Carballo común

Para consultar o xénero Quercus, ver o artigo carballo.

O Quercus robur L. (ás veces considerado Quercus pedunculata) coñécese normalmente como carballo común[1], carballo veriño, carballo bravo ou simplemente carballo.

O carballo é unha árbore anxiosperma da familia das fagáceas, caducifolia, que pode chegar aos 15-20 metros de altura. O carballo esténdese tanto por zonas de clima atlántico en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas, dende o nivel do mar ata os 1.000 metros de altitude.

É unha árbore robusta, que pode vivir varios séculos e acadar os 40 metros de altura con pólas que comezan xa desde a parte inferior.

Cando a formación é monoespecífica, só de carballos, o bosque é denoninado carballeira. Se se mesturan outras especies de clima atlántico chamámolo fraga. Foi a especie máis abundante e dominante na Europa atlántica e segue a ser predominante no interior de Galicia.

A madeira do carballo é de excelente calidade, foi moi empregada na construción (embarcacións, trabes e estruturas das casas (cubertas, forxados), travesas do camiño de ferro etc.), na fabricación de mobles e toneis. Tamén foi e segue a ser o principal combustíbel das lareiras e cociñas galegas. O carballo tamén tivo uso ornamental nos lugares públicos de Galicia : parques, feiras, arboredas. Algúns exemplares moi vellos (carballas) acadan dimensións importantes.

É a árbore por excelencia de Galicia. A toponimia galega está chea de referencias a esta árbore (fitotoponimia): Carballal, Carballedo, O Carballiño, A Carballa etc. Aparece tamén en moitos apelidos: Carballo, Carballedo, Carbajal etc.

Ademais a cultura e as lendas galegas artéllanse arredor desta árbore, chea de espiritualidade e pasado sagrado, sempre vencellado á forza (rexo ou forte coma un carballo).

Tamén é a árbore sagrada do País Vasco, de Alemaña e en xeral da cultura celta.[Cómpre referencia]

O termo carballo en Galicia acolle outras especies ademais do Quercus robur L., como o carballo branco ou albar (Quercus petraea), o carballo cerquiño (Quercus pyrenaica), en menor medida a aciñeira (Quercus ilex) ou a sobreira (Quercus suber) e máis recentemente o carballo americano (Quercus rubra).

Carballo común
Follas e landras do carballo

Follas e landras do carballo
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)

Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Plantae
Filo: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Fagaceae
Xénero: Quercus
Especie: Q. robur
Nome binomial
Quercus robur
L.
Distribución do carballo bravo

Distribución do carballo bravo
Quercus robur MHNT.BOT.2010.6.75
Quercus robur

Taxonomía

Quercus robur (do latín quercus 'carballo' + robur 'forte, de madeira resistente'). Comparte xénero coas sobreiras e aciñeiras entre outras especies.

A especie máis achegada é o carballo albar (Quercus petraea), moi semellante, que tamén atopamos no leste de Galicia. Q. robur distínguese deste por ter un pecíolo máis curto e un porte máis torto. Ás veces hibrídanse dando o Quercus × rosacea.

Etimoloxía

A orixe da verba carballo é incerta. O que está claro é que é anterior ao latín. Podería ser de orixe celta pola raíz kar- (pedra), ou máis ben dunha orixe preindoeuropea (galaico). En asturiano denomínase carbayu, en portugués carvalho, ambas as dúas coa mesma orixe. En castelán non ten un nome xeneralizado, polo que se lle chama: roble común, roble inglés, roble pedunculado, carvajo ou roble carvallo. En inglés chámanlle English oak (carballo inglés).

Hábitat

É autóctono da Europa atlántica e continental, aparecendo tamén na Anatolia, no Cáucaso e nalgunhas partes do norte de África. Na Península Ibérica esténdese dende o norte de Portugal ata os Pireneos. En Galicia foi a especie principal durante séculos. A súa extensión veuse en regresión por mor á actividade humana e á substitución das zonas onde había carballeiras por especies alóctonas, principalmente piñeiros, mimosas e eucaliptos; con todo, tense incrementado a extensión das carballeiras nos últimos anos, especialmente no interior do país a causa da perda de poboación, recolonizando terreo agrícola. Segundo un estudo realizado en 2003, esta especie é dominante en 195 028 hectáreas no territorio galego.[2]

Descrición

O Quercus robur é unha árbore monoica de grande envergadura e folla caduca (ás veces no sur de Galicia marcescente) duns 15-20 metros de alto (excepcionalmente acada os 40 m) A circunferencia vai dos 4 aos 12 m nas carballas máis vellas de Galicia, Asturias ou das Illas Británicas. O carballo de Kaive na Letonia cunha circunferencia de 10,2 m é a árbore máis grosa de Europa. O tronco é groso e curto, a casca cincenta ou acastañada, crebada. A copa é ampla, ovada ou irregular. Adoitan darse as formas tortas e bugallos.

