Carbón

O carbón é unha rocha sedimentaria de cór negra ou marrón, con grande contido de carbono. É utilizada en diversos procesos industriais, destacando a produción de enerxía, procesos siderúrxicos e a industria química. A formación de carbón procede da acumulación de materia orgánica eminentemente vexetal durante millóns de anos. En España as minas de carbón son moi abundantes en Asturias, norte de Palencia, O Bierzo, Teruel, Andalucía e Galicia.

Mineral Hulla GDFL003

Hulla

Mineral Lignito GDFL028

Lignito negro

Carbon black

Carbón en po.

2005coal

Países produtores

Consumo carbon mundo

Consumo de carbón no mundo

Produccion mundial carbon 2004

Produción mundial de carbón no 2004.

Tipos de carbón

Tradicionalmente distínguense catro tipos de carbón, en función do seu contido mineral:

  • - turba: 60% de carbono.
  • - lignito: 70% de carbono.
  • - hulla: 80 a 85% (o máis apreciado en minaría).
  • - antracita: 90% ou máis de carbono.

Minas galegas

Bagger-garzweiler
Explotación de lignito polo método alemán (con rotopala)

En Galicia explotáronse dous grandes depósitos de lignito pardo en Meirama (Limeisa) e As Pontes, polo método alemán (adaptado as condición dos xacementos) nunhas explotacións que foron punteiras entre as minas a ceo aberto de carbón, pero que hoxe están en fase de peche e restauración[1]. Na Limia tamén se localizou un depósito de lignito de certa entidade, similar aos anteriormente mencionados, pero nos se estimou rendíbel a súa explotación.

Notas

  1. http://www.lagodeaspontes.com/ Uso lúdico da vella mina de As Pontes

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre química é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Ayer

Ayer (en castelán: Aller) é un concello da comunidade autónoma do Principado de Asturias en España. Limita ao norte con Mieres, ao sur coa provincia de León, ao leste con Llaviana, Casu e Sobrescobiu e ao oeste con Ḷḷena. Ten unha poboación de 12.136 habitantes.

Cruzado polo río do mesmo nome, forma parte xunto cos concellos de Ḷḷena e Mieres da conca mineira do Caudal. A súa principal actividade económica foi a minería do carbón, especialmente na parte baixa do val, compaxinada coa agricultura e a gandería. O curso baixo do río Ayer, preto da súa confluencia co Caudal, forma un val profundo entre empinadas ladeiras cubertas de bosques. Dominan a paisaxe as torres dos pozos de carbón e as edificacións dos pobos mineiros.

Río arriba chégase a Cabanaquinta, capital do concello desde 1869, pasada a cal a paisaxe transfórmase paulatinamente nun val de alta montaña que culmina no porto de San Isidro (1.520 m), límite de Asturias con León. A beleza desta paisaxe e a atracción da leonesa estación de esquí no porto supuxeron un espectacular crecemento do sector turístico nos últimos anos, destacando a localidade de Felechosa, a 13 km do alto.

Entre as belezas naturais atópanse as Fouces do Piñeiro e as do Ayer, profundas gargantas escavadas por estes ríos na calcaria de montaña. Ademais, o concello ofrece unha gran variedade de rutas que seguen os camiños dos pastores tradicionais desde os pobos do fondo dos vales ata as fermosas brañas imposibles de adiviñar desde abaixo.

Tamén se pode acceder a cumes emblemáticos como o Torres (2.100 m), o Toneo, Pena Redonda, o Retriñón, Pena Mea...

Birmingham

Birmingham é unha cidade inglesa situada no condado metropolitano de Midlands do Oeste, pertencente á rexión inglesa homónima, terra ondulada pobre para o cultivo pero rica en xacementos de carbón e ferro, ao sur dos Peninos. Segundo estimacións do 2008 ten 1 016 800 habitantes, que ascenden a 2 284 093 se temos en conta a súa área metropolitana (censo 2001). Tradicionalmente é considerada a segunda cidade de Inglaterra e o Reino Unido en termos de poboación, aínda que Manchester dispútalle ese posto en canto a representatividade.

