Capitalismo

O capitalismo[1] é unha orde ou sistema social e económico que deriva do usufruto da propiedade privada sobre o capital como ferramenta de produción, que se atopa maiormente constituído por relacións empresariais vinculadas ás actividades de investimento e obtención de beneficios, así como de relacións laborais tanto autónomas como asalariadas subordinadas a fins mercantis.[2] Máis especificamente o capitalismo é un sistema económico dominado polo capital e non polo traballo.

O termo foi introducido pola economía marxista para referirse ós sistemas económicos modernos nos que os medios de produción pertencían ó capital, mentres os traballadores foran "expropiados" deles e non tiñan a súa propiedade. O sistema capitalista, segundo o marxismo, baséase na apropiación da plusvalía xerada polos traballadores por parte dos capitalistas, grazas precisamente ó seu control dos medios de produción. A plusvalía, na terminoloxía marxista, non debe ser confundida co beneficio. A plusvalía é o valor producido polos traballadores e que non se aplica á reprodución do sistema económica, isto é, a manter activos ós traballadores, a manter os procesos produtivos en marcha e a garantir a súa mellora no tempo. A plusvalía pertence ó traballador porque a "creou" co seu traballo. Porén, no capitalismo pasa ás mans dos empresarios.

AdamSmith
Adam Smith, considerado o pai do Capitalismo.
Lewis Hine Power house mechanic working on steam pump
Fotografía de Lewis Hine dun obreiro traballando cunha máquina de vapor.

Orixe

Artigo principal: Historia do capitalismo.

Tanto os mercadores como o comercio existen desde que existe a civilización, pero o capitalismo como sistema económico non apareceu ata o século XIII en Europa substituíndo ao feudalismo. Segundo Adam Smith, os seres humanos sempre tiveron unha forte tendencia a "realizar trocos, cambios e intercambios dunhas cousas por outras". Este impulso natural cara ao comercio e o intercambio foi acentuado e fomentado polas Cruzadas que se organizaron en Europa occidental desde o século XI ata o século XIII. As grandes travesías e expedicións dos séculos XV e XVI reforzaron estas tendencias e fomentaron o comercio, sobre todo tras o descubrimento do Novo Mundo e a entrada en Europa de inxentes cantidades de metais preciosos provenientes daquelas terras. A orde económica resultante destes acontecementos foi un sistema no que predominaba o comercial ou mercantil, é dicir, cuxo obxectivo principal consistía en intercambiar bens e non en producilos. A importancia da produción non se fixo patente ata a Revolución industrial que tivo lugar no século XIX.

Con todo, xa antes do inicio da industrialización aparecera unha das figuras máis características do capitalismo, o empresario, que é, segundo Schumpeter, o individuo que asume riscos económicos non persoais. Un elemento clave do capitalismo é a iniciación dunha actividade co fin de obter beneficios no futuro; posto que este é descoñecido, tanto a posibilidade de obter ganancias como o risco de incorrer en perdas son dous resultados posibles, polo que o papel do empresario consiste en asumir o risco de ter perdas ou ganancias.

O camiño cara ao capitalismo a partir do século XIII foi achandado grazas á filosofía do renacemento e da Reforma. Estes movementos cambiaron de forma drástica a sociedade, facilitando a aparición dos modernos Estados nacionais que proporcionaron as condicións necesarias para o crecemento e desenvolvemento do capitalismo nos países europeos. Este crecemento foi posible grazas á acumulación do excedente económico que xeraba o empresario privado e á reinversión deste excedente para xerar maior crecemento, o cal xerou industrialización nas rexións do norte.

Tipos de sistemas capitalistas

Existen distintas variantes do capitalismo que se diferencian na relación entre o mercado, o Estado e a sociedade. Por suposto, todas comparten características como a produción de bens e servizos beneficio, a asignación de recursos baseada principalmente no mercado, e a estruturación arredor da acumulación de capital. Cómpre salientar que entre os círculos ligados á Escola austríaca de economía coñécese como «capitalismo» a súa variante máis pura, o laissez faire. Outros defensores do capitalismo adoptaron visións do capitalismo máis moderadas e máis matizadas con respecto á súa posta en práctica.