Follas: o Q. robur ten as follas de 7–14 cm de longo, alternas, simples, caedizas, pecíolo curto de 2–7 mm longo, e lámina obovada, glabra, pinnatilobada, con 4-6 pares de lóbulos desiguais, anchos, ovado-oblongos, redondeados no ápice. Nalgúns exemplares, especialmente no sur de Galicia onde o clima é máis temperado, a folla non chega a caer no inverno aínda que si cambia a cor (marcescencia).

Flores: unisexuais, as masculinas en candeas penduradas e amarelas, pequenas, con cálice 5-7 lobado e 5-10 estames. Flores femininas subsésiles, en grupos de 2(3) penduradas no extremo dun longo pedúnculo, cada unha con invólucro basal ou cúpula formada por numerosas brácteas escuamiformes soldadas entre si, cálice moi reducido e un xineceo tricarpelar sincárpico de ovario ínfero e 3 estilos.

Froito: de tipo noz (landra) oblongo, duns 2 cm de longo, de pericarpo liso, verde-pardo, apiculado, con cúpula endurecida a xeito de carapucho, pouco áspera, denominada cascabullo.

Floración: florece na primavera, ao mesmo tempo que agroman as follas (rebentos vermellos); as landras maduran a finais do verán e caen a principios do outono.

É unha árbore moi lonxeva, o carballo de Stelmužė na Lituania crese que ten uns 1.500 anos, sendo a árbore máis vella de Europa; outro exemplar ao que lle chaman Kongeegen ('Carballo dos Reis'), pénsase que ten 1200 anos e fica en Jaegerspris, Dinamarca. Tamén hai bos exemplares en Alemaña e nas Illas Británicas.

En España hai bos exemplares no País Vasco, a venerada árbore de Gernika pertence á esta especie. En Asturias na Reserva Natural Integral de Muniellos, atópase o Carballo de San Valentín de 11 m de circunferencia. Ten uns 750-850 anos.

En Galicia atopamos exemplares salientábeis en todos os concellos. Na entrada da vila de Taboada existe o Carballo de Ramos, que dá nome á parroquia San Tomé do Carballo. En Silleda hai un bo exemplar a carón do Pazo de Taboada. No Incio tamén hai bos exemplares de castiñeiros e carballos na parroquia de San Pedro, e na parroquia de Val de Mao hai unha vella carballa catalogada entre as de maior porte de Galicia.

Subespecies

Fálase de cinco subespecies:

  • Q. robur subsp. broteroana Schwarz 1936, podería ser un híbrido entre o carballo común Quercus robur e a carbia Quercus petraea. É principalmente o que aparece en Galicia, norte de Portugal e noroeste de España en xeral, cos lóbulos das follas menos profundos, face das follas lustrosa e cúpulas maiores (18–23 mm).
  • Q. robur subsp. robur, que comprendería as poboacións orientais, chegando por occidente até a raia de Galicia.
  • Q. robur subsp. estremadurensis (O. Schwarz) Camus, 1950, do norte e centro de Portugal, chegando ó extremo occidental de Serra Morena, con follas máis delgadas, lustrosas pola face, as de primavera, de nerviación secundaria regular, desprovista de nervios intercalares.
  • Q. robur subsp. brutia (Ten.) O.Schwarz 1936 = ver Quercus brutia.
  • Q. robur subsp. imeretina (Stev. ex Woronow) Menitsky 1968 = ver Quercus imeretina.
  • Q. robur subsp. pedunculifolia (K.Koch) Menitsky 1967 = ver Quercus pedunculiflora.

Importancia ecolóxica

No seu hábitat é de salientar a importancia ecolóxica do carballo pola cantidade de especies asociadas ao mesmo, especialmente insectos. Numerosas especias moran nas follas, gromos, bugallos e landras. O carballo comporta máis biodiversidade de insectos herbívoros que ningunha outra especie en Galicia, máis de 400 especies. As landras son unha boa fonte de alimento para moitos mamíferos pequenos e paxaros. Os mamíferos, especialmente os esquíos, que tenden a apañar landras e outras noces e agochalas, soterrándoas, acotío favorecen a reprodución do carballo.

Moitas carballeiras foron substituídas, especialmente na costa galega, por especies alóctonas (eucaliptos, piñeiros e acacias). Isto diminuíu moito a biodiversidade, ademais de aumentar o risco de incendios, e polo tanto a erosión e a perda dos solos.

Nos últimos anos a perda de poboación nas zonas interiores de Galicia, especialmente das provincias de Lugo e Ourense fixo que as carballeiras recuperaran moito solo agrícola. Outras veces os carballos fican relegados a un estrato inferior, case arbustivo, en piñeirais e eucaliptais. Co tempo o carballo remata por dominar a piñeiros e eucaliptos, xa que está máis adaptado.