CECA

Para outros usos da palabra "ceca" véxase: Ceca (homónimos).

A Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA) foi un organismo internacional de ámbito europeo que regulaba os sectores do carbón e do aceiro dos Estados membros.

O tratado instaurando a CECA foi firmado en París o 18 de abril de 1951 por Francia, Alemaña, Italia e os tres países do Benelux: Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo.

Esta comunidade é considerada como o "xerme" da actual Unión Europea (UE).

Carbonífero

O período Carbonífero debe o seu nome o carbón que se iniciou hai uns 300 millóns de anos. Cando as árbores mortas e outros vexetais caían en pantanos quedaban cubertos de lodo. Co tempo os restos vexetais secáronse e formaron o que chamamos turba. Enterrada baixo capas de terra e rocha a gran profundidade, a turba quedou comprimida e quentouse ata que ó final converteuse en carbón.

Central térmica

Unha central térmica ou central termoeléctrica é unha instalación empregada para a xeración de enerxía eléctrica a partir da enerxía liberada en forma de calor, normalmente mediante a combustión dalgún combustible fósil como petróleo, gas natural ou carbón. Esta calor é empregado por un ciclo termodinámico convencional para mover un alternador e producir enerxía eléctrica. Doutra banda, tamén existen centrais termoeléctricas que empregan fisión nuclear do uranio para producir electricidade, estas instalacións reciben o nome de centrais nucleares.

Combustible

Un combustible é calquera substancia que reacciona co osíxeno de forma violenta, con produción de calor, chamas e gases. Supón a liberación dunha enerxía da súa forma potencial a unha forma utilizable (por ser unha reacción química, que se coñece como enerxía química). En xeral trátase de algo susceptible de queimarse, pero hai excepcións que se explican a continuación.

Hai varios tipos de combustibles. Entre os combustibles sólidos inclúense o carbón, a madeira e a turba. O carbón quéimase en caldeiras para quentar auga que pode vaporizarse para mover máquinas a vapor ou directamente para producir calor utilizable en usos térmicos (calefacción). A turba e a madeira utilízanse principalmente para a calefacción doméstica e industrial, inda que a turba se utilizou para a xeración de enerxía: as locomotoras que empregaban madeira como combustible eran comúns no pasado.

Entre os combustibles fluídos, áchanse os líquidos como o gasóleo, o queroseno ou a gasolina (ou nafta) e os gasosos, como o gas natural ou gas licuado de petróleo (GLP), representados polo propano e o butano. As gasolinas, gasóleos e ata os gases, úsanse para motores de combustión interna.

Inda que pouco utilizado, é tamén combustible o hidróxeno, e amais é limpo, pois ó combinarse co osíxeno deixa como residuo vapor de auga.

Nos corpos dos animais, o combustible principal está constituído por carbohidratos, lípidos, proteínas, que proporcionan enerxía para os músculos, o crecemento e os procesos de renovación e rexeneración celular.

Impropiamente chámase tamén combustibles ás substancias empregadas para producir a reacción nuclear no proceso de fisión, cando este proceso non é propiamente unha combustión.

Tampouco é propiamente un combustible o hidróxeno, cando se utiliza para proporcionar enerxía (e en grandes cantidades) no proceso de fusión nuclear, no que se funden atomicamente dous átomos de hidróxeno para converterse nun de helio, con gran liberación de enerxía. Este medio de obter enerxía non foi dominado inda polo ser humano (máis ca na súa forma máis violenta, a bomba nuclear de hidróxeno, coñecida como Bomba H) pero no universo é común posto que é a fonte de enerxía das estrelas.

Os combustibles fósiles son mesturas de compostos orgánicos mineralizados que se extraen do subsolo co obxecto de producir enerxía por combustión. A orixe deses compostos son seres vivos que morreron fai millóns de anos. Considéranse combustibles fósiles ó carbón, procedente de bosques do período carbonífero, o petróleo e o gas natural, procedentes doutros organismos.