Algunhas das formas de capitalismo existentes ou propostas historicamente son:

En gran medida na maioría dos países modernos predominan formas do capitalismo máis próximas ás dúas últimas formas, a economía social de mercado e a economía mixta. O mercantilismo e o proteccionismo parecen case universalmente abandonados aínda que tiveron o seu esplendor durante os séculos XVIII e XIX.

Críticas ao capitalismo

Anti-capitalism color— Restored
Pyramid of Capitalist System, póster do sindicato Industrial Workers of the World. Critica o capitalismo representándoo como unha estrutura xerárquica de clases sociais.
Artigo principal: Anticapitalismo.

Parte da crítica ao capitalismo é a opinión de que é un sistema caracterizado pola explotación da forza de traballo do home ao constituír o traballo como unha mercadoría máis. Esta condición sería a súa principal contradición: medios de produción privados con forza de traballo colectiva; deste xeito, mentres no capitalismo se produce de forma colectiva, o goce das riquezas xeradas é privado, xa que o sector privado "compra" o traballo dos obreiros co salario.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para capitalismo.
  2. Definición minimalista elaborada de forma que concorde coas principais definicións esencialistas, tanto posteriores (Sombart, 1902; Weber, 1904) como previas a invención do termo (Ricardo, 1817; Proudhon, 1840; Marx, 1848) e a elaboración do concepto (Smith, 1776) e concordante coa definición do dicionario da Enciclopedia Británica: «Capitalism», Merriam-Webster's Collegiate Dictionary

Véxase tamén

Bibliografía

  • Michel Beaud, Historia do capitalismo: de 1500 aos nosos días, tradución de Manuel Serrat ao castelán, Ariel, Barcelona, 1986.
  • Fernand Braudel, A dinámica do capitalismo, tradución de Rafael Tusón Calatayud ao castelán, Fondo de Cultura Económica, México, 1986.
  • John Chamberlain, As raíces do capitalismo, Unión Editorial, Madrid, 1994.
  • Joaquín Estefanía, Aquí non pode ocorrer. O novo espírito do capitalismo, Taurus, Madrid, 1997.
  • Milton Friedman, Capitalismo e liberdade, Ediciones Rialp, Madrid, 1966.
  • John Kenneth Galbraith, O capitalismo americano, tradución de Jaume Berenguer Amenós ao castelán, Ariel, Barcelona, 1968.
  • Jack Goody, Capitalismo e modernidade, tradución de Cecilia Belza ao castelán, Crítica, Barcelona, 2005.
  • Friedrich Hayek, Thomas Ashton, Louis Hacker, Ronald Hartwell, Bertrand de Jouvenel e William Hutt, O capitalismo e os historiadores, Unión Editorial, Madrid, 1997 (1963).
  • Rodney Hilton, A transición do feudalismo ao capitalismo, tradución de Doménec Bergada ao castelán, Crítica, Barcelona, 1987.
  • Joseph Lajugie, Os sistemas económicos, Eudeba, Buenos Aires, 1960 (1957).
  • Fernando Luengo Escamilla, Mercado de traballo e competitividade nos capitalismos emerxentes de Europa Central e Oriental, Editorial Complutense, Madrid, 2003.
  • Ludwig von Mises, Seis leccións sobre o capitalismo, Unión Editorial, Madrid, 1981 (1959, 1979).
  • Ayn Rand, Alan Greenspan, Robert Hessen e Nathaniel Branden, Capitalismo: o ideal descoñecido, Grito Sagrado, Bos Aires, 2007 (1946).
  • Joseph Schumpeter, Capitalismo, socialismo e democracia, Aguilar, México, 1952.
  • Arthur Seldon, Capitalismo, Unión Editorial, Madrid, 1994.
  • Jesus Seminario, O capitalismo peruano español, Editorial Bruño, Nova York, 2006.
  • Hernando de Soto, O misterio do capital, Península, Barcelona, 2001.
  • Gabriel Tortella, As orixes do capitalismo en España: banca, industria e ferrocarrís no século XIX, Tecnos, Madrid, 1973, reed. 1995.
  • Max Weber, A ética protestante e o espírito do capitalismo, Alianza Editorial, Madrid, 2001.