Industria forestal

O Quercus robur plántase tamén cun fin forestal pola súa madeira resistente e de alta calidade, especialmente o cerne, moi demandado para a industria do moble e da fabricación de bocois. Cando se fala de carballo francés trátase da mesma especie. As quendas son moi longas (uns 80 anos), polo que en Galicia o aproveitamento industrial da madeira de carballo é mínimo e foi totalmente substituído polo de eucalipto e piñeiro. A silvicultura require de podas para enderezar o tronco e evitar árbores tortas, deformidades, forquillas etc. A madeira de Quercus robur identifícase grazas a un exame detallado da sección transversal, perpendicular ás fibras. A madeira caracterízase polos aneis de crecemento, anchos e marróns escuros e claros. A madeira de primavera amosa un gran número de vasos(~ 0,5 mm de diámetro). Tamén son moi visíbeis os raios leñosos (~ 0,1 mm) que atravesan os aneis de crecemento. Ten unha densidade arredor de 720 kg por metro cúbico.

Cultivo

O Quercus robur tamén aparece como árbore ornamental nas rexións temperadas de todos os continentes. Un gran número de cultivares e híbridos medran en xardíns, parques, arboredos e xardíns botánicos. Hai subespecies de follas douradas ou encarnadas, porte columnar etc. O uso ornamental do carballo en Galicia tampouco é novo. Os campos de feira adoitaban sombrearse con carballos. Atopamos bos exemplos en Caldas de Reis ou Lugo.

Cultivares

  • Quercus robur 'Fastigiata' (carballo cipreste), o máis común, árbore alta e estreita con porte columnar.
  • Quercus robur 'Concordia' (carballo dourado), carballo pequeno de lento crecemento coas follas douradas e brillantes durante a primavera e o verán. Conseguiuse por vez primeira no viveiro de Van Geert (Ghent) en 1843.
  • Quercus robur 'Pendula' (carballo chorón), un carballo de talle medio coas pólas penduradas. Quercus robur 'Purpurea' outro cultivar duns 10 m de altura mais coas follas encarnadas.
  • Quercus robur 'Filicifolia' (carballo de follas cortadas), cultivar coas follas máis lobuladas.

Doenzas

  • Oídio, especificamente o oídio do carballo, moi común en Galicia. A superficie das follas cóbrese cunha peluxe de cor cincenta (mofo ou balor) que torna amarelas ou grises as follas e provoca que caian antes do outono. Vén producida por un fungo hóspede nas follas chamado Microsphaera alphitoides (ou Erysiphe alphitoides) na súa fase teleomorfa e coma Oidium quercinum na súa fase anamorfa.
  • Phytophthora ramorum. É un protista da clase dos oomicetos que produce unha infección denominada morte repentina do carballo.
  • Antracnose.
  • Cancro.
  • Outras enfermidades causadas por bacterias e fungos.

Pragas

  • Lepidópteros. Moitas larvas de bolboretas aliméntanse dos gromos ou xemas desta árbore.
  • Avespa de bugallos. Os bugallos dos carballos, tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios, son unha reacción de defensa da árbore fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos.

Exemplares senlleiros en Galiza

Coma árbore de Galiza, atopamos por toda a xeografía árbores monumentais, moitas delas incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, elaborado pola Xunta de Galiza:

Formacións senlleiras

As seguintes formacións de carballos figuran no mesmo catálogo, na categoría de Formacións senlleiras:

Simbolismo e cultura popular

Véxase a sección correspondente n'As árbores na cultura popular galega.

O carballo vén rodeado de lendas e considérase unha árbore sagrada en moitas zonas de Europa asociada aos mitos celtas. Acostuma ser a árbore por excelencia, a principal, a raíña e asociada á horizontalidade e á forza. O freixo simbolizaría a delicadeza e a verticalidade. Para Alemaña é todo un símbolo do romanticismo. Ademais é o símbolo da forza e a estabilidade do país. As follas e as landras do carballo aparecen na moeda de 5 céntimos de euro alemá. En Inglaterra o carballo é un dos emblemas do país. En Irlanda o carballo aparece como claro símbolo celta. No castelo de Birr Castle, un exemplar duns 400 anos acada 6,5m de circunferencia. Coñécese como o carballo de Carroll, referíndose ao alcalde ou xefe da vila Ely O'Carroll quen gobernou antes da ocupación normanda. No País Vasco a árbore de Gernika, coñecida en éuscaro como Gernikako Arbola é un carballo situado ante diante da Casa de Xuntas, na localidade biscaíña de Gernika. Simboliza as liberdades tradicionais de Biscaia e os biscaíños, e por extensión as dos vascos. O Señor de Biscaia e posteriormente os reis de Castela, xuraban respectar as liberdades biscaíñas baixo este carballo, e o lugar no cal se localiza é o lugar onde o Lehendakari do País Vasco promete cumprir co seu cargo ao comezo de cada novo mandato.

En Galicia existen numerosas lendas e carballos sagrados, moitas veces ritos pagáns e outras cristianizados. Xa para os celtas era unha árbore sagrada, polo que as súas follas non faltaban nas súas cerimonias. As follas de carballo empréganse acotío como herbas de San Xoán. Os romanos outorgábanlle tamén un valor sagrado pola súa fortaleza, e aqueles lugares onde existían grandes carballeiras eran nomeados como Lucus, o nome latino da cidade de Lugo, polo que se supón que Lugo era antes un bosque sagrado. O último representante do bosque sagrado lugués foi o chamado Carballo de San Vicente, talado en 1680 para facer as obras do claustro do convento de Santo Domingo.