Estación da Coruña-San Diego

A Coruña–San Diego é unha estación de ferrocarril da cidade da Coruña, dedicada exclusivamente ao tráfico de mercadorías, que dá servizo ao porto. Entrou en servizo en 1967.

As súas principais actividades son ou foron a exportación de peixe, madeiras, ferro, cinc, carbón e contedores procedentes do porto. Existe outra estación na cidade, a de San Cristovo, dedicada exclusivamente ao tráfico de viaxeiros.

En 2014 foi suprimida a liña regular de contedores e o PXOUM prevé a desafectación destes terreos para o tráfico ferroviario unha vez se poña en servizo unha nova terminal que se ha construír no Porto Exterior.

Exploración

A exploración é o acto de buscar e viaxar co propósito de descubrir, por exemplo, rexións descoñecidas, incluíndo o espazo exterior (exploración espacial), ou petróleo, gas, carbón, auga (prospección) ou información.

A exploración existe dende que existen os seres humanos, pero o seu punto máximo tivo lugar na Era dos descubrimentos cando os navegadores europeos viaxaron por todo o mundo.

Nas ciencias, a exploración e un dos propósitos da investigación (sendo os outros dous a descrición e a explicación). A exploración é o intento de desenvolver un entendimento rudimentario inicial dun fenómeno.

Gales

O País de Gales (Galés: Cymru; IPA pronunciado: /ˈkəmrɨ/, “Camri aproximadamente”) é unha das catro nacións constitutivas do Reino Unido, situada nunha península ao suroeste da illa de Gran Bretaña e limitada polos condados ingleses de Cheshire, Shropshire, Herefordshire e de Gloucestershire ao leste, a canle de Bristol (Môr Hafren) ao sur, o canal de San Xurxo (Sianel San Siôr) ao suroeste, e o mar irlandés (Môr Iwerddon) ao oeste e ao norte, e tamén polo esteiro do río Dee (Afon Dyfrdwy) no nordeste. En total cobre unha área de 20 720 km de norte a sur e duns 96 km de leste a oeste. Na actualidade (2005) conta cunha poboación de case tres millóns de habitantes e as cidades máis poboadas son Cardiff, capital de Gales con 300 000 habitantes, e Swansea con 190 000.

O ascetismo monástico galés, un sistema lexislativo secular altamente desenvolvido (Cyfraith Hywel) e unha tradición literaria distintiva ilustran un sentido forte da identidade cultural, que emerxeu nos galeses despois da retirada romana de Gran Bretaña no século V. Dos principais principados e reinos que existían en Gales, Gwynedd conservou a independencia ata o século XIII, cando foi conquistado tamén por Inglaterra. Porén, a anexión e a abolición formais da lei galesa non ocorreron ata o século XVI. O País de Gales (con todas as rexións unidas baixo un goberno) nunca foi un estado soberano, aínda que un número de principados rivais seguían sendo independentes ata a conquista inglesa. A partir do século XIX o País de Gales converteuse nunha das rexións máis industralizadas da época, provendo ao imperio británico e ás súas colonias extensas cantidades de carbón e de aceiro. O sector do servizo alcanzou só recentemente á industria como principal sector na economía de Gales. A pesar dun PIB máis baixo que o doutras rexións da Gran Bretaña, o diferencial entre o nivel de vida no País de Gales con outras partes de Gran Bretaña, non é excesivamente pronunciado. A partir do século XX ten lugar un renacemento da conciencia nacional galesa (xunto cun cambio de tendencia no descenso da lingua galesa).

Guachetá

Guachetá é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia), que se atopa na Provincia de Ubaté, a 118 km de Bogotá. Coñecido pola súa produción de carbón mineral e o gando leiteiro, deuse a coñecer como a "Cidade Carbonífera e Leiteira de Colombia". É considerado un destino turístico polas súas rochas perfectas para a escalada.