Outros artigos

Adam Smith

Adam Smith, nado en Kirkcaldy en 1723 e finado o 17 de xullo de 1790, foi un economista e filósofo escocés, considerado un dos maiores expoñentes da economía clásica.

Adam Smith baseaba o seu ideario no sentido común. Fronte ao escepticismo, defendía o acceso cotián e inmediato a un mundo exterior independente da conciencia. Este pensador escocés cría que o fundamento da acción moral non se basea en normas nin en ideas nacionais, senón en sentimentos universais, comúns e propios de todos os seres humanos.

Anticapitalismo

O anticapitalista refírese á oposición, total ou parcialmente, ó capitalismo. O termo abrangue unha extensa colección de ideoloxías. En xeral, algúns anticapitalistas poden estar a favor dalgún tipo de colectivismo ou comunitarismo económico ou social, mais non todos e non necesariamente (existen anticapitalistas que defenden diferentes niveis de propiedade privada).

Comunismo

O comunismo é un sistema social, así como tamén un modo de organización socioeconómica, caracterizado pola propiedade en común dos medios de produción, a ausencia de propiedade privada nos medios de produción e a inexistencia de clases sociais e dun Estado.O comunismo como proxecto de socialización dos medios de produción xurdiu no século XVI baixo a forma de diversas utopías baseadas no colectivismo agrario. As máis coñecidas foron a obra Utopía de Tomás Moro e a ideoloxía revolucionaria babuvina que derivou do movemento xacobino da Revolución francesa. O ideario comunista converteuse a comezos do século XIX nun complexo proxecto económico industrial grazas ás diferentes correntes do chamado socialismo utópico, do anarcocomunismo e as ramas obreiras do comunismo cristián. O actualmente máis coñecido destes movementos foi o que adoptou a escola do denominado socialismo científico dos pensadores alemáns Karl Marx e Friedrich Engels, baixo a cal sería rebautizado como Liga dos Comunistas. Pola influencia da súa obra, o movemento comunista adoptou unha interpretación revolucionaria da historia e a forma de partido político, converténdose logo nunha organización internacional unificada baixo a doutrina marxista.

Segundo o marxismo, a historia é entendida como un permanente conflito polo excedente material, cuxo inicio se debe á aparición da propiedade. As diferentes formas de propiedade poñen fin ao comunismo primitivo e estratifican á sociedade en clases de acordo ás súas relacións de produción. As diferentes relacións de produción que vinculan aos homes e mulleres requiren da explotación, e estas relacións xeran co tempo as condicións para ser substituídas por outras formas de explotación superiores, nunha secuencia revolucionaria de modos de produción. En cada un destes modos desenvólvese unha loita de clases interna entre os diferentes tipos de traballadores e explotadores que os integran, e que se resolve co xurdimento de novas clases dominantes. Con todo, a sociedade capitalista xera unha serie crecente de crises internas e cíclicas que só poden ser resoltas polos seus traballadores asalariados nunha revolución proletaria, que require á súa vez da construción do comunismo. Para chegar a este fin debe organizarse un partido comunista que conquiste o poder político liderando unha fase de transición na que o Estado funcione como unha ditadura do proletariado. Este período termina cando desaparecen as clases sociais, o cal leva a que o Estado, de acordo á súa concepción como ferramenta de dominación dunha clase sobre a outra, deba extinguirse. A esta transición séguenlle inmediatamente dous períodos no desenvolvemento do comunismo: unha primeira fase e unha fase superior. Existen discrepancias cruciais entre as diferentes correntes do marxismo sobre cal debería ser a natureza de cada unha destas tres fases.