Algúns carballos están consagrados a santos como é o caso do carballo de Santa Mariña de Augas Santas, Allariz ou o carballo de Santo Antonio no Pazo de Vilar de Francos en Carballo. Os dous teñen unha lenda en común que di que cando se lle produce unha ferida no tronco botan sangue. Nos dous casos atribúen este feito aos milagres dos respectivos santos. A Carballa da Rocha é un carballo situado no concello de Rairiz de Veiga (provincia de Ourense), Monumento Natural dende o ano 2007. Estímase que ten uns 500 anos; ten 8,2 m de perímetro e 33 m de altura. Na carballeira do pazo de Cartelos no concello de Carballedo (Lugo), subsiste un exemplar, pouco coñecido, que pode ser o máis vello do mundo desta especie. A súa idade non se coñece con exactitude, pero o feito de que unha das pólas derrubadas polo ciclón Hortensia en 1984 tivera 800 anos, danos unha estima da súa idade, que podería rondar os 1500. Todo nel é espectacular: 11,5 m de perímetro, 34 m de altura e 614 m2 de copa. O seu competidor inmediato é un carballo na Suíza de 930 anos. Todo isto fai que sexa o ser vivo máis vello de Galicia xunto co castiñeiro de Pumariños en Manzaneda (Ourense).

Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de carballos de Galicia
Carballo centenario en Lugo

Carballo centenario en Lugo a comezos do inverno.

Quercus robur. Carballo

Follas do carballo.

Carballo en Sarria, Galiza

Carballo en Sarria.

Carballeira de Barcia, Lalín 2

Carballeira de Barcia, Lalín.

Notas

  1. "Carballo". DIGALEGO. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2016. Consultado o 15 de outubro de 2016.
  2. "Reflexiones sobre el medio ambiente en Galicia" (PDF). Xunta. Consultado o 14 de setembro de 2016.

Véxase tamén

Outros artigos

A cor branca na cultura popular galega

Como resulta común noutras culturas próximas, a cor branca representa en Galicia a inocencia e a pureza, e de aí, por exemplo, que as meniñas na súa primeira comuñón ou as noivas na voda vistan de branco. Pola mesma razón, visten de branco os meniños que morren e incluso o seu cadaleito é da mesma cor.

Xa na antigüidade grega e romana, os bois que se sacrificaban ós deuses eran sempre brancos, e se non o eran totalmente, abrancazábanse con creta; no caso de que o oferente non tivese medios para sacrificar un boi de verdade, ofrecía un feito de fariña ou cera. Cando Zeus se transformou en touro para raptar Europa, fíxoo nun touro espectacularmente branco. Non sabemos de que cor serían os animais que se inmolasen en Galicia, pero hai constancia da crenza de que os animais de pel escura son de máis forza cós outros, segundo Álvarez Giménez .

Crese que as ánimas veñen en figura de animais, especialmente en forma de bolboretas. Cando se ve unha bolboreta branca voando ó redor dunha luz, crese que é unha ánima redimida que vén dar algún aviso ós vivos, como tal o anuncio de boas novas de familiares ausentes (se for negra, trataríase dunha ánima aínda en pena e, popularmente, crese que vén anunciar unha desgraza) .

Eladio Rodríguez recolle outra vella crenza do folclore galego segundo a cal un año branco serve para recuperar eses tesouros que a lenda disque agocharon os mouros baixo os castros ou nalgúns lugares máxicos. Estes tesouros están protexidos por estes seres mitolóxicos e, para desencantalos, hai que entregarlles un año branco, sen mancha ningunha. López Cuevillas engade que hai mouros tan malignos que esixen que o tal año teña os dentes negros, coma se non soportasen a brancura perfecta.

Lis Quibén di que, para cura-la úlcera, en Mourente (Pontevedra) atan nove xuncos en tres feixes: tres xuncos cun fío branco, tres cun fío amarelo e outros tres cun fío verde. Póñenos en cruz sobre a ferida e recitan o ensalmo, repetindo a oración durante 18 días seguidos. Tamén, que a baba dunha lesma branca –puntualiza: nunca negra- serve para cura-las espullas das mans: unha vez fregadas as mans coa baba da lesma, crávase esta nun pau e espíchase no chan, e segundo vai secando a lesma, van curando as espullas.

Bosque de ribeira

Chámase bosque de ribeira ou bosque en galería, á formación vexetal riparia, que medra nas marxes dun regueiro, lagoa ou río, e que adoita ser frondoso e composto por especies que gostan dos solos húmidos e lamacentos. Son importantes ecosistemas de transición para a flora e mais para a fauna e uns dos de maior biodiversidade.

