Ánxeles (California) o 8 de setembro de 1980, foi un químico e profesor universitario estadounidense, galardoado co Premio Nobel de Química do ano 1960.

Ácido dihomo-gamma-linolénico

O ácido dihomo-γ-linolénico (DGLA) é un ácido graxo ω−6 de 20 carbonos. Tamén se lle dá o nome de 20:3 (ω−6). O DGLA é un ácido carboxílico cunha cadea de 20 carbonos e tres dobres enlaces cis; o primeiro dos cales está situado no sesto carbono empezando polo final (extremo omega), que se corresponde co carbono 14 da cadea, e os outros están nos carbonos 11 e 8. O DGLA é o produto da elongación encimática do ácido ácido γ-linolénico (GLA; 18:3, ω−6). Á súa vez, o GLA, é un produto da desaturación do ácido linoleico (18:2, ω−6). O DGLA é un ácido graxo moi común, que se atopa só en cantidades traza nos produtos animais.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.