Das Kapital

Se procura o artigo sobre o grupo de música, vexa Das Kapital (grupo)

Das Kapital (O capital) é unha obra de económica política de Karl Marx publicada en 1867 e escrita en alemán. Nela realiza unha análise crítica do capitalismo e senta as bases para un modelo de socialismo.

Para Marx, a necesidade primaria do capitalismo, en tanto suxeito da historia, é a plusvalía, a diferenza entre o valor da forza do traballo e o valor das mercadorías producidas por esa forza de traballo. Só a través da produción de plusvalía o diñeiro pode converterse en capital, polo que a base do capital está na explotación da forza de traballo como mercadoría.

Democracia cristiá

A democracia cristiá é unha ideoloxía política que existe desde os derradeiros anos do século XIX, cando o papa León XIII escribiu a encíclica Rerum Novarum, unha resposta ó socialismo e ós novos sindicatos na cal o Vaticano recoñeceu as privacións do traballador e se dispuxo a alivialas.

A Igrexa Católica aclarou a súa posición ó respecto na Quadragesimo Anno, unha encíclica feita polo papa Pío XI en 1931. Aínda que hai moitas formas de democracia cristiá, xeralmente están de acordo en certas materias. A súa idea do Estado non corresponde á dos liberais: debe ser descentralizado e estar composto de varios conxuntos, pero debe ter unha capacidade indiscutible. Os demócratas cristiáns cren que a sociedade debe ser responsable pola economía, pero non discuten os principios do capitalismo. A democracia cristiá seméllase máis ó socialismo cristián en que cre que o deber do Estado é coidar polos seus cidadáns.

Os democristiáns xeralmente seguen a posición do Vaticano en temas morais. Non obstante, a maioría deles aceptan o divorcio e o goberno secular.

A democracia cristiá foi máis prominente en Italia, Alemaña e Sudamérica, destacando Chile, país que tivo tres presidentes desa tendencia: Eduardo Frei Montalva (1964-1970), Patricio Aylwin Azócar (1990-1994), Eduardo Frei Ruiz-Tagle (1994-2000).

O partido político que actualmente controla Turquía pódese describir como democracia musulmá.

Ditadura do proletariado

A ditadura do proletariado é un termo empregado polos postulado polo marxismo para referirse ó estado de transición revolucionaria entre o capitalismo e a sociedade comunista. O termo non se refire a unha concentración de poder nun ditador, senón a unha situación na que o proletariado ten o poder e substitúe o sistema político controlado pola burguesía (ditadura da burguesía). Esta etapa de transición é denominada tamén por moitos marxistas como socialismo.

Estado socialista

Denomínase Estado socialista (ou república socialista) a aquel que se proclama pertencente ao socialismo, como sistema económico e social, incluíndo a propiedade estatal ou cooperativa dos medios de produción e do chan, aínda que existiron grandes diferenzas de concepto entre estados caracterizados por si mesmos como socialistas, os cales, por razóns xeopolíticas (ou no caso da Unión Soviética de loitas polo poder), terminaron por adoptar na súa gran maioría o sistema coñecido como socialismo nun só país, segundo as ideas e prácticas políticas defendidas por Stalin e outros seguidores. Adóitase falar de estados nominalmente socialistas en referencia ás chamadas democracias populares que teñen ao marxismo-leninismo ou algunha das súas interpretacións como ideoloxía oficial, e nunca de países capitalistas gobernados por partidos socialdemócratas, aínda que estes en moitos casos se autodenominen socialistas.

Foron así mesmo cualificados co nome de socialismo real ou socialismo realmente existente co fin de diferencialos das construcións teóricas e xustificar as diferenzas con estas e con partidos ou grupos que puidesen considerarse socialistas pero opostos a este tipo de réximes. Outras denominacións que tamén se empregaron para referirse a eles a tal fin, en especial en círculos trotskistas, comunistas e libertarios, son as de Estado obreiro con deformacións burocráticas e, en termos máis estritamente económicos, capitalismo de Estado. Tampouco é raro velos englobados dentro conceptos como o de stalinismo ou maoísmo.