O nome de "galería" provén do feito que a súa vexetación cobre o río formando unha especie de túnel, como se fose unha mina. Identifícase claramente na paisaxe por seguir mesmo o curso do río, formando un corredor normalmente distinto ou diferenciábel do resto da vexetación, ademais de se caracterizar por manter as especies autóctonas caducifolias en climas con seca estival, en zonas agrícolas, ou en zonas onde se reforestou con outras especies, coma ocorre na maior parte de Galicia con piñeiros e eucaliptos. Nas zonas máis húmidas de Galicia a vexetación dos bosques orixinais ou fragas non discordaba moito da riparia.

Caducifolio

Aplícase o adxectivo caducifolio (do latín decidere, caer) ás árbores ou arbustos que perden a súa follaxe durante unha parte do ano, a cal coincide na maioría dos casos coa chegada da época desfavorable, a estación máis fría nos climas temperados ou polares; algunhas árbores perden a follaxe durante a época seca do año nos climas áridos. Estas árbores coñécense, tamén, como árbores de folla caduca ou deciduas.

Moitas árbores e arbustos caducifolios florecen durante este período, xa que isto aumenta a efectividade da polinización. A ausencia de follas beneficia a dispersión do pole polo vento ou, no caso das plantas polinizadas por insectos, consegue que as flores sexan máis visibles por estes. Así e todo, esta estratexia non carece de riscos, xa que as flores poden resultar danadas pola xeada.

Cando as follas das árbores e arbustos caducifolios finalizan o período vexetativo e co cambio de cor da follaxe fican na árbore de nomínanse marcescentes. Dáse case sempre durante toda a estación fría (outono e inverno) até practicamente a saída das follas novas na seguinte primavera. É común en moitas especies de carballos, especialmente no cerquiño(Quercus pyrenaica), o (Quercus faginea), numerosos pés de faia (Fagus sylvatica) e mailos carpes (Carpinus ssp.). No sur de Galicia ás veces tamén se dá no carballo común.

Carballeira

Unha carballeira ou touza é un lugar poboado de carballos (especies do xénero ‘’Quercus sp.’’).

Carballo (homónimos)

Un Carballo é unha árbore do xénero Quercus, na familia das fagáceas. Neste xénero inclúense especies coma o carballo común, a aciñeira ou a sobreira;

Carballo común, carballo veriño ou simplemente carballo (Quercus robur), nome da árbore caducifolia moi común en Galicia que forma carballeiras;

Carballo albariño, carballo branco ou simplemente carballo (Quercus petraea), nome da árbore caducifolia semellante ao carballo común que abunda nas montañas orientais de Galicia.Como topónimo, pode referirse a:

Carballo, concello da provincia da Coruña;

Carballo, parroquia de dito concello;

Carballo, lugar de dita parroquia;

Carballo, parroquia do concello de Friol;

Carballo, lugar de dita parroquia;

Carballo, parroquia do concello de Taboada;

San Xil de Carballo, parroquia do concello de Samos;

Carballo, lugar da parroquia de Trasmonte, no concello de Ames;

Carballo, lugar da parroquia de Cervás, no concello de Ares;

Carballo, lugar da parroquia de Liripio, no concello da Estrada;

Carballo, lugar da parroquia de Oleiros, no concello de Ribeira;

Carballo, lugar da parroquia de Chorente, no concello de Sarria;

Carballo, lugar da parroquia de Oleiros, no concello de Vilalba;

Carballo, lugar da parroquia de Abuíme, no concello do Saviñao;

Carballo, lugar da parroquia de Verea, no concello de Verea;

Carballo, lugar da parroquia de Matamá, no concello de Vigo;

Carballo, lugar da parroquia de Baión, no concello de Vilanova de Arousa;

O Carballo, lugar da parroquia de Abeledo, no concello de Abadín;

O Carballo, lugar da parroquia de Antas de Ulla, no concello de Antas de Ulla;

O Carballo, lugar da parroquia de Rendal, no concello de Arzúa;

O Carballo, lugar da parroquia de Baredo, no concello de Baiona;

O Carballo, lugar da parroquia de Vigo, no concello de Cambre;

O Carballo, lugar da parroquia de Luneda, no concello da Cañiza;

O Carballo, lugar da parroquia de Sismundi, no concello de Cariño;

O Carballo, lugar da parroquia de Triabá, no concello de Castro de Rei;

O Carballo, lugar da parroquia de San Román de Montoxo, no concello de Cedeira;

O Carballo, lugar da parroquia de Milmanda, no concello de Celanova;

O Carballo, lugar da parroquia de Castelo, no concello de Cervo;

O Carballo, lugar da parroquia de Dozón, no concello de Dozón;

O Carballo, lugar da parroquia de Labrada, no concello de Guitiriz;

O Carballo, lugar da parroquia de San Breixo de Parga, no concello de Guitiriz;

O Carballo, lugar da parroquia de Vilameá, no concello de Guntín;

O Carballo, lugar da parroquia de Verís, no concello de Irixoa.;

O Carballo, lugar da parroquia de Golmar, no concello da Laracha;