Horario de verán

O horario de verán é a convención pola que se adiantan os reloxos para que as tardes teñan máis luz diúrna e as mañás menos. Normalmente os reloxos adiántanse unha hora a principios da primavera e atrásanse en outono (na UE faise o último domingo de marzo e o último domingo de outubro). Moitas culturas antigas, en cambio, alongaban as horas diúrnas no verán. O horario de verán moderno estableceuse por primeira vez en 1916 durante a Primeira Guerra Mundial para aforrar carbón. A pesar das controversias, moitos países empregárono desde entón. En Galicia, pola súa situación xeográfica dentro da UE, a diferenza respecto da hora solar é de dúas horas no inverno e tres no verán.

Engadir tempo de luz diúrna ás tardes beneficia o comercio, a práctica deportiva e outras actividades que se benefician da presenza de luz tras a xornada laboral pero pode ocasionar problemas á agricultura e a outras ocupacións que dependan do tempo solar. O incremento de luz vespertino ao parecer diminúe os accidentes de tráfico, pero os seus efectos sobre a saúde e o crime están menos claros. Dise que mediante o horario de verán afórrase enerxía eléctrica ao reducirse a necesidade de iluminación artificial, pero as evidencias que o apoian son febles.

Kentucky

Kentucky é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na Rexión Sueste do país. O seu nome oficial é Commonwealth of Kentucky. Kentucky atópase no interior do leste dos Estados Unidos. As súas principais fontes de renda son a manufactura de produtos industrializados e o turismo.

Anteriormente, críase que a orixe do nome do estado viña dunha palabra amerindia, que significa "terreo de caza escuro e sanguento", porque as tribos nativas que vivían na rexión cazaban dentro dos densos bosques do estado, e que, moitas veces, estas tribos loitaban entre si nestes bosques. Porén, actualmente crese que a palabra Kentucky pode ser atribuída a numerosos idiomas indíxenas, con varios significados posibles. Algúns destes significados son "terra do mañá", "terra de cana e pavos" e "pradería".A rexión onde está localizada actualmente Kentucky foi colonizada orixinalmente por colonos da colonia británica de Pensilvania, en 1774, pero pasou a ser controlada por Virxinia durante a Revolución Americana de 1776, e converteuse no décimo quinto estado americano en entrar na Unión, o 1 de xuño de 1792.

Lignito

O lignito é un carbón mineral que se forma por compresión da turba, converténdose nunha substancia esnaquizábel na que aínda se poden recoñecer algunhas estruturas vexetais. É de cor negra ou pardo e frecuentemente presenta unha textura similar á da madeira da que procede.

A súa concentración en carbono varía entre o 60% e o 75% e ten moito menor contido en auga que a turba.

É un combustible de mediana calidade, fácil de queimar polo seu alto contido en volátiles, pero cun poder calorífico relativamente baixo (entre 10 e 20 MJ/kg). Ten a característica de non producir coque cando se calcina en vasos pechados.

Metano

O metano é un composto de carbono e hidróxeno, de fórmula CH4. É un hidrocarburo, o primeiro membro da serie dos alcanos. É máis lixeiro que o aire, incoloro, inodoro e inflamable. Encóntrase no gas natural (entre un 75% e un 90%), no gas grisú das minas de carbón, nos procesos das refinerías de petróleo, e como produto da descomposición da materia nos pantanos. É un dos principais compoñentes da atmosfera dos planetas Saturno, Urano e Neptuno.

Pode obterse mediante a hidroxenación de carbono ou dióxido de carbono, pola acción da auga con carburo de aluminio ou tamén ó quentar etanoato de sodio cun álcali.

É apreciado como combustible e para producir cloruro de hidróxeno, amoníaco, etino (acetileno) e formaldehido.