Ás veces tamén se emprega o nome Estado comunista, usado pola prensa capitalista durante a guerra fría en referencia ao sistema de partido único e o goberno do Partido Comunista. Esta denominación é en realidade un oxímoro, posto que a teoría marxista expón ao socialismo como fase seguinte ao capitalismo e previa ao comunismo, en que o Estado deixaría de existir. Case todos estes estados destacaron o seu carácter socialista no seu nome oficial e catro do cinco que hoxe existen ségueno facendo. Así é que moitos destes estados conteñen os adxectivos popular, socialista e democrático na súa denominación. Existen tamén estados que conteñen estes termos no seu nome aínda que non adopten ese sistema, como a República Democrática Socialista de Sri Lanka ou a República Democrática Popular de Alxeria.

Etnia

Un grupo étnico é un grupo de persoas que se identifican unhas coas outras, ou son identificadas como tal por terceiros, con base en semellanzas culturais ou biolóxicas, ou ambas, reais ou presumidas. Tal como os conceptos de raza e nación, o de etnicidade desenvolveuse no contexto da expansión colonial europea, cando o mercantilismo e o capitalismo promovían movementos globais de poboacións ao mesmo tempo que as fronteiras dos estados eran definidas máis clara e rixidamente. No século XIX, os estados modernos, en xeral, procuraban lexitimidade reclamando a representación de nacións. Mentres, os estados-nación inclúen sempre poboacións indíxenas que foron excluídas do proxecto de construción da nación, ou recrutan traballadores do exterior das as súas fronteiras. Estas persoas constitúen tipicamente grupos étnicos. Consecuentemente, os membros de grupos étnicos acostuman concibir a súa identidade como algo que está fora da historia do estado-nación – quer como alternativa histórica, quer en termos non-históricos, quer en termos dunha ligazón a outro estado-nación. Esta identidade expresase moitas veces a través de "tradicións" variadas que, aínda que sexan frecuentemente invencións recentes, apelan a unha certa noción de pasado.

Os grupos étnicos ás veces son suxeitos ás actitudes e ás accións preconceituosas por parte do Estado ou polos seus membros. No século XX, os pobos comezaron a discutir que conflitos entre grupos étnicos ou entre membros dun grupo étnico e o estado poden e deben ser resolvidos de dúas maneiras. Algúns, como Jurge Habermas e Bruce Barry, discutiron que a lexitimidade de estados modernos debe ser baseada nunha noción de dereitos políticos para suxeitos individuais autónomos. De acordo con este punto de vista o estado non pode recoñecer a identidade étnica, nacional ou racial e debe preferibelmente reforzar a igualdade política e legal de todos os individuos. Outros, como Charles Taylor e William Kymlicka argumentan que a noción do individuo autónomo é ela propia unha construción cultural, e que non é nin posíbel nin correcto tratar pobos como individuos autónomos. De acordo con esta opinión, os estados deben recoñecer a identidade étnica e desenvolver procesos nos cales as necesidades particulares de grupos étnicos posan ser levadas en conta no contexto dun estado-nación.

Exército Vermello

Exército Vermello de Traballadores e Labregos (RKKA, do ruso Рабоче-крестьянская Красная армия, Raboche-krestianskaya Krasnaya armia) foi a denominación oficial das forzas armadas organizadas polos bolxeviques durante a guerra civil rusa en 1918. Esta organización converteuse no exército da República Socialista Federativa Soviética de Rusia trala Revolución de Outubro e da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas trala súa creación en 1922, formando o maior exército do mundo dende os anos 1940 até a disolución da Unión no nadal de 1991.

O nome, abreviado xeralmente a Exército Vermello, fai referencia ó sangue derramado pola clase obreira na súa loita contra o capitalismo. Malia que o Exército Vermello converteuse oficialmente no Exército Soviético en 1946, o termo Exército Vermello é de emprego común en Occidente para referirse a tódalas Forzas Armadas soviéticas ó longo da súa historia.