O Carballo, lugar da parroquia de Ombreiro, no concello de Lugo;

O Carballo, lugar da parroquia de Poutomillos, no concello de Lugo;

O Carballo, lugar da parroquia de Mañón, no concello de Mañón;

O Carballo, lugar da parroquia de San Fiz de Monfero, no concello de Monfero;

O Carballo, lugar da parroquia de Piñeira, no concello de Monforte de Lemos;

O Carballo, lugar da parroquia de Pedroso no concello de Narón;

O Carballo, lugar da parroquia de Sedes no concello de Narón;

O Carballo, lugar da parroquia de San Pedro de Nós, no concello de Oleiros;

O Carballo, lugar da parroquia de Pereira, no concello de Ordes;

O Carballo, lugar da parroquia de Vilamaior, no concello de Ordes;

O Carballo, lugar da parroquia de Ladrido, no concello de Ortigueira;

O Carballo, lugar da parroquia de Vilouzás, no concello de Paderne;

O Carballo, lugar da parroquia de Ribeiras de Miño, no concello de Pantón;

O Carballo, lugar da parroquia de Bermui, no concello das Pontes de García Rodríguez;

O Carballo, lugar da parroquia de San Pedro de Eume, no concello das Pontes de García Rodríguez;

O Carballo, lugar da parroquia de Álceme, no concello de Rodeiro;

O Carballo, lugar da parroquia de Carnoedo, no concello de Sada;

O Carballo, lugar da parroquia de Soutopenedo, no concello de San Cibrao das Viñas;

O Carballo, lugar da parroquia de Lamas, no concello de San Sadurniño;

O Carballo, lugar da parroquia de San Xurxo, no concello de San Xoán de Río;

O Carballo, lugar da parroquia de Gondar, no concello de Sanxenxo;

O Carballo, lugar da parroquia de San Miguel de Vilapedre, no concello de Sarria;

O Carballo, lugar da parroquia de Oleiros, no concello de Silleda;

O Carballo, lugar da parroquia de Trabada, no concello de Trabada;

O Carballo, lugar da parroquia de Areas, no concello de Tui;

O Carballo, lugar da parroquia de Vilacampa, no concello do Valadouro;

O Carballo, lugar da parroquia de Goiriz, no concello de Vilalba;

O Carballo, lugar da parroquia de Oleiros, no concello de Vilalba;

O Carballo, lugar da parroquia de Galdo, no concello de Viveiro;

O Carballo, lugar da parroquia de Morás, no concello de Xove;

O Carballo Branco, lugar da parroquia de Celeiro de Mariñaos, no concello de Barreiros;

O Carballo da Palma, lugar da parroquia de Panxón, no concello de Nigrán;

O Carballo da Pedra, lugar da parroquia de Valeixe, no concello da Cañiza;

Carballo de Boi, lugar da parroquia de San Claudio, no concello de Ortigueira;

O Carballo de Lor, lugar da parroquia de Quintá de Lor, no concello de Quiroga;

Carballo do Hospital, lugar da parroquia do Hospital, no concello de Quiroga;

O Carballo do Pazo, lugar da parroquia de Salcedo, no concello de Pontevedra;

O Carballo do Pazo, lugar da parroquia de Beade, no concello de Vigo;

Carballo do Vento, lugar da parroquia de Nodar, no concello de Friol;

O Carballo dos Pinos, lugar da parroquia de Xallas de Castriz, no concello de Santa Comba;

O Carballo Furado, lugar da parroquia de Doso, no concello de Narón;

O Carballo Gallado, lugar da parroquia de Burgás, no concello de Xermade;

O Carballo Gordo, lugar da parroquia de San Salvador de Couzadoiro, no concello de Ortigueira;

Carballo Infante, Espiñaredo, As Pontes de García Rodríguez|Carballo Infante, lugar da parroquia de Espiñaredo, no concello das Pontes de García Rodríguez;

O Carballo Mariño, lugar da parroquia de Lagoa, no concello de Alfoz;

Carballo Redondo, lugar da parroquia do Alto de Xestoso, no concello de Monfero;

Carballo Torto, lugar da parroquia de Vilarraso, no concello de Aranga;Amais, como apelido pode referirse a:

Julio Carballo Enríquez, avogado e xornalista galego (1861-1928);

Luís Amado Carballo, escritor galego (1901-1927);

Ricardo Carballo Calero, filólogo e escritor galego (1910-1990).

Carballo (árbore)

Para atopar máis información ou consultar a especie normalmente chamada "carballo", véxase o artigo Carballo común.

Carballo é a designación común das cerca de seiscentas especies de árbores e arbustos do xénero Quercus da familia Fagaceae. O xénero é nativo do hemisferio norte e inclúe tanto especies caducifolias coma persistentes. Os Querci (carballos) esténdese tanto por zonas de clima atlántico como clima continental ou clima mediterráneo, dende Eurasia até América e medran en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas. En xeral, as especies de folla caduca distribúense máis cara ao norte e as de folla persistente, cara ao sur. Caracterízanse por ser árbores rexas e fortes e polos froitos: as landras.