Monóxido de carbono

O monóxido de carbono, cuxa fórmula química é CO, é un gas inodoro, incoloro, insípido, inflamable, non irritante e altamente tóxico. Na clasificación toxicolóxica, considérase un axente tóxico de carácter asfixiante-sufocante ou citotóxico, e pode causar a morte cando se respira en niveis elevados. Prodúcese ó queimar materiais combustibles como gas, gasolina, queroseno, carbón, petróleo, tabaco ou madeira. As chemineas, as cadeiras, os quentadores de auga e os aparatos domésticos que queiman combustible, como as estufas ou fogóns da cociña ou os quentadores a queroseno, tamén poden producilo se non funcionan ben. Os vehículos detidos co motor acendido tamén o despiden.

Morelos (concello do estado de México)

Morelos é un concello do Estado de México, en México. Limita coas municipalidades de Chapa de Mota, Timilpan, Jocotitlán, Atlacomulco, Jiquipilco e Villa del Carbón. A súa área é de 236,32 km², e a súa poboación era de 28.426 habitantes no ano 2010.

Pensilvania

Pensilvania é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. O seu nome oficial é Commonwealth of Pennsylvania. O estado deu nome ao período xeolóxico Pennsylvaniano. A capital do estado é Harrisburg.

É un dos estados máis industrializados e urbanizados dos Estados Unidos, sendo un dos berces da Revolución Industrial do país, a mediados do século XIX. É un gran produtor de alimentos, química e electrónica. Produce antracita, un tipo de carbón de altísima calidade e, alén diso, é o maior produtor de carbón bituminoso do país.

Filadelfia é a maior cidade do Estado, sendo un gran centro portuario, bancario, financeiro e industrial. A segunda maior cidade do estado é Pittsburgh, que é un polo educativo e da industria de alta tecnoloxía. Ambos son grandes centros históricos e culturais americanos.

Pensilvania é famosa pola rexión de Pensilvania Dutch (Países Baixos pensilvano), localizada no sur do estado. A rexión é famosa pola súa gastronomía [Cómpre referencia] e pola súa arquitectura. A pesar do nome, a gran maioría dos habitantes da rexión son alemáns; de feito, o nome "Dutch" foi unha mala interpretación da palabra alemá deutsch, que significa "alemán" na lingua alemá. Esta rexión é famosa nos Estados Unidos e Canadá, sendo unha rexión de cuño turístico, histórico e cultural do Estado.

O nome do estado vén de William Penn. O Rei inglés Carlos II cedeu a rexión a Penn en 1681. A palabra Pensilvania significa "bosques (silva) dePenn". Este Penn era un cuáquero que estabeleceu na súa colonia a liberdade relixiosa, permitindo a grupos relixiosos perseguidos tales como os cuáqueros, entre outros, se instalaran na rexión. Por isto, por veces o estado denomnínase The Quaker State, porque a maioría dos seus habitantes, nos principios da colonización europea do estado, eran cuáqueros. O cognome do Estado é The Keystone State.

Pensilvania é un dos estados americanos máis ricos historicamente. Foi colonizada inicialmente por suecos e neerlandeses, sendo posteriormente expulsados da rexión polos británicos. Pensilvania foi unha das Trece Colonias que se rebelaron contra o dominio inglés na rexión na Revolución Americana de 1776. Foi en Pensilvania onde se creou a declaración de independencia e a constitución americana polos pais da nación americana. Converteuse no segundo estado americano despois de ratificar a Constitución americana o 12 de decembro de 1787. Durante a Guerra Civil Americana, Pensilvania presenciou da batalla máis sanguenta da guerra civil, a Batalla de Gettysburg.

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

Villa del Carbón

Villa del Carbón é un concello do norte do Estado de México, en México. Limita coas municipalidades mexicanas de Jilotepec, Jiquipilco, Nicolás Romero, Tepotzotlán, Morelos e Chapa de Mota. A súa área é de 306,56 km², e a súa poboación era de 44 881 habitantes no ano 2010. A cabeceira municipal é Villa del Carbón.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.