O Exército Vermello está acreditado como a forza terrestre decisiva na vitoria Aliada na Segunda Guerra Mundial. Durante as operacións na Fronte Oriental, loitou contra o 75%–80% das forzas terrestres alemás (Wehrmacht Heer e Waffen-SS) dispostas na guerra.

Ilustración

A Ilustración é a corrente intelectual de pensamento que se desenvolveu en Europa no século XVIII baseada no corpo doutrinal dun grupo de filósofos, na súa maioría franceses, que facía énfase na razón e na ciencia como formas de explicar o universo. Foi un dos movementos impulsor do capitalismo e da sociedade moderna. Tivo unha dinámica rápida nos países protestantes e máis lenta nos demais estados da Europa.

Italia

Italia ( pronunciación ) (en italiano: Italia, [iˈtaːlja] (AFI), escoitar), oficialmente República Italiana ( pronunciación ) (en italiano: Repubblica Italiana), é unha república parlamentaria cuxo territorio está en Europa meridional (99,97%) e no norte de África (0,03%). O territorio europeo confórmano a maior parte da península Itálica, o val do río Po e dúas grandes illas no mar Mediterráneo: Sicilia e Sardeña. O territorio africano fórmano as pequenas illas de Lampedusa, Lampione e Pantelaria.

No norte está flanqueado polo arco alpino onde limita, de leste a oeste, con Eslovenia, Austria, Suíza e Francia. O resto do territorio está circundado polos mares Lígur, Tirreno, Xónico e Adriático. Os pequenos estados da Cidade do Vaticano e San Marino son enclaves dentro do territorio italiano. Á súa vez Campione d'Italia é un concello italiano que forma un pequeno enclave en territorio suízo. A superficie total é de 301.340 km2, cunha poboación de 60,8 millóns de habitantes. A súa capital desde os tempos do Imperio romano é Roma, e foi durante séculos o centro político e cultural da civilización occidental

Ten sido o fogar de moitas culturas europeas coma a civilización de Nuraga, os etruscos, os gregos e os romanos. Despois da caída do Imperio Romano de Occidente, a Italia medieval foi invadida e sometida á dominación de pobos xermánicos coma os Ostrogodos, os Longobardos e os Normandos. Isto non impediu que a Península, coa revitalización comercial das comunas medievais, chegara a se-lo berce do capitalismo. No século XV, coa difusión do Renacemento por toda Europa, convértese no centro cultural do mundo occidental; mais despois das guerras do século XVI cae baixo a soberanía de potencias estranxeiras, coma Francia, España e Austria. Durante o Risorgimento combate pola independencia e pola unidade, ata que en 1861 foi proclamado o Reino de Italia. A ditadura fascista, iniciada en 1922, rematou coa derrota na segunda guerra mundial e a guerra de liberación. En 1946, logo dun referendo institucional, o Estado italiano convértese nunha república parlamentaria regulada pola Constitución de 1948.

No 2014 Italia, oitava potencia económica mundial e cuarta europea, é un país cun elevado nivel de vida: o índice de desenvolvemento humano é moi alto, 0,872, e a esperanza de vida é de 82,4 anos. É membro fundador da Unión Europea, da OTAN, do Consello de Europa e da OCDE; adherido á ONU e ó tratado de Schengen. É ademais membro do G7, do G8 e do G20; participa no proxecto Nuclear Sharing da OTAN, é unha gran potencia rexional europea, capaz de exercer influencia política sobre opcións e decisións de orde extraeuropeo e internacional, e está en novena posición do mundo por gasto militar. En Roma teñen a súa sede numerosas organización internacionais coma a Organización para a Agricultura e a Alimentación, o Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola, o Glocal Forum ou o Programa Mundial de Alimentos.