Cómpre ter en conta que tamén se denominan carballos as especies tropicais doutros xéneros relacionados, principalmente Lithocarpus.

Diferentes especies de carballos son moi frecuentes en toda Galicia, salientando o carballo común (ver lista de especies habituais en Galicia abaixo). De feito os carballos constitúen a formación forestal máis representativa do país: a carballeira.

As carballeiras teñen estado en regresión debido sobre todo á actividade humana e á substitución destes bosques por reforestacións de especies foráneas coma o piñeiro bravo ou o eucalipto; con todo, a extensión das carballeiras incrementouse nos últimos anos, especialmente nas zonas do interior.

Carballo albariño

O carballo albariño ou carballo albar (Quercus petraea) (sin. Quercus sessiliflora), é un carballo europeo moi semellante ao carballo común (Quercus robur), aínda que é menos robusto que este. Recibe tamén os nomes de albo, carba, carballo branco ou simplemente carballo.

O carballo albariño da Praza do Campo de Quindous, en Cervantes (Lugo), está na lista de árbores senlleiras de Galiza.

Cerquiño

O cerquiño ou carballo cerqueiro (Quercus pyrenaica Willd.) é unha especie de carballo monoico que habita en bosques caducifolios. Pode chegar até os 20 ou 25 metros. É máis miúdo, rústico e frugal ca o carballo común (Quercus robur) e carballo albariño (Quercus petraea). Aparece en Galiza.

Recibe tamén os nomes de carballo cerquiño, carballo curpio, rebolo, carballo negro ou carballo negral.

Figueroa, Abegondo

San Miguel de Figueroa é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Abegondo na comarca da Coruña. Ten unha extensión de 112 hectáreas e está a unha altitude media de 149 metros. Segundo o padrón municipal de 2016 tiña 204 habitantes (104 mulleres e 100 homes) distribuídos en oito entidades de poboación. Linda cara ao leste coa parroquia de Abegondo, ao oeste coa de Sarandós, ao sur coa de Montouto, todas do concello de Abegondo, e cara ao norte con Cañás, do concello de Carral.

A Torre de Figueroa é un castelo da parroquia que se construíu no século XII, propiedade do marquesado do mesmo nome, e que está protexido e declarado como ben de interese cultural. Figueroa contou co couto de Gundín, fóra dos seus lindes e en Vizoño, entre o século XVII e XVIII. A súa ribeira do Barcés está dentro do ZEC do encoro de Abegondo-Cecebre e ten a carballeira da Chousa declarada como de interese local.

O topónimo oficial Figueroa é unha deturpación de Figueiroa, que xorde do termo latino FĪCĀRĬŎLA (diminutivo de "figueira") entre o século X e o XI.

Fraga (botánica)

Unha fraga é unha extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias, de herbas, mofos, fentos e liques e na que convive así mesmo unha gran diversidade de fauna. Sería polo tanto, un bosque ou unha foresta virxe ou primaria. Adoita referirse ao bosque atlántico, do que hoxe só quedan pequenas manchas por mor da acción do home.

Ás veces o termo fraga refírese simplemente a un bosque mixto ou simplemente unha arboreda brava.

Fraga de Catasós

A fraga de Catasós é unha fraga declarada monumento natural no ano 2000, situada no lugar de Quintela, Catasós, no concello pontevedrés de Lalín. Tamén se coñece co nome de carballeira de Quiroga, xa que a maior parte dos exemplares dominantes son carballos, aínda que salienta polos seus senlleiros castiñeiros (tamén se lle chamaba souto), algúns de varios centos de anos, 5 metros de circunferencia e máis de 30 metros de altura (os máis altos de Europa).

Landra

A landra ou belota é o froito característico dos carballos, das especies do xénero Quercus (fam. Fagaceae), como son o carballo común e outras árbores semellantes como a aciñeira ou a sobreira.

Monte Aloia

O monte Aloia é un cumio situado na serra do Galiñeiro, declarado parque natural o 4 de decembro de 1978 e como zona especial de conservación (ZEC). Está situado no concello pontevedrés de Tui e ten unha extensión de 746 hectáreas. A súa vexetación está caracterizada por especies autóctonas acompañadas por especies de repoboación forestal. Posúe restos da cultura castrexa e elementos de interese etnográfico.

Neozephyrus quercus

Unha Neozephyrus quercus é unha especie de bolboreta da familia dos licénidos que habita por gran parte de Europa, América do Norte, Anatolia, o Cáucaso e Transcaucasia. A larva aliméntase de carballo común, carballo albariño, Quercus cerris e aciñeira.

Oídio do carballo

O oídio do carballo é un tipo de oídio cuxo axente causante é a especie de fungo Microsphaera alphitoides ou Erysiphe alphitoides (Oidium quercinum na fase anamorfa) que adoita afectar ás follas do carballo común. É unha patoloxía moi común nos carballos galegos.