Italia posúe o maior número de sitios declarados patrimonio da Humanidade pola UNESCO. É o quinto país do mundo e terceiro da Unión Europea que máis turistas recibe por ano, sendo Roma a terceira cidade máis visitada. Outras cidades importantes son Milán, centro industrial e finaceiro, e, segundo o "Global Language Monitor", a capital da Moda; Turín, centro da industria automobilística e do deseño industrial, Boloña, coa universidade máis antiga do mundo; as cidades históricas de Venecia, Florencia e Nápoles etc.

Karl Marx

Karl Heinrich Marx (pronunciado: [kaːɐ̯l ˈhaɪnʀɪç ˈmaːɐ̯ks]), nado en Tréveris o 5 de maio de 1818 e falecido en Londres o 14 de marzo de 1883, foi un filósofo, economista, politicólogo, sociólogo, xornalista e socialista revolucionario prusiano. Procedente dunha familia de clase media, estudou economía política e a filosofía hegeliana. Como adulto, Marx volveuse apátrida e pasou a maior parte da súa vida en Londres onde continuou a desenvolver o seu pensamento en colaboración co alemán Friedrich Engels e publicou varias obras, a máis coñecida sendo o panfleto de 1848 O manifesto comunista. O seu traballo dende entón influíu a historia intelectual, económica e política subseguinte.

As teorías de Marx sobre a sociedade, a economía e a política —colectivamente coñecidas como marxismo— sosteñen que as sociedades humanas se desenvolven a través da loita de clases; no capitalismo, esta maniféstase no conflito entre a clase dominante (coñecida como burguesía) que controla os medios de produción e a clase obreira (coñecida como proletariado) que activa eses medios de produción vendendo a súa forza de traballo por un salario. Empregando un enfoque crítico denominado materialismo histórico, Marx prediciu que, ao igual que os sistemas socioeconómicos anteriores, o capitalismo producía tensións internas que o conducirían á súa autodestrución e á substitución por un novo sistema: o socialismo. Para Marx, a loita de clases baixo o capitalismo, debido en parte á súa inestabilidade e a súa natureza propensa á crise, podería acabar no desenvolvemento da conciencia de clase por parte da clase obreira, conducindo á súa conquista do poder político e finalmente o establecemento dunha sociedade sen clases e comunista constituída por unha asociación libre de produtores. Marx loitou activamente pola súa introdución, argumentando que a clase obreira debería levar a cabo unha acción revolucionaria organizada para derrocar o capitalismo e traer consigo a emancipación socioeconómica.Marx foi descrito como unha das figuras máis influentes da historia humana e o seu traballo foi tanto gabado coma criticado. A súa obra sobre economía estableceu a base para a meirande parte do coñecemento actual sobre a forza de traballo e a súa relación co capital, e o pensamento económico posterior. Moitos intelectuais, sindicatos obreiros, artistas e partidos políticos mundiais foron influenciados polo traballo de Marx, con moitas ideas modificadas ou adaptadas. Marx é tipicamente citada como un dos principais arquitectos da ciencia social moderna.

Leninismo

Coñécese como leninismo o conxunto de teorías políticas, económicas e filosóficas desenvolvidas polo líder bolxevique Vladimir Ilich Lenin dentro do marxismo.

Liberalismo

O liberalismo é unha corrente de pensamento filosófica e unha ideoloxía que ten a liberdade e igualdade fronte á lei como o principais valores políticos e baséase nunha fe optimista na natureza e na súa crenza da razón, ten a súa orixe na Ilustración europea e enfatiza os dereitos individuais, preconiza unha sociedade baseada na liberdade de pensamento, na limitación do poder, no goberno da lei, no libre mercado que soporte a empresa privada e nun sistema transparente de goberno no cal se protexan os dereitos de todos os cidadáns. O radicalismo é unha ideoloxía liberal progresista nalgúns países difícil de distinguir dos liberalismo clásico.

Mercado libre

O mercado libre é o sistema no que o prezo dos bens ou servizos é acordado polo consentimento mutuo dos vendedores e dos compradores mediante as leis da oferta e a demanda. O concepto oponse ao de mercado regulado, onde o goberno controla as fontes de subministracións, os prezos ou a produción. Se en lugar do goberno son unha ou varias empresas as que controlan algunha deste tres cosas falarase de monopolio ou oligopolio, respectivamente.

Aínda que na situación de libre mercado o goberno non fixa ou regula os prezos, a implantación efectiva do libre mercado require que entre os participantes da transacción comercial non haxa coerción, nin fraude, de modo que todas as transaccións sexan moralmente voluntarias e tamén que exista información perfecta e outras condicións que garantan a competencia perfecta.

Minarquía

Minarquismo ou minarquia é unha teoría política que di que a función do Estado é asegurar os dereitos negativos da poboación, isto é: impedir a coerción física da poboación. É dicir, están entre as funcións do Estado a promoción da seguridade, da xustiza e do poder da policía, alén da creación da lexislación necesaria para asegurar o cumprimento destas funcións. Un Estado con estas funcións tería de taxar o pobo en 3% ou 6% no máximo. Un exemplo diso foi o que ocorreu nos EUA durante o século XIX, cando a carga tributaria xirou en torno de 3%, aínda que este país non fose exactamente minarquista na época.

Os defensores do minarquismo son contrarios a Estados con grande peso na economía e defenden un capitalismo do tipo laissez-faire.

Diferenciase do anarco-capitalismo porque este último non admite nin mesmo un Estado mínimo, xa que acredita que é imposíbel frear as forzas de expansión do Estado nas minarquías, que acabarían evolucionando cara un Estado tradicional. De calquera modo, as diferenzas entre minarquistas e anarquistas liberais é apenas teórica. Na práctica política, as dúas correntes rumban na mesma dirección (isto é, na dirección da redución do tamaño do Estado).

Neoliberalismo

O neoliberalismo é unha corrente de pensamento que fai referencia a unha política económica con énfase tecnocrático e macroeconómico que pretende reducir ao mínimo a intervención estatal en materia económica e social, defendendo o libre mercado capitalista como mellor garante do equilibrio institucional e o crecemento económico dun país, salvo ante a presenza dos denominados fallos do mercado.

Plusvalía

Plusvalía, de acordo co marxismo, é a diferenza entre o valor de produción da forza de traballo do traballador e o valor xerado por esta forza de traballo. No capitalismo este excedente é apropiado polo capitalista e forma a base da acumulación capitalista.

Socialdemocracia

A socialdemocracia é unha ideoloxía política que xurdíu a finais do século XIX e principios do XX do seo do marxismo, crían que a transición a unha sociedade socialista podería lograrse mellor mediante unha evolución dentro da democracia representativa que mitigara os efectos do capitalismo antes que por algún outro método. Os socialdemócratas pretenden reformar o capitalismo democráticamente mediante a regulación estatal e a creación de programas e organizacións patrocinados polo Estado para aliviar ou quitar as inxustizas que eles pensan son inflixidas polo sistema capitalista de mercado.

Con anterioridade, describirase aos socialdemócratas como socialistas reformistas (dado que avogaban polo desenvolvemento do socialismo a través de reformas parlamentarias graduais) en contraste cos socialistas revolucionarios, que pretendían acadar o socialismo mediante unha revolución obreira ou caso contrario por medio dunha evolución extraparlamentaria non estatal. A socialdemocracia tamén aborda os temas valóricos desde un prisma progresista. É o sector da esquerda partidista máis importante do mundo contemporáneo.

Con frecuencia, utilízanse os termos "socialismo" ou "socialista" en referencia á socialdemocracia e aos socialdemócratas, aínda que o concepto "socialismo" é máis amplo, xa que en diferentes países poden incluír a socialistas democráticos, marxistas, comunistas e anarquistas. Mentres algúns consideran á socialdemocracia unha forma moderada do socialismo, outros, definindo o socialismo no significado tradicional ou marxista, rexeitan esta designación

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.