Rebento

Chámase rebento ou gromo aos novos crecementos das plantas, que poden incluír talos, xemas e follas. O gromo de xerminación da semente que medra cara arriba é un rebento que ha desenvolver follas. Na primavera, os rebentos de plantas perennes son o novo crecemento, dende o chan nas plantas herbáceas, ou o novo crecemento de flores ou talos / caules nas plantas lígneas. O galego permite tamén os termos gomo, abrocho e brote.

Cómpre non confundir os gromos cos talos, xa que estes fornecen o eixo para o crecemento das xemas, froitos e follas.

Logo dunha árbore se tallar ou queimar, o coto ou o toro dalgunhas especies coma os carballos (carballo común, sobreira etc) ou os eucaliptos botan novos fillos tamén chamados rebentos.

Moitos animais aliméntanse dos abrochos por mor a que as fibras do novo crecemento aínda non completaron o desenvolvemento total da parede celular secundaria, e polo tanto, son máis tenros e doados de mastigar e dixeriren. Cando os gromos medran e envellecen, as células completan o desenvolvemento das paredes celulares que teñen unha estrutura dura e resistente. Algunhas plantas (por exemplo, os fentos) producen toxinas que fan que os seus rebentos sexan menos apetecíbeis aos herbívoros.

Os rebentos de moitas plantas (soia, alfalfa etc) son un alimento habitual en moitas culturas. En Galiza o consumo está a medrar, especialmente en ensaladas e pratos orientais.

Serra de Aralar

Aralar é unha serra situada entre Guipúscoa e Navarra, que fai 30 quilómetros de longo de leste a oeste e 12 quilómetros de ancho de norte a sur. A parte guipuscoana, que abrangue un terzo da serra, foi declarada parque natural en 1994.

O cumio máis alto é o Intzako Dorrea (a Torre de Intza) ou Irumugarrieta, a 1 431 metros sobre o nivel do mar e no lado navarro, mais a montaña máis coñecida é o Larrunarri ou Txindoki, no extremo oeste e en territorio guipuscoano.

A serra está formada maioritariamente por pedra calcaria, da idade do xurásico e do cretáceo e de orixe mariña. Nestes materiais calcarios desenvolvéronse numerosos fenómenos cársticos, con 850 cavidades exploradas entre as que destaca lacova de Ormazarreta II pola súa lonxitude (6 815 metros) e profundidade (576 metros). Na superficie hai numerosos dolinas e lapías nas zonas onde o bosque non cobre as rochas.

A vexetación principal é a faia, con algúns teixos e acivros. Nalgunhas zonas baixas do norte hai carballos como o carballo común e nas zonas do sur algunhas enciñeiras.

Touza

O termo galego A Touza (provén dun probábel *TAUTTIA, posibelmente da raíz indoeuropea TEU- 'inchar, crecer') pode referirse a:

Cerquiño, especie de carballo, máis pequeno ca o carballo común e de folla aveludada.

Carballeira, poboamento de calquera tipo de carballos, especialmente cerquiños, cerqueiral.

Bouza, terreo cerrado, con vexetación de árbores ou mato alto, touceira.

Cardume, banco ou grupo grande de peixes da mesma especie que se moven xuntos.Como topónimo, é un orónimo que indica un terreo pechado con árbores ou matos, ou ben un grupo de penas ou rochas na praia. Pode referirse a:

A Touza, parroquia do concello de Taboadela;

San Xurxo da Touza, lugar de dita parroquia;

A Touza, lugar da parroquia de Oleiros, no concello de Carballedo;

A Touza, lugar da parroquia de Vilaquinte, no concello de Carballedo;

A Touza, lugar da parroquia de Santa Tegra de Abeleda, no concello de Castro Caldelas;

A Touza, lugar da parroquia de Camporramiro, no concello de Chantada;

A Touza, lugar da parroquia de Pedrafita, no concello de Chantada;

A Touza, lugar da parroquia de Esgos, no concello de Esgos;

A Touza, lugar da parroquia de Armeses, no concello de Maside;

A Touza, lugar da parroquia de Camos, no concello de Nigrán;

A Touza, lugar da parroquia de Panxón, no concello de Nigrán;

A Touza, lugar da parroquia de Pombeiro, no concello de Pantón;

A Touza, lugar da parroquia de Eiras, no concello de San Amaro;

A Touza, lugar da parroquia de Navío, no concello de San Amaro;

A Touza, lugar da parroquia de Castrelo, no concello de San Xoán de Río;

A Touza, lugar da parroquia de Piñeiró, no concello do Saviñao;

A Touza, lugar da parroquia de Sobrecedo, no concello de Taboada;

A Touza, lugar da parroquia de San Cibrao, no concello de Viana do Bolo;

A Touza, lugar da parroquia de Cabreiros, no concello de Xermade;

A Touza da Vella, lugar da parroquia de Xinzo, no concello de Ponteareas;

A Touza Vella, lugar da parroquia de Cabreiros, no concello de Xermade.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia dende o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.